Árbores e arbustos na antiga Terra de Serantes (parte II). Uso tradicional e sabedoría popular. Etnobotánica

06/04/2024, Xabier Monteiro Graña

​​​

Árbores e arbustos na antiga Terra de Serantes (parte II). Uso tradicional e sabedoría popular etnobotánica

Xabier Monteiro Graña

 

Segunda parte do artigo publicada a súa continuación nos números:
(Parte I) - Revista Columba Nº 20 do ano 2021
(Parte III) - Revista Columba Nº 23 do ano 2024

 

 

Figueira

Na horta da casa tiñamos dúas figueiras unha de figos e outra de brevas de cor morado (Figueira negra) e noso veciño (Polo) tiña outra distinta de figos migueliños que son máis pequenos.

Os figos cando están verdes botan un leite branco (látex) que se usaba para curar as verrugas, callos e as durezas. Hai que botalo na verruga durante varios días seguidos ata que se sequen, e tamén vale para callar o leite para facer queixo.

Os figos son bos para o estrinximento e hai que tomar tres ou catro pola mañá. As follas de figueira son boas para envolver os alimentos, froitas, verduras, carne, pescado e queixo. Para cociñar a carne ou pescado na parrilla ou no forno. Cando se poñían as mazás e peras a madurar no palleiro se envolvían en follas de figueira para que se conservaran mellor e non lle entraran os bichos.

A figueira é moi falsa e tes que ter moito coidado si te sobes a ela porque a pola che pode romper moi fácil. Un día de verán estabamos dentro da casa, non facía ningún vento e oímos un tremendo ruído —!boom!—, saímos a fora a ver que pasaba e vimos a figueira tirada no chan; a figueira xa era moi vella pero non lle vimos sinal ningunha de que ameazara con caer; foi de repente.

Non e bo durmir debaixo dunha figueira nin quedarse durmido preto dela; a figueira ten mala sombra e podes coller un aire (mal de aire). As plantas debaixo da figueira non medran ben. Si fai tronada (treboada) non é bo abrigarse debaixo dunha figueira. Non hai peor sombra que a da figueira.

Antes se dicía que si unha muller está de regra e se sube a unha figueira para coller figos, a figueira secará.

A madeira é moi mala; non vale para nada, rompe moi fácil e podre pronto; non é resistente e tampouco fai boa leña. As polas son falsas e hai que ter coidado cando se anda nelas porque poden romper. - A sombra da figueira fai mal a calquera. (*1)

 

Árbore de folla caduca que pode alcanzar ata 8 m de altura, de copa grande e redondeada, flores pequenas pouco vistosas, florece na primavera. Froito en sicono (figo) que en realidade é unha inflorescencia e madura en verán. Especie pouco lonxeva 30-100 anos. De crecemento rápido, resiste ben o calor e a seca pero non as baixas temperaturas. Se asilvestra con rapidez. Orixinaria de Asia suroccidental. A utilidade principal é a produción dos froitos que se comen crus, confitados, secos ou procesados de varias maneiras como o "pan de figo" e en menor grao como árbore ornamental e para protección en aliñacións pegadas as paredes. Existen aprox. 800 variedades no mundo, das que unhas 300 se cultivan para consumo, unha ducia delas na Península.

Actualmente é una especie de gran valor para a loita contra o cambio climático e a desertización, xa que soporta moi ben a seca e proporciona boa sombra; a caída das follas no chan mellora o solo e fai que prosperen outras especies. Se cre que pode ser a árbore froiteiro máis antiga cultivada (domesticada) polo home, xa que se atoparon froitos fosilizados en poboados neolíticos do Val do Xordán de fai preto de 10.000 años. A figueira está ben documentada en textos desde a máis remota antigüidade; é considerada sagrada en varias culturas e tamén demonizada.

Ten unha extensa historia, mitolóxica e relixiosa nas culturas antigas da India, China, Exipto, Grecia, Roma, etc. É portadora de moitas supersticións, crenzas, ditos e lendas. Era crenza popular que nela habita o demo e as almas en pena.

A medicina popular usou desde tempos arcaicos as follas, cortiza, raíz, látex e figos para moitos males. As follas como envoltorio de alimentos e para cociñalos (forno, parrilla) proporcionando certo aroma afroitado. Os froitos son de gran riqueza nutritiva. A farmacéutica menciona algunhas propiedades: azucres, fibra, ácidos orgánicos, ferro, magnesio, calcio, vitaminas A, B1, B2, PP e C, e outras. Se citan ademais os seguintes usos: amigdalite, antiséptico, carminativo, catártico; dispepsia, enterocolite, eupéptico, contra a febre tifoidea e paratifoidea. E tonificante, recomendable para nenos, convalecentes, anciáns, deportistas e embarazadas.

Un paxaro (migratorio) moi fermoso e popular na nosa localidade relacionado cos figos e cereixas é o Papafigo, vichelocrego, ou Oriolo, difícil de ver porque escolle as polas mais altas; é de canto afrautado (Oriolus oriolus/Oropendola europea).

 

Ditos populares: Estar na figueira - Non caerá esa breva - É mellor pan duro que figo maduro - Somos amigos no tempo dos figos - Santo de pau de figueira, / figos de ti comín, / pero os milagres que ti fagas /que mos colguen a min. - Setembro das uvas, figos, castañas e mel - Por S. Miguel os figos saben a mel - No día de san Miguel, uvas e figos por onde os houber - Cando hai uvas e figos amaña teus vestidos.

Nl.=Ficus carica L. Ng.= Figueira. Nc.=Higuera.

 

Filseira. Ligustro

Por aquí a Filseira (Ligustro/Aligustre) se conoce máis ben polo nome de "Arbusto"; hai quen lle chama Silveira e Mirto, pero o Mirto é outra planta distinta. Me teñen dito que antigamente o zume das súas boliñas llas botaban os tendeiros ao viño tinto para darlle máis cor cando o mesturaban coa auga para aumentalo fraudulentamente. É un dos arbustos que máis se usa por aquí como sebe para pechar as hortas e fincas, porque é resistente a aguanta ben a poda e a seca. As follas e flores cocidas se usaban para os males da gorxa e en enxagües para as chagas na boca. As flores lles gustan moito as abellas (Planta melífera). As boliñas son venenosas e non se deben comer, se avisaba moito aos nenos. Tamén se usaba para facer as varas e varios xoguetes tradicionais para os nenos: arados, carros, hórreos, crebanoces, tiratacos, muíños, chifres coas follas, etc. (*1)

Fig. 1. Filseira (Ligustro) naturalizada en Covas (A Pedreira)
Fig. 1. Filseira (Ligustro) naturalizada en Covas (A Pedreira)

 

Arbusto de folla perenne que pode chegar ata 10 m de altura, de crecemento rápido, medra en todo tipo de solos, soporta o frío, a seca, a contaminación e a poda. Flores branco amarelas e aromáticas. Froito en baia oblonga (boliña pequena) negro-azulada que madura entre setembro e outubro permanecendo na planta ata o inverno. Orixinaria de China e Xapón e cultivada polo seu valor ornamental e para sebe. Especie pouco lonxeva.

