Toponimia en risco: parques eólicos

18/11/2022, Henrique Dacosta López

Toponimia en risco: Parques Eólicos

Henrique Dacosta López

 

INTRODUCIÓN

Non é ningún segredo que o actual contexto mundial de descarbonización e transición enerxética está a provocar o boom de proxectos eólicos, unha circunstancia á que a nosa comarca tampouco é allea. De gran sona e calado, por exemplo, é o caso de Enel Green Power España, filial de Endesa, cuxa pretensión é a de ocupar con fontes renovábeis a capacidade de evacuación que fica libre nas Pontes co feche da súa propia térmica, onde unha parte moi significativa dos aeroxeradores mesmo ficaría fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico, de forma que o prexuízo ambiental e paisaxístico, así como cultural se antolla incalculábel.

Ora ben, este ánimo especulativo que leva a filiais asociadas a grandes empresas eléctricas, caso de EDP Renovables, Greenalia Green Power ou Iberdrola Renovables, que esperta a avidez polas comarcas do Eume e Ortegal, tamén alcanza a de Ferrol, despois de se ter elevado solicitude ao Concello para instalar un parque eólico na zona de Brión (con seis aeroxeradores, unha subestación e unha torre meteorolóxica) e outro na zona de Ponzos (con tres aeroxeradores e un centro de transformación). Non se esqueza que aos aeroxeradores se lles deben sumar os efectos das gabias de condución da electricidade, das pistas de comunicación interna nos parques eólicos e as liñas de evacuación. Mais, pregúntome eu, son compatíbeis sustentabilidade e desenvolvemento económico na nosa comarca? Confeso que teño as miñas dúbidas, consciente de que a xeración de enerxía é moi superior á que a cidadanía e as empresas demandan.

Cautela obriga, visto o xeito tan acelerado con que as eléctricas queren actuar, a fin de poder converter o noso país na talvez primeira potencia eólica estatal; non obstante, a que custo?

Este breve preámbulo quere simplemente servir para contextualizar a charla1 cuxo tema central será o da toponimia, en claro risco de desaparecer baixo o peso destes macroproxectos eólicos que tanto efecto poden chegar a causar na nosa orografía. Así pois, sen máis demora, paso xa ao obxecto da disertación que nos ocupa.

 

IMPACTO SOBRE A TOPONIMIA

«As mudanzas no trazado de rúas e a elección de nomes para novas zonas urbanas obedecen con frecuencia a razóns conmemorativas, o que eleva o risco de deixar sepultadas denominacións anteriores.»

Estas palabras, que pertencen á miña achega para a próxima publicación de Embora da colección Biblioteca de Ferrolterra sobre os barrios e parroquias de Ferrol: Ferrol Fóra de Portas, podémolas ver plasmadas en exemplos como os que darei a seguir. O bonito nome do Bacelar, precedente do que despois habería de ser o Cemiterio de Canido, acabou con el, sen deixar rastro. Caranza e o seu Polígono levaron por diante nomes de lugar como o Carro e o Curro, o Vao e a Pallota, o Maxolo, o Canaval e o eufónico da Trasanqueira. A destrución do vello Esteiro supuxo a desaparición dalgunhas das rúas principais como San Pedro, San Sebastián, San Nicolao ou Ánimas, así como das transversais do Campón, Barquillo, Santa Bárbara, San Ramón ou Pardo Alto.

Greenalia Green Power porá en marcha entre os concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño o parque eólico Nordés. Velaquí un exemplo evidente do que pode chegar a ser a deturpación toponímica debido á afectación dos parques eólicos, bautizándoo co nome dun vento en substitución seguramente dun bo número de topónimos existentes en toda esta área que o tal parque ocupará.

