A PENA BICUDA: DESCRIPCIÓN E CARACTERÍSTICAS DO MEGÁLITO
En Doniños un pouco antes de chegar a praia de Canelas (Cabo Prioriño) unha pedra que quedaba preto da estrada chamaba a atención. Foi en 1987 que me acerquei a estudiala, debido a forma que tiña de menhir moi parecida aos que se documentan por toda Europa. Os veciños da zona coñecían esta pedra que non pasaba desapercibida como A Pena Bicuda ou Pena Bienda.
Localización xeográfica e descubrimento do xacemento arqueolóxico
Esta rocha singular estaba situada no monte (zona de Canelas) a 70 metros da estrada, e a 500 m da ribeira do mar a unha cota de 50 m de altura sobre o nivel do mar. Desde este lugar se divisa unha gran panorámica da entrada da Ría de Ferrol e a Torre de Hércules (A Coruña) que está mesmo enfronte. O megálito é (era) unha pedra de granito local que mide 2,5 m de altura, 2,4 m de longo de N a S, e 70 cm de ancho (E-O) na cara norte que logo se vai reducindo ata rematar en punta (planta triangular) na cara sur. Presenta forma piramidal prismática irregular e foi traballada (cicelada) nas tres caras, e cun peso aproximado de tres toneladas. Vista desde a cara norte é plana (en vertical) e desde a cara sur presenta unha aresta vertical e inclinada, remate das dúas caras triangulares, unha ao E e outra a O.
A pedrafita (menhir) estaba acompañada na cara este por varias pedras de menor tamaño naturais do terreo e na cara oeste por una pequena “arca” prehistórica de medianas dimensións.

O ALIÑAMENTO DAS CHANTAS DO RELOXO DE SOL (reloj de sol) E O ACHADO ASTRONÓMICO
Pero a característica principal de este xacemento é que na cara norte totalmente cubertas de toxeira a 2,60 m de distancia da pedrafita había un aliñamento en dirección E-O (case exacto) de sete pedras de menor tamaño (1/2 m aprox.) a certa distancia una da outra e dúas pedras mais pequenas (40 cm) preto da base da pedrafita todas elas ben fincadas no chan, e que nun principio non quedaban a vista xa que estaban totalmente cubertas de vexetación de toxos e felgos. Todo o conxunto estaba situado nunha planicie do monte lixeiramente pendente (N-S), formando dous eixos de simetría un de 8 m E-O e 6 m N-S (Ver figuras 1,2 e 3 ).


Na primavera un día soleado se observaba como a punta da sombra da pedrafita (menhir) estaba tocando “xusto” nunha das pedras do aliñamento parecía estar marcando algo (pedra nº 3) e podía tratarse dun reloxo de sol. Así que medindo o tempo que a punta da sombra tardaba en pasar dunha pedra a seguinte, sorprendentemente este tempo era de unha hora exacta en tódalas pedras confirmando que se trataba dun reloxo de sol (tipo horizontal). Posteriormente un incendio no monte deixou ao descuberto da vexetación que o cubría todo o conxunto deste monumento arqueolóxico podendo divisarse perfectamente toda a estrutura que o configuraba (pedras de granito local). En diferentes días (con sol) tamén estaban ben marcadas coa punta da sombra nas rochas, datas relevantes do calendario anual.
FUNCIONAMENTO DO RELOXO DE SOL (Reloj de Sol)
Este reloxo de sol de Canelas era de tipo horizontal plano de superficie paralela ao horizonte. O aliñamento das chantas marca cada hora (nove horas), que é o tempo que tarda a sombra de pasar dunha a outra, catro horas antes do mediodía, a hora do mediodía, e outras catro despois. Esta fila de pedras estaba ao norte da pedrafita (menhir) a unha distancia media de 2,60 m que fai de gnomon/estilo e que proxecta a sombra tocando as marcas (pedras) desde outubro ata febreiro (cinco meses), despois sigue marcando as horas por aproximación (prolongación da sombra) pero a sombra non toca nas chantas (marcas) ata chegar de novo o mes de outubro, o que indica que a construción para situar as mesmas se realizou entre eses meses, o mais probable en febreiro ou novembro. Para facilitar a visión do gráfico as chantas (marcas horarias) van numeradas do 1 ao 9.
