Mesa Redonda sobre os traballos realizados nas illas de Santa Comba

05/05/2017

​​

O venres 5 de maio, ás 19:30, na sala de eventos do faro de Cabo Prior, celebrarase unha mesa redonda sobre los traballos realizados nas illas de Santa Comba,

 

Participarán:

 

Organiza: Sociedade Cultural Columba

Colabora: Autoridad Portuarioa de Ferrol - San Cibrao

 

 

 

O XACEMENTO DAS ILLAS DE SANTA COMBA E O SEU CONTEXTO:
PRESENTACIÓN E BASES DUN PROXECTO DE INVESTIGACIÓN

Xosé-Lois Armada
Víctor Alonso Troncoso

INTRODUCCIÓN

Este libro presenta os resultados da investigación desenvolvida nos últimos anos ao redor do xacemento das Illas de Santa Comba (Covas, Ferrol) e o seu contorno, baixo a coordinación do grupo de investigación "Historia, Arqueoloxía e Análise Territorial" (HAAT) da Universidade da Coruña (UDC)1.

Responde en boa medida, ao compromiso amosado por este grupo e polos seus integrantes coa investigación e a valorización do seu ámbito xeográfico máis próximo,que con anterioridade ten dado lugar a encontros científicos e monografías sobre o pasado galaico-romano de Ferrolterra (Alonso Troncoso 1997), o patrimonio histórico das Pontes de García Rodriguez (Alonso Troncoso 2003), o patrimonio histórico-cultural da Serra da Capelada2 ou, recentemente, a historia e o patrimonio do Golfo Ártabro (Alonso Troncoso et al. 2014).

 

Neste caso, a nosa atención concentrouse nun xacemento e nunha zona que acreditaban xa unha interesante experiencia previa da participación ciudadá no seu estudo e valoración.

En efecto,foi a Sociedade Cultural Columba que impulsou as actuacións de restauración na ermida de Santa Comba e as primeiras intervencións arqueolóxicas no xacemento que esta se atopa3.

O día 21 de abril de 2008, durante a inauguración da exposición Os tesouros de Santa Comba na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, o presidente de Columba, José López Hermida, lanzoulle á Universidade o reto de continuar as investigacións no lugar.

Asumindo a vocación universitaria de coñecer e valorizar a realidade máis próxima –en absoluto incompatible coa dimensión universalista da institución académica– e tendo en conta tamén que a problemática presentada polo xacemento e o seu contorno cadran ben cos obxectivos científicos do grupo HAAT, comezamos a deseñar un programa de actuacións.

A súa materialización foi posible,sobre todo,grazas ao apoio da UDC, como se detalla máis abaixo. Outras fontes de financiamento complementarias contribuíron á consecución dos obxectivos propostos, caso sa axuda outorgada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Xunta de Galicia) á rede interuniversitaria de investigación Patrimonio Cultural: Servicios Históricos y Técnicos (R 2014/024), da que formou parte o HAAT, dentro do programa de estímulos para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema universitario galego (2014-2015); ou da subvención concedida pola Deputación da Coruña á Sociedade Cultural Columba para completar os traballos de prospección xeofísica en Santa Comba.

 

O proxecto deseñouse cun enfoque participativo, interdisciplinario e sen esquecer a súa función formativa, na medida que boa parte dos traballos derivaron, ao mesmo tempo, en clases prácticas no terreo ou nas aulas da Facultade de Humanidades e Documentación.

Os resultados e os pasos a dar fóronse comentando no seo do grupo e cos membros da Sociedade Cultural Columba.

A execución dalgunhas das actuacións estivo ao abeiro dun convenio co Instituto de Investigacións Científicas (CSIC), centro de traballo dun de nós durante a fase principal de desenvolvemento do proxecto.

Por último, convidamos a participar neste volume a algúns colegas e amigos que, sen formar parte dos tres colectivos directamente implicados (HAAT, Incipit e Columba), estaban en condicións de sumarse a este proxecto de coñecemento.

En calquera caso, cómpre destacar que este libro quere ser, soamente, un chanzo máis no estudo e valoración do xacemento das Illas de Santa Comba e sa súa contorna. Non pretendemos ofrecer un estado da cuestión pechado e definitivo,senón simplemente contribuír a entender un pouco mellor unha realidade diacrónica e poliédrica que require un acercamento interdisciplinario e da que aínda restarán bastantes cousas por descubrir4.

 

Descrita a xénese dos estudos que constitúen este libro, este capítulo ofrece un primeiro achegamento descritivo ao xacemento das Illas de Santa Comba e aos elementos patrimoniais de máis relevo nos seus arredores,caso da mina de Covarradeiras.

A nosa exposición e loxicamente sintética na medida de que existe unha bibliografía apreciable sobre a área arqueolóxica en cuestión, sinaladamente a monografía xa mencionada sobre o xacemento Santa Comba. Un Referente Arqueológico en la Costa Ferrolana (VV.AA. 2002), polo que non creemos obrigado reiterar información que resulta facilmente accesible.

Por último,facemos unha descrición da recente etapa de traballos en Santa Comba, explicando as súas motivacións e outros datos relevantes.

 

 

___________________

NOTAS

1 O grupo está radicado na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, sendo Victor Alonso o seu coordinador e Xosé-Lois Armada colaborador pertencente a outro organismo.

2 Curso de verán Patrimonio histórico-cultural da Serra de Capelada: investigación e posta en valor, organizado polos asinantes do presente capítulo e celebrados os días 23 e 24 de xullo de 2008 no Auditorio Municipal de Cedeira, coa colaboración deste concello.

3 Pode verse a páxina web http://www.sociedadecolumba.com/ e a revista Columba, con 14 números publicados entre 1997 e 2014. Tamén o volume que recolleu os resultados da primeira escavación arqueolóxica no xacememto Santa Comba. Un Referente Arqueológico en la Costa Ferrolana (VV.AA. 2002)

4 Desde un primeiro momento manifestamos especial interese en incorporar a este volume –convidando a colaborar os seus respectivos responsables– os resultados da segunda campaña de escavacións e as datacións radiocarbónicas derivadas de mesma (2006), así como as datacións radiocarbónicas correspondentes á primeira campaña (2001), as cales non chegaran a tempo de seren incluídas na monografía correspondente Santa Comba. Un Referente Arqueológico en la Costa Ferrolana (VV.AA. 2002).
Lamentablemente estas colaboracións non chegaron a materializarse, sendo os citado os únicos traballos arqueolóxicos realizados en Santa Comba que fican pendentes de publicación a día de hoxe.
O estudo das datación radiocarbónicas correspondentes á campaña de 2006 para a súa publicación neste volume foi encargado e pagado en 2012 ao arqueólogo que as recibira do laboratorio no seu día (e que non foi o director da escavación), pero dito arqueólogo, incumprindo as obrigas contraídas,non entregou ningún.