Paxareando por Prior

08/04/2017, Xan Rodríguez Silvar

​​

Rutas Cabo Prior.

Paxareando por Prior

Xan Rodríguez Silvar. Biólogo. Da Sociedade Galega de Historia Natural.

Consultar mapa

 

En Columba de 2016 publicouse unha primeira invitación a coñecer as aves da contorna do cabo Prior, probablemente unha das zonas de costa mellor conservada de Galicia –seguro, a mellor das próximas a grandes cidades galegas- dado o seu interese para a observación de aves.

A disposición do cabo Prior é un obstáculo xeográfico importante, sobresaíndo na recta liña de costa de Prioriño a Ortegal. Así obriga a bordealo ás aves acuáticas e mariñas migradoras, ou a sobrevoalo a moitas especies de pequenas aves terrestres que chegan do norte. A riqueza dos fondos mariños e dos seus campos litorais, son unha fonte de alimento para aves invernantes procedentes do norte de Europa e para as aves estivais, que suben dende África para reproducirse.

Nesta ocasión recóllense algúns dos lugares de máis interese, na opinión do autor, tanto para as aves terrestres coma as costeiras; a estas últimas e ao fenómeno da migración dedicouse o artigo do número 15, e no 16 tratáronse  aspectos básicos da bioloxía migratoria e comentáronse ferramentas e técnicas útiles para a observación de aves. Con esta terceira entrega vai un feixe de propostas de paseos ornitolóxicos, que levan o atractivo engadido de discorrer por lugares adornados por outros valores, ben xeolóxico, botánicos e paisaxísticos.

Por razóns obvias de espazo e enfoque, este artigo non pretende ser unha guía das aves da zona, tan so con dar indicacións das zonas e tipos de aves máis interesantes ou doadas de ver estaría cumprido o obxectivo de facilitar tan grata actividade. Así en cada parada suxerida coméntase que grupos de aves cabe atopar e en que época do ano; nalgún caso faise referencia a especies concretas polo interese que podan ter.

 

Paxarear

Na Columba 16 xa se iniciou sobre o termo “paxarear”, unha adaptación coloquial do inglés birding para referirse á observación das aves polo pracer que leva. Cada volta recoñécense máis os beneficios das actividades ao ar libre, e a o “paxareo” engade o fomento dos sentidos e así da atención, a memoria, a escoita de cantos, etcétera. E, como non, da socialización, pois, quen deixaría de comentar as súas observacións e preguntar dúbidas?  

A estas virtudes podemos engadir a posibilidade que hai de facer achegas de observacións que poden ser moi valiosas para a ciencia, a través das plataformas de participación existentes en internet ou de asociacións naturalistas locais.

Algo de terminoloxía

Cando falamos de “aves” cómpre lembrar que tecnicamente referímonos a todos os animais incluídos na categoría taxonómica da Clase Aves, dentro da que hai Familias, Xéneros e Especies que, finalmente, son as que vemos. Na fala coloquial, “paxaro” asimílase a “ave” e pode ser calquera animal emplumado que voe, mais aquí empregarase para referírmonos ás aves pequenas, do tamaño máximo dun corvo.

Recoméndase a lectura da introdución de calquera guía de campo para unha aproximación básica ao coñecemento das aves.

Nos comentarios das rutas citaranse especies polo nome común galego, no glosario final van os nomes científicos e castelán. Cando o nome da especie vai en plural refírese a calquera das especies incluídas, en caso contrario. A indicación OI refírese aos meses de outono e inverno, PV aos de primavera e verán.

 

As rutas

Están propostas como percorridos circulares que vaian pasando por lugares de maior probabilidade de ver aves. A dificultade é baixa polo xeral, e aptas para a xeneralidade do público. Están pensadas tamén para obter a mellor experiencia paisaxística; poden, por suposto, seleccionarse puntos ou treitos concretos, en función do tempo dispoñible e das preferencias persoais.

Para facilitar o uso das rutas están ao dispor dos lectores de Columba os ficheiros das mesmas no formato de Google Earth, que pode tamén ser aberto en moitas aplicacións e dispositivos de telefonía e GPS. O enlace http://www.sociedadecolumba.com/descargas/ permite descargar as rutas desexadas.

Lémbrese o respecto para co medio físico e a vida que o habita. Moitos dos lugares a visitar –especialmente as dunas- conteñen hábitats valiosos e delicados, polo que o paseante, o paxareiro, debe procurar non molestar a fauna, destruír flora, causar danos ao medio físico, evitando deixar lixo tras de si. Todos o agredecerán.

 

Ruta do val de Ponzos

(Consultar mapa)

Parte do núcleo da parroquia de Covas, a igrexa vella e o cemiterio, e vai camiño de Covarradeiras, bordeando o monte da Lagoa, seguindo pistas asfaltadas e de terra da concentración parcelaria. Relevo suave, mais suficiente para ir variando as vistas.

[Ilustración: Ruta de Ponzos.tif]

Lonxitude 4,5 km. Ficheiro: Ruta de Ponzos.kmz.

 

Punto

Descrición

Aves

1

Igrexa vella e cemiterio. Núcleo de casas de pedra e terras de labranza con sebes.

Pequenos paxaros vencellados a cultivos como o Pardal común e o Liñaceiro. Frecuente o Corvo pequeno nos campos e o Miñato común en postes. Poden pasar o Azor e o Gabián.