Funcionamento do Reloxo de Sol: No mes de novembro a lonxitude da sombra vai tocando no seu tránsito tódalas pedras (nºs 1, 2, 3, 4. a 9). A chanta nº 7, de maior lonxitude, foi canteada para que a sombra marcara tres horas as 14h, 15h (no medio) e 16h. Pouco tempo despois da saída do sol a sombra da pedrafita toca na primeira chanta, a nº1, as 8h 34min; a nº2 as 9h 34min; a nº3 as 10h 34min, etc. ata a nº9) 16h 34min (4h 34 min) da tarde, (horas do reloxo de pulseira) e sigue a proxección da sombra pero xa sen marcas ata que desaparece na posta de sol. Marcando así catro horas antes do medio día, a do mediodía (chanta Nº5) e outras catro despois (9 horas). Nota: falta a pedra nº 4 debido aos traballos agrícolas e ao aproveitamento das pedras dos montes para diversos usos, pero se percibe perfectamente onde estaba situada pola fendedura do terreo e a perfecta “simetría” das medidas. Tamén a chanta nº 6 foi cortada a ras do chan pero mantiña a súa posición e quedaba á vista. Puido haber mais chantas, como parecen mostrar as fotografías aéreas antigas, pois as marcas das horas anteriores e posteriores as que se indican aquí actualmente, non existían.
Do estudio de este conxunto de chantas que definen o reloxo resalta a simple vista que a hora do "mediodía/12h" está moi ben marcada cunha chanta coidadosamente traballada e situada no eixo central N-S respecto a pedrafita. Tamén hai que indicar que a liña meridiana en este lugar non foi “exactamente” ben calculada xa que o sol pasa pola mesma aprox. uns 12 minutos antes de tempo; tanto este, como outros erros son moi comúns nos reloxos de sol sobre todo medievais, xa que o cálculo e a construción dos mesmos require coñecementos astronómicos e unha técnica moi coidada e fina no seu trazado, aínda que desde antigo existen varios métodos prácticos gráficos para liquidar este problema. Tamén é de sinalar que o paso do sol pola meridiana é diferente tódolos meses pois obedece a variación debida a ecuación do tempo. A vista de todo o indicado o construtor/es era persoa con certos coñecementos i experimentado en este tipo de traballo. E posible tamén que se utilizara como guía un reloxo de sol portátil.
O Cabo Prioriño Chico onde estaba situado o reloxo solar está a una lonxitude xeográfica de 8º 20’, o que quer dicir que o Sol tarda en chegar aquí 33 minutos mais que ao pasar polo meridiano 0 (Greenwich/Castellón) ), e nosa situación xeográfica non está no fuso horario da Península senón no seguinte fuso de Portugal e Canarias.
Corrección horaria e a Ecuación do Tempo (EdT)
Para determinar a hora solar a partir da hora civil e viceversa, non hai mais que aplicar a coñecida expresión: hora solar = hora oficial -/+ corrección meridiano (lonx. E/O) + EdT - 1h ó 2 h (adianto horario). Sendo EdT a Ecuación do Tempo, é dicir o axuste por retraso ou adianto do paso do Sol pola meridiana que varia ao longo de todo o ano. E menos (-) 1 ou 2 horas si é inverno ou verán.