 

Uso tradicional. - A madeira é dura, flexible, resistente, boa para traballos de tornería. As follas teñen propiedades astrínxentes, usándose contra as diarreas. Os froitos son tóxicos, deles se extrae un colorante negro que se emprega en sombreiría, guantería, e para tinxir o pelo e fabricar tinta. É abundante en tódalas parroquias, usado principalmente como sebe pechando as hortas e leiras. Hai persoas que coñece a Filseira polo nome de Mirto/a que non é apropiado xa que é outra especie distinta (Myrtus comunis, Mirto ou Arrayán). Hai outra especie de Filseira que se cultiva nos xardíns públicos como ornamental de porte e folla máis grande a Filseira (Aligustre) de California.

Nl.= Ligustrum vulgare. Ng.=Filseira, Alfaneiro, Ligustro, Fiafeira, Mirta. Nc.= Aligustre, Alheña.

 

Freixo

Antes había freixos polo Valán, agora apenas queda ningún. E unha madeira clara, boa, flexible e moi apreciada polos carpinteiros. Por onde había moitos freixos era por arriba de Neda.

Para o estrinximento se fai unha infusión de follas de freixo dúas veces o día. Tamén é boa para a vexiga, retención de urina, dor de barriga e pedras de ril. O freixo e bo para espantar as cobras porque baixo a sombra e as follas (o cheiro) onde está non poden vivir. Se di que si se meten cobras nun circo (circulo) rodeado de follas de freixo e na entrada se planta lume as cobras prefiren saír cruzando o lume que por onde están as follas do freixo. Tamén se dicía que as follas de freixo eran boas para as mordeduras das cobras, alacráns e animais velenosos. A madeira de freixo é moi boa para facer os eixos, rodas e a carrocería dos carros do pais. (*1)

 

Árbore de folla caduca de entre 10/12 m de altura que pode alcanzar ata 20 m. De tronco dereito, cilíndrico, duro e forte e copa redondeada que produce boa sombra é unha das árbores máis fermosas de Europa. Pode ser monoico ou dioico (árbore masculino ou feminino), de lonxevidade entre 80 e 100 anos. Florece na primavera de abril a maio. Orixinario de Europa e Asia menor. Resiste pouco a seca e prefire lugares húmidos. Moi usado en xardinería (parques, vías públicas, etc.) como ornamental e de sombra. Densidade3 da madeira 660 kg/m3.

Medra en gran parte de Europa, Asia e a Península principalmente nas zonas máis húmidas, oeste (Portugal, Galicia) e norte onde habitan tres especies de freixos naturalizados Fraxinus excelsior, Fraxinus angustifolia e Fraxinus ornus.

Ten unha extensa historia, mitoloxía e relixiosidade; nas culturas antigas foi venerado en gran parte de Europa especialmente na cultura nórdica.

 

Usos medicinais. - O freixo ten varias sustancias químicas de interés. Antigamente a medicina popular lle adxudicaba moitas propiedades; se usan as follas secas, a cortiza, sementes, aceite esencial e emplastos con funcións analxésica, antiinflamatoria, diurética, depurativa, laxante (as follas), astrínxente (a cortiza), antirreumática, artrite reumatoide, artrose, antihelmíntico , enfermidades da pel, protexe o fígado, hipertensión, e outras.

É unha planta melífera; as polas novas coas follas foron utilizadas como forraxe para alimentar o gando e as leñosas como combustible de boa calidade e para a fabricación de carbón vexetal.

A madeira é de excelente calidade: forte, dura, densa, resistente, flexible, maleable é moi usada en carpintería e ebanistería e outros múltiples usos. Na Idade Media utilizábase para a fabricación de arcos e lanzas, mangos para machetas, ferramentas, rodas, carrozarías, remos, e bastóns. Actualmente ademais dos anteriores usos se utiliza en construción de armazóns, moblería de interior, chapas decorativas, solos, parqué, revestimentos, material deportivo como raquetas de tenis, paus de hóckey, bates de cricket e béisbol, esquís, e construción de instrumentos musicais como guitarras, gaita salmantina (frauta tradicional), dulzainas, silvatos, frautas, claves e castañolas.

Nl.= Fraxinus excelsior. Ng.= Freixo/a, Freixeira, Frexo, Freixe. Nc.= Fresno. Frágino, Fragino, Fleja, Frejú, etc.

 

Herbaluísa. Reina luísa

A Reina Luísa e a Ruda a había na casa dos tíos en Villaboide (1915), ule moi ben como a limón. Sirve para o mesmo que a manzanilla e se toman as follas en infusión para o estómago, a barriga, os gases e tamén é boa como relaxante para durmir. Se dicía que era mellor que a manzanilla.

A Herba Luísa a maioría dos veciños a tiñan plantada na horta porque da moi bo olor a limón; se collían as follas, as deixaban secar e logo as gardaban nun frasco de cristal ben tapado para usalas despois para dores de barriga, do estómago e de tripa; se tomaba en infusión.

O auga do cocemento das flores de Reina Luísa é boa para lavar e desinfectar a boca. En infusión é boa para curar os cólicos e para a door do estómago. (*1)

Arbusto de folla caduca que pode alcanzar ata 5 m de altura, da flores en ramilletes de cor lila claro e florece polo verán. Orixinario de Sudamérica (Perú e Chile) onde medra silvestre, é moi cultivado en Europa como ornamental, polo seu aroma a limón e como medicinal.

Se cre que a planta chegou a Cádiz procedente do Virreinato de Perú nun cargamento do botánico francés Joseph Dombey. Os botánicos españois (Real Jardín Botánico) decidieron bautizarla en 1797 co nome de Reina Luisa por a raiña María Luisa de Parma, princesa italiana que casou con Carlos IV. Como ben se comprende era moi coñecida e utilizada polos naturais de aqueles países.

 

Usos medicinais.- Se usan as follas e flores frescas ou secas que teñen propiedades dixestivas e carminativas (gases), igual que a Manzanilla. En medicina herborística está indicada para resfríados, conxestión bronquial e nasal, dor de cabeza, relaxante nervioso (insomnio, ansiedade, depresión). Ademais utilízase como condimento na cociña para aromatizar postres, doces, bebidas, salsas, etc.

Nl.= Aloysia triphylla - Aloysia citriodora. Ng.= Herba Luísa, Reina Luísa Nc.=Hierba Luísa, María Luísa, Reina Luísa, Cedrón, Cidrón, Verbena, Hierba cidrera, Cedrón del Perú.

 

Limoeiro

Había limoeiros na maioría das casas; nos o tiñamos diante da casa preto do hórreo. Os limóns se usaban moito para os catarros, a gripe, febre, indixestión e na cociña na preparación das comidas. Antes había o costume de plantar un limoeiro preto da casa porque traía boa sorte.

