O naufraxio do Freelock

08/02/2004, Juan Carlos López Hermida

O Cabo Prioiro foi sempre un referente na navegación das rutas do Noroeste Atlántico, e así xa no século XVI o relata Pedro Teixeira, que recorreu e plasmou a nosa costa na súa obra El Atlas del Rey Planeta. Descripción de España y las costas y puertos de sus reinos

Hoxe en día, existe un extraordinario tránsito de buques de todo tipo fronte o cabo Prioiro, navegando unha media de 130 embarcacións cada día, arredor de 50.000 ó ano. Buques sobre todo que viaxan dende o Mediterráneo e Golfo Pérsico e diríxense o norte de Europa.

Pero a importancia dende o punto de vista da navegación ven dada pola dificultade, sobre todo en tempos pasados, de supera-lo citado cabo, e así temos constancia de varios naufraxios nas costas de Covas, como o que imos relatar.

O vapor inglés Larkslock, que realizaba viaxe de Londres a Shanghai (China) levando a remolque o Freelock, viuse sorprendido por un forte temporal de Sur-Oeste con mar grosa. O día 1 de abril de 1947 ás 08:15 horas, cando navegaba fronte o Cabo Prioiro, estando en latitude 43º 37’ 30’’ e lonxitude 9º 25’ 00’’, rompeuse o remolque, non puidéndose restablecer nin ese día nin o seguinte. Como consecuencia, o Freelock foi arrastrado á costa e embarrancou fronte os Agillos (entre a Vaca e o Agiuncho de Pena Roiba). O Larkslock dirixiuse ó porto de Ferrol.

Tanto o Larkslock como o Freelock, antigas corbetas da Royal Navy inglesa que actuaran como patrulleiras de guerra, formaban parte dun lote de 50 buques do mesmo tipo vendido por Inglaterra ó goberno chino. As súas características eran as seguintes:

 
  Nome Freelock, da matrícula de Londres, folio Nº 181570
  Eslora 59,53 M.
  Manga 10.109 M.
  Puntal 5,7 M.
  Tonelaxe Bruto 721,25 toneladas inglesas
  Tonelaxe Neto 262,41 toneladas inglesas
  Ano de construcción 1941 (Londres)
  Porto Rexistro Londres
  Procedencia Londres
  Destino Shanghai
  Armador Wheelock Marden & CO. Limited
  Aseguradores Salvage Association (Londres)
  Representante Asegurador Axente de Lloyd´s, D. Guillermo V. Martín (A Coruña)
  Máquina triple de 4 cilindros de 2.750 cabalos, o eixo a 180 r.p.m. e dúas caldeiras cilíndricas de chama de retorno, queimando petróleo de tiro forzado de tipo “WALLSEND-HOWDEN” traballando a presión de 15’5 Kg/cm2.
 

O 3 de abril, o capitán do Larkslock, M. Sandberg, declara sobre os feitos na Comandancia de Mariña. Posteriormente, será tamén notificado polo posto da Garda Civil de Covas.

Noméase como apoderado do representante asegurador, para actuar en defensa dos intereses do armador e asegurador do Freelock, a D. Luís Salvador Martín (fillo de D. Guillermo V. Martín), natural e veciño de Ferrol, con enderezo na rúa Almirante Vierna e de profesión comerciante.

Decídese poñer un vixiante a bordo, función para a que contrataron a Florencio Fortúnez (de Baselisa), tamén a Garda Civil realizaría traballos de vixilancia. Segundo instruccións da aseguradora, comezan as xestións necesarias para realiza-lo salvamento do Freelock e, de non ser posible, o seu desguace.

A principios de agosto, o buque encallado foi recoñecido por un equipo de buzos, presentado as seguintes avarías: crocaduras de proa a popa, esmagamento das quillas de balance, rotura dunha pala da hélice, falta do temón e tres furados no costado de estribor, un a 15 varas da proa e dous a 10 da popa nos arredores da cámara de máquinas. Ademais, o barco encontrábase sentado completamente no baixo.

Para o intento de reflotamento desprazouse un barco dende A Coruña co persoal técnico e o material necesario, contratando en Covas a :

José López Pazos (de Bernardino)
Celestino López Leal (de Paulino)
Francisco Freire Ramos (de Angelita)
Lino Cabanas (de Pilarita)
Florencio Fortúnez (de Baselisa)
Jesús García Agras (do Ledo)

Os traballos realizábanse dende o barco, e soamente durante os días que o permitía o mar; duraron ata finais de setembro, a razón de 25 pesetas por día traballado (con estes cartos, algún chegou a mercar unha bicicleta). Empezouse por achicar o barco, pero vendo que existía perigo de partirse, decídese inunda-lo de novo. Dous días despois de abandonar a idea do salvamento, o barco partiuse en dous.

O 22 de setembro comparecen ante o xuíz instructor, por un lado D. Luís Salvador Martín, en representación da aseguradora e armador, e por outra banda, D. Guillermo V. Martín, como xerente da empresa coruñesa Aguas del Puerto S.L., para asina-lo contrato de venda do citado vapor inglés pola cantidade de 110.000 pesetas, coa condición de que sexa desguazado. Posteriormente, o comprador traspasou a propiedade do buque a D. José Santa Cruz, chatarreiro da Coruña, con enderezo en Orillamar nº 32 e coa autorización previa da D.O.I.S. Esta empresa será finalmente a que faga o desguace, desprazando dende Coruña un barco con todo o material e persoal necesarios.




Información facilitada por:
Arquivo Xeneral. Zona Marítima del Cantábrico. Causa nº 172/47
Benito López Díaz.
Celestino López Leal.
Jesús García Agras.


Máis información en:

http://desdelacroa.blogspot.com.es/2010/11/naufragios-el-freesia.html

http://www.hungerfordvirtualmuseum.co.uk/index.php/9-events/119-hms-freesia

http://uboat.net/allies/warships/ship/4755.html

http://theflowerclasscorvetteforums.yuku.com/topic/531/HMS-Freesia-K43#.VvhAlU1f34g

<< Voltar