Os bosques de galería da comarca de Esmelle

12/04/2008, Luis Pablo Torrella Allegue

​​

INTRODUCCIÓN
Nas beiras dos pequenos cursos fluviais que regan a comarca de Esmelle, atopamos unhas formacións frodosas en formas de manchas de bosque que se van espallando sempre asociadas ás correntes fluviais e en xeral, ás zonas húmidas de auga doce.Estas formacións de carácter ripícola (de ribeira) son coñecidas como bosques de galería ou de ribeira, e o seu nome ven dado porque forman unha franxa estreita que acompaña ao curso do río na súas diferentes formas. Aquí, aínda que tamén medran outras especies que están asociadas aos ambientes húmidos e umbríos, debemos salientar por enriba de todo a presencia do ameneiro (Alnus glutinosa) como especie dominante, xa que ao igual que os salgueiros (Salix atrocinerea), o ameneiro é unha das poucas especies leñosas capaces de medrar en terreos encharcados.

O principal obxetivo deste documento é achegar ao lector a importancia ecolóxica destas formacións, que precisamente na zona de estudio cada vez son máis escasas.

 

ASPECTOS BOTÁNICOS DO AMENEIRO
Esta árbore pertence á familia Betulaceae (como os bidueiros e as aveleiras) e dentro de esta, ao xénero Alnus (Gaertner) o cal está extendido de forma relativamente amplia ao longo do planeta, desde practicamente o nivel do mar até a media montaña, alcadando unha altitude case sempre inferior aos 1.500 m. e presentando diversidade de especies que amosan unha gran variabilidade. Na nosa zona contamos cunha soa especie, a Alnus glutinosa (L.) GAERTNER, que é a que trataremos no presente traballo.

O ameneiro é unha especie arbórea caducifolia, monoica (na mesma árbore aparecen separadas as súas flores segundo o sexo), e anemógama (necesita do vento para espallar o seu pole). A súa altura pode chegar aos 25 m. aínda que a media está nunha altura de 10-12 m. e un diámetro inferior ao medio metro. Os exemplares atopados preto do mar son de pequena altura, debido seguramente á incidencia do vento e o salitre. Así, na nosa zona de estudio (Fig. 1), o lugar máis baixo onde podemos atopar ameneirais é onde se xuntan o Rego do Soagraña e o Rego Saído, case na desembocadura da praia de San Xurxo-Esmelle.

Figura 1: Mapa da zona do estudio.
A cor negra marca o límite e a cor gris, os cursos dos ríos.

Esta árbore é unha especie de media lonxevidade, sobrepasando rara vez os 100 anos. Baixo condicións adversas a súa idade ronda os 25 anos, pero algúns autores apuntan que ante boas condicións de crecemento, moitos exemplares acadan os 120 anos. A súa cortiza é escura e lisa nos exemplares xoves, voltándose máis escura, agrietada e dividida en anchas placas, nos exemplares máis vellos.

As follas aparecen alternadas. Son caedizas e bastante redondeadas. Cando abrochan son algo aterciopeladas, pero pronto se voltan lampiñas. Son verdes nas súas dúas facianas, aínda que algo máis pálidas na faciana inferior, onde resalta a nervadura. Os brotes son grosos e robustos.

As flores aparecen no verán en forma de amentos (algo semellante a espiguiñas), aínda que o seu desenrolo se leva a cabo no inverno seguinte Os amentos masculinos penduran e son de forma longa e cilíndrica, cunha lonxitude de entre 5 e 10 cm. (Fig. 2). Os femeninos, pola contra, son de forma ovoide e bastante máis pequenos, cunha lonxitude de arredor de 1 cm.

Figura 2: Amentos masculinos

O froito é pequeno, cun diámetro que oscila entre 1 e 2 mm.

O seu tronco é polo xeral dereito, cilíndrico, macizo e bastante limpo, cunha madeira que recén cortada é marelenta, tornándose rapidamente dunha cor vermello-alaranxada. Cando seca o corte, este vai quedando dun tono rosáceo e lixeiramente alaranxado, o que lle confire en conxunto un bonito veteado. Esta madeira resiste moi ben a humidade, xa que tarda en apodrecer e ser atacada polos fungos, empregándose moito antaño na fabricación de pezas para os muíños, taboleiros para as pontes e demáis útis que haberían de estar en contacto directo coa auga. Tamén era empregada para facer zocas e mangos de ferramentas.

