Xacemento arqueolóxico Punta Penencia. Fonta, Doniños

06/04/2024, Xabier Monteiro Graña

​​

O xacemento está situado no extremo sur da praia (Doniños), próximo a ribeira do mar en Punta Penencia, na parte mais alta e central do monte nun espazo de campo chá a unha cota de 25 m sobre o nivel do mar. Presenta un conxunto de chantas deitadas no chan nun espazo que se ve moi degradado. Cara o sur e ao leste se divisan os montes do Pieiro (Cabo Prioriño Grande), Monte Ventoso, monte da Croa de Fontá e montes de Campaíñas en Valón, alturas que impiden a vista do horizonte neste arco; e na cara oeste esta aberta ao mar (Atlántico). Na cara norte se visualizan a praia do Outeiro a Punta de Lobadíz e as illas Gabeiras.

 

Fig. 1.- Xacemento de Punta Penencia. Posible Circulo Lítico (Crómlech)
Fig. 1.- Xacemento de Punta Penencia. Posible Circulo Lítico (Crómlech)

 

Actualmente o conxunto está formado por seis chantas. A disposición e poligonal tendendo a circular ou elíptica; no centro existen vestixios do que parece ser unha cámara funeraria (arca, como se denominan nesta zona de Doniños). A primeira vista parecen os restos dun posible Circulo Lítico (Crómlech) dun diámetro de 9 m de lonxitude L-O, e 6/9 m de ancho N-S; as chantas son de pedra de granito local, varían entre 0,70 e 1,50 m de lonxitude, están lixeiramente labradas e semellan extraídas das inmediacións, xa que o cantil e todo de rocha de este tipo (rochas graníticas hercínicas / granitos postectónicos. Granito de dúas micas). No seu orixe formaban o círculo mais chantas (antas / pedrafitas / menhires) fincadas de pe, actualmente tombadas. Hoxe parecen faltar algunhas, sobre todo na cara sur. A forma das chantas é irregular e están rematadas en semicírculo ou apuntadas. O xacemento está moi degradado, o que dificulta súa identificación a non ser pola súa situación privilexiada similar a dos anteriores Círculos líticos de Covas (Pedrouzo) e Outeiro (Punta do Coído-Doniños). A imaxe de satélite (unha vez eliminada a vexetación) mostra claramente a disposición circular das chantas. Ver figuras.

 

Fig. 2 Imaxe tomada do satélite Google-Earth. Disposición das seis chantas en forma circular. Dirección das saídas e postas do Sol nos solsticios e equinoccios
Fig. 2 Imaxe tomada do satélite Google-Earth. Disposición das seis chantas en forma circular. Dirección das saídas e postas do Sol nos solsticios e equinoccios

 

Por esta zona (Punta Penencia) hai restos de pequenos túmulos (arcas) da prehistoria recente moi degradados; e tamén é de indicar a presenza dunha anta, posible menhir, cunha talla en forma de pico de ave (Ídolo protector?) que puidera non ser natural, situado na ribeira do mar na mesma esquina da praia. Como os círculos líticos anteriores de Covas e o Outeiro foron alterados desde moi antigo pola actividade agrícola e destruídos na cristianización e polos buscadores de tesouros.

 

Fig. 3.- Anta (menhir) na ribeira da praia de Doniños. Pedra do Pichón
Fig. 3.- Anta (menhir) na ribeira da praia de Doniños. Pedra do Pichón

 

 

Arqueoastronomía

Desde este lugar os montes da cara Leste mencionados anteriormente impiden ver a saída do sol no horizonte, mentres as postas si son visibles por estar a nivel do mar; o mal estado do conxunto e a falta de varias chantas impide saber si foron usadas como referencia das principais posicións solares (ortos / ocasos de equinoccios e solsticios). Na cara Leste, as saídas do sol no solsticio de verán están no Coto de Valón (As Canpaiñas) e no solsticio de inverno no Coto do Confurco; nos equinoccios a saída é na Croa de Fontá. As postas de estes tres puntos son ben visibles, están no mar (Atlántico) na liña de horizonte onde o horizonte local real e aparente practicamente coinciden.

