O ciclo bretón
A lenda do rei Arturo ou Artús, mítico monarca britano dos albores do século VI que gobernou nas terras de Cornualles e Devon enfrontándose aos invasores saxóns desde o seu castelo de Tintagel, foi tecéndose a través da mestura de narracións de proxenie celta, poemas e coleccións de contos galeses, antigas crónicas anglosaxonas e escritos relixiosos e históricos de monxes como Nennio e Beda o Venerable. A primeira narración artúrica de certa extensión foi a Historia Regum Britanniae, escrita a mediados do século XII polo crego Godofredo de Monmouth, onde se identifica a Arturo como fillo do rei britano Uther Pendragon, aparecendo xa a súa namorada Ginebra, a illa de Avalon e o seu conselleiro, o mago Merlín.
Os séculos seguintes viron o desenvolvemento ao longo de toda Europa dunha tradición artúrica que mesturaba elementos románticos e míticos, e como consecuencia diso xurdiron numerosos romances do ciclo do rei Arturo, especialmente en Francia, Italia e España, narrando historias onde aparecen outros personaxes e mitos como Lanzarote ou Lancelot do Lac, sir Galahad, Gawain e os cabaleiros da Táboa Redonda, Parsifal ou Percival, o Santo Graal, a espada Excalibur, a fada Morgana, a corte de Camelot, incluso incorporando posteriormente outra lenda celta, a de Tristán e Isolda. Este conxunto de romances e relatos orixinou o ciclo artúrico, un dos máis interesantes e complexos da Europa occidental.
Aínda que as fazañas do rei Artur son patrimonio da literatura mundial, este mito exerceu unha grande influencia na cultura galega. Xa na poesía dos cancioneiros medievais galegos atópanse ecos do que se ven a chamar Materia de Bretaña, ou sexa o conxunto das lendas que circularon en prosa y verso ao longo de Europa, referidas ao rei Artur. Na Península Ibérica esta literatura deuse a coñecer desde o casamento de Alfonso VII de Castela coa inglesa Leonor de Plantagenet, filla de Enrique II, que introduciu na corte de Castela a citada obra de Godofredo de Monmouth, que reivindicaba o mundo bretón.
A obra considerada definitiva sobre o rei Arturo e os seus cabaleiros foi escrita polo inglés Thomas Malory o ano 1470 co título de Le mort d´Arthur. Desta publicación servíronse a maior parte dos posteriores escritores para adaptar a lenda artúrica aos gustos e formas dos novos tempos, ata chegar a autores consagrados que trataron o tema como Alfred Tennyson, Mark Twain e John Steinbeck. Tamén prestixiosos ilustradores como Aubrey Beardsley, Gustavo Doré e Prego de Oliver, o cine, con películas como Excalibur de John Boorman, Merlín el encantador da factoría Disney ou a recente King Arthur de Antoine Fuqua, e a música, como as óperas Parsifal e Tristán e Isolda de Richard Wagner ou o mítico musical de Broadway Camelot, inspiráronse no ciclo artúrico.
Os ciclos artúricos e carolínxios en Galicia
Unha versión do Liber Sancti Jacobi, tamén denominado Codex Calixtinus, deu orixe a outro ciclo de romances e lendas que se desenvolveu por Europa desde época medieval, alomenos coa mesma extensión que o fixo o do Rei Arturo e os seus cabaleiros da Táboa Redonda. Trátase das aventuras de Carlomagno e os seus Pares, onde tamén o personaxe principal, neste caso outro monarca cun fundo máis real e histórico, acompáñase doutros persoeiros de maior ou menor verosimilitude como Roldán ou Rolando, Genoveva, Guillermo de Orange, o arcebispo Turpín, Ogier el Danés e o traidor Ganilón.
A lenda do rei Arturo e as historias asociadas á mesma foron coñecidas moi cedo no Reino de Galicia e callaron no pobo galego coa abundancia e mesma intensidade que o fixeron os contos e romances derivados do ciclo carolinxio. Neste último tivo moito que ver a ampla incidencia das tradicións do Camiño de Santiago, atribuíndose ao propio Carlomagno e a seu sobriño Roldán a presencia como peregrinos en Compostela ou a relación dese ciclo cun tema tan estendido no imaxinario popular galego como son os mitos e as lendas das cidades asolagadas de Valverde e Lucerna – tan presentes na toponimia galega - , narrados na crónica de Turpín.
