CATÁLOGO DE HERBAS DE USO TRADICONAL E MEDICIONAL
(Parte II)
Tradición oral recollida
CARDO MARIÑO
Os cardos que medran nas dunas das praias os usábamos como adorno nos xarróns. As sementes lles gusta moito aos paxaros. (*2)
E unha planta que foi empregada na medicina tradicional popular, as raíces son diuréticas (fan mexar), e tamén coñecida como "profeta meteorolóxica", está protexida en perigo de extinción sobre todo na zona sur da Península. O Cardo Mariño e moi coñecido nas nosas praias, preto deles os cazadores "paxareiros" ían cazar xílgaros coas redes.
Nl.=Eryngium maritimun L. Ng.=Cardo de ribeira, Cardo mariño. Nc.=Cardo marítimo.
CAREIXÓS. QUEREIXÓS. CAREIXÓN.
Os Quereixós hainos nos prados, en moitos sitios, no Porto do Río, Soscorbos, no Valán, nos prados e preto dos regachos da Cabana. Son esas fresiñas pequenas silvestres. De nenos sempre andábamos a elas teñen moito sabor a fresa. A infusión das follas dos Careixós e boa para os males da vexiga e para facer mexar. Estas fresiñas (careixóns) tamén valen para facer batidos ou marmeladas. (*2)
Herba moi coñecida que ten moitas propiedades saudables e utilizada desde a máis remota antigüidade. Ten moitos nomes populares.
Nl.=Fragaria vesca. Ng.=Quereixós, Queixós, Careixós, Freixós, Freseira, Fresa brava, Amorote, Amorillote. Nc.=Fresa Silvestre, Reina de los bosques.
CARQUEXA.
Ver Queiroa.
CARUNCHO. CENTEO
O "Caruncho" e o polviño negro do Centeo non sei si tamén do maínzo e do trigo. (*2).
En Betanzos. Se recollía o "Caruncho " do Centeo para vender que o pagaban moi ben. Íamos en pandilla coa familia buscando o caruncho polas leiras de centeo. Recordo que o venderamos a 100 pts., aprox. no ano 1950, e iso daquela eran moitos cartos. Cantas familias ganaban algúns cartiños extras, e hai quen conta que coa axuda destes cartos extra podía mandar aos seus fillos a estudar de Betanzos a Coruña. (Angela P. en 1980)
O Caruncho (cornezuelo do centeo) non é propiamente unha herba e ten unha boa historia en toda Europa. E unha enfermidade das herbas gramíneas causada polo "ascomicete clavieps purpurea" (familia hipocréaceas). O caruncho é o micelio dun fungo o clavieps purpúrea que se desenrola en diversas gramíneas en especial no centeo. A contaminación se realiza polo estigma no momento da floración, éo fungo medra no ovario onde forma un voluminoso esclerocio, o "caruncho negro" que reemplaza a semente e que contén sustancias do tipo dos alcaloides (ergotoxina, ergometrina, ergocristina, ergosina, ergotamina), das que só e activa a forma levoxira. E altamente prexudicial para o organismo, usouse como abortivo, e sobre a musculatura lisa doutras rexións, especialmente dos vasos, podendo ser causa de graves espasmos, que se acompañan de isquemia e necroses. Sobre o sistema nervioso central actúa como vasodilatador, polo que se empregou para o tratamento de certas cefaleas. Administrado de forma exaxerada e altamente tóxico. Son coñecidas as graves enfermidades, case epidemias, que afectaban a toda unha comunidade, chamadas na Idade Media "Fogo sagrado ou Mal de San Antón". Moi popular antigamente en tódalas parroquias se recollía e se vendía, para facer medicamentos.
Nl.=Claviceps purpúrea. Familia hipocreáceas. Ng.=Caruncho (Centeo). Po de corvo. Nc.=Cornezuelo del centeno
CEBOLA
A cebola se usaba para os catarros rebeldes. (*1)
A cebola e boa para aliviar a dor de cabeza, se pican unhas rebanadas de cebola e se amarran arredor da fronte cun pano. As follas das cebolas tamén se usaban para tinxir a la.
Cando se ten un catarro forte e se tose, se corta media cebola en rodaxas se bota en un prato e se cubre cunhas culleradas de mel se deixa macerar 24 horas tamén se pode deixar no frigo logo se vai tomando culleradas como faga falta. Outra maneira e facer a cocedura dunha cebola picada en rodaxas se deixa enfriar e se botan unhas culleradas de mel e se vai tomando varias veces o día.
Tamén o que se facía algunhas veces para cando se ten bronquite era que se cortaba unha cebola en rodaxas e se poñían estendidas nun prato que logo se colocaba encima da mesilla ao deitarse para que pola noite se respire este vapor da cebola que é moi curativo. Durante tres ou catro noites e se lle pode engadir mel. Para os catarros se fai un xarope expremendo un limón media cebola e dúas culleradas de mel. Tamén cocer unha cebola durante dez minutos, coa auga aínda quente botarlle dúas culleradas de mel, beber o auga deste xarope como faga falta.
Para non chorar cando piques cebola pon un anaquiño de pan no paladar ou crávao na punta do coitelo. (*2)
Nl. =Allium cepa L. Ng. = Cebola. Nc.= Cebolla.
