Etnobotánica. Árbores e arbustos na antiga Terra de Serantes (Parte I) - I

28/08/2021, Xabier Monteiro Graña

ÁRBORES E ARBUSTOS NA ANTIGA TERRA DE SERANTES.

USO TRADICIONAL E SABEDORÍA POPULAR. ETNOBOTÁNICA

PARTE I

 

A etnobotánica era unha materia apenas investigada pero nas tres últimas décadas a Península

pasou a ser unha das que máis numerosos estudos ten dos países europeos, cunha boa representación nas comunidades tanto a nivel individual particular como no ámbito universitario, ao redor de 30 teses de doutoramento i en camiño unha decena máis, e o interese segue crecendo debido a un maior nivel cultural que esperta a preocupación pola perda de coñecementos antigos da sabedoría tradicional popular e co ánimo de coñecelos, recuperalos si procede en casos de necesidade ou emerxencia como xa ten ocurrido, documentalos e preservalos do esquecemento.

É sabida a dependencia humana da natureza para a supervivencia, as árbores proporcionaban a madeira necesaria para a construción das cabanas e poboados que lle daban acubillo e protección ambiental e defensiva ademais de froitos para alimentación directa ou en múltiples elaboracións, remedios medicinais, ferramentas, armas, e material para usos rituais máxico- relixioso, lúdicos, etc. A etnobotánica distingue ata 8 categorías de usos diferentes. Un exemplo real coñecido pola arqueoloxía ilustra moi ben o uso humano das árbores desde a prehistoria, o achado do Home de Ozi (3255 a.C / 5255 a.P) nos Alpes de Ötztal, (fronteira Austrio-Italia), levaba o arco éo mango da macheta de Teixo, o do coitelo de Freixo a frechas de Vivurno, comera abruños (Abruñeiro), 2 mts. de corda de febras de Tilo, paus de Abeleira, puntas de frecha de sílex pegadas con alcatrán de Bidueiro e fíos de Ortiga.

A maioría das árbores autóctonas en Galicia como no resto de Europa tiveron nas antigas culturas carácter sacro, mitolóxico, lendario e un gran simbolismo, eran respectados e non se abusaba da tala que estaba prohibida para algunhas especies ata coa pena de morte. Foron moitas as culturas nas que existía o "bosque sagrado" a árbore representaba o medio de unión entre o Ceo ea Terra; e simbolizaba a sabedoría, fecundidade, lonxevidade ou o crecemento.

Son sen dúbida o Carballo, Acevo, Loureiro, Freixo, Bidueiro, Piñeiro, Ameneiro, Biouteiro, Teixo, Abeleira ou a Oliveira (o Abeto no norte) as árbores que en Europa tiveron un maior simbolismo e uso, representaban divindades antigas pero nas nosas fragas foron o lugar por excelencia da residencia dos seres míticos que convivían con nosos antepasados ata fai pouco tempo e aparecían ceibes polos camiños; montes, ribeiras, silveiras, etc. como o alicorno, o cabalo pantasma, egua do aire, a cadela, a raposa o trasno ou diaño burleiro.

O cristianismo sen pretendelo conservou en certa maneira algo modificada a sacralidade moi antiga de algunhas árbores e outras plantas ben coñecidas como a Oliveira, Loureiro, Palmeira, Tamarxeira, Acacia bíblica (Arca da Alianza) ou a Vide nas que en Oriente próximo abundan as referencias escritas en textos moi antigos e bíblicos. Son numerosos en toda a Península os lugares marianos onde a tradición popular sitúa a "aparición da Virxe" ou a súa imaxe nunha árbore: silvas, espartos, espiños, carballos, sobreiras, acibros, latoneiros, oliveiras, érbedo (madroño), figueiras, pereiras, maceiras, etc. Tamén a tradición oral tanto en Galicia como no resto di que: a coroa de Cristo foi feita con: espiño, acevo, silva (zarza), acacia, e outras árbores ou arbustos que teñen espiñas.

Cando se fala das árbores poucas veces se conecta coa beleza sensitiva da "Musica" a madeira das árbores son esquecidas por comentaristas ou musicólogos pero ao longo da historia houbo persoas (luthier/laudeiro/violeiro/guitarreiro) que dotadas dunha sensibilidade especial dedicaron a súa existencia a escoitar os sons que producen as diferentes madeiras (árbores) para fabricar e perfeccionar eses excelentes instrumentos que tanto alegran o ritmo da vida. Con esa materia prima se construíron e constrúen unha gran diversidade de instrumentos musicais de vento, corda e percusión, as febras da madeira "vibran, producen e proxectan sons" en frecuencias harmónicas, tonalidades e timbres que forman parte da cultura do home desde seus inicios. Unha brevísima mostra dentro da inmensidade musical ea expresión vibrante da madeira a podemos comprobar na música de diferentes épocas universalmente coñecidas desde a medieval Cantiga 100 ou a 353 do Rei Alfonso X (séc.XIII), o Canon en Re maior de Johann Pachelbel (barroca 1680), Adagio de Tomaso Albinoni (A. Sol menor) recuperada por Remo Giazotto (1945) -Tomaso Giovanni Albinoni (1671-1751), Sweet Home Chicago de Robert Johnson (1911-1938) o Rei do Delta Blues eo avó do Rock and Roll coa súa Gibson L-1 (1926), quizais a guitarra máis famosa e cara de tódolos tempos (5,9 millóns de dólares) de Abeto (Picea sitchensis/Sitka spruce Dm= 425kg/m3, Caova e Ébano), Johnny B. Goode, Chuck Berry (1958) o principe do Rock. Sin esquecer a potente gaita ou a doce frauta. Sen a madeira das árbores; Abeto, Freixo, Ciprés, Pradairo, Ameneiro, Olmeiro, Cedro, Palosanto, Buxo, etc. nunca existiría esa música.