Na publicación de 1991 “Túmulos prehistóricos no Concello de Ferrol”, o Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos realizaba un traballo que era continuación do xa iniciado en 1987 por algún dos membros desta asociación, dirixidos polo arqueólogo e historiador Andrés Pena Graña. Nel recollíanse outras necrópoles de Narón e Fene incluídas no libro intitulado Narón, un concello con historia de seu. A boa cantidade de topónimos que nos fornece este estudo, localizados polos montes da contorna, ofrécennos unha inestimábel axuda. É por esta razón que decidín seguir, nunha certa medida, a organización por áreas ou sectores que o tal grupo elaborou no seu momento, ademais de nos concienciar, sen dúbida ningunha, acerca do grao de deterioración e de desaparición de patrimonio arqueolóxico que leva sucedendo desde tantos anos atrás.

Leandro Saralegui Medina en Estudios sobre la época céltica en Galicia (1867) é o único que se refire á existencia de dous preciosos dolmens que, xa daquela, disque foran destruídos no alto de Chamorro. A este respecto diremos que o sepulcro prehistórico da época megalítica formado por un dolmen (palabra irlandesa, como saberán) ou anta (< latín ANTAS “piares nos lados das portas”, tamén coñecido por arca como, p. e., Campo da Arca en Barallobre), cuberto por un montículo de terra plana circular, de arredor de 5 m de altura, coñécese na zona (dísenos nesta publicación) co nome xenérico de madorra ou mámoa. Mais non é menos certo que outra forma, medorra, xorde igualmente na toponimia local, pois non temos máis que ver os topónimos das Medorras e a Cruz das Medorras que achamos en Covas. Pola miña parte, eu aínda engadiría o termo Modia, tamén recollido na toponimia comarcal, tal é o caso, p. e., de Coto das Modias (Magalofes) e a Modia (Esmelle). Por Galiza adiante é posíbel ver outras variantes máis para este mesmo concepto, se ben o máis abundante talvez sexa o de medoña.

Ao fío do que na publicación dirixida por Pena Graña se nos indica, imos tentar dividir o territorio en 3 sectores diferentes, a teor de onde se achan os tales depósitos tumulares, aínda que tamén incluiremos outros topónimos non estritamente ligados ao campo destes enterramentos. Estes sectores serán: 1. Brión 2. Mougá-Campaíñas 3. Leixa-A Lagoa-Ponzos.

 

 

1. BRIÓN

Para este sector apúntanse nada menos que 64 túmulos. Dísenos o seguinte:

«[...] túmulos coñecidos no lugar co nome de MADORRAS, nome que lles vén dado polo túmulo nº 21. A zona polas súas características xeográficas pódese dividir en tres subzonas (mapa nº 3): a) Monte da Chá [...] b) Monte da Chaeira [...] c) Monte de Teixoeiras.»

 

Ora ben, e aínda que a miña pretensión non sexa a de dar unha explicación de carácter arqueolóxico, xa que é unha disciplina que non me compete, si pararei a desentrañar o significado e procedencia dos termos con que se designan estes túmulos funerarios. Así pois, comecemos polo termo MADORRA/ MEDORRA:

► Estas dúas variantes do mesmo termo están emparentadas coas voces Meda, Medo, Medeiros, Medote (obsérvese a praia do mesmo nome en Covas), etc. Proceden do lat. MĒTA, que era a antiga columna cónica situada ao final da SPINA dos circos romanos (ese muro baixo e illado coroado de obeliscos, estatuas e ornamentos semellantes que formaba sobre a ARENA dúas rúas por onde corrían as cuádrigas) e que servía para sinalar a chegada das carreiras. Esta referencia toponímica lígase xeralmente a elementos orográficos máis ou menos cónicos (montes, montañas, montículos, etc.). Observemos aínda as formas toponímicas de carácter diminutivo Medela, Medulio, Médulas, Medua, etc.

*É ben coñecido no noso léxico o substantivo común meda para designar unha morea grande de mollos de cereal dispostos en forma cónica de arredor dun pau, que se fai no lugar onde despois se vai mallar, polo xeral na eira. Na lingua agraria, xa no latín de roma, utilizábase: «in metas foenum extruere» → “para levantar medas de feo” (Columela, ii, 18, 2).