CECIMBRE.
Ver Xebra. Sisymbrium officinale.
CELIDONIA. HERBA DAS ANDORIÑAS
Para sacar un gran o facía coa Celidonia, eu saquei con ela un gran que tiña aquí. (*1)
A Celidonia usábase para quitar as verrugas. Botan un líquido amarelo. Tamén e boa para as queimaduras.
Eu teño botado moitas veces cortaba unha poliña e untaba a verruga con ese líquido amarelo que saía. Din que tamén era moi boa para a vista.
A Celidonia cando se corta bota un leite amarelo que se lle bota as verrugas para curalas, tamén fai desaparecer algúns vultiños.
Se aplica o líquido amarelo da Celidonia durante varios días para quitar os callos as durezas, e verrugas dos dedos. E boa en emplasto para a inchazón das pernas e dos pes e para as feridas.
Para a rosa, coloración rosada que sae na pel sobre todo na cara pódese botar látex de Celidonia. (*2)
Herba moi coñecida medra en toda a bisbarra. Do grego Chelidón= Golondrina (Andoriña). Foi cultivada na antigüidade para uso medicinal. O zume amarelo (látex) éo po das raíces empregase en medicina natural como sedante e un popular remedio para as espullas (verrugas) aplicando o látex sobre elas durante varios días. A planta non se debe inxerir pois e pezoñenta por vía oral, contén diversos alcaloides. O seu zume ten virtudes desecativas e estíticas, fai caer os dentes e moas, e bo en colirio para os ollos.
Uso máxico e tradicional.- A herba e chamada herba das andoriñas por florecer coa chegada das andoriñas e murchar cando se van. Se conta que unha andoriña nai, dou os seus pelachos unha pola da herba para volverlle a vista perdida.
Nl.=Chelidonium majus (L.). Ng.=Herba das Anduriñas, Celidonia, Celedonia, Herba das verrugas, Herba leiteira, Leiteriña, Andoriña, Ceruda. Nc.=Hierba de las Golondrinas, Celedonia, Celidonia, Cerigüeña, Hierba de las Verrugas. Hierba de Santa Lucia.
CENORIA
Comer cenorias que son moi boas para a vista. Para cando hai unha diarrea e bo tomar cenoria crúa raiada e tamén auga de arroz. Para a tose dos nenos e bo cocer cenorias e darlles de beber varias veces o auga da cocedura. (*2)
Nl.: Daucus carota L. Ng.: Cenoria, Cenoura. Nc.: Zanahoria
CICUTA. PIRIXEL DAS BRUXAS
E unha mala herba moi velenosa, hai que ter moito coidado porque se pode confundir co pirixel, o mellor é non tocala. Ten un cheiro noxento que xa te avisa. Tamén é velenosa para o ganado.
Para a infección das feridas se machacan unhas follas de cicuta mesturadas con aceite de oliva e se aplica en emplaste. – Aviso: Non usar esta herba! (*2)
Se usaba para empezoñar as augas para pescar peixes nos ríos pequenos. (Uso prohibido).
Herba moi coñecida polo cheiro que xa avisa da súa perigrosidade. Medra en abundancia en zonas sombrías ou húmidas, beira de regatos, etc. Se pode confundir co pirixel, cenoria, apio e outras umbelíferas. Tivo varios usos medicinais non aconsellables.
Todo o mundo coñece a famosa historia causante da morte de Sócrates. Os gregos facían beber os condenados a morte un beberaxe a base de Cicuta. A doses mínimas xa e mortal. No home causa a morte acompañada de sede, dor de cabeza, estómago, vertigos, delirios, e enfriamento xeral percusor da morte. Para combater ó envelenamento e necesario o vómito e tomar rapidamente acedos vexetais, zume de limón e vinagre, etc. (Acudir sempre o médico canto antes).
Uso tradicional. - Se usa ilegalmente para pillar peixes (envelenando as augas). Foi empregada antigamente como abortivo dando fregas na espalda e barriga das preñadas. Ademais usouse como calmante de cólicos e ardores de matriz.
A Cicuta non envelena as cabras, e carneiros, e tóxica para os coellos, bois e cabalos, preparada con viño produce un soño letárxico os paxaros. Pode producir intoxicación por inxestión de leite ou carne de animais que a comesen.
Uso máxico: O zume da Cicuta formaba parte da pomada (ungüentos) das bruxas/os. A Cicuta e a planta preferida dos malos espíritos.
Nl=Conium maculatum. Ng.=Cicuta, Pirixel das Bruxas, Prixel bravo, Pe de sapo, Canafrecha, Cegude. Nc.=Cicuta, Carraleja, Ceguda, Caña hierba, Cañaveja, Julivertos, Perejilón.
COLA DE CABALO
Medra con certa abundancia na zona de Covas por ser a terra moi areosa. Teño visto xa hai tempo varias veces recolectala nas beiras dos camiños e me teñen contado que viña xente de fora aquí a buscala.
A Cola de Cabalo a tomo eu para desfacer as pedras do ril e botalas fora, e boa para facer mexar e para os males de vexiga sobre todo para a cistite.