No uso medicinal, como as codias e as follas son ricas en taninos, eran empregadas coma astrinxentes e tamén como remedio relaxante para os pés tras longas camiñatas. Tamén se facían infusións con elas para curar os males da gorxa.

As súas raíces son fortes e bastante ramificadas, penetrando moito na auga sen que a árbore sofra, deixando claro que é a especie mellor adaptada aos cambios temporais do nivel freático (acumulación de augas nas diferentes capas do subsolo). O ameneiro non queda nunca sen aporte hídrico. Así, aínda que existan oscilacións dos niveis da auga, a súa raizame sempre estará en contacto directo coa mesma, cousa que as outras especies non son quen de facer da misma forma xa que elas responden sacando raíces superficiais cando o nivel está alto, e sufrindo carencias do aporte hídrico cando este nivel descende.

Tamén, si por un tempo prolongado ocorre unha elevación do nivel freático por enriba do solo, do tronco do ameneiro brotarán unhas raíces. Estas raíces, coñecidas como “adventicias”, son de corpo máis esponxoso que as comúns e aparecen moi ramificadas, o que lles permiteo tanto penetrar no solo, como quedar flotando nas augas.

Resumindo, diferenciamos no ameneiro dous tipos de raíces segundo o nivel freático do solo onde habita:

NIVEL FREÁTICO

SISTEMA RADICAL

Alto por longo período

Raíces adventicias (superficiais)

Baixo por longo período

Raíces profundas

 

Pero ademais destas curiosidades, o ameneiro aínda agocha outra sorpresa máis na súa raizame superficial: nas raíces dáse un caso de simbiose (asociación entre diferentes especies que sacan proveito entre sí). Nelas, medran unhas bacterias que lle permiten á árbore fixar o nitróxeno da atmósfera e a cambio, estas bacterias obteñen da árbore o carbono e as fontes de enerxía necesarias para o seu desenrolo. É por isto que o ameneiro é capaz de colonizar sólos desnudos ou moi degradados.

 

OS BOSQUES DE RIBEIRA DA COMARCA
Sabemos que o ameneiro é a especie que mellor se adapta ás condicións de humidade existentes entre a transición do medio acuático e o terrestre, e, ao mesmo tempo, sabemos que esta especie é a dominante nos ecosistemas das ribeiras dos regatos, onde estes bosques riparios teñen gran importancia: por un lado fixan as beiras coas súas raíces evitando a erosión provocada polas chuvias torrenciais, e, por outro, provocan sombra coa súa frondosidade axudando así a regular a temperatura das augas e das súas marxes. De esta forma é posible manter unha temperatura estival máis ou menos constante, dando lugar a formacións umbrosas de abundante vexetación que aproveita ese grao case permanente de temperatura e humidade do solo onde se asenta. Estas formacións están constituídas en xeral, por especies pioneiras de crecemento rápido, que definen ben o trazado dos ríos e fan que sexan recoñecidos a distancia ao mesmo tempo que dotan á paisaxe dunha singular beleza.

No canto á fauna, nas raíces dos ameneiros moitas especies atopan cobixo, e aínda que atopemos outras especies vexetais nestas comunidades, algúns destes animais están relacionados exclusivamente á presencia do ameneiro nalgún intre do seu ciclo biolóxico.

Así, moitos invertebrados pasan algunha das súas etapas metamórficas ligados a esta árbore. Algúns deles levan a cabo o seu desenrolo nas súas fases larvarias alimentándose da madeira debilitada e provocando perforacións (xilófagos e saproxilófagos) e outros, das súas follas maduras e brotes (fitófagos ou defoliadores). Aínda que a meirande parte dos invertebrados perforadores atacan exclusivamente ás árbores enfermas ou debilitadas por calquera condición, temos que sinalar que é gracias á actuación dos seus depredadores polo que non se converten estos atacantes en perigosas plagas potenciais.

Por outra banda, entre os vertebrados que aquí atopamos destacamos os anfibios, ben ligados a este medio gracias ao ambiente húmido que se conserva na época estival entre as raíces da árbore. As aves e os mamíferos insectívoros como os morcegos, viven, aniñan ou logran o seu alimento nos invertebrados que habitan entre a fronde do ameneiro. Outros, como as musarañas, atopan entre a vexetación do solo o seu sustento.