Os violins Stradivarius, foron construídos con madeira de "arce (pradairo) e abeto" de inigualable beleza de son que non se puido reproducir. Fabricados polo histórico lutier italiano Antonio Stradivari (1634-1737) que construíu xunto os seus fillos, uns 1.100 instrumentos de corda. (Último prezo dun violín, 45 millóns de dólares). Para a construción do piano de cola Steinway & Sons (mod. Sound of Harmony) o máis caro do mundo se utilizan "40 tipos" de madeiras diferentes, das máis exclusivas árbores de todo o planeta Terra. (-Coidemos a diversidade das especies/ menos monocultivo de eucaliptos).

Coa invasión dos plásticos e outros materiais sintéticos moi contaminantes e resistentes a degradación van aparecendo iniciativas máis ecolóxicas que tratan de recuperar os antigos recipientes xerras, bolsas, cestas e diversos obxectos de febras vexetais: tecidos, esparto, vimbio, bidueiro, buxo, oliveira e outras madeiras biodegradables e non contaminantes, neste eido aínda queda moito por recuperar e recorrer. Esto faime recordar o frescor e sabor da auga a da fonte (Valón) na sella de "carballo" da miña bisavoa que durou nada menos que tres xeracións bis/avoa/nai e case bisnetos. Recordo tamén a parte dos cestos/as, canastros, patelas, etc. dúas tinas de madeira de diferente tamaño xa moi vellas. Pero non se trata de retornar a idade media, xa que a tecnoloxía actual sóbralle capacidade para fabricar todo tipo de obxectos ou envases biodegradables e non contaminantes -e porque non- tamén con madeiras e febras vexetais.

As árbores axudan a fixar o solo fertilizalo e conservar o auga e poden absorber e reter ata 18 veces a cantidade de auga con respecto a unha terra deforestada; os bosques absorben o 20% das emisións de CO2 que se producen na Península (80 millóns de Tm). Como o resto das plantas, as follas, froitos e flores proporcionan aos animais silvestres alimento para o seu sustento completando o ciclo biolóxico.

Xa é un tema sobradamente coñecido a invasión do eucalipto (desertización verde) en Galicia que acabou cunha inmensa superficie forestal de especies autóctonas e que a súa expansión sigue presionando o pouco espazo no que aínda sobreviven pequenos grupos arbóreos de bosque de ribeira; o eucalipto está catalogado como "especie invasora" e moitos países pero por motivos de interese económico, Galicia oficialmente se negou a incluílo nesta catalogación. Urxe restaurar o bosque natural galego de gran beleza paisaxística e riqueza biolóxica e recuperar a tradición de plantar árbores autóctonas, carballos, castiñeiros, acibros, freixos, pradairos, bidueiros, teixos, vimbios, loureiros, etc. nos lindes dos poboados, nos montes comunitarios ou nas fincas privadas. Hai xa algúns concellos que empezan a apostar por esta iniciativa e incentivan a eliminación dos eucaliptos unha visión moi intelixente do futuro. A nosa bisbarra na idade media estaba toda cuberta de fragas, as boas madeiras eran necesarias moi usadas na construción especialmente na naval.

 

A tradición oral no presente non e moi extensa, estaba plenamente vixente en uso a finais do século XIX e principios do seguinte pero amosa claramente as especies arbóreas que na nosa zona eran as utilizadas na vida cotiá ata hai pouco tempo. O cambio social éo progresivo abandono do agro e dos oficios tradicionais o desenrolo da tecnoloxía provocan que os coñecementos, usos e costumes máis antigas se esquezan, desaparezan e se deixen de transmitir. Acompaña a tradición oral un breve texto de información complementaria moi resumido dunha temática tan extensa.

 

-! Hai flores, hai flores do verde pino..! Dom Dinís/ Dionisio I, rei de Portugal (1261- 1325)

 

ÁRBORES E ARBUSTOS. ETNOBOTÁNICA.

Tradición oral recollida

ABELEIRA

Tíñamos varias abeleiras nos prados do Regueiro, as abelás eran bravas e o froito era moi cativo, pero usabamos as polas que medran moi dereitiñas para facer bastóns, varas de aguillada e as máis grosas para facer os mangos de sachos e raños, xa que esta madeira e moi branquiña e lixeira pouco pesada e fai uns raños moi lixeiros. Hai que escoller ben as polas de cortiza máis branca que son máis duras e resistentes.

Recordo ver aos que eran "entendidos" cando se quería facer un pozo coller un galleto ou unha vara de abeleira cos dedos entre as dúas mans e recorrer o terreo ata que se vira a vara moverse para abaixo indicando que alí había auga e era o lugar axeitado para cavar e construír o pozo. As abeleiras se plantaban nos lindes dos prados preto dos regueiros as nosas están mesturadas con ameneiros e bidueiros. (*1)

Árbore ou arbusto de folla caduca, pode alcanzar ata 7 metros de altura xeralmente moi ramificado desde a base, as polas medran dereitas buscando a luz o que as fai adecuadas para todo tipo de varas e bastóns, titores, e cestería que é tradición en tódolos pobos onde medran. Pertence a familia  betulaceae é orixinario de Europa, Asia Menor, Cáucaso e Norte de África. E unha das árbores máis cultivados no mundo debido ao gran consumo dos seus froitos (as abelás) tamén se cultiva como árbore ornamental en xardinería pola sombra do espeso follaxe. Árbore simbólico máxico relixioso e mitolóxico nas antigas culturas europeas especialmente na céltica, propio de magos, adiviños e zahorís (a vara máxica).

