O Muíño do Bosque

26/04/2006, Mario Valdivieso Mateo

​​
Situación do lugar do Bosque

A nomeada revolución industrial que, procedente do Reino Unido, foi espallándose por tódolos pobos de cultura occidental, entrou tamén no noso país pola porta de Cataluña, abrindo un imparable camiño de progreso, mercé á considerable mellora nos medios de explotación de tódalas industrias, tanto nas grandes empresas, como nas medianas e mesmo nas máis modestas. A evolución permanente da máquina de vapor foi suplantando e, as veces, complementando aquelas industrias que se servían do esforzo humano, de algúns animais ou, si cadraba, aproveitando a forza hidráulica directa dos ríos.

Rematando o século XIX, cando xa a electricidade amosaba o que ía ser o medio enerxético máis común e versátil, aínda se estaban a instalar máquinas de vapor de pequena e mediana potencia, para accionar muíños fariñeiros.

Esta solución era moi común no caso de muíños servidos por regatos de escaso caudal, que adoitaban terse que deter nas tempadas de estío.

Coñezo o caso dun muíño que existía, alá polo ano de 1870, onde hoxe é plena cidade de Ferrol, nun lugar chamado de Higueras[1], o pé dun regato do mesmo nome, que baixaba entre as rúas Real e Magdalena. Un muiñeiro chamado Cipriano Piñeiro chegara a instalar unha caldeira que producía o vapor para facer mover unha máquina de vapor que, á súa vez, accionaba as moas do seu muíño. Por certo que o muiñeiro tivo un serio problema cando foi denunciado por algúns veciños, que se sentían molestos polo exceso de fume que botaba a cheminea da pequena planta de vapor. Constatamos que xa daquela existían desacordos entre certas industrias e o seus efectos contaminantes.

Daquel regato das Figueiras puidéronse ollar, hai algúns días, as súas augas aínda correndo parellas co alcantarillado, recentemente levantado polas obras nas rúas de Ferrol.

Entre o Estadio Municipal de Ferrol e o recinto da FIMO, desembocan as augas -lamentablemente fedorentas- do río da Sardiña; que augas arriba recolle o caudais de dous regatos: o Bustelo e o da Sardiña.

Compoñentes do Muiño do Bosque
Roda hidráulica do Muiño do Bosque

Cando xa os dous regatos corren xuntos, no lugar nomeado do Bosque -moi preto da estrada que vai de Canido a Cobas- e no que entón foi Concello de Serantes, atópase un edificio recentemente restaurado para vivenda, onde estivera un muíño: o muíño do Bosque.

En 1899, o seu propietario, Bartolomé Rico Díaz[2], decide efectuar melloras na casa vivenda e no muíño albergado, que estimo que daquela sería de rodicio horizontal. Para efectuar a reforma, solicita unha autorización ó estamento militar, xa que o lugar que ocupaba estaba comprendido nunha denominada “terceira zona polémica”.

Obtida a preceptiva autorización, lévase a cabo a modificación das instalacións do muíño, de acordo co proxecto.

É de salientar, neste proxecto,  a utilización dunha roda hidráulica como elemento receptor da encanada corrente acuosa. Este medio apenas era usado nos muíños desta zona, xa que a maioría deles servíanse do típico rodicio de eixo vertical, construído con penlas de piñeiro verde ou, nalgúns casos, de ferro fundido. A roda hidráulica do muíño do Bosque, aínda que bastante enferruxada, mantense no posto onde foi montada fai máis dun século.

Coido que esta roda hidráulica constitúe unha sobranceira peza digna de ser conservada nun museo[3], se os seus actuais propietarios decidiran desfacerse dela. 

Segundo os planos do proxecto, o muíño estaba dotado decatro xogos de moas, que eran movidas por medio dunha serie de correas e rodas dentadas a partires do eixo horizontal que estaba axustado á devandita roda hidráulica.

Disposición en planta do Muiño do Bosque

Como o regato da Sardiña non é moi caudaloso, agás nas épocas chuviosas do inverno, o Bartolomé tivo  o bo sentido de facerse instalar un dobre sistema motriz, consistente nunha pequena  planta de vapor – caldeira e máquina alternativa – axeitada para substituír a roda hidráulica nos tempos da seca. Dise xeito podía cumprir as demandas para facer fariñas de trigo, millo e centeo, que daquela eran moi frecuentes.

Reitero salientar a importancia de conservar, dalgún xeito, os elementos aínda existentes que conformaron unhas instalacións de moenda tan excepcionais. Coido tamén que debería de afrontarse con seriedade o saneamento integral das augas que manteñen o conxunto fluvial dos regatos Bustelo e Sardiña. O medio ambiente amais dunha parcela da arqueoloxía industrial, reclaman a consideración de todos nós.

 


[1] Tamén chamado Regato da Bocatorta.

[2] Bartolomé Rico Diaz  era Maquinista da Armada.

[3] A única roda hidráulica da que dou fe, nesta comarca, foi instalada no río Belelle, a mediados do século XIX, no lugar do Roxal, para accionar o conxunto de teares que constituían a principal parte da nomeada Fábrica de Tecido de Isabel II.

<< Volver