*A aplicación toponímica do termo é indiscutíbel, de aí o traslado semántico a un cume, outeiro ou prominencia menor de aspecto cónico. Por veces, este mesmo termo lat. MĒTA designaba tamén un límite ou fin, de modo que puidese conter o significado de “divisoria ou confín”.

*Aínda podemos observar que este mesmo vocábulo, MĒTA, se cruzou nesta área occidental de Hispania con outros dous vocábulos: 1. lat. MAMŬLA“pequeno peito, tetiña”, de onde xorde a voz Mámoa e 2. prerromano *mŭtĭna “tipo de túmulo prehistórico”, de onde xorde Modia.

*O proceso de disimilación, tan habitual na lingua, pódese ter producido aquí: o > e > a; quérese dicir: Medoña(s) > Madoña(s) ou Modorra( s) > Medorra(s) > Madorra(s). A este respecto, talvez non fose demasiado desatinado pensar en que a terminación destes topónimos - orra(s)—de feito temos o topónimo orra en Sillobre ou Valdeorras na comarca ourensá do mesmo nome—, puidese vir do preindoeuropeo or- / ur-r “outeiro”.

► Mais regresando ao topónimo Monte de Chá, o nome correcto ou completo, talvez sexa Chá das Pardiñeiras. O primeiro elemento léxico indícanos un terreo con poucas ondulacións, mentres que o segundo, Pardiñeiras, remite á idea de edificio en ruínas, casa ou edificio vello, ou ben casa pobre ou rústica, procedente do lat. *PARIETINARIU- “ruínas” (< PARETE “parede”).

► Existen nesta subzona outras pequenas elevacións, todas con significado transparente, como: Pena do Cabrón, Monte do Coto, Pena dos Canteiros e Porto do Río (aquí o primeiro elemento, Porto, remitiría a un paso sobre o tal curso de auga).

► Temos tamén as cabeceiras de varios regatos (ou regachos), como o Abilleiro, que non é outro que o adxectivo abelleiro, lugar proclive ou abundante en abellas; e Salgueiros, polas árbores do mesmo nome.

► O nome chaeira é unha variante de Chaira, planicie ou zona aplanada.

► O topónimo Brión (tamén o do concello do mesmo nome) responde, case seguro, ao étimo céltico brig(a) “monte, altura fortificada”, pois todos os lugares que responden a esta denominación están situados nun alto.

► O lugar de Martín, do lat. [VILLA] MARTINI, responde ao antropónimo coñecido, forma apocopada de Martiño (< MARTE “dedicado á veneración do deus Marte; home belicoso e guerreiro”) e o de Liñares, tamén transparente, remite ao fitotopónimo que designa lugar abundante en liño.

► Na terceira das subzonas temos o nome Teixoeiras, que designa un lugar con moita presenza de tobos ou covas onde viven os porcos teixos.

Prixón: procede do latín APRISIO “apropiación”, de igual xeito que existen outros lugares co nome Presurada (Foz), cuxo étimo procede do substantivo latino PRE(H)ENSURA “acción de coller, tomar, agarrar”, á súa vez do verbro PREHENDERE. Este sistema de apropiación de terras ermas, improdutivas, baseadas no dereito romano xeneralízase na Hispania xermáncia, na Alta idade Media.

A Vesura: este topónimo podémolo ver tamén como Visura (Sillobre), ao cal ligaremos 4 hipotéticas solucións: 1.- procedente de dúas raíces preindoeuropeas: Vis- (< vis, ves “altura”) + -ura (< or-r/ur-r “outeiro, encanada entre montes”) 2.- procedente de dúas raíces vascas: bis- “dous” + -ur “río” 3.- do latín VERSURA- “terra a labrar”, deverbal de VERSARE “labrar co arado” 4.- forma igual ou coincidente co Participio pasado dos verbos latinos VIDEO e VISO (Participio VISU) “ver, contemplar”.

