AS HERBAS - SABEDORÍA POPULAR
A etnobotánica estudia a relación dos seres humanos co reino vexetal e dicir o uso que os pobos fan das plantas. A utilización das mesmas e diverso: agrícola, alimentación humana e animal, medicinal, veterinaria, e outros aspectos como o mitolóxico, o uso ritual e protector, bruxeril, máxico-relixioso, construción, xogos, artes decorativas, etc.
O uso das herbas vai unido a existencia humana, sexan estas cultivadas ou silvestres son coñecidas e teñen nome desde que hai historia escrita, éa arqueoloxía mirando máis atrás nos mostra que o uso e consumo das herbas e froitos silvestres son en boa proporción os mesmos que coñecemos e utilizamos na actualidade.
A sabedoría popular de tradición oral e un patrimonio "intanxible" polo tanto moi vulnerable,
o que de "oral" non se rexistra na escrita pouco a pouco se vai perdendo ata a súa desaparición.
O progreso social i económico na forma de vida ea menor dependencia do traballo manual do cultivo da terra fai que moitos dos coñecementos que estaban arraigados desde moi antigo se esquezan. Ademais, o gran avance ea eficacia da medicina científica e farmacopea actual, fai que o uso das herbas como curativas caera moito en desuso, pero non está demais recordar que as herbas cos seus principios activos axudaron e sandaron a humanidade desde antigo. E importante revitalizar, conservar e divulgar a nosa tradición cultural, preservando así o seu esquecemento. Actualmente case son máis coñecidas e usadas as herbas que veñen de fora (herboristería, condimento, adorno, (flor de pascua), etc.) que as que usábamos nos antigamente.
A maioría das herbas tiveron ou teñen máis usos dos que se presentan aquí, moitas son universalmente coñecidas e terían que ir acompañadas dun comentario explicativo en varios aspectos como os principios activos, as distintas enfermidades para as que foron usadas, a función bruxeríl, máxico-relixiosa ou mitolóxica, etc. pero isto non e posible xa que excedería moito o tamaño do texto.
Mencionar de pasada como curiosidade, que non recollín nada do consumo de cogomelos silvestres (setas), o que é indicativo de que somos un pais "micófobo" como a maioría da Península a excepción do Pais Vasco e Cataluña e algo en Andalucía. Isto xa foi posto de manifesto nos anos 50 (1957) polos etnomicólogos Wasson & Wasson que consideraban a Península como "micófoba" en comparación con outros países europeos como Francia ou Italia, o que mostra que esta nova actividade de recolección de cogomelos (Pan de Sapo) non pertence a nosa tradición e que é de introdución moi recente.
As plantas catalogadas en Galicia son 2.391 especies (Cat. Flora Galicia.-Mª Inmaculada Romero), 1488 especies na provincia da Coruña e 735 en Ferrol (Cat. Flora V. Conc.Ferrol.-Jaime Fagúndez). Isto da unha idea da riqueza e diversidade da nosa flora local nun espazo xeográfico tan pequeno e a importancia da súa protección (especies endémicas i en perigo de extinción) e conservación.
Hai moitas máis herbas coñecidas por aquí e que non están incluídas, isto e debido a que non recollín ningunha nota de campo, pero en calquera momento pode aparecer información sobre elas. Por exemplo: chicoria, verbena, verónica, marrubio, abeloura (hipérico), herba de san Roberto, lavanda, verdolaga, berro, brizo, berrofemia, salicaria (lythrum), Eupatorio (Eupatorio cannabinum), callaleite, bolsa de pastor, pe de galiña, perpetua, arearía, algodonosa, pirixel de mar, orquídeas, h. dunares, e outras.
Tamén sinalar que esta recompilación das herbas que foron coñecidas e usadas tradicionalmente por nosos antepasados son notas de campo tomadas de vagar non é un traballo sistemático completo nin moito menos, e se debe tomar como un achegamento a esta parcela da etnografía, que é a etnobotánica.
Recollo aquí algunhas das herbas que antes eran de uso común dos veciños habitantes das nosas parroquias, o seu aprendizaxe, coñecemento e transmisión era puramente práctico e verbal.
