A crenza no sobrenatural está arraigada no ser humano e está presente en tódolos pobos. As crenzas bruxerís e os meigallos colleron carta de identidade en Galicia por ser desde moi antigo a cultura galega fundamentalmente rural moi apegada a terra e con moitos pequenos lugares illados que conservaron primorosamente as tradicións. A vida no rural era bastante diferente da cultura cidadán. Actualmente xa non hai tanta diferenza. Hai autores que diferencian entre bruxa e meiga indicando que a bruxa pode voar e vai os aquelarres axuntase co demo; e as meigas non fan nada disto aínda que andan de noite polos camiños pero non voan, e si teñen moitos poderes. Pero para outros especialmente en Galicia a meiga é sinónimo de bruxa e dicir son a mesma cousa. Para meu entender a meiga galega non é esa bruxa mitolóxica dos aquelarres.
Moi brevemente dou uns pequenos apuntes porque tanto de bruxas, o mal de ollo, como do mítico demo, hai extensas monografías e maxistrais estudios realizados polas mellores autoridades neste eido (J. Caro Baroja, V. Lis Quibén, Carmelo Lisón Tolosana, X. R. Mariño Ferro, etc.) e de doado acceso tanto en Galicia como no resto do mundo. E creo que non se trata de repetir porque o realmente "importante e urxente" actualmente, é recoller a nosa tradición oral viva ata hai moi pouco tempo e que se está perdendo axiña ea punto de esmorecer.
As bruxas non teñen ningún poder nin tampouco a súa ollada, pero o que si ten poder é a crenza autosuxestiva de que si o teñen, como moi ben expresou na obra gráfica o ilustre pintor Goya: "A imaxinación produce monstros." As persoas culpaban as bruxas de todo tipo de males que lles afectaban. Foron crenzas antigas os aquelarres, (xuntanzas co demo castrón), os voos, as pócemas, comer os nenos sen bautizar, a metamorfoses (cambio de forma/converterse en animais), os maleficios, etc. Bruxería, feiticería e maxia, foron consideradas como herexías polo clero; a caza de bruxas como e sabido estivo en mans da Inquisición (1478-1821) e tivo a súa máxima expresión nos séculos XVI e XVII.
O Demo. No meu traballo de campo da tradición oral desde a década dos 70, (anterior século) non atopei nada certamente constatado sobre este personaxe mítico e dicir do Demo maior; si frases do tipo - Vaite comer o demo!, Que te traghe o demo!, Vaite de aí eres un demontre!, Vaia demo de rapaz!, e outras parecidas deste tipo. Si do diaño burleiro (unha versión do trasno) que está xa publicado nos artigos anteriores desta revista, que non ten nada que ver co Demo (Demonio, Diablo, Satanás, Lucifer, Belcebút, Astharot, etc.) do cristianismo do que falan algunhas predicacións relixiosas e obras literarias. Bueno, contos do Demo si sei e hai moitos.
Xeralmente o demo aparece nomeado como construtor de edificios antigos, pazos, mosteiros, castelos, etc. e se lle adxudican case tódolos mesmos males que as bruxas por algo estas foron consideradas as súas servas ou discípulas. Malas colleitas, pragas, tronadas, pedrisco, peste, enfermidades, etc. de quen tamén convén protexerse.
O Demo ghrande e neghro, macho cabrío ou cabrón parece máis ben froito da imaxinación antiga do medievo e da narrativa literaria que da realidade cotidiá na tradición oral. A dicir verdade nas nosas parroquias non atopei bruxas propiamente ditas, si que houbo tanto mulleres como homes "entendidos" en cousas de meiguerías, menciñeiros/as, compostores, carteiras, e videntes, sobre todo persoas sabias en menciña popular tradicional e algún que outro que "tiña un libro" de maxia e de supoñer que fora o Ciprianillo ou Gran libro de San Cipriano.
Tradición oral recollida
Antes había moitas bruxerías en Covas, nas encrucilladas aparecían pucheiros de barro, poñían (deixaban alí) o pucheiro cheo de auga e aparecían rotos. Aínda hoxe hai que os pon. Esto se facía para botar a bruxería fora da casa. Tamén se usaba auga bendita.
Na ecrucelada das Medorras (Cruz das Medorras) me acordo de que teno visto roupa alí deixada e pedazos de cacharros que sería para desfacer meigallos. Tamén aquí dicían que ían a enterrar os nenos que morrían sen bautizar porque o cura non os quería bautizar. Chámanlle a Cruz porque é unha encrucelada ea un lado ea outro do camiño había un pousadoiro. Dicían os máis vellos que os recéns os enterraban nos cruces de camiños. Cando pasaban os enterros paraban nas encruceladas, e rezaban un padrenuestro e logo seguían. Paraban porque alí había recéns enterrados. Era un cementerio de nenos sen bautizar.
Antes de noite as veces cando ías por un camiño pasabas moito medo. Un día denoite vin que andaban uns dando voltas arredor dunha casa. Un levaba un meiro (unha corda) que lle fixeron varios nudos (9 nudos, 9 voltas). Uns pasaban e de cada volta dicían !-Pasa nudo. E os outros contestaban, - !Por aquí xa pasou,. Moito medo pasei, atoparte denoite con aquilo era terrible. (Trad. oral, veciñas e veciños de Covas) (*1)
O día de S. Xoán (solsticio de verán, 24 xuño) facíase auga de rosas con varios tipos de plantas e flores, sobre todo coas que tiñan bo olor, rosas, reina Luísa, flor de san Xoán, romeu, menta, follas diversas, se botaban nunha tiña con auga e se poñían o rocío toda a noite, e pola maná había que lavarse a cara o levantarse con esa auga, que daba un agradable olor e frescor, para ter boa saúde e sorte todo o resto do ano.
Este día tamén se facían uns matoxos (ramos /enramadas) con flor de S. Xoán e fiúncho e se amarraban as portas das casas ou nas ventás para protexerse contra as bruxas e todo tipo de males. Tamén o Domingo de Ramos se facía un ramo de loureiro con polas de oliveira, e se levaba a bendecir a iglesia, despois se collían de este ramo unhas poliñas de oliveira con loureiro e se poñían tamén amarradas nas portas das casas. (Trad. oral veciñas de Covas) (*1)
No ano 1989 polo verán no lugar da Pedreira (Covas) apareceu pola noite unha vela encendida no medio do camiño e próximo ao cruce. A xente do lugar quedou moi asustada. Esto foi visto por varios veciños. (Veciña de Covas. Agosto 1989)
OS MEIGALLOS EO MAL DE OLLO. A VACA
Os Aolladores son mulleres ou homes que aínda os hai hoxe. Podían botar o mal de ollo a unha persoa ou a un animal. Cando pasaban xunto a un veciño que estaba cun animal tiñas que dicir “Bos días S. Antonio”. E se non dicías S. Antonio xa estabas jo.... xa o ganado aquel podía enfermar. E Cando unha vaca enfermaba o dono dicía “hai que quitarlle aferida do ollo a vaca”
Cando unha vaca enfermaba vina o veterinario e dicía que non tiña nada, pero a vaca non se levantaba, e deixaba de dar leite, entonces se acudía a quitarlle o mal de ollo. Para quitarlle o mal de ollo a vaca, se ía a chamar a un entendido, que facía un remedio durante nove días.
Se daban voltas (9 voltas) arredor do animal e de cada vola se recitaba unha oración: Dios te dou / dios te criou / que dios te quite a ferida do ollo / se alguén cha botou.