A Ventureira: procede do latín VULTURARIA (< VULTURE “voitre”), isto é, algo así como voitreira, topónimo que tamén achamos en Covas, no cabo.

O Illó: achámolo tamén en Covas coa forma Ulló. Talvez proceda do latín vulgar ŎC(U)LU- “ollo; abrocho”, por alusión á fonte ou manancial onde nace un río. Existe tamén a forma común ulleiro, xunto a ulló e illó, que remiten á idea de manancial, poza, charco, etc. Quizais se lle engadise o sufixo diminutivo latino -OLU > -ó.

As Cachenas: a raíz Cach- procederá seguramente do latín vulgar CAPULARE “cortar” (< latín tardío CAPPE(L)ARE “cortar, dividir”). Topónimos como Cacha, Cachada, Cacheiro, Cachaza, Cacheiras, etc. son habituais na nosa xeografía. O sentido que encerran é o de desbravar ou rozar un territorio inculto, en moita ocasións unha superficie montesía que, despois de queimada, se plantaba preferentemente de trigo. Talvez o sufixo -enas fose un -elas anteriormente (< diminutivo -ILLAS).

A Punta do Restrebor: na última voz deste topónimo vese claramente a raíz Restreb-, que tamén pode aparecer como Resteb-. Falamos da voz común rest(r)eba, tamén chamada restroballo ou restrollo, querése dicir, trátase do segundo cereal que, deixado en terra despois da corta, volve rebrotar ou non. A palabra fórmase co prefixo latino reiterativo RE- + raíz -streba (< latín STIPA “talo de cereal”, “palla”, a través do seu derivado STIPŬLA “colmo, palla”). A terminación -or talvez se produza por analoxía con outras formas tipo albor, tremor, clamor, ardor, fedor, etc., polo sufixo latino cualitativo -ORE.

Monte Fontelo: se ben o segundo elemento léxico poida parecer que procede do subst. lat. FŎNTE “fonte”, a raíz Fonta-, ten unha procedencia talvez un pouco diferente. As formas toponímicas masc. Fontán e fem. Fontá procederían do lat. vg., dunha forma adx. *FONTANU- e *FONTANA- respectivamente, e xa despois coa idea tanto de fonte como de regato. A esta raíz engadiríaselle despois o sufixo diminutivo -elo (< lat. -ILLU).

► Todos estes outros topónimos son transparentes e non precisan de explicación: As Revoltas, A Regueira, A Pena Bicuda, O Espiño, O Piñeiral das Monxas e O Nabal Vello.

 

 

2. MOUGÁ-CAMPAIÑAS

Para este sector apúntanse as seguintes tres subzonas: a) Coto do Ouro b) Monte de Campaíñas-As Lamas c) Mougá-Monte Pedroso.

► Os topónimos como Coto/Pico do Ouro, As Lamas, A Pena Cabalgada, As Travesas do Cal, O Cal do Espiño, O Campo da Cruz e A Milleira de Arriba ou Monte Pedroso non gardan segredos, xa que son transparentes. as campaíñas, a pesar de que responde á raíz lat. CAMPĀNA + suf. diminut. -ĪNA, co significado de sino ou campá pequena, aquí refirese á designación extensiva a certo tipo de flores do xénero das campanuláceas, convolvuláceas e amarilídeas cuxo formato é campanulado.

► O topónimo Mougá (temos tamén Mougás en Oia) procedería dunha base léxica preindoeuropea *mok/ *muk “altura, pico, prominencia”. Desta mesma raíz procedería igualmente Mugardos e Mogor, mesmo a segunda parte do termo Caamouco.