Propiedades Medicinais.- Árbore comestible, as follas, cortiza, sementes e flores masculinas conteñen principios activos e medicinais. Todas estas partes deben estar secas antes de usarse. As propiedades medicinais  que foron utilizadas na medicina herborística son: antinflamatoria, antihemorráxica, diurética, astrínxente, tónica, vasoprotector, antiedematoso e antioxidante. E eficaz para tratar hemorroides, varices, mellora o sistema circulatorio, retención de líquidos, cicatriza feridas,chagas e ulceras, gripe, reduce o colesterol, prevén a osteoporose ea descalcificación dos osos, anemia e regula a menstruación.

A madeira é de veta fermosa, firme lixeira e elástica. Se utiliza en carpintería, ebanistería, e tamén para construír pequenas embarcacións e remos, instrumentos musicais e chapas. Densidade 530–630 kg/cm3. 

N.Lat.=Corylus avellana. N.Galg.=Abeleira, Avelaira, Abelaneira, Abraira. Belaira. N.Cast.= Avellano. Ablano. 

 

ABRUÑEIRO. ABRUÑO. AMEIXEIRA BRAVA

A madeira dos abruñeiros é como a dos espiños son boas para facer bastóns, varas e para facer sebes para pechar as leiras, chousas ou as entradas das fincas. O Abruño é un bo patrón para enxertar cirolas e saen as froitas moi boas. Os abruños son bos para as diarreas pois son astrinxentes.

De nenos andabamos moito aos abruños. Algúns veciños facían o licor de abruños que tiñan que estar ben maduros e se facía sobre todo con caña de Holanda. Antes había máis abruñeiros que medraban silvestres, había moitas pola Cabana e Montecuruto. As había en tódalas parroquias medrando asilvestradas nos lindes das hortas e leiras e tamén se cultiva como árbore froiteiro para tomar os abruños moi sabrosos cando están maduros, xa que de verdes son amargos e non hai quen os coma. Había veciños que antigamente facían licor cos abruños maduros.

Licor de abruños; Se fai con medio kilo de abruños, litro e medio de caña de Holanda, catro ou cinco culleradas de azucre, e dúas polas de canela, hai quen lle engadía algo de anís. Se bota todo xunto nunha botella de boca ancha das de licor se remexe ben e se tapa deixando repousar polo menos tres meses. Hai que remexelos unha vez por semana. Hai que lavar ben os abruños e secalos antes de botalos na botella. Tamén se pode facer coa caña do pais. (*1)

O licor de abruños pode facerse de varias maneiras so con anís, mesturando mel, ou graos de café.

Arbusto de folla caduca, moi enmarañado e espiñoso pode alcanzar ata 4 mts. de altura. As flores son brancas, o froito, (o abruño) é unha pequena ameixa violácea escura comestible. O abruñeiro tamén se coñece vulgarmente como Espiño, pero na nosa localidade os máis vellos distinguen ben os tres espiños que medran por aquí, de folla e froitos diferentes; a Abruñeiro (Prunus spinosa. L) o Espiño negro ou Pereira brava (Peral silvestre- Pyrus cordata), éo Espiño branco ou Estripeiro (Crataegus monogina). Hai varios topónimos (fitotopónimos) na bisbarra co nome destes arbustos. Hai tamén quen lle chama Espiño ao Acevo pero non é o máis común. Medra esporadicamente en tódalas parroquias.

En algúns lugares se plantaban como sebe para pechar terras de labradío.

Uso tradicional popular.- Os froitos que se toman ao natural cando están maduros son moi sabrosos teñen moi boas propiedades para a saúde, son amplamente usados para facer licores (pacharán) marmeladas e xeleas. En Galicia se fabrica licor con caña do país e caña de Holanda. A medicina tradicional o empregou como astrínxente. A farmacéutica herborística menciona as seguintes propiedades: Astrínxente, laxante, diurético, depurativo, tónico, sudorífico, febrífugo, aperitivo, e hidrópico.  

Os abruños maduran tarde polo que son unha fonte imporante na alimentación de moitos animais silvestres (aves e mamíferos). A madeira e dura e resistente se emprega en tornería e para a fabricación de bastóns.

Nl.=Prunus spinosa. L. Ng.=Abruñeiro, Bruñeiro, Ameixeira, Ameixeira brava. Nc.=Endrino, Prunos, Brunos, Machacanas, Pacharanas, ten moitos máis nomes.

 

ACACIA. MIMOSA. FLORES DE ÁNIMAS

As Mimosas son as flores amarelas das Acacias. As Mimosas se poñían en ramos e se levaban pola Candelaria a bendicir a Igrexa (Doniños) o día de Ramos e logo as traíamos para a casa e as poñiamos nun ramiño nun xarrón ou na parede da porta da casa. As flores das mimosas son moi vistosas teñen bo aroma e se usaban tamén como adorno decorativo nos xarróns.

A madeira das mimosas e de mala calidade non sirve para a construción porque rompe facilmente. Son abundantes nas ladeiras dos montes de Chamorro i en varios lugares de Serantes son invasoras. As flores a algunhas persoas lles produce alerxia. As follas son comestibles para os animais e as polas se usaban como leña para queimar. (*1)

Árbore ou arbusto que pode alcanzar ata 10-12 mts. de altura; folla  perenne e bipinnada  e flores de cor amarela moi olorosas.  Florece de xaneiro a marzo. Foi usado en xardinería como ornamental, de crecemento rápido non é especie lonxeva. Existen unhas 1400 especies de acacias, a maioría procedentes de Australia e Tasmania. Actualmente na Península hai 11 especies arbóreas  naturalizadas. A mimosa pola época de floración a converte nunha flor tradicional do Antroido ea Candelaria.

