O liño en Covas

10/04/2005, Xabier Monteiro Graña

​​

Seguindo co propósito de recuperar a nosa memoria histórica, unha das tarefas que tivo unha gran relevancia na economía familiar e no xeito de vivir en Galicia foi o cultivo do liño. Nas parroquias que hoxe configuran o concello de Ferrol e máis os seus colindantes era común o cultivo desta planta así como no resto de Galicia, na península, e diversos países de Europa. O liño foi protagonista de boa parte da nosa cultura. Cada familia cultivaba a planta para o seu uso, e dicir para facer a roupa da casa: mantas, sabas, colchas, manteis, tapetes, toallas, alfombras de trapos, a roupa de vestirse por dentro e por fora, saias, camisas, faldras, xustillos, mantelos, medias, etc, pezas imprescindibles e naqueles tempos custosas tendo en conta que a economía era de subsistencia.

Existen distintas clases de liño, que se cultivan en diferentes épocas do ano, haino de verán e de inverno, para producir máis febra ou máis semente, dependendo do uso que se lle vaia a dar. O liño seméntase en terras grosas e boas, o cultivo non require de moitos coidados. A terra prepárase como para sementar cereais, hai que arala e gradala, sementando a liñaza a vóeo. O proceso tradicional da elaboración do fío de liño era longo, lento, laborioso, esforzado, coidadoso e artesanal, no que participaba toda a familia, os da casa e as veces os de fora. Require de habilidade e paciencia porque dura practicamente todo o ano. Era ademais un dos traballos comunitarios do ciclo anual que melloraba a convivencia e as relacións sociais entre os veciños no que non faltaba o divertimento nos fiadeiros entre mozas e mozos. Hoxe claro está o proceso tradicional non é rendible e actualmente faise de forma mecánica. En toda Galicia quedou rexistrado na toponimia un abundante número de nomes de lugar que dan testemuña deste cultivo como son: Liñares, Liñar, Liñeira/o/os/as, Liñaza, Liñarán, Liñarigo, Liñarede, Liñarega, etc. En Covas temos os Corgos, pozas para sumerxer o liño.

Aínda quedan persoas nas vilas galegas que recordan con certa nostalxia o cultivo do liño, por ser xa moi maiores urxe que recollamos a súa sabedoría. A día de hoxe atopamos afortunadamente testemuñas directas en Covas, veciñas que aínda recordan o seu cultivo e o proceso da elaboración de esta planta que se deixou de cultivar entre finais do século XIX e principios do XX. Toda a cultura que rodea o cultivo do liño da para moitas páxinas, pero intentaremos facer un resume para dar unha idea xeral e non alongar demasiado o texto. Empezaremos transcribindo o que quedou por escrito sobre do liño en Ferrol. Na Historia de Ferrol de José Montero Aróstegui, publicada no ano 1858 nos di por estas datas:

Prescindiendo de la ciudad de Ferrol, donde en liceos, tertulias y diversiones públicas se bailan y tocan las piezas mas escogidas y modernas de una elegante sociedad, las diversiones de los campesinos consisten generalmente en las reuniones que hacen con motivo de las tascas del lino, hilas, deshojas del maíz, majas de los cereales, y muy especialmente en las romerías. Los instrumentos que usan son el pandero, castañuelas, flautas y muy particularmente la gaita con el tamboril, coreando las canciones que suelen terminar por los varones con unos gritos guturales y fuertes que llaman aturuxos. (p 400 H. F).

La mayor parte de los labradores usan de zapatos o de zuecos de madera, pero las aldeanas no se resienten de andar descalzas, cargando sobre su cabeza pesos de consideración. Los vestidos que ordinariamente llevan consisten en telas de lana áspera, hilada a mano por ellas mismas y elaboradas por telares caseros. (p 400 H. F).

Las producciones más comunes son maíces, patatas, centenos, trigos, se había generalizado bastante el cultivo de viñas y parrales, pero la enfermedad de la vid en estos años, conocida con el nombre de odium, hizo desaparecer algunos viñedos. El cultivo del lino es también bastante común. (p 405 H. F).

Las mieses no se quebrantan con trillos ni con el pisoteo de caballerías, sino que se majan en las eras con unas pértigas giratorias en la extremidad de otras mas largas, que llaman mallos. (p 405 H. F).

Hay varios obradores de distintas clases, de los que nos ocuparemos en otro lugar, y los lienzos, calcetas, hilos y alguna mantelería que se calceta en telares caseros no hacen más que cubrir parte del consumo de la población. (p 305 H. F).

Los géneros de lana, lino, seda y otras materias procedían también de varios países nacionales y extranjeros. (p 306 H. F).

