Ríos, Regatos e Fíos de auga

04/05/2007, Mario Valdivieso Mateos

No concello de Ferrol non abundan precisamente os ríos de grande, e nin siquera de mediano caudal. As nosas correntes fluviais podríamos calificalas mais ben de regatos.
Neste previo traballo de catalogación dos nosos ríos -cádrame máís o fin chamalos tal- atópome consciente de no ter chegado a acadar o integral coñecemento da materia: é este un comezo que agardo ter rematado nunha vindeira data1. Para conseguilo, amáis da miña propia indagación de campo, seríame fartamente grato que vosoutros —os sempre amables lectores— nos enviárades a información respecto dos ríos, regatos, rigueiros que coñocérades, ben por morar nas súas proximidades ou por calquera outra circunstancia.

O resultado da común pescuda servirá, sen dúbida, para completar este inicial intento.

Figura 1. Ríos Tronco e Inxerto

 

Os ríos, os regatos, foron cualificados de moitas maneiras. Posiblemente a mais axeitada sexa a de semellalos as arterias ou veas que manteñen e proporcionan vida as terras por onde fluen.

Perogrullando adrede, saliento a fundamental e imprescindible cualidade que reviste a esencia de calquera río, cal é a de constituir un tramo vital no ciclo das augas. As augas, a auga, ate de agora caseque despreciada pola suposta abondancia e baratura, está a ser mais valorada o irse percibindo por todos a súa medrante escasede. Xa sabemos aquelo de que so valoramos o que notamos a faltar.

O río, como agunhas penas, montes, fontes e outros accidentes xeográficos do noso entorno, ten o que poderiamos chamar unha propia individualidade, conformada por os afluentes que o manteñen, a morfoloxía do seu curso con meandros, roxidoiros, remansos, fervenzas e a inevitable desembocadura; a vida que conteñen, os pobos que o arrodean, con os vellos muiños, batanes e outros artiluxios de factura popular; amáis das historias e lendas que foron decantandose no propio río e nas súas proximidades. Todo elo proporciónalle o río unha característica específica que, co seu nome, o identifica.

Figura 2. Ríos San Xurxo e do Xuncal

 

Os nomes dos ríos. Resulta curioso chegar a coñecer que, os ríos de mediano cudal, foron nomeados de maneira diferente, segundo o lugar por onde discurren. Temos unha morea de exemplos o respecto.

Os portadores da auga, os ríos, os ríos limpos e sans, albergan un valioso universo de vida vexetal e animal; desde moito tempo atrás os moradores das beiras derivaron parte das súas augas para regar e como medio para impulsar rodicios e rodas hidráulicas de diversas industrias, sobre todo muiños. Constituiron un importante habitat de varios tipos de peixes, tais como as troitas e os salmóns, capturados noutrora como un complemento proteínico; hoxe é mais un deporte, cando xa baixou o número de individuos por mor da contaminación e a sobrepesca.

Lamentablemente, os ríos foron maltratados por case todos, tanto os moradores do entorno rural, como as xentes da cidade. Antes da irrupción das lavadoras, eran utilizados para lavar as roupas, as vísceras dos animais e calquera obxecto, máquina ou bicho necesitado de ser lavado.

No río eran botados os gatiños que sobraban da camada, os animais mortos e todo tipo de desperdicios. Supoño que se mantiña- e por desgracia ainda se mantén nalgúns casoso ignorante criterio de considerar o río como algo imperecedeiro e de natural recuperación.

Figura 3. De Prioriño a Cariño

 

O grado de maltrato ó que foron sometidos alguns ríos pola poboación da súas ribeiras, chegou a ilos facendo morrer, como lle aconteceu a un regato de Ferrol, do que hoxe pouca xente garda memoria. Refírome o Río do Tronco.

 

Os ríos de Ferrol

Si, o Rió do Tronco (Fig. 1) tiña dous afluentes de nacemento, un na parroquia de Santa Mariña e outro que afloraba entre esa parroquia e o Norte da de San Xoán. Este regato atravesaba baixo as vías do tren, a pouca distancia da estación, pasaba logo so a estrada de Castela, moi perto de onde hoxe está plantado o Hotel Hesperia, e seguia descorrendo ata desembocar na enseada de Caranza, nas inmediacións do actual Centro de Adestramento da Mariña. Fai xa unha morea de anos rematou definitivamente a súa condición de río, converténdose no que hoxe é, unha inmunda cloaca que verte pestilencias na tamén magoada ría.

