O Centro Campesino de Cultura

08/02/2004, Manuela Santalla

A finais do século XIX e primeiro tercio do século XX, a comarca de Ferrolterra destacará polo seu rico asociacionismo, propiciado pola Lei Xeral de Asociacións de 1887, que deseñará o marco legal que permitirá un importante número de sociedades de carácter popular e cultural en todo o Estado Español.

O día 15 de marzo de 1913, se constitúe na parroquia de San Martín de Covas, o Centro Campesino de Cultura, asociación caracterizada por ser unha “sociedade de recreo”, sita no Concello de Serantes, partido xudicial de Ferrol. O acto de constitución se levará a cabo no sitio de Soagraña, na casa de José Dopico, señalada en dito lugar co número 2. José Dópico xa formará parte da sociedade agrícola “Adelante Luz y Verdad de Covas”, constituída na Pedreira en 1909, de curta vida, que tiña como finalidade o apoio mutuo, económico e benéfico, entre os asociados, e allea a toda cuestión política.

O motivo que leva ós veciños de San Martín, a constituír o Centro Campesino de Cultura, será o de proporcionar os seus membros ou socios, distraccións e solaz posibles cos recursos que se poidan reunir e así mesmo atender á instrucción, no senso educativo, dos mesmos.

Segundo o seu Regulamento presentando ante o goberno civil da Coruña, os seus fines están recollidos no artigo 6, no que destaca a instrucción dos asociados, a procura do desenrolo productivo agrícola, gandeiro e derivados, así como, levar a cabo excursións de estudios e prácticas ós centros de instrucción que proporcionen o Estado da nación ou os que a Centro poda establecer. No seu artigo 7º, que para proporcionar a distracción os socios se darán 12 bailes o ano por conta dos fondos do Centro.

No 8º, contempla que os bailes extraordinarios serán pagados polos socios que o soliciten, sempre nun número superior a 20.

Segundo os artigos 2, 3, 4 e 5, os socios poden ser de tres tipos: efectivos, honorarios e ambulantes. Os primeiros pagarán una cota segundo o regulamento; os segundos serán aqueles que realicen traballos extraordinarios para o Centro, e por último, os ambulantes (moitas veces chamados “socios entusiastas”), contribuirán cunha cota, establecida pola xunta de socios. Será a Xunta xeral de socios, quen teña a última palabra na admisión de calquera tipo de socios. Os socios efectivos pagarán unha cota de 0,50 céntimos de peseta ó mes e que dez anos mais tarde será de 1 peseta.

Segundo o artigo 12º, os socios efectivos, serán homes e mulleres, maiores de 18 anos, con residencia no Concello de Serantes e dedicación ou oficio vinculado os traballos do campo.

Socios masculinos e femininos, que como destaca o artigo 9º, terán en conta que o Centro Campesino, é de carácter única e exclusivamente económico, instructivo e benéfico, que se consigue polo apoio mutuo dos asociados, nunha ampla tolerancia e respecto. Destacando que esta sociedade “será ajena a toda cuestión política y religiosa”.

Por último, o artigo 21º establece que a xunta directiva se renovará o día 1º de cada ano, con eleccións no mes de decembro anterior.

Nos últimos artigos do seu regulamento, recolle as funcións da xunta directiva, formada por 12 directivos que ocupan os cargos de: presidente, vice-presidente, secretario, vice-secretario, contador, vice-contador, tesoreiro, vice-tesoreiro, bibliotecario, vice-bibliotecario e dous vocais.

Trala aprobación de seu Regulamento, se celebra o día 6 de abril a xunta xeral de socios e se designan os cargos da primeira xunta directiva. Será presidida por José Mª Alvariño Saavedra, domiciliado en Prior. O vicepresidente será Enrique López Pazos, con domicilio en Prior. Secretario, Andrés Santiago Serantes de Aldea. Vice-secretario Angel Pita Blanco, de Prior. Contador, Rogelio Otero Lorenzo, de Esmelle. Vice-contador, José López Serantes, de Esmelle. Tesoreiro, José Rodríguez Docampo, de Aldea. Vice-tesoreiro, será Enrique López Fernández de Esmelle. Bibliotecario, Aniceto Loreonzo Bouzamayor de Marmancón. Vice-bibliotecario, José López Canto de Aldea. Os dous vocais serán Angel Ciz Díaz e Manuel Seoane Castro, ambos domiciliados en Marmacon.

Poucas semanas mais tarde, o día 22 de xuño, reunidos na casa onde se constituíron en Soagraña, deciden trasladarse o local “Cochera”, situada en S. Xoán de Esmelle ou tamén chamada “Cochera de Esmelle”, propiedade de Nicolás López e María Santiago, e neste domicilio permanecerá a maior parte da súa vida activa, a excepción dun curto período no ano de 1926, que levan a cabo a súa actividade no domicilio social de “2 de mayo”.

O Centro Campesino de Cultura de Covas como o Centro Obrero do Seixo, nacen ámbolos dous no ano de 1913, a imitación do Centro Obrero de Cultura y Beneficencia, creado en Ferrol en 1911, polo que as relacións asociativas entre Covas (e o Seixo) con Ferrol, serán moi importantes. Así os conferenciantes ferroláns do Centro Obrero se trasladan a Covas a impartir charlas sobre temáticas diversas, atendendo a especialización dos mesmos. Destacarán entre outros, o enxeñeiro de mariña, Andrés Comerma, o profesor Alfredo de la Iglesia, o médico e irmán do anterior, Santiago de la Iglesia, etc. Como socios honorarios terían, ó igual que o Centro Obrero de Ferrol, a Avelino Comerma, Arturo Aulet, Nicolás López, Angel Garcia Valerio, etc.