Los principales artículos que se pesan con la libra gallega son las carnes, tocinos, mantecas y linos del país. (p 309 H. F).

El hilado del lino, que comúnmente se hace a la rueca por las mujeres para las telas de lienzos que se trabajan en telares caseros, es también una industria bastante generalizada en el país. (p 407 H. F).

La ciudad de Ferrol (…) celebra una feria el tercer domingo de cada mes, a donde concurren todas las producciones de aquellas comarcas, consistentes en granos, mantecas, mieles, lienzos, lino, hilos. (p 309 H. F).

(... de las obras de cestería, vasijas de madera y aperos de labranza que se sitúan en la Plaza Vieja, y las ruecas, husos, cubiertos de madera y otras obras de esta clase que se colocan junto a la iglesia de San Francisco. (p 309 H. F).

 
O Fiadeiro

 

O cultivo do liño en Covas

Como as persoas que nos informaron son moi maiores e natural que na súa memoria haxa algunhas lagoas, aínda así quedamos máis que satisfeitos e abonda para dar testemuña directa do cultivo e das tarefas do liño en Covas e nas parroquias veciñas.

Varios veciños sementaban o liño nas terras de Covas, a terra tiña que ser boa e algo pesada. Se sementaba como a cebada no mes de abril. Había algunhas casas que botaban bastante. Na leira se arrancaba e se facían mollos pequenos e logo ían co carro a buscalo. O liño era unha herba (como se fora trigo) que na punta tiña unhas boliñas a “graíña” que era a semente. Cada un sementaba para si, para facer a roupa da casa.

O liño se levaba a mollar, a “encorgar” ao cano de Marmadeiro (Cano do Foutadoiro). Se facía unha furada no cano e se metía alí dentro da auga e se lle botaban pelouros por riba. Se deixaba alí case un mes e logo o iamos a levantar e o poñiamos a secar o sol ben tendidiño. Para quitarlle a semente batíase contra unha táboa que tiña unhas puntas de ferro e saltábanlle as “graíñas”. Despois se mazotaba poñéndoo sobre unha táboa zoupándolle por enriba e saíalle toda a “casca” e dentro quedaba como se fora la, logo había que rastrillalo (restrelalo) para separar ben o “cerro” do liño do resto que era a “estopa” para fiar. Despois secábano ben secadiño e xa estaba listo para fiar. Entonces se torcía para facer o fío e se facían “mazarocas” que se poñían no fuso. Un liño era máis fino e o outro máis bruto. O cerro era máis fino ea estopa máis basta.

-¡Fíasme o cerro e máis a estopa¡ -(O Fiadeiro)

As mulleres que sabían fiar, fiábano co fuso e a roca. Metían o cerro (a la do liño) na roca e a roca na cintura e co fuso fiaban. Facían unha cantidade del. Cando vían que se ía a rematar, as mulleres xuntábanse na casa da “dueña” que cho dera para fiar e se facía case como se fora unha festa e dábanche unha cena. As veces dábanche “perrusalda” que era unha sopa de pan trigo con azafrán e azucar. Logo mandábamos o fío a Neda, á Mourela onde o tecían. Nos facían mantas, sabas e colchas. Tamén se facían colchas de trapos con liño e con la que pesaban moito. Ademais trapos, tiras e piolas. Cada familia facía para si a roupa da casa, se facía un mandil, saias para poñer tanto por fora como por abaixo.

 
Cristina Fiando

(Dona Cristina, maior de 92 anos. Veciña de Covas - En Covas, 2003 )

Tamén en Esmelle cultivábase o liño hai veciños que recordan ter gardadas varias colchas feitas co liño da casa. A demais como indica o Diccionario Xeográfico Estadístico (Pascual Madoz- Madrid, 1845) un dos cultivos de Esmelle era o liño.

 

O Cultivo do Liño en Valón

Contaba miña avoa que na súa xuventude cultivaban o liño en Valón, nas súas terras do Pereiro, en Brión (Liñares), e tamén nas outras parroquias. O sementaban en abril. Alá polo mes de xullo ou agosto o recollían a man facendo feixes. Logo o ían a buscar co carro e o levaban o río, o metían dentro da auga do río Soscorbos (Os Corgos -Río de Valón) a macerar e poñíanlle paos e pedras enriba para que a corrente non o levara. O deixaban así durante nove días e logo quitábano da auga e o estendían deixándoo no campo para que secara. Despois se mazaba para separar a casca da febra ata que se poñía como se fora algodón. Rematado esto se rastrillaba co restrelo e o ían estirando en febras (estrigas). Logo as mulleres da familia o pasaban pola roca e o fuso. O ían retorcendo para facer o fío e os novelos (mazarocas) e deixalo listo para tecer. O liño saía algo escuro e había que branquealo entón facíase unha colada. Para branquear o liño metíanse as mazarocas no pote e se cocían con auga, xabón e cinza, a medida que se ía cocendo íase dándolle voltas durante toda a tarde, logo se lavaba no lavadoiro e se estendía (a clareo) no campo a secar. Nos anos 50 (1950) aínda quedaban na casa algunha tea de liño e unha colcha que pesaba moito feita co liño da casa. Tamén había un fuso gardado no caixón da alacena.