Cando se ten un golpe ou esguice e moi bo poñerlle un emplasto coas herbas quentes nesa zona ou tamén dar fomentos coa auga da súa cocedura. Hai quen pon o emplasto ou vendaxe mesturando varias herbas. E boa para baixar a inflamación dos músculos.
Non se debe tomar máis de quince días seguidos convén descansar de tomala. Non hai que collela do campo se debe comprar nas farmacias. (*2)
Hai cinco herbas que son popularmente moi usadas na bisbarra para contusións, esguinces, escordaduras, dores reumáticos, disfuncións musculo-esqueleticas en xeral, que se aplican mesturadas en fomentos ou compresas en quente, nas que a cola de cabalo forma parte xunto coa manzanilla, tomillo, caléndula, é romeo; as cinco teñen propiedades antiinflamatorias. Pero hai outras herbas e combinacións usadas desde moi antigo.
E unha herba descendente das primeiras plantas de fai 150 millóns de anos cando aínda as plantas non tiñan flores, se considera como os felgos, un fósil vivinte de aquel tempo arcaico, cando as primeiras plantas sen flores dominaron a terra. Existen estudios e monografías específicas publicadas de esta herba tan coñecida universalmente.
Nl.=Equisetum arvense. Ng.=Cola de Cabalo. Nc.=Cola de Caballo
CONSOLDA
Ver, Soldaconsolda.
CORNETAS
Ver Cala e Xaro.
CORREOLA.
Ver Chantá. Plantago lanceolata.
COUSELOS. PATACÓNS
Os Couselos (as follas) son bos para as queimaduras e calman a dor e tamén para os males de vexiga. Para cando doen os sabañóns e bo poñerlles follas machacadas de Couselos. O mesmo para as feridas pequenas. Din que as follas se poden comer. Os patacóns e as follas as picabamos e as poñiamos nunha pota para facer a comida cando xogabamos de nenos. (*2)
E unha herba inconfundible e moi coñecida, propia de xogos dos nenos en Galicia
Nl=Umbiliculus rupestris. Ng. Couselos, Patacóns, Arroz, Pucho, Chapeu, Caparucho. Nc.= Ombligo de Venus, Hierba de bálsamo, Hoja de curalotodo. Ten máis dun centenar de nomes populares.
CULANTRILLO DE POZO
Non recollín notas de campo pero vin varias casas que o tiñan no xardín da horta en lugar húmido i en macetas no interior. O que me indica que esta herba é ben coñecida. Foi moi usado na medicina popular para diversos males e ten unha extensa historia etnobotánica que non é posible transcribir aquí. Medra silvestre nas nosas parroquias.
Nl.=Adiantum capillus-veneris. Ng.= Adianto, Capilaria, Culantrillo de pozo, Avenca. Nc.= Cabello de Venus, Capilera, etc.
CUSCUTA.
Ver Barbas de Cuco.
CHANTÁ. CORREOLA. LINGUA DE OVELLA
Para as feridas quéntase nunha sartén con aceite unhas follas de Chantá e ponse na ferida. Tamén e bo aplicarlle tea de araña axuda a cortar a hemorraxia.
Cando tiñas un callo nun pé (ollo de pega), se collían follas de Chantá se metían nun vaso con vinagre 24 horas (un día) e despois o untabas e vendabas o pe, e así había que facelo (renovalo) varios días (xeralmente 9 días) ou ata que desaparecera. Tamén se lle aplicaba o líquido das leiterellas.
Se usaba para curar as queimaduras e os grans se fai un emplasto poñendo a folla da planta encima e rebentan os graos. As sementes que bota a correola son boas para darlle de comer os paxariños. (*1)
As follas de Chantá usábanse para as feridas grandes e para as queimaduras, se poñía encima das feridas un emplaste feito coas follas e había que renovalo varias veces ata que se curaba. A Correola e boa para a inflamación das almorranas. O Chantá usábase moito para os catarros, a tose ea dor de garganta. Había quen tomaba xarope feito de Chantá. Para a dor de cabeza se alivia poñendo varias follas de Chantá amarradas cun pano vermello. Cando se ten inflamación na boca a bo facer buchos coa auga da cocedura de follas de Chantá.
Para curar os grans quéntanse un pouco na sartén follas de Chantá e logo se aplica en emplasto enriba do gran cunha gotiña de aceite. (*2)

De follas en forma de punta de lanza, son astrinxentes e úsanse para os catarros sobre todo de peito, e fanse gargarismos actuando como expectorante. E tamén unha das nosas herbas máxicas tradicionais: toda a planta levada encima preserva de maleficios.
Nas nosas parroquias se coñece a mesma herba con tres nomes diferentes: Correola, Chantá e Lingua de ovella. Pero hai outras herbas diferentes con estes mesmos nomes.
Nl.=Plantago lanceolata L. Ng.= Chantá, Chantán, Chantasia, Chantaxe, Correola, Corrixó, Carraxó, Lingua de ovella, Currúa, Porroá, Sete costas, Tantaxe, etc. Nc.=Llantén menor, Llantén de cinco nervios. Ten moitos máis nomes.