2

Mina de Covarradeiras. Á esquerda, na plantación de castiñeiros está a boca da mina de principios do s.XX. Ao outro lado da estrada queda a mina romana de ruina montium, cunha interesante vexetación e avifauna, que non incluímos nesta visita.

Frecuente presenza de Ferreiriños, as parellas de Cardeal vénse con facilidade nos últimos anos. O conxunto da mina é de feito unha pequena e tranquila reserva.

3

A recta transcorre entre restos dos antigos piñeirais á dereita e campos de labor e prados á esquerda

Ferreiriños; non son raros o Peto verde e o Merlo a comer nas leiras.

4

Dende as dunas contiguas ao antigo lavadoiro de mineral pode observarse o conxunto da praia

Bandos de gaivotas patiamarela e sombría pousados cando a praia está solitaria. Pilros na ribeira entre agosto e primavera.

5

Humidal do Rego da Fonte. As augas enchoupan terras dominadas por carrizas.

Excelente lugar para pequenas aves dos humidais como Folosas ou a Carriza dos xuncos

6

As rochas do Cravadoiro dan unha pequena elevación para observar o mar

Gaivotas en paso e Mascatos

7

A praia de Sartaña é un pequeno areal recollido e rico en argazos

Biluricos e Mazaricos acoden a comer, tamén a Lavandeira branca

8

A estrada asfaltada domina o alto de Cardido e o Agro Redondo, un mosaico tradicional de cultivos e pasteiros. No alto tomaremos a pista de terra cara ao Este.

Tartaraña das xunqueiras, Corvo pequeno, Liñaceiros, Chasco.

9

Este pequeno desvío transcorre entre mato e pequeno arborado que divide ás terras, un bo ambiente para a paxarada.

Moitos paxaros adoitan bañarse nas pucharcas formadas na pista nas épocas chuviosas e voan frecuentemente entre os pousadoiros. Verderolos.

10

Hai neste treito algúns piñeiros e eucaliptos, ademais de matos e xardíns de vivendas, propicios ás observacións

Pombos, Azor, Pega.

 

 

Ruta de Santa Comba

(Consultar mapa)

Paseo que parte dende o estacionamento da Praia de Santa Comba para visitar os campos da parte superior do areal, parte da duna gris e campos de Marmadeiro. Foron estes montes en man común de comuneiros de Covas, utilizados durante décadas polo Exército como campo de tiro ata ser retornados aos comuneiros. Estas circunstancias explican a relativamente boa conservación destas terras, salvadas da presión de construción de segundas vivendas, ofrecendo unha das paisaxes costeiras máis fermosas de Galicia.

[Ilustración: RutaStaComba.tif]

Lonxitude: 4,7 km. Ficheiro: Ruta Sta. Comba.kmz.

Punto

Descrición

Aves

1

Iníciase a ruta no estacionamento de Santa Comba. Ademais do seu interese arqueolóxico e paisaxístico, é un bo lugar para observar aves

A baixamar deixa alimento aproveitado polas aves de ribeira, como Pilros e Píllaras, especialmente na canle entre a illas e a costa. Nas illas de fóra pousan gaivotas grandes, que tamén soen pasar voando paralelas á praia.

2

Zona de matos alternando con prados costeiros. A erosión do borde superior da duna aconsella seguir as sendas altas

Aves de mato, Choias nas zonas de duna. Bandos de Liñaceiros e Verderolos.

3

A senda que vai sobre a duna cruza zonas de alimentación de moitos paxariños. Non pisar a vexetación dunar, é moi delicada.

Bandos de Verderolos e Pardillos en fóra da cría, en primavera as Lavercas cantan dende o ceo. Tamén son frecuentes os grupos de Choias a comer e obsérvanse en invernada Alcaraváns. Aparece a Curuxa das xunqueiras.

4

O Paso do Muro é un bo lugar para observar a baía de Santa Comba; tamén mirar a terra pode ser interesante.

En outono e inverno os Mascatos, Pardelas e outras aves mariñas aliméntanse na proximidade da costa.

5

Neste punto domínanse, mirando ao Este, os campos de Marmadeiro, un dos sistemas dunares mellor conservados, pese a ser usado como campo de tiro e á extracción de area.  

Liñaceiros e Verderolos forman bandos tamén nestes campos. É frecuente o Corvo pequeno e, cada vez menos abundante, é terreo de caza do Lagarteiro.

6

A senda bordea un piñeiral na linde do antigo cuartel de infantería do campo de tiro.

Ferreiriños. Petos verde e real. Os piñeiros poden acoller Mouchos que gustan pousar nas polas.

7

O Coto de Xía ou localmente Daghia é a altura dominante sobre a zona. Dende os pés dun vello observatorio militar, rodeado de toxos, domínase as dúas costas do Cabo Prior.

Papuxa do mato, o Chasco, e a Azulenta son frecuentes aquí. A Papuxa das amoras busca os silveirais e matos con froita.

8

A pista atravesa o rego que recollendo as augas da conca, remata na praia de Sta.Comba atravesando un pequeno bosque de salgueiros.

Presencia de Ferreiriños e cando se forman pucharcas de choiva moitas aves coma os Liñaceiros, Merlos e Tordos veñen bañarse.

