Acasos que ten a vida. Probabilidades matemáticas, que dirán os máis empíricos, rompendo canto teña que ver co que nos poida parecer fortuíto. Mais o certo é que o noso topónimo, (O) Prioiro, veunos ao encontro tempo atrás, aínda que morfoloxicamente mudado —só unha miga—, e fóra da nosa área lingüística galego-portuguesa. Área lingüística aquela en que o atopamos, a ástur-leonesa, cunhas peculiaridades, todo sexa dito de paso, non excesivamente distintas á nosa, lindeira e, en certa medida, cun bon número de semellanzas de variada natureza que agora non vén ao caso que nos deteñamos a explicar. Mais indo xa ao miolo do asunto: casualidade ou non, démonos de bruzos co topónimo Priorio (literalmente escrito desta forma), localizado a ben pouca distancia de Uvieu (Oviedo), e Prioro (tamén desta guisa escrito), na provincia de León, e non lonxe de Riaño, nese fermoso enclave onde fixeran un polémico encoro xa hai algún tempo. Así pois, e con ambos os sufixos (caso de que sexan tales sufixos, non lexemas, que todo pode ser), -orio ou -oro, xémeos por tanto do noso -oiro, os cales salta á vista que han de ter unha procedencia común, non sendo que se producise unha (pseudo)homonimia, confluíndo así nunha voz practicamente idéntica pero con etimoloxías diferentes.
Deste modo, e entrando xa en materia, a raíz da palabra que é obxecto do noso artigo, Prio-, poida que proceda do latín Prius, adxectivo neutro en grao comparativo, cuxo enunciado completo é PRIOR, Prius, e co significado de “primeiro, superior”. O vocábulo común prior, co que contamos na actualidade na nosa lingua, terémolo que remitir ao étimo latino PRIORE, e do que podemos encontrar na actualidade catro acepcións distintas nos dicionarios:
(1) Superior dunha orde relixiosa.
(2) Superior dunha orde militar.
(3) Nas ordes relixiosas en que o superior é chamado 'abade', fai referencia ao segundo director ou prelado.
(4) Designación dada ao párroco nalgunhas dioceses.
Por tomarmos algún topónimo da mesma familia léxica que o noso, Fernando Cabeza Quiles fala, por exemplo, dun Priorato, aínda que tamén coñecido polo nome de Convento, como lugar do concello da Laracha «[…] onde aínda se ergue a fermosa igrexa monástica do desaparecido mosteiro benedictino de San Pedro de Soandres1». inclúese este dentro da explicación que está a dar con respecto a outro topónimo diferente, Grixoa, o cal serve para dar pé para introducir a explicación doutros nomes de lugar que fan alusión a diversas construcións que teñen que ver con edificios de carácter relixioso: Eirexa, igrexario, Mosteiro, Mosteirón, Capela, Bóveda, Arcos, Naves, etc. Deste xeito, Priorato (ou Priorado2), aludiría ao cargo de prior ou prioresa, ou ben ao tempo durante o cal exercen dito cargo calquera dos dous. en resumo, novamente estamos a falar dun étimo latino da mesma familia léxica antes dita, neste caso procedente de PRIORATU.
Unha vez feita esta breve introdución, a cuestión principal radica agora en tentar demostrar se na etimoloxía do noso Prioiro existiu algunha sorte de fundación ligada ao ámbito relixioso —unha construción (lóxico pensar nela), pois do sufixo latino -(t)ORiU procedería o noso -(d)oiro, que expresa, entre outras, a noción de local, isto é, ten un significado locativo—, ou relacionado co núcleo principal onde se xuntaron casas dispersas para formar un aldeamento, ou, se cadra, relacionado con outras hipóteses das que a continuación falaremos. Así pois, o estudo máis exhaustivo a este respecto témolo nunha revista asturiana3, en que se aborda a explicación sobre o topónimo Prioro, e despois de referirse á posibilidade —pouco probábel doutra parte— de que a palabra proceda dun axuntamento de casas («[…] podría provenir del lat. 'el primero', por ser éste el núcleo principal en donde se juntaron casas dispersas para formar el pueblo o que estuviera relacionado con el prior o superior de algún monasterio.»), prefire dar como máis plausíbel que sexa orixinaria dunha forma *Per4 + Auros, latinizada como *Perauru/*Perauriu.