CHANTAXE. LINGUA DE VACA>
O Chantaxe ten a folla máis grande que a Correola pero son perecidas. O Chantaxe como a Correola e boa para a inflamación das almorranas para as feridas éos grans. (*2)
Todas as especies de Chantá foron moi utilizadas na medicina popular para diversos males sobre todo como anticatarral, en gargarismos como expectorante, astrínxente, para as feridas, grans da pel, antiinflamatoria das feridas da boca, etc. As súas follas, son comestibles de novas, se poden preparar cocidas en ensaladas, teñen vitamina C e algo de proteínas, lípidos, petina, e sales alcalinas. E unha herba moi abundante en toda Galicia, como o Dente de león e máis terno na primavera. Tivo tamén usos máxicos; toda a planta levada encima preserva de maleficios mal de ollo, etc. O Chantaxe éo Chantá medran con abundancia en tódalas parroquias. Teñen os mesmos usos medicinais. Na localidade medran varias especies de Chantá: Nl.=Plantago lanceolata, L, Plantago major L, Plantago coronopus L, Plantago marítima. e Plantago acuática Alisma.
Lingua de Vaca.- Con este nome se coñecen por aquí dúas especies distintas a Plantago major e a Labaza Rumex crispus as dúas medran na localidade.
Nl.=Plantago major L. Ng.=Chantaxe, Chantá, Lingua de vaca. Nc.=Llantén mayor.
CHIFRES. CABACIÑAS
Os Chifres, son as herbas que comían moi ben as cabras. De nenos coas súas cabaciñas era co que facíamos os chifres (silvatos) para xogar. (*2)
Planta perenne herbácea que gusta moito as cabras, as súas cabaciñas son as que os cativos fan silvar coma chifres. Nl.=Lychnis dioica. Ng.= Cabaciñas, Subrilotes, Chifles (silvar/asubiar). Nc.= Pitos, Silvos.
CHUPETES. CHUCHAMELOS
Ver Ortiga morta.
DEDALEIRA. XOANE
A Dedaleira ou Estallos, é a herba que lles gusta moito meterse dentro as abellas para chupar as flores. Non se debe de ulir porque é velenosa. De nenos sempre xogábamos a estallar a súas flores. O día de S. Xoán van nos ramos que se poñen na porta e ventás para espantar as bruxas e os males. Esta herba tamén e tóxica para o ganado. (*2)
Toda a planta é velenosa por conter dixitalina sustancia moi tóxica (droga) que fai latir máis vagoroso o corazón, se emprega en medicina.
Uso máxico e tradicional.- E planta moi coñecida popularmente, é unha das herbas máxicas da tradición galega, que se coloca nas aberturas da casa o "dia de S. Xoán" e se levaba para protexerse contra tódolos males e desgrazas; os nenos xogan a estoupar as súas flores, práctica que se debe abandonar por perigosa xa que a doses pequenas pode ser mortal.
Nl:=Digitalis purpúrea L. Ng.=Dedaleira, Herba de San Xoán, Sanxoán, Xeoane, Xoane, Seoane, Abrula, Abeluria, Botexo, Babocas, Bilicroques, Bilitroque, Estralote, Croque, Alcroque, Choches, Estrompallo, Estallos, Sábanos, etc. Nc.=Dedalera, Brotónica real, Calzones de zorra, Gualdrapera, Viluria, Chupamieles. Ten moitos máis nomes en toda a Península.
DENTE DE LEÓN. MEXOS, MEXONAS. MEXACÁN
As Mexonas son esas herbas que son boas porque fan mexar, usábanas para iso e para depurarse. Os Mexos se lles daba de comer aos animais. Cando eramos nenos xogábamos coas boliñas das flores "paracaídas ou avoíños" soprando nelas. E unha mala herba que estorba nos cultivos porque é moi abundante. Para cando estas mal da vesícula e bo tomar infusión de dente de león. (*2)
Herba moi popular e coñecida pode comerse como verza cocida ou crúa en ensaladas.
Nl.=Taraxacum oficinale (Weber). Ng.=Mexos, Mexonas. Mexacán, Meixacón, Dente de león, Leitaruga, Leiteruga, Leiterella, Amargón. Nc.=Diente de león, Amargón, Achicoria Amarga, Abuelitos.
ENREDADEIRA.
Me regalaron esta Enredadeira (en maceta) porque din que trae sorte e que na familia da casa non faltará o amor. Tamén e boa para a vista. (En Canido, 1965. *2).
Úsase como planta de interior en maceta resistente e fácil de coidar i en xardinería como tapizante. Medra en abundancia en lugares húmidos e algo sombríos, en muros e preto de fontes e lavadoiros. Está na relación de especies invasoras de Galicia (prohibida a súa venta), é nativa de Brasil e Arxentina. Hai moitas especies distintas con este nome popular.
Nl.= Tradescantia fluminensis Vell. Ng.=Orella de gato, Enredadeira, Sempreviva. Nc.=Oreja de gato, Amor de hombre, Siempreviva, Judio errante, Flor de Santa Lucía, Hierba del pollo, Niña en barca, Tradescantia, etc.