Seis padrenuestros e seis avemarías. E normalmente o animal curaba. Cando unha persoa tiña unha enfermedá e o médico non sabía o que era ou non che acertaba, se facía o mesmo.
Antes morrían moitas vacas e non se sabía de que morrían. Para curalas dábanlles anís, un ponche, ruda unha herba medicinal que cheira moito. A herba cocíana e dábanlla a vaca. Algunha librábase (quere dicir que as facía andar de ventre). Despois tamén dábanlle sosa mesturada con algo que non me acordo e lles facía andar o ventre. Pero morrían vacas a varrer.
Antes naquel tempo había dous veterinarios, o tío Eusebio da Marina éo outro era o meu avó despois houbo outro un tal Rei do Val. Antes enfermaban pouco do ubre porque non comían o de enfermar do ubre e cousa máis recente porque comían moito mellor e tiñan moito leite no ubre. Antes a vaca que daba dous cuartillos de leite xa era moito. Morrían aí no golfo morrían alí tirando do golfo en todo Sartaña. (Trad. oral veciñas de Covas.) ( *1)
As vacas poñíanlle campanillas para que non se perderan sobre todo os días de néboa. para saber onde andaban xa que as veces estaban deitadas, ou metíanse no medio dos toxos e non as atopabas. As campanillas non eran para espantar as bruxas como dicía moita xente.
Había quen creía en bruxas e facían un saco pequeno non sei con que e poñíano na porta ou en algún outro sitio. Tamén poñían colgado na entrada ou na porta da corte unhas polas de acivro. E tamén poñíanlle algo para espantar as moscas.
Un día o tío Andrés da Ferreira foi coas vacas a Cardido onde había moito xabre, pasado un tempo as vacas caeron desmaiadas a xente pensaba que era un “mal ollo” que pasara polo lado. Veñan de aquí veñan de acolá; foron chamar o portuxés para quitarlle a ferida do ollo, el fixo algunha cousa e así que pasaron tres ou catro horas as vacas se levantaron, e todo mundo pensou que fora o portuxés o que as sanou. Pero o que pasou e que comeron unhas herbas esas que e droga que lles chaman as “borrachas” son as que nacen aí en Sartaña. As vacas comeron deso seguido e tontearon. E o cabo de varias horas lles pasou o efecto e se levantaron.
As veces che ameigaban unha vaca e tiñas que desmeigala, e dicir sacarlle a meiga. A vaca se poñía enferma ou deixaba de dar leite. Entonces chamabas a un home que soubera desmeigar, aquí chamabamos o sr Rebollár que era o enterramortos, aínda que había outros que tamén o sabían facer. Viña a bendedirche o animal 9 días seguidos. Entraba na corte coa boina posta, unha vela, unha taza ou vaso con auga bendita e unha folla de romeu (romeu). Empezaba dicindo unhas oracións a vez que coas polas de romeu molladas na auga bendicía o animal. A oración se recorda algo así:
Dios te dou / e Dios te criou / Dios te desaolle / se alguén te aollou. Se bendicía 9 vece coa pola de romeu:Yo te bendigo / en el nombre del padre/ del hijo/ del espíritu santo amén. As veces estas oracións remataban así: Non é polo meu poder / nin pola mina sabedoría senón pola Virxe María / un padrenuestro e un Ave María. E remataban rezando un padrenuestro e un Ave María. - Esto o facían 9 veces e durante 9 días seguidos. E o cabo de aqueles 9 días a vaca sanaba.
Os homes que entendían disto eran o Rebollár e Francisco de Cabanas pero había outros. (Trad. oral veciñas de Covas.) (*1)
A MEIGA E OS MEIGALLOS
O señor Antonio dicía que cando unha vaca enfermaba nas ubres era porque lle botaran un meigallo e en vez de dar leite daba sangue ou leite mesturada con sangue. Para desmeigar collían un pucheiro de barro novo que enchían ordenando a vaca coa leite ensanguentada éo poñían pola noite nun cruce de camiños para que o primeiro que pasara tropezara e o tirara. Si a vaca estaba enmeigada se desfacía o meigallo o rompela taza, ou si lle botaran o mal de ollo. Si a vaca estaba enmeigada se desfacía o meigallo o rompela taza, ou si lle botaran o mal de ollo. E así a vaca sanaba e volvía a dar o leite boa. (Trad. oral familiar, Ramón Graña e D. Antonio Calvo, Valón, Aprox. 1940.)
Un día unha señora de Valón vina cun brazado de verzas e se cruzou no camiño cunha veciña que por alí pasaba coa vaca, e a súa vaca colleulle coa boca unha verza das que levaba, entón a señora mirouna (a vaca), e de repente, a vaca caeu redonda no chan. O ver o que aconteceu a muller díxolle - !Hai, tes que quitarme esta maldición! i ela dixo: Levántate vaca, levántate vaca. San Antón San Antonino. Ea vaca levantouse no momento e non lle pasou nada. (Tradición oral familiar. Veciña de Valón 1973)
Un día Nicolasa ía coa vaca, cando atopouse no camiño cunha veciña e ao pasar preto dela ésta botoulle unha maldición a vaca, e segueu o seu camiño ata chegar a casa; e xa pola noite foi muxír a vaca, e botoulle leite mesturada con sangue. E a vaca enfermou. (Tradición oral familiar, miña nai e varias veciñas, en Unha señora veciña de Valón collía a miúdo o leite nunha casa, pero un día dos que foi a buscala non lla deron porque estaban escasos; i entón ela lles dixo: -Nunca outra che dé! E para ó outro día apareceu a vaca morta. (Trad. oral familiar. En Valón, Josefina Graña. e Ramón G.V. 1973)
Unha veciña de S. Xurxo conta que cando ía por un camiño, veu que de repente cae a vaca, o mirar veu que se cruzara con certa persoa, e logo ao chegar a casa, a vaca deixou de dar leite, ea xente o sabía e cando pasaban polo lado desa persoa (unha muller) se apartaban para que non os ameigaran. (Trad. oral, recollido en S. Xurxo. F. Gen, 1996)
Unha muller en Viladóniga sempre nos contaba que para saber si lle botaran unha meiga (tamén a vaca) poñía un pucheiro de barro nunha silveira éo ía mirar tódolos días, e si o pucheiro estaba enteiro era que a meiga aínda seguía e si o pucheiro estaba roto era que a meiga xa desaparecera.
A mesma señora como se levaba mal cunha veciña quizá porque pensaba que lle botaba algún meigallo íalle a petar na porta da casa tódalas noites, porque claro, non lle podía petar a veciña. (Tradición oral en Viladóniga , unha veciña, 1984)
A visión da bruxa
Unha veciña que tiña fama de bruxa foi a casa de outra que tiña o seu home enfermo a dicirlle que preparara roupa negra que ao día seguinte seu home ía morrer, porque vira en sonos pasar o enterro por diante da súa casa. Pero ao día seguinte quen morreu foi o marido da bruxa e non o da veciña. A veciña se equivocara de morto. (Tradición oral en Monfero, a Sra. Pilar R., recollido por Bea. Ferrol 2004)
RITUAIS DE PROTECCIÓN. AMULETOS
Si che vina a casa unha visita e tiñas unha confianza dudosa, entonces gardabas (escondías) a escoba detrás da porta por si acaso, xa que así non te podía enmeigar. Porque o mellor desconfiabas da persoa que che vina a casa se era unha meiga. Ela o non ver a escoba non te podía enmeigar. -Nunca crin nin quero crer! Ver e non ver.
