Santa Comba, unha inocentada literaria. 50 anos despois

08/02/2004, Mª Carmen Díaz Castiñeira / Tino Santiago López

Foi no 1953, vai agora para 50 anos,  cando  Santa Comba, sen comelo nin bebelo participou, na maior inocentada da Historia da Literatura Galega. O responsable foi Xosé María Álvarez Blázquez, poeta, crítico literario, erudito, editor e conferenciante, a que non se lle ocorreu outra cousa que anunciar, e publicar, a aparición dun novo cancioneiro de cantigas medievais do que nunca antes se tivera noticia:  “Cancioneiro de Monfero”, unha colección de cantigas de amigo e maldicir que durante setecentos anos permaneceran agachadas no Mosteiro de Monfero e mesmo sobreviviran ó espolio da biblioteca.

Naqueles tristes anos, a noticia foi un bombazo entre os poucos estudiosos da nosa literatura. Un novo cancioneiro era tan importante coma aparición nas Fragas do Eume dos restos dunha nova especie de dinosauro da que ninguén sospeitaba a súa existencia. Novos poetas sumábanse a prestixiosa nómina dos Martín Codax ou Mediño e, por se fora pouco, podiamos atopar novas composicións de célebres trobeiros coma Fernando Esquío ou Pedro Amigo... e todo gracias ó coidadosa copia feita no século XVII polo frade Ramón Pazos e atopada por Xosé María Álvarez Blázquez.

Álvarez Blázquez fundara no 1948, en Vigo, a librería anticuaria Monterrey co seu amigo Luís Viñas Cortegoso que dous anos despois daría pé a creación da Editorial Monterrey onde aparece o   “Cancioneiro de Monfero”, un adianto ós seus lectores de todo o que se atopaba nese manuscrito, anunciándose para unha edición posterior a publicación dun estudio crítico e a totalidade dos textos. A explicación que se da  no limiar de cómo apareceu  limítase a dicir que o atoparon “entre uns vellos papeis destinados ao muíño... ben é certo que o que percura atopa, e que a ilusión de tropezar un día con algunha nova mostra da poética medieval galega foi en min soño asexante en toda esculca de libros e antergos escritos”. O soño  facíase realidade gracias ó empeño dun tal Frei Ramón Pazos quen recupera algúns  dos “cantares en lengua antigua” que se conservaban en “tres hojas de pergamino ... comidas de carcoma y la escritura a trechos muy sutil”.

Foron moitos os que creron a existencia real do Cancioneiro, mesmo  algúns especialistas, o que non era mais, nin menos, ca  producto do excelso saber do poeta que si que era un experto na historia da nosa literatura medieval.

E así foi que Santa Comba engadiu unha cantiga máis na súa honra, desta volta por gracia do xograr Raindiño, tamén chamado Xosé María Álvarez Blázquez. Desto hai 50 anos, xa é hora que tamén na nosa parroquia poidamos descubrila pois “non esta exenta de graciosas sentencias e ritmos” tal e como asegurou Fr. Ramón Pazos.



Riandiño, xograr

Amigas, quando vier
meu amigo demandar
por mí, que vaia veer
se estarey ante o altar
      de Santa Comba, ú m’él víu
      o día que se partíu.

Quando quiser meu amigo
amigas, fillar perfía
por trebellar ora migo,
nembrádelli a romaría
      de Santa Comba, ú [ m’él víu]
      o día que se partíu

Amigas, digades quando
ora vos él preguntar,
veja se estarey chorando
dos olhos ante o al[tar]
      de Santa Comba, [ú m’él víu]
      o día que se partíu.

                                      (C.M.,5)
<< Voltar