Andar á rebusca e á compilación de vocábulos é labor que levo desenvolvendo máis de media vida. Mais neste labor, admito, talvez me faltase certa sistematicidade, o rigor necesario, dado que o entretemento foi case o que primou desde un principio. Non obstante a curiosidade, ben que implícita nesta procura, ten pulado de min para finalmente ter tomado por ese ensarillado camiño da formación filolóxica. Sorte de totum revolutum en que un acaba por saber moitas cousas relativamente prácticas para a súa función e desempeño laboral; e outras non tanto, que serven máis ben para poder apazugar o noso ánimo lingüístico, sempre inquieto. De forma que quero aquí, outra volta máis, presentarlles unha lista de palabras comentadas que, xulgo, algunha curiosidade han de encerrar, quer para min, quer tamén para vostedes. Voces, en ocasións, cunha certa singularidade e presentes na nosa comarca, mais de cuxo grao de viveza non podo xa facer unha valoración, considerando o transo polo que a nosa lingua en xeral está a pasar nestes últimos tempos.
Xa, sen máis dilación, ofrézolles pois unha posíbel clasificación destes vocábulos de que lles quero falar, facendo unha estimación de se, en maior ou menor grao, son modismos ou formas que garden unha certa especificidade comarcal. Así pois, estabelecendo por tanto catro apartados, e con todas as reservas que puidesen ser colocadas ao respecto, é desta maneira que organizarei a explicación destas palabras:
- Variantes
- Diferente significado ao dos dicionarios
- Específicas
- Usos curiosos e cunha relativa especificidade
1. VARIANTES
Presentamos aquí cinco voces, amarar, toupenear, ullar, zanicote e zarcio, que podemos entender como variantes (acaso formas parónimas) das talvez máis frecuentes amarear, troupelear, anllar, zanicoto e zarzo respectivamente. Dicimos “talvez” por aquilo de que o dicionario é quen costuma fixar o léxico, ora saibamos que dificilmente os dicionarios traian todas as palabras que poidan existir nunha lingua. Así pois, das nosas cinco comarcais (en cursiva e negra), neles aparecen só dúas e marxinalmente. Eilas:
Amarar:
Este vocábulo, se ben serviu para ilustrar unha conversa con meu pai acerca do difícil que é botar as patacas cando o terreo non acaba de absorber toda a auga de chuvia, tamén valeu para me facer reflexionar acerca da posibilidade de que amarar puidese proceder da voz mar. Así que indo aos dicionarios para verificar a existencia ou non de dito vocábulo
—nos máis básicos de Xerais, Galaxia ou Santillana—, estes acabáronos por remitir a unha única acepción que pouco tiña a ver co que, meu pai neste caso, me viñera a dicir. A voz amarar, por tanto, é recollida, mais cunha única acepción, a que ten que ver con se vir a pousar unha aeronave sobre a superficie da auga. Quérese dicir, os avións aterran, no caso de se producir sobre a terra, ou amaran, no caso de se producir sobre o mar ou a auga en xeral.
Porén, a miña pescuda non podía acabar aí, e no Dicionário da Língua Galega de Isaac Alonso Estravís (DLGIAE) creo ter achado a solución máis acaída á miña busca. Na terceira das acepcións da entrada amarar, fálasenos dun verbo reflexivo cuxo significado vén ser o de encherse de auga algo, aínda que sen facer tampouco moitas máis aclaracións ao respecto. Mais no Grande Dicionario Xerais da Lingua (GDXL) aparece, no entanto, a forma amarear. Esta, segundo o tal dicionario, refírese a un verbo transitivo cuxo significado é o de atoarse un lugar ou un conduto por mor da terra arrastrada pola auga.
Quer unha forma (amarar), quer outra (amarear), o caso é que ambas parecen partillar espazos de significado comúns para esta acepción, ora sen o facer plenamente. O que fica medianamente claro é que o sentido para o meu pai, o do verbo amarar, ten que ver co de que a terra se encharque e non dea absorbido a auga de máis que hai nela.