Nota: Ecuación do Tempo (EdT). O movemento aparente do Sol non e uniforme e a duración do día solar non é constante ao longo do ano. A diferenza entre o movemento aparente do Sol e o movemento medio se coñece como Ecuación do Tempo. Unhas veces (o movemento) o Sol se retrasa o pasar pola liña meridiana e outras se adianta e so unhas poucas veces coinciden. Existen soamente catro días o ano en que o tempo da hora solar coincide coa hora civil (tempo medio no Huso/Sol medio /reloxo de pulseira), estes días son as datas próximas aos dous solsticios de verán e inverno o 15/16 de abril e o 29/31 de agosto; días moi apropiados para trazar ou comprobar a liña meridiana en que a variación da Ecuación do tempo e de "cero" minutos. Todo isto anterior se podía comprobar en este reloxo de Canelas. Todos sabemos que a que xira é a esfera terrestre e as estrelas permanecen fixas (sol incluído) pero os técnicos recomendan que para entender este tema e mellor consideralo ao revés. Tamén dicir que o reloxo de Sol debería chamarse reloxo de Sombra por ser esta a indicadora da hora. E que a este reloxo non lle importa o cambio horario de inverno ou verán —Non se pode enganar ao Sol— xa que sempre marca invariablemente a " hora verdadeira" (verum tempus).
Sorprende que en este reloxo as horas sexan modernas, de practicamente de 60 minutos, xa que antigamente e na Idade Media se manexaban horas de tempo desiguais. Como son as horas canónicas, as xudaicas (bíblicas), temporarias (horas romanas, antigas ou desiguais), planetarias (astrolóxicas), h. verdadeiras (natural ou solar, que varían coa Ec. do tempo). Horas de igual duración son: as horas babilónicas, astronómicas (equinocciais), ou as modernas.
O establecemento da hora actual "hora estándar" (horas todas iguais) e moi recente foi, proposta polo enxeñeiro ferroviario canadense Sandford Fleming en 1870 pero non foi ata catorce anos despois en 1884 na Conferencia Internacional do Meridiano celebrada en Washington cando foi aprobada. Se acorda dividir a esfera terrestre en 24 franxas cada unha de 15º, equivalentes a 1 hora (24h x15º=360º) e establece o meridiano de Greenwich como punto de partida (Meridiano 0); un meridiano único e universal que da paso ao establecemento do Tempo Universal (UT/hora Universal).

Para a construción do reloxo de sol existen varios métodos, uns gráficos e outros analíticos que calculan os ángulos horarios proxectados en varias superficies cando estas non son paralelas ao Ecuador terrestre, en caso contrario (reloxo de tipo ecuatorial/ esfera paralela ao Ecuador /eixo paralelo ao eixo da Terra) seu cálculo e moi doado e consiste simplemente en dividir o circulo en 24 partes iguais de 15º cada unha (1día/24h; 360º:24 =15º), colocar no centro unha varilla (gnomon/estilo) inclinada con respecto o chan un ángulo igual a "latitude do lugar" onde se sitúe, e orientalo ao N-S xeográfico (liña meridiana).
Para a construción do reloxo de sol de tipo horizontal como era o de Canelas, a realización e algo mais complexa. Polo método analítico hai que calcular o Ángulo Horario (AH), resultado de proxectar a liña horaria do reloxo ecuatorial (de división iguais de 15º por hora) sobre o plano horizontal, que produce divisións horarias angulares diferentes, pero simétricas respecto da liña meridiana. O gnomon (estilo/varilla) tamén se coloca inclinado, igual que no reloxo tipo ecuatorial un ángulo "φ" igual a latitude do lugar do emprazamento. Nota: Colocar un "pau en vertical" no chan e poñer 24 divisións iguais arredor marcadas con pedriñas como se ve a veces nas praias, non sirve como reloxo de sol para marcar 1 hora, xa que para que isto suceda, o pau debería estar inclinado un ángulo igual a Latitude de ese lugar e dirixido cara a liña meridiana, e o chan (esfera horaria) tamén inclinado un ángulo igual a colatitude (90- φ) do mesmo.