Outros dos mamíferos que aproveitan a frondosidade destes bosques na procura do alimento son os mustélidos. Os xabaríns e os corzos tamén atopan aquí cobixo, deixando os primeiros moitas veces pegadas e marcas tras retozar na lama.

 

ESTADO DOS BOSQUES DE GALERÍA DA COMARCA E PERIGOS QUE CONLEVA A SÚA DESAPARICIÓN
A desecación das zonas húmidas foi constante na comarca desde as décadas dos 50 e 60 debido principalmente a intereses agrícolas, urbanísticos e industriais, polo que foron quedando as zonas menos alteradas restrinxidas a espacios máis achegados á costa, onde son maiores os impedimentos legais e máis pobres os sólos dende o punto de vista agrícola.

Figura 3: Zona talada e afectada por recheo.
As frechas brancas sinalan os troncos cortados.

Aínda que a comarca de Esmelle non está sobrepoboada, atopamos manchas de bosque de ribeira moi afectadas pola influencia humana. Moitas destas manchas están a desaparecer, e a pesares de que o ameneiro é unha especie de rápido crecemento, empregado durante anos na producción de biomasa de turno curto, moitas destas manchas non poden recuperarse das talas, pois tras elas, estase a arrincar o pé da árbore e, nalgúns casos, posteriormente leváandose a cabo recheos do terreo con refugallos da construcción (Figs. 3, 4, 7 e 8).

Figura 4: Zona talada e afectada por recheo. As frechas negras sinalan as pólas dos ameneiros e as brancas, o camiño feito con recheo de refugallos da construcción.

A destrución dos bosques de galería ocasiona unha serie de prexuízos que rompen a heteroxeneidade do ecosistema e, polo tanto, a súa biodiversidade: como xa explicamos, é un importante hábitat como refuxio e provisión de alimento para numerosas especies, ao lograr aquí as condicións óptimas de desenvolvemento que non poden atopar noutras zonas debido ao mantemento por parte destas formacións duns niveis asociados de humidade e temperatura.

Figura 5: Exemplo da frondosidade dun praderío na beira do Rego de San Xurxo.

Por outra banda, a vexetación que acompaña aos ameneirais xoga un papel moi importante nas beiras, posto que actúa case coma un filtro natural da contaminación procedente das zonas agrícolas que chega arrastrada nas escorrentías. Ademais, a materia vexetal que aportan os bosques de ribeira son a base da cadea trófica e, xunto coa exudación das súas raíces, forman a primeira fonte de carbono orgánico usada na transformación dos nitratos. Algúns autores mesmo suxiren que este tipo de bosque é máis eficiente na captación dos químicos agrícolas que a comunidade herbácea (Fig. 5).

Figura 7: Recheo con ladrillos e refugallos da construción

As ribeiras poboadas de vexetación representan zonas cunha elevada capacidade de retención de sedimentos e os ameneiros, co seu singular sistema de enraizamento, contribúen á fixación das beiras dos regos, axudando a evitar inundacións e riadas e aumentando considerablemente a resistencia á erosión pola forza da corrente dos regatos.

Figura 8: Gran recheo con terra e lama. As coordenadas utm deste recheo son 29TNJ-0558828 / 4820137.

Estes ecosistemas tamén actúan como corredores ou liñas de desprazamento para numerosas especies, posibilitando o seu movemento ou a conexión entre diferentes hábitats según os estadíos de desenvolvemento e os requerementos propios de cada especie (Fig. 10).

Figura 9: Bosque de galería con vexetación palustre. Obsérvese a liña de umbelíferas nos límites.

A destrución das canles fluviais tamén afecta directamente ao bosque ripario que o rodea e, cando este desaparece, a fauna empobrécese e mesmo chega a desaparecer. As interrucións do corredor que forman estos bosques tamén fan disminuír a biodiversidade das ribeiras.

Figura 10: Exuberancia e frondosidade do bosque de ribeira existente nas inmediacións da desembocadura na Praia de San Xurxo-Esmelle.

 

CONCLUSIÓNS

Para manter o valor ecolóxico do bosque de galería é preciso conservar e mesmo restaurar dentro do posible, bandas continuas de vexetación riparia natural, a cal protexerá as canles dos regatos das actividades de labranza levadas a cabo nos praderíos aledaños.

