A Ermida de Santa Comba. Claves patrimoniais dunha restauración

08/02/2004, Rosa Méndez Fonte

A mundialización e a auxe da alta valoración social que posúen ocio e tempo libre, son fenómenos que, dende hai dúas décadas, caracterizan á nosa sociedade actual. Sobre o tempo libre, afirmaba Inglehart que o seu continuo crecemento e valoración positiva tiña que ser relacionado co cambio cultural que se produciu naquelas sociedades que -como a nosa- coñeceron un período de paz e prosperidade económica. Pola súa banda, o fenómeno da mundialización leva consigo -a modo de autodefensa- unha forte heteroxeneización, en canto a valoración e defensa do propio fronte ó dos “outros”; trazo éste último que dista da imaxe de hibridación cultural á que tanto se nos pretendeu costumar. Así, se por unha banda -e debido, básicamente, á globalización económica e dos medios de información- as sociedades poden absorber unha serie de formas e costumes alleas; por outra, esas mesmas sociedades amosan, de modo inconsciente, unha certa prevención disto, de forma que protexen fortemente os seus trazos identitarios; ó tempo que tentan acadar outros novos, rebuscando para isto entre as súas raíces, non sempre lonxanas.

Así, as sociedades aférranse a unha identidade diferencial, ás veces, baseada na tradición ou na historia, e outras nos bens patrimonias que lle son propios. Unha identidade que podería definirse como a relación dialéctica entre a realidade, as ideas, os valores o os intereses. Conxunto que se nos amosa mesturando o seu carácter cambiante e plural, ó tempo que a súa determinación plásmase a traveso de estratexias e conflictos que a adxectivan coa particularidade de non permanencia. Por outra banda, é evidente que a identidade leva implícito o recoñecemento da diferencia, de aí que a súa materialización se realice en oposición a esta. Estamos, pois,, ante unha construcción de carácter social, cun forte peso semántico-cultural, que ten lugar no presente, e na que se utilizan, en grande medida, unha serie de referentes pasados con marcado desexo de pervivencia futura. A modo de síntese, pódese afirmar que a identidade é unha construcción social de carácter simbólico na que están presentes prácticas e relacións sociais onde a posición relativa dos suxetos no “seu mundo” está directamente relacionada cos intereses do grupo, ata o punto de chegar a delimitar as fronteiras do real.

Nesta liña, e como xa se adiantaba, os bens patrimoniais convértense en acusadas sinais de identidade, do mesmo xeito que a súa conservación, ou mesmo a súa reinvención, poden considerarse como formas dun afianzamento das particularidades presentes. Factores os ata aquí expostos  que conlevan o feito de que no momento actual o concepto de “patrimonio” englobe no seu interior unha multiplicidade de elementos que, ata hai pouco tempo, a penas eran tidos en conta. Obxectos patrimoniais nos que os valores de escasez, antigüedade e diferencia xogan un importante papel.
  
En todo este ámbito ocupa un lugar preferencial o territorio, entendido como o espacio que conforma a súa dimensión e sentido global a traveso dos diferentes significados que lle son atribuídos pola percepción de aqueles que o habitan. Un territorio que nos sitúa ante unha multiplicidade de elementos patrimoniais que caracterizan un dos perfis identitarios dunha cultura, e entre os que a arquitectura ocupa un dos lugares máis salientables.

Deste modo, pois, estamos nun momento no que a conservación de bens patrimoniais está acadar unhas cotas descoñecidas ata agora. Ata ben entrada a década dos oitenta, do século pasado, e á marxe de círculos elitistas moi concretos, a penas se lle prestaba atención á conservación de determinados bens que -dende unha óptica reduccionista, grandilocuente e descoñecedora das estratexias e significados que teñen lugar no ámbito da cultura- eran considerados “menores”. Pola contra, no momento actual, e debido ás razóns que se apuntaban anteriormente, a sociedade no seu conxunto tomou as rendas, apostando por valorar fortemente aqueles obxectos que, dalgún xeito, asume como propios, ó tempo que os percibe diferenciadores en canto a outras sociedades.

Este feito, que no presente está acadar unha fonda raigame, leva consigo que, en determinados casos, sexa un sector da propia comunidade quen, ante o evidente deterioro dun ben común, se poña á fronte da súa conservación, ou restauración.

Exemplo disto último é a restauración da ermida de Santa Comba; impulsada e levada a cabo por un sector da comunidade de Covas, integrado na Asociación Columba. A importancia actual da ermida ven dada, primeiramente, polos significados que lle son atribuídos por aqueles que habitan nos territorios pretos, no senso de que conciben o edificio como un dos símbolos a traveso do cal vese reforzada a súa identidade; actuando os valores tradicional, histórico e de antigüedade como principales elementos aglutinadores do, máis que evidente, consenso social.

Deste modo, a importancia da restauración da ermida non ha centrarse, únicamente, na recuperación dun edificio histórico. Pola contra, a maior relevancia está no feito de que fose un grupo de veciños os que a impulsaran e se puxeran á fronte dela; actitude e compromiso que han ser entendidos dende un sentido de responsabilidade no eido patrimonial e unha fonda implicación cívica. Tendo en conta o seu esforzo, e a multitude de horas adicadas, o feito da restauración revela o grande interese que tiñan por ese edificio, á marxe dos seus valores artísticos e relixiosos. É, pois, en relación con esta fonda carga humana de esforzo e interese, e a partires do eido da recuperación dun ben cultural, como ha entenderse, primariamente, o fundamental significado que transmite a imaxe actual da ermida; cargada xa, por outra banda, dun novo carácter patrimonial no eido arquitectónico que se haberá de ir asentando a partires deste tempo presente.

Por último, apuntar tan só que a percepción social da paisaxe camiña moi por enriba da paisaxe natural mesma. O que “sempre estivo aí”, sobre da terra, cobra un senso profundo e diferente, segundo quen, no presente, o dote de significado E neste tempo que agora estamos a vivir, a ermida de Santa Comba xa acadou con creces, o sentido de ben patrimonial.

 

Rosa Méndez Fonte
(especialista en Patrimonio e Sociedade)

<< Volver