Pablo Torrella Allegue - SGHN - pablo.museo@sghn.org
Javier López Blanco - javicovas@hotmail.com
Vicudo Bermello. Antecedentes en Ferrol
O bicudo vermello Rhynchophorus ferrugineus (Olivier, 1790) é un insecto coleóptero (escaravello) moi rechamante que está a facer estragos nas palmeiras e palmeirais españois, ocasionando serios danos económicos ao mesmo tempo que patrimoniais. Forma parte do grupo dos Curculiónidos, o mesmo ao que pertencen os gurgullos (ver táboa 1), eses escaravellos que se caracterizan por presentar unha probóscide a modo de “nariz” do que saen dúas antenas mazudas e acodadas (ver imaxes 1 e 2).


| CLASE: Insecta |
| ORDE: Coleoptera |
| SUPERFAMILIA: Curculionoidea |
| FAMILIA: Curculionoidea |
| NOME BINOMIAL: Rhynchophorus ferrugineus (Olivier, 1790) |
Táboa 1 - Clasificación taxonómica da especie
Con esta nota, a pretensión dos autores é dar a coñecer a presenza desta especie no centro da cidade de Ferrol, coa localización dun exemplar o 26/10/2022 no barrio de Esteiro. Ao mesmo tempo, achegamos información sobre a bioloxía e ecoloxía desta especie nesta localidade, acompañada de imaxes fotográficas obtidas a partir dos danos ocasionados pola especie en diferentes palmeiras canarias, así como dos exemplares obtidos a partir dunha das súas colonias localizadas nunha palmeira que resultou fatalmente afectada na parroquia de Covas.
Xunto a esta información, revisamos de maneira cronolóxica o seu avance polo territorio galego dende a súa aparición na provincia de Pontevedra no ano 2013 ata o presente.
Esta especie é orixinaria e procedente do sueste de Asia, onde ocupa os países de Pakistán, India, Ceilán, Indochina, Indonesia, Filipinas, sur do Xapón e China. Fóra destes países, España foi o primeiro de Europa en facer pública en 1995 a súa presenza en palmeiras de granada, pasando esta especie a estar considerada como unha praga que afecta aos palmeirais dende a súa aparición no ano 1993. En Galicia, o insecto foi detectado por primeira vez en xaneiro do ano 2013 no concello pontevedrés de Gondomar.
A día de hoxe, e a medida que a especie foi espallando lentamente por todo o territorio galego, a poboación asiste de maneira impotente e inqueda ao seu inexorable avance, observándose con maior preocupación se cabe polas autoridades municipais naquelas localidades que contan con palmeiras cun certo interese patrimonial e que son susceptibles de ser atacadas por este coleóptero.
Con posterioridade ao exemplar atopado no barrio de Esteiro en plena cidade de Ferrol, o segundo autor, profesional da poda en altura, advirte ao MHN o 15/01/2023 da localización dunha palmeira canaria (Phoenix canariensis) moi afectada no lugar de Covas (Ferrol), na finca dun particular, presentando tal deterioro o exemplar que require da súa talla.
Durante as labores de retirada da coroa da palmeira, este autor recolle e contabiliza 100 exemplares nas súas cápsulas en diferentes fases de desenvolvemento, de maneira que aparecen dende imagos ata larvas no último estadio, pupas e algúns ovos (ver imaxes 3, 4 e 5).
O material recollido pasa a formar parte da colección do mhn, preparándose en seco a meirande parte dos imagos e fundas, e conservándose en alcol ao 70% os ovos, pupas e larvas.



Material e Métodos
O exemplar localizado no casco urbano da cidade, que estaba moribundo no momento de ser atopado, foi introducido nun tarro con alcol ao 70% e posteriormente etiquetado, coa intención de preservar a súa conservación e poder formar parte posteriormente da colección entomolóxica do museo de historia natural da SGHN (MHN-SGHN).