Entre as Mimosas se encontran especies de características singulares como a de pechar as follas ao ser tocadas (sismonastia) e cando anoitece ou en condicións metereolóxicas adversas por exceso de sol, auga, vento, etc . Igualmente as flores teñen un comportamento moi especial e particular como é a de defenderse do entorno con varios mecanismos aparentando estar murchas ou pechándose cando por calquera motivo se ven ameazadas. Entre elas destaca a Mimosa Púdica ou Sensitiva que encolle as follas ao ser simplemente rozada.

Uso Tradicional.- Foi introducida en Europa no século XIX como ornamental pola beleza da flores i empregada para fixar terreos e estabilizar taludes de estradas e para facilitar a produción de mel. Existen variedades de gran interese comercial, de madeira dura, produtoras de goma arábiga (Acacia senegal L.), ou usadas para o curtido de pel ou en perfumería, etc. A Mimosa ten valor simbólico nas festividades de varios pobos. Por ser especie invasora do hábitat autóctono (actualmente é unha praga en certas zonas) a súa introdución, posesión, transporte e comercialización está prohibida. Figura no Catálogo Español de especies exóticas invasoras - Real Decreto 630/2013.

Nl.=Acacia dealbata. Link. Ng.=Mimosa. Nc.=Acacia.

 

ACEVO. ACIBRO. ACIBRE . XARDÓN

Para a rosa e soriasis en animais ou en persoas se colle unha pola de Acibro que este nun camiño por onde pase moita xente ou moito mellor por onde pase a xente que vai a igrexa, se trae para casa e se colga na corte (das vacas, por exemplo) ou na parede da casa, despois faise un nó no arbusto que se vai secando ata que seca de todo e ao mesmo tempo tamén desaparece a rosa. (Veciño de Covas, ano 1992)

O Acevo se usaba contra as meigas para que as meigas non che entraran na casa. Se poñía un ramiño de poliñas na entrada da casa. (*2)

Tíñamos algúns árbores de Acevo nos nosos montes que medraban silvestres. Tódolos anos por San Xoán poñiamos na porta de entrada da casa ou do corral unhas polas de Acevo amarradas nun cordel para protexer as persoas e os animais e contra as meigas e o mal de ollo e outros maleficios; as súas espiñas firen as meigas, bruxas, demos, impedindo que entren. Se colgaban nun cravo da parede e se deixaban alí todo o ano ata renovalas o ano seguinte.

O Acevo é unha boa madeira moi dura, medra moi dereitiño e del se poden facer unhas boas varas e bastóns, e mangos para ferramentas (raños, sachos, aixadas, etc.). (*1)

Árbore de tronco delgado e dereito pode alcanzar ata 5 mts. de altura, especie lonxeva que pode chegar ata 200-300 anos, incluso a 500; de crecemento lento. Folla perenne da froitos en forma de baias (bolas) de cor vermello que son tóxicos sobre todo para os nenos; se chegaron a producir accidentes mortais por envelenamento, son moi apreciados polas aves que os espallan contribuíndo a difundir a especie. Case todos os acevos son unisexuais, (dioicos) hai pes femias e machos. Hai que plantar os dous para que dean froitos ou ter algún preto do sexo oposto. Nativo de Europa Central, Meridional, Norte de África e Asia Menor. Especie moi apreciada como ornamental en xardinería dunha beleza especial polo seu porte verde, as follas éos froitos vermellos. E moi usado tamén como sebe porque tolera ben a poda, existen moitas variedades. O Acevo e unha árbore de gran tradición simbólica, mitolóxica e máxico-relixiosa nas culturas antigas europeas sobre todo no norte.Ten unha extensa historia e mitoloxía. Se coñece seu uso desde a prehistoria.

A madeira e de boa calidade, dura, resistente, densa e pesada de grao fino e cor claro, difícil de traballar parecida ao buxo. Se usa en marquetería, tornería, ferramentas de carpinteiro, culatas de armas de fogo, etc. Se tinxe moi ben polo que se usa para imitar o ébano. Se di que a madeira más negra do mundo éo Ébano e a máis branca o Acevo. Densidade entre 700-900 Kg/m3.

Nl..=Ilex aquifolium. Ng.=Acevo. Acivo, Acibre, Acibro, Acebro, Cebro, Cibro, Xardón, Aciveira,  Acibra, Acibreira,  Escornacabras, Rascacú, Vellebrán, Picarato, Picafolla, Xardeira, Xardo, etc. Nc.=Acebo,  Acebo/a, Acebeo, Acebro, Cardonera, Carrasco/a, Cebor, Cebro, Chaparro, etc, ten moitos máis nomes.

Visgo. Muérdago.- Hai moitas persoas que coñecen o Acibro co nome de Muérdago que é unha planta moi distinta (Viscum), un pequeno arbusto semiparásito que medra sobre os troncos vellos de varias árbores: carballos, álamos, maceiras, pinos e outras; deste arbusto sácase unha sustancia pegañenta (o visgo) que usouse moito para cazar os paxaros. Os froitos as baias brancas (bolas) son velenosos. Usado e moi apreciado como medicinal e máxico, desde as culturas máis antigas. Ten unha importante simboloxía máxico-relixiosa nas antigas culturas europeas especialmente na céltica.

De rapaces na parroquia (Doniños) para facer o visgo non usábamos o Muérdago (Viscum ) senón as cortizas do Acibro (Ilex aquifolium). Facíamos o Visgo (cos maiores) quentando nun cazo, goma virxe de zapatos vellos, mesturando cortiza de Acibro e resina de pino. Logo parar cazar os paxaros (pardillos e outros) poñiamos as varetas impregnadas no visgo suxeitas con terra areosa e pedras encima das pozas das Corredoiras ( Valón). (*1)

O Visgo (Viscum) o hai no bosque atlántico das Fragas do Eume pero é difícil de localizar.