Cando tiñas dor de cabeza se collían dúas follas de Limoeiro e se poñían nas senes amarradas cun trapo branco ou roxo. O zume do limón se usaba para limpar os cristais e as xoias. Coa madeira do Limoeiro (limoncillo), que era amarelada, os carpinteiros nos facían aos nenos co torno uns peons moi fermosos para xogar e os que máis apreciabamos eran os de madeira de buxo, aceitillo, xúcaro e limoncillo. (*1)

 

Árbore de folla perenne que pode chegar a 5 m de altura, tronco con moitas polas e espiñas e copa redondeada. Flores (azahar) en acios brancas e violáceas recendentes, florece na primavera. Froito con polpa aceda "limón" frutifica durante todo o ano. Follas, cortiza e froitos conteñen esencias usadas en perfumería.

Especie pouco lonxeva, pode vivir de 50 a 70 anos. Orixinario de Asia e nordeste da India. Foi traído polos árabes a Península e logo se estendeu por todo o Mediterráneo, dado a bondade do clima, onde é amplamente cultivado non so polos froitos, senón tamén para beneficiar a cortiza e follas para sacar esencia usada en perfumería. É utilizado tamén en xardinería polo seu valor ornamental como árbore decorativo. Non resiste as xeadas.

 

Usos tradicionais e medicinais - Son multitude os remedios medicinais nos que participa o limón.

Se usa principalmente en alimentación. Contén moita vitamina C e outras en menor cantidade A, B e P, T, e acedo cítrico. E utilizado para a prevención da acción de virus e bacterias; aumentando as defensas, axuda a combater as infeccións respiratorias, catarro, arrefriados e gripe. E útil para o aparato dixestivo, regula e estimula a secreción gástrica e calma a acidez estomacal e a gastrite, axuda a evitar ou frear o vómito e expulsar os parásitos intestinais. Ademais tonifica os vasos sanguíneos, ten propiedades diuréticas e depurativas, e se utiliza para tratar infeccións urinarias, gota, dor reumático, colesterol e artrite. Usouse antigamente para combater o escorbuto.

O zume de limón e bebida moi refrescante e sabrosa, se utiliza e combina de diversas maneiras: refrescos, zumes, sangrías, licores, etc. Ten moito uso na cociña e repostería, para aderezar pescados, carnes, salsas, aliños, vinagretas, produtos de limpeza (quitamanchas), cosmética, etc. O consumo do zume natural pola súa acidez dana os dentes.

A madeira e dura compacta de grao fino fácil de tallar, amarela, moi apreciada en ebanistería. É utilizada para elaborar pequenos obxectos como xoguetes, pezas de xadrez, culleres, etc.

Nl.=Citrus limón (L.) Burm. fil. Ng.=Limoeiro, Limueiro, Limoneiro. Nc.=Limonero.

 

Loureiro

Unha boa parte da sebe da casa estaba formada por Loureiros, Ligustro e Buxo, eso xa o tiñan así os vellos cando eu nacera (1915). O ramo do "día de Ramos" faise cunha pola de Loureiro mesturada con poliñas de oliveira e tódolos anos se levaban a bendicir o Domingo de Ramos a igrexa de Doniños.

Para protexerse dos raios nas treboadas queimase na lareira unha pola de Loureiro, bendito o dia de ramos ou de Mimosa bendicida o dia da Candelaria. Cando éramos rapaces coas polas e follas facíamos os cantagalos (chifres) e outros xoguetes.

Na casa sempre usamos as follas de loureiro para cociñar os xurelos, os guisos, o asado de coello e a cocedura de algúns mariscos. Os percebes se cocían con loureiro, pero había veciños que dicían que non se lle podía botar porque se lle quitaba o seu gusto natural. As sardiñas en escabeche sempre se facían con follas secas de loureiro. (*1)

Queimabamos as polas do loureiro na lareira despois da matanza, cando tíñamos os chourizos a afumar. Tamén as queimabamos para quentar o forno cando cocíamos o pan. E usabamos unhas polas para varrer o forno.

A madeira de loureiro se usaba para cousas menores cando escaseaba a de carballo ou castaño, sobre todo para as vigas, puntos e tabiques do curral e o alpendre. Na nosa casa as vigas do curral e do alpendre eran de loureiro dos nosos montes. É unha madeira dura e resistente.

Cando se facía unha casa nova ou unha obra de moita reforma, ao rematar sempre se poñía unha pola de loureiro na parte alta da parede, no cume ou nunha esquina ben a vista de cara ao camiño; as veces o ramallo se levaba a bendicir a igrexa antes de poñelo.

De nenos usábamos as bagas do Loureiro como munición nos tiratacos que se facían con pau de biouteiro e a baqueta con pau de ligustro.

O día do patrón da parroquia tamén se levaba un ramo de loureiro a igrexa a bendecir e se traía para casa para protección contra todo tipo de males incluído o raio e as treboadas. (*1)

 

Árbore ou arbusto de folla perenne, dioico (macho e femia separados en distinto pe), pode medir ata 10 m de altura, ten o tronco dereito, a cortiza gris e a copa frondosa. Moi usado en xardinería como decorativo polas súas características follas verdes brillantes que permanecen na árbore. Se usa tanto como árbore illado ou formando sebe porque aguanta ben a poda o mesmo que o acibro. Moi utilizado en Europa, América do Norte e Asia Central como condimento. Ten múltiples usos (do loureiro pódese escribir un libro enteiro); en alimentación as follas secas son utilizadas en sopas, guisos, estofados, carnes, peixes, vexetais, etc. As bagas son una fonte de alimento para os paxaros que axudan a espallar as sementes.

 

Usos medicinais - A medicina herborística indica as seguintes propiedades: antiinflamatorias, osteoarticulares (reumatismo), antiespasmódicas, antiséptico, diurético (retención de líquidos), axuda a mellorar a circulación do sangue, molestias estomacais (tónico), carminativo, colagogo (expulsión da bile), reduce a hipertensión, cicatrizante en feridas, destrutor de xermes, virus e bacterias, tónico capilar, e usado en cosmética. O loureiro non é velenoso, pero consumido (as follas) en gran cantidade é narcótico.

A madeira de loureiro e branco verdosa, lixeiramente aromática e semidura, doada de traballar, foi e é usada en carpintería, construción (vigas), valados, moblería, artesanía de decoración, marquetaría e taracea.

O mesmo que outras árbores autóctonas europeas ten unha extensa historia, mitoloxía e relixiosidade nas culturas antigas mediterráneas especialmente en Grecia e Roma, foi/e utilizado como símbolo en trunfos artísticos, militares, universitarios e deportivos.

Nl.=Lauris nobilis. Ng.=Loureiro, L. romano, L. manso, L. galego, L. do país, L. de Ramos, L. bendito, Loureira. Nc.=Laurel común.

