O camiño dos mortos

27/04/2012, Paulino Gasalla

É dificil hoxe en día percorrer os camiños que noutro tempo viron pasar por eles a xente, gando, carros, etc., xa que coas estradas, pistas e novos rueiros ficaron moi pouco ou nada transitados, permitindo que silvas, toxos, fieitos, e todo tipo de vexetación os cerre case de xeito definitivo, sendo moi poucos os que aínda se poden disfrutar.

Un destes camiños aínda transitable, une as parroquias de San Xoán de Esmelle coa de San Xurxo da Mariña, ambas no concello de Ferrol. É o chamado Camiño do Crego ou Camiño dos Mortos, que comeza ou remata, segundo escollamos o comezo, nas Campeiras ou Monte do Pleito na Castiñeira (Esmelle), ata os Casais en Vila da Igrexa (San Xurxo).

 

 

Foto 1.

 

 

O nome de Camiño do Crego venlle de que o crego de Esmelle tamén o era de San Xurxo, e ata non hai moitos anos este era o camiño máis curto para se comunicar entre parroquias. O de Camiño dos Mortos remóntase moitos anos atrás. A Parroqia de Esmelle era matriz da de San Xurxo da Mariña, cando os feligreses desta última morrían, e para ser soterrados en sagrado, eran levados por este camiño ata a igrexa de Esmelle.

Pero imos percorrer o camiño comezando por Esmelle. Achegámonos ate a Castiñeira, despois de pasar a Fonte do Conde a uns douscentos metros atópase á esquerda unha pista asfaltada que collemos, a douscentos metros arrancan dúas pistas da parcelaria sen asfaltar, collemos a da esquerda ate que remata no lugar das Campeiras, comezando aí mesmo o camiño.

 

 

Foto 2.

 

 

Tratase do típico camiño de carros, e xa a pouco do comezo, por entre dos eucaliptos, unha vista belísima da praia de Esmelle, O Vilar, Pema Roiba e Cabo Prior. Un pouco mais adiante o Carregal e as dunas da praia de San Xurxo, e pouco antes de chegar, unha serena vista do remate da praia de San Xurxo, co mar verde esmeralda máis fermoso do noso litoral.

O paseo farásenos pracenteiro, xa que o son do mar e o canto dos paxaros acompañaranos por todo él. O arrecendo destacado é o do eucalipto, que é a especie vexetal dominante, algúns pinos e pouco antes do remate un souto de castiñeiros, tres deles bastante vellos, que á beira do camiño darannos boa sombra en días de moito sol, e refrixerio, xa que aí atópase unha arqueta de recollida de augas que case sempre reborda.

 

 

Foto 3.

 

 

Dous regatos atravesan o camiño, case sempre secos no verán. Algúns restos de muros de aterrazar os montes, en bastante bo estado, e por suposto as pegadas das rodas dos carros, como marca dun pasado, que dalgún xeito resístese a morrer.

Remata o camiño nos Casais, onde se atopan as primeiras casas de Vila da Igrexa en San Xurxo da Mariña, e comeza a pista asfaltada que nos levará ate a estrada xeral a Ferrol.

 

 

Foto 4.

 

 

O percorrido total é de mil oitocentos metros aproximadamente, case sempre en lixeira pendente, excepto pouco antes de chegar aos castiñeiros onde a baixada é máis pronunciada. Algúns toxos e silvas poñerannos algo de resistencia ao paso, pero sen importancia.

Se vos animades a percorrelo, de seguro que non ides saír defraudados

<< Volver