A hipótese deste autor baséase na raíz, de carácter hidronímico, *Av-, *Au- 'fonte, corrente de auga', que procedería do antigo europeo ou “alteuropäisch”. Cando se lle engade un sufixo -m-, -l-, -s- ou -r- prodúcese a vocalización da consoante. Deste modo, *Au-r-, de onde xurdiría Aura, que se repite en moitos lugares de europa: Aura (río en Noruega), Aure e Vallée d'Aure (en Francia, afluente do eure, no caso primeiro; e, tamén en Francia, nos Altos Pirineos, o segundo), Ohrn (afluente do Danubio, nos Balcáns), Ahnr (río no Val de Aurina, tirol do Sur), etc. Pero no caso dos topónimos leoneses (e asturianos), a mesma raíz indicada serviría para designar hidrónimos secundarios, isto é, fontes ou correntes de auga pouco importantes. este paso talvez se daría en época prerromana. A partir de Aur- formaríanse substantivos (*auros > auru; aura) e adxectivos (*aurios > auriu; auria > aurea). Ademais, a variación de xénero implicaría tamén distinción semántica. O masculino designaría regueiros e cursos de auga pequenos, entrementres o feminino designaría fontes. No mesmo artigo, faise unha relación de doce topónimos maiores leoneses que nos remitirían a esta raíz, tres dos cales témolos claramente reflectidos, mais na súa forma galega, no noso nomenclátor: Fontoria (e Fontoira en varios lugares de Galiza: Sada, Vilalba, O Corgo, Sanxenxo), Viloria (e Viloira, sobre todo no sudeste galego: Valdeorras, Chantada, O incio) e Prioro (o noso Prioiro de Covas). en conclusión, tal e como apunta Ángel Llamazares Sanjuán, o topónimo leonés Prior(i)o5, poderiámolo interpretar, algo así, como 'o de xunto á corrente', 'o de xunto ao regueiro'.
Mais que acontecerá para o caso do noso Prioiro? Axústase ou non esta explicación para el? Se pensamos en augas, o certo é que debemos recoñecer que non andamos sobrados delas. Os regueiros non son moitos, aínda que habelos hainos, tal como o Río dos Caínzos ou o Cano de Marmadeiro. Fontes tamén as temos, como a do Prioiro, detrás da casa dos de Pita, ou a da Fonte do Pan, por baixo do Camiño da Cova. Pero, sendo francos, en asunto de augas non é que o Prioiro sexa demasiado afortunado. De modo que, tomando a descrición que Ángel Llamazares Sanjuán fai para o Prioro, do de preto de Riaño pois, dinos: «Prioro está “Sit. en un hondo rodeado de alturas… EL TERRENO es… áspero y quebrado; por él corren las aguas del Cea” (46, p.242). exactamente está situado en el interfluvio que, en su confluencia, forman los ríos CEA y CODIJAL (H<-105)». Canto ao Priorio asturiano, situado a só dez quilómetros de Uvieu, ten un famoso manancial de augas medicinais do que se nutre o famoso Balneario de Las Caldas. Vendo ambas as dúas configuracións do terreo (leonés e asturiano), non semella que haxa moitas coincidencias co noso caso. O que si non podemos deixar de observar é que os vocábulos entre si gardan un asombroso parecido, alén de se presentaren os tres —non sendo que alguén nos contradiga— como practicamente únicos no ámbito ibérico.
Ramón Otero Pedrayo cita O Prioiro, o noso topónimo galego, na súa novela Arredor de si: «…e a penas esquecera a palpitación do mar na rocha de Ouessant cando unha semellante harmonía vestía de escuma os cabos galegos: Ortegal e Prioiro». A cita pertence ao capítulo XIV. Adrián Solovio, protagonista da narración, está a regresar por mar de Bélxica a Galiza. Con todo, unha novela do século XX non é que sexa argumento de peso para confirmar a validez dun topónimo, queremos que fique claro isto desde un principio. Mais non é menos certo que se fai necesario que os máis diversos tipos de documentos deban consignar a nosa toponimia na súa forma escrita verdadeira, pois somos conscientes da cantidade de deturpacións que ao longo dos tempos levan sufrido os nosos nomes de lugar. O Prioiro, en definitiva, é a única forma, lexítima e verdadeira, e o tal topónimo designa por un igual tanto o lugar habitado como o accidente xeográfico, neste caso o cabo, pertencentes á parroquia de San Martiño de Covas. Distintos mapas e cartas (alén doutros documentos) dos séculos XVII, XVIII e XIX verifican esta realidade que estamos a relatar6. Debemos dicir a este respecto que, pese a estaren castelanizados moitos dos nomes incluídos nestas cartografías, o noso topónimo aparece escrito coa súa forma xenuína, e este, pola contra, si é un argumento de moito maior peso.
