Valores naturais presentes no espazo Marmadeiro - Santa Comba - Sartaña (Covas - Ferrol)

04/05/2007, Sociedade Galega de Historia Natural

​​

A franxa costeira comprendida entre o Cabo Prior e a Punta Ferruxeda configura un espazo diversificado no que se asentan varias comunidades vexetais sobre un sustrato areoso.

O conxunto componse por un extenso campo dunar, chairas de asolagamento, cantís litorais e elevacións do terreo con dunas remontantes. Ademais, tres regos o cruzan de sur a norte, dando lugar a comunidades riparias  e lacustres.

Exemplar de Dactylorhiza maculata

Ubícase dentro do Lugar de Importancia Comunitaria “Costa Ártabra” e constitúe unha Zona de Especial Protección para as Aves. Por ámbolos dous motivos, pertence á Rede Natura 2000, da Unión Europea. Destaca por ser unha das zonas litorais mellor conservadas de Galicia, grazas á pouca presión humana e a un case inexistente impacto urbanístico.

Cómpre salientar tamén a existencia de endemismos vexetais do maior interese, entre eles dúas especies que figuran  no Anexo II da DIRECTIVA 97/62/CE DO CONSELLO de 27 de outubro de 1997: Omphalodes littoralis subsp. gallaecica (distribuída cunha alta densidade practicamente por todo o cordón dunar de Marmadeiro, Santa Comba e Ponzos) e Centaurea borjae (en grave perigo de extinción, con dúas únicas poboacións, unha na Serra da Capelada e a outra no cercano Cabo Prior, onde a existencia de  especies de montaña como Primula veris e Fritillaria pyrenaica confírelle ao espazo un maior interese).

Esta rica flora conforma hábitats de grande interese nos que se asenta unha valiosa fauna.

Todas estas razóns levan a suxerir a necesidade de protección especial para esta franxa costeira, coa fin de asegurar a súa conservación e a dos valores que a integran.

Exemplar de Hepipactys palustris
Exemplar de Omphalodes litoralis gallaecia

 

Hábitats presentes neste espazo.-

  • Dunas móbiles embrionarias con vexetación da Clase CAKILETEA MARITIMAE (Código Natura 2000: 2110).
  • Dunas móbiles de primeira fronte dunar con dúas asociacións: As. OTHANTO MARITIMI – AMMOPHILETUM  AUSTRALIS e As. IBEREDETUM PROCUMBENTIS, pertencentes á Clase AMMOPHILETEA (Código Natura 2000: 2120).
  • Dunas con pasteiros anuais da asociación ASTEROLINON-RUMICETUM BUCEPHALOPHORI, da Clase HELIANTHEMETEA GUTTATI. Neste hábitat aparece o endemismo das costas da provincia da Coruña Omphalodes littoralis subsp. gallaecica, incluído no Anexo II da Directiva Hábitats da U.E.
  • (*) Dunas grises con vexetación herbácea (Código Natura 2000: 2130).
  • (*) Dunas remontantes coa asociación ULICI-ERICETUM CINERAE, da Clase CALLUNO-ULICETEA (Código Natura 2000: 2150).
  • Nos regos, asociacións da Clase PHRAGMITO-MAGNOCARICETEA.
  • Pasteiros densos de Festuca rubra subsp. pruinosa, pertencentes á Clase JUNCETEA MARITIMI, asociación DAUCO GUMIFERI-FESTUCETUM PRUINOSAE (Código Natura 2000: 1410).
  • Chaira asolagada, con asociacións da Clase MOLINIA ARRHENATHERETEA.

Os hábitats indicados co código Natura 2000 figuran no Anexo I da Directiva de Hábitats da Unión Europea como “Tipos de hábitats naturais de interese comunitario cuxa conservación require a designación de zonas de especial conservación”. O símbolo (*) indica os tipos de hábitats prioritarios.

 

Especies vexetais ameazadas presentes neste espazo

Segundo o Listado da Flora Rara e Ameazada de Galicia, realizado por S. Ortiz, J. Rodríguez Oubiña e I. Pulgar  (1998), considéranse varios niveis de  ameaza:

  • Especies en perigo de total extinción: Omphalodes littoralis subsp. gallaecica e Centaurea borjae.
  • Especies endémicas de área reducida e especies de interese, en perigo de extinción en Galicia: Linaria polygalifolia subsp. aguillonensis, Mibora minima subsp. littorea e Rumex acetosa subsp. biformis.
  • Outras plantas de interese que deben ser protexidas en maior ou menor medida: Antirrhinum majus subsp. linkñianum, Iberis procumbens, Ophioglossum vulgatum e as orquídeas Epipactis palustris, Spiranthes aestivalis, Ophris sphegodes, Ophris apifera, Serapias lingua e Dactylorhiza elata subsp. sesquipedalis.
Exemplar de Ophris sphegodes
Exemplar de Ophris sphegodes

 

Protección deste espazo no Plan Xeral de Ordenación Municipal

No artigo 73 menciónase o Plan Especial de Protección do Espazo Natural de Cabo Prior (PE-5-R), e no artigo 74 o Plan Especial de Protección do Espazo Natural da Illa e Contorno de Santa Comba (PE-6-R). No apartado tres de cada un destes artigos, especifícanse os obxectivos xerais do Plan Especial, que serán, entre outros:

  • A protección, conservación, rexeneración e valorización do medio natural no seu conxunto e dos elementos de interese natural, paisaxístico e ambiental que o conforman, incluída a flora e a fauna.
  • A regulación dos usos e actividades produtivas compatibles co mantemento dos valores naturais, ambientais e paisaxísticos a preservar.

