Leiras de Lixo
01/08/2000, Juanjo Iglesias Rivera
Falemos do espacio do noso entorno onde, non se sabe como "nace” lixo de todo tipo: lavadoras, frigoríficos, sillóns, rodas vellas ... Son as leiras de lixo. A pena é que todo o que “nace” nestas leiras está “escangallado”. Estaba a estudar este fenómeno e preguntarme como é posible que todo o que nace nestas “leiras” nunca sirve para nada. Cabe pensar que sexa o efecto da contaminación.
Toda semente require dunha terra axeitada. Tamén isto é válido para a semente do lixo e existen distintos tipos de “leiras idóneas” para sementalo e velo medrar; así temos os lugares onde só medra un tipo de lixo. Son lugares especializados onde só se sementan rodas, ou vidro ou cociñas ... Outros teñen mais diversificación. Neles nace de todo un pouco, dende vidro ata colchóns pasando por rodas de bicicleta, e cheas de ferruxe e noxentas. Outros, tamén moi característicos, son aqueles onde o lixo non se concentra, senón que se atopa dun xeito espallado; é dicir, un lixo aquí e outro acolá. Este tipo de semente é a que se fai nas praias, campeiros e outros lugares onde a xente ten por costume xuntarse para facer merendadas.
A xente leva a semente a estes sitios por algunha razón ata agora descoñecida. ¿Qué terán estas terras para que nelas medre tal colleita? ¿Cómo é posible ó lado dunha leira de boas patacas medren artefactos inservibles de calquera tipo e condición? ¿Cómo podes ser que nun campeiro coas súas árbores, medren latas de Coca-Cola ou de Estrella Galicia, iso si, sempre valeiras? ¿Cómo explicar que preto dunha praia nazan espontaneamente rodas de coche?
¿Quen sementou todas estas cousas? ¿Por onde viñeron, polo ar, polo chan, polo mar ...?
Unha característica importante do nacemento do lixo é a súa espontaneidade. É curioso, pola tarde non viras nada naquel sitio e ó día seguinte xa naceran tres lavadoras e dou sofás. Conclusión algún lixo sementase de noite.
Tamén podemos observar que hai sitios sen sementar durante toda a semana. Logo ven a fin de semana e ¡curioso! o luns xa naceu lixo. Conclusión: moito lixo sementase os días festivos.
Todo isto non é mais que unha maneira de chama-la vosa atención acerca dun problema que é de todos. A semente de todo este lixo facémola nos. Somos os propios veciños e usuarios dos bonitos campos e praias, que por sorte aínda temos, os que escangallamos todo con verquidos ilegais. O que non queremos na casa, ¡pois veña!, á rúa, tirámolo no medio das silvas e acabou o problema.
É de resaltar o traballo que se toman algúns para sementa-lo lixo: sitios do mais afastado, onde xa chegar costa un ril, e ¿cal será a túa sorpresa cando atopas un par de sofás ou un frigorífico? Canta enerxía perdida. É unha verdadeira lástima que non sexamos mais razoables.
Como información, baste dicir que na actualidade existe un servicio municipal de recollida de lixo que, cunha simple chamada de teléfono, e dun xeito totalmente gratuíto, recollen á porta da casa todo o que xa non nos serve. Facede a proba. A próxima vez que non saibades que facer coa vella lavadora, co armario estragado, ou co sofá da casiña da praia, chamade ó concello.
Estaría ben lembrar que o que xa non nos serve na casa, mal podería servir na casa de todos, ¿non vos parece?.
<< Volver