O atractivo das terras do litoral exterior ferrolá é un lugar común para quen as coñece. Na relación de argumentos para convidar a coñecelas están sempre a beleza das súas paisaxes, a singularidade das praias e os campos costeiros e, especialmente, o seu aceptable grao de conservación, destacable entre as costas próximas a núcleos urbanos en Galicia. O que non soe ser motivo de reflexión é que razóns explican tanto o atractivo para o visitante como o por que do seu estado actual. Estas liñas propoñen algunhas explicacións a ambas cuestións.
Por que atrae Prior? Por que se conserva así?
O factor xeográfico está en primeira liña de argumentación: o capricho xeolóxico que colocou esta colección de montañas costeiras alternando con vales —as veces quebrados coma os de Esmelle, ás veces abertos como os de Papoi, Covas ou A Mariña— dou en formar contrastes entre a liña horizontal do mar e a altura dos montes, tamén entre a rectitude do horizonte e as curvas do litoral, contrastes que resultan atractivos para a percepción humana.
Pero, ademais da xeoloxía, o clima obrigou cambios do nivel do mar en distintos momentos da historia do planeta, posibilitando praias en alturas lonxe das mareas actuais, ou erosión agora mergullada e bosques, como o de Ponzos1, hoxe enterrado por metros de sedimentos en zonas invadidas pola actual liña de costa.
Nestas etapas, os humanos non tiveron relevancia, simplemente non estaban, mais a súa aparición e colonización do territorio supuxo unha manchea de cambios na capa máis superficial da terra, da que os nosos devanceiros obtiñan a mantenza. Eses usos tradicionais mantivéronse ata ben mediado o século XX, en forma de explotacións familiares da terra ou como explotación comunal, obxecto deste artigo, o que tivo consecuencias para conformar a paisaxe que chegou ata o presente.
Imaxe 1. Aspecto de Cabo Prior
A fin de contas, o territorio en Galicia, tal e como se coñeceu ata mediado do pasado século, era o resultante do modelado natural (xeoloxía, clima e vexetación) e a acción humana. A influencia do sistema agro-gandeiro minifundista traduciuse nun uso intenso da terra para optimizar a produción de alimento, forraxe, madeira e leña en parcelas familiares ou comunais para o autoconsumo. Nas páxinas de números anteriores números de Columba atópanse fotos que nos recordan a paisaxe dunha terra aproveitada ao máximo.
Esta situación manteríase por séculos, ata que cambios exóxenos obrigarían a adaptarse. Cambios coma a dependencia feudal de señores e mosteiros2, ou a instalación dos estaleiros na veciña Ferrol: o Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz, de 1845, di de San Martín de Cobas “el terreno es en lo general fértil, bastante arbolado, con una deh.[esa] de robles destinados a la armada nacional”, e de San Juan de Esmelle, “tiene dehesa de robles, destinada a la construcción naval”. Estas “dehesas” ou fragas, das que non teño constancia aínda que si hipóteses sobre a situación, seguramente tiveron que alterar por acordo cos propietarios ou por imposición, o uso de terras desa época para abastecer de madeira de carballo a construción de buques da Armada.
Outros usos militares terían o seu peso moito máis tarde a finais dos anos 20 do pasado século, coa construción, na ditadura de Primo de Rivera, das baterías de costa e campos de exercicios de tiro para as guarnicións de artillería e infantería que as serviron. Asentadas en Ferrol, no cuartel de Sánchez Aguilera e no Acuartelamento de Elorza —ver o artigo neste número “A casa do Coronel”, actual sede do Museo da SGHN— realizaban as tropas exercicios de tiro nos campos de Marmadeiro, aos que nos referiremos despois, onde aínda existen os restos do acuartelamento paras as tropas de infantería e un “cuartelillo” na estrada ao faro para as de artillería.
