As pontes de Días

12/06/2010, Paulino Gasalla

Desde o século XVIII existía en Esmelle, en Chá dá Mariña, no Lugar do Cruceiro, un cruceiro de granito, de características pouco coñecidas, case seguro encostado a un muro.

En 1936 o cruceiro foi derrubado, segundo parece por veciños de ideoloxía de esquerdas, aínda que para evitar represalias, díxose que o fixo un veciño coas facultades mentais diminuídas. A versión oficial, apoiada polo cura párroco, dicía que o veciño, molesto por entender que o cruceiro se atopába en terreos da súa propiedade, colocou as vacas no xugo, amarrou unha corda á cruz do cruceiro, e derrubouno.

 

 

Foto 1. Pedras do antigo cruceiro de Esmelle, e que formaron as pontes de Días

 

 

En 1937, e pola achega de 137 veciños de toda a parroquia, levantouse outro cruceiro, que é o que existe actualmente, nun lugar próximo á localización do anterior. Foi construído en pedra de Moeche.

As pedras do antigo cruceiro, foron trasladadas nun carro, por un veciño apelidado Díaz, ao lugar do Soído, unha zona especialmente húmida, e por onde era o paso difícil, sobre todo no inverno. Con elas fixo dúas pequenas pontes, que permitisen o paso de persoas e carros, polo camiño que unía O Barreiro con Tralocastro.

Estas pontes foron coñecidas desde entón como “As Pontes de Días!, utilizando a fonética típica da zona de Cabo Prior, que se caracteriza polo séu belísimo seseo implosivo, por desgraza cada día máis en desuso. (Hoxe en día, só os máis vellos, utilizamos na nosa linguaxe habitual palabras como: des, rapas, ves, lus, Días, etc.).

As pontes estiveron aí durante estes últimos 72 anos, vendo pasar persoas, carros e dende o asfaltado do camiño, toda clase de vehículos, incluídos entre eles os do Rally Ferrol, que acabaron deteriorándoas, unha delas de xeito preocupante.

Este ano por parte do Concello, e co obxecto de resolver os danos causados no camiño polo paso do rally, procedeuse a cubrilo cunha capa de conglomerado asfáltico, e por seguridade, procedeuse a substituír o material das pontes. As pedras foron trasladadas fronte ao local social, onde aínda se póden contemplar parte delas. Con outras procedeuse a facer outro cruceiro no lavadoiro de Aneiros, cunha estética que deixamos ao libre xuízo de cada persoa que o contemple.

 

<< Volver