Nl.=Viscum. Ng.=Visgo, Visco. Nc.=Muérdago, Visgo, Liga.

 

AMENEIRO

Nos prados por aquí hai moitos ameneiros que dan boa sombra para os animais axudan a que os ríos non se desborden, cando os cortas o tronco se poñen de cor vermello.

Figura 1. Ameneiros (Doniños)
Figura 1. Ameneiros (Doniños)

O ameneiro resiste moi ben o auga, na casa meus tíos o usaban para facer as zocas e zocos.Cando escaseaba a madeira de castaño se facían as portas e ventás con ameneiro e mangos de algunhas ferramentas, e coitelos. As estacas para o cercado dos prados e leiras tamén se facían con polas de ameneiro. O Ameneiro pode estar dentro da auga que non podrece. (*1)

Árbore de folla caduca que pode acadar ata 30 metros de altura e vivir 120 anos.  Pertence a familia das betuláceas igual que o bidueiro ea súa madeira tamén é moi parecido en canto o seu uso. Florece de febreiro a abril, gusta da terra húmida e propio das ribeiras dos ríos, é orixinario de Europa, Asía e norte de África; é autóctono en case toda a Península. E un árbore importante porque consolida as ribeiras dos ríos e lagoas. O ameneiro se propaga facilmente por sementes, produce moitos chupóns da raíz que se estenden a superficie. As follas de cor verde escuro son algo pegañentas cando son novas, de aí o nome "glutinosa" onde medra da aparencia de frondosidade. O Ameneiro ten carácter simbólico nas cultura antigas europeas e era sagrado para os celtas.

Uso tradicional herborístico. Se usaron folla (uso externo) e cortiza coas seguintes propiedades: antiinflamatorio en anxinas e garganta, reduce o colesterol. As follas (uso externo), son astrinxentes, galactagogas (favorece prod. leite) e vermífugas; en decocción se usa para axudar a tratar cancro (peito, duodeno, esófago, cara, páncreas, garganta e outros (son crenzas populares). Se usa tamén para a obtención de colorantes e curtido de peles.

A madeira e branda semi-lixeira resiste moi ben dentro da auga polo que se usa en pontes, pezas de muíños de auga, pilotes, postes mergullados, (casas en Venecia) ,etc. E moi utilizada en traballos de artesanía: talla, tornería, xoguetería, instrumentos musicais, regras de debuxo, mangos de ferramentas, zocas, chapa, pasta de papel, etc. A madeira de Ameneiro (Aliso americano-Alder) foi a preferida para fabricar as famosas guitarras eléctricas Fender. Se probou construíndo con Ameneiro galego e da tamén excelentes resultados acústicos. Fender facía as primeiras guitarras Telecaster con madeira de Freixo. Densidade 500-550 kg/m3. O aliso americano (Alnus Rubra) e algo máis lixeiro, con una densidade de 450 kg/m3

Nl.=Alnus Glutinosa. Ng.=Ameneiro, Amieiro, Abeneiro, Amenedo. Nc.=Aliso, Aliso común, Aliso negro, Alno, aliso, Alisa, Bernazo, etc.

 

BIDUEIRO

En case tódolos prados había Bidueiros medran onde hai auga o lado dos regueiros ou en lugares frondosos algo húmidos e nas ladeiras baixas dos montes.

O bidueiro era o preferido para facer as zocas, cando escaseaba se facían de ameneiro. Na casa meus tíos (1920) o usaban para facer as zocas e zocos. Os bidueiros por onde máis había era no val de Doniños preto do río. Tamén baixando polo Valán para a Cabana, Os Ríos, Porto do Río, por Serantes e Mandiá. (*1)

Árbore de folla caduca que pode acadar ata 30 mts. de altura. Especie non moi lonxeva pode vivir algo máis de 50 años, hai algunha variedade que pode chegar a 150 e 300 anos. A casca e branca e lisa debido a unha sustancia química a betulina; florece de abril a maio. Nativo de Europa Central, Norte e Asia Menor. Non é esixente en canto ao solo (ácidos e silíceos) pero si que haxa humidade e luz. Existen varias especies que por súa beleza (tronco branco, follas amarelas en outono) se usan como árbore decorativa en xardinería. O Bidueiro como outras árbores ten carácter simbólico e mitolóxico nas culturas antigas europeas sobre todo na nórdica ea céltica.

Uso medicinal popular. O Bidueiro contén varias sustancias medicinais. A medicina herborística o emprega coas seguintes propiedades: analxésico, antiinflamatorio, antiséptico, antipirético, cicatrizante en feridas, favorece a eliminación de cloruros, urea e ácido úrico, afeccións urinarias (cistite, uretrite) hipertensión arterial, edemas, sobrepeso (por retención de líquidos), gripe, arrefriados, cefaleas. Inflamacións osteoarticulares: artrite, artroses, bursitis, tendinite, fibrositis, fibromialxias e outras. A savia e doce se utiliza na elaboración de bebidas alcohólicas, cervexa e viño.

A madeira do Bidueiro e branca semipesada doada de traballar, tradicionalmente foi moi apreciada, e actualmente caeu en desuso no ámbito tradicional. E utilizada en carpintería para a fabricación de mobles de interior, cadeiras, zocas/zocos, torneados, tallas, apeiros de labranza, culleres, garfos (tenedores), pratos, escobas, cepillos, molduras, rodapés, frisos, contrachapados, útiles deportivos, instrumentos musicais, pasta de papel, xoguetes, e outros. Densidade 640-670 Kg/m.

Nl.=Betula celtiberia (Rothum.& Vasc.). Ng.=Bidueiro, Bido, Bídalo, Bedolo. Nc.=Abedul.