Toupenear:
O Dicionario Galego-Castelán de Xosé Luís Franco Grande (DGCFG) recolle esta mesma voz como variante de troupelear. A explicación que se nos dá é esta:
«v. andar haciendo ruido con los pies, como cuando se usan zuecos.»
O GDXL tamén a trae e, igualmente, como sinónima de troupelear. De feito, remite a esta entrada no caso de querermos saber acerca do seu significado.
Ullar:
No Diccionario Gallego-Castellano de Francisco Porto Rey, dísenos:
«anllar; lugar en que se amontoa a leña.»
No DGCFG, por súa vez, defínese como:
«s.m. Rincón de la cocina donde se tiene a mano la leña.»
Zarcio:
Ningún dos dicionarios consultados contén esta palabra. É variante da máis común zarzo, que si aparece recollida neles máis comunmente, a cal designa un tipo de terra arxilosa, de calidade ruín e de cor encarnada.
Zanicote:
Algún dicionario recolle a forma zanicoto1, cuxa forma máis habitual é a de coto. Referímonos a un anaco, trozo, resto, etc. dunha cousa, tamén dunha verza, hortaliza ou semellante que fica na terra unha vez foi arrincada. Tamén pode designar a parte da cana do millo que vai desde a espiga até o pendón.
2. DIFERENTE SIGNIFICADO AO DOS DICIONARIOS
Entrarei agora nunha serie de cinco palabras, todas elas recollidas por distintos dicionarios. A peculiaridade, porén, é que ditos significados non acaban de coincidir con ningún dos que logo lles hei de explicar. Pódese dar a circunstancia, nalgún caso, de haber algunha acepción (por razóns de polisemia ou homonimia) que veña a coincidir coa xeral, pero non será na que eu quixera facer fincapé. Ben ao contrario, desexo determe alí onde se acha a diferenza. Así pois, son as seguintes:
Auñar:
O significado xenérico na nosa comarca para este verbo é o de apresurarse, darse présa, e o seu uso é de carácter máis ben coloquial. Deste xeito, poderemos dicir:
«aúña que non damos chegado ao coche de liña.»
ou nestoutro exemplo:
«O Xoán apertáballe ao gas da Lambretta, cortando o ar con forza pola chaeira de Valón. auñara veloz pola subida de Montecoruto, apañando as voltas da estrada máis apresuradamente do que marcaban os sinais de tráfico.»2
Carolo:
A voz que máis comunmente serve para designar a substancia negra e pegañenta que fica impregnando as zonas que o fume está a tocar, por exemplo nas cambotas das lareiras. Quérese dicir, a feluxe, ou o sarrio, e outras cantas formas máis con que se lle pode chamar, é ao que nos estamos a referir con esta voz.
Chiolas:
É un adxectivo que serve para referirse a unha persoa apoucada e de pouco espírito, con pouca personalidade, vaia. Por exemplo, poderiamos dicir:
«Será chiolas o nacho. Mira que non se atrever a dicirlle nada, con tantas como lle leva feito.»
Limpeira:
Certo é que todos os dicionarios recollen esta voz na súa forma masculina, 'limpeiro'. E aínda gardando unha certa proximidade de significado, pois nunha das acepcións remite á idea dunha manta que ten como cometido protexer a limpeza dalgún obxecto ou material (GDXL), ou á de «Manta que se pone en la EIRA para recoger el trigo al aventarlo. ALIMPEIRO » (DGCFG), a nosa limpeira, no entanto, alude a unha malla ou rede de grande dimensión que se leva ao prado para ser depositada nela a herba que se cortou e que despois se ha de transportar como nunha sorte de saca, ben encima do carro, ben ao lombo dun burro ou dunha besta. Así pois, velaquí un exemplo:
«Bateu todo o que restaba de areal e sobordou canta caixa foi encontrando polo camiño. Non estaba seguro de poder cargar sobre o Nicolao tanta cousa como atopara. E este, apercibido de que o regreso había de ser longo e duro de máis, foi lixeiro a beber ao cano que verte no final da praia desde o monte da Lagoa. Mentres tanto, Venancio agardaba comprensivo a que o animal rematase de saciar a sede e comezar o labor de amontoamento do sobordado para logo cargalo nas limpeiras que trouxera preparadas.»3
Quico:
Estamos perante un substantivo que, outra volta, pode ser polisémico, sexa aquí ou en calquera outra zona do país, ao designar un tipo de 'polo' que aínda non chegou a adulto. Non obstante, eu quería determe nunha acepción completamente diferente e moi propia da xiria infantil ferrolá. E é que se lle daba o quico (falo en pretérito porque penso que a palabra xa debeu pasar a mellor vida) a aquela persoa, sempre home, que acababa de serlle cortado o pelo. Aqueles rapados que mesmo por veces ferían a dignidade do afectado, podían ser motivo de escarnio e até de humillación (non sempre) por medio dos tales quicos, que eran pancadas dadas na caluga ao tempo que se citaba a tal palabra.