ESPADAINA. ESPADANA. LIRIO
Unha vez as vacas que estaban pastando nos campos de Ponzos apareceron tombadas como mortas se emborracharon comendo desas herbas. (*1)
A Espadaina a usabamos para os xerróns de adorno na casa e para adornar a igrexa sobre todo nos días festivos, en Corpus e tamén no cementerio. E una herba velenosa para o ganado sobre todo para as vacas e cabras. Tamén e velenosa para as persoas. (*2)
Planta moi abundante e coñecida que medra nos prados húmidos e na beira de lagoas e dos ríos. Non se debe confundir esta planta coa Palla Real=typha latifolia e t. angustifolia que as veces tamén lle chaman co mesmo nome.
Nl.= Iris pseudocarus. Ng.= Espadaina, Espadana. Nc.= Espadaña, Lirio.
ESPARRAGUEIRA
Se cultivaba na horta da casa, era boa para os males de vexiga para facer mexar, e para desfacer as pedras de ril, se tomaba a auga da cocedura das polas e follas. Tamén e moi bo tomar os espárragos. (*2)
Nl.=Asparagus officinali L.- Subesp. postratus. Ng.= Aspargueira, Asparragueira, Espargo. Nc.=Esparraguera, Espárrago.
FABA
As Fabas as utilizamos fundamentalmente para o consumo alimentario. Se cultivaban en todas as casas. Tiveron tamén un uso medicinal.
A cocción das fabas, e boa contra o mal de pedra, a fariña de fabas e excelente contra as queimaduras do sol ou da auga fervida. A súa flor e boa para facer colirio para os ollos, ten a virtude de limpar as chagas.
Uso tradicional máxico-relixioso ou mitolóxico. Segundo Pitágoras as súas flores levan a marca dos infernos. As fabas tiveron moita importancia como uso máxico en oriente, os exipcios lles tiveron un respecto supersticioso. As fabas negras serven para espantar as visións e os malos espíritos das casas que están encantadas. Nl.= Vicia faba. Ng.=Faba. Nc.=Haba
FARIÑENTOS
Os fariñentos saen nas leiras despois de coller as patacas. A consideramos unha mala herba que invade os terreos de cultivo. (*2)
Medra abundante en leiras de cultivo de patacas e nos sementados coñecida en case todo o mundo. Esta herba e unha boa verza que antes se comía coas patacas contén gran cantidade de ferro. Se cree que era de consumo común nas culturas da prehistoria.
Nl.=Chenopodium álbum. Ng.= Fariñentos, Farneto. Nc.= Cenizo, Hierba sana, Armuelle silvestre, Ceniglo, Verza perruna.
FELGO
Os felgos xunto cos toxos eran moi usados para botar no chan das cortes e facer o esterco para abonar (estercar) as terras, e tamén para prender o lume no forno cando se cocía. E moi abundante, medra en tódolos montes. Os felgos son pezoñentos para o ganado.
O Felgo foi utilizado desde moi antigo en rituais e crenzas máxicas e bruxerís. Se coñecen ben varias especies diferentes: o felgo macho, femia o dentebrú, culantrillo de pozo ou a lingua de cervo. Desta planta úsase o rizoma que é algo doce, vomitivo e algo astrínxente se cree que foi usado para expulsar a solitaria ou tenia. A parte inferior do tallo e comestible pero as follas son velenosas.
Uso máxico tradicional.- J.F. Bohomme, visitador médico apostólico baixo o pontificado de Gregorio XIII, prohibe nos seus decretos (1579) a recolleita do gran do felgo, así como outras plantas, en determinadas horas do día e noite do ano, como por exemplo na noite de S. Xoán. O felgo e símbolo de humildade, ten abundantes aplicacións máxicas, como a de afastar o raio, actúa contra os pesadelos facéndoos desaparecer.
Pero o momento máis importante éo da súa recolleita que se deberá facer como sigue: Na noite de S. Xoán o dar as 12 en punto, ponse un mantel novo que non fora usado nunca de lenzo, cáñamo ou liño debaixo do felgo, que previamente fora elixido uns dias antes, e se bendice "no nome do Padre, Fillo, i Espírito Santo, amén" o fin de que o demo non poña obstáculo (uso máxico cristianizado). Se traza un circulo máxico arredor da planta e dentro se poñen as persoas que serán unha ou tres que asisten a cerimonia de consagración do felgo, se recita a letanía dos anxos para obrigar aos malos espíritos a que se retiren, estes pretenderan asustar os concorrentes. Rematado isto se recolle a súa semente (esporas) e se reparte procurando que non haxa rifas nin descontento senón perderase a súa virtude máxica, logo recítanse as marabillosas virtudes do felgo que son moitas. Toda persoa que posúa esta semente, se toca a outra co propósito de causarlle dano, ou toca a unha muller para satisfacer o seu desexo luxurioso, pecará mortalmente. Para librar a unha persoa que está posuída por un espírito maliño abonda con tocalo con dita semente poñendo toda a vontade en curala. Tamén se usou como ritual o Felgo de S. Xoán, F. Real = Osmunda regalis. Nl.=Pteridium aquilinum. Ng.=Felgo, Fieito, Fento, Fenta, Folguira, Filgueira. Nc.= Helecho común.
FIGUEIRA DO DEMO
Ver Herba das Bruxas.