 

Maciñeira. Maceira

Na horta da casa dos meus avós (1860) xa tiñan moitas maciñeiras, que eran todas de aquí; había as de San Xoán, que eran as primeiras que maduraban, Tres En Cunca que eran verdes, moi grandes e de tarde, a Roxelia con raias, moi sabrosa, a Raiada plana que era pequena, de inverno, algo dura, con moita auga, os Peros (Repinados, Anisetes) de moito sabor doce, e a Reineta. E os veciños tiñan outras variedades como a Tabardilla (T. Parda), a Sangre de Toro, Pirucas, de Príncipe, e outras que non me acordo do nome. Tamén tiñan moita fama as mazás da Outra Banda, e as de Pontedeume, Miño e Betanzos. A madeira e dura pero non recordo que a usaran os carpinteiros. (*1)

 

Notas:

Outra Banda da Ría de Ferrol refírese ás poboacións de Fene, Perlío, Barallobre, Maniños, O Seixo, Franza e Mugardos

Peros (Repinados, Anisetes), denominados tamén "Repinaldos" existen na nosa bisbarra algunhas variedades diferentes e con nomes tamén distintos.

A mazá Raiada plana a dou por desaparecida.

 

Árbore de folla caduca pode acadar ata 9 m de altura, ca copa redondeada, aberta, de moitas polas, florece na primavera e maduran os froitos a comezos do outono. Orixinaria do Cáucaso e o Turkestán. Se cre que foi cultivada (domesticada) dende hai 15.000 anos; foi introducida en Europa polos romanos; actualmente existen unhas 1.000 variedades resultado de cruces. Se cultiva en todo o mundo polas excelentes propiedades alimenticias, saudables e sabrosas froitas, as mazás.

Galicia foi, a principios do século XX, a maior produtora de mazás do Estado, ata os anos cincuenta, pero a produción industrializada de Lleida rematou con esta hexemonía. O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo recolle máis de 350 variedades identificadas, pero a cifra real pode superar as 400. É de agradecer o esforzo que fan entidades públicas e privadas pola investigación, estudo e cultivo das nosas árbores autóctonas para coñecelas, conservalas e preservar a súa desaparición; é unha das froitas (autóctonas) máis sabrosas e adaptadas ao clima que a maioría das que veñen de fora.

A Maciñeira foi moi utilizado na medicina tradicional popular. A madeira e dura difícil de traballar, de alta densidade3 (830 Kg/m3). Se usa en carpintería, torneado, tallado, mangos de ferramentas e varios pequenos obxectos. O mesmo que outras árbores autóctonas europeas ten unha extensa historia, mitoloxía, relixiosidade e simbolismo, nas culturas antigas: Biblia / O Paraíso (Adán i Eva), Ceres, Afrodita/Venus, Xardín das Hespérides. Brancaneves, Guillermo Tell, Newton, ou na actualidade dixital, Apple.

Nl.= Malus domestica (Borkh.). Ng.=Maciñeira, Maceira. Nc.=Manzano.

É obrigado mencionar a Maciñeira brava (silvestre), unha fermosa árbore autóctona en Galicia; se diferenza da cultivada na cor verde amarelo da cortiza, ten espiñas e os froitos son moito máis pequenos e de sabor áspero e máis ácedo. Se cre que é o antepasado de todas as maceiras cultivadas. Medra silvestre en gran parte de Europa, zonas de Asia e na Península, nas zonas máis húmidas e frondosas do norte e centro. As mazás son máis aromáticas que as cultivadas, teñen o mesmo uso alimentario e medicinal e a madeira e mellor que a cultivada. Se usa como patrón para enxertar a mazá doméstica e como ornamental en xardinería pola abundante floración. Actualmente é escasa en Galicia, así e todo o Catálogo da Flora de Galicia a menciona nas catro provincias. E desexable facer un pequeno esforzo e recuperar esta árbore tan especial, nai de todas as Maciñeiras, e plantala nos lindes das fincas e leiras, xardíns, pradeiras, ou beiras dos camiños e pistas para ir recuperando a beleza do noso paisaxe autóctono. En algunhas comunidades está catalogada como especie ameazada.

Nl.= Malus sylvestris Miller. Ng.=Maciñeira, Maceira brava, Mazás de porco. Nc.=Manzano silvestre, Maíllo, Maguillo, Camueso, Manzano bravo, Manzano montés, ten moitos máis nomes.

 

Naranxeira. Laranxeira

Na casa había unha naranxeira pero xa era moi vella cando eu era neno (1925), as naranxas eran das de aquí, bastante grandes e de cortiza moi gorda, pero moi sabrosas. As follas do Naranxo son boas para calmar os nervios. Se fai unha infusión con dous ou tres follas picadas de naranxeira, se cola, e se toma unha taza (cunca) tres veces o día. Para o malestar de estómago e a desgana se fai o mesmo coa cortiza seca da naranxa. Para o estrinximento e bo tomar pola maña dúas naranxas pero sen espremer. As naranxas tamén son boas para os catarros. A madeira de Naranxeira sei que a andaban a buscar os ebanistas pero non me acordo para qué. (*1)

 

Árbore de folla perenne que pode alcanzar 15 m de altura aínda que o normal e que sexa menor, de copa ampla, redondeada e polas espiñosas, as follas conteñen líquido esencial, ten flores solitarias ou en acios, brancas e moi aromáticas, florece na primavera aínda qué o pode facer fora de tempo. Froito en hesperidio (naranxa) globoso, que madura en novembro, marzo ou abril.

Vive en terreos de variada natureza, pero prefire solos permeables e secos, vexeta mellor en ambientes soleados, non aguanta as xeadas, é sensible as baixas temperaturas.

Orixinario de Asia Suroriental, foi introducido en occidente polos árabes, existen moitas variedades. E moi cultivado en toda a rexión mediterránea, en Galicia especialmente na provincia de Pontevedra. E unha árbore de gran valor ornamental e decorativo pola elegancia do seu porte, cor, perfume, follas e froitos, polo que é moi cultivado en parques, xardíns e propiedades privadas.

 

Uso tradicional - Os froitos se comen frescos e tamén se usan para preparar bebidas, licores, marmelada, aceites, xabóns, perfumería e na industria; e fonte de acedo cítrico e vitamina C e outras en menor cantidade como A, B e P. A cáscara, follas e flores teñen moitas aplicacións medicinais. As follas conteñen unha esencia (petitgrain), moi abundante nas laranxas novas, que é moi usada en perfumería.

Das flores frescas (azahar,) se saca a esencia de azahar, e por destilación se extrae o auga de azahar que ten propiedades medicinais. Coa cáscara se fai o famoso licor de Curaçao.

A madeira é dura, pesada, de grao fino e cor amarelo. De uso en mobles, ebanistería, tornería, talla de imaxes, mobiliario relixioso, bastóns e pequenos obxectos domésticos.