 

Ruta de Cabo Prior-Os Cabalos

(Consultar mapa)

Un dos percorridos de maior beleza paisaxística da zona é esta proposta que partindo do edificio do Cabo Prior, descende por unha pista militar ata dous túneles sobre os illotes dos Cabalos. Estas construcións, realizadas tras da Primeira Guerra Mundial, formaron parte dun sistema de defensa artilleira das cidades de Ferrol e Coruña; as pezas foron achatarradas e as instalacións lamentablemente abandonadas, tras perder o seu interese estratéxico. Un patrimonio de enxeñería militar do s.XX nunha fermosa contorna.

Dende o punto de vista ornitolóxico, unha boa ocasión para observar tanto aves mariñas, córvidos, paxaros dos matos e, con sorte, aves rapaces.

[Ilustración: RutaStaComba.tif]

Lonxitude: 1,3 km. Ficheiro: Ruta Cabo Prior-Os Cabalos.kmz

 

Punto

Descrición

Aves

1

O edificio do faro, a uns 90 m de altura, domina uns cantís fermosos. Unhas escaleiras descenden á vella serea, da que queda a estrutura de formigón, á que se pode acceder.

Paso de aves mariñas todo o ano. A simple ou con prismáticos vista son doados de observar Mascatos e Pardelas. A subliñar os paxaros de mato como Carrizo, a Papuxa do mato, a Azulenta e, con eles a aparición de rapaces como o Lagarteiro e o Falcón.

2

O camiño de servizo ás antigas baterías de costa vai entre toxeiras, construído coa técnica dos inxeñeiros militares en pedra e area.

Aves de mato citadas. Esta é unha zona importante de entrada de paxariños invernantes; en outono e inverno é doado velos arribar exhaustos, e ás veces posible ver os intentos de caza do falcón peregrino sobre estas presas norteas.

3

A máis accesible delas, a obra civil dunha das baterías e os bunkers de dirección de tiro construídas nos anos 20 século pasado.

Un punto que domina o paso migratorio de aves mariñas. Dende 2006 utilízase na Rede de Observación de Aves e Mamíferos Mariños RAM no primeiro sábado de cada mes (ver Columba 15: 106-118 detalles sobre a migración e as aves observables).

4

A pista descende entre toxeiras e eucaliptos baixos ata entrada dos túneles.

Aves de mato citadas. Presenza de Miñato, Falcón peregrino e Lagarteiro.

5,6

O túnel, deseñado para conter un gran reflector cunha lente fresnel semellante á dos faros, bifúrcase en dúas saídas, a dereita ten unha boa vista sobre Os Cabalos e a enseada de Sta. Comba. O túnel esquerdo permite ver tanto os illote como unha espectacular parede de granito onde ten aniñado o Corvo.

Os Cabalos acollen unha pequena colonia de Corvo mariño cristado moi doada de observar a simple vista ou con prismáticos; un telescopio permitiría observar ben moitos dos niños, en especial con luz de mañá. Os corvos mariños soen pescar na proximidade do túnel.

Dende o túnel esquerdo apréciase o cantil granítico e un coído de pedras redondeadas pola erosión. Bo lugar para ver Mascatos e gaivotas en paso ou a pescar.

7

Unha senda abandona o camiño cara á dereita para bordear o cantil. No alto hai unha casamata de saída dos túneles -na que NON se debe entrar polo perigo de caída- dende onde se dominan Os Cabalos cunha vista espléndida.

Movemento de aves mariñas e aves do mato. Poden aparecer o Corvo grande e as Choias. Nas penas póusase o Rabirrubio.

8

A senda, que se debe seguir con precaución pola vía pisada, ofrece unha boa vista do cantil.

Aves do mato, boa zona para o Chasco e a Azulenta. Terreo de caza do Falcón peregrino.

9

Á volta ao faro pode optarse por subir ao bunker triple que albergaba a dirección de tiro e alturas próximas.

Aves do mato, a destacar as Papuxas.

En verán, Laverca e o fermoso Pedreiro cincento.

 

Ruta de Monte Pequeno

(Consultar mapa)

Aínda que estamos nun territorio costeiro, os montes graníticos de Cabo Prior constitúen unha pequena serra paralela á costa, que apenas supera os 135 m de altitude no Coto de Monte Pequeno e os 126 no Monte da Cova. Mais esa elevación é de abondo para ofrecer quizá as mellores vistas da contorna e a posibilidade de camiñar paseniñamente para atopar aves pouco esquivas. O arranque da ruta proposta comeza coa subida máis forte do camiño, mais pode optarse por facela en senso inverso sen diminuír a fermosura do percorrido. Incluso a opción inversa pode ser máis recomendable os días de vento nordés, frecuente en tempo de verán.  

A maior parte do territorio é ZEPA e LIC.

[Ilustración: Ruta Monte Pequeno-Gris.tif]

Lonxitude: 3,8 km. Ficheiro: Ruta de Monte Pequeno.kmz

 

Punto

Descrición

Aves

1

Antes de iniciar a subida recoméndase mirar en dirección SE para apreciar a cala de Penarroiba (de Cela na cartografía), unha das máis fermosas e descoñecidas calas do cabo. Ao fondo, a rasa mariña que antecede as praias Sur de Prior, co remate final da de San Xurxo-Esmelle ao pé dos Montes da Lagoa.

Soe haber circulación de Gaivota patiamarela rodeando o cabo; no mar pesca o Corvo mariño cristado.

