O insólito dalgúns topónimos

25/03/2015, Henrique Dacosta López

No número catorce desta publicación, isto é, na revista do ano pasado, faciámonos eco do curioso e até insólito caso do topónimo O Prioiro. Despois de darlle algunhas voltas, xa que este mesmo nome de lugar, aínda que un chisquiño variado na súa morfoloxía, aparecía en dúas localidades fóra da nosa área lingüística —Priorio, a pouca distancia de Uvieu (Oviedo), e Prioro, na provincia de León, non lonxe de Riaño—, o certo é que daquela se nos pasou por alto que tamén en San Sadurniño, na parroquia de Naraío, nos podemos achar con esta mesma denominación toponímica. Aquí, coa súa forma en plural, quérese dicir, Os Prioiros. Así pois, temos unha entidade de poboación que responde ao nome de A Fonte dos Prioiros, e dous terreos, un co propio nome de Os Prioiros e outro co de Tralos Prioiros, este con arboredo.

O enigma acerca da orixe deste nome de lugar continúa hoxe prevalecendo, se ben puidese provir dun suposto *pRiORe latino, e co significado de 'primeiro, superior', probábel candidato, logo, a ser o seu étimo. Respondería pois —o noso lugar de Covas polo menos—, non sabemos se ao feito de estar ligado á primeira factoría baleeira existente en toda Galiza ou ao de existir un prior (ou abade) dentro desa congregación pertencente a Sobrado dos Monxes, que daquela corría co nome de Granxa da Reparata/Reparada, e sobre cuxos testemuños aínda nos restan os topónimos Soagraña e A Casa do Frade. Tamén apuntabamos o que Ángel Llamazares Sanjuán dicía con respecto ao topónimo leonés Prioro, xa que estariamos perante un hidrónimo, ou topónimo ligado á auga, e que quizá se puidese interpretar algo así como 'o de xunto á corrente' ou 'o de xunto ao regueiro', máis detalladamente explicado no citado artigo.

No entanto, aínda quixemos rematar o noso artigo da pasada revista deixando anotado simplemente outro topónimo curioso, Doñinos, así recollido por duplicado, e existente na provincia de Salamanca, e acerca do cal, sinalamos, habiamos de falar neste número quince case que con total seguridade, como así imos facer. en sintonía co devandito Prioiro-Priorio-Prioro, antóllasenos bastante claro que estoutro nome de lugar tamén ten a ver co noso Doniños de Ferrol. O lingüista Amable Veiga Arias, no seu libro Algunas catas en los orígenes del gallego, dinos acerca del:

«Creemos que se trata del diminutivo de dom(i)nus o quizá del mismo sufijo -iño usado con el valor de 'de' en Fompedriña 'fuente de piedra', donde el elemento pedriña es un adjetivo.»

Sexa como for, e admitindo o que Amable Veiga pode validar como unha posibilidade bastante plausíbel, e que traduciriamos, se cadra, como 'do Señor' (Doniños = do Señor), réstanos por dicir que o insólito deste topónimo fai que só apareza en territorio galego, como algo único logo, para o noso caso de Doniños [San Román de], de Ferrol; e para fóra de Galiza, o de Doñinos de Salamanca, na provincia do mesmo nome, tratándose dun municipio ás aforas da capital, e de Doñinos de Ledesma, outro concello, neste caso na comarca de Tierras de Ledesma, e idéntica provincia.

Ben recuadas no tempo terán ficado aquelas explicacións pintorescas e un bocadiño inxenuas a respecto de que o nome Doniños había de vir dunha composición de palabras, isto é, da unión de Dous e de Meniños ou Neniños, aludindo á lenda en que se nos conta como dous nenos foron salvados unha vez que Cristo, disfrazado de romeiro, castigase a aldea de Valverde asolagándoa, após lle teren negado pousada en todas as casas. A idea das crianzas sobreviventes á maldizón grazas a que apareceron aboiando nunha cesta de vimbios, garda claras connotacións bíblicas. A antiga aldea de Valverde xacería baixo as aguas aínda na actualidade, lenda que podemos facer extensiva a outras localidades asociadas a lagoas como a de Antela ou a de Lucenza.

Non obstante, esta maneira de tentar explicar a nosa toponimia, continúa tendo os seus adeptos, moi a pesar do nulo peso científico que atesoura, e até forman parte da nosa tradición popular, unha vez arraigaron. Simpáticas son, non cabe dúbida, menos aborrecidas que a propia explicación filolóxica, máis técnica e tediosa. A procedencia acerca do noso Chamorro, e nome da virxe avogosa dos mariñeiros, por exemplo, ten formulado esa lenda en que a fantasía popular enxendrou o relato do náufrago que se achaba en perigo e que invocando a frase “xa morro”, daría nacemento ao tal topónimo, e á Virxe de Chamorro, cuxa outra denominación haberá de ser tamén a da Virxe do Nordés.