Con respecto aos exemplares obtidos nunha colonia formada na palmeira sita na finca dun particular na periferia da cidade de Ferrol, todos eles, tanto na súa fase larvaria como cápsulas e adultos, foron sacrificados ao mesmo tempo nun tarro con serradura de cortiza e unhas gotas de acetato de etilo. Unha vez mortos, os exemplares foron separados polo seu estado metamórfico: larvas, pupas e adultos. No caso das larvas, estas foron introducidas nun tarro con alcol ao 70% e debidamente etiquetado.
No que respecta ás cápsulas coas pupas e os adultos, todo este material deixouse secar nunha caixa de cartón destapada, para logo ser conservado en seco e tamén debidamente etiquetado. Todo o material seco permanece conservado nunha caixa precintada nun conxelador a -20ºC no MHN.
Para o avance da especie en Galicia e coñecer á súa orde cronolóxica, consultamos a hemeroteca de diferentes medios de comunicación, por seren estes os referentes na ordenación das diferentes datas de aparición da especie en Galicia.
Para este mesmo cometido, consultamos os diversos edictos e normas municipais de varios concellos do territorio galego, onde se transmitía á veciñanza diferentes mandatos e recomendacións para o control do bicudo vermello a nivel local.
O material resultante da elaboración deste traballo, está depositado na súa meirande parte na colección entomolóxica do museo de historia natural en Ferrol.
Bioloxía e ecoloxía do insecto en Galicia: observacións sobre unha palmeira de Covas
R. ferrugineus é unha especie fitófaga que cría na coroa ou núcleo da copa das palmeiras, de onde parten os novos brotes.
Aínda que en situacións de baixa temperatura noutras localizacións o escaravello adoita ter na fase de larva certo letargo (quiescencia) e incluso un desenrolo prolongado, aquí na Península Ibérica pode darse o caso de presentar ata dúas xeracións que terán máis posibilidades de levarse a bo fin no caso de acadar unha maior temperatura ambiental na coroa da palmeira, que é onde se están a desenrolar nesta fase. Este feito vén maiormente propiciado pola fermentación do seu núcleo por mor da presenza das larvas, que a medida que van depredando e deteriorando á palmeira van motivando que as partes mortas desta se amoreen e gañen temperatura ao fermentar e podrecer.
Nalgúns estudos realizados sobre esta especie, os autores indican que a temperatura óptima para acadar o seu estado de imago está en 25º C, de maneira que cunha temperatura media anual de 15º C, sería pouco probable que acadara nin tan só unha soa xeración. Estes mesmos autores indican que ao contrario, se na fase de larva estas mesmas estivesen nun ambiente de arredor dos 40º C, tampouco sería posible o seu correcto desenvolvemento.
En base a esta casuística, atendendo á súa bioloxía e á dependencia alimenticia da palmeira canaria e tendo en conta a temperatura media no noroeste de Galicia, é evidente que estamos ante unha especie invasora que sen dúbida resultará moi prexudicial dende o punto de vista patrimonial a nivel local, podendo afectar non só a exemplares de Phoenix canariensis, se non que tamén con moita probabilidade a outras especies do grupo das palmeiras.
Porén, non é de todo xusto xeneralizar ao falar do seu fitohóspede como de “palmeiras”, pois algúns autores indican que naquelas zonas onde houbo dende milenios unha convivencia entre as diferentes especies destes vexetais e o coleóptero, dáse unha coevolución, de maneira que as plantas responden ao ataque do insecto mediante o desenrolo de mecanismos defensivos. Sen embargo e por desgraza, non é o caso da palmeira canaria tan presente nas casas galegas, xa que esta especie non presenta estes mecanismos defensivos e de resistencia, debido moi posiblemente ao feito de non ter sufrido ata hai relativamente pouco o ataque deste escaravello.
Sumado a isto, a capacidade de desenvolvemento da especie é sorprendente, ao ser quen de acadar a fase de imago en pleno inverno e daquela estar xa capacitada para voar, o que contribúe a favorecer a súa dispersión baixo uns condicionantes ambientais relativamente favorables, como pode ser por exemplo unha xornada de meteoroloxía favorable e temperatura agradable, aínda en tempo frío.