Para protrexerse contra as meigas, se metía nunha bolsa pequena, un trozo de punta de corno (que se cortaba), unha faba loba, etc. ea levabas na faldriqueira.
Para protexer os nenos e que non colleran unha meiga se lles poñían debaixo da almofada un allo macho, por si acaso. (Trad. oral veciñas de Covas) (*1)
Nalgúns lugares de Betanzos teno visto (en 1990) que para protexer os nenos dos meigallos poñíalle un colgante no pescozo amarrada unha vacaloura (alicorno, cervo voante). Era para que non os envidiaran e lles botaran o mal de ollo.
Na mina casa en Valón os meus avós tiñan unha ferradura empotrada na parede na xamba da porta de atrás da entrada da casa, un ramo acevo collido o día da véspera de S. Xoán colgado da parede de fora e un corno de carneiro colgado na parede do curral. Nas casas veciñas era todo o mesmo me acordo perfectamente de velo moitas veces. (Tradición familiar, o autor. 1960)
As veces cando vina unha visita que se sabía que era molesta e vina sempre a destempo, mina avoa collía a escoba ea poñía detrás da porta co rabo para abaixo ea tapada coas follas da mesma porta que quedaba aberta. (Tradición familiar, o autor. 1960)
Na sebe que rodeaba a casa e a horta da mina avoa estaban plantadas as herbas e plantas necesarias (tradicionalmente) para a protección contra diversos males, que eran os loureiros, a oliveira, o cinamomo (herba de san Eleuterio contra a rabia) e fiúncho, e uns poucos metros máis arriba no inicio do monte había unha pouca silvarda, codeso e acevo que as veces se mesturaban nun ramo. E nun pequeno xardín no que había unhas poucas flores sobre todo de defuntos nunca faltaba a herba de san Xoán e ruda e por suposto o pirixel, ademais de romeu e as veces orégano.
Na nosa casa tamén había como en case todas o crucifixo, o rosario, e dous escapularios, ademais: un ollo de boi vidal, unha castana de indias e tamén houbo unha "pedra de ara" da mina avoa que cando era neno xa estaba perdida. (Tradición familiar, o autor. 1960)
Os aneles
Para que unha persoa puidera protexer a outra, si ti tiñas sorte e ías moito para arriba (as cousas che ían moi ben) e eu ía para atrás, entonces ti dábaseme algo de ti para min. Por exemplo un anillo. Din que para esto e ben cambiar unha cousa por outra.
Cambiar o mal polo ben
Si ti tes un mal sempre e mellor tirar o mal que cambiar as prendas. Si a tí por exemplo as cousas che van moi ben e a min me vai mal, si teno un "non vivir" e si eu vou "a cea cu, a cea cu" entón podemos cambiar as prendas, ti dásme unha prenda túa a min i eu douche unha mina a ti. Non importa o valor que tena a prenda eso é o de menos e non se mira polo valor que tena nin o que sexa o que importa e que proceda de ti que é a quen lle vai ben. Entonces desa maneira pode pasar o ben para min tamén. Pero esto de cambiar as prendas ten un problema, porque o mal que eu teno pode pasarse para ti. Así que o mellor e tirar o mal nunha encrucelada.
A maldición, o mal. Sen ollar atrás
Si tes unha maldición (as cousas che van mal) hai que tirala nunha encrucelada, colles unha prenda de roupa usada pola persoa que ten a maldición, vas as 12 da noite a unha encrucelada e chegas tiras a prenda coa man dereita por riba do brazo esquerdo para atrás e sen mirar onde cae segues o camiño para adiante e sen mirar para atrás. Porque din que a persoa que che fixo ou quixo facer mal, que te ameighou, que te cravou, te botou o mal de ollo, ou calquera outra cousa, ti o tiraches éo "mal" foise coa aquela cousa tirada. - Aquela epidemia foise coa cousa, que é como si tiveras unha epidemia. (Trad. oral veciñas de Covas) (*1)
Unha veciña de Moeche me contou que cando te botan unha meiga, para desmeigar hai que poñer encima da mesa un coitelo manchado de pan (de cortar pan), un vaso de auga e unha vela acendida. Logo hai que ir a unha iglesia tres persoas agarradas da man e non falar con ninguén en todo o camiño nin de ida nin de volta; levar nove pedras e dar nove voltas arredor da iglesia i en cada volta tirar unha pedra pola espalda para atrás sen mirar nin volver a cabeza. Ao chegar a casa hai que tirar o auga, apagar a vela e limpar e gardar o coitelo. (Trad. oral en Monfero, a Sra. Pilar R., recollido por Bea. Ferrol 2004)
Recordarei aquí este ritual tan antigo na tradición dos pobos. A persoa portadora do mal deberá de saír da casa por unha porta, recorrer o camiño de ida e volta sen volver a vista (a cabeza) atrás, nin falar con ninguén (silentium misticum). E cando se chega, entrar por outra porta distinta a que se saíu, así o mal quedou fora.
Compra dun animal na feira
Cando mina avoa María mercaba un animal na Feira do Dous en Serantes se era un porco, se traía para a casa, antes de metelo dentro do cortello e xa na soleira da porta se lle poñía a gorra usada dun home cunha moeda dentro e facíase entrar o porco de cu. Esto facíase para ter boa sorte na crianza do animal e alongar a envexa e os meigallos. Tamén cando mercaba ou vendía un animal na mesma feira nunca quería dicir o que lle custara ou por canto o vendía. Esto traía mala sorte e podía producir as envexas da vecindade. Esta costume está relacionada coas meigas éo mal de envidia. E unha costume tamén común noutros lugares de Galicia. (Tradición familiar en 1930, recollido en 1960, o autor)
Protección dos nenos contra o mal
A un neno cando era recén nacido se lle poñía na cuna unha bolsiña, unha cabeza de allo, unha castaña de indias ou unha herba de S. Xoán. O allo para espantalas meigas e a castaña para traer boa sorte e protexerse do mal de ollo.
O segundo fillo despois de morrer o primeiro e dicir si se lograba que vivira, se lle debía de poñer sempre de primer nome "Cipriano" ou so ese, para que non morrera, porque era un santo considerado avegoso e dicir que traía boa sorte.
Si un matrimonio tiña seis fillas éo sétimo era varón se lle poñía de nome Cipriano, éo revés si eran seis nenos ea sétima era nena Cipriana. (Recollido en Ferrol, Encarna. P. V. 1985)
Si un matrimonio tiña sete ou nove fillos ou fillas, (seguidos do mesmo sexo) o último saía por forza bruxo/a, ou tamén vidente, lobishome, ou lobeiro/a (Peeira dos lobos, condutor/a de lobos que os dirixe nas súas cacerías), tamén podía converterse en varios animais: cervo, can, gato, etc. por mal fado (mala sorte). (Varios autores en documentación escrita)
A vella meiga
Unha vez apareceu por Valón unha muller pedigüeña que andaba polos camiños recorrendo as casas, acercouse a pedir a unha casa dicíndolles que nunha esquina (da casa) no solo da cocina tiñan un pote enterrado cun tesouro agachado dentro e a cambio de dicirlles esto lles pideu varias cousas que lle foron dadas. Os donos da casa cavaron e cavaron ata levantar todo e non atoparon nada (O chan da cocina era de terra).