No que atinxe á incidencia do ciclo artúrico en Galicia, as loitas do rei Arturo contra os saxóns únense ao fondo mitolóxico das lendas celtas, a relixiosidade cristiá do primeiro milenio e as históricas relacións marítimas de Galicia con Bretaña e Irlanda, dando orixe ao que moitos estudiosos veñen a coñecer como Ciclo Bretón ou Materia de Bretaña, tema tradicional que tivo un importante desenvolvemento e grao de popularidade na área cultural galego-portuguesa nos séculos seguintes, manifestándose a partires do século XIII a influencia artúrica nas cantigas do Códice Colocci-Brancuti e nas composicións do rei Alfonso X o Sabio.
No século XIV atópanse xa varios antropónimos galegos dos devanditos heroes bretóns, constituíndo exemplos da raizame desta temática bretona en Galicia as lendas da lagoa ourensá de Antela sobre unha cidade asolagada que habitan os cabaleiros da Táboa Redonda mentres esperan a volta do rei Arturo da illa de Avalón ou a continuada presencia do mago Merlín na memoria popular e na tradición oral de numerosos lugares de Galicia, para moitos tido por un auténtico druída e, en todo caso, especialmente considerado como un home de especial sabedoría.
As lendas do grial
..........................................................................
uces e abrulas escadan a montaña
onde, na ermida cingida de carballos,
brilla o Graal.
Graal. Carballo Calero
Dentro deste complexo e interesante ciclo, que mestura elementos históricos, míticos e románticos, xurdiu en Galicia un especial interese polo motivo lendario da demanda do Santo Grial ou Graal utilizado por Cristo na última cena. Este tema, nacido no contexto da literatura artúrica, foi iniciado no romanceiro europeo por Chrétien de Troyes con Li contes del Graal, cara ao fin do século XII, situando a fortaleza do Grial nas terras de Gales dentro da tradición céltica. Outros autores posteriores, entre nos que salientan Wolfran von Eschembach e Robert de Boron, sitúan o fantástico castelo e o milagre da hostia tinguida de sangue en Francia, Baviera ou Bolsena en Italia, onde deu orixe á solemnidade do Corpus Christi.
Esta mítica lenda, que ten un mítico antecedente no Caldeiro Máxico das lendas celtas e logo que enlaza coa tradición cristiá da recollida nun cáliz da sangue do costado de Cristo na cruz por Xosé de Arimatea, agromou a partires de século XIV en Galicia, sendo posta en relación co singular privilexio histórico da Catedral de Lugo de poder mostrar publicamente de xeito permanente o Grial e coa lenda do milagre da copa mística do santuario bieito de Santa María do Cebreiro, recollida na literatura mítica galega que situaba o lendario Montsalvat no devandito lugar en oposición a outros autores que o facían en outros lugares da península como Montserrat en Cataluña ou San Juan de la Peña en Aragón. O tema da presencia do Santo Grial en Galicia foi tratado, entre outros autores, polo licenciado Sagrario Molina no século XVI, frei Diego de Yepes no século XVII e no século XX por Vicente e Leandro Carré Alvarellos.
Nun complexo proceso semiótico que foi acompañado dunha discutida evolución histórica desde os inicios da Idade Moderna ata hoxe, o escudo oficial de Galicia ven representado precisamente, con máis ou menos aceptación, por unha custodia ou cáliz do Santo Grial flanqueado primeiro de seis cruces e máis tarde de sete, para algúns evocadoras do mesmo número de provincias do Reino. Posiblemente a presencia do citado cáliz no escudo de Galicia sexa o froito dunha errónea analoxía dentro da heráldica parlante (calice=galice).
Aínda que as armas do Reino de Galicia veñen documentadas en varios Armoriais desde o século XIV e en diferentes mapas desde o século XV, o actual escudo foi oficializado pola Xunta de Galicia na lei 5/1984 de 29 de Maio, a presencia destes símbolos relixiosos, o cáliz e as cruces, levaron as discusións sobre a estructura e composición do escudo galego desde o campo dos heraldistas e historiadores cara ao máis polémico terreo das opinións encontradas dos políticos, sendo aceptado o escudo máis pola súa iconografía tradicional que polo caracter relixioso dos seus símbolos.
