Muiño de Vento. Jesús da Ludeira. Covas

04/05/2007, Xabier Monteiro Graña

​​

O muíño de vento de Covas, hoxe lamentablemente desaparecido (aprox. 1965), era unha valiosa construción do noso patrimonio e da cultura tradicional que agrupa este tipo de estructuras maioritariamente na costa galega dada a proximidade do mar onde a abundancia dos ventos é salientable e son moi escasos no interior da Comunidade. Estaba situado no Prioiro, na aba do Monte Pequeno, próximo á estrada e ás casas á man esquerda indo para o faro. A súa torre e as aspas destacaban na paisaxe ben orientado de cara ao nordés. Cumpriu coa súa función aproximadamente durante 40 anos, nel moíase centeo, mainzo, orxo e trigo. Tanto a súa fabricación, dimensións, materiais, detalles de construción, etc, eran de características similares en todo á típica dos muíños de vento galegos. Do noso estudo desprendese que tanto as proporcións nas medidas da torre así como o tamaño da moa amosan claramente que os construtores coñecían ben o oficio. O muíño de Covas pertence ao tipo de torre (fixa) e cuberta (tellado) xiratoria, clasifícase así no denominado tipo mediterráneo. A moa, que aínda se conserva é de granito, ten forma circular e de boas dimensións, ten 1,10 metros de diámetro, 18,5 cm. de groso, e un oco (ollo) central de 18,5 cm de diámetro. Partindo destas dimensións pódese saber con aproximación o cálculo do resto do aparello motor, feito que xa coñecían perfectamente os antergos construtores.

 
Familiares de Luís Rodríguez diante dun rodicio

O que varía nestes muíños é o mecanismo motriz que aproveita a forza do vento en lugar do empurre da auga como era o máis común. A construción en Galicia deste tipo de muíños é ademais unha mostra do xeito de facer e da tecnoloxía tradicional dos nosos antergos e amosa unha inquedanza por algo diferente, anovado, e un intelixente aproveitamento da enerxía natural do noso medio. Todos eran de propidade privada e xeralmente o dono era tamén o seu construtor na que xeralmente se involucraba co seu traballo e ademais contratando aos técnicos necesarios, carpinteiros, canteiros e ferreiros para a súa realización. Había técnicos entendidos (galegos) que se dedicaban e este tipo de fabricación.

 

Os muiños de vento de eixo horizontal presentan diversas clasificacións, pero de maneira moi xeral en Europa e na Península pódense distinguir varias tipoloxías: muiño de poste (ou de pivote), de torre, xiratorios e de armazón. Vexamos unha breve descripción:

Muíño de poste. A construción é de madeira. Xira toda sobre un poste. Non existen en Galicia.

 

Muíño de torre. É o máis representado en Galicia e na Península. Pode ser de tipo nórdico ou mediterráneo. O nórdico é de grandes dimensións, ten varios andares, torre de madeira, cuberta xiratoria e aspas rectangulares. O tipo mediterráneo a torre (fixa) é de menor tamaño, fabricada con outro tipo de materiais como son: muros de ladrillo, adobe, pedra, etc. A planta é circular a cuberta xiratoria e as aspas de diferentes formas. Dentro destes últimos existen moitas tipoloxías que extenderían moito este traballo.

 

Muíños xiratorios de espigón central, sobre base de pedra circular e forma troncocónica ou poligonal que rodan sobre carril de ferro. Outro tipo de pequeno tamaño de forma prismática e 6 caras desiguais, que rodan en torno a un espigón excéntrico pousados sobre dúas rodas, localízanse no territorio continental, nas Azores e Porto Santo.

 

Muíño de armazón. A súa arquitectura é sinxela. Un entramado de madeira ou metálico a modo de cabalete para suxeitar o aparello motor, pode ir sobre base de madeira ou de pedra. Case non se atopan refencias deste tipo na Península. En Galica son maioría os muíños de torre fixa e cuberta xiratoria, aínda que na zona de Catoira (Pontevedra) son de torre fixa e cuberta fixa, non se poden xirar para orientalos. Existen/existiron tamén outros tipos pero en mínima cantidade.