3. ESPECÍFICOS
Deterémonos neste apartado a falar sobre dezaseis voces, ningunha delas (excepto algunha pequena reseña residual) presente nos dicionarios máis usuais. Unhas con moita presenza na nosa fala aínda, outras en estado comatoso, por non dicirmos mortas, porque non o podemos asegurar con rotundidade. Son as seguintes: esmolgadas, espeso ou espesa, espichalagartos, filusmía e pichanco, folecho, liquindó, marculiás, marruán, pachena, refollón, relos, roña, safar, transpintar e xurxa.
Esmolgadas (ás):
Trátase dunha locución adverbial que é equivalente a andar de esmorga ou de esmorgada—esta última presente só en DGCFG, como variante de esmorga— ou, dito doutro xeito, andar de troula ou de xolda, etc. Deste xeito, poderiamos dicir:
«Vaia cara que traedes. Seica andastes ás esmolgadas esta noite.»
Espeso /Espesa:
Trátase dun adxectivo, e pódese utilizar tanto en masculino como en feminino e, basicamente, só se usa en singular na acepción a que me quero referir. O significado, de primeiras, tamén pode ser o que xeralmente aparece en calquera outro dos dicionarios de lingua. Isto é, aquilo que posúe abundancia de elementos sólidos en algo líquido ou disolto nun líquido; ou ben, aquilo que, sendo sólido, está moi agrupado, xunto, moi pegado a outros elementos ou individuos formando un conxunto.
Pero, que é o que ten de particular esta palabra para na nosa zona se sentir diferente? Pois teno desde o punto e hora en que o tal adxectivo é tomado noutra acepción diferente, ou sexa, como sinónimo de 'abundante' ou 'abondoso'. Así pois, é de uso común e corrente, por exemplo, para a auga. Pero esta auga, contrariamente, non é porque conteña algo sólido en si, algún elemento sólido dentro dela e que o líquido se faga así espeso. É que a auga, propiamente ela, é espesa, quérese dicir, é simplemente abundante. Deste xeito, podemos dicir: “Onte choveu auga espesa”, e estarémonos a referir a que choveu unha grande cantidade de auga. Ou tamén podemos dicir: “No concerto de Bruce Springsteen había xente espesa”, e estarémonos a referir a que había moita cantidade de xente na actuación.
Espichalagartos:
Adxectivo que indica a calidade dunha persoa que é moi fraca e, por extensión, tamén de non moi bon aspecto. Nun certo sentido podería equivaler ás dúas voces que a continuación imos tratar, isto é, filusmía —así para masculino e feminino— e pichanco, e que é o mesmo que un 'pau de virar tripas', vaia:
«Parece un espichalagartos de fraco que está.»
Filusmía / Pichanco:
Como dixen na entrada precedente, pode chegar a equivaler a espichalagartos. Ora ben, tanto en filusmía como en pichanco, o que prevalece é a idea de persoa que é moi pouquiña cousa. Falamos dun ser pequeneiro, ou, dito doutro xeito, de pouca entidade física. Igualmente, poderiámolo substituír sinonimicamente por pismelga, tamén coñecido e de uso por estes lares, e que designa, segundo o DGCFG:
«adj. delgado, flacucho, de pocas carnes.»