Imaxe 2. Covas - Esmelle
Imaxe 3. Sedimentos descubertos polos temporais de 2014
Imaxe 4. Fragmento de madeira oculta baixo a praia de Ponzos dun antigo bosque dunha fase de regresión mariña
Parte destas actividades militares se desenvolveron nun dos terreos comunais, os campos de Marmadeiro, aos que me referirei logo, o que supuxo a imposibilidade de uso civil ata a desafectación por Defensa e a restitución da propiedade aos veciños. O uso militar contribuíu a alterar a zona pola construción de instalacións e as actividades de tiro, mais probablemente a preservou da saca masiva e devastadora de area das dunas que se dou nese período en praias próximas.
Pode considerarse cronoloxicamente un último factor de importancia o feito de que Ferrol fora unha das primeiras cidades de Galicia, nos anos 80, en contar con plan de ordenación urbanística. Isto significou un freo ao despropósito urbanístico que asolou a boa parte de Galicia, especialmente o Sur e zonas da Mariña luguesa. Na costa ferrolá fóronse eliminando a maior parte das chabolas de veraneo comúns naqueles anos, o que contribuíu a evitar impactos na paisaxe e hábitats naturais.
Imaxe 5. O autor “levando” a xunta, arando en Casa de Manola circa 1956
Imaxe 6. O “cuartelillo” de Prior, onde daba misa para guarnición e veciños ata entrados os anos 70
Imaxe 7. Situación dos MVMC nas parroquias de Covas-Esmelle
Os montes en man común
Os Montes Veciñais en Man Común (MVMC), a súa denominación legal, veñen dunha tradición xermánica medieval, recollida na lexislación galega pola Lei 13/1989 e o Regulamento para a súa execución, contido no Decreto 260 de 1992 que así os define:
“enténdese por monte veciñal en man común os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños.”
Son unha singular forma de propiedade privada xa que son terras que non se poden dividir nin embargar, sen límite temporal, e pertencen aos veciños comuneiros “con casa aberta” que participen na súa xestión. A xunta Reitora elixida polos comuneiros ten a responsabilidade xurídica de xestionar os recursos dos montes segundo os estatutos de cada comunidade; os rendementos da súa explotación poden dedicarse a obras ou servizos comunitarios, a investimento ou a reparto; un 25% dos aproveitamentos investiranse en melloras do usos social ao que se poida dedicar o monte. Un xurado Provincial é o encargado de recoñecer e supervisar os MVMC que existan no seu ámbito.
En Galicia o 25% do territorio galego, unhas 700.000 hectáreas, están rexidas por 2.800 comunidades de montes, o que da unha idea da importancia e impacto sobre o medio que pode ter a súa xestión correcta. Como elemento de reflexión, tan so o 32% teñen órganos de xestión en función.
Montes comunais no concello de Ferrol
No territorio municipal existen tres comunidades de MVMC. Unha corresponde á parroquia de San Xurxo da Mariña, cos montes veciñais de Pena da Mula, Pozo da Lagoa, Coto do Cal e San Xurxo. Na parroquia de Covas está a comunidade dos montes de Cardido, Sartaña e Marmadeiro; e nas parroquias de Covas e de Esmelle outra comunidade xestiona os montes das Cabazas.
PARROQUIA |
MONTES |
SUPERFICIE (Ha) |
---|---|---|
Covas | Marmadeiro | 21,00 |
Covas | Sartaña | 23,00 |
Covas | Cardido | 24,00 |
TOTAL Covas | 68,00 | |
Covas-Esmelle | As Cabazas | 52,99 |
TOTAL Covas-Esmelle | 120,99 |
As características singulares da propiedade dos MVMC fai que sexan moi interesantes dende o punto de vista da conservación da Natureza, especialmente cando, como no caso dos que se trata, coinciden con hábitats de alto interese ecolóxico.
Imaxe 8. Aspecto parcial dos campos de Marmadeiro, coa praia de Santa Comba ao fondo
Os montes de Cardido, Sartaña e Marmadeiro
Pertencen á parroquia de Covas, e están xestionados pola súa Xunta Reitora.
Foron clasificados en sesión de 7 de decembro de 1982, non sen controversia pois alegando defectos de forma foi desestimado o monte denominado “Mar Madeiro”, aínda non desafectado polo Ministerio de Defensa, que expuxo a súa oposición á clasificación. Resoltos os defectos, unha nova sesión de 17 de outubro seguinte, clasificou finalmente tamén a Marmadeiro. A demanda de clasificación deste monte suscitou un movemento veciñal importante no seu momento.
