Sobre topónimos de auga e algo máis

10/04/2005, Henrique Dacosta López. Profesor e escritor

É cousa sabida que o territorio que abranxe a nosa parroquia non é, o que se di precisamente, lugar moi abondoso en correntes de auga. Caso de deitarmos a vista non demasiado lonxe de nós veriamos, no entanto, como noutras aldeas próximas, pensemos por exemplo en Esmelle ou en Doniños —esta última un bocado máis afastada—, si son moito máis pródigas no líquido elemento. Claro está que estamos a nomear, e cunha certa intencionalidade, dúas poboacións e asentadas ambas, principalmente, nun val. E o val, como soe acontecer, é lugar propicio para que un río ou varios ríos flúan, os cales, por súa vez, poden ter afluentes e subafluentes mesmo, tal é o caso, xa que logo, das devanditas aldeas, sitios aptos, como dixemos, para que unha maior abundancia de correntes fluviais regue os seus territorios. Non obstante non falamos de grandes ríos, nin tan sequera de mediano caudal; mais si de cursos de auga varios (pequenos ríos, canos, ragachos...) e, por descontado, ben máis frecuentes que na nosa aldea.

A intención do noso artigo non será tanto a de querermos catalogar ou estudar un por un os distintos cursos de auga que haxa en Covas —pois habelos hainos, se ben en menor cantidade que no caso das parroquias citadas—, como deternos a tentar descifrar o significado dalgún destes topónimos que até, por veces, nin asociariamos a tal circunstancia, circunstancia hidrográfica, dito noutras palabras. Así pois, non pararemos a falar nestes momentos nin de O Cal1 , nin de O Cal de Non, nin tampouco de O Cano da Barreira, nin de O Cano de Gallana, O Cano de Marmadeiro, O Cano de Valerio, O Cano do Anido, O Cano da Murixosa, O Cano do Aranxuez, nin de O Río dos Caínzos, todos eles cursos de auga de maior ou menor entidade. Caso de utilizarmos a terminoloxía ao uso, esta clase de topónimos serían os que coñeceriamos pola denominación de hidrónimos ou potamónimos.

Dentro deste grupo de nomes de lugar —os que designan auga, por máis que esta tamén poida responder a lugares lacustres, a lugares de onde brota ou onde esta apoza—, temos exemplos bastante ilustrativos na nosa parroquia. Fontes hainas por todo o territorio que ocupa a aldea: A Fonte Boa, A Fonte da Cova, A Fonte da Pena, A Fonte da Tella, A Fonte das Eguas, A Fonte de Soagraña, A Fonte de Vide, A Fonte do Ulló, etc. Tanto sexa polo Prioiro, como polo Piñón, A Aldea ou Covarradeiras, as fontes, algunhas delas coidadas e encanadas —as menos—, outras tapadas e case esquecidas, hainas, pois, por toda a contorna. Nós quixeramos centrar a atención en varios topónimos destas características, mais só nalgúns poucos e nos que a noción á auga é probábel que hoxe en día se nos safe e, fundamentalmente, por se tratar de topónimos opacos na actualidade, isto é, por non significaren nada concreto como palabras do léxico común. Son A Gorgafa e O Gorgoeiro por un lado. Doutro lado, deterémonos en A Bulleira, Sobulleira, Solleiro e O Ulló. E por fin, aínda, en Os Corgos, A Auga Mexa e As Caeiras.


1. A Gorgafa e O Gorgoeiro:

A raíz Gorg- poida que proceda da palabra latina (do latín tardío) *GURGA, cuxo significado sería o de pantano, ou de lugar encharcado, ou depresión con auga. A palabra en si parece que teña unha orixe onomatopeica, posto que continúa estando viva en expresións como gorgolexar “enviar, tragar un líquido con moito ruído”, gargarexar “manter un líquido na boca sen tragalo e axitándoo en todas as direccións mentres o ar expira polos pulmóns, xeralmente con fins curativos”, gurgullón “borbotón, chorro de auga”, gorgola “borbullo no mar; borbullas de ar que saen á superficie provocadas por un cardume de sardinas”, etc.

No caso do primeiro dos topónimos, A Gorgafa, acompáñase a súa raíz, gorg-, doutra raíz máis, -gafa, a cal procedería do xermánico, e viría a significar, e a partir da Idade Media, algo así como sarnento, que ten ou padece a sarna. Todo aquilo que teña que ver con gafo ou gafa tería correlación con leproso desde aquela, porque o significado primeiro, o máis primitivo pois, sería o de “gancho”, e de aí estenderíase con posterioridade á forma encurvada ou ganchuda das extremidades dos que padecen a enfermidade. En definitiva, por tanto, falariamos dun lugar contaminado, corrompido ou infectado. Quérese dicir, e por algunha razón que se nos escapa, que dito hidrónimo tería sido relacionado, seguramente, cun lugar infecto ou corrupto.

Non nos debemos esquecer, aínda relacionado con este mesmo sentido, que temos na nosa aldea outro topónimo composto, como é o de O Agro Gafo, e que ten que ver, sen dúbida ningunha, con este mesmo sentido, mais aquí sen se referir á calidade das augas, senón ao dunha terra de labradío.