 

BIOUTEIRO. BIEITEIRO. SABUGUEIRO

Cos froitos do Biouteiro (as boliñas) se facía un viño que con el se lavaban as queimaduras, era bo para as queimaduras.

Coas follas do Biouteiro se bendicía a “dicipela” esto tiña que facerse unha noite que había luar. (lúa chea). Se recitaba unha oración nove veces cada día e durante nove días seguidos e para rematar se rezaban nove padrenuestros e nove avemarías. “Matei dicípela amarilla, (...) (*2)

Algúns tendeiros lles botaban as bagas maduras ao viño tinto para darlle máis cor, sabor e endurecelo, e probablemente o aumentaban fraudulentamente con auga.

Cortabamos unha pola de Biouteiro e a vaciavabamos por dentro e facíamos os tiratacos, a baqueta para empuxar as bagas a facíamos dunha pola de ligustro (filseira). Tamén facíamos cervatanas e os dardos se facían cun pauiño que lle amarrábamos unha punta delgada ou unha agulla das máis grosas e no outro extremo un algodón. Se collía unha pola de Biouteiro se vaciaba e se facía un chifre. (Xoguetes de nenos, tiratacos, chifres, frautas).

Na casa cando queríamos facer os raños e sachos máis lixeiros os facíamos coas polas máis dereitas do Biouteiro. (*1)

Arbusto de folla caduca que pode chegar ata 10 metros de altura, tronco agrisado e cortiza corchosa e agretada moi ramificado copa redondeada, medra en varios tipos de solos húmidos, frescos ou áridos con humidade, nos arredores de camiños, ribeiras de ríos etc. Nativo de case toda Europa, Asía Menor e África do Norte vive na metade norte da Península Ibérica abonda en Galicia; froito en baia negro-púrpura se agrupan en acios colgantes. Florece de abril a xuño. As veces se usa como ornamental pola vistosidade das flores e os froitos. Especie considerada ameazada está protexida en algunhas comunidades.

Tradición popular.- Planta moi arraigada na cultura galega, pero tamén en toda Europa onde habita, antigamente era considerada como panacea (que cura todos/moitos males). As follas, flores, froitos ea cáscara se empregaron na medicina tradicional como purgante, diurético, aparato respiratorio (catarro, tose, bronquite, farinxite, anxinas), otite, conxuntivites, inflamación de ril, dor de cabeza, feridas, dermatite, insomnio, hemorroides, desinfectante, locións, tintes, sudorífica, escarlatina, insecticidas, vermífugo e moitas outras máis. Sen esquecer a repostería, zumes, viño, licores, marmeladas, pastelería, etc. Coas flores e froitos maduros faise zume vermello, xaropes e licores por fermentación, como o viño de Biouteiro, que cura a tose.

E unha das árbores máxico-sagras da noite de S. Xoán que nesta data aumenta súas virtudes, foi moi estimado antigamente pola crenza de que ten poderes máxicos, sendo utilizado para axotar (escorrentar) os animais pezoñentos como sapos, píntegas, cobras e insectos danosos, por este motivo foi costume en Galicia rodear as hortas e leiras de Biouteiros con sentido de protección igual que o Loureiro. E árbore con simbolismo máxico relixioso nas antigas culturas europeas seu uso se coñece desde a prehistoria.

Para aproveitar as propiedades deberá recollerse en outubro un pouco antes da lúa nova. A raíz foi usada antigamente cando a maxia, relixión, sabeduria e medicina eran a mesma cousa, para os rituais se cortaba unha pola e se dividía en nove cachos (número máxico). Este arbusto e símbolo dos celos.

A madeira non é boa para a construción, semidura e forte, se racha e torce con facilidade úsase para os mangos de ferramentas de labranza polo seu pouco peso, e na fabricación de frautas, xoguetes, fichas de xogo de damas, e pequenos obxectos.

 

BREIXO.- Ver Queiroa.

 

BUXO

Os buxos xa os plantaran meus avós no linde todo ao longo do camiño (Pereiro), cando era neno xa eran do groso dun brazo, (30 metros de sebe- aprox. en 1890), e no outro lado da horta había catro que non se cortaban e eran xa arboriños de 4 metros de altura. Se plantaba nos lindes das fincas para cercalas. Viñan a roubar as polas máis grosas para facer mangos de ferramentas e torneados. Tiñamos regalado algunha pola a carpinteiros veciños que nola pedían. O buxo antes era moi apreciado polos carpinteiros e ebanistas.

Figura 2. Buxo (Covas)
Figura 2. Buxo (Covas)

Se usaba para a caída do pelo, se facía unha cocedura coas follas, que se colaba e se lavaba a cabeza refregándoa ben con esa auga. (uso externo). Hai que ter coidado co buxo non metelo na boca porque é venenoso. (*1)

Arbusto que pode chegar ata 12 mts. de altura, folla perenne de cheiro desagradable, crecemento lento; florece de marzo a maio, froito en cápsula ovoide coriácea que madura polo verán. Especie lonxeva pode durar ata 600 anos, é orixinario de Europa Meridional, Norte de África e Asia Menor. E do mellor que hai para facer sebes e cercados de hortas ou fincas. Soporta moi ben a poda, pódese recortar facilmente e darlle figura. Soporta moi ben o vento e medra en calquera tipo de terreo. Existen varias especies diferentes que as veces se ven en xardíns públicos e fincas privadas uns de folla máis pequena (Buxus microphylla- Buxus sempervirens "Suffruticosa'') e outros de folla máis grande. O buxo e un representante das plantas antigas, apareceu hai 30 millóns de años e desde entón non sufriu moito cambio evolutivo.