 

Construción e funcionamento

O muíño de vento, era unha construción feita con cachotería de pedra de granito de forma cilíndrica (planta circular) de 3,50 m de diámetro por 4,50 m. de alto. No interior, a certa altura, levaba unha repisa de madeira todo darredor para andar por ela e que daba acceso á moa. Para subir ata a repisa posuía unas escaleiras tamén de madeira adosadas á parede. O tellado (cuberta e teito) era de tablazón (madeira) e forma cónica onde ía situado o mecanismo principal de funcionamento, que constaba de eixo horizontal de sección cadrada (árbore) unido ás aspas no extremo exterior e solidario á roda dentada (catalina, entre 1,10-1,50 m. de diámetro) e engranada no piñón (farol - roda pequena, eixo vertical) formado por dous discos xunguidos entre si por travesas de madeira (de 24 cm. de diámetro) que convirte o movemento vertical das aspas en horizontal da moa que vai engarzada pola segorella na parte baixa do eixo, feitos de madeira dura. A relación do número de dentes podería ser de 36/8 ou 40/9. O eixo horiontal forma parte da cuberta a onde tamén vai apoiado. No extremo oposto ás velas, a cuberta leva suxeito o pau de goberno (rabo) que fai de panca para poder virar xirando en círculo todo o tellado de maneira que se poidan orientar as aspas cara ao vento.

 
Recreación do muiño en tres dimesións
Recreación do muiño en tres dimesións. Detalle del mecanismo
Recreación do muiño en tres dimesións. Detalle del mecanismo
Recreación do muiño en tres dimesións. Detalle del mecanismo

Arredor do muíño levaba uns cepos ou estacas para amarrar o rabo e deixar fixo todo o aparello motriz. As partes sometidas a maior esforzo están reforzadas con zunchos de ferro. A arboladura está formada polo eixo horizontal (árbore) que sae ao exterior da cuberta e que está atravesado na súa parte exterior por catro paus (8 vergas) (aprox. 5,60 m.) onde van suxeitas as velas con cordas. As velas son triangulares (vela latina ) de tea (lona ou lenzo). Esténdense (izan) para o seu funcionamento. Van viradas 45º cara ao vento, hai tipos que se pode graduar o ángulo para aproveitar mellor a súa forza. Recóllense (aferran) e gárdanse cando o muíño vai estar parado xa que a humidade apodréceas. Os materiais empregados para a construción son os autóctonos da zona: madeira de carballo, castiñeiro, oliveira, buxo e outras como o pinotea, pedra de granito, ferro para os reforzos e railes (de madeira ou ferro ) e ás veces cinc para as cubertas.

 

O funcionamento é sinxelo: Unha vez decatados de onde vén o vento, o tellado vírase con todo o conxunto das aspas cara el, xa que este vai unido a unha trabe circular que ten unhas rodas que rodan na soleira da parede que leva un rail empotrado. A roda grande catalina (vertical) unida ao eixo das aspas engrana coa pequena, piñón (roda horizontal e eixo vertical unido á moa) convertindo así o movemento vertical das aspas en horizontal da moa que tritura o gran. Para paralo abonda con baixar a moa totalmente ata que pouse sobre o pé, operación que se fai accionando o volante da cruz (aliviadoiro /témpero).

 

Nos muíños de vento, a parte dedicada á moenda onde se bota o gran para ser moído e convertelo en fariña, e o resto do accionamento da moa é en todo similar aos muíños de auga (hidráulicos) tan abundantes no noso concello e en toda Galicia polo que non imos a detallalo polo miúdo. Consta das partes xa reiteradamente estudadas pola etnografía e que nas zonas de Galicia teñen diferentes nomes: trabe e pau da moega (suxeitan a moega) moega (onde se verte o gran), espicela, adella, moa e durminte (ou capa e pé), caixa, grilo e ra (apoio do eixo da moa) , mesa e cruz (aparellos para erguer a moa e regular así a presión de triturado). A cruz (tornillo) unido á mesa que ergue a mesma facendo de panca para levantar o eixo vertical e con el a moa xiratoria.