FUNCIONAMENTO COMO CALENDARIO
Un reloxo de sol é unha imaxe do movemento do astro solar funcionando tamén como calendario xa que a lonxitude da sombra (altura solar) vai variando coa declinación en todo o ciclo anual. Algúns construtores de reloxos marcan no cuadrante solar as estacións, os meses do ano e os símbolos zodiacais. Unha sorpresa da observación e estudio deste xacemento foi encontrar “moi ben determinadas” unhas chantas fincadas que marcaban os principais días do calendario anual. O megálito foi cicelado nas súas tres caras para producir unha a sombra no chan con aparencia triangular rematada en punta ben definida (Pena Bicuda).

Marcas do Solsticio de Inverno e efemérides de San Martiño
En liña coa pedrafita formando un eixo central N-S sobresae do chan unha pedra principal (pedra mediatriz, meridiana, chanta nº 5) que foi coidadosamente tallada en lonxitude e altura para que a sombra marcara tres puntos ben definidos. Un día o ano hai un momento en que a punta da sombra da pedrafita (menhir) ao mediodía (12 hora solar) toca o extremo sur da chanta e marca o 2 de, febreiro día da Candelaria, e tamén o día 11 de novembro, día de San Martiño, días nos que aproximadamente o sol ten a mesma declinación. Seguidamente despois do mes de novembro os días van pasando ata que a sombra chega ao extremo norte da mesma chanta e marca o día do solsticio de inverno 21/22 de decembro (Nadal; sombra mais longa do ano na meridiana).

A continuación a medida que pasan os días a sombra se vai acortando ata que toca o borde central mais alto de esta chanta no día 17 de xaneiro, día de Santo Antón (purificación e bendición dos animais). Pero tamén en este tramo da pedra central se sitúa a sombra o "día 18 de novembro", día do antigo patrón da parroquia de Doniños "San Román de Antioquía" que se celebraba antigamente en ese día; isto e debido a que a declinación do sol de este día de novembro e case a mesma que os días próximos ao 17 de xaneiro (-19º e -20º).

O Solsticio de Verán e os Equinoccios
A chanta nº 7 (rocha natural do terreo de maior lonxitude e altura que as pedras horarias) foi recortada e canteada en vertical para que a punta da sombra marcara "exactamente" o día do equinoccio de primavera e outono, (21/22 de marzo e 22/23 de setembro); en estas datas a sombra transcorre en liña recta (E-O) sobre o chan, o resto dos meses a figura que forma e de hipérbole. A chanta nº 10 de 40 cm moi ben afirmada no chan situada no eixo da liña meridiana e moi próxima a pedrafita marca a lonxitude da sombra mais corta do ano ao mediodía (12 h, máxima altura solar), e dicir marca “exactamente” o día do solsticio de verán 21/22 de xuño. Quedando así definidos os días principais do calendario anual (Ver figuras).
CÁLCULOS. RELOXO DE SOL HORIZONTAL
O reloxo de sol hai que calculalo para a latitude do lugar determinado en que se vaia a situar. Para a construción do reloxo horizontal de Canelas e importante que o chan onde se sitúe estea perfectamente nivelado (que non era este caso). Os cálculos se realizan a partir do ángulo horario do reloxo tipo ecuatorial que son todos iguais, de 15º por hora.


Metodoloxía analítica e cálculo do Ángulo Horario (AH) do reloxo de sol
Polo método analítico hai que calcular o Ángulo Horario (AH) do reloxo tipo horizontal determinado pola expresión. tg AH =(sen φ. tg n) // AH = arctg (sen φ . tg n). Sendo φ = latitude do lugar, e n = 15º, 30º, 45º, 60º, etc. (ángulo horario do reloxo ecuatorial).
