Unha pequena cata na toponimia de Covas

08/02/2004, Henrique Dacosta López

   Antes de máis, cómpre sinalarmos que actuar sobre un territorio de dimensións relativamente reducidas, tal é o caso do da aldea ou parroquia de Covas, condúcenos xa a aclarar de partida que imos facer estudio (se cadra, pretenciosa en exceso a palabra para o caso que nos ocupa) da toponimia menor ou microtoponimia na súa maior parte. Porque, certamente, estes nomes de lugar son abundantísimos, nomes que teñen que ver, por exemplo, con leiras, herdades, regas e regatos, cotos, montes, penas, coídos, e aínda moitos outros moi concretos que confeccionan a nosa restricta (ben que por iso non menos interesante e/ou importante que a de calquera outro sitio) xeografía parroquial.

E de aí, e por exclusión por tanto, que entendamos que a toponimia maior (e en relación ao noso caso concreto de Covas) teña de ser toda aquela que fique fóra da clasificación anterior, isto é, a correspondente ao cabo, ás praias, a algún monte e aos lugares (entendidos aquí como espacios xeográficos habitados, cunha importancia superior aos dos restantes topónimos, e singularizados con respecto aos demais); visto o cal, referirémonos, xa que logo, ao Prioiro (como cabo), a, por exemplo, Ponzos, Santa Comba e o Vilar (como praias), á Lagoa (como monte) e, de novo, ao Prioiro —aquí como lugar—, á Pedreira, á Aldea, ao Piñón, a Covarradeiras e a *Ragón1 (como lugares tamén)...

Pero tentemos ir ao esencial do asunto que hoxe aquí nos ocupa. En liñas xerais, o que máis axiña chama a atención do neófito ou de calquera persoa que queira mostrar un mínimo de curiosidade sobre algún aspecto da toponimia (sexa polas razóns que fosen), é se ese nome  posúe unha significación transparente, isto é, se significa algo concreto aínda na actualidade ou se, pola contra, ten unha significación opaca, é dicir, que non logramos relacionar de inmediato con calquera elemento léxico xeral común galego. Así pois, coloquemos que nesta relación2 poderían estar, por exemplo:

Transparentes: (A) Barrosa, (O) Codesal, (A) Cova, (A) Fonte da Lousa, (O) Gaivoteiro, (As) Percebelleiras, (O) Seixo...

Opacos: (A) Brixería, (A) Arrouba, (A) Chafarota, Donares, Foutadoiros, (O) Gaspallar, (O) Gorgoeiro, (O) Noco, (O) Penderadoiro...

Con todo e con iso, faise preciso que nos armemos de cautela a este respecto con certo tipo de topónimos que puidesen aparentar transparencia. As falsas pistas existen; ás veces con maior frecuencia do que cabería supor. Porque a toponimia (quérese dicir, o estudio dos nomes dos lugares) camiña por vieiros en exceso escorregadizos, pois é unha rama da filoloxía que presenta con demasiada reiteración lagoas, supostos, hipóteses que, ata ao máis douto, lle poden asaltar. Así, poñamos como exemplos da nosa parroquia, os casos de Marmadeiro ou o do Coto dos Moros.

No primeiro deles, salta á vista que calquera aproximación, por mínima que esta for, inclinaríanos a pensar nun topónimo composto de dous substantivos, “mar” e “madeiro”. (Quen isto lles escribe ten escoitado ata a saciedade sobre a firmeza desta composición de elementos, e mesmo se lle asegurar que polo Cano de Marmadeiro, nos invernos de antes, víanse restos de madeiras subindo por el, despois de traídos e empurrados pola salsa.) Dita posibilidade, como cabe entender, non deixa de antollársenos bastante arriscada. E é que, ¿quen foi primeiro, o “cano” ou o “campo” [de Marmadeiro]? Dar por válida a primeira das hipóteses sería tanto como dicir que foi a corrente de auga a que deu nome ao resto do terreo con posterioridade. Pero, ¿por que non ao revés? Non sería nin o primeiro nin o último dos casos en que así sucedería. Polo que a nós respecta, seriamos partidarios da hipótese segunda e, por tanto, de estarmos perante un caso de topónimo opaco, de falso transparente pois. E non porque o diga quen isto lles escribe, senón porque xa outros falaron con anterioridade, xustamente, deste topónimo. Que nós coñezamos (argumentaremos con dúas posibilidades) estas serían as súas posíbeis orixes:

1) Procedería de MARMATARIU(M), raíz que tamén achamos no veciño Marmancón, que xa se documenta na Idade Media, e que podemos remontar a unha raíz *marma(r)- ‘pedra cristalizada, mármore, cuarzo ou seixo’, MARMORE(M) no latín (‘mármore’)3.