Nl.= Citrus sinensis. Ng.= Naranxeira, Laranxeira, Laranxo Acedo, Laranxeira Aceda. Nc.= Naranjo.

 

Nogueira

Miña avoa collía as cáscaras das noces, as deixaba secar, e logo facía un ungüento con sebo ou graxa de porco e o aplicaba na barriga por fora para o estrinximento. (M. J. Veciña de Esmelle 1990)

Cando se tiña diarre a se tomaba unha infusión dunha cullerada de folla seca de Nogueira, cocida dez minutos e se tomaban dúas tazas o día. Cando facíamos o ramo de San Xoán e a Auga de Rosas sempre se botaban unhas follas de Nogueira que dan moi bo olor. (*1)

Cando se gardan as fabas se meten dentro unhas follas de nogueira para que non lle entre o verme as fabas. (*2)

Para as almorranas. Se cocen unhas follas de Nogueira e con esta auga quente faise un baño de asento na zona afectada. Ou tamén faise un baño con auga quente e Salvado de Trigo. (*2)

A madeira de Nogueira e de moi boa calidade, era moi buscada polos carpinteiros para facer mobles. Coas noces, as valeirabamos e faciamos xoguetes, monecos, chifres, carrizos, zoadeiras, e crebanoces.

A sombra da Nogueira é mala e nunca se debe durmir ou quedarse durmido baixo ela. (*1)

 

Ditos populares - No echarás la siesta a la sombra de un nogal. - Bajo la sombra del nogal ni la siesta has de echar. Se dice debido a que as noces verdes emanan certa cantidade de cianuro que desaparece ao madurar. Por eso as noces verdes non se deben comer.

 

Árbore de folla caduca pode alcanzar 25/30 m. O tronco é corto e robusto, pode chegar a 2 m de diámetro, de cor gris claro; as polas vigorosas e grosas e a copa grande e redondeada. Orixinaria de Oriente Medio foi introducida en Europa probablemente antes da época romana. Especie lonxeva, pode vivir entre 200-300 anos. Hai constancia de que o seu cultivo é moi antigo (máis de 7.000 años). A Nogueira é cultivada polos froitos (noces) e a madeira; as follas son aromáticas e tamén ten un uso ornamental en xardinería. Existen moitas variedades.

As follas e raíces conteñen unha sustancia "juglona" que impide que medren outras plantas do seu entorno para evitar a competencia, que tamén se encontra máis ou menos en toda a familia das "Juglandaceae" .

O froito seco (a noz) é de alto valor nutritivo: rico en proteínas, vitaminas do grupo B, C, E, calcio, zinc, oligoelementos, aceites vexetais, lecitina e ácidos graxos omega 3 (poliinsaturados).

A medicina tradicional popular lle atribúe múltiples propiedades curativas, en uso interno e externo.

Follas, cortiza e froitos foron e son usados contra a diarrea, dermatite, sarna, colesterol, hipertensión, hipotiroidismo, suor excesivo, infeccións vaxinais, caída de pelo, enfermidades dentais, etc. Da noz se extrae tamén aceite de noz e tinte (nogalina). O mesmo que pasa con moitas outras plantas non están todas comprobadas cientificamente.

A madeira, moi apreciada en carpintería e ebanistería, é de boa calidade, semidura, pesada, tenaz, resistente as fendeduras e fungos. É moi utilizada en moblería de alta calidade, tornería, talla, instrumentos musicais, culatas de armas, revestimento de interiores, elaboración de chapas finas, etc. É boa leña e carbón vexetal. Densidade3 : 670-780 Kg/m3.

Esta árbore, tamén como outras, ten a súa simboloxía na mitoloxía das culturas antigas. Considerado desde moi antigo algo aciago, igual que a figueira, porque a súa sombra era mala. Ten certa lóxica pola sustancia (juglona) que segregan as follas e raíces que impide que medren ben outras plantas; as polas cando colgan moi baixas impiden que se renove o aire pero ademais a densa copa e fría porque acumula moita humidade e atrae os raios e por este motivo non se debe un abrigar baixo ela en caso de treboada. Ademais as noces verdes emanan algo de cianuro que teñen na pel, polo que non se deben consumir sen pelar, non se están maduras. Estas cualidades deron lugar a moitos ditos populares e refráns negativos.

Nl.= Juglans regia Ng.= Nogueira. Noceira Nc.= Nogal, Nogal Europeo. Nuecero, Nuezal.

 

Oliveira

No día de Ramos se facían uns ramallos, algúns máis grandes que unha persoa, con polas de oliveira e loureiro e se levaban a bendicir a igrexa de Doniños; logo se sacaba un ramiño e se colgaba na parede, preto da porta da entrada do corral como protección contra os males.

O olivo tamén se usaba contra as meigas e se plantaba na horta diante ou preto da casa. Miña nai (María -1930 - patroa da casa) tódolos anos o primeiro de Maio, cunha pola da oliveira e auga bendita que traía da igrexa de Doniños, bendicía a casa (nas entradas das dúas portas), a horta e as nosas leiras que estaban arredor para protexelas de todo mal e ter boa sorte nas colleitas.

Para o estrinximento é bo tomar en ayunas (xaxún) dúas culleradas soperas de aceite de oliva virxe, ou mesturadas con viño tinto e tamén se tomaba pola mañá unha ou dúas culleradas de aceite tódolos días durante un tempo para expulsar as pedras de ril. Para facer mellor a dixestión e bo tomar aceitunas. Para algunhas enfermidades da pel e queimaduras é bo untar aceite de oliva. Para aliviar e curar os golpes é bo dar masaxe na zona afectada con aceite de oliva.

Para calmar a dor das queimaduras se lles bota aceite puro de oliva (virxe) mesturado con xema de ovo. Para calmar a dor de oídos se botaban unhas gotas de aceite temperado e logo se tapaba cun algodón. Se botaba aceite as ferramentas para que non oxidaran e para engrasalas.

A madeira de oliveira e moi dura e boa para tornear, se facía mangos de ferramentas e os peóns para xogar os nenos. (*1)

Fig. 2. Oliveira. Clon de outra de 1890, Covas
Fig. 2. Oliveira. Clon de outra de 1890, Covas

 

Árbore de folla perenne que pode alcanzar ata 15 m de altura, de tronco groso, nodoso e retorto, con polas tamén retortas, flores pequenas brancas; florece de maio a xuño, o froito é unha drupa carnosa, oliva (aceituna), que madura a comezos do outono. De crecemento lento, vive en toda clase de solos, aguanta o vento, a seca e o calor, é sensible o frío e as xeadas.

Especie moi lonxeva que pode vivir entre 500-1.000 anos, se coñecen exemplares milenarios. É orixinaria do Sur de Europa, Suroeste de Asía e Norte de África; existen cerca de duascentas variedades. Se cultiva principalmente polos froitos; en xardinería, polo gran valor ornamental do tronco, folla perenne e sombra, é común en parques e xardíns tanto públicos como privados.