Un terceiro e último topónimo do que nos queriamos tamén facer eco hoxe é o de O Gamoal. Denomínase deste xeito unha zona de monte situado no lugar que coñecemos como a Fonte da Tella, no prioiro, en Covas logo. Só fomos capaces de dar con outro nome de lugar idéntico, aínda que ben lonxe de aquí, en San Cristovo de Cea, na provincia de Ourense. estámonos a referir a que o achamos no Nomenclátor de Galicia, pertencente ao proxecto Toponimia de Galicia, proxecto que foi abandonado de maneira inexplicábel pola administración un tempo atrás. esta pequena entidade de poboación pertence á parroquia de Oseira, afamado lugar onde se encontra o célebre mosteiro cisterciense do mesmo nome. Con todo, e indagando na internet, fomos capaces de dar con este enlace de enorme interese para o noso caso, http://www.academia.edu/6057807/O_Gamoal_en_Galicia, un artigo no suplemento “O Faro da Cultura”, do xornal Faro de Vigo, do 13 de febreiro de 2014, titulado “O Gamoal en Galicia. Bucranios romanos de Tomonte”, da autoría de Alberte Reboreda.

Aínda que as resonancias deste topónimo, agora recollido como El Gamonal, e o cal asociamos directamente cun barrio da cidade de Burgos que saltou ás primeiras planas dos noticiarios debido aos disturbios e protestas que alí se sucederon ao longo do mes de xaneiro de 2014 pola posíbel construción dun custosísimo bulevar, tampouco as podemos pasar por alto. Con todo, dito nome de lugar vóltase a repetir igualmente noutras localidades españolas: nunha entidade menor de poboación pertencente ao concello de Talavera de la Reina, en Toledo; en Tegueste, na illa e provincia de Tenerife; e outra en Santa Brígida, na illa e provincia de Gran Canaria. Aínda é posíbel encontralo como Gamonal de la Sierra, un núcleo de poboación pertencente ao concello de Hurtumpascual, na provincia de Ávila; e unha Hoya del Gamonal, no montañoso municipio de Vega de San Mateo, outra vez en Gran Canaria.

Alberte Reboreda fai referencia a outros O Gamoal que, aínda non estando no Nomenclátor de que antes falabamos, foron por el recollidos. Así pois, habería un en Xinzo de Limia e outro na Mezquita. igualmente, alude ao topónimo A Fonte do Gamoal, no concello de Vilardevós, todos tres na provincia de Ourense. está claro, tanto para nós como para o propio Alberte Reboreda, que Gamoal é un fitotopónimo ou, o que é o mesmo, un nome de lugar que fai alusión a plantas. posúe unha raíz (gamo-) que ten que ver coa palabra 'gamón', máis un sufixo (-al), que é o que lle dá a idea abundancial, quérese dicir, alúdese a un lugar abundante ou poboado por gamóns. O gamón é unha planta monocotiledónea da familia das liliáceas, que pode ter uso medicinal. pertence ao xénero Asphodelus, e as máis coñecidas son a Asphodelus albus, robusta, perenne, con flores brancas en forma de acio e abundante nos terreos ermos; a Asphodelus aestivus, con acios ramificados e flores rosadas; e a Asphodelus fistolosus, máis pequena que as anteriores, e coas flores cor de rosa clara. Medicinalmente, úsanse para tratamentos de doenzas da pel.

Contrastando distintos dicionarios, alén da tan socorrida Wikipedia, puidemos comprobar que dita planta responde a varios nomes sinónimos. Á parte do de gamón que xa dixemos, e gamota como variante da mesma raíz, temos así mesmo os nomes abrótega, abrotea, apóutiga, breca, herba do gando, lumbrieiro, nunú, ouropesa, ouropeso, pé de pita, petuga e a propia palabra de etimoloxía grega da que tira o seu nome científico, asfódelo. en Covas parece ser que hoxe correría co nome de abrótega, se ben gamoal, o propio topónimo, continúa a ser bastante transparente, e asociado a dita planta, que a xente maior é capaz de identificar como tal.

Insólitos nomes de lugar, como ven, que enriquecen a nosa abondosa toponimia. Topónimos que, á fin e ao cabo, falan de nós, moitos deles do que xa fomos pero moitos tamén do que somos e do que aínda desexamos ser.

 

Henrique Dacosta López

<< Volver