2)Procedería da palabra marmea ou marmaeira, un dos nomes que recibe a planta tamén coñecida como camariña, camariñeira ou herba da fame. (Nun principio, a palabra camariña tería designado simplemente o froito, mentres que camariñeira tería designado a planta tan só; polo que marmea e marmaeira estarían na mesma relación que estas4.)

Escolla, quen quixer, algunha das dúas hipóteses argumentadas. Caso de pensarmos na solución primeira, poderiamos apuntar que tan raro non sería, pois que o seixo é pedra ben frecuente en toda Galiza, e no campo de Marmadeiro non sería unha excepción. Na segunda, fala o detentor desta posibilidade, que o noso erudito do séc.XVIII, Frei Martiño Sarmiento, estivo no Cabo Prioiro en 1754 e dixo ter atopado nel as tales camariñas (ou marmeas); e isto aconteceu, máis concretamente, no areal do Prioiro. Posteriormente xa outros estudiosos viñeron confirmar a presencia de ditas plantas. Polo que estraño non sería, e aquí somos nós os que falamos agora, que o colorido do froito —branco como é— puidese remitir á mesma coloración que a do citado mármore ou seixo e, xa que logo, que a procedencia do significante da palabra nos envíe á expresada por Fernando Dopico. (E dicimos isto con todas as reservas, xa que nós debemos confesarlles que tanto descoñecemos a palabra marmea/marmaeira, como variante da forma camariña/camariñeira ou herba da fame, como, por tanto, a presunta procedencia da etimoloxía de tal palabra, co cal aquí estariamos simplemente a facer conxecturas.)

No segundo dos topónimos escollidos, Coto dos Moros, novamente as suposicións máis apuradas farían recaer o nome na presencia de tales seres fantásticos do imaxinario popular galego, se ben ninguén do lugar sería quen a aventurar demasiado ao respecto. Alén diso, habería que considerar que o nome verdadeiro na lingua do país tería que ser o de “mouros”, tanto se nos referimos a ditos seres mitolóxicos como aos habitantes do norte da África como á cor negra. Todos os indicios fannos pensar en que poida proceder da raíz preindoeuropea *mor ‘pedra, monte pedroso’, base tamén presente noutros topónimos galegos como Chamorro, ou en Morrazo, Mourelos, Mourela, Moraña, etc., e aos que xa se teñen referido os estudiosos Elixio Rivas Quintas e Fernando Cabeza Quiles entre outros.

Por último, e sen entrarmos en maiores profundezas que deixaremos, quizá, para mellor ocasión, tentaremos establecer unha pequena catalogación por familias ou conxuntos, no que respecta ao que nos din os nomes de lugar, do que nos falan ou do que nos informan. Porque, e aínda que custe crelo, todos e cada un dos nosos topónimos no seu día foron transparentes. ¿Que aconteceu, pois, para chegarmos á situación actual? Fácil de explicar. Os diferentes pobos que viñeron a Galiza, antes e despois dos romanos —recórdese que a nosa lingua provén do latín— foron deixando presencia da súa pegada lingüística; non en van viñan —á parte de coas súas armas e demais pertenzas, crenzas, coñecementos e organización...— cos seus idiomas. Co paso do tempo uns superpuxéronse aos outros, facéndoos esmorecer, e así ata a chegada destes (dos romanos), que impuxeron o latín e que, transformado en galego no noso territorio, fixo desaparecer toda lingua anterior. Restos lingüísticos (léxicos sobre todo) deses pobos, a través dos idiomas que eles trouxeron e falaron, fóronnos, sen embargo, ficando, e non só na toponimia, senón tamén no léxico común, no do día a día. Deste modo falamos de linguas (e pobos) anteriores ao latín ou substratos (preindoeuropeos, célticos e ligures/ilirios); o propio latín ou estratos; e posteriores a este ou superestratos (xermánicos, árabes e celtas posromanos, e cabería engadir aínda de linguas de igual xeito posteriores ás destes tres pobos citados —xa conformados e consolidados os idiomas romances trala transformación do latín—, tales como occitanos, franceses ou italianos).