Outras publicacións, de tempos tamén recuados, lémbrannos e reafírmannos o nome Prioiro como única forma válida. O Padre Sarmiento, frade benidictino do século xViii, recólleo no seu Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetales7. No seu periplo ao longo do territorio galego, ocupárase no seu momento da recolla de distintos tipos de vexetais que foi catalogando, tamén polas nosas terras8 (centaurea menor, cardo especial, glaucium ou herba da tiña, carpaza branca, tormentilla, empetrum lusitanum bacciferum ou camariña/caramiña, tamén chamada marmeá de mar9, calcipatra). Cómpre aclararmos que Frei Martiño Sarmiento fai confusión entre o Prioiro de Covas e un segundo *Prioiro que, o máis seguro, se trate doutro lugar distinto, talvez o Pieiro, o cabo que fai unha especie de dúas puntas que está case á entrada da ría de Ferrol, e que hoxe vemos sospeitosamente recollido como *Prioriño. Podemos tamén comprobar outra vez dita confusión no seu Viaje a Galicia (1745)10: «Y después prosigue la costa hasta el cabo do Prioiro. el Prioiro. es el que más avanza al mar y hace la boca de la ría del Ferrol y del otro lado sigue así la costa […]». isto dío na páxina 67, pero na 68 escribe: «La ría del Ferrol es admirable, muy ancha y capaz de navíos de línea hasta Caranza. informéme de todas las feligresías que siguen el mar bravo, y todas del obispado de Mondoñedo, y del arcedianato de tras-Ancos, y son: Santa María de Brión. Aquí está La Graña, aldea. San Román de Doniños. Aquí hay un lago de un cuarto de circunferencia, y tradición, que allí hay vestigios de una ciudad llamada Valverde y en esta feligresía está la punta del Pieiro. San juan de esmelle. San jorge da Mariña, San Martín de Cobas. en esta está el cabo de Prioiro el más [abandonado, digo] avanzado, y tierra adentro San Pedro de Marmancón, anejo a Santa eugenia de Mandida [sic]; San Pedro de Leixa; Santa Cecilia, y (64r.) San Mateo de trasancos».
As confusións a que se presta o Padre Sarmiento non son de estrañar11. Unha vez contrastados unha serie de mapas e planos dos séculos XVII e XVIII12, os diferentes cartógrafos que os trazaron incorren nos erros antes aludidos. Non sucede para o caso do Prioiro de Covas, que sempre se presenta recollido na súa forma verdadeira, pero distinta sorte corre o cabo que agora vemos denominado *Prioriño, e que a continuación tentaremos explicar. A cartografía á que facemos referencia foi concibida nos anos 1634, 1639, 1767, 1770, 1784 e 1800, e citámola a seguir:
- 1634 → trátase do famoso mapa do portugués Pedro de teixeira13. A información tirámola do proxecto dirixido polo profesor da USC Alfredo Vigo trasancos, coa coordinación de jesús Ángel García e Miguel taín Guzmán, cuxa edición orixinal está patrocinada polo Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos técnicos. No plano pertencente á ría de Ferrol podemos ver marcado, así literalmente escrito, [Monte del Cauo del] Prioiro.
- 1639→ Plano intitulado “Descripción del puerto del Ferrol”. Pódense ver nel dous topónimos, Prioiro [pequeño] e Prioiro [Cabo], deste xeito escritos, marcando as dúas puntas que fai o dito cabo de *Prioriño.
- 1767→ Leva a data de 1 de agosto de 1767, e inclúe unha tabela explicativa coa seguinte rotulación: “Plano que comprende las tres Rias de Coruña, Betanzos, y Ferrol, y la Costa desde la ensenada de Cariño hasta el puerto de Zedeyra […]”. Para as dúas puntas correspondentes ao *Prioriño, á máis pequena e próxima da boca da ría, dáselle a denominación [P.] Prioriño, e á segunda, a de maior tamaño e máis afastada da boca da ría, [P.] Espasante. Logo temos, literalmente, [Cavo] Prioiro, para o noso de Covas.