Imaxe 9. O pai Martín Sarmiento
Marmadeiro, cuxo nome pode vir de Marmea, como suxería o botánico Xavier Sóñora Gómez, un dos nomes galegos da planta Corema album. Foi citada esta planta no século XVIII polo frade Martín Sarmiento, escritor e erudito beneditino que recolleu plantas nas súas viaxes por Galicia. Describía así a súa presencia na zona “Pasé el arenal de Prioiro, y en el vi y cogí las camariñas, con frutilla, ay muchas de ellas”. Probablemente se refería a estes campos e dunas de Marmadeiro, onde hoxe non se atopa a planta, quedando tres únicos pés nos campos das Cabazas.
Destaca dos Campos de Marmadeiro o valor dos seus campos de dunas, moi castigadas co auxe da construción a mediados do s. XX noutros lugares da zona, como Ponzos e a praia de Esmelle, onde foron arrasadas. Aínda así houbo extracción, quizá para construcións militares, e nos ocos non é imposible atopar restos de munición alternando con vexetación endémica, algunhas delas móbiles.
Imaxe 10. Restos de Restos de granadas entre as dunas de Marmadeiro
Imaxe 11. Aspecto parcial dos campos de Marmadeiro, coa praia de Santa Comba ao fondo
Os campos de Cardido e Sartaña teñen, ademais dun singular valor paisaxístico, un gran interese ambiental pola súa cobertura vexetal, na que están presentes endemismos que se dan nestas zonas norteas que van de Cabo Prioriño á Serra da Capelada. Estes mantos herbáceos acubillan especies vexetais e animais singulares polo que é moi importante a súa boa conservación.
Toda esta valgada, orientada ao Norte, é moi importante para as pequenas aves migradoras que nos visitan en invernada. É frecuente observar a súa chegada procedentes do mar, exhaustas, ocasión que aproveita o Falcón peregrino, Falco peregrinus, para capturalas.
Imaxe 12. Fermosos exemplares de Antirrhinum linkianum, que forma grupos dende Ponzos ate As Cabazas
Imaxe 13. Unha das especies de Orquídea frecuente nos campos costeiros
Imaxe 14. Un falcón peregrino, neste caso un invernante da subespecie boreal calidus, atento á chegada de paxaros migradores
O monte de As Cabazas
Está xestionado pola Comunidade de Montes de Covas-Esmelle e a súa extensión de case 53 Ha está dividida pola estrada CP-3606 Covas-San Xurxo. Entre esta e o mar están as instalacións dun cámping e ao extremo Norte, unha superficie chaira por sucesivos recheos serviu e serve para a celebración da festa estival da parroquia de Covas, Santa Comba, e de eventos deportivos e de ar libre.
Aproveitamento forestal
As Cabazas foron repoboadas nos anos 50 con Piñeiro de Monterrei ou Insigne (Pinus insignis), que foi obxecto xa dunha corta importante hai unha década. En 2016, previa aprobación pola xunta de Galicia dun Plan de xestión Forestal, fíxose outra corta de exemplares maduros e a repoboación correspondente con Piñeiro marítimo, P. Pinaster, ben adaptado ao ambiente mariño e de mellor calidade de madeira que o insigne.
Nos terreos litorais das Cabazas funciona en réxime de concesión o único cámping do concello de Ferrol. Esta parcela está situada entre a estrada Covas-San Xurxo e a costa. A súa situación privilexiada sobre a Praia da Fragata e a vista ao golfo de San Xurxo faino moi visitado; estas razóns e a súa singularidade en toda a costa ferrolá demanda melloras que lle permitan acadar a categoría superior destas instalacións.
Imaxe 15.
Imaxe 16. Bancos entre os piñeiros das Cabazas
Uso recreativo
Un acordo entre a Comunidade das Cabazas e o concello de Ferrol é a razón de que se permita o uso público de instalacións de pícnic entre os piñeiros do campo. Estes campos teñen sendas e camiños acaídos para usos de lecer coma o sendeirismo e actividades deportivas respectuosas co medio.
