Doutros nomes para dunas e camariñas e algunha curiosidade máis

28/08/2021, Henrique Dacosta López

Con certeza, non existe mellor informante que aquel de primeira man, natural dun lugar logo, que nos pode referir (neste caso concreto que hoxe abordaremos) vocábulos que lle son estimados por razón de uso, ben particular, ben familiar e, para alén diso, local. Tanto ten a dimensión que abarque ese territorio ao que pertenza, xa que o máis importante de todo é que os seus falantes os sintan como propios, singulares á forma de fala que lles é característica e que, por contraste, os identifique con respecto a un outro veciño, poñamos por caso, dunha aldea, vila ou concello, e alleo, en consecuencia, á súa realidade terminolóxica.

É obrigado que citemos aquí o polifacético escritor e profesor ferrolán Ricardo Carvalho Calero1 ao referirnos á división dialectal estabelecida a propósito da nosa lingua, a cal anos máis adiante sería ampliada e perfeccionada por Francisco Fernández Rei. Dos tres grandes bloques dialectais marcados —occidental, central e oriental—, a nosa forma de fala ficará incluída dentro do segundo e, alén diso, dentro da denominada área mindoniense. Unhas liñas imaxinarias que dividen xeograficamente dous fenómenos lingüísticos distintos, tecnicamente coñecido isto como isoglosa, delimita a devandita área, a cal abrangue, sensu latu, as rías de Ortigueira, Cedeira, Ferrol e Ares polo O, as terras de Monfero, Guitiriz e Vilalba polo S, polo L Ribadeo e a súa ría, e polo N toda a Mariña lucense.

A área mindoniense, segundo nos refire o profesor Francisco Fernández Rei no seu estudo Dialectoloxía galega, posúe unha serie de singularidades (nosoutros/vosoutros no canto de nós/vós, distinción entre lle/lles para sg/pl, neutralización da P3 dos pretéritos perfectos de 2ª e 3ª C: collEU, partEU, formas verbais esteña, seña..., faigo/faiga, etc.) que a diferencian con relación a outras áreas do bloque central, pensemos, por exemplo, a lucu-auriense. Ora ben, eu quixera determe a sinalar o léxico que lle é tan peculiar e que só vemos aquí, na área mindoniense, rexistrado (ou, se acaso, nalgunha outra fala próxima), dado que non volve a aparecer en ningún outro punto de Galiza ou de falas galegas do occidente de Asturias, León ou Zamora. Así pois, presenta as formas biouteiro/bieiteiro para designar a máis común sabugueiro, felgo para ao que máis habitualmente se coñece como fento ou fieito, ma(n)ciñeira para o máis estendido maceira, golpe para o raposo2, soligras/ celigras... para cóxegas, cimo/cimón para o grelo, etc.

O caso é que na nosa aldea de Covas, como sabemos, é común chamarlle ás dunas polo singularísimo nome de torrellouzos ou torrillouzos. Xa no 2011, nun artigo titulado “Palabras en xogo”, falamos desde as páxinas desta mesma revista acerca do citado vocábulo. Aludiamos ao feito de que, entre outras entidades, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, disponibiliza desde a súa páxina web unha sección chamada “Palabras con memoria” 3, que foi impulsada polo profesor e escritor Isidro Novo. A voz torrillouzo a que facemos mención aparece recollida nesta sección desde hai algúns anos. En suma, só falta que tomemos a iniciativa de contribuír para que este glosario de voces se vaia nutrindo de moitas outras palabras que gardamos na lembranza, pois que ben delas estarán en risco de desaparición, se non as transmitimos a tempo. É evidente que os nosos descendentes se nos antollen como os herdeiros directos deste tesouro lexical, ora, no seu defecto, tamén desexamos o poidan ser estes contedores tan interesantes a que nos referimos, a fin de gañar despois nova vida, como previo paso a que os vocábulos sexan dicionarizados.