Nas hortas antigas das nosas parroquias era común ter unha oliveira; en Galicia era costume plantalas preto de ermidas, igrexas, e cemiterios.

É unha árbore de gran importancia económica, cultivase na Península desde moi antigo, sobre todo na zona meridional para beneficiar as froitas e produción de aceite; as olivas verdes son amargas, polo que teñen que ser preparadas para perder o amargor, as maduras (negras) non o son tanto e teñen un alto contido en aceite ata un 50%. que se extrae por presión.

As follas, cortiza e aceite teñen moitos usos medicinais na preparación de ungüentos linimentos, disolvente de medicamentos, cosmética, engráxante, curtido, na industria, antigo alumeado, etc. A farmacope a herborística menciona as seguintes propiedades: vasodilatadoras, hipotensoras, diuréticas, antiglucémicas, febrífugas, laxantes, lesións de articulacións, dermatoses, antisépticas, hipocolesterolemiantes, espasmolíticas, antiarrítmicas e astrínxente.

A madeira é dura, compacta, boa de pulir, moi densa (de 850 a 1.120 kg/m3), considerada de gran beleza polo cor pardo e o veteado, úsase en carpintería, ebanistería, tornería, talla, artigos de artesanía, utensilios, adornos, mangos de ferramentas e fabricación de mobles pequenos de calidade. E boa leña para queimar.

Ten unha extensa historia, mitoloxía, relixiosidade e simbolismo, nas culturas antigas, sobre todo do mediterráneo: Biblia (rei das árbores), Atenea, Minerva, Apolo, Heracles, símbolo de inmortalidade, resurrección, esperanza, fecundidade, lonxevidade, purificación, paz e prosperidade.

Nl.=Ole a europe a L Ng.=Oliveira. Nc.=Olivo, Olivera

 

Parra. Vide

Antes había algunhas parras pero non eran moi abundantes nas hortas, por aquí; onde máis había era por Betanzos.

Para o estrinximento é bo tomar en ayunas un racimo de uvas e outro na comida, e a infusión das follas picadas é boa para a diarrea, se toman tres tazas ao día. E tamén a auga (morna) da cocedura das follas é boa para dar baños cando doen e pican os sabañóns. Antes, cando facía moito frío e para os catarros fortes se tomaban as "sopas de cabalo cansado", se quentaba un pouco o viño tinto e se mesturaba con pan e azucre e se tomaban dúas tazas ao día. Para cortar a diarre a se tomaban uns vasiños de viño tinto. Tamén se dicía que un pouco de viño tinto era bo para as enfermedades do corazón.

Para as almorranas se facían uns baños de asento coa cocedura das follas da parra. (*1)

 

Planta semileñosa e trepadora, si se deixa medrar libremente pode alcanzar ata 30 m. O tronco é retorto e tortuoso de ata 6 m de longo, de corteza grosa e áspera que se desprende en tiras lonxitudinais. As follas son grandes de ata 12/14 cm Normalmente se poda, quedando reducida a un pequeno arbusto. Os froitos "as uvas" son moi apreciados, e ricos en vitamina C, e secas se convirten en "pasas" que son moi doces nutritivas e utilizadas en medicina popular como expectorantes.

Se cre que é orixinaria do suroeste de Asia, centro e suroeste de Europa. Actualmente se cultiva en todolos países de climas temperados. A vide ten gran importancia económica; os froitos, as uvas, son comestibles, doces de sabor moi agradable e son a materia prima para a elaboración do viño e outras bebidas alcohólicas.

 

Medicina popular tradicional - Da parra se utilizan os froitos, follas, sementes (aceite), brotes (auga de cepas-savia), zume e viño. A farmacope a herborística menciona as seguintes propiedades: depurativas, astrínxente, refrescantes, nutritivas, laxantes, vitamínicas, pectorais, emolientes, e para a conxuntivite, estrinximento, chagas, sabañóns, etc. As propiedades medicinais están máis acentuadas na parra silvestre (Viña roxa).

Nl.= Vitis vinifera Ng.= Parra, Vide, Videira. Nc.= Parra, Vid, Viña.

 

Pereira brava

Ver Espiño Negro.

 

Pereira

En tódas as hortas había Pereiras; na casa as que tíñamos eran: Peras de San Xoán, que eran as primeiras que maduraban, Peras Urracas, Peras de Don Guindo, Peras de manteiga, Peras de limón, e os Perucos, que eran pequenos, e todas eran moi sabrosas; os veciños ademais tiñan outras como Peras de campá, Peras de inverno e Peras de auga. Eu recordo que os ebanistas buscaban a madeira da pereira para cousas especiais. (*1)

 

A Pereira (común) árbore de folla caduca pode alcanzar ata 18 m de altura; de raíz profunda, tronco dereito de cor gris, orixinaria de Europa e Asia occidental. Especie pouco lonxeva, 65 anos de media, pode chegar a 400, aínda que non é o normal. Especie cultivada en todo o mundo pola calidade dos froitos, "as peras". Existen máis de 4.000 variedades, pero as cultivadas comercialmente son moitas menos. A maioría das variedades actuais datan do século XVIII.

A madeira é de excelente calidade, de cor beixe clara a roxiza, dura, forte, compacta, semi-pesada, non se deforma, de febra dereita, grao fino e regular, de densidade3 entre 690-700 kg/m³. Se utiliza en ebanistería de luxo, torneados, artesanía, tallas, marquetería, modelismo, mobiliario de interior, fabricación de chapas, construción de instrumentos musicais: frautas (as Hohner -tonalidade melodiosa), violíns, guitarras (antigas), etc. Se tinxe para imitar o ébano. A Pereira foi moi apreciada polas culturas antigas.

Nl.= Pyrus communis. Ng.= Pereira. Nc.= Peral.

 

Pino. Piñeiro

Meus pais con meus tíos fixeron os mobles da casa coa madeira de pino dos nosos montes. As alaceas, o alzadeiro, o banco e banquetas e a artesa. A mesa da cociña o palanganeiro e o banco de carpinteiro eran de madeira de castaño, tamén dos nosos. O piso, as escaleiras, o presebe e os cortellos do pucho, ovellas e porco tamén eran de madeira de pino. A maioría das casas tiñan o interior de madeira de pino. Meu irmán facía moitos xoguetes con madeira de pino: carros, arados, hórreos, tarabelas, patinetas as que lles poñía rodas de ferro. Coas cascas grandes facíamos botes e barquiños de véla de xoguete.

Para a lareira e o forno se traía do monte moita leña de pino que se gardaba no alpendre, polas vellas e pinos secos, restos do corte da madeira. Antes o que máis se plantaba nos montes eran pinos, os eucaliptos viñeron moito máis tarde. Os pinos os serrábamos a man co tronzador entre dous ou catro homes as motoserras modernas viñeron a aliviar moito ese traballo.