FIÚNCHO
Tamén chamado Anís das castañas; e tradicionalmente usado para cociñar as castañas (zonchos). Bótanse na pota unhas poliñas entre as castañas a cocer para aromatizar este delicioso froito. En infusión o Fiúncho e bo para a dor de barriga e para as malas dixestións e para lavar os ollos cando están irritados. Tamén se usaba para os catarros, dor de garganta, diarreas e para expulsar gases. (*2)
Cando nacía un neno e se vía que estaba amarillo, o neno tiña a tiricia (ictericia), lle cocían fiúncho (auga de fiúncho) e o fregaban cun limón cortado. (*1)
A infusión de fiúncho e boa para a dor de barriga a facía a miña avoa. O Anís en infusión e moi bo para a dor de barriga. (En Ferrol 1990, Encarna P.
O fiúncho era o que usábamos para facer os Maios e adornar a silla do altar das maias en Valón antes de 1940. A silla era de mimbre desas que tiñamos antigamente nas casas e se adornaba toda de Fiúncho e outras flores; unha nena vestida de branco (a Maia) se sentaba e se colocaban nos cruces de camiños, logo se ía en procesión polas casas pedindo un aguinaldo. As maias se colocaban nos cruces de camiños desde Doniños ata Ferrol.
O Fiúncho tamén o usábamos na auga de rosas coa que lavabamos a cara na mañá do día de S. Xoán e tamén nos ramos que se poñían nas portas e ventás da casa éas cortes dos animais para espantar as bruxas. (En Valón, Ramón Graña. Trad. fam. en 1970).
Esta herba tan coñecida con cheiro e sabor anisado e abundante tanto en Galicia como no resto da Península. Tivo/ten moitos más usos e nomes populares. Ten usos similares as do anís ea manzanilla. Os romanos xa comían os brotes tenros do fiúncho como hortaliza.
Nl.= Foeniculum officinale (All) (F. vulgare). Foeniculum capillaceum. (Gilb.). Ng.=Fiúncho, Funcho, Fionllo, Fioncho, Anís das castañas. Nc.=Hinojo, etc.
FUMARIA. HERBA DONA
Herba moi coñecida. Os que teñan horta ou xardín estarán cansos de arrincar esta mala herba que non é tan mala. Empregouse coma herba medicinal depurativa e tamén se fumaba de aí seu nome.
Esta herba e lixeiramente tóxica ten varios alcaloides e non se debe tomar máis de dez días seguidos; usouse antigamente para moitos males.
Nl.=Fumaria officinalis L. - Fumaria muralis Sonder ex Koch. Ng.=Fumaria, Matafogo, Pe de galiña, Pirixel de can, Pombiña, Herba dona. Nc.=Fumaria, Zapaticos.
GRAMA. PATA DE GALIÑA
E una mala herba que sae no medio da outra ou do céspede que é máis bonito. E moi dura, invade e non hai quen acabe con ela. Un veciño de Valdoviño ma veu a pedir para plantar nunha zona que era moi areosa e que non lle medraba alí nada para fixar o terreo e ter algo de herba. Din que é moi boa para isto.
A Pata de galiña se planta cando se ten un terreo frouxo ou areoso que se desfai e boa para fixalo. E boa como pasto para o ganado. (*2)
Co nome popular de Grama se coñecen varias especies distintas que foron moi utilizadas como herbas medicinais. Abundante na nosa localidade. Tamén medran aquí outras gramas: Cynodon dactylon ea grama de auga/de río Paspalum vaginatum usadas en lugares areosos pouco fértiles ou algo salitrosos onde non medran outras herbas. As tres se venden como céspede.
Nl.=Stenotaphrum secundatum. Ng.=Grama. Nc.=Grama, Grama catalana, Grama de Sevilla, Grama americana, Grama basta, Gramilla. Nl.= Cynodon dctylon. Ng.=Pata de galiña, Grama.
HEDRA
Para cando unha persoa se quere purgar se toma unha infusión de follas de Hedra. Cando tes unha ferida e non tes outra cousa machacas follas de Hedra e as pos encima aguantadas cun pañuelo. A Hedra usábase como purgante. Hai que ter coidado coas boliñas (froitos) pois non se deben comer que son tóxicas e tamén se usaban para o xogo co tiratacos. Para axudar a vaca no parto e bo darlle a comer un pouco de hedra. As Hedras non son boas para o ganado, medran en abundancia nas silveiras e nas sebes que pechan as hortas. (*2) Nl.=Hedera helix
A Hedra é un abusto trepador de folla perenne e de rápido crecement. As súas raíces son aéreas autoadherentes, trepa polos arbores e arbustos, moi resistente e pode acadar ata 50 metros de longo. Tamen pode durar mais que as arbores sobre as que se enreda.