 

Análise da situación: causas e consecuencias da destrución do hábitat

A crise económica actual, que se trata de agochar por medio do apoio a políticas enganosas centradas no “boom” urbanístico e que dan lugar a situacións aberrantes como a denominada nomeada  “burbulla inmobiliaria”, disposta a estoupar en calquera momento, ameazan con destruír, e en moitos casos xa o lograron, espazos naturais de alto valor ecolóxico, como é o caso da zona que nos ocupa.

Exemplar de Dactylorhiza elatha

A explotación destes valiosos recursos naturais pouco beneficio reporta aos pequenos propietarios, só enriquecen unhas cantas empresas especuladoras, sempre predispostas a conseguir as maiores ganancias. Os gobernos municipais colaboran de bo grado nestas operacións, pois por unha banda obteñen ingresos vía impostos, e por outra encubren  o grave problema de viabilidade económica das diferentes propostas baralladas para dar solución ao problema do paro que sofre a poboación. Téntase desta maneira de sacrificar unha  das poucas riquezas que queda no concello ferrolano, o medionatural, sen importar que a maior parte do territorio do litoral estea sometida a protección con figuras como  Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Con esta política infrinxen a Lei de Hábitats, que obriga ás administracións a velar polos valores naturais dos seus territorios.

Non menos importante ca o problema anterior é a política de concentración parcelaria levada adiante polos diferentes gobernos autonómicos, empeñados todos eles en dar as costas aos intereses da poboación rural e adxudicando un reparto de usos para as terras concentradas que en nada aproveitan aos seus propietarios. É esta unha política contraditoria que por unha banda promove o abandono do agro e por outra banda concentra propiedades coa suposta fin dunha millora na explotación das terras de cultivo.

Tratándose de zonas de litoral, terras de pouco valor dende o punto de vista agrícola, areosas ou asolagadas, sabemos ben que a única función que se lles asigna é a urbanística ou turística. Curiosamente son os valores naturais o maior atractivo dende o punto de vista turístico que posúen estas zonas litorais, pero dase o paradoxo que a explotación urbanística só se consegue a expensas da destrución deste medio. Disto temos exemplos dabondo na franxa litoral do sur de Galiza.

De partida, os danos causados no medio pola concentración parcelaria, son ben patentes:

  • Canalización de augas, por medio de gavias, provocando a desecación dos humidais.
  • Perda de masa arbórea polas talas que preceden ou suceden ao reparto  das parcelas, sobre todo en bosques de ribeira.
  • Abandono de prácticas agrícolas beneficiosas dende o punto de vista medioambiental que contribuíron ao longo de moitos anos á conservación de interesantes hábitats. Vaia como exemplo o aproveitamento do estrume ou de herbas altas dos humidais, colaborando na formación da alta biodiversidade da zona.
  • Remoción de terras coa fin de homoxeneizar as novas parcelas, moitas veces acompañada de recheos con materiais procedentes de desmontes, para elevar o nivel das terras e eliminar o asolagamento, perdéndose hábitats interesantísimos dende o punto de vista ecolóxico, aparecendo comunidades vexetais de moito menor interese e dando lugar a unha degradación ecolóxica e paisaxística.

Coa fin de prever a aparición de todos estes problemas, cómpre esixir dos poderes públicos auténticas políticas de desenvolvemento que non supoñan o deterioro dos recursos naturais e que non conleven o abandono do agro. Potenciar a agricultura e a gandería ecolóxicas sería unha boa solución, xa que aunan intereses económicos e medioambientais. A esta fin axuda o feito de que as prácticas da agricultura tradicional de Galiza están pouco reñidas cos principios da agricultura ecolóxica, o que faría moi doada a reconversión a este modelo agrícola, de recente aparición pero de crecente demanda por parte da poboación.

Por outra banda, é imprescindible a divulgación, por parte das administracións, dos valores naturais, de tal maneira que a poboación sinta como algo necesario a conservación dos espazos naturais, evidenciando a súa contribución á protección e evolución dese medio, que posúe valores herdados e que deben quedar en herdanza para as xeracións futuras.

Se se potencia o sector turístico, as infraestruturas deberán estar alonxadas dos centros de interese paisaxístico e natural, procurando que os accesos a estes sexan respectuosos co medio. Non hai lugar nestes espazos para a instalación de complexos deportivos e campos de golf que suporían a destrución dos hábitats, algún deles prioritario, existentes no lugar, co que non se cumpriría ningún dos obxectivos mencionados no Plan Xeral. A consecuencia inmediata sería a destrución da vexetación autóctona no lugar onde se ubica, ademais, as zonas colindantes serían tamén afectadas por invasión de especies foráneas, cambio de pH, residuos de produtos tóxicos empregados no mantemento das instalacións, aumento do tránsito e impacto paisaxístico.

Se cumprimos con estas permisas estaremos dando un paso cara o auténtico progreso, que en ningún caso debe significar destrución  dos recursos humanos ou naturais.

<< Voltar