Nas paredes do cantil anda o Rabirrubio e pequenos paxaros do mato.

2

Coto de Monte Pequeno. A vexetación de toxeiras coroa o cume cun pequeno piñeiral. Poden verse as vistas dende o camiño, ou si os toxos o permiten, ascender os poucos metros ata o curuto do coto.

O monte é visitado por aves de toxeiras como a Papuxa do mato, en aparente declive noutras zonas pero presente aínda en Prior.

Os Corvos pequenos e as Choias aseméllanse e visitan a zona, mais o canto e o voar as distingue.

 

3

O camiño deixa ver a ambos lados a costa virxe cara ao O e os asentamentos humanos na aba norte.

De primavera a verán o Pedreiro cincento soe andar estas sendas e campos que comparte coa Laverca, o Chasco e os Liñaceiros.

4

Este punto é unha golada ou paso entre os vales que descenden polo N á praia do Porto e polo S ao abrigo da Cova.

É unha das ladeiras preferida polo Lagarteiro, unha ave cada volta máis escasa en Prior.

5

Neste treito en descenso pisamos antigos depósitos eólicos en altura ata chegar á confluencia coa vella estrada militar de pedra que seguiremos cara á esquerda.

A presenza de algún pequeno arborado, matos e liñas eléctricas da a oportunidade de ver paxaros deses ambientes. Non é raro ver Papuxas, Pombos e Petos.

6

O camiño, practicamente chan, deixa á dereita un regato que recolle augas ata A Cova, o que permite unha vexetación máis abundante.

É este un punto de paso, de alimentación e, no estío, de cría para as especies de paxaros que se van citando nas paradas anteriores.

 

7

Esta zona domina a cala da Cova, cun portiño natural de augas fondas que acubilla embarcacións de pesca deportiva.

A Gaivota patiamarela soe descansar aboiando ou pousada nas pedras. Pode entrar algún Alca en temporal de inverno, cando non é raro ver aos Mascatos pescar ao abrigo do cantil. Os Rabirrubios andan as paredes da cala.

8

O camiño domina outra cala menos abrigosa, pero frecuentada por aves mariñas. A ambos lados a vexetación segue a ser unha toxeira dominante, sobre solos moi cativos.

As aves de mato soen facerse ver. Boa zona de caza para o Lagarteiro.

9

A ruta segue cunha suave pendente por unha zona de similar vexetación á que se suman pés de eucaliptos e algún piñeiro, noutros tempos máis abundantes.

Con sorte pode verse o Lagarteiro. Porén os Pombos e, no verán, as Rulas gustaron sempre deste treito. Dende calquera pola de piñeiro pode axexarnos o Moucho común, pouco maior cunha piña.

 

 

Ruta O Vilar-Penarroiba

(Consultar mapa)

Esta pequena ruta pode resultar moi gratificante no paisaxístico e no ornitolóxico. Transcorre por unha fermosa parte da rasa –zona cha erosionada polo mar noutra época xeolóxica- cuxa horizontalidade contrasta coas pendentes dos montes de Prior; a rasa está formada por rochas metamórficas de minerais escuros, mentres que as dos montes son granitos de cores claras. Cara ao mar o sendeiro bordea cantís de formas singulares –hai que evitar as beiras, de seu inestables e cubertas de vexetación que pode ocultar a pisada- e unha ollada atenta aos campos suxire como era este territorio sen as vivendas de verán que o ocupan en parte dende os anos 60 do s.XX.

 

[Ilustración: RutaVilar-Penarroiba-Gris.tif]

Lonxitude: 1,84 km. Ficheiro: Ruta O Vilar-Penarroiba.kmz

Punto

Descrición

Aves

1

O restaurante onde iniciamos a ruta é unha zona pola que teñen querenza moitas pequenas aves, tanto na invernada como na cría. Unha alternativa interesante é baixar á praia do Vilar.

Aves do mato, atención ás Papuxas.

Pequenas limícolas no Vilar. Rabirrubio nos cantís e pedras da praia, que soe percorrer a Lavandeira branca.

2

As pistas ascendentes lévannos fronte ao illote de Pena Maior ou Illa Branca, polo dique cuarcítico que a cruza. Son restos da costa en retroceso pola erosión mariña actual sobre as rochas metamórficas grisentas que as forman.

En Pena Maior adoitan pousarse Corvos mariños reais e grupos de Gaivotas patiamarela e escura.

3

Nos campos que miran ao mar soen pastar cabalos, que aportan nutrientes, favorecendo a fauna do solo atraendo aves.

Aves do chan e do mato. Presencia de Picas, tamén Xílgaros, Liñaceiros e Verderolos. Soen pousar bandos de Estorniños nos cables da luz.

4

Esta parte da ruta leva sobre a Cala de Cela, localmente chamada Penarroiba, posiblemente debido á cor roxa das arxilas que a coroan, ben visibles dende o mar como referencia. Posiblemente un dos lugares máis fermosos do cabo, ao que se accede por un estreito e peado sendeiro de pescadores.

As paredes son propicias para aves dos penedos, como o Rabirrubio, pero son varias as especies que se poden ver alimentándose nas paredes. Non soe faltar a Lavandeira branca nunha pequena praia con máis pedra que area. Ao seu abrigo soen parar gaivotas e, co mal tempo, Mascatos e Araos.