A materia de Bretaña na literatura galega
É Merlín o profeta, o celta armoricán,
dos silfos e das lumias ollado por irmán,
sabidor dos encantos e os máxicos conxuros,
das virtudes das herbas e dos fados escuros,
que nos craros dos bosques e os baixíos costeiros
deprendéu o diviño lenguaxe dos luceiros.
"Na noite estrelecida". Ramón Cabanillas
O Romanticismo marcou un renacemento da Materia de Bretaña na literatura galega. Ademais de Eduardo Pondal, creador dunha baril e apaixonada poesía inspirada no panceltismo do ciclo de Ossian, entre os escritores galegos, foi o poeta nacionalista Ramón Cabanillas o que máis e mellor evocou as aventuras do rei Arturo na súa obra. O ano 1926 publicou Na noite estrelecida, onde describiu de xeito detallado a lenda artúrica nos seus poemas “O cabaleiro do Santo Grial”, “O sono do rei Arthur”, “A espada Escalibor” e “O fillo de Celt”.
Outros escritores galegos posteriores levaron ao libro obras deste xénero. Foi o caso de narradores como Méndez Ferrín en Amor de Artur e Percival e outras historias, Darío Xohan Cabana en Galván en Saor, Carlos G. Reigosa en Irmán rei Artur e Xoán Bernárdez en No ano do cometa, autores teatrais como Vidal Bolaño ou Manuel Lourenzo, e poetas como Carballo Calero e María do Cebreiro. Escribindo en castelán, Torrente Ballester publicou La saga fuga de JB mentres que o erudito ensaísta santiagués José M. Castroviejo escribiu Apariciones en Galicia e La Burla Negra, onde trata esta temática dentro da súa creación de fantasía.
Especial mención merece Álvaro Cunqueiro coa publicación de Merlín e familia e As crónicas do Sochantre. Con estas obras Cunqueiro amosou ser un precursor que acadou a superación do realismo social predominante naquela época, abrindo novos camiños para a recreación dunha ficción na que, usando a ferramenta da transmisión oral, mestura o natural e o sobrenatural, o mundo dos vivos e o mundo dos mortos - tan presente na tradición popular galega - incorporando con ironía á narrativa literaria o seu maleable concepto do celtismo, a presencia dos prodixios – unha especie de milagres laicos - e o seu poético ludismo.
O aspecto histórico de Britonia
A finais do século quinto e principios do sexto da nosa Era unha poboación de celtas británicos chegou á Península Ibérica, como parte da diáspora que neste período abandonou Gran Bretaña ante a invasión xermánica, en especial dos pobos anglosaxóns, propiciada polo abandono do exército romano establecido nas illas británicas. Semellan coincidir diversos historiadores en que este grupo migratorio, incluíndo membros destacados da súa igrexa, asentouse en diversos lugares ao longo da costa atlántica, salientando especialmente a súa presencia na vella provincia romana da Armórica, a actual Bretaña francesa, e na antiga provincia romana de Gallaecia, a chamada “Britonia” de Galicia.
A primeira cita de interese sobre a igrexa bretona faina a España Sagrada de Enrique Flórez, notable tratado de historia eclesiástica publicada o ano 1764. No tomo XVII, baixo o epígrafe “De las iglesias Britoniense y Dumiense”, o freire agostiño sitúa Britonia preto de Mondoñedo, citando diversos documentos de concilios eclesiales e privilexios reais de época medieval en apoio deste emprazamento. Posteriormente sería o abade e historiador francés Louis Duchesne o que na súa obra L´Eglise au VI Siècle, publicada en París o ano 1925, sentaría as bases e daría a coñecer dun xeito máis preciso a instalación dunha colonia de emigrados bretóns en Galicia naquelas datas.
A existencia desta comunidade bretona semella probada pola Divisio Theodomiri ou Parroquial Sueva, documento relixioso do século VI, aparecido por mor do concilio de Lugo do ano 569, de gran importancia para o coñecemento das sedes episcopais hispanas e da organización eclesiástica naquela época. Aínda que os datos e indicacións fornecidos polo devandito documento son de difícil interpretación, parece que o centro da diocese bretona estaba constituído polo chamado Monasterium Máximus, hoxe desaparecido e identificado pola maioría dos autores co lugar onde se asenta a actual igrexa de Santa María de Bretoña.