A mesma señora foi a outra casa onde vivían unha nai e unha filla, a rapaza era unha enferma algo retrasada, entón a señora ó vela díxolle que estaba ameigada e que ela lle quitaba o meigallo si facía exactamente o que lle dixera, aceptou a nai; e a vella deulles un bebedizo feito por ela que levaba cana e outras cousas mesturadas. Cando as tivo hipnotizadas (medio durmidas) pideulles unha galiña, un litro de aceite, as mellores roupas que tiñan, colchas, alfombras, un traxe, dous reloxos, e moitas outras cousas e foise con todo, Cando déronse conta de que fora un engano, saíron tras dela para intentar collela, pero ésta deixara a galiña no galiñeiro e baixou o camiño correndo colleu a lancha de Mugardos e desapareceu. (Trad. oral veciños de Valón aprox. en 1948)
Cruz e raia
Cando se atopa unha meiga polo camiño, ao chegar o primeiro cruce de camiños ou a un cruceiro, o que se debe facer e trazar no chan unha cruz e unha raia. Si é un espírito do outro mundo ou a compaña se traza un circo coa vara e se mete un dentro. (Trad. oral familiar, Valón miña avoa e veciños, 1973).
A expresión cruz e raia úsase tamén cando se quere rematar unha relación ou calquera asunto e para deter ou parar un intre a actividade que se está realizando, que non ten nada que ver co o medio de protección.
Perda de algunha cousa. O santo Cucufato
Un día estaba un veciño traballando e cando foi a coller o serrucho non o atopou, buscou e buscou e nada. Todo anoxado dixo:- xa verás como vai a aparecer. Colleu o seu pañuelo que levaba no peto e amarrouna a pata dunha silla que estaba na esquina do taller dicindo:-Santo Cucufato ata que apareza o serrucho os collós non te desato! Cal foi a mina sorpresa cando vin que pasado un pouco tempo e case sen buscalo, o serrucho apareceu no chan detrás do banco. (Un veciño do Vilar, 1980).
AS BRUXAS MITOLÓXICAS
Hai toda unha serie de descricións e clasificación deste mítico persoaxe que so as mencionarei de pasada; a Meiga Chuchona, Meiga Feiticeira, Meiga Perversa, Meiga Curandeira, Meiga Sumcordas (Sumsumcordas), Fada, e Mixta. Era considerado antigamente que a bruxa facía un pacto co demo e que este lles marcaba o corpo como sinal; así os inquisidores andaban como tolos buscando estas marcas que só existían na súa imaxinación.
Os días mais importantes do ano no que se celebraban as xuntanzas (aquelarre ou sabbat) das bruxas a coro co demo en figura de macho cabrío ou de carneiro era a noite véspera do día de S. Xoán (23 Xuño, o Solsticio) éo último día do ano día de Santa Comba e San Silvestre noite do 31 de decembro, algo despois do outro Solsticio de inverno. Son especialmente coñecidos os lugares de Areal de Coiro (unha fonte en Areas Gordas preto de Cangas), ou en Montefaro (Galicia), no areal de Sevilla, nas covas de Zugarramurdi (Navarra) , Barahona e as Güixas (Villanúa, en Huesca) e outros. Tamén adoitaban facer reunións os mércores e venres, pero nunca o domingo.
As bruxas teñen unha Mestra a quen todas obedecen é que dirixe as xuntanzas, as reparte a aos lugares onde se celebrará o aquelarre os días sinalados, e reparte os males: treboadas, pragas, as moscas, pestes, malas colleitas, enfermidades, etc. Unha delas moi coñecida en Galicia foi Comba a que logo arrepíntese e foi santa.
Comba a Bruxa
Unha vez encontrou Noso Señor a Santa Comba e preguntoulle: .Comba, onde vas?, i ela respondeu: Vou usar do meu oficio. E Xesús lle replicou: Enmeigar, enmeigarás, pero no meu reino non entrarás!
Entón ela que era moi cruel pois gustáballe moito matar nenos e vellos, botaba o mal de ollo e facía as demais picardías do oficio; arrepíntese, e facendo penitencia, non só se salvou senón que foi santa. Comba era unha bruxa, patroa (raíña) das bruxas e que en ausencia do macho cabrío era ela a que presidía o aquelarre. As veces presidía a reunión das bruxas durante a noite onde todas acudían montadas en escobas para facer a corte o macho cabrío que era un demo con tres cornos, xuntanza que remataba o amencer. Foi posteriormente cristianizada (santificada) por converterse e abrazar a nova fe.
Nota: Tomo o texto publicado en Xulio de 1895: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, Jesús Rodríguez López (1859-1917–Lugo). Publicada tamén por Murguía na Hist. de Galicia 1888. E posteriormente por Vicente Risco 1973, Etnografía: Cultura espiritual, en Hist. de Galicia de Otero Pedrallo.
O Painoso das bruxas e o Credo
As bruxas transmiten a súa sabiduría e poder as súas fillas e dicir se é bruxa por herdanza. Para converterse en bruxa non era demasiado dificultoso bastaba con coñecer e rezar este "Painoso das bruxas" e tamén dispoñían dun "credo" para manter as súas crenzas. Este Painoso era gardado moi en segredo e non era doado que fora transmitido, ademais que seguramente estaría moi prohibido e perseguido.
Pai sodes noso escollido / para vos a gloria dar,
Pai sodes noso soleante / para gloria vos a dar, (soamente)
Pai sodes noso no xardín / para gloria nos dar,
Amai vos este meu corpo / para vosa alma consolar - Amén
Credo saiba de min / en certa estou,
Creio que non son padre / na gloria en que estou.
Creio e quero crer / como elle o illudiu.
Se Antonio e un duro / Súa gloria o permitiu
Nota: Tomo a mais antiga que atopei de 1895: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, de Jesús Rodríguez López (1859-1917–Lugo). Existen outras versións con lixeiras variacións publicadas posteriormente.
AS BRUXAS E O DEMO. CONTOS POPULARES DE TRADICIÓN ORAL
O carpinteiro e as bruxas
Un carpinteiro vivía enfronte dunha casa onde había dúas mulleres e polas noites desde a ventá vía algo estrano. E tódolos días o mesmo vía que desaparecían. - !Que estarán facendo! Acercouse a mirar e veu como sacaban da alacea unha tinaxa de barro chea de ungüento e se untaban todo o corpo e dicían: -!Por riba de carballos e silveiras / Por riba de toxos e carqueixas. E desaparecían voando pola cheminea. Non resistiu a curiosidade de saber a onde ían e entrou na casa pola ventá e fixo o mesmo que elas. Saíu voando e apareceu nun prado grande e veu que había un gran demo negro castrón cun rabo longo e tres cornos, e arredor del moita xente, bruxos e bruxas medio espidas cantando e bailando en coro facendo roda. Todos facían o que o demo mandaba. Ao rematar a festa todos estaban obrigados a ir pasando dun en un a bicarlle o cu ao demo baixo o rabo. Cando lle tocou o seu turno lembrouse de que aínda levaba no peto a gubia do seu oficio agochouse coma se fora a bicalo e sen máis, espetoulla no cu. Escoitouse un forte: -Ai! E doente dixo: - Este último que pase e non me bique que está sen afeitar. (Trad. oral popular). Tipo AT 746C.