(Valón-Parroquia de Doniños, 1973. Tradición oral familiar. Vidal, Velo e Graña)

 

Proceso de elaboración do Liño.

A continuación indicamos de forma resumida cal era o proceso tradicional da elaboración do fío do liño.

  1. Sementado. A finais de abril se sementa o liño. A terra prepárase como para sementar cereais, hai que arala e gradala, se sementa a liñaza a vóeo.
  2. Arrancado. Por xullo cando o liño se pon amarelo se recolle arrincando coa man facendo pequenos manoxos tendo coidado de non estragar a raíz quitándolle a terra batendo as plantas contra as pernas. Logo se transporta no carro para a casa.
  3. Ripado. As veces faise na mesma leira e outras na eira. Se lle quita a semente (grans de liñaza) batendo as plantas contra os dentes do ripo (banco de ripar) para que solten os grans que se recollen nun coi ou calquera outra tea. Logo se amarra formando feixes. Os grans gárdanse para varios usos, entre eles para sementar o ano seguinte.
  4. Empozado. Tamén chamado enriado. Os feixes se levan o río para macerar ou cocer (fermentar e abrandar) o liño co obxecto de que logo se poida separar a febra da casca. Se somerxe en pozas e se lle poñen pedras por riba para que non o leve a corrente. E déixase desta maneira entre oito e corenta días dependendo da clase de liño ou das zonas onde se cultive.
  5. Secado. Pasado o tempo de empozado o liño sácase do río e ponse a secar estendéndoo nun campo ou eira durante varios días, dándolle voltas de vez en cando para que seque ben. Unha vez seco recóllese facendo feixes.
  6. Mazado. Tamén chamado trillado. Hai varias formas de facelo. Normalmente se maza a man golpeando cunha maza de madeira sobre a pedra de mazar (mazadoiro). Se pode trillar pasando por riba as vacas. Despois se deluva e dicir refrégase coas mans para separar a palla ( arestas, tascos, parte leñosa) da febra. Co liño trillado fanse as estrigas (madeixas).
  7. Espadelado. Tamén chamado tascado (tascar o liño). Realízase nos últimos meses do ano, consiste en separar ben a casca (tascos) da febra. O liño se tasca no espadeleiro ou tascón, banco que ten no medio unha táboa vertical rematada en filo, sobre el póñense as estrigas e se golpean coa espadela (macheta de madeira) ata que se separa a casca (tascos) deixando o liño (cerro) limpo, o resto máis basto é a “estopa” que aínda pode sufrir varias limpezas para usala na fabricación de teas máis bastas.
  8. Restrelado. Polo inverno se restrela co “restrelo” que ten a forma de cepillo con puntas finas de ferro. Se pasan as estrigas polo restrelo para separar totalmente as partes grosas das finas, o cerro da estopa, e deixar o liño listo para fiar. Hai que darlle despois un un asedado (alisado). Este proceso pode dar varios subproductos, tomentos, tascos, estopa e cerro (liño fino).
  9. Fiado. O liño hai que que fialo e dicir facer o fío. Esta é tarefa das mulleres que fían o liño coa “roca” e o “fuso”. Se colle un manoxo de febra de liño (cerro) e ponse na cabeza da roca amarrándoa para que non se desfaga e se pon o pe da roca no lado esquerdo da cintura prendéndoa cunha cinta que pode ser a do mandil. Logo vaise collendo a febra coa man esquerda e coa dereita se vai retorcendo facendo o fío e envolvéndoo no fuso. Cando o fuso está cheo o fío sácase pola parte estreita do fuso e así queda feita unha mazurca.
  10. Ensarillar. Despois de fiado, con varias mazarocas ensarilladas faise unha madeixa (mea, meada, maraña). Vaise unindo o fío de varias mazarocas poñéndoo no sarillo; útil formado por catro aspas xiratorias sobre as que se van enredando o fío ata rematar formando a madeixa.
  11. Branqueado. O liño sae escuro e xeralmente se branquea operación que se chama “encolada”. Para branquear o liño hai que cocelo no pote. Se prepara unha tina con auga e cinza de toxo ou pino ben cribada e xabón, logo se remollan ben as madeixas na tina e se meten a cocer con auga ea cinza no pote. Despois de cocidas se lavan quitándolle a cinza que poida quedar e se poñen a secar a clareo. Esta operación pódese facer varias veces ata acadar a brancura desexada.
  12. Devanado. Antes de levar o fío ó tear fanse os novelos (ovillos). Coa maraña (madeixa) o fío pásase pola devanadoira (ou devandoira) que vai facendo os novelos. A última fase é o tecido no tear que xa corresponde a outro proceso.