Datos: φ = 43,4º // n = 15º, 30º, 45º, 60º, 75º, 90º. Se calculan os ángulos das primeiras seis liñas horarias. As restantes son simétricas respecto a meridiana. Os ángulos se miden a partir da liña meridiana (12h).
tg AH = (sen φ . tg n) = sen φ 43,5 . tg15º = 0,688 x 0,267 = 0,184 // AH = Arctag 0,184 = 10,42º
Para os restantes: AH = (15º) 10,42º, (30º) 21,65º, (45º) 34,57º, (60º) 49, 98º, (75º) 68,71º e 90º. Estes resultados corresponden moi aproximadamente coas medidas reais tomadas no chan.
Calendario. Para as datas principais do calendario, equinoccios e solsticios se pode calcular a lonxitude da sombra proxectada no chan, partindo dos datos coñecidos: φ = 43,5º latitude do lugar; e a declinación δ (de ese día); nos equinoccios 0 grados e nos solsticios = +/- 23º 27’; e a altura do gnomon (varilla) h = 2,5 m. Dos triángulos formados se deducen as distintas lonxitudes da sombra.
Lonx. sombra no solsticio verán l1= h.tg (φ - δ) δ = +23º 27’ // l1= 0.90 m
Lonx. sombra nos equinoccios l2 = h.tg (φ) δ = 0º // l2 = 2,36 m
Lonx. sombra no solsticio inverno l3 = h. tg (φ+ δ) δ = -23º 27’ // l3 = 5.86 m
l1= h.tg(φ- δ) = 2,5 x tg (43,4º - 23,5º) = 2,5 x tag 19,9º = 0.90 m. Ídem as demais.
(Ver figuras, 12 y 13).




ARCA (DOLMEN). CÁMARA PREHITÓRICA
A carón da pedrafita na cara O se encontraba unha arca prehistórica de medianas dimensións, (cámara funeraria/dolmen) que estaba formada por catro ou cinco chantas ben incrustadas no chan en vertical e unha mais que facendo de teito as cubría, das que so se conservaban tres a do fondo e as dúas laterais faltando a que pecha a entrada e a que as cubría. A chanta do lado E mide 2 m de longo, e 1,15 m de alto a do O 1,80 m de longo e 1,45 m de alto, e a do fondo 90 cm de longo por 1 m de alto.

O interior da cámara mide 2 m de longo e de ancho no fondo 50 cm, 1 m na parte mais ancha. A estrutura presenta tódalas características de un pequeno dolmen (arca) e case forma de cista algo irregular. Por toda a zona do Pieiro e Prioriño a toponimia rexistra a existencia de varias arcas (dolmens) e "lagoas" ocos de violación de túmulos prehistóricos e desde antigo se coñecen na zona varios achados de machadas de pedra neolíticas e outros útiles prehistóricos. A entrada estaba orientada cara o suroeste (solsticio de inverno). Dadas as características da citada arca, a data mais probable de esta cámara funeraria así como da pedrafita (menhir) se situaría dentro da Idade do Bronce en Galicia (1800-700 a.C.) na prehistoria recente. (Ver fig. nº14).
TOPONIMIA DA ZONA
Desde este lugar ata a poboación do Pieiro hai 600 m, a Praia de Canelas 230 m, a Batería de Viñas 600 m, ao Faro de Prioriño Chico 930 m, á poboación de Cariño 1700 m, e ao Castro da Croa de Fontá (Doniños) 3 km. A Toponimia da zona é a seguinte: Praia de Canelas, Cal Feitoso, Pieiro, Praia do Pieiro, Cabo Prioriño Chico, Cabo Prioriño Grande, Entrepieiros, Praia de Entrepieiros, Plagueira, Praia de Plagueira, Espasante, Punta de Espasante, Pieiro Grande, Pedra Alta, Pena do Raposo, Pedra dos Cas, Carricobo, Barquín, As Lagoas, Lagoa Redonda, Cariño, Praia de Cariño, Filgueira, As Chousas, Cómaros, Viñas, Punta de Viñas e O Xunco.