O zapateiro e as bruxas
Un zapateiro chegaba a casa canso de traballar todo o día e notaba que a casa estaba algo descoidada e que a comida non era todo o boa que el esperaba. Así que decidiu espiar a súa muller, facéndose o durmido, pero co outro ollo observaba como a súa muller ía a coller do alzadeiro unha cunca e se untaba o corpo e logo dicía estas palabras: -Bendígote meu home / coas cachas do meu cu / que mentres vou a Sevilla / durmas tu. -Por riba de silveiras e por baixo de carquexas. E saía voando pola cheminea.
Anoxado e deseoso de saber a onde ía súa muller; uns días despois decidiu facer o mesmo untándose e recitando o conxuro: -Por baixo de silveiras e por riba de carquexas. Pero trabucouse e voando foi arrastrado entre as silveiras e chegou a unha casa todo esnaquizado, esbalancado e sanguinolento. Ao velo foi ben recibido, estaban todos arredor do demo castrón comendo, bebendo, cantaban e bailaban, a el que gustaba moito o vino aproveitou e bebeu todo o que puido. Xa chegando a madrugada veu que todos ían pasando a bicarlle o cu baixo o rabo ao demo; Ao ver isto exclamou: -Xesús! E desapareceron todos voando e quedando el so sen moverse da melopea que tiña. Pero nese momento chega o dono da casa e veu o pipote de vino baleiro i el ao carón; colleu a vara e doulle unha boa malleira. Así que levou dúas unha de ida e outra de volta. (Trad. oral popular)
Variante do Tipo AT 746C. Noutra versión as bruxas mesmas lle dan a malleira é o levan doente ata a súa propia cama.
O chepudo e as bruxas
Un día un pobre xorobao que andaba a pedir polas portas, ao chegar a unha casa veu polo furado da pechadura a unhas bruxas que estaban facendo un dos seus rituais e ían cantando: -Luns, martes e mércores, tres; luns, martes e mércores, tres. Ao ver que sempre repetían o mesmo, el atreveuse a dicir cantado: - xoves, venres e sábado, seis. Ao oír esto as bruxas, puxéronse moi contentas por aprender os outros tres días máis da semana, xa que levaban moito tempo intentado rematar a cantiga sen conseguilo. Polo que en compensación lle concederon un desexo éo home pediu que lle quitaran a chepa. A así o fixeron.
Aos poucos días atopouse cun amigo tamén xorobao a quen contoulle o que lle pasara; este como era cobizoso e avaro preguntoulle polo lugar onde estaba esa casa, dicíndolle ademais que lles pedira moi pouco porque podía facerse moi rico se lles pedira moitos cartos e ouro.
O amigo pretendendo facerse rico desta maneira foi en busca da casa, e efectivamente veu como as bruxas estaban cantando: -Luns, martes e mércores, tres; xoves e venres e sábado seis. -Luns, martes e mércores, tres; xoves, venres e sábado, seis.
I el respondeu: -e domingo sete! Cando esto oíron, as bruxas puxéronse moi furiosas e anoxadas porque era o día do Noso Senor inimigo do demo e prohibido para elas que non o podían nin nomear. Así que o castigaron dicíndolle: Que a chepa do outro pase para este; e así foi. O home avaro quedou con dúas chepas. (Trad. oral, un veciño de Serantes, 1980)
Conto combinado de dous: Tipo AT 746C + AT 503
Existen moitas versións e variantes deste conto universal (AT 746C), o protagonista pode ser: un ferreiro, zapateiro, carpinteiro, arrieiro, un xastre, un mendigo, un casado, un solteiro, etc.; E moitas versión son incorrectas, inacabadas, terxiversadas ou confusas, o que é lóxico cando a transmisión e oral. Antigamente eran moi contados polos veciños no rural. Escribo as tres versións con matices diferentes que eu considero máis relevantes en Galicia, para un mellor coñecemento delas, tendo en conta que son de tradición oral e non da escrita.
Este conto foi recollido en Galicia desde antigo por Juan Antonio Saco e Arce: Literatura popular de Galicia (1835-1881), e citado en 1895: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares por Jesús Rodríguez López (1859-1917, Lugo), e posteriormente tamén por varios etnógrafos galegos: Vicente Risco, Taboada Chivite, etc.
O animal descoñecido. Vender o alma ao diaño. O trato. O demo ea muller
Unha muller estaba preocupada pola grave enfermidade de un fillo, era tanta a desesperación que fixo un trato co diaño pedíndolle que o sanara, o demo acetóu a condición de que no prazo de trinta anos ela entregaríalle a súa alma. Pasado moito tempo a muller esquecerase de todo, pero unha noite, o diaño se presentou e avisouna de que no prazo de unha semana remataba o tempo e que volvería para cumprir o tratado. Desesperada a muller xa non sabía que facer e contoullo todo a seu home, entón él díxolle: -Moi ben non te preocupes de nada e fai sómente o que eu che diga. Ao chegar as doce da noite do día sinalado o home díxolle a súa muller que se espira, se puxera de cara a parede no recuncho da corte, abrira as pernas soltase o pelo e se agachara dobrándose pola cintura e puxera as mans no chan. Ao pouco tempo presentase o demo petando na porta dicindo que vina a buscar o que era seu, ao que o home respondeu: -Teno un bicho na casa que si o coñeces voume contigo; o demo pareceulle ben con tal de levar un alma. O demo entrou na corte e empezou a mirar dando voltas e voltas derredor, pero non sabía que dicir:
-Home non é que vai a catro patas, besta (cabalo) non é que ten a boca na traseira, éo rabo pa diante; can tampouco que ten os collós no peito. O que levo andado e visto neste mundo e nunca na mina vida vin un animal coma este! E así foi como o home salvou a súa muller dunha morte segura. Por eso as veces hai quen di: -Un home é un home e unha muller e un bicho.
(Trad. oral familiar. No- lo contou noso veciño D. José Calvo a meu tío Ramón ea min. En Valón, 1965). (Tipo ATU 1091. Motivo: Animal descoñecido para o demo).
Este conto universal (ATU 1091) famoso e coñecido da que existen múltiples versións en Europa e América. Foi moi estudiado polos folcloristas. Aparece por primeira vez escrito en francés na obra Gargantua e Pantagruel de François Rabelais en 1532-1553 século XVI, e xa choveu moito desde entón. Temos a honra de ter na nosa terra este pequeno tesouro da literatura oral universal unha versión propia tradicional como tamén de moitos outros contos.