O home do lugar, o habitante ou morador dun lugar, bautizou cada sitio atendendo ou respondendo sempre a varias razóns lóxicas5 :
1) Que houbese animais porque, por exemplo, alí vivían libremente. Ás veces ata se chegou a ocupar o seu territorio. Noutras ocasións fixeron mención a outros de carácter doméstico. Tecnicamente coñecemos estes nomes como zootopónimos: (O) Aguiúncho, (O) Gaivoteiro, (O) Muñato, (A) Ventureira, (O) Corveiro, (Os) Cabalos, (A) Besta, (As) Cabras, (O) Golpe, (O) Xurelo...
2) Que houbese plantas en abundancia, ou que houbese necesidade de nomear un tipo de cultivo, bosque ou outros porque, por exemplo, alí se construíu un vilar, un muíño, unha fonte... Tecnicamente coñecémolos como fitotopónimos: (O) Boedo, (O) Canizal, (A) Murixosa, Cardido, (O) Codesal, (O) Felgal, Suafigueira, (O) Salgueiro, (A) Urxeira, (As) Cabazas, Avieira...
3) Que o terreo fose configurado dunha forma determinada, segundo o relevo, o aspecto e a situación particular. Tecnicamente coñecémolos como orotopónimos: (Os) Aguillós, (O) Coio, Cotodaguia, (O) Coído, Covas, Covarradeiras, (O) Medote, (A) Guinchueira...
4) Que fixesen referencia a correntes de auga doce, lugares lacustres ou onde apoza a auga. Tecnicamente coñecémolos como hidrotopónimos: (A) Auga Mexa, (A) Bulleira, (O) Ulló, (A) Fonte da Tella, (A) Regueira, (O) Río dos Caínzos, (Os) Corgos, (O) Cal de Non, (O) Cano da Barreira...
5) Que fixesen referencia ao nome de grupos humanos diferenciados como pobo. Tecnicamente coñecémolos como etnotopónimos: (As) Castellanas
6) Que fixesen referencia ás construccións, institucións relixiosas, dependencias e demais relacionadas con estas. Tecnicamente coñecémolos como haxiotopónimos: (O) Prioiro, (A) Igrexa, Santa Comba, (A) Comba
7) Que fixesen referencia a establecementos sedentarios ou de habitación: (A) Aldea, (O) Casal, (As) Casas Vellas, Soagraña, (O) Vilar
8) Que fixesen referencia a construccións, edificacións, fundacións e vías de comunicación: (O) Camiño Novo, (A) Carreira Vella, (O) Murado, (A) Porta do Monte, (A) Cancela, (O) Paso do Muro...
9) Que fixesen referencia á explotación (agrícola) das terras: (O) Agro, (As) Recias do Vilar, (O) Barbeito, (A) Chousa, (O) Prado do Estevo, (As) Condomiñas...
10) Que fixesen referencia á tipoloxía do terreo: (O) Barreiro, (A) Barrosa, (As) Lodadas, (As) Lamelas, Area das Rodas...
11) Que fixesen referencia a distintos tipos de industria: (Os) Baleeiros, (Os) Fornos, (A) Pedreira, (O) Telleiro, (A) Casa de Mallar...
12) Que fixesen referencia a límites megalíticos e monumentos prehistóricos: (A) Cruz das Medorras, (As) Medorras
13) Que fixesen referencia a fortificacións: (As) Baterías
14) Que fixesen referencia a elementos anecdóticos, episódicos...: (O) Baixo de Milhomes, (O) Tesouro, (A da) Vella, (As do) Vendaval, (A de) Baltasar, (A) Leira da Mesa, (A) Volta de Couce, (O) Aranxuez...
15) Que fixesen referencia a conceptos abstractos: (A) Aburrida, (O) Aire

Se cadra, é posíbel que aínda fosemos capaces de establecer máis subclasificacións ou clasificacións distintas dos topónimos aquí recollidos, pois que esta disciplina, a Toponimia, ao igual que a ciencia de que depende, a Lingüística, está exenta de verdades absolutas. Así, por exemplo, poderiamos ter falado de topónimos mariños —mesmo submarinos tamén—,  ou talasotopónimos, de topónimos mixtos e/ou compostos, de topónimos metafóricos... e, inclusive, de topónimos inclasificábeis. Do mesmo modo, e de se ter tratado dun ámbito xeográfico moito máis extenso, igualmente teriamos sido capaces de elaborar máis apartados que, ao caso da nosa parroquia, non se axustan, tal como nomes de señoríos medievais (Vilarquinte, Xoane, Romariz...), nomes de pastoreo (Busto, Bustelo, Brañas, Basante...), nomes de administración (Reguengos, Aranga...) ou nomes de institucións medievais (Viladóniga, Vilar de Donas...).

En definitiva pois, e para concluírmos xa, apuntar que o obxecto da nosa cata ou aproximación á toponimia de Covas non pretendeu ir moito máis alá polo momento. Somos conscientes de que existe temática abonda para abordar moitísimas máis cuestións nun futuro, e que deixaremos, xa que logo, para mellor ocasión en que trataremos outro tipo de pescudas, razoamentos e/ou disquisicións toponímicas. O espacio, como cabe entender, apremia e tampouco é a nosa intención incomodalos, como lectores, máis do que é oportuno.

________________________

   1 Descúlpesenos a dúbida, mais descoñecemos a procedencia.

   2 Exemplificaremos con nomes de lugar da nosa parroquia.

   3 Esta hipótese segundo Fernando Dopico.

   4 Estoutra argüída por Xavier Sóñora Gómez.

   5 Máis unha vez exemplificaremos con topónimos da nosa parroquia.

<< Voltar