Folecho:
Contrastado o seu significado entre os nosos maiores, tiramos en conclusión se tratar el dun peruco, quérese dicir, unha pera de pequeno tamaño, e sempre maduro. Os dicionarios traen esta voz como sinónimo de neno que é comellón e non se dá saciado; ou ben de certo tipo de fol ou saco pequeno de pel. A idea de sazón parece ser a que aquí, na nosa zona, prevaleza.
Liquindó:
Falamos dun substantivo que designa unha prenda de abrigo, xeralmente para a auga e o frío, máis ou menos longa ou de tres cuartos, e que viría sendo algo así como unha sorte de gardapó, gabán ou vestimenta semellante.
Marculiás:
Ningún dos dicionarios, que eu saiba, contén esta palabra. Nin sequera na páxina web de Dicionario de dicionarios (http://sli.uvigo.es/DdD/) podemos encontrar dita voz. Novamente foi meu pai quen me doou este vocábulo e explicoume que é unha planta que se utilizaba para varrer o forno. Con todo, e se buscardes en internet, eis o que podedes achar4 —titúlase
“MALAS HERBAS... NUNCA MORREN”:
«Imos comezar por un cuarteto clásico: labazas, marculiás, fariñentos e cabrifollos (terminoloxía empregada na zona das Mariñas). As primeiras son labazas, do peor que hai. Son moi correudas! Difíciles de arrancar e moi produtivas. Aquí temos un exemplar disposto para a invasión campestre coa semente a punto de viaxar polo aire para cumprir a súa misión.»
Marruán:
Estraña palabra, adxectivo ela, podémola encontrar tan só no Frampas, contribución al diccionario gallego, de Eligio Rivas Quintas, desta maneira:
«Sucio, puerco (el y ella). Aldosende, Paradela.»
Na nosa fala local, o termo marruán ten sentido bastante semellante ao indicado por Eligio Rivas Quintas. Tomamos un exemplo tirado de La Voz de Galicia do 26 de agosto de 2012, dun artigo escrito polo debuxante e humorista ferrolán Siro:
«As que non variaron son as aldraxes que os afeccionados que perden a chaveta dirixen a árbitros e xogadores do equipo contrario. As que un marruán dixo o xoves a Sergio Ramos por pisarlle unha man a Pedrito eran as mesmas que eu escoitara, hai cincuenta anos, no Inferniño. Tiña eu dez cando o campo de fútbol do Racing pasou a ser oficialmente o Estadio Municipal Manuel Rivera, pero os ferroláns, malia a admiración e o afecto que sentiamos polo gran xogador local, seguimos dicindo o Inferniño.»
Pachena:
É palabra substantiva. Literalmente podemos dicir que é sinónima de decúbito e, especificamente, de decúbito supino. Quérese dicir, que unha persoa está de pachena cando ela se encontra deitada horizontalmente e boca arriba, ou sexa, co corpo deitado sobre o lombo ou costas. Así pois, podemos dicir, por exemplo, “Non parou de roncar toda a noite porque durmiu de pachena”.
Refollón:
Non achei este substantivo por ningún dos dicionarios consultados. O máis aproximado encontreino no DLGIAE. Estoume a referir ao verbo 'refollar', o cal designa a acción de envolver en follas. Así pois, o refollón, como dicimos, ha de vir, case seguro, dese mesmo verbo. Aplícase á acción levada a cabo por un refacho de vento que, tras levantar do chan follas ou calquera outros obxectos leves, os fai bailar facendo un remuíño ou rodopío no ar ou a rentes do chan.
Relos:
É outro substantivo tamén. Nos distintos dicionarios recóllense moi diferentes acepcións a este respecto (sempre en singular, pode ser: 1. cocho que aínda mama; 2. canle que leva a auga á presa dun muíño; 3. certo tipo de insecto parecido ao grilo; 4. nome dun certo batracio; 5. cágado, cría de ra). Mais nada hai nos dicionarios a respecto desta mesma voz, sempre usada en plural na nosa comarca, e que vén ser unha sorte de formigo que fai que unha persoa non pare quieta, movendo espasmodicamente algunha parte do seu corpo, extremidades por exemplo. Pode ser sinónimo, igualmente, de bulebule, de persoa que non é capaz de acougar con facilidade. Así pois, é posíbel dicir: “Que che pasa que parece que tes os relos? Non paras quieto”.