O trato co demo
Un home estaba apurado pola pobreza e ruín miseria na que se atopaba, queixándose continuamente. Un día apareceuse o demo e díxolle que el o podía axudar a cambio so da súa alma cando chegara o momento de morrer, este aceptou. A así a súa vida cambiou para mellor radicalmente. Pasado o tempo apareceulle o demo e dixo: –boeno se acabou veno a buscar mina alma, el dixo: -está ben pero antes vou mandarte unha cousa a ver si a podes facer e senón quedo libre. O demo que é moi orgulloso e lle gustan os desafíos, aceptou. –Eu son omnipotente o podo facer todo. –Vale. Botou un peido e díxolle: -Píntamo da cores. E como non o puido facer o home librouse de ir o inferno. (Un veciño do Vilar, 1980). (AT 1176)
A Ponte do Demo. A ponte de Pontedeume
Minla, era filla dos condes de Andrade, e se namorou de Ledán, mozo da aldea veciña do outro lado do río de condición humilde, como os seus amores non eran ben vistos pola súa familia pola diferente clase social tíñanse que ver a escondidas. Algunhas noites Ledán cruzaba o río en barca para encontrarse coa súa namorada. Pero unha noite levantouse inesperadamente unha gran treboada de choiva e forte vento e volcou a barca, éo mozo morreu afogado. Minla que o esperaba ao outro lado da ribeira o veu pero non puido facer nada por salvalo. Desesperada a rapaza so quería acercarse para poder ver e abrazar seu corpo e despedirse por última vez; pero esto era imposible dadas as malas condicións na que estaban as augas. Neste momento de desesperación se lle apareceu o demo prometéndolle que lle axudaba a cruzar o río levantando unha ponte se despois lle entregaba a súa alma. A rapaza aceptou o trato pero ponéndolle unha condición que a ponte tina que estar rematada antes do amencer do novo día. Así Minla puido cruzar o río para estar xunto ao seu mozo Ledán. O demo púxose a construír a ponte axina e moi fortemente xa que os ruídos oíanse desde lonxe durante toda a noite, pero cando lle faltaba a última pedra do último arco por poner, cantou o galo que estaba no pazo dos Andrade, e coma non puido rematar a obra antes de que acabara a noite a moza salvou a súa alma. E por eso lle chaman a Ponte do Demo, que pasado o tempo converteuse en Pontedeume. A moza era a filla de Fernán Pérez o Boo. (Trad. oral, popular en toda a bisbarra).
A Ponte do Demo, ATU 810A. Variante do conto tipo 810A* The Priest and the Devil, da obra de Hans Jörg Uther The Types of International Folktales. A Classification and Bibliography. Este conto universal de construción polo demo de monumentos antigos e súper coñecido en tódalas nacións e ten moitísimo variantes. Ao estar clasificado no catálogo internacional e garantía de estar moi ben estudiado polos mellores especialistas do mundo. Foi mencionado por Xesús Taboada Chivite: Etnografía Galega, Ed. 1972. E tamén no Estudio, Carta prologo de D. Juan Fernández Latorre. Edición de 1973 AkAL; para a publicación de Brujos y astrólogos de la Inquisición en Galicia de Bernardo Barreiro. Tamén o publicou E. Chao Espina: Tierra de Leyendas, V Ed. 1945 Colección de Autores de la Asociación de la Prensa de La Coruña (APC). Posteriormente foi moi reproducido con diversas variacións pero sempre sen a súa denominación científica como é a norma correcta en tódolos estudios etnográficos e de folklore, o mesmo caso que a lenda do lago de Doniños, ATU 750C God punishes a bad woman - Deus castiga a unha muller mala) da catalogación internacional de contos de Aarne-Thompson-Uther. E outras moitas na nosa bisbarra.
Cando era neno escoitaba aos maiores da familia e veciños dicir, que había xente entendida en cousas de bruxería e persoas que eran videntes (ver o que vai a pasar, e ver os enterros antes de que sucedan), tamén compostores, menciñeiros, e carteiras que sabían ler o futuro. Se falaba moito de que había que saber certas oracións ou rituais que seguramente eran secretos ou estaban prohibidos. Tamén se falaba de quen tiña un libro que poñía todo eso das cousas ocultas de bruxerías, do demo, de formulas de cousas máxicas. Con toda seguridade falaban do Ciprianillo ou Gran Libro de San Cipriano (S. Cibrán)
- Dispono de catro versións algo diferentes deste famoso libro de entre varias que existen.- Nos anos trinta (1930), aínda había en Galicia xente que se acordaba da famosa oración esconxuro que foi moi popular: As Palabras Retorneadas de San Xoán de protección contra todo mal. Por se alguén vai de noite por algún camiño e vese atacado por algún espírito do outro mundo, demos, bruxas, meigas, feiticeiros ou calquera tipo de mal, lles deixo a oración, conxuro infalible, que proporciona total protección. Pero ollo, hai que dicilo de memoria e sen trabucarse ren. O espírito ou o demo é o que pregunta.
As palabras Retorneadas de San Xoán
¿Sabes as palabras retorneadas de San Xoán.? -Eu chas direi que ben as sei
Meu amigo dime a unha / Amigo teu non, servo de Deus si.
A unha é o Sol mais claro que a Lúa .
Meu amigo dime as dúas / Amigo teu non, servo de Deus si.
As dúas, As dúas táboas de Moisés;/ onde cristo vai e ven /a casa santa de Xerusalén.
O Sol mais claro que a Lúa.
Meu amigo dime as tres. / Amigo teu non, servo de Deus si.
As tres, os tres Patriarcas. /
As dúas táboas de Moisés;/ onde cristo vai e ven /a casa santa de Xerusalén.
O Sol mais claro que a Lúa.
Meu amigo dime as catro. / Amigo teu non, servo de Deus si.
As catro, os catro Evanxelistas.
Os tres Patriarcas.
As dúas táboas de Moisés;/ onde cristo vai e ven /a casa santa de Xerusalén.
O Sol mais claro que a Lúa .
Meu amigo dime as cinco / Amigo teu non, servo de Deus si.
As cinco chagas.
Os catro Evanxelistas.
Os tres Patriarcas.
As dúas táboas de Moisés;/ onde cristo vai e ven /a casa santa de Xerusalén.
O Sol mais claro que a Lúa .
Meu amigo dime as seis / Amigo teu non, servo de Deus si.
As seis, seis cirios.
(Se repiten as frases retornando de atrás adiante)
Meu amigo dime as sete / Amigo teu non, servo de Deus si.
As sete, sete lámpadas
Meu amigo dime as oito / Amigo teu non, servo de Deus si.
As oito, oito portas do Paraíso.
Meu amigo dime as nove / Amigo teu non, servo de Deus si.
As nove, nove croas de anxos
Meu amigo dime as dez / Amigo teu non, servo de Deus si.
As dez, os dez mandamentos.
Meu amigo dime as once / Amigo teu non, servo de Deus si.
As once, as once mil virxes
Meu amigo dime as doce / Amigo teu non, servo de Deus si.
As doce, os doce apóstolos.
Meu amigo dime as trece / Amigo teu non, servo de Deus si.
As trece, trece raínas de sol; / para que rebente o demo maior,
e os que andan ao redor. Domine amén.
Tecnicamente falando é un conto popular universal; conto formula, ATU 2010, ten moitas variantes en tódolos idiomas. Os estudios sitúan a orixe en Oriente. Foi moi estudiado por antropólogos, etnógrafos e especialistas de outras disciplinas. En Galicia o estudio o realizou Fermín Bouza Brey.
CRENZAS POPULARES
As sociedades de tódolos pobos teñen as súas crenzas froito dunha antiga concepción sobrenatural da vida e dunha intervención máxica ou máxico-relixiosa. Son moi diversos os rituais de protección persoal, da casa, da comunidade, os cultivos, animais domésticos e de propiciar e preservar a fecundidade. Moitos son os obxetos de uso cotidiá utilizados como amuletos de protección pola súa simboloxía, están ben documentados na historia antiga, pero non está demais rexistrar as nosas crenzas por escrito tomadas da tradición oral.
RITUAIS DE PROTECIÓN. AMULETOS
Costumes de protección recollidas na nosa tradición:
Entrelazar os dedos cruzándoos ou formando unha cruz para alongar o mal.
Facer a sinal da cruz. Poñelos dedos en cruz e bicalos. Facer a figa. Poñer coa man os cornos, protexe dun mal e de bruxerías (úsase tamén como aldraxe ou insulto). Levantar o polgar. Levantar o dedo medio (do corazón). Levantar o puno. Pecha-lo puno golpeando o brazo. Dar a bendición.
