Pico d’Ouro

19/04/2013, Paulino Gasalla

Lendo, fai uns dias algúns recortes de prensa publicados no ano 1930 no periódico de Serantes La Libertad, lembrei que cando era pequeno, viaxando naquel fermoso autobús de carrocería de madeira chamado cariñosamente por todos “A Paxarela” propiedade da empresa que facía a liña Ferrol-Covas (Ramón y Suárez), podiamos ver ó chegar a altura da canteira, que existía un cumio de pedra maxestoso que dominaba a paisaxe, e que coñeciamos como o Pico do Ouro. O seu granito semellaba unha torre de vixía, un castelo ou simplemente un monumento da Natureza.

Estes artigos titulábanse “Naturistas” e “Repercusións” publicados o primeiro o 2-7-1930 e o segundo o 16-7-1930. No primeiro relata a visita a Ferrol e Serantes do grupo de “Naturistas” da Coruña “Los Amantes del campo”. Fixeron unha ruta saíndo de Ferrol, e en Xoane se lles unen moitos veciños que os acompañan ata Chamorro; de alí un grupo sae en dirección ó Pico do Ouro, e o xornalista o comenta deste xeito «…otros se marcharon a “Pico D’ouro”, reuniéndose, por último, todos para contemplar el ingente panorama que desde aquella cumbre brinda la Naturaleza, hablándose de historia y futuros proyectos». Uns dias despois nos contan en relación coa visita «Hay que desengañarse que el mundo es una cadena y que un eslabón tira por otro; por eso nosotros celebraríamos de que PicoD’ouro fuera incluido en el circuito turístico de Galicia».

Á vista do que quedou do Pico do Ouro, ¿Cal seria a resposta que nos darían aqueles “Amantes del Campo” se puidesen velo?, atopando no seu lugar un profundo furado, e a terra o seu redor descarnada e fendida por profundas feridas polas que a borboriños mana, como se de sangue se tratase, auga barrenta e areosa que se espalla ata o leito do rio da Sardiña, converténdoo nun lugar sen vida, símbolo dese desenrolo inhumano en que algúns empénanse en meternos con ideas tan suxestivas como colocar case sempre sobre brañas, humedais, campos dunares, fragas, restos arqueolóxicos, etc, intervencións tales como: piscifactorías, polígonos industriais, estradas imposibles, recheos marítimos, portos exteriores, urbanizacións, campos de golf…, que na maioría das veces a súa utilidade é mais que cuestionable.

Á vista das últimas propostas sobre futuro turístico de Ferrolterra é evidente que xa non é posible incluír nese hipotético “circuíto turístico de Galicia” o “Pico D’ouro”, pero desexemos que si poidan selo outras como: Ponzos, Santa Comba, Cabo Prior, Menancaro, Humedais de Mandiá, Brión, A Veiga de Leixa, As Cabazas, O proxecto Esmelle, e moitas máis que están no pensamento de todos, e que si poden traer a Ferrolterra un futuro turístico de calidade e por suposto un desenrolo industrial respectuoso coa Natureza, que non deixe sobre a nosa terra máis “Picos D’ouro”.

 

Imagen 1. Silueta orixinal do Pico do Ouro

 

Paulino Gassalla

 

<< Volver