Según se desprende dos estudios xeolóxicos, hai 5.000 anos (prehistoria recente) o nivel do mar estaba 4 ou 5 m mais baixo que actualmente, polo que a liña de costa estaba mais lonxe, e a punta do cabo Prioriño mais metida no mar, e é probable que a posta de sol no solsticio de inverno, vista desde este lugar, coincidira exactamente nesta punta, sendo unha posición moi doada de visualizar e recordar. Na figura 2 poden verse as direccións das saídas e postas do sol nos solsticios i equinoccios tomando como referencia o observador preto da arca central do xacemento.

Situación: 43° 29' 12.331" Latitude N e 8° 19' 27.177" Lonxitude O. A altura máxima de esta zona está en Monte Ventoso con 245 m dacordo cos datos tomados en abril do ano 2020.

 

Fig. 4. Xacemento vista cara a oeste, das seis chantas e arca central
Fig. 4. Xacemento vista cara a oeste, das seis chantas e arca central

 

 

Función

Todo o dito para os Círculos líticos anteriores (Outeiro e Pedrouzo/Covas) vale para este de Penencia (Fontá/Doniños).

 

Datación

A construción dos círculos líticos (Crómlech) en toda Europa (península Ibérica / Galicia) están relacionados coas necrópoles megalíticas e calcolíticas da prehistoria recente están datados entre o 1.000 e 3.500 anos a.C. pero a maioría se sitúa entre o 1.000 e 2.500 a.C. Algúns deles seguiron en uso na idade do Ferro.

 

Toponimia da zona

Praia de Doniños, Fontá, Punta Penencia, Monte da Cruz, Monte Ventoso, Lombo da Besta, Confurco, Lume Bou, A Croa, (Castro da Croa de Fontá), Tralocastro, Lago de Doniños.

Moi próximas a este lugar, nun radio aproximado de 500/1.000 m na aba de Monte Ventoso están as arcas (cámaras funerarias e medorras), perfectamente definidas na toponimia, probablemente destruídas ou cubertas de vexetación, son: A Arca, Arca Cavada, Capilla e Troja, e ademais pedras figurativas (ou posibles antas / menhires) como son: Pedra de Villamil, Pena Arrincada (debaixo do Castro da Croa de Fontá / Tralocastro), Pena Roiba, Pena Boa, Pedra Cabalgada, Pena do Raposo e Pedra Mosquenta. O Castro da Croa de Fontá está a 1,24 km, o Castro de Lobadiz a 2,45 km, Monte Ventoso a 860 m e o Lago de Doniños a 854 m .

 

Fig. 5.- Esquema da posición dos tres Círculos Líticos na ribeira do mar
Fig. 5.- Esquema da posición dos tres Círculos Líticos na ribeira do mar

 

O lugar foi ocupado desde finais dos anos sesenta por campistas, vehículos (todo terreo), furgonetas, veraneantes, visitantes, etc. que degradaron en gran medida toda esta zona natural.

Este xacemento sería o terceiro situado na beiramar de características similares aos anteriores círculos líticos de Covas e do Outeiro, aos cales hai que referirse para completar a información de este texto. Por ser un elemento patrimonial é necesario un estudio profesional que o defina e o poña en valor.

Nos últimos trinta anos co uso de tractores e pas mecánicas no traballo dos terreos e ancheamento de camiños, pistas forestais, novas construcións, etc. foron destruíndo un bo número de xacementos arqueolóxicos de todo tipo neste concello ferrolá. Hai que recordar a necesaria sinalización e protección de todos os xacementos da contorna que forman parte da arqueoloxía da paisaxe e da paisaxe "sacra" dos nosos antepasados e da historia mais antiga.

<< Volver