O arado

13/06/2009, José López Hermida

​​O patrimonio é a principal testemuña da contribución dos pobos á civilización universal, e está integrado entre outros bens, tanto polos mobles como polos inmobles de interese artístico, histórico, arqueolóxico, científico e técnico.
debuxo coas partes principais do arado

Os nosos útiles de labranza forman parte, sen dúbida, deste patrimonio ou herdanza recibida dos nosos antergos  que se debe conservar e transmitir ás xeracións vindeiras.

O arado é un instrumento agrícola dos máis coñecidos no mundo.    Utilízase para abrir sucos e remover a terra. É unha ferramenta de grande utilidade. O home  botaba man dela desde os tempos prehistóricos. Pode considerarse como a evolución do pico e da aixada.

É probable que os primeiros arados foran pólas de árbores con forma de pinza, nun dos extremos coa punta endurecida polo lume, que se utilizaba para cavar na terra, eo outro usábanse como mango.

O aparello podía empurrarse ou ser arrastrado por cordas que se ataban a unha persoa ou a un animal.

Os romanos, na antigüidade, usaban un arado lixeiro de rascado cunha reixa de ferro (tamén chamada coitela) tirado por bois. O arado pesado, con rodas , veu a luz  na Idade Media (aproximadamente do século V ao XV d.C.) co fin de remexer o chan máis duro do noroeste de Europa. Este arado tiña unha punta afiada de ferro para labrar o chan.

O arado Rotherham foi desenvolvido en Inglaterra en 1730. A súa estrutura triangular fixo máis doado tirar del,  acomodando o deseño básico para arados de cabalos.

O arado trocou pouco ata  o ano 1830, cando o ferreiro estadounidense John Deere inventou a reixa de arado feita con  aceiro, para arar as terras duras das praderías do Medio Oeste de Estados Unidos.

Os tractores a vapor  utilizáronse con éxito darredor  de 1890. Despois de 1900 os motores de gasolina ocuparon o seu lugar  ao ser máis baratos. Comezáronse a substituír  os bois, vacas, mulas e cabalos no tiro do arado. Con todo, as novas máquinas,  non se utilizaron moito ata que aparecen  os pequenos  multiuso no ano 1924 e o desenvolvemento dos pneumáticos de baixa presión no 1932.

Os arados modernos tirados por tractor poden ter ata cinco conxuntos de reixas e reguladores que poden subirse e baixarse hidraulicamente.

Os arados de disco úsanse  en chans duros. Contan con varios discos cóncavos.

Os arados rotatorios, tamén coñecidos como motocultores, utilízanse varias coitelas montadas sobre un eixo xiratorio horizontal.

Na nosa terra os arados máis usados son o de pau e o de ferro.

O de pau é o  máis antigo. Procede do arado romano que servía para todo tipo de labranza.  Cando aparece  o de ferro , queda só  para sucar coa axuda dunhas  varas e arar en terras de chan mol como as areosas. Este arado constaba de:

  • Temón o  mesmo que a cabezalla do carro, ten un oco para poñer a chavella onde se suxeita o xugo.
  • Rabela, por onde se suxeita coas mans o arado para conducilo.
  • Rexa, é a única parte de ferro, permitía  un  mellor afondamento na terra.
  • Gheifas, servían para apartar a terra para os  lados do rego segundo ía arando.

O aparello de ferro, como dixemos, ocupou o lugar do  antigo de pau. Hoxe está practicamente desaparecido. Os tractores e a falta de gando de tiro son  as razóns principais que atopamos.

Ao principio da Revolución Industrial, no ano 1730, constrúense os primeiros arados en factorías, marcando o comezo da súa fabricación industrial.

O primeiro arado construído, completamente de ferro, foi feito polo inglés Robert Ransone no ano 1808.

Os Arados de ferro, xa máis perfectos, traballaban mellor a terra, por canto dispuñan, no montante da reixa, dunha peza moi importante: a Vertedoira. Esta peza suxeita á reixa, que xa formará parte de todo tipo de arados que no futuro se fabriquen, é unha chapa ondulada e ovalada, que fai ao fincarse a reixa no terreo voltear a terra, sacando á superficie o que a profundidade da arada permita e soterrando canto na tona da terra se atopara.

Este arado constaba de: Temón, Rabelas, Vertedeira, etc.

Como complemento, para aparellar o gando, están o xugo e a chavella.

 

<< Voltar