CATÁLOGO DE HERBAS DE USO TRADICONAL E MEDICIONAL
(parte I)
Tradición oral recollida
ABRÓTEGA. HERBA DOS NABOS
Se usaba para saber cando había que plantar os nabos en función de cal era a posición das sementes no tallo. No mes de agosto íamos o monte a ver como tiñan as sementes as abrótegas para saber cando tíñamos que sementar os nabos. Na punta do tallo das abrótegas medran unhas boliñas (sementes) e se miraba como estaban situadas a maioría das sementes se estaban pola parte baixa da punta quer dicir que había que sementar a primeiros de agosto, si están polo medio se sementaba a mediados e se medran polo final (pola punta de todo) se sementaba a finais. (*1)
A Abrótega e moi abundante nos montes é como unha planta de allo, que da un bulbo e ten unha flor branca, bota unha variña da que sae a flor. Non e boa para os animais, as boliñas as usabamos para xogar cos tiratacos. (*2)
Moi coñecida en toda Galicia. E tóxica para as persoas éo ganado. Usouse moito para facer os facheiros para alumar os camiños. Ten moitos nomes, e unha boa historia mitolóxica.
Nl. = Asphodelus albus. Ng.= Abrótega, Abrótea, Brotia, Lumbrieiro, Gamón. Nc.= Asfódelo,
Gambón, Atiza candiles.
ACEDEIRA. ACEDA
A Acedeira ten como unhas cordiñas, tallos que se propagan moito, non sube moito, medra nos arredores e terreos de labradío. A acedeira e boa para as inflamacións e para o estreñimento. A Acedeira se pode comer cocida pero hai que tirar o auga. Non e moi boa para o ganado.
Para a infección de feridas se cocen unhas follas de acedeiras e verzas se botan nun prato e se engade un pouco de aceite de oliva, logo se envolven as acedeiras nas verzas e se poñen en emplasto cubertas cun pano limpo. Quen coñecía moi ben tódalas herbas era María de Sequeiro. Miña nai si que coñece moitas herbas e sabe moitos remedios. (*2)
Nl.=Rumex acetosa e Rumex acetosella. Ng.=Acedeira, Aceda, Vinagreira. Nc.= Acedera, Aceda, Agrilla, Oreja de buey, Romaza, Vinagrera. Ver Labaza.
ALCACER. CENTEO
O Alcacer o sementábamos en outono para forraxe dos animais éo segábamos na primavera antes de que secara.
Cando eramos nenos os maiores nos ensinaban a facer gaitas ou frautas de Alcacer que eran de palla de centeo ou avea cortabamos unha palla duns dez centímetros e a apertabamos na fronte pola punta por onde logo soprábamos (un oboe). As gaitas (ou frautas) as facíamos dando un corte a palla por un extremo facendo unha lingüeta e despois uns cantos furadiños pequeniños. Tamén facíamos chifres ou pitos cunha folla de loureiro ou de filseira. (*2)
Refrán: Non sempre está o alcacer para gaitas. O que non ten que facer, sacha os nabos i o alcazer.
O cultivo do alcacer; -centeo, avea, cebada- ou mestura delas para forraxe que se sega en verde. Nos últimos trinta anos diminuíu moito en Galicia.
Nl.= Secale cereale, (L.) M.Bieb.) Ng.= Centeo. Nc.= Centeno. Nl.= Hordeum vulgare. Ng.= Orxo, Cebada. Nc.= Cebada. Nl.= Avena sativa. Ng.= Avea. Nc.=Avena. Tamén:Alcacén.
ÁLOE. ÁLOE VERA
Unha planta de Áloe déronma para que eu a plantara na horta porque me dixeron que era moi boa para a pel, as queimaduras e para moitos outros males. Ter Áloe na casa alonga os males e as envexas, protexe a casa e trae boa sorte. Tamén din que é a planta das mulleres. (En Covas- Ferrol, 1985, Ánxela P.S.)