Nas Cabazas tamén se desenvolven competicións deportivas auspiciadas polo concello e asociacións deportivas. Tamén se desenvolve o evento hípico Equiocio, con orixe precisamente nestes campos, desenvolvendo neles as primeiras convocatorias, tras dunha época noutras instalacións, volveu en 2017 a aproveitar o entorno natural da zona.
Imaxe 17. Camping das Cabazas
Imaxe 18. Mata de Camariña ou Marmea no campo das Cabazas
Imaxe 19. Detalle do froito da camariña nas Cabazas
Imaxe 20. A fermosa e esquiva Escribenta das canaveiras
Conservación
A camariña está presente nestes campos con dous pés que aínda froitan, faltando como queda dito no resto de Prior. A seguinte e última localidade é a Praia do Rodo de Pantín (Valdoviño), onde se coñece como Marmea. Ten un valor bioxeográfico excepcional pois este é o límite Norte de distribución da especie na Península Ibérica.
Ademais da Camariña, nas Cabazas están presentes outros endemismos vexetais e están dentro da zona de protección de dúas especies de aves, a Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), própia de canaveiras como a do Rego de Soagraña, e o Pernileiro (Burhinus oedicnemus). Ambas están en severo retroceso como aniñantes en Galicia e a conservación dos seus hábitats é prioritaria.
Imaxe 21. Exemplar de Pernileiro fotografado en Marmadeiro.
Imaxe 22. Hábitats e interese comunitario (Fonte: Xunta de Galicia, Consellería de Medio Rural. https://goo.gl/jJFF2x)
Imaxe 23. Hábitats de interese comunitario (Fonte: Xunta de Galicia, Consellería de Medio Rural. https://goo.gl/jJFF2x)
Protección ambiental
A contorna do Cabo Prior posúe polos seus valores naturais varias figuras de protección pola presencia de hábitats de interese comunitario e algún deles considéranse prioritarios. Hainas tanto de ámbito administrativo europeo como autonómicas, para mellor entendelas recóllense no resume seguinte:
FIGURAS DE PROTECCIÓN
A Rede Natura 2000 é o principal instrumento para a conservación en Europa. É unha ambiciosa rede de áreas de interese para a biodiversidade, tanto terrestres como marítimas, creada pola Directiva 92/43/CEE e pretende conservar, e cando é posible potenciar, os hábitats3 naturais.
Comezou a desenvolverse nos anos 90 coa declaración das ZEPA, Zonas de Especial Protección para as Aves, que serviron para a declaración dos primeiros LIC, Lugares de Interese comunitario. Moitos destes seleccionáronse por ser ZEPA ou por conter hábitats de interese ou prioritarios en Europa; unha razón engadida é biodiversidade (variedade de especies) presente de flora e fauna silvestre. Por sucesivos avances lexislativos os LIC transformáronse en ZEC, Zonas de Especial Conservación e, con nivel autonómico, en ZEPVN, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.
Na contorna do litoral de Ferrol a Valdoviño existen as seguintes zonas protexidas; algunhas coinciden na protección ao mesmo territorio dada a súa importancia.
ZEPA ES0000258 Costa de Ferrolterra-Valdoviño: Área protexida como zonas de especial relevancia para a avifauna amenazada de extinción, afecta unha banda da costa emerxida e outra de augas mariñas. As súas 4.266 Ha están divididas en dúas zonas, unha inclúe dende Doniños, San Xurxo, Cabo Prior ademais unha figura de protección internacional, o Humidal Ramsar Lagoa e areal de Valdoviño, 7ES025, de 485 ha. Os humidais protexidos polo Convenio Internacional de Ramsar, son zonas de alto valor para as aves acuáticas; en Galicia, ademais do de Valdoviño están recoñecidos.
En relación coas aves, a zona está recoñecida por unha organización privada internacional, BirdLife, representada en España pola Sociedad Española de Ornitología (SEO) como IBA (International Bird Area) 005 Costa de Ferrolterra-Valdoviño.