Vaiamos, porén, á voz amentada. Até onde nós sabemos4, existen outros lugares onde as dunas, á parte da forma xenérica por todos coñecida, son designadas doutro xeito diferente. No caso de Ortigueira, corren co nome de morouzos —lembremos o nome da famosa praia de Morouzos, de tanta resonancia debido, fundamentalmente, ao Festival do Mundo Celta—, co de torremoutos en San Xurxo (da Mariña) ou co de malloeiras en Carnota. Sospeitemos, cabe supor, que haberá moitos outros lugares ao longo da costa galega aos que lles poida ocorrer algo semellante. Paradoxalmente, o que de primeiras chama de forma poderosa a nosa atención é, se cadra, ese sufixo - ouzo que estamos a ver en torrellouzo/torrillouzo, e en morouzo. Acontece, alén diso, que entre Sartaña e Santa Comba achamos o topónimo o Pedrouzo, igualmente, con esta mesma terminación. Nada en particular, xa que este nome de lugar ten unha incidencia bastante alta por todo o noso territorio, do mesmo modo que acontece en Portugal, onde tamén se rexistra. Ademais, se buscásemos en calquera dicionario de portugués, acharemos que é palabra común que designa: «1. monte de pedras; pedranceira 2. obstáculo; empecilho.»

O tal topónimo, Pedrouzo5 (Pedrouço en portugués), é un derivado de pedra (< lat. PĚTRA) cun sufixo -ouzo (-ouço), que é de orixe prerromana. Usouse este para designar unha zona pedregosa. O Nomenclátor de Galicia recolle máis de 40 localidades que conteñen no seu nome o substantivo pedrouzo. Na microtoponimia é tamén moi abundante. É curioso vermos en Ames, a través do Proxecto Toponimia de Galicia, recollido nunha área próxima a onde existe un Pedrouzo, o microtopónimo Supedrouzo, que parece repetir o nome do lugar precedido da preposición so- (< latín SUB) ‘debaixo do Pedrouzo’. E, Edelmiro Bascuas, en Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, anexo 51, do ano 2002, indica que ese sufixo -ouzo é derivado de *-AUCEU, unha variante do sufixo prerromano -AUKO, que sería un abundancial. En suma, o tal sufixo o que nos está a indicar é a abundancia, neste caso concreto, de pedras e, en consecuencia, que nos achamos nun lugar pedregoso, ou pedroso, se quixermos.

Para o caso de morouzo, no dicionario da RAG recóllese a seguinte definición, con senllos exemplos de uso: «1 Montón de pedras miúdas. Andaron a xuntar as pedras do terreo e aínda fixeron ben morouzos. 2 Mata de toxos, silvas etc. Había que cortar aqueles morouzos que saíron no prado

No dicionario de portugués, no da Porto Editora, achamos coincidencia coa acepción número 1 do da RAG, aínda que tamén ten varias acepcións máis: (2) montón e (3) montículo e até coa idea de (4) montón de porcaría e de (5) persoa pouco limpa. Na palabra morouzo talvez haxa que ir buscar a raíz ao preindoeuropeo *mor- “rocha, monte”. Cabeza Quiles no seu Os nomes de lugar fala da posibilidade de que un topónimo como A Morosa poida conter un falso artigo e que, por tanto, este fose realmente Amorosa. Alude a varios sitios que corren con este nome. Fala de dous illotes, situado un ao SO da península de Corrubedo e outro ao NE do Saco de Fefiñáns. Tamén en Portugal, en Viana do Castelo, existe unha praia co nome de Amorosa, moi pedrosa ela. Así mesmo, cre que dúas rochas co nome de Amor, na parroquia de San Vicente do Grove, poidan responder ao mesmo étimo. E, aínda, Marosa, apelativo dunha praia do litoral cantábrico, no concello lugués de Cervo.

Sen irmos máis lonxe, canto á raíz preindoeuropea *mor-, non temos máis que botar man dun nome, presente no Prioiro, no do Coto dos Moros (ou dos Mouros), ora debamos admitir que nin sequera existen restos arqueolóxicos neste lugar que poidan testemuñar pertencer á época castrexa, nin tampouco ningunha lenda ou conto asociado ao mito dos mouros, a pesar de tanto acervo como el ten no imaxinario popular galego. Alén diso, habería que considerar que o nome verdadeiro na lingua do país tería que ser o de “mouros”, tanto se nos referimos aos devanditos seres mitolóxicos como aos habitantes do norte da África e mesmo no caso de que aludamos á idea da cor negra, pois mouro é vocábulo sinónimo. Todos os indicios nos fan pensar en que poida proceder da amentada raíz preindoeuropea *mor, base tamén presente noutros topónimos galegos como Chamorro, ou en Morrazo, Mourelos, Mourela, Moraña, Moraime, etc., e aos que xa se teñen referido os estudosos Elixio Rivas Quintas e Fernando Cabeza Quiles, entre outros.