O Áloe e moi bo para os males da pel. Cando se ten unha queimadura se corta un trozo de folla e se pela para sacar o seu zume e se coloca sobre ela en forma de emplasto para aliviar e curar. Para cicatrizar as feridas se fai o mesmo e tamén para un herpes. E agora tamén e moi usado en xaropes de varias maneiras para combater os efectos da quimio. (*2)
Traída das illas Canarias non era antigamente moi cultivada nas nosas hortas pero agora e común véla, debido as súas numerosas e boas propiedades medicinais. Actualmente recollín novos nomes de esta planta tan popular; Herba/Planta da casa. Herba/Planta das mulleres. Planta carnosa ben coñecida chamada "planta fermosa" en América. Foi introducida na idade media en Europa procedente de América. Ten un importante uso medicinal. A industria farmacéutica e cosmética a inclúe na súas formulas. Nl.= Áloe ferox. Miller Ng.= Áloe, Áloe vera. Hai varias especies diferentes.
ALLO
O allo e bo para baixar a tensión se pode tomar un dente de allo cru pola mañá que pode ser triturado e mesturado con outro alimento.
Para o reumatismo e bo comer allos crus, tomar tódolos días un dente de allo. Son bos comelos durante varios días triturados e crus para expulsar as lombrices e se poden mesturar con leite ou aceite de oliva virxe.
Para quitar os piollos onde se teñan, se machacan uns dentes de allo e se mesturan con vinagre e sal logo se refrega toda a zona afectada con esta pócema, se deixa durante un tempo e logo se lava.
Para desinfectar unha ferida se coloca encima un emplasto feito con rodaxas de allo ou allo triturado. Ou tamén se quenta en aceite de oliva un allo triturado e cando este frío se lle bota a ferida.
O allo e bo para cando saen os sabañóns, hai que cortar un dente de allo e refregalos ben.
O allo e bo para a inflamación de garganta e para os catarros. Cando se ten dor de moas e bo picar unha metade dente de allo e poñelo durante un tempo na zona afectada.
Aos nenos para cortarlles as lombrices dáselles a ulir un dente de Allo, pois co cheiro o espírito do mal que provoca a enfermidade sairá fora éo neno sandará.
Para quitar unha verruga so corta unha rodaxa de aistollo e se lle pon enriba suxeita cun esparadrapo toda a noite, esto se renova varias noites ata que a verruga se queime.
Contra o mal de ollo ou as bruxerías e bo levar no peto un dente de allo e tamén para atraer a boa sorte. Os allos son bos para espantar as bruxas e os malos espíritos, hai que colocar unha restra de allos nas entradas das casas e nas ventás. (*2). Nl.=Allium sativum.
AMARELLE. NARCISO
As cebolas dos Narcisos (Amarelles) son velenosas para o ganado. As flores saen na primavera e olen ben se da nos lugares húmidos e preto dos regueiros. As veces usábamos as flores para adorno nos xerróns. (*2)
Na localidade medran varias especies diferentes. Ten moitos nomes. Nl.= Narcissus spp. Ng.= Amarelle. Nc.= Narciso.
AMARGOS
1) Os Amargos e unha herba que aparece nas terras de labradío e nos arredores, a come o
gando. 2) Os Amargos lles fan dano as vacas pero ao home non. (*2)
Parece haber certa contradición entre estas dúas comunicacións de persoas distintas. Sen localizar. Hai varias herbas con este nome popular, non a vin nese momento e non sei de que especie se trata, pero hai varias candidatas, herbas amargas que fan dano as vacas. Rumex spp., Vinagreiras (Oxalys spp.), e os Ranúnculus. A primeira pode ser o Amargón (Dente de león) que si come o gando.
AMENTA
Amenta de auga. Amenta Acuática.. Medra silvestre nas ribeiras dos ríos e regatos, lagoas, pozas e lugares encharcados. Se usa para o mesmo que a manzanilla, para a dor de barriga, para as malas dixestión, empachos e para expulsar gases. E boa ten o mesmo uso medicinal que tódalas amentas. (Nl.=Mentha Acuática)
Amenta Póleo. Póleo. Polexo, A Amenta ou o Póleo ma daba a miña avoa cando tíñamos malas dixestións. (Nl.=M. Pulegium) (En Ferrol 1990, Encarna P.V.)
Amenta de burro. Mentraste. O Mentraste e unha herba moi coñecida (silvestre), as follas son algo carnosas e pilosas é a que todo o mundo colle cando se pasea por calquera camiño para ulir o seu suave aroma. Ten o mesmo uso que todas as mentas pero é menos utilizada. E moi abundante as veces invasora. (Nl.=M. Suaveolens)
Amenta Piperita e Amenta Chocolate. Teño a Amenta plantada xa fai uns anos ma dou unha veciña porque é moi boa para a barriga, as malas dixestións e os catarros. (*2)
Por aquí non medra silvestre e cultivada nas hortas e xardíns, moi coñecida polo licor "pipermint" que se fai con esta amenta. E medicinal co mesmo uso que tódalas amentas, e tamén para matar as lombrices e repeler os mosquitos.