A este respecto, chama a atención o feito de que nas datas nas que se atoparon os exemplares na palmeira de Covas en Ferrol, na primeira quincena de xaneiro deste mesmo ano, a estación meteorolóxica de CIS en Ferrol marcou unha temperatura media de 12´25º C, e aínda así o número de individuos congregados na coroa deste exemplar era elevado: 100 exemplares en distintas fases de desenvolvemento, dos que un 36% estaban xa en fase de imago e un 37% de pupa a piques de eclosionar, fronte a un 6% aínda en fase de larva e o 21% restante só eran as fundas baleiras (ver táboa 2).
|
100 Exemplares localizados nunha Phoenix canariensis
|
|
|---|---|
|
ESTADO |
% |
| IMAGOS (machos e femias) | 36 |
| PUPAS | 37 |
| LARVAS | 6 |
| BALEIROS | 21 |
| TOTAL % | 100 |
Táboa 2 - Datos sobre a emerxencia de bicudo nunha palmeira na parroquia de Covas en xaneiro.
Cronoloxía da súa presenza en Galicia e máis concretamente no noroeste da comunidade
Tal como se comentou anteriormente, a expansión da especie en Galicia cara ao norte, dende a súa aparición no concello pontevedrés de Gondomar no ano 2013, foi imparable ata a actualidade.
Sen saír da provincia pontevedresa, xa no 2014, un ano máis tarde, comezaron a verse no Baixo Miño os primeiros exemplares de palmeira afectados polo bicudo vermello. No ano 2015, a prensa galega recolle a presenza da especie no barrio vigués de Bouzas e indica que o bicudo xa leva matadas cen palmeiras no Val Miñor e no Baixo Miño, se ben tres anos máis tarde a cantidade subiría ata os 252 exemplares só no municipio da Guarda.
Xa no sur da provincia da Coruña, no ano 2019, notifícase a súa presenza na comarca da Barbanza na Pobra do Caramiñal. Na Costa da Morte, destaca Muros como un dos concellos máis afectados. Outros como Corcubión, Cee, Fisterra ou Dumbría, aínda que de maneira relativamente máis recente, estanse a ver tamén afectados.
Chama a atención o feito de que fose comunicada a aparición nestes outros concellos da Costa da Morte uns anos máis tarde que en Muros, ou mesmo que noutros máis ao norte como son os da Coruña e Santiago. A casuística nos indica que podería deberse a varios factores, entre os que destacan o feito de contar a nivel municipal con menos exemplares de palmeira plantados que as grandes cidades galegas, ou simplemente non ter sido comunicada oficialmente a aparición da especie por parte das empresas contratadas a nivel municipal para o mantemento dos parques e xardíns, á hora de identificar a causa do decaemento das palmeiras a manter.
Sexa dun ou doutro modo o acontecido na Costa da Morte, na cidade da Coruña temos constancia da súa aparición no ano 2018 nas palmeiras da Rosaleda, Cidade Vella e xardíns de Méndez Núnez. Esta presenza na cidade herculina vén comunicada á cidadanía dende hai anos a través de diferentes medios de comunicación.
Como apunte naturalístico, comunícaselle ao primeiro dos autores desta nota un rexistro de R. ferrugineus no día 15-IX-2019 na céntrica rúa coruñesa de Enrique Dequidt.
Entre tanto, o curculiónido segue de maneira inexorable a causar estragos na comarca coruñesa, afectando a diversos concellos próximos á cidade herculina como é o caso de Oleiros, que chega a apercibir á súa veciñanza mediante ordes municipais para o control desta especie no seu municipio. Caso semellante sucede en Cambre, que solicita a colaboración da veciñanza para formala sobre a loita contra o coleóptero, ou Culleredo que de maneira recente notifica con desesperación a talla de varios exemplares de palmeiras no municipio.
Xa a finais do ano 2022, concellos da comarca eumesa como son Pontedeume e Cabanas informan tamén ao primeiro dos autores da localización do bicudo vermello nas palmeiras dos seus respectivos municipios, localizadas estas tanto en xardíns públicos como en propiedades privadas.