Mais centrándonos agora no caso do vocábulo torrellouzo ou torrillouzo, ao que de xeito indirecto aludimos no título do artigo, é claro que a terminación é a mesma que a dos topónimos Pedrouzo e Morouzos. O que si, e ao fixar a nosa atención na raíz da palabra torrell- ou torrill-, quizais poidamos arriscar que proceda do lat. *TURRICULA. Quérese dicir, teremos unha raíz torr- (do latín TURRIS “torre”) e un sufixo -ell- ou -ill- (do sufixo latino diminutivo -ICULA), ao que se lle engadiría un novo sufixo, aquí de procedencia prerromana, -ouzo, xa explicitado con anterioridade. Os topónimos Torrillas, Torrellas e Turrillas podémolos ver diseminados por diferentes lugares do leste peninsular ibérico. As "turris" eran torres de vixilancia e defensa construídas no tempo do Imperio Romano. Acostumaban estar situadas en lugares elevados ou en puntos estratéxicos e vías de comunicación. Topónimos e apelidos como Turrillas, Turryellas, Torrelles, Torrellas ou Torres, teñen a mesma raíz latina, e hoxe están estendidos pola xeografía vasco-navarra, aragonesa e catalano-valenciana, ademais da balear.

O máis lóxico, en conclusión, e no caso de que admitamos esta hipótese exposta, é que a palabra torrellouzo ou torrillouzo remita literalmente á idea dun lugar elevado, montículo, duna, neste caso noso concreto, resultado da acción erosiva do vento ao transportar areas, alén dos xabres previos que contén por baixo e aínda máis por baixo doutros elementos seguramente máis sólidos como rochas e terras. De modo que esa idea de elevación segue a prevalecer, aínda que aquí non remita necesariamente a ningún lugar específico de vixilancia, que nós saibamos, mais si a aliñamentos, dunha certa irregularidade, de amontoamentos destes materiais sobre dos cales se foron fixando diversos tipos de plantas propias de solos arenosos litorais. Así pois, todos os sistemas dunares que hai pola costa, por Ponzos, por Santa Comba, polo Preixal ou pola Fragata responden a esta idea de torrellouzos/ torrillouzos que vimos explicando.

Igualmente curioso nos pode parecer o termo botánico que imos comentar a continuación. Estámonos a referir á planta que máis comunmente designamos polo nome de camariña ou, coa súa forma metatizada, caramiña. Canto á toponimia alusiva a este elemento vexetal, talvez o primeiro nome que nos veña á cabeza ha de ser o da Pobra do Caramiñal ou, se cadra, tamén o de Camariñas. Esta planta, un mato pertencente á familia das empetráceas, foi bastante habitual en toda a fachada atlántica, desde Galiza (Valdoviño) até o sur de España (Xibraltar), aínda que tamén existe no arquipélago dos Azores. Hoxe, no entanto, temos que admitir que se acha en severa regresión. A nosa camariña ou caramiña leva o nome científico de Corema album e así mesmo é coñecida polos nomes camariñeira, herba da fame, marmea ou marmaeira. As formas camariñeira (port. camarinheira) e marmaeira case seguro designasen inicialmente o arbusto, mentres que as restantes formas, camariña (port. camarinha), caramiña e marmea, fixesen alusión ao froito.

É interesante vermos a denominación tan clarificadora de herba da fame, aínda que pode haber outras especies botánicas (ervellacas, vinagretas, leiterenas e herba da trolla) coñecidas coa mesma designación, ora pouco teñan que ver con esta especie. Esas outras son consideradas como más herbas, en tanto a camariña non corre con tal connotación pexorativa. Os seus froitos, sen dúbida, foron tradicionalmente consumidos de diferentes maneiras. Parece ser, segundo nos confirma Francisco X. Sóñora Gómez na revista Braña, nun artigo de 1994 titulado “A camariña ou marmea na península Ibérica”, que até a década dos setenta en Camariñas eran vendidos á entrada do cinema, na praia e nos espectáculos infantís. Podían ser utilizados, asemade, para a confección de marmeladas ou compotas. E en Gures (Cee) comíanse con leite e pan de broa, ou con leite e mel. En Pantín (Valdoviño) usouse para elaborar un licor semellante ao de guindas. E mesmo se ten utilizado como vasoira, polos seus ramiños dereitos, ben poboados de folliñas, que se manteñen verdes durante moito tempo e sen se desprenderen, e como planta ornamental, pois até nas procesións da Pobra servían para tal uso.