Amenta. Herba boa. A amenta a temos plantada na horta para tomar cando temos malestar de barriga ou estómago. Tamén a tomamos para os catarros. A amenta tamén a usamos na auga de rosas da maña do día de S. Xoán para lavar a cara e nos ramos de S. Xoán. A amenta e moi boa cando te ortigas te refregas con ela onde te picache. (*2)
Existe gran variedade de especies de amenta cultivadas e silvestres en todo o mundo, as que medran silvestres na nosa localidade son tres: Mentha Acuática, M. Pulegium e M. Suaveolens. Algunhas das cultivadas nas hortas son: Amentha piperita (híbrido de M. aquatica e M. spicata), Amenta piperita chocolate= Mentha × piperita f. citrata (hibrido) ea Herba boa Mentha spicata.
Por aquí, nos lugares húmidos tamén medra silvestre outra herba Amenta de Lobo, que non ule a amenta. Nl.=Lycopus europaeus.
A Herba Boa (Hierbabuena, Yerbabuena) propia da cultura e mitoloxía mediterránea, onde é moi cultivada e usada como medicinal e condimento ea: Nl.=Mentha spicata. (Crantz sinónimo M.viridis L.
ÁRNICA
A Árnica xunto coa Soldaconsolda era moi usada e se falaba moito delas na nosa familia. Para os golpes ou dor nas articulacións se collen unhas poucas flores e se deixan macerar en aceite de oliva que se vai remexendo de vez en cando durante un tempo e despois se aplica este aceite en emplasto ou se fai un vendaxe. Outra forma é facer un cocemento coas flores e despois se aplica en fomentos.Tamén para os dores reumáticos se prepara igual pero en alcohol e logo se dan fregas.
Era moi utilizada polos menciñeiros e compostores en Galicia. Tamén e moi usada na industria farmacéutica.
Para cando che doen os osos colle unhas follas de Árnica méteas en alcol e déixaas macerar durante oito ou nove días e logo da fregas con ese alcol. (*2)
Medra nos montes de Chamorro, e nas ladeiras dos montes, aínda que non en moi abundante. E moi empregada en medicina tradicional popular e na industria farmacéutica foi moi recolectada en Galicia o que fixo disminur a súa poboación. Foi empregada como vulneraria, cicatrizante e antiespasmódica. Moi nomeada nos tratados de herbas medicinais; en doses non moi grandes xa resulta tóxica, soamente uso externo.
Nl.=Árnica montana (L.). De ptarnica=Que fai estornudar. Ng.=Árnica, Herba cheirenta. Ng.=Árnica, Estornudadera, Flor de tabaco.
AVEA
A avea e boa para a pel, para a sarna, os grans ea picazón. Se pon un emplasto feito con fariña de avea en auga quente ou as sementes machacadas e alivia o picor e axuda a curar.
Para as espinillas na cara (acné) se cocen dous puñados de avea nun litro de auga e cando enfríe se lava cara con esa auga sen xabón, unha vez pola mañá e outra pola noite.(*2).
Nl: Avena sativa L. Ng.= Avea Ng.= Avena
BÁGOAS. LÁGRIMAS
Herba moi coñecida porque todos os nenos xogaban con ela, poñéndoas nas meixelas para representar as bágoas, os choros e as tristezas. (*2)
E unha herba bastante abondosa, florece entre abril e xullo en toda Galicia.
Nl.=Briza máxima (L.). Ng.=Tremedeira. Nc.=Tembladeras, Zarcillos, Lágrimas.
BÁLSAMO. PLANTA DO BÁLSAMO
Se collían unas follas de bálsamo e se refregaban na pel cando tiñas picores ou che picaba algún bicho ou as ortigas.