2. A Bulleira, Sobulleira, Solleiro e O Ulló:

Segundo o indicado por diversos estudiosos na materia —entre outros, e xa no século XVIII, polo lexicógrafo beneditino Padre Sobreira—, parece ser que o noso hidrónimo, O Ulló, é posíbel que poida proceder da palabra latina OCULU- “ollo, brote”, e isto por alusión á fonte ou manancial onde nace un río. Así pois, podemos verificar que tanto ulló como illó ou ulleiro son palabras que recollen os nosos dicionarios para designaren a idea de manancial, pantano, poza, charco, etc. Podería ser o ollo dunha fonte onde se forma un tremedal, isto é, un terreo cuberto de herba e onde hai moita auga, de xeito que treme ao andar sobre el. A palabra bulleiro recóllena tamén os diferentes dicionarios actuais co mesmo significado ao marcado para as palabras anteriores, ademais de poder designar un lugar cheo de lama ou lameiro.

Así mesmo, e relacionado coa orixe deste hidrónimo, temos igualmente as voces bulir, bullar, abrollar [a auga]; isto é, ferver, para o caso das dúas primeiras; e saír a auga dun manancial, para o caso da última. A procedencia daquelas estaría no latín BULIRE “ferver” e a desta en abrir + ollo = abrollo, de onde se faría abrollar, co significado de brotar a auga.

Por outro lado, o elemento So- que precede a Sobulleira e a Solleira, é claro que ten que ver coa procedencia latina SUB “debaixo de; ao pé de”. Trataríase, por tanto, de lugares que estarían por baixo ou máis abaixo destoutro de onde brotaría a auga.


3. Os Corgos, A Auga Mexa e As Caeiras:

O hidrónimo Os Corgos provén do vocábulo latino CORRUGU- “canle de auga”, e este, por súa vez, do céltico *corr- “pozo”. De todos os xeitos, tamén pode aludir a outros significados próximos como charca, depresión con auga, balsa, lameira, poza, etc. Como extensión destes significados, de igual xeito, temos no galego común que esta palabra pode designar o seguinte: unha pequena concavidade nunha pedra que se enche de auga en tempos de chuvia; un foxo artificial en que se recolle auga ou ben un depósito para regar os prados; un remanso que se fai nun río pequeno para curtir o liño; un camiño de carro; unha poza; etc.

O noso segundo topónimo, A Auga Mexa, e contrariamente ao que poderiamos pensar del de primeira intención, é posíbel que non teña que ver —referímonos ao último dos elementos— co noso verbo mexar. Outra cousa, non obstante, é que, e en última instancia, poida acabar estando relacionado con outros verbos como mexer ou remexer. O filólogo E. Rivas Quintas fálanos dun cruzamento entre o vocábulo precéltico *mis- “lamazal” + latín MISCERE “amasar”. Por tanto, e en definitiva, é probábel que esta pequena caída de auga estea relacionada coa lama enturbada que o regacho puidese levar no seu descenso cara ao mar.

O terceiro dos hidrónimos, As Caeiras, non presenta dúbidas. Procede do latín tardío *CADARIA “o que está en declive”, procedente por súa vez do latín clásico CADERE “caer, estar en declive”. Serían pois pequenas pendentes ou desniveis do terreo por onde descenderían augas ou pequenas correntes fluviais.

Para rematarmos xa por hoxe con esta pequena incursión nalgúns dos nosos hidrónimos, non quixeramos deixar de facer alusión tamén a outros como Fontá, como As Pozas, como O Picheiro e como A Regueira; porque todos eles, a fin de contas, teñen que ver, de igual modo, coa auga. O primeiro nome remítenos ao latín FONTANA “fonte pequena”. O segundo, As Pozas, procede do latín PUTEU- “pozo”, que aínda é palabra do léxico común, referente a unha pequena cantidade de auga de chuvia estancada nunha depresión ou cavidade no chan; ou pozo pouco profundo e con auga; ou pozo pouco profundo, pero cumprido, onde se recolle auga para logo regar con ela un terreo; ou balsa para amolecer o liño. O terceiro, O Picheiro, tería que ver co baixo latín *BICARIU- “canle ou cano dunha fonte por onde sae a auga”, aínda hoxe en día palabra común do noso léxico, ao igual que a súa variante picho. Mentres que o último, A Regueira, remitiría a unha raíz da que non é clara a súa procedencia:

  1. do céltico *recariu “arroio”
  2. do prerromano *recu “suco”
  3. do latín RIGUU- “rego”

Calquera destas tres hipóteses remítenos á idea de cano ou suco, e no léxico vivo actual ten que ver con isto mesmo, mais sempre engadíndolle a información de ser lugar por onde corre a auga.

Un país tan fértil e rico en augas como o noso é evidente que modela a súa lingua para poder matizar coas máis diversas expresións tanta variedade de lugares, construcións, accidentes, elementos, etc. que teñan que ver con esta realidade, ben sexa en palabras pertencentes ao léxico común ben sexa en hidrónimos —opacos en moitos dos casos—. A nosa aldea, en suma, e con todo de non ser terreo propicio para tanta abundancia de augas, aínda recolle —tal e como acabamos de ver— bos exemplos de topónimos destas características. Cousa ben distinta sería, no entanto, se quixésemos centrar a nosa atención naqueloutros que se referisen á auga do mar, pois aí si que o noso territorio tería moito que contar. Estariámonos a referir aos topónimos mariños ou talasónimos, mais iso sería xa distinto cantar, polo que, se cadra, sobre eles, poderiamos tratar nunha próxima entrega.

________________________

   1 O hidrónimo (O) Cal procede do substantivo latino CANALE “tubo, cano”. É aínda palabra do léxico común e serve para designar, entre outras, á canle estreita por onde se precipita a auga desde a presa ao rodicio do muíño. Pode ser tamén calquera canalización artificial para que corra a auga; canal, quenlla..

_______________________

<< Voltar