 

O muíño require un mantemento que na parte da moenda é idéntico ao dos muíños hidráulicos como son, o picado das pedras de moer feito por un canteiro; nos de vento é necesario o engrase da roda e o piñon, do grilo e a ra onde apoia o eixo vertical, ás veces botábaselles auga para que non quenceran. Nestes muíños moíase: trigo, mainzo, centeo e orxo; aínda que foron moi usados para o bombeo de auga. Tamén se utilizaron para outros usos menos habituais como por exemplo saliñeiros (triturar sal), esparteiros (triturar esparto), para mineral, etc.

 

Tradición oral en Covas

O muíño fixoo o meu avó (Luís Rodríguez Fernández e Antonia a súa muller) cremos que a comezos do século XX (aprox. 1910), era de forma circular, de pedra, de aproximadamente catro metros de ancho e cinco de alto. Entramos moitas veces nel, tiña a porta de entrada e dúas ventás, unha fronte da outra. Na parte interior, arrimada á parede subían unhas escaleiras que ían facendo curva (coa parede) e remataban nunha repisa que ía todo arredor e que se podía andar por ela e daba acceso á moa para poder moer. A moa quedaba na parte alta, eran dúas pedras unha (moa/capa) que se movía e a outra, o pé estaba fixa era máis grosa. O tellado era de tablazón de madeira e podíase mover para orientar as aspas cara ao vento, xiraba todo el cunhas rodas sobre un raíl circular. Para movelo tiña unha vara (goberno) que estaba unida ao tellado que chegaba ata un metro do chan e que se empuxaba para xirar todo o tellado e orientar así as aspas. O podía mover un home so. Tiña catro aspas grandes que estaban unidas a un eixo que remataba nunha roda de madeira grande con dentes que engranaba noutra máis pequena e que estaba unida á moa (pedra que xiraba para moer). O gran botábase na moega e ía caendo pouco a pouco a saltos, catro por volta, que era movida porque lle petaba (na moega) o eixo que era cadrado. Tiña un torniquete (cruz/aliviadoiro) que se accionaba para baixar e subir a moa de maneira que se puidera regular a presión da trituración da fariña. O gran entraba polo furado central da moa e saía a fariña de entre as dúas pedras cara abaixo e caía nunha caixa de madeira ou nun saco.

 

Cando se quería parar o muíño, había que bloquealo e baixábase a moa cunha panca (torniqueta-tornilllo xiratorio ) ata que tocaban as dúas pedras e parábase.

 

Moiamos sobre todo trigo, centeo e cebada, para os da casa non para os de fóra, pero ás veces se lle moía o gran a algún veciño.

 

Os técnicos que o construíron, cremos que eran xente de fóra que se dedicaban a iso, a construír muíños.

(Tradición oral familiar: Dña. Mª del Carmen García Rodríguez, D. Jesús Otero Serantes e D. Luis Rodríguez).

 

En Covas hai un lugar que se chama Muíño do Vento, preto do lugar da Aldea que puidera indicar a existencia antiga doutro muiño xa desaparecido. (veciños de Covas).

 
Recreación do muiño en tres dimesións. Ubicación

As referencias históricas dos muíños de vento son moi posteriores ás dos muíños hidráulicos, e súa orixe aínda máis incerta. As primeiras referencias da existencia de muíños de vento de eixo horizontal en Europa, son do s. XII, tanto en Francia (Bretaña) como en Inglaterra e nos Países Baixos do s. XIII. A súa aparición pode estar relacionada coas Cruzadas (s. XI e XII). Nesta época dáse un proceso renovador en todo tipo de actividades, tanto nas científico-técnicas como económico-sociais. Na Península os muíños de vento máis primitivos de velas, aparecen nos reinos musulmáns. O Califato cordobés (s.X) foi de grande importancia na difusión e expansión do muíño de torre de velas mediterráneo, extendéndoo a Portugal. Aínda que os hidráulicos eran os máis utilizados. A referencia máis antiga en Galicia dun muíño de vento é do século XVI (data 14 de agosto de 1525) nos Libros do Consistorio da Coruña. Nun mapa “Descripción del Reyno de Galizia” de F. Fer. Ojea de 1598, aparecen debuxados sobre a zona de Ferrol tres muíños en Ferrol, Neda e Ares.