A ligazón que terá o noso topónimo Marmadeiro coa devandita planta fai necesario que nos deteñamos a explicalo e a falar sobre a camariña tamén. Procedería o nome de *MARMATARIU(M), raíz que así mesmo achamos no veciño Marmancón, que xa se documenta na Idade Media, e que podemos remontar a unha raíz *marma(r)- ‘pedra cristalizada, mármore, cuarzo ou seixo’, MARMORE(M) no latín (‘mármore’)6. Estraño non sería, talvez, que o colorido do froito —branco como é— puidese remitir á mesma coloración que a do citado mármore ou seixo e, xa que logo, que a procedencia do significante do vocábulo nos envíe á expresada por Fernando Dopico. En consecuencia, a palabra marmea ou marmaeira, un dos nomes que, como acabamos de ver, recibe a planta da camariña, camariñeira ou herba da fame, até é posíbel que metaforicamente se estea a referir á idea que acabamos de expresar. Pola súa parte, o erudito Frei Martiño Sarmiento sábese que estivo no Cabo Prioiro en 1754 e dixo ter atopado nel as tales camariñas (ou marmeas); e isto aconteceu, máis concretamente, no areal do Prioiro7: «Pasé el arenal de Prioiro, y en él vi y cogí las camariñas, con frutilla, ay muchas de ellas.» Con posterioridade, xa outros estudosos, biólogos a maior parte, viñeron confirmar a presenza das tales plantas.

Na nosa columna “Termar do Leme”, do suplemento dominical Nordesía do Diario de Ferrol, publicabamos no 29 de decembro de 2019 o artigo “O Baleo, unha aproximación ao topónimo”. Botemos man de novo ás palabras manifestadas polo lingüista alemán Joseph Piel que nel citabamos, pois xulgamos importante a seguinte apreciación, no momento de deternos a distinguir entre nomes transparentes e nomes opacos8: «Uma primeira classificação, provisória, das várias dezenas de milhar de nomes de lugar galegos pode firmar-se nos dois aspectos, a que acabámos de aludir, distinguindo “grosso modo” duas categorias: 1º. Nomes de significação “transparente”, como Bouza ou Cha(n), por um lado, e, 2º. Nomes de significação “opaca”, como Graña ou Nendos, pelo outro. Poderíamos dizer também nomes “falantes”, em oposição a nomes “mudos”. Consideram-se, pois, opacos ou mudos os topónimos, que não logramos relacionar no imediato com qualquer elemento do léxico geral comum galego, seja qual for a sua origem».

Seguindo o fío deste mesmo argumento, Elixio Rivas, no seu valiosísimo traballo “Toponimia de Marín”, Verba, do ano 1982, fálanos acerca de como foron tomando asento os nomes para designaren lugares. Primeiramente serían de carácter transparente, até despois, co paso do tempo e as transformacións lingüísticas pertinentes (sexa por supresión dunha lingua por outra, sexa por evolución dela tan só), iren modificando o seu corpo e deixando de ter o sentido nítido e inmediato que posuían nun principio para as persoas. Pénsese no anterior topónimo a que nos referimos, Marmadeiro, e na denominación, totalmente perdida de marmea da area, viva cando Frei Martiño Sarmiento visitou as nosas terras. Velaquí as palabras escritas por Elixio Rivas: «Una vez impuesto el nombre, se convierte en propio; el significante o sonido es lo que interesa, dejando de ser primordial el significado. (…) Esos nombres siguen siendo, por un tiempo más o menos largo, transparentes, dando información de sí mismos; el hecho de convertirse en propios no los priva de sentido. Muchos se convierten progresivamente en opacos. El investigador va a bucear, recogiendo indicios y atando cabos en un esfuerzo por llegar a una conclusión».

