Prior

26/04/2006, Iván Rouco

Trinta metros de verticalidade sobre o Atlántico. Recunchos alleos ás miradas dos que só camiñan pola terra. Un saúdo de mariñeiros que empezan a faenar e, alá ao fondo, o sol que se vai un día máis. É unha tarde de verán e estamos aquí colgados respirando a calma dun Prior tranquilo, quedo e vello. Uns meses atrás as ondas golpeaban nestas paredes onde cría o percebe, batuxaban contra este corno de unicornio que é o cabo Prior, o principal, de Ferrol.

Hai uns vinte anos que se escala nas paredes de Prior, dende a Punta dos Foxos á Ventureira pasando polo Pozo do Inferno. Foron uns mozos ferroláns os que comezaron a dirixi-las súas miradas a estas paredes cando pasaron de camiñar polo monte a querer subir paredes verticais de granito. A aventura era posible a só uns quilómetros da súa casa. Unha actividade que lles serviría de formación e adestramento para as súas escaladas nos grandes macizos europeos, os Picos de Europa, os Pirineos e os Alpes.

Toxo, militares e salseiro foron os principais problemas aos que houbo que enfrontarse, pero a escalada e unha actividade de apaixonados. Nada puido frear a ilusión deste grupo de mozos por escalar sobre o mar e por dar a coñecer no mundillo da escalada de toda España este recuncho de calidade excepcional. Logo viñeron escaladores coruñeses e tamén deixaron a súa pegada en forma de rutas novas. Pouco a pouco todo o colectivo de escaladores da Galiza foi coñecendo estas paredes, as numerosas vías de escalada que se foron trazando e o ambiente especial da costa de Covas.

Escalada no Cabo Prioiro

Aínda que seguemos a ser uns descoñecidos que incomprensiblemente andan colgados polas rochas e non collen percebes, os escaladores xa somos unha especie máis dos que habitamos Prior. Unha familia de paseo, un pescador solitario un furtivo as agachadas... cada un goza deste entorno único en Galiza. Algúns dos que viñeron de fora a gozalo pasaron momentos especiais nas súas paredes e todos encomiaron a súa calidade.

Unha escaladora granadina díxome este verán que fixera unha das escaladas máis bonitas da súa vida no Pozo do Inferno. Non é unha cuestión de altura ou de inventarse cousas desas de que temos os cantís máis altos e máis guapiños da Europa, non é iso. Prior é coma o circuíto de Montecarlo na formula 1, todo o mundo goza correndo alí. Aquí temos rutas de escalada de altísima calidade. Un amigo meu dicíame que só facía falta un bo fotógrafo e todo o mundo coñecería a Cormorán ou o Diedro do Linarugo, dúas rutas que todo escalador gustaría de ter no seu currículo.

Calquera escalador que goce dese sentimento de liberdade que produce o estar pendurando das súas mans e pes gozará de Prior. Todos comentamos que esa sensación que nos chamamos “patio”, que comeza a sentirse cando un escala centos de metros sobre un chan firme, nos cantís aparece moito antes, as veces, incluso, nada máis de comezar a escalar. I é que ter todo un océano aos pes impresiona ao máis experto aínda que sexa un día de calma chicha.

O inverno é outra cousa. Sabemos como poden ser as ondas dun temporal en Prior, sabemos ata onde chegan as salpicaduras e a escuma. Ese vento que non deixa de zoar, a choiva eterna dun inverno dos de antes e a humidade que fai ca luz do faro cambie de cor. Mais aínda así, algún día de decembro poden vernos tentando escalar algo, buscando unha liña nas paredes pola que non baixe moita auga. Húmidos, arrefriados pero contentos de pasa-la tarde en contacto coa natureza máis brava da zona.

Prior é, en definitiva, unha das nosas zonas preferidas para levar a cabo os nosos soños. Alí enfronte están os irmáns pequenos da Punta Herbosa e máis alá o Prioriño completando todo un paraíso da escalada costeira. Moitas son as historias que pasaron nestas paredes, xa haberá tempo de ilas contando.

<< Volver