O bálsamo o había en case todas as casas, bota unha folla de forma triangular alargada e bulbosa parecida a unha cuchilla de axuste. Se abría e se cortaba en dous ou tres trozos. Se botaba nun prato e se rociaba de azucre, logo ía soltando un líquido (zume) que era o que se tomaba para curar os catarros. (*1)
En algunhas casas a tiñan en macetas para refregalas nas queimaduras, cortaduras e rozaduras da pel. Se cultiva como planta de adorno nos xardíns e para a contención de taludes e tapizante. (*2)
Hai outras herbas distintas que se coñecen con este mesmo nome. A Pata de cangrexo é unha herba moi invasora figura no listado de especies invasoras de Galicia. Nl.= Carpobrotus edulis L. Ng.= Bálsamo, Pata de cangrexo, Uña de gato, Folla de coitelo, Herba de coitelo. Nc.= Pata de cangrejo.
BARBAS DE MAÍNZO.
Ver Maínzo.
BARBAS DE RAPOSO. BARBAS DE CUCO
Cando eu era nena e un neno enfermaba, algunha xente ía o monte a buscar herbas e cocíanas, ían os toxos a buscar Barbas de cuco para facer curacións.
Cando os nenos estaban enfermos se cocía barba de toxo con romeu e facíase un xarope e dábanllo a beber. Para as dores de reuma se cocían as Barbas de toxo. (*1)
As Barbas de cuco son boas para o estreñimento. (*2)
Fíos de cor vermello sen follas, esta herba vive parasita por riba dos toxos, queiroas e xestas. Herba moi coñecida ten moitos nomes en galego.
Nl.=Cuscuta epithymun. Ng.=Barbas de raposo, Barbas de cuco/toxo, Corga, Gorga, Liño de lebre, etc. Nc.= Cabellos de monte, Barbas de raposo.
BELDRO. BLEDO. BREDO. AMARANTO
E unha "mala herba" que invade as terras de labradío, aparece despois das colleitas moi abundante e invasora. Pero dicían que era boa para comer. En gran cantidade lles fai mal as vacas e porcos que poden enfermar. (*2)
Medra en abundancia en terras de labradío, terreos baldíos, e zonas quentes. Na localidade medran tres especies. E unha planta comestible moi completa, boa igual que os Fariñentos; en América, Asia e África hai especies distintas as europeas. En E.U. investigaron as propiedades alimenticias desta planta para impulsar o seu consumo como fonte de verdura e fariña. As súas follas cocidas como as espinacas dan unha verza moi suave, e as sementes negras serven para facer fariña. Nl.=Amaranthus retroflexus. Ng.=Bredo, Bledo. Nc.=Bledo, Amaranto, Moco de pavo.
BERTONIA. BETÓNICA
A Bertonia se usaba para as feridas, crece silvestre e baixiña e as follas son algo ovaladas parecidas as da fresa teñen dentes. (*2 Ramón G. 1973)
A Betónica ten propiedades estimulantes e desinfectantes, antigamente foi moi usada en Galicia como panacea medicinal.
Nl.=Stachys officinalis - Betónica officinalis. Ng.= Betónica, Bretónica, Bertonia. Nc.= Betónica.
BORRAXA
A Borraxa e boa para os catarros sobre todo para a bronquite. Se toma a auga da cocedura das flores e follas varias veces ao día, se pode endulzar con mel ou azucre.
Para os catarros facer un xarope: cocer follas de borraxa, romeu, ourego e eucalipto e endulzar con mel; beber o auga varias veces o día. (*2)
Eu botei este ano as sementes de Borraxa de flores azuis ea de flores brancas. (Porta de Neira, José Manuel L. Y. 1990).
Medra en tódalas parroquias. Cultivouse nas hortas para tomar como verzas, menestras, ensaladas e frituras, ou cocidas como si foran espinacas para as persoas enfermas delicadas, son lixeiramente laxantes. Na antigüidade tivo moita sona, Plinio dicía dela "volve o home ledo e feliz". Nl.=Borrago officinalis. Ng.=Borraxa. Nc.=Borraja
BOTÓN DE OURO
O Botón de ouro é unha herba que ten unha flor moi amarela que medra nos prados e nas zonas onde hai moita humidade e mala para o ganado. (*2)
Os ranúnculos son herbas moi abundantes nos prados e se distinguen bastante ben polas súas flores amarelas con 5 pétalos e 5 sépalos. O seu nome ben de que serven de acubillo as ras. Hai varias especies e son tóxicas, as veces enferman o ganado aínda que procuran evitalo.