En resumidas contas, para ir terminando xa, é ben claro que o mundo das palabras, da filoloxía por tanto, se nos antolla un xogo apaixonante. Evidentemente, a lexicografía e a toponimia de que estamos a botar man ao longo deste artigo, case que podería ser estirado ad infinitum. Imaxinariamente, nun outro artigo para a columna do DF quixemos enredar, así mesmo, cunha fábrica de salga, a raíz do desenterramento no pasado outono nos torrellouzos dos Crebadoiros dunha parede de mampostaría. Co citado topónimo o Baleo, nese outro artigo publicado máis recentemente, fantasiamos tamén coa posibilidade da industria baleeira, non en van achamos na nosa aldea os topónimos Baleeiros e Cociñadoiro, quen sabe se este último para a obtención do saín ou graxa dos cetáceos, antano de tanta estima comercial. Mais tamén outras actividades industriais, como a mineiro-metalúrxica, cos vestixios das escavacións ferruxinosas na ribeira de Penarroiba, ou a máis coñecida mina de ouro de Covarradeiras, poderían ser asemade susceptíbeis do noso interese filolóxico. Covas e furnas naturais, túneles feitos pola man do home, barcos naufragados xurdidos de debaixo da area pola acción das mareas, ou o bosque carbonizado de Ponzos, acerca do cal o veciño José Carneiro apuntou no seu día á prensa que moitos anos atrás un enxeñeiro (da mina de ouro) viñera preguntando cun plano antigo por un bosque de loureiro (que quen sabe se non sería o fosilizado achado en 2008)... todos, en definitiva, para configurar unha manchea de asuntos (léxicos e algo máis que léxicos) sobre os que achar a escusa de que poder falar.

 

 

Notas

1 O Día das Letras Galegas, como sabemos, contará como figura homenaxeada a de Ricardo Carvalho Calero para este ano 2020. Home polifacético el, profesor e primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da universidade compostelá, cultivou a poesía, a narrativa, o teatro, o ensaio, a crítica literaria, a lingüística, a filoloxía e mesmo a edición de textos, á parte de ter sido un grandísimo orador.

2 A pesar de que na área mindoniense poida existir unha forma léxica que é única con relación ao resto de Galiza e áreas do galego exterior, tamén é certo que esta pode coexistir xunto á outra forma máis estendida como, por exemplo, raposo ao lado de golpe, porco ao lado de chino, etc.

3 https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria → Dísenos ao entrarmos nesta sección:

«PALABRAS CON MEMORIA é unha iniciativa da AELG que ten por obxecto recuperar palabras nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción. E tamén palabras e expresións que non recollen os dicionarios. A persoa que visita esta sección da web, ademais de consultar o glosario mensualmente actualizado pendurado nela, poderá enriquecelo enviando os vocábulos que teña arrombados no faio da lembranza ao enderezo palabra.con.memoria@aelg.org ou enchendo este formulario. Se algunha palabra enviada non aparece na listaxe é que foi localizada nalgún dicionario.

4 No período que vai de 1992 a 1997 tiven a sorte de poder contar con informantes bastante fiábeis, alumnado adulto da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol ao que impartín clase, que me forneceu material moi interesante con respecto a diversos aspectos da lingua, lexicográficos sobre todo.

5 Outros topónimos con esta mesma terminación poden ser Lagouzos, Penouzos, Tabouzos, etc

6 Esta hipótese foi defendida por Fernando Dopico. Podémola ver en “Marmadeiro e outros topónimos”, La Voz de Galicia, do 8 de xullo de 1994.

7 Supomos que se ha de tratar do tramo de praia de Santa Comba que coñecemos como Marmadeiro ou como os Crebadoiros, o extremo do areal que pertence ao Prioiro. A cita está en Martín Sarmiento (1754-1758): Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables, ed. de J. L. Pensado Tomé (U. de Salamanca en 1986). Di tamén o frade que esta planta é coñecida en toda a zona como marmea da area.

8 Publicado en “Considerações gerais sobre toponímia e antroponímia galegas”, na revista Verba da universidade compostelá, en 1989.

 

 

 

Henrique Dacosta López

 

 

<< Volver