Usar conxuros, pregarias, oracións e auga bendita. Persignarse ao saír da casa sobre todo cando se sae a un lugar lonxe. Saír co pe dereito da casa. Facerlle unha cruz ao pan que se vai a cocer. Bicar o pan antes de tiralo. Non se debe cuspir no lume. No se debe botar cascas de ovos no lume. Levar un alfiler prendido da boa sorte.
Poñer debaixo da cama dun enfermo un prato con sal, alonga o mal éo protexe contra outras enfermidades. Deixar as tesoiras abertas sobre a mesa, baixo o colchón ou almofada, protexe contra as bruxas.
Para protexerse e sobre todo ao recen nacido contra o mal de ollo, se utilizan diversos amuletos: Colgar medallas da Virxe ou santos, escapularios, evanxeos, estampas, cruces, crucifixos, a Cruz de Caravaca. Amarrar lazos vermellos sen apretar as monecas ou na cuna, vestir o neno coa la roupa do revés. Se garda o cordón umbilical do recen nacido que o protexerá de todo tipo de males o resto da súa vida. Cando se ve pasar unha bruxa cruzar os dedos e santiguarse ou hai que asubiarlle ou cuspir para quedar protexido.
Son de uso común os seguintes amuletos protectores: ferraduras, cruces diversos tipos, medallas, rosarios, patenas, relicarios, escapularios, evanxeos, regras de San Benito, papeis de San Francisco, imaxes da Virxe, dos santos, Corazón de Xesús, campanillas, dixes, figas de azabache, abelorios de coral, castañas de indias, cristais de rocha (cuarzo), ollo de Boi Vidal, zapatiños da Virxe (Haliotis), Corno de mar (caracolas de mar), escornabois (vacaloura, cervo voante), cornos, patas, pata de coello, pezonas, dentes, colmillos de varias especies de animais, unha cabeza ou restra de allos.
Pedra de ara (da igrexa), e de aras dolménicas prehistóricas, pedras de raio, da chispa ou de afiar (machadas neolíticas), etc.
Colgar nas entradas das casas ou da corte ou curral dos animais varias especies de herbas: un ramo de acevo, silbarda, loureiro, oliveira, codeso, xesta, viouteiro, ruda, fiúncho. Ramo de herba de S. Xoán (dedaleira/seoane, herba da Nosa Señora, matricaria, cardo, hipérico,) ou o ramo de Nadal (acevo ou silbarda). Colgar un corno de carneiro, cabra, castrón ou de toro ou boi nas paredes das entradas.
Diferentes tipos de pedras minerais: pedra de imán (magnetita), cuarzo cristalino, pedernal azabache, coral, ámbar, lapislázuli, etc. E de metais, ferro, cobre, bronce, prata e ouro. Diferentes tipos de moedas. Tirar unha ou tres moedas nun pozo ou fonte atrae a boa sorte ou para ter boa fortuna. Ter gardada ou levar no peto unha moeda de cobre antiga.
Cando se inaugura a construción dunha nova casa ponse na parede da mesma un ramo de loureiro para ter boa fortuna a seus habitantes. Algunhas das costumes anteriores son herdadas xa desde a romanización.
CRENZAS SUPERSTICIOSAS
Como é sabido existen centenares de crenzas e supersticións populares éo tema daría para un groso tratado polo que so vou a enumerar algunhas das máis usadas recollidas da tradición na nosa bisbarra. As supersticións so provocan preocupación e non son ningunha vantaxe ni solucionan ren. Algunhas das crenzas que figuran aquí observo que están caendo en desuso.
Superstición.- (Do lat. superstitĭo, -ōnis). Crenza estraña á fe relixiosa e contraria a razón. Fe desmedida ou valoración excesiva respecto de algo.
Crenzas e supersticións tradicionais recollidas:
De noite non se pode varrer para fora porque se bota a sorte fora. Si é por defuntos tampouco porque se botan as almas fora que se veñen a quentar a lareira. Si se botan as ánimas fora despois pódense vingar traendo algún mal a casa. Non se pode prestar sal a ninguén porque trae mala sorte e para que non ocorra unha traxedia na casa.
Non se poden coller os primeiros froitos dunha arbore porque se asana. (o espírito da arbore non daría froito). Cando unha arbore non da froita dáselle unhas fortes vareadas (unha tunda) para que frite o ano seguinte. Atopar un trevo de catro follas trae boa sorte. Non se debe deixar denoite a pota do leite sen tapar, xa que pode vir o trasno ou as bruxas a lavarse o cu nela.
Varrer os pes a alguén, se lle quita a fortuna, si é muller solteira ou viuda non se casará.
As preñadas, as envidiosas ou celosas, os tortos, os birollos, as mulleres
vellas e en xeral calquera persoa que mire mal pode causar mal de ollo aínda
sen querelo.
O pelo da muller que ao peitarse cae na auga, charca, fonte ou río pode transformarse en serpe.
Si se corta o pelo en crecente (luar) medrará máis e máis forte. A muller de regra non pode comer raia. A muller preñada non pode comer moras, percebes, linguado ou raia, porque lle sairán manchas o neno. A muller preñada non pode comer coello ou lebre porque o neno pode nacer co labio fachado (leporino). A muller preñada pode botar mal de ollo sen querer polo que non debe ir a bautizos. E moi coñecido que as mulleres preñadas ou de regra cortan o leite a manteiga, a maonesa, o vino a carne na matanza, os chourizos; non deben tocar arbores ou plantas porque as secan si é unha arbore nova non dará froita. Ao cruzarse cunha preñada hai que cruzar os dedos porque pode botar mal de ollo
Cando cae ao chan unha tesoira de punta se di que vai haber visita, se vai a ter un desgusto, ou trae mal agoiro. Se pon debaixo da almofada sal, un coitelo ou unha tesoira aberta. Usase para facilitar o parto nas preñadas e tamén para cortar a gripe e os catarros. Non se debe deixar a tesoira nin un coitelo de noite a vista enriba da mesa. Pincharse cunha agulla no é bo agoiro ou alguén está falando mal de ti. Perder o anel é mal agoiro para a parella. Perder un botón bo agoiro. Abrocharse fora do seu ollal boa ou mala sorte.
Cando se oe a campá da igrexa como si chorase e que alguén vai morrer. Si un cadro na parede está torcido e mal agoiro. Si se salta por riba dun neno non medra máis. Si pasa o neno por debaixo dunha persoa máis maior tampouco. Si o neno pasa por debaixo da mesa ou por debaixo dun pau collido entre dúas persoas, tampouco medrará. Si salta un neno a ventá de dentro para fora non medra máis, para desfacelo hai que volver a saltar ao revés. Si se lle da a un neno na cabeza co rabo da escoba non medrará.
Romper un espello trae mal agoiro ou sete anos de mala sorte. Derramar o sal trae mal agoiro. Si se derrama para contrarestar hai que coller un pouco desa sal e tirala cara atrás por riba do ombro esquerdo. Que se verta o vino trae alegría e boa sorte (antigamente mala sorte). Derramarse o viño é bo sinal, pero non o sal. Si se rompe un prato trae boa sorte. Si a galiña canta como o galo e mal agoiro. Cando anda arredor da casa ou canta unha pega, unha curuxa ou un corvo pode traer mala sorte ou anunciar unha desgraza. Cruzarse cun gato negro trae mala sorte. As arañas negras e grandes traen mal agoiro. Matar un gato trae mala sorte. Matar unha andoriña trae mala sorte. Matar un Paporroibo (Colorao) trae mala sorte. Matar un sanantonio (bolboreta, avelaíña) trae mala sorte. Quen mate unha avelaíña, morrerá moi axina. Si unha bolboreta voa arredor dunha persoa augura boas novas si é branca, e malas si é negra. Matar unha Xoaniña (Mariquita) trae mala sorte.