Pena Bicuda. Situación do megálito: Lat = 43º 27’ 64,7” N, Lonx = -8º 20’ 9,48” W.
RESEÑA HISTÓRICA SOBRE O RELOXO DE SOL (Reloj de Sol)
A medida do tempo ten unha extensa historia que abarca varios milenios polo que se apuntan so unhas breves notas. O Reloxo de sol era coñecido no antigo Exipto, Grecia, Roma e China; o mais antigo coñecido é exipcio, un "sechat" que leva o nome do Faraón Tutmosis III e que ten mais de 3.400 anos. O mais grande do mundo antigo foi mandado construír por Augusto (Cayo Xulio César Augusto, 63 a. C - 14 d. C, primeiro emperador romano) ao arquitecto e matemático Novius Facundus en Roma no Campo de Marte no ano 10 a. C, de grandes dimensións 160 x75m, era coñecido como Horologium Augusti.
O gnomon era un obelisco traído de Exipto de 30 m de altura que proxectaba a sombra sobre unha praza circular na que estaban marcados "os meses e as estacións do ano", segundo a lonxitude da sombra ao mediodía (liña meridiana). Un pouco antes, 100 a. C, en Atenas capital de Grecia se construíu a Torre dos ventos, de planta octogonal con 8 m de diámetro e 12 m de altura, na parte superior en cada cara tiña un reloxo de sol (oito reloxos). As oito caras representan a orientación de cada vento (rosa dos ventos) con gravados de figuras masculinas que simbolizan os mesmos: Bóreas (N), Cecias (NE), Euro (E), Apeliotes (SE), Noto (S), Libis (SO), Céfiro (O), e Coro (NO). A Torre foi construída polo astrónomo Andrónico de Cirro (Macedonia). Se considera o reloxo de Sol público mais antigo.
O reloxo de sol de tipo horizontal (reloxo plano) non foi coñecido na Península ni en Europa ata despois do século IX-X en que foron introducidos (construídos) polos árabes na zona andalusí da Península Ibérica, e posteriormente estes coñecementos (sabedoría árabe: astronomía, matemáticas, etc.) foron recopilados polo rei Alfonso X (Toledo,1221- 1284), dándoos a coñecer ao resto de Europa.
Na Idade Media, aínda que o reloxo de sol era coñecido o seu uso non se popularizou ata a fundación da orden dos Benedictinos en Italia ano 529 coa regra de S. Benito que “establece as horas de traballo, rezo e estudio”. Estas horas eran denominadas “horas canónicas / antigas” ou desiguais, que se contaban desde o alba ata o ocaso. Os primeiros reloxos de sol comezaron a aparecer no século VIII gravados nas fachadas das igrexas, conventos e catedrais; a igrexa cristiá converteuse na dominadora da medida do tempo na sociedade europea medieval.
Os primeiros reloxos mecánicos de engranaxes xurdiron en Europa no século XIII; eran moi inexactos e variables na medida do tempo, ata tal punto que moi frecuentemente eran regulados utilizando de guía os reloxos de sol. A súa precisión e funcionamento iría mellorando progresivamente e durante moito tempo foron considerados xoguetes moi caros non accesibles a maioría da poboación. Non foi ata o século XIV cando se construíron reloxos mecánicos con horas que marcaban tempos “iguais.
A principios do XVIII ainda os reloxos portátiles mecánicos de peto (bolsillo) eran artigo de luxo e se seguían utilizando os reloxos de sol e a campanada do “mediodía” que marcaba a liña meridiana nas igrexas (reloxo de misa), conventos ou catedrais. No 1673 o matemático e astrónomo neerlandés Christian Huygens definiu as modernas técnicas de medida do tempo fabricando seu reloxo de péndulo cun erro de menos dun minuto por día (horologium oscilatorio). Patek Philippe inventou o reloxo de pulseira no ano 1868 como un “reloxo de pulseira feminino”, deseñado mais como un obxeto de xoiería que para medir o tempo; foi mellorado polo reloxero francés Louis Cartier no ano 1904, a petición do aviador Alberto Santos-Dumont que foi o primeiro reloxo de pulseira para uso práctico. Como podemos ver históricamente o uso popular do reloxo e moi recente.