 

O número maior de muíños que se coñece en Galicia preséntase no século XIX sobre todo na segunda metade, mentres que na Península é algo antes, no século XVIII.

 

Catalogación de muíños de vento na zona de Ferrol

Os muíños de vento catalogados en Galicia son 120 (Begoña Bas). Concéntranse por zonas da beiramar como son as Rías Baixas, área da Coruña e entre Ortigueira e Viveiro. Na zona de Ferrol houbo unha boa representación de muíños de vento aínda que a maioría estean hoxe desaparecidos que farían un total de 11 ou algo máis.

 

En Ferrol está documentado un muíño de vento que xa existia en 1845, “… la punta E. de la boca de la Dársena, que llaman línea de Escollera, un poco mordida por la casa del Molino de Viento que es un edificio muy notable en lo más alto de la población” (Diccionario de Madoz de 1845). No mesmo dicionario indícase tamén na voz correspondente ao concello de Ferrol, “Rúa del Molino de Viento” preto do Forte ou da Fonte de Insua.

 

O muíño de Ferrol (Canido) aparece en varios grabados antigos, un de 1872. (Ideal Galego láminas: 1, 40 ).

 

Muíño de vento de Brión (Muíño das Chousas). Situado no lugar das Chousas (Brión) de cara á Ría. Non coñecemos referencias documentais o que non quere dicir que non existan. Hoxe conserva a torre en acetable estado de conservación.

 

Muíño de vento de Covas. Situado no Monte Pequeno en Prioiro. Desapareceu en 1965. Existe fotografía.

 

Muíño de vento de Trasancos (S. Mateo - Narón) en 1845 xa existía. Aparece nomeado no Dicionario de Madoz de 1845. Hoxe consérvase a torre.

 

Hai referencias doutros dous: un no alto da Pena de Embade (Narón) situado na finca de Libunca. E outro na Faisca (Narón).

 

En Mugardos hai referencia doutro en Mehá (S. Vicente) – Dicionario de Madoz 1845.

 

En Ares tamén hai referencias de dous desaparecidos, un no lugar de Castro e outro no lugar de Seaña.

 

En Neda existe un muíño de vento dedicado á pirotecnia no lugar de Cruz do Pouso parroquia de Santa María, onde se moía para facer pólvora de características construtivas e mecánicas diferentes ás dos muíños de cereais.

 

En Cedeira hai unha referencia a un posible muño de vento en Esteiro (S. Fiz) no Coto das Sorreiras.(*1)

 

Nota: O dito aquí vale en parte para o muíño de vento de Brión e o de S. Mateo, si ben habería que facer certos axustes que se deriven do seu concienciudo estudo.

 

Agradecemos a colaboración dos nosos veciños, o seu esforzo desinteresado, a súa amabilidade sin a cal non sería posible a realización deste traballo que pasa a ser desta maneira escrita un retazo máis do valioso patrimonio documental da cultura galega en xeral e en particular da parroquia de Covas e do noso Concello.

 

(*1) Os datos anteriores foron tomados da publicación: Muiños de marés e de vento en Galicia, autora Begoña Bas. Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra. Fundación Pedro Barrié de la Maza.
Fontes consultadas: G. Enc. Galega. Os oficios, Xaquín Lorenzo. Muiños de marés e de vento en Galicia, Begoña Bas.

 

Xabier Monteiro Graña. - Xaneiro 2007. En Covas-Ferrol

<< Voltar