- 1770→ inclúe unha tabela explicativa coa seguinte rotulación: “Plano que manifiesta la Costa desde el puerto de Sedeira hasta el Cabo Prioriño. Como assimismo las tres Rias o puertos del Ferrol, Betanzos, y la Coruña, situados en la Costa del Norte de españa Reyno de Galicia […]”. Vólvense repetir [Cabo] Prioriño e [Punta] Espasante para os de ao carón da ría, e [Cabo] Prioiro para o noso de Covas.
- 178414→ Podemos ver escrito [Cabo] Prioiro [chico], que, sen se ver claramente sobre o mapa a cal das dúas puntas fai referencia, podemos intuír que se tratará da máis próxima á boca da ría. Logo temos tamén o [Cabo] Prioiro, relativo ao noso de Covas.
- 180015 → inclúe unha tabela explicativa coa seguinte rotulación: “Plano del Puerto y Ciudad de la Coruña y de las Rías del Burgo, Betanzos, Puente de eume, Ria del Ferrol y Puerto de Zedeyra […]”. Podemos ver indicados [Punta de] pieyro [pequeño] e [Punta de] pieyro [grande], literalmente, e en alusión ao cabo xunto á boca da ría. Logo temos tamén [Cabo de] Prioyro para o noso de Covas.
A documentación cartográfica achamos que é ben ilustrativa para o caso que estamos a tratar. O Padre Sarmiento é lóxico que entrase nese xogo de confusións, dado o pouco claro con que o que hoxe vemos escrito como *Prioriño tamén o podemos ver consignado como Prioiro [pequeño / Cabo], [P. / Punta de] Espasante, [Cabo] Prioiro [chico] e, finalmente, como [Punta de] pieyro [pequeño / grande]. Que para alén desta, aínda sería posíbel botar man doutro tipo de documentación, non necesariamente cartográfica, de modo que poida ilustrar caso tan confuso. Así pois, na Descripción económica del reyno de Galicia (1804), de josé Lucas Labrada, tórnase ao mesmo tipo de erro, citándose Prioiro (o de Covas) e Prioirochico (o de Doniños). tanto no suplemento al Diccionario Geográfico-Estadístico de España y Portugal dedicado al rey Nuestro señor (1826- 1829), e da autoría de Sebastián de Miñano, como no Diccionario geográfico universal (tomo III dedicado a la reina Nuestra señora (Q.D.G.) (1831), e da autoría dunha Sociedade de Literatos que responde ás iniciais S.B.M.F.C.L.D., aparecen Prioiro (para o de Covas) e Prioriño (para o de Doniños).
Nós non somos quen para debater acerca de se o topónimo *Prioriño ten ou non ten xustificación veraz, e de se é a forma habitual e normal con que se designa a punta ou cabo próximo da boca da ría de Ferrol. De seguirmos as indicacións feitas na web a que fixemos referencia desde un principio do noso artigo, o dito accidente xeográfico chegaría a ser designado como *Prioriño por analoxía morfolóxica do Prioiro de Covas. A conclusión que se tira de aquí é que o nome real para este cabo de Doniños tería que ser a de Pieiro, nome do lugar habitado ao pé deste accidente xeográfico. Os mariñeiros actuais, segundo esta mesma web, chamaríanlle á punta maior deste cabo como Sapa do Pieiro, e Pieiro a secas para a punta máis pequena. igualmente, afírmasenos que outro informante distinto deu en chamar Pieiro Grande e Pieiro Pequeno a estes mesmos dous.