A concienciación por parte dos labregos para que empreguen dun xeito non abusivo os productos fitosanitarios, ao mesmo tempo que valoren a importancia agrícola e ecolóxica do arbolado e demais vexetación ripícola, é de suma importancia na boa conservación dos bosques de ribeira (Fig. 6)

Figura 6: Praderío de pastizal que morre literalmente na mesma beira do Rego de San Xurxo, o cal nace no Monte Casavella e discorre atravesando Papoi e o Val de Esmelle ata Ríoxunto

Por outra banda, e non por iso menos importante, é necesaria unha eficaz ordenación urbanística que aplique de xeito eficaz as leis establecidas pola Lei de Augas de Galicia nas zonas de policía e nas zonas asolagables que rodean aos cauces fluviais da comarca. A solicitude de licenzas e permisos de tala do arbolado vén seguida moitas veces por unha tardanza na resposta por parte da Administración, polo que en numerosas ocasións cando esta resposta chega, o dano xa está feito e o autor dos feitos acollido ao “silencio administrativo”. Mesmo chegamos a constatar estas talas a mediados do mes de maio, coa repercusión que conleva en plena época de cría de moitas aves. As lexislacións estatais e autonómica reflicten nos articulados de varias das súas leis (Lei do solo, de Montes, de Augas, de Hábitats) a importancia destes ecosistemas, os cales xa sufriron en pasadas ocasións importantes danos debido á rede de pistas da parcelaria, que fraccionaron o espazo e canalizaron as augas da zona ás veces mesmo por medio de recheos.

Desde a Sociedade Galega de Historia Natural facemos un chamamento ao respeto destos ecosistemas, que ademais de subministrar nos meses cálidos un microclima fresco e húmido moi apreciado polos seres vivos (incluído o ser humano), representan enclaves de diversidade biolóxica que, anecdoticamente, ao longo da historia sempre quixemos imitar unindo a presenza nos parques e xardíns de auga e vexetación, para así recrearnos cos sons do correr da auga e dos cantos dos paxaros.

 

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

CASTROVIEJO, S. e col. (edits.) (1986): Flora Ibérica. Vol.II. Platanaceae-Plumbaginaceae (partim). 891 pp. Real Jardín Botánico. CSIC. Madrid.

CERQUEIRA, F., DÍAZ, J., GÓMEZ, A., GONZÁLEZ, J., OTERO, M., VIÑAS, P. (2004): Cabazas no PreLIC da Costa Ártabra. Paspallás 36, 20-22. Sociedade Galega de Historia Natural. Santiago de Compostela.

COBOS, J. (1988): Contribución al conocimiento de la fauna de artrópodos parásitos del aliso [Alnus glutinosa (L.) Gaertner] y su control. Boletín de Sanidad Vegetal, Nº 14: 302 pp. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Dir. Gen. Prod. Agr. (Subdir. Gen. San. Veg.). Madrid.

DAJOZ, R. (2001): Entomología Forestal: los insectos y el bosque. 548 pp. Ed. Mundi-Prensa. Madrid.

DUDLEY, N., EQUILIBRIUM, VALLAURI, D. (2004): Deadwood-Living forests: The importance of veteran trees and deadwood to biodiversity. 19 pp. WWF. France.

GONZÁLEZ, S., VILLARINO, A. (2001): Recuperación ambiental integral da Limia: Unha utopía necesaria... ¡e posible! Paspallás 32, 23 pp. Sociedade Galega de Historia Natural. Santiago de Compostela.

INSTITUTO GEOGRÁFICO NACIONAL (1981): Mapa Topográfico Nacional de España. San Salvador de Serantes. Hoja Nº 6-IV (1:25.000). Ministerio de Fomento. Madrid.

JOHNSON O., MORE D. (2006): Árboles. Guía de campo. 480 pp. Ed. Omega. Barcelona.

MÉNDEZ, M. (2005): Los insectos saproxílicos en la Península Ibérica: qué sabemos y qué nos gustaría saber. 11pp. Primeras Jornadas Técnicas sobre árboles viejos, bosques maduros y su biodiversidad. 14-15 Octubre 2005. Bértiz.

NIÑO, H., SILVAR C. (2001): Guía das árbores de Galicia. 241 pp. Baía Edicións. A Coruña.

COSTA, M., MORLA, C. Y SÁINZ, H. (edits.) (2005): Los bosques Ibéricos. Una interpretación geobotánica. 597 pp. Ed. Planeta. Barcelona.

 

<< Volver