As abellas non se deben matar. O que mata unha abella ten sete anos de pena.
As bruxas e meigas se transforman en abellóns. O que mata un abellón, ten cen días de perdón. os grilos non se deben matar poden ser animas.
Si se ve unha cobra (serpe) ou se oe dicir a palabra "celebra" hai que dicir: -lagarto, lagarto / sea! Si te mexa un sapo ou unha píntega (salamandra) te podes quedar cego. O sapo e a píntega son gafes e traen mal agoiro. Si che pica un alacrán, busca cura e sacristán. Si che pica unha culebra, pronto estarás baixo terra. A denuciña (comadreja) pode botar mal de ollo i é moi perigosa. O Cabalo do Demo (mosquito grande) anuncia mal agoiro.
Non se debe un de bañar no mar antes de bendicir o auga por Corpus Cristi. Pasar por debaixo dunha escaleira trae mala sorte. Cruzarse no camiño con tres curas trae mala sorte. Empezar o día co pe esquerdo trae mala sorte. Non se debe regalar un pañuelo nin unha navalla.
Atoparse cun xorobao e tocarlle na xoroba (chepa) trae boa sorte. Pola maná se debe saír co pe dereito. Levantarse co pe dereito trae boa sorte. Poñerse a roupa ao revés sen darse conta trae boa sorte, se recibirá un regalo ou terá unha sorpresa. Apagar todas as velas dun soprido trae boa sorte. Atopar unha ferradura trae boa sorte. Atopar un trevo de catro follas trae boa sorte. Si se atopa unha pestana caída trae boa sorte. Atopar unha moeda no chan trae boa sorte. Ver un número capicúa trae boa sorte. Romper un ovo que tena dúas xemas trae boa sorte. Pisar merda de can trae boa sorte. Poñer un sombreiro enriba da cama e de mal agoiro. Acender tres pitillos coa mesma cerilla trae mala sorte. Si se tira unha cerilla acendida ao chan e non se apaga trae mala sorte.
O día da voda, débese levar algo prestado, algo novo, algo azul e algo vello para ter boa fortuna. Non se deben pisar as tumbas do cemiterio. Non se debe abrir un paraugas dentro da casa ou baixo teito, trae mal agoiro. Non se debe sinalar a lúa porque saen sabañóns.
Non se debe tocar o sangue dunha verruga porque sairán máis. Ao bostezar ou estornudar se debe tapar a boca coa man (por porta aberta, o demo entra). Tocar madeira cando se escoita unha expresión negativa ou acción perigosa.
En martes nin te cases nin te cases nin te embarques. En trece e martes ni te cases ni te embarques. Non se deben cortar as uñas nos días que teñen "R" . Martes e 13 e día de mal agoiro. Sentarse na mesa a comer 13 persoas trae mala sorte. O 13 e mal número.
Ditos populares sobre bruxas e demos recollidos da tradición oral
Sapos, bruxas e meigas, fora das miñas veiras! / veigas/leiras/
Sapos e ratos, bruxas e meigas, fora das miñas veigas
Case ninguén di crer nas bruxas pero... -!Habelas hainas!
San Silvestre meigas fora. San Silvestre que hoxe e martes. Vaite demo negro, vaite bruxa.
Cando chove e fai sol anda o demo por Ferrol. Santa Comba e san Silvestre nos libre de mala sombra. Santa Comba é a avogada dos desarreglos femininos. A auga todo o lava, agás a mala fada.
Máis sabe o demo por vello que por diaño. Arrenégote demo. Máis val demo coñecido que outro por coñecer. O demo sempre busca que facer. Onde o demo deixou a chaqueta.
Cando o demo non ten que facer co rabo espanta as moscas. Cando o demo non ten que facer co carallo fai calceta. O demo sempre ten sorte. O demo nunca durme. O demo sempre leva o seu. O demo sempre leva a súa parte. Non é o demo tan feo como o pintan. Pasou como alma que leva o diaño. Ao demo ea muller, nunca lles falta que facer. O demo ea muller sempre teñen en que se entreter. O home e lume a muller estopa, ven o demo e sopra. O home que non fuma nin bebe vino, o demo o leva por outro camiño. A fariña do demo toda se volve salvado. Quen toma e non dá o demo o levará. O demo farto de carne se meteu a frade. O rosario na man e o demo na faldriqueira. Cando a pedra sae da man e o demo quen a guía. As armas o demo as carga. A quen Deus non lle da fillos, o demo dálle sobriños.
Quen milagres busca, co demo se atopa. Onde o demo non pode metela man, mete a punta do rabo. Vai como alma que leva o demo.
Algúns ditos populares en portugués que compartimos os galegos:
-Eu nao acredito em bruxas, mas que elas existem, existem.
A chover e a fazer sol, e as bruxas no farol a comer pao mole.
De noite, a candeia, a bruxa parece donzela.
Uma vez uma bruxa, sempre bruxa. Toda mulher tem um pouco de anjo e um pouco de bruxa.
No Dia das Bruxas, as mulheres feias evitam varrer a casa, a fim de nao despertar suspeitas.
No Morro do Céu, na praia do Caiacanga existe uma lenda que nao se pode passar por ali a meia noite nas noites de lua cheia, pois ali é uma lugar de reuniao de bruxas.
Uma bruxa nunca consegue ser perfeita num disfarce de princesa.
O casamento é um feitiço que transforma príncipes em sapos e princesas em bruxas.
Coruja, urubus e morcegos pousados no telhado trazem mal agouro.
Passar o pé por cima de uma sepultura da azar.
Apontar pras estrelas, da verruga no dedo.
Algunhas das crenzas anteriores foron mencionadas de pasada por Nicolás Fort Roldán nos anuarios ferroláns en 1900, o que acredita o seu gran arraigo popular ea súa permanencia temporal, todas moi vixentes nos anos 50 (1950) e outras aínda actualmente. Tamén D. Gonzalo Torrente B. estimado escritor ferrolán nomeou de pasada algunhas das nosas costumes na súa obra: Dafne y ensueños.
BIBLIOGRAFIA CONSULTADA
Nota1: (*1) Tradición oral recollida en Covas por Juan López Hermida entre os anos 2002 e 2007.
Nota2: Tradición oral recollida nas parroquias do antigo Concello de Serantes entre os anos 1970 e 2014 polo autor deste texto. Fotografía e debuxo do autor.
Literatura popular de Galicia (1835-1881). Juan Antonio Saco y Arce.
Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Jesús Rodríguez López (1859-1917,Lugo).
Brujos y astrologos de la Inquisición en Galica. Bernardo Barreiro. Ed. 1973
Etnografía y Folklore de Galicia. F. Bouza Brey. Ed. 1982
Etnografía Galega. Cultura espritual. X. Taboada Chivite. Ed.1972
La Galicia insólita, las tradiciones gallegas. Antonio Fraguas y Fraguas, Ed. 1973
Etnografía de Galicia. Vicente Risco, en Historia de Galicia de Ramón Otero Pedrallo.
Biblioteca dixital varios autores.
Xabier Monteiro Graña