A medicina tradicional popular usou o buxo (cortiza, raíz e follas) como herba medicinal pero o buxo e "velenoso" especialmente as follas e sementes, débese a "buxina" e outros alcaloides que pode chegar a producir a morte, e por tal motivo non e recomendado o uso como remedio caseiro.

A madeira e dura e pesada de boa calidade. As aplicacións son innumerables e moi boa para tornear e fabricar toda clase de figuras, pezas para mobles, bloques para gravado e talla artístico, instrumentos musicais (gaita galega, frautas), mangos de ferramentas, pezas de xadrez, marquetería, útiles de cociña, puños de bastóns, xoguetes (peón-buxaina) e outros moitos. Racha si se somerxe na auga ou está en contacto coa humidade. Densidade entre 900 – 1030 Kg/m3

Hai quen lle chama erroneamente "Mirto" ao Buxo qué unha planta distinta (mirtus comunis) aínda que algo parecida e moi escasa por aquí; o Mirto é unha especie propia da cultura mediterránea de gran tradición e simboloxía ben coñecida historicamente.

Nl.=Buxus sempervirens. Ng.=Buxo. Nc.=Boj.

 

CAMARIÑA. MARMELA

Non recollín nada de tradición oral na no nosa localidade pero dado o interese que espertou nas últimas décadas debido ao perigo de extinción en toda a costa atlántica ea singularidade, fermosura, milagrosa supervivencia e mínima presenza en Covas de este arbustiño, vai incluído aquí.

Figura 3. Camariña (Covas)
Figura 3. Camariña (Covas)

Arbusto de folla perenne de pequeno tamaño que pode chegar ata metro e medio de altura pero o normal é que non supere os 70 cm., moi ramallento. As follas en agulla rematadas en punta de cor verde escuro brillante son algo aromáticas. Flores agrupadas en cabezas terminais de cor vermello, florece a finais de marzo. As froitas (camariñas/marmelas 6-8 mm.) son pequenas bagas de cor branco parecidas as grosellas, son comestibles de sabor acedo, saen en abril e poden permanecer ata mediados de setembro. Regula o contido de auga mediante o control da transpiración.

Arbusto endémico da costa atlántica ibérica de Cádiz a Galicia e Azores, ten o límite norte na Praia do Rodo de Pantín (Valdoviño). Unha moi pequena colonia está presente en Covas (Ferrol) demarcada e protexida. O seu hábitat son as dunas fixas e semifixas das praias, lugares areosos, preto de piñeirais formando matorrais. Antigamente ocupaba case todo o litoral galego, e actualmente está presente nas Illas Cíes e no Cabo Vilán (Camariñas) e outros lugares pero moi escasa.

Os froitos son comestibles para persoas e animais (alimentan aves e mamíferos) se consumen ao natural e se di que foron excesivamente recolectados polos mariñeiros e tamén en tempos de fame na G. Civil. Se elaboraba licor con caña, marmeladas, xeados, e xeleas con zume de limón. Se utilizou a planta antigamente para facer escobas (Corema album do grego korema= escoba) e se usa como planta ornamental en xardinería.

A medicina tradicional herborística a utilizou, contra a febre e para eliminar parásitos intestinais. Os antigos romanos xa a coñecían e apreciaban as froitas polas propiedades febrífugas. Era unha planta pouco estudada no eido científico medicinal pero actualmente xa se realizaron estudios.

A Camariña ten unha fermosa lenda no veciño Portugal que conta que: as froitas son as perlas brancas das bágoas vertidas pola dona (reina) do rei Dionisio I debido a súas infidelidais.

A Camariña foi nomeada polo escritor Juan Ramón Jiménez na obra -Platero y yo- : "Las camarinas, esas perlas comestibles que llenaron toda mi infancia. Esas camarinas blanquiverdes, con su semilla negrita trasparentándose, tan redonditas, tan perfectitas, tan riquísimas de su sabor acidoso, esas preciosas camarinas de la playa que sólo se crían en Moguer, según la Academia, y son todas para tí y para mí y para los carabineros, los fareros y los pobres que vienen de Sanlúcar por las playas de Castilla". Naquel tempo descoñecían que a Camariña medrara en outras zonas. (JRJ. 1881-1958)  Premio Nobel de Literatura no1956)

A Camariña está desaparecendo en Galicia debido a varios factores, urbanización avanzada preto do seu hábitat, a circulación masificada das praias e seu entorno, as especies invasoras como a Pata de Cangrexo (Carpobrotus edulis), Acacias e outras especies. Dado que é unha planta de difícil reprodución xa que medra moi lentamente aprox.1 cm por ano, o que a fai "extremadamente" vulnerable a todo o que suceda o seu redor, necesita espazos silvestres sen a presenza humana. Está catalogada pola Unión Mundial para a Conservación das especies en "perigo crítico de extinción".

Nl.= Corema album. Ng.= Camariña, Caramiña, Marmela, Marmea. Nc.= Camarina

 

CARBALLO

O Carballo da unha boa madeira, forte e moi dura que aguanta ben a intemperie ea humidade. Se usaba moito para as vigas e para mobles que foran moi resistentes e para facer os carros. Con esta madeira facíanse as sellas par carretar a auga da fonte e os toneis para o viño. A sella da miña avoa (Avelina-1880) era de madeira de carballo cos aros amarelos de latón ea tapa era da mesma madeira, tiña gravada a súa inicial tamén de latón. As vigas do alpendre eran de carballo. O carballo foi moi usado na construción naval cando os barcos eran de madeira. (*1)

Árbore de folla caduca, pode superar os 40 mts. de altura. O tronco e dereito, corto e groso coas polas tamén grosas e algo retortas. Da froito as landras (bellotas) que maduran en setembro. Especie lonxeva igual que o castiñeiro que pode chegar a vivir ata 1000 anos ou máis. Natural de Europa e Asia Occidental, É a árbore autóctona típica de Galicia, robusto de porte maxestoso. As landras son comestibles a un bo alimento para os animais. Algunhas follas son picadas por certos insectos nas que poñen os ovos e despois a folla enrolase ata formar unha bola dura denominada bugallo que é ben coñecida. O Carballo tamén ten uso ornamental nos lugares públicos de Galicia, xardíns, parques, feiras, arboredas, etc.