LIC ES1110002 Costa Ártabra. Territorios europeos seleccionados polos seus hábitats e. As primeiras en declararse, en decembro de 2004.
ZEC ES1110002 Costa Ártabra. Son áreas de grande interese ambiental dentro da Rede Natura 2000 que previamente foran LIC. Declarouse o 31 de marzo de 2014 polo Decreto 37/2014 e ten unha superficie de 7.546 Ha. ZEPVN “Costa Ártabra”: Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. A xunta de Galicia declara no Decreto 72/2004 consideran, ademais dos seus valores naturais, os interese cultural, científico, educativo ou paisaxístico. Ademais incluíronse as zonas declaradas previamente LIC e ZEC.
Para mellor comprender a inclusión nestas figuras de protección pode verse os mapas de Hábitats de Interese e Hábitats Prioritarios da Unión Europea. Neles pode apreciarse como as zonas litorais acollen a maior parte deles, e a situación da contorna do litoral ferrolán-ortegano.
Imaxe 24. Mapa da Unidades Ambientais – LIC Costa Ártabra (ES1110002)
Imaxe 24. Mapa de Valoración LIC Costa Ártabra (ES1110002)
Imaxe 25. Mapa de Valoración-2 ZEPA Costa de Ferrol-Valdoviño (ES0000258
Unha zona valorada?
Referente a zona onde están os MVMC tratados, a cantidade e variedade de unidades ambientais4 presentes é relevante, o que da unha idea da importancia de que os usos que deles se fagan sexan compatibles coa conservación destes tesouros naturais. O mapa da p. 201 da unha idea das presentes na zona. Tamén é revelador a valoración ambiental dos grao de conservación das unidades ambientais. Valores moi altos e altos están presentes na zona, o que significa un bo punto de partida para a súa conservación futura.
Como unha última referencia, na mesma dirección indicativa dun bo estado de conservación, a ilustración recolle neste caso o referente á avifauna da ZEPA Costa Ártabra.
A aceptación dos valores da zona rural de Ferrol non significan que traian un recoñecemento en termos de servizos e coidados. Antes ben, pode constarse que á obxectiva mellora entre os anos 60-80 seguiulle unha diminución de servizos públicos. A falla dunha solución para o saneamento das vivendas, a diminución do transporte público e unha precariedade de servizos nas praias -fóra dos de salvamento e socorrismo- fan que o presente estea máis nas mans dos veciños que no das administracións. A crecente demanda dun turismo de calidade, non digamos xa de primeiras residencias, fai que a demanda de solo construíble e de aloxamentos turísticos e hostalería de calidade estándar sexa notable. Hai aí un camiño a percorrer, e hai que procurar facelo evitando erros visibles noutras zonas costeiras ben próximas.
Recapitulando
En conclusión, estamos ante un territorio modelado no tempo por razóns de tipo ambiental, socioeconómicas e políticas, co resultado de poder consideralo como unha das zonas costeiras galegas con mellor grao de conservación en relación coa poboación próxima. O seu futuro dependerá do acerto da súa xestión polos axentes sociais implicados: veciños, veciños comuneiros, administración local, administración autonómica e administración estatal. A iniciativa privada apoiada polas administracións pode e debe conseguir un compromiso entre as actividades económicas sostibles, que aproveiten os notables valores naturais da zona primando sempre a conservación da mesma. De darse ese desexable entendemento, “Priorterra” seguirá a ser un lugar capaz de engaiolar ás persoas amantes da beleza.
Notas
1 Incorrectamente coñecido como “bosque fósil”, para o que debería conter materiais fosilizados (pétreos), cando son restos de madeira cuberta por sedimentos.
2 Lémbrese que a primeira cita de caza de baleas en Galicia está en Prior, polas rendas que debían facer ao mosteiro de Sobrado dos monxes.
3 Hábitat: Lugares que ocupan as especies.
4 As unidades ambientais son zonas homoxéneas dun ecosistema, definidas por parámetros físicos (humidade, temperatura, precipitación) e as características dos solos e vexetación.
Xan Rodríguez Silvar
Biólogo da Sociedade Galega de Historia Natural