O mesmo ocorre nos concellos de Ferrol, Narón e Mugardos, onde ademais das localizacións por parte dos autores do presente traballo e as novas de prensa, tamén foron notificadas outras aparicións recentemente tanto por parte de diferentes particulares como por persoal técnico municipal.
Interese económico e danos patrimoniais
En España, agás os palmeirais de Elche e de Orihuela, onde o escaravello pode ocasionar maiores danos dende o punto de vista económico por ser hóspede maiormente aquí da palmeira datileira Phoenix dactylifera, a meirande parte das palmeiras infestadas polo bicudo vermello pertencen á especie ornamental da palmeira canaria Phoenix canariensis.
Con respecto a Galicia, podemos dicir que o escaravello estase a alimentar e desenvolver a expensas exclusivamente desta palmeira e que, se ben non se trata dunha especie vexetal moi abundante, si supón un serio problema se temos en conta a percepción sobre o valor histórico e patrimonial de certos exemplares ou dalgunhas formacións deste elemento vexetal. Estes, que tanto se localizan nos xardíns dalgunhas das cidades e vilas galegas (A Coruña, Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela, Corcubión...) como en certas propiedades privadas, sempre foron valorados como elemento ornamental.
Desta maneira, nos últimos anos estamos a ver que se están a recoller dende hai anos diferentes novas de prensa en diversos medios onde se achega paulatinamente a afección, morte e conseguinte talla de exemplares de palmeira canaria cunha importancia maiormente histórica en varias localidades galegas. Tal é o caso dos exemplares plantados en diferentes localidades a finais do século XIX e comezos do XX, pois xunto a diversas edificacións indianas de carácter modernista, estiveron e están a servir de homenaxe á emigración galega noutrora ás Américas ou algunhas destas formacións aparecen recollidas no pertinente catálogo de Árbores e formacións senlleiras de Galicia, como é o caso do palmeiral dos Xardíns de Méndez Núnez na Coruña ou outros exemplares.
Concretamente en Ferrol, o bicudo está a deixar constancia dos seus danos e da súa presenza na liña de palmeiras canarias da Praza de Amboage, cuxos exemplares foron plantados no ano 1918 e que ata hoxe locen delimitando esta praza coa rúa Real (ver imaxes 6, 7 e 8).



Conclusión
Os sistemas empregados para a loita contra este coleóptero van dende a eliminación dos focos afectados (poda, talla e retirada dos restos das palmeiras seguindo unha serie de recomendacións); a aplicación de fitosanitarios con carácter preventivo e tamén cinguida a recomendacións; aplicación doutros organismos en forma de fungos ou nematodos parasitos contra o animal, que aplicados no momento da observación dos adultos, presentan unha mediana efectividade. O problema destes últimos sistemas que poderiamos englobar como alternativos aos insecticidas químicos, é que a pesar de seren de uso tanto de carácter preventivo como curativo, deberán aplicarse no momento das primeiras deteccións, algo que as autoridades municipais e dende os gobernos das autonomías non fixeron, e que por ende a nivel estatal xogou a batalla a favor do bicudo.
Esta situación é extrapolable á grande maioría dos países membros da Unión Europea, o que levou á propia UE a improvisar con urxencia diferentes medidas de actuación cun mesmo resultado moi a favor do coleóptero.
De feito, durante o ano 2018 aprobouse a derogación da Decisión 2007/365/ CE pola que anteriormente se adoptaban medidas de emerxencia para evitar a introdución e propagación na Comunidade Europea de R. ferrugineus, eximindo daquela á obriga da realización e comunicación de prospeccións sobre o citado organismo á Comisión Europea e ao resto dos estados membros, polo feito de que se consideraba que non se evitou con éxito de maneira previa a introdución do insecto dentro do territorio europeo.
