X. M. Pérez Parellé. Versos a Cobas

12/04/2009, Rosa Méndez Fonte

​​

Naceu Xosé María Pérez Parallé na coñecida entón como Aldea de Canido un 4 de agosto de 1909, xustamente cando nacía tamén nos nosos arsenais a Sociedad Española de Construcción Naval. De mozo, comezou en Santiago os estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Maxisterio. É tamén dese tempo, finais dos anos vinte, a súa participación no nacemento da revista Abrente, onde publicará o seu primeiro poema. Destaca, por último,  neste periodo a súa presencia no Centro Obreiro de Cultura, de Ferrol.

Xosé María Pérez Parellé

Será un mal ano 1936 para a súa integración no Corpo de mestres do Ensino Primario, e de feito chegará a ser afastado da docencia, coma tantos outros mestres cuxo pasado non contiña unha mínima carga ideolóxica de franca dereita. Anos máis tarde atoparémolo á fronte da Academia Akademos, pero esta labor docente, unha vez máis, será freada polo réxime en 1947. De aí que, finalmente, o seu traballo se desenvolva en BAZÁN, un eido ben diferente, como administrativo ou mestre da Escola de Aprendices.

Dende a súa residencia en  Barallobre, no Casal de Sandulfe- O Penedo,  levou a cabo unha permanente e diversa actividade cultural, tanto no eido social como no literario. Nesta última liña acadou en Galicia non poucos premios e recoñecementos, aínda que tamén os acadou en Portugal, Francia ou en Madrid. Igualmente foi recoñecida polo Concello de Ferrol a súa faceta de dinamizador cultural, polo que será nomeado Fillo predilecto e daráselle o seu nome a unha rúa de Canido, do mesmo modo que tamén é nomeado Fillo predilecto deste barrio. En Barallobre, comparte o espacio do monumento ó Camiñante Descoñecido con Rosalía, Curros, Castelao, ou Pondal. E chegou a ser socio de honra de varias agrupacións e sociedades, tales como os Círculos Mercantís de Xubia e Fene e a Sociedad Artística Ferrolana, con quen mantiña unha especial relación. Nesta liña de presencia e actividade no eido da dinamización cultural, no  Círculo Mercantil de Fene sementou as primeiras inquedanzas  para a celebración do Día das Letras Galegas.

Foi Otero Pedrayo quen lle puso o sobrenome de “Poeta azul de Ferrol, Poeta Azul do Atlántico”, namentres que ante si mesmo se recoñecía como “Segrel mariñán”, ou era “O Poeta do Penedo”, para os seu amigos e os veciños de Fene.

Hai tamén que facer fincapé nesa obra literaria que nos deixou, fundamentalmente ligada ós xéneros poético e teatral, no que fai un acusado fincapé no caracter popular e festivo; entre o primeiro destacan: Mariñanas (1961), Non falarei, non (poema premiado en Guimaraens, formando parte do xurado Xesús Alonso Montero, 1975), Cartafol da saudade (1983), Dorna romeira (1985), Chanteiro (1990) e Poemas, cantigas (1995). Namentres que como dramaturgo escribiu: O rodicio (1977), A Sabela (1982), Doendelas de Nadal (1983) e Parladoiro, 1986. Unha obra á que hai que engadir o traballo de incansable letrista de composicións para rondallas e corais de Ferrolterra, ou adicadas tamén a persoas ou lugares da súa querencia. Exemplo disto último pode ser o poema que leva por título Degoiro: Lús de lúa na ribeira;/ múseca de caricola;/ beixo d-escuma da ola;/ riso de dorna xeiteira;/ Lúa,/ dorna,/ caricola/ noiturnal de muiñeira.

Pero entre o importante número de poemas escritos por Pérez Parallé, quero deixar nestas páxinas un poema adicado a Cobas, coa fin de que, a partires de hoxe, forme parte da memoria dos habitantes desta parroquia ferrolá que linda, mar por medio, coas Américas:

 

¡Mar de Covas, tolo mar!
Mar de roucas ardentías.
Mar das miñas fantasías.

Mar
de
Covas,

das verbas pró meu cantar.

 

Mar dos longales salseiros
e das albas areosas;
mar das furnas misteriosas.

Mar
de
Covas,

dos meus soños mariñeiros!

 

Mar dos meus amores ledos;
mar da miña mocedade
salgada de soedade.

Mar
De
Covas

que sabes dos meus sagredos!

 

Mar bruxo, falagador,
na escuma do teu engado
eu te deixei, magoado.

Mar
de
Covas,

Verbas murchas dunha fror!

 

Mar de Covas, xurdio Mar;
mar da miña doudaría,
falar contigo quería.

Mar
de
Covas,

pró me afogou n-ardentía
un balbudio devalar!

 

Mar da miña fantasía!
¡Ai, Mar de Covas! ¡Meu mar!

 

 

O pasamento de Pérez Parallé aconteceu o 1 de novembro de 1987. O féretro ía cuberto coa bandeira de Galicia e portado por homes das rondallas e corais, que ían ataviados coas súas mellores galas. Foron moitas as persoas que manifestaron o seu sincero pesar e agarimo por D. Xosé María. No trance das exequias, máis que pola perda dun poeta, salientábase o sentimento de non contar xa coa presencia dun home bo, dun sempre compañeiro, dun home atento ó devalar cotiá do pobo. Á fin, os poetas e os dramaturgos sempre poden ser reivindicados como tales no futuro, namentres que os amigos de verdade adoitan levarse co seu espirito toda a nosa mágoa, todo o noso respecto e lembranza da súa andaina entre nós. Tal foi o trazo humano que perviviu para moitos daqueles que coñecían a este Segrel mariñán.

 

 

<< Volver