Uso medicinal tradicional. A medicina herborística usou tódalas partes da árbore, cortiza, follas, e froitos pero especialmente a cortiza (infusións, cocedura, emplastos). Se indican as seguintes propiedades: astrínxente, antiinflamatorio, antiséptico, gastrite contra a diarrea, problemas intestinais, flatulencias, sabañóns, úlceras varicosas, queimaduras, ollos inflamados, gretas na pel, hemostático (corta hemorraxias), incontinencia urinaria, inflamacións da boca, e outras. A parte interior da casca cocida con viño e boa para curar os catarros. As landras das variadas especies de Querqus sempre foron consumidas polo ser humano (todas se poden comer) procesandoas de diversas maneiras para quitarlles o amargor (taninos/tóxicos) se ten constancia arqueolóxica da posibilidade da súa inxesta desde hai 900.000 anos, seu consumo habitual e moi anterior a dos cereais.

A madeira de gran dureza e resistencia e de boa calidade. Moi apreciada e utilizada en toda Europa. Se usou na construción naval desde o inicio da mesma (asteleiros e arsenais militares) , tamén en construcións que teñen que permanecer en contacto coa auga (pilotes). Ten moitos usos: grandes edificacións, travesas (vías do tren), construción de vagóns, maquinaria, carretería, vigas, mobles, tonelería, cubas, parqué, tarima, enreixados, valados, postes, caixas, carbón vexetal, etc. En Galicia a leña de Carballo é a preferida para o lume das lareiras, cociñas de ferro, forno e chemineas de calefacción; xa que da moito calor e carbón vexetal de moi boa calidade. Hai investigacións que din que foi empregada para a construción da Arca de Noé. Densidade 670-760 kg/m3.

Árbore con gran simbolismo máxico relixioso e mitolóxico nas antigas culturas europeas e tamén de Oriente Medio nas que foi considerado sagrado, símbolo de fortaleza, lonxevidade e grandeza, así como tamén o rei das árbores. Ten unha extensa tradición histórica, folclórica, etc. existen variados estudios específicos sobre a mesma.

Lenda: O Rei do Verán eo Rei do Inverno -O Carballo reina en todo o verán no tempo da luz está esplendoroso, pero no inverno perde a folla quedando espido e non pode protexer coa súa sombra aos seus subditos os animais e as pequenas plantas que lles daba cobixo; e na chegada do inverno lle sucede o Acibro no tempo do frío ea escuridade mantendo a cor con todo esplendor e dando froitos cando os demais arbores non os dan. Nl.=Quercus robur L. Ng.=Carballo. Nc.=Roble, Roble Albar.

 

CARBALLO CERQUIÑO. CERQUIÑO. REBOLO

Os Cerquiños son máis cativos que o Carballo e moi ramallentos se ven menos e case sempre nas ladeiras dos montes. Os había por Campaiñas en Doniños e no Prioriño. As polas de Cerquiños eran usadas para facer valados e as cancelas para pechar as leiras e os pasos das entradas.

Árbore de folla caduca, de talla mediana pode alcanzar ata 20/25 mts. de altura, crecemento lento máis pequeno que o Carballo (Q. robur); a miúdo presentase con grandes brotes aínda que pode estar en forma de árbore dereito de copa aberta e cortiza áspera, follas longas profundamente divididas algo pilosas e agrisadas. Florece entre xuño e xullo. Especie menos lonxeva que outros carballos, pode vivir ata 500/600 anos. Orixinario da Península Ibérica e Marrocos e parecido ó Quercus pubescens.

Habita en case toda a Península, en Galicia abunda máis en Lugo e Ourense, onde forma pequenos bosquetes e no resto aparece de forma dispersa. O uso é o mesmo que o do carballo (Q. robur) pero para pezas de menores dimensións xa que o tronco e de menor diámetro.

Nl.=Quercus pyrenaica. Ng.=Carballo Cerquiño, Cerquiño, Cerqueiro, Rebolo. Nc.=Roble Negral, Melojo.

 

NOTAS

Nota (*1): Tradición oral recollida na parroquia de Doniños, década dos 70 (1970-80), da miña familia: avoa María-1891/1977, nai Fina, e sobre todo de meu tío Ramón G.-1915/2000 e de outros familiares, veciños de Valón, e varios lugares de Serantes. Todos nacidos no antigo Concello de Serantes. A tradición (transmisión oral) procede dos avós da miña nai, Ramón e Avelina desde o ano 1850. Fotografías en terras de Serantes - o autor.

Nota (*2): Tradición oral recollida en Covas por Juan López Hermida é o autor, de D. Ricardo Dacosta, ano 2003.

Nota 3.- Se procurou poñer a densidade da madeira porque axuda a entender as características e diferenzas que teñen as árbores (madeiras) e os usos: construción, moblería, torneado, talla, fabricación de instrumentos musicais, etc. Densd. baixa<500. Densd. media lixeira=500-599. Densd. medio pesada=600-699. Densd. pesada 700-799. Densd. moi pesada >800 - (kg./m3)

Continuar leyendo el artículo: Etnobotánica. Árbores e arbustos na antiga Terra de Serantes (Parte I) - II

 

Nadal, 2019.   Xabier Monteiro Graña

 

<< Volver