CONCLUSIÓN
Os reloxos de sol do último milenio, non son nin sequera parecidos a este de Canelas; xeralmente de pequeno tamaño (aprox 1 m) en vertical trazados coas súas liñas horarias gravadas ou pintadas e situados nas fachadas dos edificios como pazos, conventos, igrexas, castelos e outros tanto públicos como privados; os realizados en horizontal son de características similares aos anteriores e situados sobre muros, alféizares de ventás, balcóns e sobre pedestais, e so actualmente se realizan reloxos de sol monumentais de grandes dimensións mais ben para decoración ou divulgación cultural que para medir o tempo en parques, xardíns, prazas, rotondas, etc. Xa que actualmente o tempo universal se mide con reloxos atómicos.
O reloxo de sol calendario de Canelas (Pieiro de Doniños) se descoñece, quen, cando, para que e por qué se elixiu este lugar apartado. Por qué se construíu tomando tanto esforzo xa que as pedras pesan o seu e houbo que trasladalas, labralas i enterralas unha a unha firmemente no chan para asegurarse de que non se moveran, e medir ben a distancia entre elas para que a punta da sombra ao pasar dunha a outra marcara correctamente 1 hora. En canto o megálito (pedrafita / Pena Bicuda), e posible que a súa existencia fora moi anterior (prehistórica) a construción do reloxo solar, pero posteriormente foi concienzudamente tallado (cicelado) para formar unha aresta vertical rectilínea e inclinada con un ángulo moi próximo a latitude de este lugar (43º), e tallar unha punta para que a proxección da sombra puidera ser ben visible no chan.
Existe unha gran contradición entre os coñecementos técnicos astronómicos modernos que se supón tiña o construtor (ou construtores) dada a exactitude nas medidas das marcas horarias e do calendario, e a construción tan rústica que presentan as chantas escasamente labradas, case en estado natural, que parecen estar traballadas con ferramentas de pedra prehistóricas e non de ferro. Un enigma que quedará sen esclarecer xa que non houbo ningún tipo de estudio nin escavación arqueolóxica.
O lugar en esta zona estaba deshabitado e os residentes mais próximos eran os veciños do Pieiro, Cariño e Fontá (Doniños). Próximos a Canelas, no lugar de Viñas (na ribeira do mar) vivía no 1652 o Alcalde Ordinario de Serantes, D. Antonio Núñez Hurtado e a súa dona Dª. Juana Fernández de Aguiar e as baterías militares do século XVIII, de Viñas (1739) e de Cabo Prioriño (1799). O megálito e toda a construción actualmente está desaparecido porque foi escavado polas pas para a construción do Porto Exterior de Prioriño (en 2002) e no seu lugar se instalou un gran depósito.
Quedan so para a historia as fotografías tomadas e a memoria dos veciños maiores de Doniños que coñecían desde antigo a Pena Bicuda pero descoñecían o seu uso e significado. Mágoa de este monumento especialmente interesante, de gran valor arqueolóxico e cultural á vez que único coñecido de estas características.
BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA
Diseño y construcción de Relojes de Sol y de Luna. Rafael Soler Gayá. C. Ing, Cam.1997.
Relojes de Sol. Construcción. Franz Embacher.1988.
Relojes de Sol. Historia, Construcción Funcionamiento. Gin Carlo Pavanello - Aldo Trinchero. 1998.
Libro de Relojes Solares. Pedro Roiz. Facsímil, Edición de 1575 (Valencia).
Wikipedia.
Versión en inglés