Nl.=Ranúnculus repens. Ng.=Botón de ouro, Herba de ouro, Patelo, Punta loba, Sardonia, Herba de malgra, Flor de S. Diego. Nc.=Botón de oro,
BOTÓN DE SAN ANTONIO. COROA DE SAN ANTONIO
O Botón de San Antonio, e unha herba que ten a flor como un botón e moi olorosa ule como a manzanilla, haina polo camiño que baixa a S. Antonio da Cabana desde Valón e a beira de moitos outros camiños e pistas tamén por Doniños. (*2)

E usada como unha das herbas do ramo de S. Xoán e principalmente polo seu aroma para aromatizar sobre todo a auga de rosas do día de S. Xoán. Por zonas é relativamente abundante.
A Helichysum petiolar e foetidum están no listado de especies invasoras de Galicia.
Nl.=Helichysum foetidum e Helichysum petiolare. Ng.=Botón de San Antonio, Coroa de San Antonio, Sempreviva. Nc.=Botón de S. Antonio, Siempreviva.
CALA. CORNETAS
Case todas as hortas e xardíns a teñen. Nos a tíñamos por detrás da casa na beira do camiño.
As Calas as usábamos para adornar as sillas e os ramos cando facíamos os Mallos. Tamén as cortábamos para levar nos ramos ao cementerio e para os xarróns de adorno da casa. Olen moi ben. As boliñas son moi velenosas. (*2)
A Cala e toda ela tóxica pero tivo uso medicinal para feridas e picaduras. Nl.=Zantedeschia aethiopica. Ng.= Cala, Corneta. Nc.= Cala, Lirio de agua. Cartucho.
CALÉNDULA
A Caléndula e boa para a dor de oídos aplicando aceite macerado coas flores. A Caléndula e boa para a inflamación da pel éos grans aplicando compresas da infusión das flores. Tamén se utiliza como flor de adorno nos xerróns das casas. (*2)
A Caléndula cultivada (C. officinalis) é de cor alaranxado pero a brava (C. arvensis) é máis pequena de cor amarelo alaranxado. E unha planta moi coñecida polo seu uso medicinal e decorativo pero e tamén comestible, as súas flores son algo amargas e pódense comer en ensaladas, non é tóxica. Nalgunhas zonas as súas sementes consérvanse como alcaparras en vinagre. E boa para as irregularidades coa regra, os tuberculosos ou como aperitivo as flores comestibles adornan co seu cor os pratos. As flores, frescas ou desecadas poden servir coma substituto do azafrán.
Nl.= Calendula officinalis e Caléndula arvensis. Ng.=Herba vaqueira, Pampullo, Pampillo, Ollo de boi. Nc.=Caléndula, Caléndula silvestre, Marabilla de los campos, Hierba del podador, Hierba vaquera, Hierba lavamanos.
CAMPAIÑAS. CAMPANILLAS.
As campaíñas e unha mala herba que se enreda moito nas outras plantas e estorba moito hai que andar arrancando nelas. (*2)
Hai varias herbas diferentes que se coñecen con este nome tan popular, como a calystegia soldanella, a datura stramonio, a campanella, o narcissus, e outras.
Nl.= Convulvus arvensi. Ng.= Campaiña, Campaniña, Campanilla. Nc.= Campanilla, Correhuela, ou Corregüela, Yedra campana.
Nl.= Calystegia soldanella Ng.= Campanilla das praias, Campanilla da area. Nc.= Campanilla de las dunas, Campanilla de arena, Enredadera de las dunas. Hai outra Campanilla que medra na nosas silveiras, sebes e muros a: Ipomoea indica (Burm.) Merr. que está na lista de especies invasoras de Galicia.
CANAVEIRA. CANA
As canas son unha mala herba moi invasora, onde medran son unha praga hai que andar sempre cortando nelas son moi difíciles de erradicar. Se poden facer frautas pero non e moi boa cana para isto, hai outras canas mellores. (*2)
A raíz conten entre 3 o 5% de azucre (sacarosa). Do rizoma desecado se saca unha fariña doce con sabor a vainilla comestible e sirve para facer buñuelos. En medicina natural, está indicada para a gota, cálculos de ril e hidropesía. Medra con certa abundancia en zonas húmidas.