En Galicia, dentro dos tratamentos químicos autorizados, están unicamente os formulados recollidos no Rexistro de Produtos Fitosanitarios. Como alternativa ao uso destes fitosanitarios, autorizan tamén a posibilidade de uso de nematodos entomopatóxenos, sendo de carácter obrigatorio para ambos casos cinguirse a unha serie de recomendacións e pautas de actuación.
Este tipo de medidas poñen en evidencia a nefasta capacidade de control da especie invasora por parte das autoridades europeas, improvisando como dicimos diferentes medidas de actuación e sufrindo o insecto diferentes valoracións como tal. É o caso de figurar dende 2019 dentro das listaxes de pragas obrigatorias de corentena en zonas protexidas dalgúns países como Irlanda, Portugal (Azores) e Reino Unido, e pola contra para o resto do territorio UE, valorar a especie como “praga regulada non necesaria de corentena”, de maneira que non se dispón de datos de prospeccións sobre o organismo dende as diferentes comunidades autónomas, centrándose na actualidade os esforzos en medidas de erradicación da especie nas zonas nas que é detectada a súa presencia.
Finalmente, cómpre salientar que a tenor do coñecido sobre a bioloxía do bicudo vermello e tendo en conta a capacidade de espallamento desta especie, podemos asegurar sen risco á equivocación que a estas alturas xa terá colonizadas outras localidades do norte da provincia da Coruña e de Lugo. Esta afirmación vese máis fornecida, se cabe, logo de ter sido localizado o insecto en novembro de 2017 en Siero e Oviedo, o que motivou que se declarase a presenza da praga do colóptero en toda Asturias e se establecese unha serie de medidas fitosanitarias para a súa erradicación e control.
Bibliografía
(inclúense ligazóns de prensa)
ALFARO ROMERAL, Mª. CARMEN (Coord.). 2020. Agricultura, pesca y alimentación en España. Memoria anual. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Madrid. 688 pp.
ANABAM. 2018. Efectos do picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus) nas palmeiras da Guarda (Pontevedra). Traballo coordinado por Agustín Ferreira Lorenzo para a Asociación Naturalista do Baixo Miño
(ANABAM). A Guarda. 24 pp. ANDRADE, A. 2013. “Aparece en Galicia el picudo rojo, un insecto que mata las palmeras”. La Voz de Galicia (03/02/2013). Documento en liña en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2013/02/03/aparece-galicia-picudo-rojo-insecto-mata-palmeras/ 0003_201302G3P27991.htm Con acceso o 30/10/2022.
ANDRÉS (de), J. 2015. “La plaga del escarabajo de Asia llega a los árboles de Vigo”. Atlántico (15/03/2015). Documento en liña en: https://www.atlantico.net/articulo/vigo/plaga-escarabajo-asia-llegaarboles- vigo/20150315102635465340.html Con acceso o 30/10/2022.
ANÓNIMO. 2018. “Examinan 75 palmeras de la ciudad para detectar el picudo rojo”. La Voz de Galicia (03/07/2018). Documento en liña en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2018/07/03/examinan-75-palmeras-ciudad-detectarpicudo- rojo/0003_201807H3C4997.htm Con acceso o 30/10/2022.
ANÓNIMO. 2019. “El picudo hace estragos en los jardines de A Pobra”. La Voz de Galicia (22/08/2019). Documento en liña en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2019/08/21/picudo-estragos-jardines- pobra/00031566414246010783615.htm Con acceso o 30/10/2022.
ANÓNIMO. 2020. “O picudo vermello cébase cas palmeiras de Muros”. Que pasa na costa (06/03/2020). Documento en liña en: https://www.quepasanacosta.gal/articulo/muros/picudo-vermello-cebase-cas-palmeiras- muros/20200306090219118162.html con acceso o 30/10/2022.
ANÓNIMO. 2021a. “O Picudo Vermello xa ameaza as palmeiras dos espazos históricos de Santiago”. Historia de Galicia (16/03/2021). Documento en liña en: https://historiadegalicia.gal/2021/03/o-picudo-vermello-xa-ameaza-as-palmeiras-dos-espazos-historicos-de-santiago/ Con acceso o 30/10/2022.