Menáncaro, que se trata dun pequeno souto ao pé do Pico do Ouro, é totalmente opaco. Talvez (aventuramos) poida conter dúas raíces: mena + áncaro. A primeira poderíase corresponder coa voz mina ou mena, procedente do céltico *meina, que non sempre alude á extracción de mineral ou a minas de auga, senón a mámoas ou túmulos que, profanados, puideron dar a sensación de verdadeiras minas (dinos Fernando Cabeza Quiles). E a segunda raíz pode estar emparentada coa doutros topónimos comarcais como Ancos ou Trasancos, que aludiría á idea de ganchos, curvaturas dos montes, vértices, parello tamén ao termo galego anco “ángulo ou revolta nun terreo, no cumio dunha montaña ou nunha enseada”, dinos de novo Cabeza Quiles.

► O topónimo de Monte Covás responde ao plural de coval, unha cova de grandes dimensións e As Brixerías (tamén A Brixería en Covas), segundo Elixio rivas podería proceder da raíz céltica *brak-, *braku → *brakiu > braxio > br(e)ixo “lodo, marisma, charco”.

► Para O Rego do Roxadoiro, este último elemento paréceme que sería dun primitivo *Rozadoiro. O topónimo Roza(s) (véxase o do aeródromo de Lugo) é de natureza agrícola, pois procede do lat. RUPTIARE “roturar”, ou sexa, falamos dun substantivo que significa monte cavado en terróns que, unha vez secos, se queiman formando borralleiras e logo serve para ser sementado. Aquí houbo un proceso de palatalización de z > x, e logo engadiuse o sufixo -doiro (< lat. TOriu-), que indica o lugar onde se exerce a acción da base léxica.

Vilabuíde: procede do latín VILLA BONITI, segundo Moralejo Lasso.

A Zapateira: procede do árabe vulgar sabbat > castelán zapato + sufixo -eira. Designa certos insectos do xénero dos hemípteros heterópteros acuáticos ou, quizais, certo tipo de ave, sinónimo da lavandeira.

A Vela Vella: o primeiro termo procede do latín VIGILA “vixía” e temos tamén o topónimo Suavela (< SUB ILLA VIGILA) “debaixo da vixía”.

O Beque: procede do céltico expresivo becc-, bicc-/picc- “punta”, que responde a un lugar empinado, terminado en pico ou bico, puntiagudo. Este topónimo repítese en Leixa e Covas.

A Anella: trátase dun topónimo de difícil interpretación, que tamén se repite en San Xurxo e Esmelle. Quen sabe se a solución do duplo LL /ʎ/ non sexa semellante á popular de -ngl- vacilante entre palatal, duplo LL, ou Ñ, ou sexa, unlla/uña, senllos/seños, etc. Poderiamos aventurar unha posibilidade latina *ANGuLA como forma adxectiva feminina de *ANGULO “curvada, torta”, de onde *ANGULA > *Anlla > Anella. Ou mesmo, nunha segunda hipótese, quen sabe se non puidese proceder do latín ANICLA “que ten moito tempo; vella; anella”, termo que actualmente é utilizado sobre todo para animais, preferentemente gado vacún de un ano ou máis.

 

 

3. LEIXA-A LAGOA-PONZOS

► Algúns destes topónimos non precisarían de explicación, por seren transparentes, tal é o caso de: a Pedreira, O Camiño do Corgo (lat. hisp. CORRUGUS “canle de auga”, do céltico corr- “pozo”, hoxe con estas mesmas ideas), O Lobeiro, O Cádavo (< prerromano cádavo “toxeira queimada”, con idéntico significado actualmente), O Barranco, O Monte Sabugueiro (> lat. SABUCU “sabugueiro, bieiteiro ou biouteiro” —estas dúas últimas formas comúns para a nosa área— + sufixo - eiro), O Coto de Vilar, A Pena Grande. Ten particular importancia, non obstante, o explicado por Andrés Pena Graña con respecto ao topónimio A Lagoa4 pois dinos deste xeito en Treba y Territorium. Génesis y desarrollo del mobiliario e inmobiliario arqueológico institucional de la Gallaecia (2004), a súa tese de doutoramento:

«En la búsqueda del ouro dos mouros, las reiteradas excavaciones a lo largo de los siglos han desfigurado a las mámoas que se nos presentan con un descomunal socavón o hoyo. De aplicarse hoy la descriptiva precisión de los redactores de nuestros cartularios y diplomas medievales no hablaríamos de mamolas o de mámoas por llegarnos todas violadas, sino de “lagoas” lat. lacunas. La más antigua referencia a esta inveterada costumbre violatoria podría encontrarse en el códice Calixtino, del siglo XII, donde en el Capítulo VII, como en los comentarios al mencionado Códice lo habría visto ya hace muchos años don Abelardo MORALEJO, se dice, tras exponer que la tierra de los gallegos es rica en oro, plata, pieles de animales salvajes y otras riquezas, que aún es muy abundante en “tesoros de los moros” gacis sarracenicis siendo posiblemente comparable a la mirada rústica y no rústica (cf. los tesoros de los “gentiles galigriegos”) el hecho de excavar las mámoas, abriendo miticas entradas al Otro Mundo en el imaginario celtoatlántico, al lugar de los seres sobrenaturales –significando, como lo muestra la historia galesa de Rhiannon, el entrar bajo tierra, el acceso al Alén y a los enormes tesoros que allí guardan las razas míticas: los mouros, los enanos y los gigantes. Pero en estos hoyos, como hemos visto, los cazadores de tesoros coinciden con otros cazadores.»

 

► O topónimo A Espiñeira designa, en realidade, un accidente orográfico. Procede do latín SPĪNA “espiña, lombo, espiñazo” e, por extensión metafórica, referiríase a superficies orográficas que recordan o lombo dunha persoa ou animal. En conclusión, falamos de lombas, outeiros ou elevacións do terreo.

► Existe outra serie de topónimos transparentes que precisa, se cadra, dunha explicación:

As Gorgas, que procede do lat. GURGA “pantano”, “lugar encharcado, depresión con auga”.

Bardás, que é o plural dialectal de bardal, sebe ou cercado de toxos, silvas ou pólas que rodea unha herdade (< céltico *barrita “idem”).

Pradedo, que procede dun hipotético *PLATANETU-, abundancial da árbore que coñecemos como pradairo.

Marmancón, que poida conteña dúas bases léxicas (Marm- + -ancón). A primeira talvez proceda dunha raíz latina *MARMA(R) “pedra cristalizada, mármore, cuarzo ou seixo”, MARMORE- no latín clásico. A segunda base léxica xa a vimos antes con Menáncaro.

A Calliqueira, se cadra poida conter a base léxica call- + infixo -qu- + sufixo -eira.A raíz tería que ver co termo provenzal calhau (< galo caljavo/* caljo “pedra”). O sufixo composto é se acaso procedente dun latín hispánico *-CARIA (> preindoeuropeo -ekk(a) “diminutivo” + latín -ARIA “abundancial”).

Vilarquinte refírese a un vilar de QUINTUS, polo xenitivo VILARE QUINTI.

*No Rego da Murixosa, o último termo ten que ver coa voz muruxa, en que se produce unha disimilación u > i. Procede do latín MOLLUGĪNE “idem”, isto é, planta anual herbácea da especie STELLARIA MEDIA, da familia das cariofiláceas e flores brancas. O sufixo -osa (< lat. -OSA) é de carácter abundancial.

Ponzos é topónimo opaco, talvez en alusión a moradores que contasen co apelido Ponzo, variante popular do latín PONTIUS, “Poncio”, que corresponde ao castelán Ponce, cuxa procedencia é do nome (xentilicio) dos membros da GENS PONTIA, PONTIUS, unha liñaxe plebea de orixe samnita, pobo osco que, entre o IV e II a. C., se naturaliza como romano. Suponse que posúe a mesma raíz que PONS, PONTIS “lugar por onde se pasa”, que logo designou “ponte”, á súa vez proveniente do gr. póntos “mar, pero considerado como camiño”.