Roña:
Trátase dun substantivo que na práctica totalidade dos dicionarios é recollido, sobre todo, a través de dúas ideas ou acepcións: 1. especie de sarna que ataca algúns animais, como ovellas ou cabalos; 2. capa de sucidade que se forma sobre algo; porcaría fortemente pegada sobre algo. Aínda que esta palabra, na nosa zona, remite tamén a certo tipo de crustáceo compacto e diminuto que, vivindo en colonias sobre as rochas da beiramar, se agarra a estas como unha sorte de lapa. Talvez se trate dunha acepción polisémica relacionada coa idea primeira que definimos arriba, e cuxa procedencia debemos buscala do latín vulgar *ronĕa-, alteración de aranĕa-, «herpes; sarna».
Novamente vai ser o DLGIAE o único que traia esta voz, a semellanza da acepción relacionada co crustáceo. Con todo, aparece como unha palabra composta, 'roña-do-mar', e a súa definición é a seguinte:
«Crustáceo máis coñecido por arneiro ou arneirón.»
A definición de 'arneiro', por súa vez, é a seguinte:
«Crosta que se forma nos cons que baña o mar e está composta de lodo e uns caracoliños informes que chaman arneirón.»
Efectivamente, a roña na nosa comarca vén ser o mesmo que Isaac Alonso Estravís nos está a definir aquí con respecto a esa 'roña-do-mar'.
Safar:
A particularidade deste verbo é que, aínda estando recollido nos dicionarios, aparece maiormente escrito como zafar e mesmo, como máis frecuente, na forma pronominal zafarse. No GDXL achámolo con s-, tanto na forma pronominal como non pronominal, ora nos remita á forma con Z- en ambos os casos para saber do seu significado. No Dicionario de Dicionarios5 aparece co significado de desembarazar, botar fóra; ou ben co significado de largarse, irse, escapulir, vémolo no Dicionario galego-castelán de Leandro Carré Alvarellos desde a 1ª edición até a última; no Diccionario galego da rima de José Ibáñez Fernández (1950); no Diccionario Enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González; no DGCFG; e no de Elixio Rivas Quintas, Frampas II, contribución al diccionario gallego.
O que nos chama poderosamente a atención é que, case sen dúbida, se estea a tomar esta voz con S- como se fose produto do seseo ou dunha anomalía talvez. De feito, dáse por mellor ou máis aceptada a forma grafada con Z- á grafada con s-, que só aparece marxinalmente e decote nos remite á anterior. Pero o máis curioso de todo é que continúa vivísima na nosa comarca (así con s-, ou sexa, dito safar), e territorialmente fóra da zona de seseo total —que corresponde ás comarcas da Costa da Morte ou das Rías Baixas—, pois só verificamos aquí a existencia de seseo parcial ou de final de sílaba (des por deZ, rapas por rapaZ, ves por veZ, por exemplo), mais unicamente en persoas maiores e, por tanto, en transo de desaparición.
Transpintar:
Verbo que designa o efecto de anubramento dos ollos ou de dobre visión ao fixar a vista sobre un obxecto, persoa ou o que for, cousa que pode chegar a producir no individuo sensación de mareo.
Xurxa
Trátase dun substantivo. Falamos dunha especie herbácea que nace espontaneamente, pero que, sobre todo, pode chegar a infestar os labradíos, como acontece co marculiás, de que falamos arriba. Logo, estamos en presenza dunha herba que se ten por prexudicial. No Frampas II, contribución al diccionario gallego, de Elixio Rivas Quintas, recóllese xurxa como:
«s.f. Lesta ou juncia de olor, hierba que infesta los sembrados (A Escusa, Po.). En otras partes de Pontevedra, xonza. En Coruña, lesta»
A nosa palabra xurxa responde, pois, a esta explicación dada por Elixio Rivas Quintas. Na Wikipedia6 achámonos coa seguinte descrición:
«A xunca doce ou herba da bóla Cyperus esculentus, é unha planta herbácea cosmopolita de follas longas e finas que produce un tubérculo coñecido como chufa, nome co que tamén se coñece a planta. Cultívase tradicionalmente en España, nos arredores de Valencia para a produción de orchata.»
