A Sempreviva, unha fermosa e preocupante invasora

Os avances da ciencia dan cada volta máis importancia a importancia de conservar a biodiversidade. Como tal considéranse non so o número de especies, tamén as súas distintas formas (variedade xenética) e como se relacionan entre si (dentro dos ecosistemas).
O avance do coñecemento demostra o valor que teñen todos os seres vivos dos ecosistemas mariños e terrestres para a estabilidade destes; tamén a importancia de moitos deles como fonte potencial de alimento ou medicamentos para os seres humanos, os animais domésticos e mesmo como loita contra pragas nos cultivos.
O problema é que a biodiversidade está a descender aceleradamente, as Nacións Unidas acepta que o 25% das especies coñecidas, unha de cada catro, están en perigo de desaparición. A Unión Europea conta dende 2020 cunha estratexia para a conservación das especies, atribuíndo o descenso da súa diversidade a:
—Cambios no uso do solo (por deforestación, monocultivos intensivos, urbanización...)
—Explotación directa por caza ou sobrepesca. —Cambio climático
—Contaminación
—Especies exóticas invasoras (EEI en adiante).


Nestas páxinas imos prestar atención a este último factor, as EEI, que segundo a definición proposta en 2000 pola axencia especializada da Organización das Nacións Unidas (ONU), a UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza): “Especie exótica invasora é aquela especie exótica que se estabelece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural; constitúe un axente de cambio e ameaza a diversidade biolóxica nativa”. É dicir que unicamente son problemáticas aquelas especies exóticas que cando se establecen nun territorio son quen de cambialo, afectando ás especies oriúndas.
Nesta ocasión imos ocuparnos dun caso preocupante que afecta á nosa contorna, por parecernos un bo exemplo tanto de expansión acelerada como causa de perda de biodiversidade. Trátase da sempreviva, Helichrysum petiolare Milliard & B.L. Burtt é unha planta arbustiva da familia das Compostas, incluída no grupo das plantas exóticas e invasoras.
A sempreviva pode superar doadamente o metro de altura en terreo despexado, e máis cando medra sobre outras plantas, grazas á súa capacidade de gabear sobre outras, como o toxo e mesmo o eucalipto.
Os seus talos leñosos poden estar dereitos ou deitados, facilitando acadar a luz ou dar lugar a novos rizomas; as follas verde abrancazado, simples e alternadas vense de ben lonxe e son tomentosas, isto é cubertas de moitos pelos. As flores tamén son claras ao principio, adoitando un ton amarelo cando maduran o froito.

Como moita das plantas exóticas, a orixe da sempreviva é o seu uso como planta ornamental. Os descartes por podas, dispersión de sementes, eliminación de xardíns, movementos de terras, entre outros factores, axudan a entender como unha planta orixinaria de Sudáfrica pode estar a ocupar cada volta máis hectáreas en toda a Europa oeste, en particular nas mornas terras galegas onde non se coñecía antes de 1974, segundo refire a Xunta de Galicia.
Tolera tanto a insolación como a sombra, virtudes que sumadas á velocidade coa que pode medrar en montes tallados recentemente ou queimados, axuda a comprender a súa expansión explosiva na Costa Ártabra. Aparece tamén na Ria do Eo e puntos das Rías Baixas.
A situación na Costa Ártabra

Hai xa anos que se ven apreciando, dende os altos de San Felipe a Cariño, a aparición de manchiñas de vexetación verde crara entre o verde dominante das toxeiras nas abas dos montes que van de Mugardos ao Segaño, na outra banda da ría de Ferrol. O que ao principio (quince anos??) eran pintas espalladas converteuse en bandas, que a xeito de franxas de bandeira proclaman a hexemonía crecente da especie. Pois tal é a capacidade de expansión que non so aproveita beiras de camiños e sendas, tamén emerxe no medio de altas e extensas toxeiras de Ulex europaeus L.
Nos últimos anos asistimos a un espallamento continuo cara ao Norte; paseos por vales aparentemente protexidos de Esmelle, Covas e Marmancón amosan a aparición de novos enclaves de sempreviva. Unha posible explicación pode estar no papel diseminador da maquinaria relacionada coa madeira; algúns deses matos están próximos a puntos de acopio de madeira, onde os tractores a depositan para a recollida dos grandes camións.


Hai solución a esta invasión?
Cada ano que pasa os problemas causados pola sempreviva medran e as posibilidades de erradicala diminúe ou se encarece. A especie é considerada polos estudos técnicos dispoñibles como susceptible de control e manexo, pero a súa eliminación pasa pola extracción dos rizomas, proceso moi dificultoso ao medrar maioritariamente entre matos de toxo. As rozas con maquinaria non son efectivas, pois incluso cando o tractor rozador acade o mato non suprime o substrato de rizomas do que medra a planta.
Está citado o lepidóptero minador da folla Tebenna gnaphaliella (Kearfott, 1902), de distribución norteamericana, por alimentarse desta planta, mais non se usa a tal fin.
Por último o uso de axentes químicos presenta dúbidas polas follas moi pilosas da sempreviva, que non facilitarían a absorción, a parte dos efectos secundarios que podan causar.
Parentes na terra
Unha especie próxima é Helichrysum foetidum (L.) Moench, unha das “flores de San Xoán” en galego, en castelán falsa árnica é un dos nomes que recibe. Tamén orixinaria de Sudáfrica, está presente en toda zona costeira, aínda que acada os 500 m. O seu olor intenso pode desagradar a moitas persoas e gustar a outras. Non ten nin de lonxe o carácter invasor de H. petiolare, ao medrar en pés illados na beira de camiños e lugares pedregosos, mesmo na beiramar e propagarse por semente. Para moitas persoas pode resultar sorprendente o seu carácter exótico, por considerala común e familiar “de toda a vida”; pero xa se debería saber que por longa que unha vida humana sexa, non pasa de representar un período ben curto da historia da Terra.


A xeito de reflexión
Queden estes comentarios como unha invitación a coñecer mellor a cuberta vexetal galega, incluíndo estas especies alóctonas invasoras que xa se comportan como “da casa”, aínda que non son autóctonas en absoluto. Tamén desexan servir estas liñas para convidar a participar nos programas de detección de EEI, como o que leva adiante a Sociedade Galega de Historia Natural. Unha foto de móbil actual, coas referencias do GPS que incorpora, pode axudar a detectar a aparición de plantas invasoras enviándoa ao Atlas de EEI.
https://sghn.org/estudamos/atlas-eei-botanica-2017-2022





Referencias
Fagúndez Díaz, Jaime; Manuel Barrada Beiras. 2007. Plantas invasoras de Galicia, Bioloxía, distribución e métodos de control. Xunta de Galicia.
Fagúndez, J. Plantas exóticas invasoras en Galicia. Doce años de avances en el conocimiento. Ramil-Rego, P., Vales, C. (Eds.) (2019). Especies Exóticas Invasoras: situación y propuestas de mitigación. Monografías do Ibader, Serie Biodiversidade.
Fagúndez, J. Entrevista por Laura Filloy en Gciencia, 02/06/2023. Portugal anticípase a Galicia ao aprobar un plan para frear novas especies invasoras.
Mouriño, Jorge & Fagundez, Jaime & Bernárdez, Gaspar. (2022). Distribution and invasiveness of the alien plant Helichrysum petiolare Hilliard & B.L. Burtt (Asteraceae) in Northwest Iberian Peninsula.
ONU. 2019. https://news.un.org/en/story/2019/05/1037941
Parlamento Europeo. 2021. Pérdida de biodiversidad: ¿por qué es una preocupación y cuáles son sus causas?