Cumprindo o mandato de seu regulamento, en 1914, o Centro Campesino sostén unha escola gratuíta para os fillos de socios (a súa asistencia ronda os 60 nenos e nenas) e as súas familias.

A revista “Columba”, no seu número 1, destaca as actividades levadas a cabo polo Centro Campesino de Cultura, segundo as noticias do diario El Correo Gallego. Informacións de transcendental importancia o ser as fontes hemerográficas a única referencia ó asociacionismo de Covas, trala irrecuperable perda do arquivo municipal do antigo concello de Serantes.

As relacións entre o Centro Obrero de Ferrol e o Centro Campesino de Covas, se materializarán nas diversas visitas que se organizan para coñecer os adiantos que presentan as novedosas granxas agrícolas instaladas en A Coruña, a celebración da festa da árbore e o inicio da replantación forestal pola estrada Ferrol-Covas, a participación nas actividades que organiza a Universidade popular de Coruña, da que o Centro Obrero será a súa filial en Ferrol e Comarca, visitas guiadas do Centro Campesino os asociados ferroláns, como as organizadas anualmente para a merenda campestre en Prior, etc.

Así mesmo é de destacar as relacións estreitas que o Centro Campesino mantiña con outra asociación musical ferrolá, a rondalla Airiños d´a Miña Terra, creada en 1904, de gran popularidade na Comarca e Galicia, que organizará en Covas diversos festivais musicais e recitais de gaiteiros nas diversas romarías celebradas en Covas.

No ano de 1917, presenta o seu balance económico (como era obrigatorio), ante o goberno civil da Coruña, baixo a presidencia de Manuel Díaz.

A conta de ingresos esta formada por diversas partidas:
-   saldo do ano anterior: 0,00
-   recadado en recibos: 356,50
-   satisfeito polo socios honorarios: 423,50
-   satisfeito polos socios “entusiastas”: 211,75
Total recadado sería de 992,15 pesetas.

Os gastos se desglosan nos seguintes apartados:
-   9 bailes: 278,30
-   carburo: 23,05
-   boquillas: 2,5
-   veladas literarias: 10,80
-   festa da árbore: 211,75
-   construcción dun piso novo para local social: 350,00
-   gastos extraordinarios: 37,15
Total gastos sería de 990,65 ptas.
 

Observando os gastos do ano de 1917, a partida maior sería a dedicada a construcción dun local para celebrar bailes, que a si mesmo, será o local social do Centro e a escola para os rapaces e adultos que a ela asisten. E igualmente no apartado de ingresos, a aportación dos socios honorarios é maior que o ingreso dos socios efectivos, de aí a súa importancia para a supervivencia do asociacionismo popular.

Nove anos mais tarde, no balance económico de 1926, firmados polo seu presidente, Manuel Fernández Maceira, os ingresos e gastos serían os seguintes.


Táboa I: Ingresos en 1926
Meses Concepto de ingresos Pesetas
Xaneiro Por setenta e oito cotas 78
Febreiro Por oitenta e seis cotas 86
Marzo Por cento cincuenta e sete cotas 157
Abril Por sesenta e nove cotas 69
Maio Por cento corenta cotas 140
  Por donativo de socios entusiastas 34
Xuño Por donativo de socios entusiastas 52
Decembro Por donativos da directiva e socios entusiastas 45
TOTAL   661
 

Os gastos serían como amosa a táboa II.

Táboa II: gastos en 1926
Meses Concepto de gastos Pesetas
Xaneiro Pago a tres músicos e tres kilos de carburo 75
  Papeis, pólizas, plumas e tinta 15
Febreiro Pago a tres músicos e catro kilos de carburo 74
  Arbitrios do concello 11
Marzo Pago catro músicos e carburo 85
Abril Pago tres músicos e catro kilos de carburo 75
  Pago de mil convocatorias e sobres 14
Maio Por 200 invitacións e papel de seda para facer flores 10
  Pago de cinco músicos e carburo 137
Xuño Pago de dous músicos e aluguer do seu coche 66
  Arbitrios do concello 39
Xullo Pago a Manuel Fernández un día de traballo 12
Agosto Pago a Víctor Vázquez por realizar xestións do
Centro Campesino en Coruña, goberno civil
10
Setembro Pago a unha comisión da directiva o seu traballo ante
o goberno civil da Coruña
20
Novembro Pago de papeis oficiais 5
Decembro Pago de papeis oficiais 6
TOTAL   654
 

Observando este balance, na Táboa I, referida a ingresos é de destacar a oscilación no número de socios. No mes de xaneiro existen 78 socios que pagan cada un deles 1 pta. No mes de febreiro son 86, Algúns socios máis, 157 e 140 nos meses de marzo e maio, respectivamente. A partir do mes de xuño, non aparecen os ingresos por socios efectivos da sociedade, o que nos permite pensar que existen problemas, non sabemos de que tipo no Centro Campesino. Problemas, que polos conceptos de gastos nos meses de xullo, agosto e setembro, tal e como observamos na Táboa II, “pago de dietas nas viaxes a Coruña e xestións ante o goberno civil”, se corresponden coa suspensión do cobro das cotas ordinarias de socios. Actos estes, que son o anuncio da súa disolución, que será efectiva a principios de 1927, trala aprobación da mesma polo goberno civil. Motivos: esta será outra historia que deixamos para máis adiante, cando estean mais avanzados os estudos sobre o asociacionismo do Concello Serantes.

<< Voltar