Nl.=Arundo donax. Ng.= Canaveira, Cana. Canizo, Cana brava. Nc.=Caña, Caña común, Caña brava, Cañizo, Cañavera.
CANAVEIRA. CARRIZO.
Os carrizos son abundantes na Mariña (S. Xurxo) e no lago de Doniños, é onde se esconden os patos; din que se usaban antigamente para os tellados das pallotas. (*2)

O Carrizal e moi coñecido popularmente. Abundante nas zonas moi húmidas, en Esmelle, S. Xurxo, Doniños, Ponzos, etc. Queda na nosa toponimia algúns lugares co nome de Pallota. Parece ser que na protohistoria houbo pallotas na ribeira do lago de Doniños.
Nl.= Phragmites australis. Ng.=Carrizo, Canaveiras. Nc.=Carrizo, Canavera, Cañete, Cisca, Caña de pantano, Caña borde, Caña de indio.
CARDO
O Cardo se usa para pedir un desexo o véspera do día de S. Xoán. Se poñen tres vasos con auga e en cada vaso ponse un capullo da flor do cardo de cor rosa, a cada flor pídeselle un desexo e deixase toda a noite na ventá o rocío e pola maña se vai a mirar éo capullo que máis abra é o desexo que se cumprirá. (Encarna P. en Ferrol 1990)
A auga da cocción das raíces dos cardos son bos como diuréticos e depurativos. O cardo da unhas sementes que son moi boas para os paxariños e sobre todo aos xílgaros que gustan moito delas. En Algúns lugares os cardos os poñen no ramo de S. Xoán nas portas e ventás como protección contra as meigas e os males. Os cardos se usan como flor decorativa nos xerróns das casas. (*2)
O Cardo de cor amarelo (dourado) e símbolo solar representa o Sol en moitos pobos da Península i Europa. Se coloca na porta de entrada da casa como protección contra todo mal o día grande da divindade Sol (Solsticio de Verán) cristianizado por S. Xoán.
Cardo de flor violeta rosado. Nl.= Centaurea nigra L.
O Cardo decorativo. Nl.= Dipsacus follonum L. Ng.=Cardo, Cardencha, Cardo bravo. Nc.=Cardo, Cardo de cardadores, Peines. Hai varias especies e moitos máis nomes.
CARDO MARIÑO
Os cardos que medran nas dunas das praias os usábamos como adorno nos xarróns. As sementes lles gusta moito aos paxaros. (*2)
E unha planta que foi empregada na medicina tradicional popular, as raíces son diuréticas (fan mexar), e tamén coñecida como "profeta meteorolóxica", está protexida en perigo de extinción sobre todo na zona sur da Península. O Cardo Mariño e moi coñecido nas nosas praias, preto deles os cazadores "paxareiros" ían cazar xílgaros coas redes. Nl.=Eryngium maritimun L. Ng.=Cardo de ribeira, Cardo mariño. Nc.=Cardo marítimo.
Índice do artigo: Continuar lendo
Bibliografía consultada
—Catálogo da Flora de Galicia. Mª Inmaculada Romero Buján. Depto. Botánica. Facultade
de Veterinaria, Univ. Santiago de Compostela- Campus de Lugo - 2008
—Guía de plantas con flores de Galicia. Xosé Ramón García. Ed. Xerais de Galicia, 1991.
—Flora de Galicia. Xosé Ramón García. Ed follas novas.1979.
—Catálogo Flora Vascular Concello de Ferrol. Jaime Fagúndez Díaz. Jolube Ed.
—Flora y fauna de la costa. Guías Blume.1992
—Flores silvestres. Guía naturaleza Ed. Everest. 1991.
—Biblioteca dixital vv.aa.
Notas
- *1: Tradición oral recollida en Covas por Juan López Hermida e o autor, de D. Ricardo Dacosta, ano 2003.
- *2: Tradición oral recollida na parroquia de Doniños, década dos 70 (1970-80), da miña familia: avoa María-(1891-1977), nai Fina, e sobre todo de meu tío Ramón G.-(1915-2000) e de outros familiares, veciños de Valón, e varios lugares de Serantes. Todos nacidos no antigo concello de Serantes. Fotografías en terras de Serantes - o autor.