HERBA ABELLEIRA. MELISA
E unha herba moi olorosa que a había plantada en moitas casas sobre todo os que tiñan colmeas e que se usaba como medicina. E moi boa para atraer as abellas. Cando queriamos recoller un panal que escapaba da colmea collíamos un ramiño de Herba abelleira e o refregabamos ben o poñiamos enriba dun muro u unha zona onde se puidera recoller ben, e o abelleiro enseguida viña a pousarse enriba delas, logo se lle poñía encima a colmea que xa se tiña preparada. Tamén si se quería cambiar de sitio un abelleiro refregando as herbas na nova colmea. Se toman as follas en infusión para calmar os nervios. (*2)
Melisa e o nome grego de abella pola frecuencia conque as abellas visitan estas herbas. E nativa da zona mediterránea, tamén é cultivada. Úsase como condimento doméstico, parece que entre as súas propiedades tamén é a de disipar as penas e promover a ledicia, estimula a circulación sanguínea, o cerebro éo sistema nervioso, é vulneraria e diurética, se usa contra o histerismo, hipocondría, vértigos e atonía gástrica. A especie cultivada ten mellor aroma que a silvestre (Bardana, Melitis melissophyllum) pode comerse cocida.
Uso máxico e tradicional.- Si se colga do pescozo dun boi unha herba enteira de melisa a besta sigue a un a todas partes obedecendo a quen lla puxo. As sibilas dos templos de Cumas, Eritrea, Delfos, Libia e outros, facían un beberaxe para espertar a inspiración na que entraba a Melisa na súa maior parte.
Nl.= Melisa officinalis. Ng.= Abelleira, Herba Abelleira. Cidreira, Trunjin, Melisa. Nc.= Melisa, Toronjil, Abejera, Cidronela, Hoja de limón, Melisa limonada.
HERBA BOA
Para as malas dixestións e dor de estómago faise unha infusión con Herba Boa ou Reina Luísa. A Herba Boa para o que se utiliza é para as dores de barriga e a descomposición. Para preparala, se deixa secar, amarrando un ramallete e se colgan boca abaixo, despois refrégase ata que quede moi fina, se garda en bolsiñas que se fan con trapos brancos e limpos e se usa a modo de infusión. (Encarna P.V. Ferrol 1985).
Nl. =Menta spicata. Ver Amenta.
HERBA CAMPÍA. HERBA CAMPEIRA
A Herba Campía e unha herba do tipo do céspede que medra nos campos e arredores das leiras. (*2)
Herbas campías. - Hai varias gramíneas parecidas e coñecidas en Galicia con este nome popular. Non estaba nese momento no lugar para véla, así que non sei a cal herba se refería meu tío. Pero posiblemente sexa a Dactylis glomerata como tamén é así en Asturias (Herba campú). Pero hai outras herbas campías moi coñecidas: a Stenotaphrum secundatum e a Paspalum dilatatum, da que na nosa localidade medran tres especies: Paspalum dilatatum, P. paspalodes, e P. vaginatum.
Coa herba xogabamos de nenos o xogo de "galo ou galiña" agarrabamos a herba e tirabamos das sementes (inflorescencia) coa man para arriba. Si a herba saía de punta eras "galo" e si saía aplanado eras " galiña", e dicir , que eras un covarde, e todos se rían de ti e te empuxaban. (*2)
Para este xogo usábamos varias herbas diferentes: Nl.=Holcus lanatus, Avena barbata, Agrostis ssp., Dactylis glomerata e outras. Todas estas herbas teñen moitos nomes populares: Cañota Triguera, Herba trigal, Heno, Pata de galiña, Pasto, etc.
A Stenotaphrum secundatum, e Paspalum dilatatum, están na lista de especies invasoras de Galicia.
HERBA DAS BRUXAS. HERBA DO DEMO. FIGUEIRA DO DEMO
A Herba das bruxas e moi pezoñenta e non se lle debe nin tocar nin durmir preto dela. Tampouco e boa para as vacas. Pero se usaba como herba medicinal. (*2)

Planta tóxica moi coñecida como a Cicuta, medra en abundancia por zonas de terreo propicio nas beiras de camiños, arredores e terreos baldíos. Haina en tódalas parroquias. Foi moi empregada nas póxemas máxicas e de bruxería na idade media. Existen moitos estudios e monografías publicados dedicados a esta herba universal de uso tan antigo.
Nl.=Datura Stramonium (L.). Ng.=Figueira do Demo. Herba do Demo, Herba do inferno, Herba das Bruxas, Herba Fedorenta, Figueira tola, Gorgullo, Croxón, Corno do cervo, Merda do Demo.
Nc.=Estramonio, Higuera Hedionda, Berenjena del diablo, Berenjena hedionda, Hierba topera, Flor de la trompeta. N. Estranxeiro =Tangan Tangan. Ten moitos máis nomes.
HERBA DAS ALMORRANAS
Medra no medio do maínzo é alta e bota unha boliñas que é boa e usábase para as almorranas. (*1). Non conseguín véla - sen localizar.
Herba das almorranas.- Esta herba usábase para aliviar as molestias das almorranas, medra moito nos prados e terreos baldíos. (*2)
Ranúnculus ficaria de follas acorazonadas medra nas ribeiras dos ríos e lugares encharcados. Se usa a tintura feita coas flores. Houbo moitas herbas utilizadas para este mal.
Nl.=Ranúnculus ficaria L. Ng.=Herba das almorranas, Herba das Anadas. Nc.=Celidonia menor
HERBA DAS FERIDAS. MILENRAMA
A herba dos carpinteiros aparece as veces adornando coas súas flores nos camiños os arredores e os lindeiros. E moi coñecida popularmente.