O liño é unha planta herbácea anual da familia das lináceas de aproximadamente un metro de altura, ten as flores azuis (tamén brancas) de cinco pétalos é ramosa na punta con follas lanceoladas. O talo é recto e oco, dentro ten febra que se extrae e se usa para a producción de fío para a fabricación de tecidos e outros usos. Hai varias especies, a variedade máis cultivada en Galicia é o liño manso (linun usitatissimum). Os froitos (liñaza) son as sementes, grans elipsoides de cor agrisada que teñen varios usos, entre eles, son utilizados para producir por presión aceite de liñaza de moito uso para a elaboración de pinturas, vernices, linóleo, etc. Botadas as sementes en un auga forma un mucílago de moita aplicación na industria. En medicina popular utilízanse as sementes e a fariña en cataplasmas emolientes e como remedio para diversos males. Para uns investigadores o liño é orixinario do Cáucaso europeo e para outros de Oriente Medio (Mesopotamia), se cree que despois da cestería é a máis antiga febra téxtil. Foi empregado polos caldeos pero sobre todo polos exipcios que hai 3.000 anos montaron unha importante industria económica e cultural. Aparece varias veces citado na Biblia. Gregos, romanos, celtas e árabes traballaron o liño e Roma expandiu o cultivo por todo o imperio, no que o liño peninsular acadou moito renome.

Na Galicia castrexa de hai 2.000 anos quedaron testemuñas documentais de Estrabón e Plinio falando da boa sona e refinada calidade liñeira do NO, en concreto se cita “Zoela que é unha cidade da Gallaecia e se atopa xunto ó Océano” e detallan ademais o proceso de elaboración da planta, a maceración, e mazado no mazadoiro de pedra onde é golpeado con martelos grosos e pesados.

Existen fontes escritas do cultivo do liño na zona litoral, no século XVI (1532) unha ordenanza da vila de Viveiro prohibe acopiar liño nas casas debido os incendios a que daba lugar. No século XVII no Catastro de Marques de la Ensenada indica que a producción non cubría a demanda; e a partires do século XVIII en Galiza plántase o liño nas mellores fincas sendo o principal motor da economía rural e considérase que na maioría das casas había un tear. Se cultiva máis na zona litoral galega e nos vales próximos. Son famosos os lenzos de Viveiro, Padrón e Verín. Fonsagrada e Ordes son os centros recolleitadores comerciais máis importantes nos mellores tempos.

Na Idade Media toda Europa cultivaba o liño en maior ou menor proporción, pero é a finais do século XVIII durante a Revolución Industrial (1760-1830) cando o liño acada un maior desenrolo e relevancia económica mellorando as técnicas da súa elaboración. Coa chegada do algodón, planta barata que ten moita febra e que require escasa man de obra e cultivo moi simple; o cultivo do liño comeza a desaparecer poupo a pouco case na súa totalidade. Na primeira metade do século XX o principal cultivador en Europa era a antiga URSS, seguido de Holanda, Bélxica Francia, Italia e Alemania e fora: Exipto, Canada e Arxentina. Houbo pequenos rexurdimentos en situacións económicas precarias ou debido á escaseza de materias primas sobre todo na I Guerra Mundial (1914), e durante a guerra civil algunhas familias retomaron temporalmente o cultivo, pero o retroceso e continuo ata os anos 60 (1960) no que se pode dar por rematada a cultura do liño en Galicia.

Existen museos en moitos países dedicados o liño dada a gran importancia que acadou no pasado. Hoxe en día os veciños de algúns concellos rememoran e recuperan a tradición liñeira e fan celebracións cultivando leiras de liño e se reviven vellos tempos, realizando todo o proceso da súa elaboración, sobre todo coa participación da xente maior que aínda acorda outros tempos pasado. Houbo proxectos en Galicia de cultivo para tecidos comerciais como é o caso de deseñadores de roupa galegos de primeira liña.

 

Fontes consultadas:
Os Oficios. Xaquin Lorenzo, 1983.
O Liño. Xosé Manuel de Bernabé, 1992.
Historia de Ferrol. José Montero Aróstegui, 1858.
España siglo I de nuestra era. C.Plinio y P. Mela /Antonio Garcia Belido, 1982. G.E.G. Enciclopedia Larousse.

Xabier Monteiro Graña. En Ferrol 2004

<< Volver