5

O camiño entre Campotes e As Pozas, agora pista de terra, discorre entre antigas terras de labor, hoxe substituídas en parte por vivendas.

Os paxaros visitan a zona, alternando os prados e terras de labor coas sebes de borde de camiño e fincas. Ademais dos grupos de Corvo pequeno e Estorniños cómpre atender aos pequenos paxaros.

6

O camiño recomendado atravesa unha finca que recolle as augas da pendente, favorecendo a presencia de matos alternando co campos. Pódese tamén retornar pola pista cara ao S, entre as fincas e campos non faltarán observacións.

Moita querenza de aves do mato como Papuxas, Liñaceiros e Xílgaros.

 

 

Ruta As Cabazas-Praias

(Consultar mapa)

Vai esta ruta por unha dos máis interesantes espazos de Cabo Prior, concretamente pola aba S do istmo, unha zona abrigada dos ventos e soleada. Boa parte do paseo transcorre polo monte en man común de Esmelle-Covas, polo que se deben seguir as indicacións existentes, ao tratarse dun espazo de propiedade particular aberto ao público.

A maior singularidade consiste en que, xunto cos campos de Marmadeiro, os das Cabazas medran en boa parte sobre mantos eólicos, formados en climas e altura do mar moi distintos do actual, nos que as areas da costa ascenderon movidas polos ventos ben lonxe da liña de costa do presente. Así atópase area coma da praia ben alta, aínda que máis gris polo aporte de materia orgánica da vexetación, natural ou dos cultivos, que ata mediados do s.XX cubrían case a totalidade do terreo.

A zona é LIC e ZEPA da estrada cara ao mar, mais ten restricións de uso pola cría potencial do Alcaraván e da Escribenta das canaveiras.

 

[Ilustración: RutaAsCabazas-Praias-Gris.tif]

Lonxitude: 2,8 km. Ficheiro: Ruta As Cabazas-Praias.kmz

Punto

Descrición

Aves

1

Campo das Cabazas. É a zona máis alterada polos recheos efectuados nas últimas décadas e polo seu uso para campo de festa e eventos deportivos. A ruta comeza na parte baixa, ao comezo da parte repoboada do monte comunal.

Na zona descuberta poden verse Corvos pequenos, Pombos e paxaros de campo aberto como os Liñaceiros e os Xílgaros.

2

Piñeiral de repoboación. Plantado con Pinus pinaster, sométese a xestión como explotación forestal. Cómpre lembrar que estamos nunha propiedade privada na que se permite o uso público.

O Peto real e o Peto verdeal non desaproveitan un dos poucos piñeirais da zona; tamén os Ferreiriños visitan as copas.

3

No piñeiral hai unhas mesas fixas de merendeiro e dous paneis interpretativos onde a senda deixa o arborado para pasar á estrada á altura do cámping.

Ademais de escoitarse Ferreiriños e  Petos, os Pombos e os Corvos poden entrar a aproveitar restos de merendas.

4

Nos cables eléctricos do inicio do camiño que leva á praia soen pousarse aves; tamén os piñeiros, salgueiros e silveiras das beiras son pousadeiros frecuentados.

Hai un curioso pousadoiro de Gaivota patiamarela nos cables. Pode haber Estorniños e Pica das árbores.

5

O desvío ata o miradoiro que domina a praia do Pareixal bordea un grupo de canaveiras e campos aos que estar atentos.

Gaivotas patiamarela e sombría soen pousar en inverno. Poden estar Papuxas e Picafollas polos matos e Picas polos campos ou cables.

6

A punta domina a praia anterior e a da Fragata cunha boa vista de ambas. O camiño ata o seguinte punto cruza un pequeno rego con altas canaveiras onde poden atoparse a beber ou pousadas.

Pousadoiro e paso das gaivotas mencionadas en 5. Ocasionalmente Mascatos e Carrán  a pescar na enseada.

7

A senda cruza unha duna activa que tende a cubrir a pasarela de madeira instalada á altura do cámping, instalado tamén en terreo comunal e incluído en LIC e ZEPA. Nas proximidades do piñeiral que aquí aparece pode haber movementos de aves das árbores ou entre estas e os campos.

Estes piñeiros abertos soen ser visitados por Ferreiriños, tamén a Escribenta común soe andar por aquí, así como grupos de Liñaceiros, Xiríns e  Verderolos.

8

Estes campos sobre manto de areas son os preferidos por córvidos e aves de campo aberto.

A Choia pode formar grupos familiares para comer na zona, como tamén fai o Corvo pequeno. En verán pode verse ao Falcón pequeno cazar insectos voadores.

9

Accédese de novo a terreo comunal por un punto singular onde un peche de madeira limita unha dos escasos pés de Camariña de Prior. Esta planta ten algo máis ao N o seu límite peninsular da especie, en Pantín, Valdoviño. Ao S está a canle do Rego de Soagraña, unha zona potencial para a Escribenta das canaveiras.

Na contorna da Camariña pode haber grupos das aves citadas en paradas de piñeiral e campo aberto por ser zona repoboada hai poucos anos. As carrizas próximas ao rego son hábitat potencial da Escribenta das canaveiras, unha especie en aparente declive.

10

Na senda de volta vanse pisando areas cunha cuberta herbácea delgada. Nas zonas máis deprimidas, a humidade favorece o crecemento de matos.