4. USOS CURIOSOS E CUNHA RELATIVA ESPECIFICIDADE
Neste último apartado recollemos seis voces que, aínda que aparecen por distintos dicionarios, son de uso bastante restrito á nosa área comarcal. Referímonos a: ambroesa, lindeiro, luminaria, mainel, sobardar e trelos.
Ambroesa:
Á parte de ser unha bonita palabra, de forma automática vénnos á mente aqueloutra que descubrín no seu día na escrita de Álvaro Cunqueiro, que facía mención a un tipo de mazá chamada camoesa, e que despois fun vendo noutras ocasións máis. Tanto no caso do primeiro termo como no do segundo parece que evoquen nomes propios. O vocábulo 'ambroesa' dá a sensación de nos remitir ao topónimo Ambroa, dígase de paso, a non moita distancia da comarca de Ferrol, xa que pertence ao concello de Irixoa, na comarca de Betanzos; aínda que tampouco se deba esquecer que existe outro Ambroa en Tordoia. Os dicionarios máis voluminosos, tipo GDXLG ou o DLGIAE, recollen este vocábulo, que fai referencia a un tipo de cereixa carnosa e doce. O segundo termo, camoesa, parece que nos quere remitir a Camões, acerca do cal, por arquicoñecido, sobra decir quen é. E, por certo, existe tal variedade de mazá, así como de maceira, en Portugal, como caber entender. «Termo que é usado para designar algumas variedades de macieira muito cultivadas em Portugal, como a camoesa- branca, a camoesa-rosa, etc.», dísenos na Infopédia. Dicionários Porto Editora.
Lindeiro:
Este substantivo designa o lugar ao que se levan as vacas a pastar. Quérese dicir, o lindeiro é o sitio onde pacen os animais, xeralmente so vixilancia dunha persoa. Este termo podemos achalo en distintos dicionarios, tal como sucede no GDXL ou no Dicionario de galego de Ir Indo, que nos di así na súa terceira acepción:
«s.m. Prado de secaño onde se alinda o gando.»
Luminaria:
Substantivo, de amplo uso na nosa comarca, que serve para designar unha morea de leña ou outros materiais combustíbeis que arde con forza producindo grandes lapas ou labaradas. Outras palabras sinónimas son: fogueira, cacharela, cachela, fogata, lumieira, lumeirada, etc. A nosa voz, luminaria, aparece recollida no GDXL e no de Ir Indo faino na primeira acepción e remítenos á voz 'lumeirada'.
Mainel:
Este substantivo vémolo presente en todos os dicionarios consultados, e en todos remite para un tipo de xanela. Ora case ningún deles faga referencia concreta ao que designa na nosa área comarcal, sobre todo en Ferrol, pois é obxecto máis propio de zona urbana, xeralmente asociado a unha casa de galería, tan típico na nosa cidade. No GDXL, na acepción número 3, dísenos o seguinte:
«Ventá de abertura vertical, na que a folla móbil baixa e sobe por unhas guías.»
Efectivamente, este tipo de xanela de guillotina, e non outra, é a que serve para designar o que entendemos por mainel. Á parte de na propia cidade, tamén é posíbel achar casas con galería por toda a redonda, nas vilas sobre todo (Mugardos, Xuvia, Neda, A Graña, Barallobre, Maniños, O Seixo, etc.), cuxa denominación é tamén a de mainel.