As familias máis necesitadas ían ao monte a coller piñas que levaban en sacos ou cestas a vender a Ferrol.

Na casa, os vellos cando tiñan catarros se facían un xarope con flores de pino. Para o catarro de bronquios se facía unha cocedura de xemas secas de pino con mel que se tomaba tres veces ao día.

Antes se usaba moito para os catarros un xarope de pino que se compraba na farmacia. (*1)

Fig. 3 Piñeiro en Cardido, Covas
Fig. 3 Piñeiro en Cardido, Covas

 

Nota: A primeira motoserra lixeira manexada por un só home aparece no ano 1959 en Stuttgart (Alemania), invento de Andreas Stihl. Modelo "STIHL Contra". Peso 12 kg, motor, de 6 CV. Un só operador. Andreas Stihl AG & Company compañía fundada en 1926 por Andreas Stihl, pai da motoserra.

Árbore de folla perenne con forma de agullas, lineares e punzantes de copa piramidal ou redondeada, depende da especie. De tronco robusto, pode alcanzar ata 40 m de altura e ten a cortiza de cor marrón agrisada. Os froitos, "as piñas" femias, teñen forma cónica e cor pardo agrisado, dentro conteñen as sementes "os piñóns."

O pino é de gran valor económico por su uso forestal (silvicultura). É un xénero de gran diversidade, algunhas variedades se usan como ornamentais en xardinería. Está principalmente estendido na maioría dos montes de Europa e parte de Asia e o continente americano.

 

Pino galego / Pino do país (Pinus pinaster) - É de crecemento rápido, orixinario do centro e oeste do mediterráneo, ten dúas subespecies a atlántica e a mediterránea; a súa vez dentro da especie atlántica se recoñecen tres razas: a portuguesa, a galega e a landesa (Francia). A madeira é de boa calidade. Hai controversia si denominalo especie "autóctona" ou non (alóctona), pero son varios os traballos científicos que estudiaron os fósiles e carbóns en xacementos arqueolóxicos de varios lugares da Península, Portugal e Galicia, e esta especie xa estaba presente o final da era glaciar (8.000 A.C), e dicir que era autóctono nesta data; os cambios climáticos e a deforestación humana fixeron que desaparecera como outras. En Galicia non o había e foi reintroducido desde Portugal por propietarios (privados) dos montes de Pontevedra, no século XVIII estendéndose despois por todo o territorio. É o máis cultivado en Galicia. O bosque máis extenso de esta especie está en Francia ao norte do estuario do río Garona.

 

Pino insigne o Pino de monterrei - É orixinario de California e sigue en extensión de cultivo en Galicia ao anterior (ocupa aproximadamente 80.000 Ha. e o Pinus pinaster, unhas 300.000 Ha.), tamén é de crecemento rápido e interese forestal. Pouco lonxevo, en xeral non pasa de 100 anos, e resiste menos as pragas; a madeira é de calidade aceptable. É considerado especie invasora en varios países, por alterar o hábitat e acabar coas especies autóctonas. Hai outra especie moi interesante na Galicia interior o Pino silvestre.

 

Pino silvestre - Moi utilizado na Galicia montañosa interior (Lugo e Ourense), onde o pino do país non aguanta ben as condicións climatolóxicas. (temperaturas de 3-5 ºC). Necesita do frío para xerminar; de crecemento mediano, pode alcanzar ata 40 m e tamén ten interese comercial; especie lonxeva pode vivir ata 200 anos. É o pino que domina no continente Euro-asiático de maior área natural e o máis estendido. Nc. Pino silvestre Pino albar, Pino del norte, Pino rojo.

 

Medicina tradicional popular - As sementes, "os piñóns" (do Piñeiro manso - Pinus Pinea), de gran valor nutritivo, ricos en proteínas, minerais, calcio e outros nutrientes, son utilizados en alimentación como froitos secos, en repostería e na elaboración de diferentes pratos. O pino tivo un gran uso medicinal, se utilizan as follas, flores (as xemas), e os aceites esenciais. A farmacope a herborística menciona as seguintes prescricións: gripe, catarro, bronquite, arrefriados, farinxite, e ten función antiinfecciosa astrínxente, antibacteriana, antiinflamatoria para dores articulares, artrite, gota e reumatismo. Propiedades balsámicas, expectorantes, antisépticas e rubefacentes. As infusións, cocedura e xaropes de pino se recomendan en tratamentos para o aparato respiratorio (bronquite, gripe, etc.), Tamén se usa como diurético e antiséptico para infeccións urinarias. A esencia de pino úsase na industria en diversos produtos como o aceite de trementina, aromatizantes, etc.

A madeira é semipesada, semidura, de boa calidade e doada de traballar, moi apreciada en construción, carpintería, moblería, elaboración de chapas, utensilios, industria pesqueira, pasta de papel, etc. e outros múltiples usos. A densidade3 media varía coa especie de 500 a 570 kg/m3.

Nl.=Pinus pinaster. Ng.= Pino do Pais, Pino galego, Pino bravo, Pino marítimo, Pino femia (Pontevedra), Pino Portugués, Piñeiro. Nc.= Pino resinero/ de resina.Pino de Burdeos, Pino de Flandes, etc.

Nl.=Pinus insignis (Dougl). Pinus radiata (D. Don) Ng.=Piñeiro, Piñeiro insigne. Pino de Monterrei. Nc.=Pino de Monterrey.

 

Pradairo. Arce branco. Arce

Non había moitos Pradairos pero se podían ver algúns en zonas do Regueiro de Doniños, na Pradela, por Serantes, na ladeira que baixa a Cabana. De nenos, xogabamos coas súas sementes que lanzabamos ao aire e chamámoslle "helicópteros", xa que viraban como as hélices cando caían. Se dicía que era unha moi boa madeira. (*1)

Fig.4 Pradairos (arces) en Doniños
Fig.4 Pradairos (arces) en Doniños

 

Árbore de folla caduca e tronco corpulento, pode alcanzar ata 35 m; é dioico (hai pes machos e pes femia), de especie lonxeva (pode vivir entre 150 e 300 anos ou algo máis); orixinario do centro e sur de Europa e Asia occidental, na Península so aparece estendido polo norte e oeste (Galicia) a partir dos 600 m nas zonas montañosas de Lugo e Ourense. Se planta pola madeira, de boa calidade, e tamén se usa en xardinería como árbore ornamental e de sombra, frecuente en xardíns, parques, paseos, bordes de estradas, etc. Su uso similar o do plátano de sombra (platanus hispánica / p. hybrida). Actualmente hai unha pequena representación na xardinería da zona urbana do concello de Ferrol.

 

Uso medicinal - As follas, froitos e cortiza se utilizaron como medicina, con propiedades astrínxentes (tronco e polas); se da un pequeno corte na primavera para extraer a"savia de arce", líquido azucrado usado na elaboración de bebidas.