Poden escoitarse e verse tanto as especies de petos ou paxaros carpinteiros como de ferreiriños.

 

 

Ruta Xuncal de San Xurxo

(Consultar mapa)

O trazado desta ruta é unha invitación a percorrer a contorna do maior humidal de Cabo Prior. Vai percorrendo a trasduna da praia de San Xurxo, entre a duna gris –colonizada pola vexetación- e a depresión que recolle as augas onde medra as plantas palustres e o bosque de galería do coñecido como Xuncal de San Xurxo, dunhas 10 hectáreas de superficie. Como toda a contorna, as transformacións socioeconómicas no s.XX supuxeron o abandono das actividades agropecuarias, hoxe residuais, e un cambio drástico nas paisaxes de fondamente humanizadas a máis “silvestres”. Pode ser esta unha invitación a interpretar a paisaxe actual baixo esta perspectiva.

[Ilustración: Ruta O Xuncal-Gris.tif]

Lonxitude: 5,6 km. Ficheiro: Ruta Xuncal San Xurxo.kmz

 

Punto

Descrición

Aves

1

Tomando a vía que se vai cara á praia tomamos á esquerda, ao encontro do bosque de galería ás beiras do río. Atopamos a “milla”, monólito branco que formaba parte de dúas parellas de marcas para acoutar 1 milla náutica dende o mar.

Camiñando en silencio é un bo lugar para escoitar e ver aves do mato e das árbores. Á saída do bosque debemos ir atentos entre este punto e 2 pola posible presenza en verán de Picanzo vermello, Falcón pequeno, Escribenta das canaveiras e Andoriñón real. Na praia cría a Píllara das dunas entre marzo e agosto, polo que se debe evitar a parte alta da praia e respectar as gaiolas de protección que se adoitan colocar.

2

Un lugar para sentarse a observar ou percibir con atención a circulación de aves entre a duna, a xunqueira –de baixo porte- e a carriza que pode pasar os 3 m de altura. O cambio dos usos agropecuarios explica a perda da lámina de auga libre, ocupada pola expansiva vexetación.

Os cables e pousadoiros como silveiras e piñeiros illados son bos para ver ao Picanzo vermello, un paxaro que se move entre esta zona e áreas de invernada en África, como os citados Falcón pequeno e Andoriñón real.
A lavandeira verdeal ocupa estes campos para criar antes da migración invernal.

 

3

A ruta cruza o rego de desembocadura do Xuncal, camiño da praia onde sae ao mar nunha zona de morfoloxía cambiante segundo a chuvia e as mareas. A proximidade de vivendas e xardíns permite a observación de aves destes ambientes.

As canas e xuncos son usados polo Lavanco como como área de cría e de “mancada”, protección na etapa de renovación das plumas que lle impide voar.

4

O camiño atravesa terras de cultivo e campos ata confluír na estrada, que podemos deixar tomando un camiño á esquerda, atravesando un mosaico de prados e cultivos. Tras retomar a estrada, a deixaremos en 5, a uns 170 m.

Un treito axeitado para apreciar a alta biodiversidade destas zonas de mosaico de hábitats.

Unhas especies que destacan no aire estival son o Cirrio e as Andoriñas. Como o Andoriñón, crían nestas terras para marchar a invernar a África.

5

Un núcleo de casas rodeado de cultivos e arborado é un punto de paso ou pousadoiro para as aves. O treito entre 5 e 8 pode requirir calzado ou botas para a auga.

Pese a pouca distancia á estrada Covas – San Xurxo este punto é unha aproximación ao ambiente agropecuario tradicional. O Merlo e o Paporroibo son especies que gustan da proximidade dos humanos e os seus animais.

6

Dende aquí temos unha visión moi próximo ao bosque de galería, sobre todo Salgueiros, que están a colonizar o xuncal.

O arborado de Salgueiros e Ameneiros da cobertura a moitas aves que buscan dende insectos a sementes.

7

Un bo lugar coa elevación suficiente para ver o conxunto dominado polos carrizos.

Moi atractivo en PV polas aves estivais Escribenta das canaveiras, Andoriñón, Andoriña, Cirrios, Picanzo vermello e Falcón pequeno.

 

8

Neste punto o camiño vira nun lugar onde quedan pequenas hortas e terras de labor a carón do Xuncal. O conxunto ofrece variedade de ambientes.

A variedade de aves contrasta coas que se observan ao outro lado da estrada, onde domina o eucaliptal, auténtico deserto para a avifauna.

 

 

Ruta de Esmelle-Marmancón

(Consultar mapa)

As rutas anteriores percorren ambientes litorais, nos que a visión do mar e o aire, impregnado do salseiro, inflúen na percepción do paseo. Porén esta proposta é unha visita a vales interiores das parroquias de Esmelle e Marmancón, percorridos por pequenos regos que recollen as augas de chuvia das súas concas, do que o Saído é o principal.  Mais, como se verá, algún punto ten unha insólita visión do Cabo Prior e o mar.

[Ilustración: RutadeEsmelle-Marmancón.tif]

Lonxitude: 4,1 km. Ficheiro: Ruta de Esmelle-Marmancón.kmz

 

 

 

 

Punto

Descrición

Aves

1

Comeza a ruta na Asociación de Veciños de Esmelle. Por aí descorre o rego resultado da unión dos do Saído e Roxedoiro. Séguese a estrada a Covas ata o desvío de Esmelle-Tralocastro.