Mais xa é tempo de regresarmos outra vez ao que é a orixe do noso topónimo Prioiro. Cómpre recordarmos que este lugar veu ser o primeiro porto baleeiro do que se ten constancia documental en Galiza. O rei Sancho IV, no ano 1288, concede ao mosteiro de Sobrado a parte do “décimo da baleaxe” que lles pertencía no Prioiro, e que desde a morte do infante Afonso (1272) non percibían. A orixe deste décimo remontábase a un acordo das primeiras décadas do séc. XIII. Poucos anos antes fundárase en Covas a granxa de Reparada, pertencente ao mosteiro de Sobrado desde o ano 1158 por mercé de Fernando II. Así pois, poderiamos tirar de aquí a posibilidade que apuntabamos arriba acerca de se sería 'o primeiro lugar', pero non porque fose o núcleo principal onde se xuntaran casas, senón porque se trataría do 'primeiro porto baleeiro de Galiza'. Ao porto baleeiro do Prioiro seguiríanlle con posterioridade, en 1291, os de Bares (Mañón) e o de San Cibrao (Cervo). No do Prioiro, polo que parece, abandonouse rapidamente esta actividade, xa que após o séc. XIII non se produce máis documentación que avale por escrito esta circunstancia. A industria da baleaxe, se cadra, estaría localizada en Pena Roiba. Con posterioridade, produciríanse tamén distintos e asañados enfrontamentos entre a Casa de Andrade e o citado cenobio, de feito Nuno Freire de Andrade farase coa propiedade da Granxa da Reparata e do Monte do Prioiro en 1411. Logo os monxes do priorado, tras a doazón á familia Andrade, decidirán trasladar a súa granxa á Cabana, na ría de Ferrol. A desaparición da granxa (ou graña16) levaría igualmente á desaparición do nome de lugar Reparata/Reparada, pero non ao da graña, prevalecendo no topónimo actual de Soagraña, lugar onde tamén podemos verificar a existencia da Casa do Frade, primitiva edificación que sen dúbida designaría a vivenda en que habería de residir o citado cenobio ou priorado, dependente de Sobrado dos Monxes.
En conclusión, e para rematarmos coas hipóteses acerca do noso topónimo: se antes indicabamos que se puidese tratar de algo así como da 'primeira localidade (en que se desenvolvería a actividade da baleaxe)', a outra delas podería apuntar a estar 'relacionado co prior ou superior dun mosteiro'. Con respecto a ambos os supostos, facémonos eco das palabras de Ángel Llamazares Sanjuán de novo: «No parecen convincentes estas propuestas para el topónimo leonés. Prior 'primero' no es una forma popular, sino culta. Prior 'superior de un monasterio' parece improbable, ya que en este supuesto, siendo esta zona colonizada por el monasterio de Sahagún, debería aparecer este pueblo en la documentación de dicho monasterio, hecho del que no tenemos constancia. Por otra parte, el superior del monasterio de Sahagún recibe el nombre de abad y no el de prior en la documentación medieval»17.
Sexa como for para o noso caso particular do Prioiro de Covas, talvez a documentación en que se aluda directamente a el, que ha de ser a relativa ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, poida verter unha pouca de máis luz sobre o significado deste curioso nome. Mais sería preciso, polo tanto, poder ter acceso a ela para así poder comprobalo. entrementres, só podemos facer conxecturas. Cadaquén, xa que logo, que tire polo momento as súas propias conclusións. Que quen sabe se para outra ocasión (por seguirmos pola mesma senda das casualidades) non nos metamos a estudar outro topónimo curioso e familiar tamén, Doñinos, deste xeito literalmente escrito, que vemos rexistrado na provincia de Salamanca.
Notas
1 CABEZA QUILES, Fernando: Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado, xerais, Vigo, 1992 (páxina 223).
2 temos este topónimo na Galiza estremeira, neste caso na provincia de Zamora, no concello de Pías.
3 trátase da revista “Lletres Asturianes”, e falamos do artigo titulado «Lo 'áureo' en la toponimia de León», de Ángel Llamazares Sanjuán, de 1996.
4 Per- é unha preposición de orixe preindoeuropea, e tamén latina, que ten valor locativo. O seu significado é de 'a través de', 'por medio de', 'entre', 'xunto a', etc. A evolución Per > Pre > Pri, produciríase por metátese.
5 O nome de lugar leonés, Prioro, aparece en documentos medievais escrito como Priorio, tal e como o artigo “Lo 'áureo' en la toponimia de León” nos explica. Nel dísenos así: «este lugar aparece documentado en el “Becerro de presentaciones” de la catedral de León con la forma “Priorio” (21, pág. 511), coincidente con el nombre actual de un pueblo de Asturias que aparece documentado en 1092 y 1119 con la misma forma (23, pps. 185, 254)».