Figura 5. Ríos da Graña á Malata

Figura 4 (enrriba). Ríos de Cariño a San Felipe

 

Máis antiguidade tiña outro regato, tamén procedente de Santa Mariña, que entraba na cidade de Ferrol moi perto da Porta Nova, descendía oblicuamente, respecto da alinación das rúas, hacia o Cantón e desembocaba no entón Arsenal, posiblente no foso que o circundaba nas proximidades do dique “Victoria Eugenia”. Nalgúns textos antigos, e mesmo na Historia de Ferrol de Montero Arostegui, era coñecido como o rio da Boca Torta2; en outro documentos máis recentes chamábanlle Río Higueras. Nas inmediacións do actual comercio Portico Básico, chegou a existir un muiño e un lavadeiro público. Hoxe, as súas augas están incorporadas a rede de alcantarillado.

Figura 6. Afluentes do Sardiña Abaixo

Figura 7. Lagoa de Doniños

 

Non teño coñecimento de ningún outro regato que pasase pola cidade de Ferrol.

Limitando parcialmente co concello de Naron, no actual polígono da Gandara, existe o nomeado Río Inxerto, río da Ponte

das Cabras ou do Val (Fig. 1), que procede tamén do alto da parroquia de San Xoán, e desemboca na enseada da Gándara; anda camiño tamén de se converter noutra cloaca máis das que emporcan a sufrida ría de Ferrol.

O río de Santa Icía comparte tamén o seu curso co concello de Narón. Este río que se sirve de manantiais de San Pedro de Leixa, era i é coñecido tamén como río de Freixeiro e río dos Amenadás.

Nas parroquias de San Martiño de Cobas, San Xurxo e San Xoan de Esmelle teño catalogados catro ríos, cales son o de San Xurxo, o do Xuncal (Fig. 2), o cano de Marmadeiro, en Prioiro, que desemboca na praia de Stª Comba, e o da Anella, que nace na fonte dos Tres Alcaldes (Fig. 3). Este último e un pequeno regato que se mantén da dita fonte, situada no cal que limitan as ladeiras noroccidentais dos montes do Sabugueiro e da Lagoa, establecendo con este última e sobranceira elevación un tramo do límite co contiguo concello de Narón. Desemboca no extremo oriental da praia de Ponzos.

Figura 8. Outros ríos de Cobas

 

Ó río do Xuncal, en Esmelle, (Fig. 2) deuselle recentemente certa importancia o establecer unha ruta dos muiños. 4/2/07 desemboca no areal da praia de Esmelle despois de recoller augas de varios afluentes, entre os que destaca o que procede da ladeira Sur do monte da Lagoa.

Da vertente do monte Sabugueiro, manan dous regatos para o Xuncal. Desde Marmancón o regato Saído. Entre Lodeiro e Mougá, dous regatos pequenos. Entre o Monte Pedroso e o da Campaiñas, nácelle o Rego dos Roxedoiros, que pasará, augas abaixo, o pé da igrexa de San Xoan de Esmelle. Paralelo a este último, e algo máis o Poñente, descorre o rego Míguez. E xa perto do areal da “praia dos ríos” —hoxe coñecida polo dobre nome de praias de San Xurxo e de Esmelle— aportan as últimas augas o río do Xuncal, dous regatos; un deles coñecido como o

rego de Soagraña.

O río de San Xurxo (Fig. 2), colle augas da marisma do Carragal e de varios regos pequenos, mantidos da vertente occidental do monte das Campaiñas. Desemboca na devandita praia que enlaza as dúas parroquias.

O cano de Marmadeiro (Fig. 3), situado no Prioiro, desauga na praia de Santa Comba. Se nos desplazamos cara San Felipe e Caneliñas —tal como vexo nun mapa militar— anotarei primeiro o regato que verte na praia de Cariño (Figs. 4 e 5). Este regato posúe uns nove afluintes; o mais lonxano nace no Confurco. Por agora, non lle coñezo o nome. Seguindo pola beira norte da boca da ría, un pouco antes da Punta de San Carlos, atopamos un regato de catro afluentes, que nace na ladeira occidental do monte Aucural. Logo, un pequeno regatiño, entre San Carlos e San Cristobal.