Os campos abertos e o ambiente fluvial favorece á avifauna variada. O Miñato soe estar nos postes da luz; a Lavandeira branca anda polos campos e a real prefire os ríos. Un dos sitios onde se pode ver Pardal, unha especie en retroceso.

2

O núcleo de Esmelle está ben delimitado e as casas respectan as tradicionais agras, ou conxunto de agros ou leiras, onde labraban distintas casas. O camiño descorre por unha recta pista da parcelaria bordeada en tramos por arborado espontáneo.

A especies comúns que se ven soas como o Paporroibo, o Carrizo ou o Merlo xúntanse outras que adoitan formar bandos, como o Liñaceiro, o Xílgaro, o Xirín ou o Verderolo, especialmente tras da cría e no inverno.

3

A pista deixa no alto o núcleo de Tralocastro e, entre este e o de Esmelle, o castro. Neste treito apréciase a maior humidade do terreo pola presenza dun crecente bosque de galería.

Os Pombos son rechamantes nestas terras, chegando a formar grupos numerosos. Os Corvos pequenos tamén se agrupan e son quen alarman da presenza de rapaces como o Azor e o Falcón peregrino.

4

O camiño ascende entre leiras, prados e un crecente dominio do eucaliptal. A subida compensa a relativa monotonía coa vista dende a sinxela igrexa de San Pedro de Marmancón. Dende este punto tense unha enfilación do val que permite ver o mar.

A medida que aumenta a superficie do eucaliptal diminúe a variedade de aves. Porén non é raro ver ao Corvo grande cruzar este ceo.

5

Este punto do camiño de descenso está centrado no val, entre leiras e sendas masas de eucaliptais.

Un bo lugar para a escoita de aves pola situación e o silencio habitual no val.

6

O camiño faise por unha estradiña asfaltada do lugar de Lodeiro. Hai fincas con froiteiras, especialmente maceiras e vellos pés de cerdeiras, árbore que caracterizaba ao val de Esmelle a mediados do s.XX. Destacan as agras e o paso, á dereita, do rego principal do val.

O tempo das cereixas e as guindas atrae a moitas aves como o Merlo, o Tordo común, a Papuxa das amoras e a cada vez máis frecuente Papuxa cabecinegra. Non faltan a Pega marza nin o Pombo.

7

Este treito está caracterizado polo bosque de galería, aquí dominado por Ameneiros, que marca a unión do rego do val co do Saído. Bastantes desas vellas leiras están hoxe a eucalipto.

En inverno os bandos de Ferreiriños animan o bosque coas súas chamadas. Frecuente a Lavandeira real, paseando en solitario os regos.

8

No cruce tomarase a pista que paralela á estrada principal vai baixo un fermoso bosque de galería con ameneiros no alto e salgueiros por baixo.

O dosel da vexetación invita a escoitar o canto das aves, máis doado de percibir que de ver ás autoras.

9

Neste treito o camiño segue por unha cuberta similar que vai dando paso a unha mestura de arborado de fóra (eucaliptos e chopos), mais remata nunha pequena pontella de madeira que leva ao río de Roxedoiro.

Soe estar na zona un gran bando de Pombo, especie que na última década aumentou o seu número. Campos tamén propicios para a Avenoiteira e para rapaces nocturnas como a Curuxa e a Avelaiona cuxo reclamo é habitual no tempo.

10

O Xardín de Pepa é unha finca cedida pola súa propiedade en custodia aos veciños. Plantáronse alí árbores autóctonas en 2009 e na actualidade é un pequeno bosque na proximidade da igrexa de Esmelle.

O paso de prado a bosque está a cambiar a composición da avifauna; a proximidade ao río engade atractivo á zona.

 

 

 

 

GLOSARIO

 

Ameneiro ou Amieiro Alnus glutinosa. Aliso.

Andoriña Hirundo rustica Golondrina PV

Andoriñón real: Apus (Tachymarptis) melba, Vencejo real. PV.

Arao romeiro, Carolo Alca torda. Alca. OI.

Avenoiteira cincenta Caprimulgus europaeus. Chotacabras.

Azor Accipiter gentilis. Azor.

Azulenta Prunella modularis. Acentor común.

Camariña Corema album. Camariña.

Cardeal Pyrrhula pyrrhula . Camachuelo.

Carriza dos xuncos Cisticola juncidis. Buitrón.

Carriza Phragmites australis. Cana que pode superar os 2 m de altura en lugares enchoupados.

Carrizo Troglodytes troglodytes. Chochín.

Chasco Saxicola torquata. Tarabilla común.

Choia Pyrrhocorax pyrrhocorax. Chova piquirroja.

Cirrio Apus apus. Vencejo. PV.

Corvo grande ou carnazal Corvus corax. Cuervo.

Corvo mariño cristado Phalacrocorax aristotelis. Cormorán moñudo.

Corvo pequeno  Corvus corone. Corneja negra.

Curuxa das xunqueiras Asio flammeus. Lechuza campestre.

Curuxa Tyto alba. Lechuza.

Escribenta amarela Emberiza citrinella. Escribano cerillo.

Escribenta común Emberiza cirlus. Escribano soteño.

Escribenta das canaveiras Emberiza schoeniclus. Escribano palustre.