6 Véxase http://www.acorunha.org “Nomes da costa Ártabra. Microtoponimia da costa (talasonimia)”.
7 Martín Sarmiento: Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables, edición de j. L. Pensado tomé (Universidad de Salamanca, 1986). 8 todas estas herbas que nomeamos foron recollidas no Prioiro.
9 Véxase a este respecto o que deixamos escrito en “Unha pequena cata na toponimia de Covas”, nesta mesma revista Columba, nº4, inverno de 2003.
10 Martín Sarmiento: Viaje a Galicia (1745), edición de j. L. Pensado tomé (Universidad de Salamanca, 1975).
11 Pero noutro libro de Martiño Sarmiento, Viaje a Galicia (1754-1755), publicado nos Cuadernos de estudios Gallegos, Anejo iii, do CSiC instituto Padre Sarmiento de estudios Gallegos, Santiago de Compostela, MCML, e co mesmo título, aínda que posterior a aquel, as confusións toponímicas xa non son tales. Non nos podemos subtraer a deixar constancia de como literalmente é citado tanto o topónimo Prioiro como o Pieyro, desta forma rexistrado sempre, e nunca como *Prioriño. Só aparece unha vez a forma castelanizada Prior para o Prioiro:
«hoy sábado. 21 de junio.
Salí del Ferrol (para volver) a ver cabo do Prioiro, (o del Prior) el lago de Doniños &. […] hermita de Santa Comba en una isleta, sobre el grande arenal de Cobas al Norte del Prioiro.— Al Prioiro, y subí a la Garita del facho. […] Azia el Medio dia, se ve lo más lexos las islas de Cisarga. Las montañas de Pastoriza, La torre de hercules, La Coruña y la Punta dos Rios, que con el Prioiro, abraza el grande arenal o ensenada brava de Prioiro.
[Pág. 56] Baxé del Prioiro al Arenal, para venir a Doniños. el Prioiro es un Promontorio casi isla, a imitación de los Groves, cuya garganta es la unión de los dos Arenales, y tendra un curso de legua. […]
Pasé el Arenal del Prioiro y en el ví y cogí las Camariñas, con frutilla, ay muchas matas de ellas. […] A la izquierda en lo alto está la feligresía de San juan de esmelle. Uno de ese lugar llamó a la caramiña o camariña marmeá da area. […] hize medio dia.— A lo alto, sobre la ensenada de la ría del Ferrol, sobre San Cristoval. Y fui dexando a la derecha todo el Pieyro, que al Norte con el cabo de San jurxo, abraza el arenal de Doniños. Y al medio dia con el Segaño abraza toda la entrada ancha de la Ria; todo el Pieyro es de la feligresia de Doniños. [Pág.57].— Desde este alto se registra mucho, vg.: el cabo do pieyro o de Viñas, y alli una piedra llamada… [en blanco], mas aca Viñas, despues Cariño, que es una ensenadita segura».
12 Servímonos da www.acorunha.org “Nomes da costa Ártabra. Microtoponimia da costa (talasonimia)” para poder acceder a eles con maior facilidade.
13 Pódese consultar en: http://www.culturagalega.org/biblioteca_detalle.php?id=18
14 trátase dun mapa de Galiza do Doutor Don tomás López, impreso en Madrid en 1784. Nunha tabela inclúese a seguinte rotulación: “MAPA GEOGRÁFICO DEL REYNO DE GALICIA: CONTIENE LAS PROVINCIAS DE SANTIAGO, CORUÑA, BETANZOS, LUGO, MONDOÑEDO, ORENSE Y TUY. DEDICADO AL EXCELENTÍSIMO SEÑOR DON JOSEPH MOÑINO CONDE DE FLORIDABLANCA”. Aos mapas e planos restantes desta relación pódese acceder por medio da páxina http://www.acorunha.org “Nomes da costa Ártabra. Microtoponimia da costa (talasonimia)”.
15 Plano do Ministerio de Defensa. O resto de planos, salvo o de 1784, pertencen ao Archivo de Simancas, do Ministerio de Cultura.
16 O nome de lugar Soagraña (significa debaixo ou embaixo da graña ou granxa) alude ao primitivo nome de Granxa ou Graña [da Reparata/Reparada].
17 Na revista “Lletres Asturianes”, do artigo «Lo 'áureo' en la toponimia de León» (1996), de Ángel Llamazares Sanjuán.