ANÓNIMO. 2021b. “Cambre planta batalla al picudo rojo y pide colaboración vecinal para erradicar la plaga”. La Opinión A Coruña (17/07/2021). Documento en liña en: https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2021/07/17/cambre-planta-batalla-picudo-rojo-55147756.html Con acceso o 30/10/2022.
ANÓNIMO. 2022. “Alertan de que a praga do picudo vermello xa chegou a Corcubión”. Que pasa na costa (10/01/2022). Documento en liña en: https://www.quepasanacosta.gal/articulo/corcubion/alertan-quepraga- do-picudo-vermello-xa-chegou-corcubion/20220110101808132817.html Con acceso o 30/10/2022.
ANÓNIMO. 2023a. “Mugardos pone coto al pequeño coleóptero que derriba palmeras”. La Voz de Galicia (08/03/2023). Documento en liña en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/mugardos/ 2023/03/07/mugardos-pone-coto-plagapalmeras/00031678189875374904131.htm Con acceso o 12/03/2023.
ANÓNIMO. 2023b. “Culleredo perde tres palmeiras polo picudo vermello, que ataca tamén á da igrexa de Vilaboa”. La Voz de Galicia (15/03/2023). Documento en liña en: https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/culleredo/2023/03/15/culleredo-pierde-tres-palmeras-picudo-rojo-ataca-iglesia-vilaboa/0003_202303H15C6997.htm Con acceso o 17/03/2023.
BARRANCO, P.; DE LA PEÑA, J.A. & CABELLO, T. 1995. Un nuevo curculiónido tropical para la fauna europea, Rhynchophorus ferrugineus (Olivier, 1790), (Coleoptera: Curculionidae). Boln. Asoc. esp. Ent., 20 (1-2): 257-258.
BARRANCO, P.; DE LA PEÑA, J.A. & CABELLO, T. 1996. “El picudo rojo de las palmeras, Rhynchophorus ferrugineus (Olivier), nueva plaga en Europa. (Coleoptera, Curculionidae)”. Phytoma España, 76: 36-40.
CABELLO, T. 2012a. Rhynchophorus ferrugineus: biología, dispersión y modo de acción. In: Control integrado del picudo rojo de las palmeras Rhynchophorus ferrugineus. Fundación Cajamar. Almería. 26 pp.
CABELLO, T. 2012b.
CERQUEIRO, U. 2022a. “A praga do picudo vermello pon en perigo a superviviencia das palmeiras do sur da Costa da Morte”. Que pasa na costa (17/01/2022). Documento en liña en: https://www.quepasanacosta.gal/articulo/costa-da-morte/praga-do-picudo-vermello-pon-perigo-superviviencia-das-palmeiras-do-sur-da-costa-da-morte/20220116213850132928.html con acceso o 30/10/2022.
CERQUEIRO, U. 2022b. “Adeus ás palmeiras da Praza de Castelao de Corcubión”. Que pasa na costa (04/10/2022). Documento en liña en: https://www.quepasanacosta.gal/articulo/corcubion/adeus-palmeiras- da-praza-castelao-corcubion/20221004112911139935.html con acceso o 30/10/2022.
CONCELLO DE CAMBRE. 2021. Decreto de Alcaldía Nº 1180/2021 do 15/07/2021 polo que se resolve a contratación dun servizo de tratamento contra o picudo vermello en palmeiras canarias sitas en zonas axardinadas municipais do Concello de Cambre (Nº expediente 2021/C002/000097).
CONCELLO DE OLEIROS. 2019. “O picudo vermello ameaza as palmeiras do municipio”. Vivir en Oleiros, 62 (xaneiro 2019): 9.
CONCELLO DE OLEIROS. 2020a. Requirimento aos propietarios de palmeiras infectadas con picudo, conforme están obrigados á súa eliminación. Oleiros, 6 de febreiro de 2020.
CONCELLO DE OLEIROS. 2020b. “Unha praga está atacando ás palmeiras”. Vivir en Oleiros, 66 (abril 2020): 11.