Desde entón hai noticias da asistencia dos bispos desta comunidade bretona aos Concilios de carácter provincial e nacional, sendo citada a presencia do bispo Maeloc - notable antropónimo de orixe celta - no celebrado o ano 572 en Braga. Continuaron as mencións destes bispos en diversas destas reunións que tiveron lugar en Toledo, sendo a última das citas a do Concilio celebrado o ano 675 de novo en Braga. Esta comunidade conservou a súa peculiar organización arredor dun mosteiro ao fronte do que figuraba un abade que tiña unha xurisdicción máis persoal, incluso étnica, que territorial, estendida aos grupos bretóns que naquela época chegaron a Galicia e Asturias.
Diversos autores ingleses, bretóns, portugueses e españois avanzaron no estudio crítico desta presencia bretona en Galicia, sendo os aportes da publicación Historia de Bretoña, editada o ano 2000, obra do crego e profesor Antonio García - precisamente natural da vila lucense de Bretoña - os de maior interese na sustentación dun corpus de evidencias arredor da presencia da igrexa bretona en Asturias e o norte de Galicia, chegada por mar á Mariña lucense e instalada arredor do marco territorial da actual diocese de Mondoñedo, sendo o seu centro a devandita freguesía de Bretoña. Máis tarde as incursións musulmanas de principios do século VIII practicamente destruíron a poboación de Britonia que vai esmorecendo, sendo substituído o seu bispado polo de Mondoñedo.
Ultimamente o investigador inglés Simón Young, autor de Britonia, camiños novos, fai unha reinterpretación da diáspora celto-británica e o seu asentamento, baseándose na toponimia, a antroponimia e o folclore, de xeito máis específico este último referido ás barcas de pedra. No que se refire aos topónimos, o citado autor sitúa neste contexto os lugares de Bertón en Caranza e Bertoña na Capela poñéndoos nunha hipotética relación coa sede de Britonia, usando a expresión do seu caletre “Triángulo celto-británico”, abranguendo deste xeito o actual territorio da diocese de Mondoñedo e Ferrol, e abrindo un novo camiño aos investigadores da presencia bretona en Galicia.
Como escribe o noso admirado Carballo Calero que tratou con rigor e seriedade este tema, a materia de Bretaña constitúe unha elaboración literaria de orixe franco-xermánica, construída sobre fragmentarias tradicións galesas, considerándoas incluso máis eruditas que folclóricas. Non obstante, arredor do actual e sobrevido contexto de novas teorías arredor de Britonia e baixo o paraugas da posta en valor da literatura cunqueirana, ultimamente se está a producir a reivindicación dunha chamada Galicia do Norte, en unha mestura formada polo ciclo artúrico, a materia de Bretaña, os santos navegantes e o irmanamento - sen demasiado sentido histórico e sen excesivo predicamento na cidadanía - entre Ferrol e Mondoñedo.
Deste xeito estamos a ver como recréase o imaxinario territorio desa terceira Bretaña que reflicte a presunta chegada a Galicia do bispo Maeloc, nesta ocasión a través das augas do Golfo Ártabro, dando así renda solta a súa fantasía unha amalgama de seguidores de Cunqueiro, admiradores do mago Merlín e investigadores, literatos, poetas e ilustradores da Terra e Mar de Ferrol, con interesantes teorías que sitúan o Monasterium Máximus na ermida de Santa Comba mentres que outros relatan e musican a diacrónica viaxe en amable compaña pola ría de Ferrol do presbítero de Bretaña San Ferreol e o bispo bretón Maeloc, nunha simpática interpretación do mito dos santos navegantes, por outra banda tan común no imaxinario popular dos pobos atlánticos.
Xa nun contexto de maior interese e seriedade e dentro do plano da literatura creativa que permite maiores licencias nos tratamentos históricos, non podemos deixar de citar ao escritor ferrolán Ramón Loureiro, como epígono ou quizais como discípulo avantaxado do mestre mindoniense Álvaro Cunqueiro. Na súa interesante obra As galeras de Normandía está a construír un imaxinario territorio onde desenvolve as novas teorías sobre a Galicia do Norte. Cunha requintada e evocadora linguaxe e unha ubérrima fantasía o autor lévanos a Escandoi, terra milagreira e arremedo bretón do territorio comprendido entre Ferrol e Mondoñedo. Un fermoso libro, irónico, un pouco hermético e ata certo punto innovador, onde o autor mestura axeitadamente ficción e realidade, utilizando personaxes crípticos e outros de doado recoñecemento para facer unha intelixente crítica da Terra e Mar de Ferrol.