Seu nome Archellea en honor de Aquiles. E unha herba que medra en toda a Península, máis abundante na parte norte, é comestible. Foi moi usada e ten moitas propiedades medicinais. Chamada así porque a usaban os carpinteiros para curar as súas feridas. Ten moitos nomes.
Nl.=Achillea millefolium L. Ng.= Herba das Feridas, Milenrama, Aquilea, Merisana, Milfollo, Onca, Herba dos Carpinteiros, Herba do soldado, Herba da Rula. Nc.=Milenrama, Mielefolio, Ciento en rama, Hierba de las heridas, Hierba de Aquiles, Perla, Pamplina, Meona.
HERBA DA SANTA. HERBA DE NAMORAR
Hai xente que a colle aquí na illa e a levan para tela na casa porque trae boa sorte. Se pon colgada na porta da casa como protección contra os males.
Cando se vai de romaría ou peregrinase a san Andrés se leva amarrada no callado como ofrenda ao santo, como protectora e tamén se colle alí preto da fonte. (*2)

Esta herba é moi coñecida pola sona da romaría do Santo André de Teixido. Herba máxico-relixiosa que os romeiros levaban e traían amarrada no seu callado e que logo gardaban na casa para protexerse de todos os males e atraer a fertilidade nos casos en que era preciso.
En Covas os veciños desde antigo a coñecen co nome local de Herba da Santa ese é o nome correcto aquí, aínda que a romaría de Santa Comba (Covas) non acadara tanta universalidade como a de Santo André de Teixido. Pero a romaría de Covas tivo moita sona e devoción na bisbarra desde tempos moi antigos por ser moi milagreira.
A herba de namorar / herba namoradeira / a herba de namorar / tráioa na faldriqueira
A San Andrés van dous e veñen tres. (Herba empreñadeira-Fertilidade.
Nl.=Armería marítima (Willd). Outra especie local: Armería pubigea. Ng.=Herba de namorar, Herba namoradeira, Herba empreñadeira. Caravel mariño. Nc.=Armería, Armería marítima.
HERBA DE NOSA SEÑORA. ARTEMISA
Algúns veciños me nomearon esta herba varias veces pero non me especificaron nada relacionado co seu uso, eu creo que a confunden coa Herba de Santa María. Tivo moita tradición en Galicia como protectora contra as bruxas é unha das herbas de S. Xoán. E abortiva e fumouse como substituto da marihuana pois provoca soños alucinóxenos. E unha herba potente (tóxica) tivo moitas aplicacións medicinais, considerada desde antigo "A nai de todas as herbas" pero seu uso non está recomendado. Está consagrada (atributo) a deusa grega Artemisa gran protectora das mulleres. Non medra silvestre na nosa localidade.
Nl.= Artemisa vulgaris L. Ng.= A herba de Nosa Señora, Artemisa menor, Herba do rato, Herba Madroa, Artemixa, Artemexón, Artumixe , Entremisa, Ortimixa, Artemise, Artemisia, Artimixe
A especie que medra silvestre nas dunas é a: Nl.=Artemisia crithmifolia L. Ng.=Mardoneira, Herba lombrigueira. Nc.= Ajenjo marítimo, Artemisa marina.
Da mesma familia e o tan coñecido Ajenjo (Artemisia absinthium.) que é moi utilizado.
HERBA DE SAN ELEUTERIO
Ver Cinamomo.
HERBA DE SATURNO
Esta herba medra en lugares húmidos é achapazada e vai botando unhas folliñas. En ela é onde se crían ou se ven de noite as luciérnagas (vellas facendo papas, vagalumes). Se usaba para curar os furúnculos ou graos que non rebentan. Se collen varias follas e se quentan pasándoas volta e volta pola sartén e se colocan cunha venda encima do furúnculo a modo de emplasto, e aos 10 ou 12 horas o furúnculo rebentaba. (1*) - Sen localizar.
Índice do artigo: Continuar lendo
Bibliografía consultada
—Catálogo da Flora de Galicia. Mª Inmaculada Romero Buján. Depto. Botánica. Facultade
de Veterinaria, Univ. Santiago de Compostela- Campus de Lugo - 2008
—Guía de plantas con flores de Galicia. Xosé Ramón García. Ed. Xerais de Galicia, 1991.
—Flora de Galicia. Xosé Ramón García. Ed follas novas.1979.
—Catálogo Flora Vascular Concello de Ferrol. Jaime Fagúndez Díaz. Jolube Ed.
—Flora y fauna de la costa. Guías Blume.1999
—Flores silvestres. Guía naturaleza Ed. Everest. 1991.
—Biblioteca dixital vv.aa.
Notas
*1: Tradición oral recollida en Covas por Juan López Hermida e o autor, de D. Ricardo Dacosta, ano 2003.
*2: Tradición oral recollida na parroquia de Doniños, década dos 70 (1970-80), da miña familia: avoa María-(1891-1977), nai Fina, e sobre todo de meu tío Ramón G.-(1915-2000) e de outros familiares, veciños de Valón, e varios lugares de Serantes. Todos nacidos no antigo concello de Serantes. Fotografías en terras de Serantes - o autor.