CONCELLO DE OLEIROS. 2021. “As outras pandemias : Picudo vermello”. Vivir en Oleiros, 68 (xaneiro 2021): 14.
DIRECCIÓN GENERAL DESARROLLO RURAL Y AGROALIMENTACIÓN. 2018. “Picudo rojo de las palmeras (Rhynchophorus ferrugineus Olivier)”. Boletín de avisos fitosanitarios (febrero 2018). Sección de Sanidad Vegetal. Consejería de Desarrollo Rural y Recursos Naturales. Gobierno del Principado de Asturias. 9 pp.
ESTEBAN-DURÁN, J.; YELA, J.L.; BEITIA-CRESPO, F. & JIMÉNEZ-ÁLVAREZ, A. 1998. “Curculiónidos exóticos susceptibles de ser introducidos en España y otros países de la Unión Europea a través de vegetales importados” (Coleoptera: Curculionidae: Rhynchophorinae). Boletín de Sanidad Vegetal Plagas, 24: 23-40.
LEIRA AMBRÓS, M.J. 1990. “Árboles y Arbustos de los jardines de Ferrol”. Concello de Ferrol. Imprenta López Torre. 127 pp. + 3 plan. preg. MÉNDEZ, M. 2018. “El picudo rojo amenaza Méndez Núñez”. La Voz de Galicia (08/12/2018). Documento en liña en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2018/12/07/picudo-rojo-amenaza-mendez-nunez/0003_201812H7C4996.htm Con acceso o 30/10/2022.
METEOGALICIA. 2023. Histórico da estación CIS Ferrol. Ferrol. A Coruña. Variables diarias. Periodo de consulta: 01-01-2023 a 16-01-2023. Xunta de Galicia. Documento en liña en: https://www.meteogalicia.gal/web/observacion/rede-meteoroloxica/historico Con acceso o 23/03/2023.
PEÑA, A. 2022. “El Ayuntamiento de A Coruña no plantará más palmeras por la plaga del picudo rojo”. El Ideal Gallego (03/08/2022). Documento en liña en: https://www.elidealgallego.com/articulo/acoruna/ ayuntamiento-coruna-no-plantara-palmeras-plaga-picudo-rojo-3845587 Con acceso o 30/10/2022.
PÉREZ-OTERO, R.; MANSILLA, J.P. & LAMELO, R.J. 2013. “Primera cita del picudo rojo de las palmeras, Rhynchophorus ferrugineus” (Olivier 1790) (Coleoptera: Curculionoidea: Dryophthoridae), en Galicia (NO de la Península Ibérica). Arquivos Entomolóxicos, 8: 97-101.
SILVEIRA, E. 2021. “La plaga del picudo rojo pone en peligro palmeras centenarias de A Coruña”. La Voz de Galicia (27/03/2021). Documento en liña en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/ 2021/03/27/plaga-picudo-rojo-pone-peligro-palmeras-centenarias/0003_202103H27C1991.htm Con acceso o 30/10/2022.
SOTO SÁNCHEZ, A. 2011. “El picudo de las palmeras: descripción, comportamiento y daños (ponencia inaugural)”. Phytoma España, 226: 10-13.
SUBDIRECCIÓN XERAL DE BIODIVERSIDADE E DE RECURSOS CINEXÉTICOS E PISCÍCOLAS. 2021. Árbores e formacións senlleiras de Galicia. Xunta de Galicia. Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Dirección Xeral de Patrimonio Natural. 202 pp.
TORRES, M. 2015. “El picudo rojo ha matado en O Val Miñor y O Baixo Miño cien palmeras”. La Voz de Galicia (02/01/2015). Documento en liña en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2015/01/02/picudo- rojo-matado-val-minor-baixo-mino-cien-palmeras/0003_201501V2C5991.htm Con acceso o 30/10/2022.
XUNTA DE GALICIA. 2021. “O control do picudo vermello das palmeiras” (febreiro 2021). Consellería do Medio Rural. 11 pp.