A comarca ferrolá hai 150 anos (I parte)

13/06/2009, Manuela Santalla

O 13 de outubro de 1858 a raíña Isabel II concedelle o título de cidade a vila ferrolá. Noutros escritos xa falamos sobre a significación deste tránsito de “vilano” a “cidadá” no imaginario de Ferrol. E aproveito a revista de Columba para reflexionar dun xeito breve, como era esta comarca ferrolá. Analizaremos para elo, algunhas parroquias –S. Martiño de Covas, S. Salvador de Serantes, S. Xoan de Esmelle- e os concellos de Mugardos, Fene, Neda e Narón.

Segundo as estatísticas municipais ferrolás, no ano de 1850, a vila consta de 10.984 habitantes e e os seus barrios rurais, A Graña e Brión, 1.114, o que fai un total de 12.098 habitantes, cifra moi lonxana dos 31.000 habitantes do ano de 1800. A caracterización socio-profesional desta poboación urbana é a súa dedicación a construcción naval que se leva a cabo no estaleiro de Esteiro –que neses anos arrastra unha crise e atraso tecnolóxico de mais de 50 anos-, e as actividades militares-administrativas do seu arsenal.

O seu entorno rural, as diversas parroquias dos concellos de Serantes, Narón, Neda, Fene e Mugardos serian  as seguintes.

Do concello de Serantes, a parroquia de San Martiño de Covas, as estatisticas nos falan que tén 121 casas labregas, nas que viven 120 veciños –polo que unha estaría en estado ruinoso- ou 630 habitantes,  en Alda, Cobarradeiras, Illo, Pedreira, Picheiro, Prioiro, Ragón e Soagraña. Campesiños que cultivan entre outros productos, centeo, cebada, avena, patacas, legumes, hortalizas e froitas. Teñen gando vacún e pouca caza. Actividades agrícolas que compatibilizan en meses de pouco traballo agrícola, coa pesca no mar e o marisqueo –percebes-. Consta ademais dun serie de muiños de pan e teares caseiros para ó autoconsumo e unha importante dehesa de carballos propiedade de mariña para as súas necesidades madereiras.

Igualmente na parroquia de San Xoan de Esmelle existe unha dehesa de carballos da mariña e dos muiños fariñeiros que moen sobre todo en inverno. A parroquia consta de 110 veciños coas súas respectivas casas labregas ou 487 habitantes.

A parroquia de San Salvador, que comprende os lugares de Aneiros, Bosque, Corrales, Malata, Montecoruto, Pazos, Pescante, Serantellos, Souto, Viladoniga e Vilasante,  representa  a capital deste concello de Serantes e conta de 106 casas nas que viven 110  veciños ou 711 habitantes. Como observamos, con respecto a San Martiño, en San Salvador varias familias comparten a mesma casa.

A maior parte dos seus veciños son campesiños que producen viño, millo, patacas, cebada, legumes, froitas. En canto o gando que traballa, é o de vacún e de cerda. Tén unha importante caza de aves, como perdices e codornices. E pesca troitas nos seus rios da Sardiña e no Carballo-mouro. Consta ademais dunha fábrica de curtidos , outra de papel, muiños fariñeiros e dúas dehesas de carballos da mariña en Serantellos e Souto.

O resto das parroquias de Serantes serían: Santa María de Caranza, S, Román de Doniños, S. Xoan de Esmelle, S. Pedro de Leixa, Sta Uxía de Mandía, S. Zurzo, Marmacon, Sta Icía e Sta. Mariña do Vilar, que xunto as xa citadas de S. Martiño, S. Xoan e S, Salvador, sumarían en total, 900 casas nas que viven 1.128 veciños –é decir, existen familias que comparten un mesmo domilio- ou 5.365 habitantes.

 Con respecto ó concello de Naron, consta de unha serie de parroquias como son: Castro, Doso, Xuvia, Narón (capital do concello), Pedroso, Placente, Sedes, Trasancos e o Val. Tén 1.100 casas campesiñas, (pero non unha casa-concello propiamente dita e unha cárcere en Sedes), na que habitan 1.146 veciños ou 5.075 habitantes. A súa producción agrícola consta de millo, patacas, trigo, hortalizas, cebada, centeo, etc. En canto ó gando, destaca o vacún, cabalar, mular e de cerda. A pesca de río –troitas-, é moi importante no río Xuvía. En industria destaca a Fábrica de moeda e cobrería de Xuvía, 2 fábricas de curtidos, teares caseiros e varios muiños fariñeiros.

O concello de Neda que integra as seguintes parroquias de Anca, San Nicolás (capital), Neda e Viladonelle. Consta de 1.160 casas, nas que viven 1.183 veciños ou 6.106 habitantes. Na sua producción agrícola destaca o viño,  cereais, legumes, patacas, froitas,  hortalizas, etc. En canto ó gando, destaca o vacún e o de cerda. A pesca de río é importante no Belelle e na ría, destaca sobre todo o marisqueo de mexillóns. En industria, destacan 4 tenerias, entre elas a da Florida –actual Pazo da Merced-, varios teares de lino, un muiño papeleiro e 12 muiños farineiros e unha aceña que elaboran o pan co que surten a unha parte da población ferrolá.

No concello de Fene, destacan as parroquias de Barallobre, Fene (capital), Limodre, Magalofes, Maniños, Perlio e Sillobre. Consta de 810 casas nas que viven 811 veciños ou 3.756 habitantes. Destaca a súa producción agrícola de patacas, millo, viño, legumes e froitas. No gando, cría vacún e de cerda. A pesca é marítima e marisqueo –almeixas-. Hai 11 muiños farineiros e unha aceña que producen pan para a súa venda na vila ferrolá.

O concello de Mugardos, consta das parroquias de Franza, Meá, Mugardos (capital) e Piñeiro. Tén 1.120 casas nas que viven 1.091 veciños ou 5.444 habitantes. A súa producción agrícola consta de viño, patacas, millo, legumes e froitas. Tén 2 muiños farineiros, 6 teares de lenzo e estopa. A súa importancia ecónomica vén dada por unha puxante pesca en fresco e salada que se elabora en 7 fábricas de salazón. O seu peirao ten un gran número de embarcacións, como son: 21 faluchos, 29 lanchas, 8 minuetas e 92 botes que serven asimismo para o transporte de pasaxeiros na ría de Ferrol e outros puntos, como a cidade coruñesa. Pesca sobre todo polbos e sardiñas que transforma nas súas fábricas de salazón e exporta sobre todo a Cataluña e outros puntos de Galicia.

 

<< Volver