A madeira, de boa calidade, cor branca, dura e compacta soporta os cambios de humidade, é usada en carpintería (mobles de calidade), ebanistería e torneado, utensilios domésticos, mangos de ferramentas, e ten gran importancia na construción de instrumentos musicais: fondo, aros e mango de violín, viola, cello, contrabaixo, etc., caixa de resonancia de guitarra clásica, acústica, mango e corpo de guitarra e baixo eléctrico. Foi moi usado para a fabricación de "zocas e zocos" e de lanzas desde tempos prehistóricos. Densidade3 entre 610- 680 Kg/m3.

Ten gran simbolismo na cultura de varios países: China, Norteamérica, Canadá, etc. A folla é a máis representada nos capiteis románicos e góticos. É "autóctono" nos Pirineos, cordilleira Cantábrica,macizo Galaico e norte de Portugal, especie natural do bosque atlántico. Árbore de gran valor económico pola calidade da súa madeira, ornamental, de beleza paisaxística, frondoso, "pero" inxustamente tratado e "esquecido" nas explotacións forestais e nas novas repoboacións que intentan restaurar e recuperar os hábitats das fragas autóctonas, con moi pouca diversidade, pouco máis que castiñeiros e carballos, sen ter en conta outras especies autóctonas como os fermosos Espiños Blancos, Pereiras bravas, Abruñeiros, Olmeiros, Maceiras bravas, Cereixeira brava (silvestre), Freixos, Sanguiños, Vimbios, Abeleiras, Teixos, Biouteiros, Acibros, etc., indispensables no ecosistema da nosa fauna e flora.

Nl.= Acer pseudoplatanus. Ng.= Pradairo, P. bravo, Pradio, Pradia, Prada, Pradaira, Pravia. Nc.=Arce, Arce blanco.

 

Queiroa. Queiroa arbórea. Breixo

Antigamente case todas as casas en Valón e Villaboide tiñan colmeas para facer mel. Recordo velas postas nas ladeiras baixas dos nosos montes, preto das casas para que as abellas se alimentaran das queiroas e outras moitas herbas de flores. Aínda había restos dos muriños de pedra que rodeaban as cortizas en Pena Abelleira de Montecuruto e outros lugares. As queiroas son boas para as abellas pois fan unha mel moi boa.

Cando se ía ao monte a por leña para quentar o forno e a lareira cos toxos, tamén se cortaban as queiroas que arden moi ben, fan boa brasa e dan moita calor. Tamén se usaban as flores como adorno nos xarróns da casa. As queiroas grandes (arbóreas) de flores brancas eran escasas; as había pola Cabana e arriba de Brión. As raíces das queiroas se usaban para facer adornos. (*1)

 

Arbusto pequeno de folla perenne non pasa de 60 cm de altura excepto a especie arbórea (Erica arbórea) que pode chegar de 3 ata 7 m, produce fermosos acios de flores moradas ou brancas. Especie de crecemento lento, vive en solos pobres acedos e húmidos. De tronco moi ramificado, florece de xuño ata decembro. Pode formar bosquiños chamados, uceiras, urceiras ou uzais. Orixinario de Europa e Asia Menor. Se cultiva en xardinería como planta ornamental, e para ramos e centros florais. Medra en toda Galicia.

A Queiroga foi usada como carbón vexetal nas ferrarías de Galicia, tamén para tinxir de amarelo e curtir o coiro; na Idade Media como medicinal. Actualmente a farmacéutica herborística menciona as seguintes prescricións: cistite, uretrite, hiperplasia prostática benigna, hiperuricemia, gota, colelitiasis, e ten uso como astrínxente, limpador diurético (depurativo natural), antiséptico e sedante (calma os nervios e controla a ansiedade).

É unha planta moi valorada na elaboración do "Mel de Breixo". Antes do uso do lúpulo se usou en Escocia para fabricar cervexa. Foron utilizadas para facer vasoiras. Son importantes na alimentación da Pita do monte, ovellas, veados e outras especies silvestres. Tivo simbolismo e sacralidade en antigas culturas europeas.

A madeira e dura, pesada e compacta, apreciada en tornería; con ela se fabrican variados obxectos decorativos e se fan as pipas para fumar de mellor calidade que pasan por un lento proceso de desecación.

No antigo concello de Serantes medran as seguintes especies: Calluna vulgaris, Erica arbórea, E. ciliaris, E.cinerea, E.erigena, E.tetralix, e E.unbellata.

Nl.= Erica ciliaris L. Ng.= Queiroa, Queiruga, Queiroga de cruz, Queiruga veluda, Quiroga, Carrasca, Carrasco, Carroucha, Uz, Uz/Urce de monte, Uz montés, Foupa, Torga, Breixo. Nc.= Brezo, Brecina, Calluna, Argaña, Biércol, Mogariza, Bermeja, Querihuela, etc.

 

 

Bibliografía consultada

-Flora de Galicia. Xosé Ramón García. Ed. follas novas.1979.

-Guía de plantas con flores de Galicia. Xosé Ramón García. Ed. Xerais de Galicia, 1991.

-Catálogo da Flora de Galicia. Mª Inmaculada Romero Buján. Depto. Botánica. Facultade de Veterinaria, Univ. Santiago de Compostela- Campus de Lugo - 2008

-Catálogo Flora Vascular Concello de Ferrol. Jaime Fagúndez Díaz. Jolube Ed.

-Flores silvestres. Guía naturaleza Ed. Everest. 1991.

Flora Ibérica plantas vasculares de la Península Ibérica e Islas Baleares Editores: S. Castroviejo (Madrid) - CSICMadrid, 1997

 

 

Notas

Nota (*1): Tradición oral recollida na parroquia de Doniños, década dos 70, da miña familia: avoa María-1891/1977, nai Fina, e sobre todo de meu tío Ramón G.-1915/2000 e de outros familiares, veciños de Valón, e varios lugares de Serantes. Todos nacidos no antigo Concello de Serantes. A tradición (transmisión) oral familiar procede dos pais da miña avoa Ramón e Avelina (1851- 1931). Avelina era unha esperta en herbas mediciais que as cultivaba na súa horta e as recomendaba aos veciños que llas viñan a pedir. Ramón Graña Rodríguez de Villaboide (1861, tio avó da miña nai) era menciñeiro e curaba con herbas. Na familia antiga había un carpinteiro, un ebanista, un que facía zocas e cestos de vimbio, o ferreiro de Valón e mais antigamente un canteiro que facía as casas en Valón (1850 aprox.). Cada fillo tiña un oficio distinto e entre todos se axudaban.

Nota (*2): Tradición oral recollida en Covas por Juan López Hermida e o autor, de D. Ricardo Dacosta, ano 2003.

Nota 3. A densidade da madeira axuda a entender as características e diferenzas dos usos: baixa< 500 (kg./m3); media lixeira=500-599; medio pesada=600-699;. pesada 700-799. Densd. moi pesada >800 (kg./m3).

 

<< Volver