*O Cano do Anido ten a singularidade de se ligar a outro topónimo moi zonal como é o de Aneiros. Comparten a mesma raíz —de orixe prelat. e semellante ao radical célt.*ann- /*an- “poza, pantano, lama”—, inclinariámonos a pensar nesta procedencia. O sufixo -eiro indicaría abundancial, o mesmo que -ido < -ETU).

*En Montes da Avieira temos a segunda das voces alterada na raíz (Aveeira > Avieira), cuxo étimo é AVENARIA, do latín AVĒNA “avea”, moi pouco frecuente na nosa toponimia.

*No Cercado de Couz, a segunda das voces é a que temos que explicar. So as formas couce, couzo e couz, ten múltiples acepcións. Nestes casos viría do latín CALCE “calcañar”, e designa metaforicamente un “sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada”. Tamén Elixio Rivas Quintas indica que o topónimo Couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de fondal, “base de monte”.

*O Campo da Eiroa precisa explicación para o segundo elemento léxico, pois procede do latín AREOLA, forma diminutiva de eira.

*A Pena Purriña: o segundo dos elementos parece proceder do fitotopónimo “porro ou allo porro”, isto é, do latín PORRU- “idem”, aquí como forma adxectiva concertando en feminino co primeiro elemento, pois leva o sufixo diminutivo -iña (< latín -INA). Topónimos desta base léxica achámolos por diferentes puntos de Galiza, tamén como Purreira (< baixo latín *PORRARIU- “sitio de porros ou allos salvaxes”), como podemos ver nas Pontes en Pena Purreira ou como o famoso Porriño do concello do mesmo nome.

*Outra serie de topónimos non precisan explicación, pois son transparentes: A Boca da Mina, As Forxas, O Campo dos Finados, etc.

 

CONCLUSIÓN

Unha vez finalizado un estudo destas características é habitual quedármonos cunha sensación ambigua. Dunha parte, coa satisfacción de poder ter contribuído nunha certa medida á exploración e sistematización dos nosos topónimos en perigo de extinción ou deturpación, aquí por causa dos futuros parques eólicos; mais doutra parte, asáltanos a incerteza de que se puidese ter abordado de xeito diferente e, por conseguinte, ter deixado así demasiadas cuestións no tinteiro. Sexa como for, a toponimia dun espazo tan cumprido nunca resulta unha abordaxe sinxela.

 

Notas

1 Charla que tivo lugar na primeira semana de febreiro no local da Sociedade Galega de Historia Natural da Porta de Canido á que fun convidado, cuxo título corresponde ao do propio artigo que agora aquí se publica.

2 No texto aparece Monte da [sic] Cheira, evidentemente errado.

3 Aquí tamén se recolle [sic] Teixugueiras, por Teixoeiras, que é o seu nome verdadeiro.

4 En Nature reserve - MONTE DA LAGOA - Espagne (cirkwi.com) dísenos o seguinte: «O cumio do Monte da Lagoa dividía, ata 1940, tres parroquias: O Val, Mandiá e Covas, e os concellos de Narón e Serantes, hoxe Ferrol. Atópase moi próxima a chamada Fonte dos Tres Alcaldes, onde, segundo a lenda, na noite de San Xoán se abren de par en par as portas que comunican o noso mundo co Alén e se escoita a marabillosa música dun mouro gaiteiro, que está a tocar unha gaita de ouro. Neste punto alto atopouse o cercado neolítico do Monte da Lagoa, que foi o primeiro descuberto en Galiza e España deste xénero. Este cercado era de forma redonda, ben defendido por un foso e un muro de pedra, hamado “curro vedro”, onde se gardaba o gando na época de verán.»

<< Volver