Poleiro:
A expresión idiomática chegar a poleiro, ora que acompañada xeralmente da partícula negativa 'non', reflicte a idea de que algo ou de que algunha cousa non é lograda, que se malogra pois. Logo, que unha persoa 'non chegue a poleiro' equivale a dicir que nunca terá un desenvolvemento físico, psíquico ou o que for adecuado ao que cabe esperar para unha persoa a medida que vai medrando. Nalgún dicionario, como no de DLGIAE, fálase de non subir a poleiro, expresión idiomática que di se refire aos meniños que non poden medrar por enfermidade.
Sobardar:
Verbo que ten tamén unha variante, sobordar, tal e como aparece en moitos dos dicionarios consultados. A idea é a de transbordar, sobrepasar un líquido os límites dun recipiente. Non obstante, na acepción segunda do GDXL, dísenos (para sobordar):
«v.t. Retirar unha embarcación da auga para deixala en seco.»
Na nosa zona, polo menos no litoral máis aberto da comarca, a acción de sobardar tiña que ver co feito de 'pasear a praia', isto é, aquilo que noutros lugares se coñece como 'a creba', 'a rebusca', 'a repañota', 'o raqueo', etc. En tempos, as persoas do lugar que vivían próximas deste mar aberto tiñan por costume pasear a praia co fin de poder dar con achados traídos pola marea. Estes achados, unha vez eran retirados pola persoa por encima da liña mareal (velaquí a acción de sobardar, ou transpor esa liña co obxecto encontrado), entendíase que xa non podía pertencer a ninguén máis que á persoa que previamente o tiña separado para si. Velaquí un exemplo do descrito:
«Encetara o seu labor polos Crebadoiros. Pasara xa polo Pitillón e concluíra na praia da Fonte, ao carón da illa da ermida de Santa Comba. As mareas vivas deses días traballaran arreo. Víanse, como algúns anos por estas datas, as cadernas daquela vella traiñeira que asomaban de debaixo da area, e que figuraban os restos óseos do esqueleto dunha balea. Un par de troncos de teca, un bon garrafón de vidro recuberto de rede, varias boias, unha caixa de madeira con varias latas de petróleo. Todo canto sobordara, aquilo que rescatara para arriba do que era a liña da marea, tiña dono, xa era seu.»7
Trelos:
Substantivo que designa un tipo de corda que serve para amarrar a carga ao carro ou a calquera outro vehículo. Este é o significado que traen case todos os dicionarios. Por extensión, e en sentido figurado, recóllese outro significado no DLGIAE; e no DGCFG dísenos o seguinte:
«s.m. Asunto o negocio que no se especifica y en que se supone embrollo y enredo.»
Esta acepción, pois, é á que eu quería facer alusión aquí, á dos asuntos enleados ou ensarillados en que alguén se pode meter ou ver metido por causa de armar ou se armaren trelos.
***
En conclusión, é así como chegamos por fin ao termo deste glosario de voces. Velaquí, pois, unha pequena mostra delas que dá fe do noso rico acervo lingüístico, das súas especificidades e matices. A nosa comarca, como se ve, contribúe á riqueza léxica do noso país como a que máis. Sintámonos orgullosos xa que logo. Agardamos poida servir esta breve achega, se non para engrosar as páxinas dos nosos dicionarios, cando menos para poder bosquexar un modesto borrador con breves apuntamentos léxicos que as dean a coñecer. E se, grazas a isto, fósemos despois capaces de conseguir a súa fixación, congratulariámonos por ter contribuído unha miga ao proceso de normalización da nosa lingua, reforzando así, nunha pequena medida polo menos, o acervo lingüístico do noso país.
Notas
1. Constantino García González (1985): Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba, anexo.
2. Da miña novela inédita O sentido da procura.
3. No relato "Patria do vento tourón (Os males de amor da serea Margarida"), en revista Columba nº17, e en Á deriva, Belagua.
4. https://hortaparatordas.wordpress.com/tag/marculias/
5. http://sli.uvigo.es/DdD/, da páxina web Dicionario de Dicionarios.
6. https://gl.wikipedia.org/wiki/Xunca_doce
7. No relato “Patria do vento tourón (Os males de amor da serea Margarida)”, en Columba nº17, e en Á deriva, en Columba nº18, Belagua
Henrique Dacosta López