E, xa en San Felipe, atópase o río máis longo e caudaloso de esta zona. Ten varios afluentes, destacando o Salgueiro e o Avilleiro. Este río de San Felipe (Fig. 5) é coñecido tamén como o río de Cascallar, por desembocar moi perto do que fora un coñecido restaurante, chamado así. Amaior parte do seu caudal procede da ladeira oriental do Monte do Coto.

Entre San Felipe e a punta do Bispón hai dous regatos pequenos, nomeado o maior deles Rego da Lousada.

Desde a vertente do Monte de Cha baixa un regato, nomeado de Brión (Fig. 6), que desauga na ría, no borde Sur da Base Naval.

Na liña de costa de A Cabana, desemboca o Río de San Antonio (Fig. 6), nomeado asi pola capela homónima, perto da cal pasa este río. Un afluente, o Billa, procede da ladeira do Monte de Cha, en Brión. E o afluente náis lonxano e manteñedor procede de Balón.

No mesmo areal de A Cabana desemboca un regato que bebe augas en Penavelleira e en Montecoruto.

E xa metidos na Malata, atopamos primeiramente o regato dos Currais, que tivo publicidade negativa cando sucederon as inundacións do último outono.

Nas terras de Mandiá descorren dous afluentes (Fig. 7) do que deu en nomearse o Río da Sardiña, coñecido tamén como Río do Muiño. Son estes o Aneiros ou Bustelo, que mana na Bailadora, o rego dos Corgos, que nace o Poñente de Taboada e o Citula, paralelo o anterior.

Xa remontado Pazos, camiño de Serantes, recolle augas doutro regatiño que nace moi cerca do lugar de Piñeiro. Segue collendo augas dalgunhas fontes e, pasado o lugar do Bosque, onde se atopan os restos dun senlleiro muiño3, vai perdendo xa a transparencia das súas augas, dun xeito tal que, cando desemboca na enseada da Malata, cabo as instalacións da FIMO, perdeu a identidade de río, regato ou rigueiro; polo seu cal xa so verte fedor e porquería. Outro denunciable foco de contaminación máis que soporta a ría.

A lagoa de Doniños (Fig. 8), amáis dos posibles manantiais subacuáticos, recibe augas de catro regatos, destacando o que procede do alto de Valón, xuxto fronte a entrada do Polvorín da Mariña de Guerra. Esta lagoa soporta hoxe un certo grao de contaminación, ocasionada polas obras da estrada que están a facer para comunicar o Porto Exterior de Canelas.

 

A importancia da auga

Temos que incrementar a convicción da importancia da auga que se deixa levar polos ríos, no aspecto da imprescindible función que representa como elemento básico da vida neste planeta que nos tocou habitar. Coido que deberíamos de sacralizar todo o que atinxe o ciclo da auga, valorando moito máis ós ríos, ós manantiais e as fontes; evitando a contaminación das augas, en xeral, e mesmo dos chans. É de suliñar que un dos aspectos da auga é a súa capacidade de absorber todo aquelo que encontra na terra, podendo ocasionar unha seria contaminación dos acuíferos, se chega a contactar, por exemplo, cunha simple pila eléctrica, ou cun producto exterminador de insectos.

Cada vez é máis importante mentalizarnos en que temos que manter conductas que minimicen os riscos contaminantes. E non vacilemos en denunciar calquera atentado, voluntario ou inadvertido, contra o noso medio natural. Debémosllo os nosos descendentes.

Mario Valdivieso Mateos

________________________

    1 Para confeccionar este traballo de catalogación de ríos, servínme fundamentalmente de antiguos mapas militares. Pode que se colen algúns erros, por defecto dos propios mapas e por unha posible interpretación defectuosa. Pido disculpas de antemán e prego recebir, a traveso da Asociación Columba, todalas suxerencias críticas, e aportacións que poidan servir para mellorar esta relación. Coido que tamén sería de gran interés tódalas anécdotas e historias que tiveran relación cos ríos e as fontes desta comarca.

<< Voltar