Estorniño negro Sturnus unicolor. Estornino negro.

Estorniño pinto Sturnus vulgaris. Estornino pinto. OI.

Estreliña riscada Regulus ignicapilla. Reyezuelo listado.

Falcón pequeno Falco subbuteo Alcotán. PV.

Falcón peregrino Falco peregrinus. Halcón peregrino.

Ferreiriño abelleiro. Parus major Carbonero común.

Ferreiriño azul Parus caeruleus. Herrerillo común.

Ferreiriño cristado Parus cristatus. Herrerillo capuchino.

Ferreiriño negro Periparus ater. Carbonero garrapinos.

Ferreiriño rabilongo Aeghitalos caudatus. Mito.

Folosa amarela Hippolais poliglotta. Zarcero común.

Folosa das canaveiras Acrocephalus scirpaceus. Carricero común. PV

Gabián Accipiter nissus. Gavilán

Gaivota escura Larus fuscus. Gaviota sombría. OI. Tamén cría.

Gaivota patiamarela Larus michahellis. Gaviota patiamarilla.

Lagarteiro  Falco tinnunculus. Cernícalo vulgar.

Lavanco Anas platyrhynchos.  Ánade real.

Lavandeira branca Motacilla alba alba. Lavandera blanca.

Lavandeira moura Motacilla alba yarrelli Lavandera blanca pía. OI.

Lavandeira real Motacilla cinerea. Lavandera cascadeña.

Lavandeira verdeal Motacilla flava. Lavandera boyera PV

Laverca Alauda arvensis. Alondra. PV.

LIC: Lugar de Interese Comunitario. Territorio incluído dentro da rede Natura 2000 da Unión Europea (UE) por conter Hábitats de Interese Prioritario, polas especies vexetais e animais e outros factores ambientais.

Liñaceiro Carduelis cannabina. Pardillo.

Mascato Morus bassanus Alcatraz OI.

Mazarico chiador Numenius phaeopus.  Zarapito trinador OI.

Mazarico real Numenius arquata. Zarapito real. OI.

Mazarico rubio Limosa lapponica. Aguja colipinta. OI.

Merlo Turdus merula Mirlo

Miñato común Buteo buteo. Ratonero busardo.

Montes en man común: Territorio con modelo de xestión comunal procedente da ocupación xermánica, recollida na lexislación galega actual. Son comuneiros os residentes que exercen como tales, os terreos están suxeitos a aproveitamento común non se poden enaxenar.

Moucho común Athene noctua Mochuelo europeo.

Paporroibo Erithacus rubecula. Petirrojo.

Papuxa cabecinegra Sylvia melanocephala. Curruca cabecinegra.

Papuxa común Sylvia communis . Curruca zarcera. PV.

Papuxa das amoras  Sylvia atricapilla. Curruca capirotada.

Papuxa do mato Sylvia undata. Curruca rabilarga.

Parcelaria: Ou concentración parcelaria, foi aplicada ás parroquias de Covas, Esmelle e Marmancón para diminuír a fragmentación de terras; construíronse ademais uns 110 km de pistas, moitas delas de nova traza, o que supoxo a desaparición ou abandono dos camiños tradicionais.

Pardal Passer domesticus. Gorrión.

Pardela balear Puffinus mauretanicus. Pardela balear. OI.

Pardela cincenta Calonectris diomedea. Pardela cenicienta. OI.

Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe. Collaba gris. PV.

Pega marza ou Gaio Garrulus glandarius. Arrendajo.

Pega marza, Gaio Garrulus glandarius Arrendajo

Pega Pica pica.  Pega

Peto real Dendrocopus major. Pito picapinos.

Peto verde Picus viridis. Pito real

Pica campestre Anthus campestris. Bisbita campestre,

Pica costeira Anthus petrosus Bisbita costero. OI.

Pica das árbores Anthus trivialis. Bisbita arbóreo. PV.

Pica dos prados Anthus pratensis. Bisbita común. OI.

Picafollas europeo Phylloscopus collybita mosquitero común. OI.

Picafollas ibérico Phylloscopus ibericus Mosquitero ibérico. PV.

Picaxuncos ou Carriza dos xuncos Cisticola juncidis. Buitrón.

Píllara das dunas  Charadrius alexandrinus. Chorlitejo patinegro. PV.

Píllara real Charadrius hiaticula. Chorlitejo grande. OI.

Pilro común Calidris alpina. Correlimos común. OI.

Pilro tridáctilo Calidris alba. Correlimos tridáctilo. OI

Pombo torcaz Columba palumbus. Paloma torcaz.

Rabirrubio Phoenicurus ochruros. Colirrojo tizón.

Rula  Streptotelia turtur. Tórtola europea.

Salgueiro Salix atrocinerea. Unha das árbores compoñentes dos bosques de galería.

Tartaraña das xunqueiras Circus aeroginosus. Aguilucho lagunero PV

Tordo común Turdus philomenos. Tordo común.

Verderolo Carduelis chloris. Verderón.

Xílgaro Carduelis carduelis. Jilguero.

ZEPA: Zona de especial protección para as aves. Para a UE son zonas de singular relevancia para a conservación de aves en perigo de extinción. Boa parte da contorna de Cabo Prior pertence á ZEPA Costa de Ferrolterra-Valdoviño (concellos de Ferrol, Narón e Valdoviño).

<< Volver