Mitoloxía e lendas de tradición oral. As santas imaxes. Covas-Ferrol

19/04/2013, Xabier Monteiro Graña

Nesta edición froito dunha recollida pausada no tempo a medida que ía surxindo, e tendo sempre o oído atento, porque basta que preguntes, que che conten algunha lenda a maioría das veces a resposta é que non se acordan de nada, e logo pasado certo tempo (anos) a mesma persoa te sorprende sen pedirllo, e te narra unha ou varias das máis interesantes lendas que xa case ninguén coñece, como xa me ten pasado. -Que lle imos facer, son cousas da memoria e da transmisión oral. É importante poñer coidade en recollelas “tal como son”, e como as coñecen os portadores, con toda a súa pureza, o que aumenta seu valor étnico e científico. Sei que hai máis versións unhas moi adornadas e literarias, outras moi mal recollidas sen criterio rigoroso ou alteradas polo recolector; pero estas que aquí amoso son transcritas como manda a tradición, e son orixinais por estar tomadas de testemuñas “directas” polo que deron algún traballo máis. Estas lendas, hai que consideralas como mitos, xa que estiveron (ou están) funcionando como tales, en tanto que, o que se narra foi considerado e crido como feitos reais certos, polo pobo que as foi configurando, modificando e transmitindo ao logo dos tempos. Se poden clasificar como de tipo haxiográfico relixioso e son recordadas con gran devoción non só en Galicia senón en toda a Península, nas Illas Canarias i en Europa, e practicamente as mesmas tamén en América Latina como calquera pode comprobar, sobre todo as aparicións marianas. Non son unhas moito máis antigas, enxebres, orixinais, autóctonas, ou máis importantes cas outras. Xa que todas son iguais saen do mesmo cerne.

 

Tradición oral. As Santas Imaxes

 

Santa Comba do Pazo

 

Santa Comba era unha chavala de moi boa familia, nobre e rica pero por ter amoríos cun rapaz que non era ben visto pola súa familia, os seus pais castigárona. A levaron presa entre rexas, a meteron dentro dunha gaiola como se fora un hórreo, dentro dun carro de bois, ea levaron ata o lugar onde está hoxe a ermida; e alí a deixaron presa (na illa). Un criado dela que era barqueiro lle levaba tódolos días comida para que non morrera de fame.

(Tradición oral recollida en Ferrol en 1998. Angela Platas maior de 88 anos.) (versión 1).

 

Santa Comba da Torre do Castelo - Santa Comba éo pescador S. Silvestre

 

Nunha cidade de aló lonxe, moi lonxe, na que había un castelo na beira do mar, onde se di que estaba tan preto do mar que entraba o auga por debaixo do castelo. Sabía o nome do pobo pero agora non me acordo Eles viñeron navegando, navegando, ata que naufragaron debido a un temporal que colleron. Viñeron desde aló tan lonxe, para vivir a vida deles.

 

Santa Comba era dunha familia moi acaudalada, era ela e máis un irmán que vivían nun pazo (ou castelo) que estaba situado nunhas rochas na beira do mar. Entón ela colleu amores cun pescador e o pescador víñalle a cantar a Santa Comba e ela namorouse do ditoso San Silvestre. Pero os seus pais non o quixeron, prohibíndolle velo e pechárona na torre do mesmo castelo. Entón el escribíalle cartas e o irmán servíalle de ponte pasándollas a ela, contaban que llas ten pasado ata no fondo dos zapatos porque senón os pais podían ver o que estaba pasando. Pasado certo tempo prepararon unha fuga para poder escapar da torre. Así un día, con sabanas e cordas amarradas baixaron por un lado do castelo, él (Silvestre) xa estaba no mar esperando coa barca. O irmán escapou con ela porque tivo medo da represalia dos pais por axudar a escapar a súa irmá. Entón foron navegando, navegando, ata atoparse cun temporal moi grande no que naufragaron, desaparecendo o irmán, e eles apareceron na illa (hoxe de Santa Comba).

(Tradición oral veciña Teresa en Covas. Ano 2002) - (versión 2).

 

Santa Comba ea Barca

 

Fai moito tempo, unha noite de marexada chegou a illa unha barca coa imaxe da virxe de Santa Comba, como era marea alta e o mar estaba moi bravo botou a barca en terra quedando aquí varada. A “imaxe” da virxe de Santa Comba foi atopada na pía de pedra. Era unha talla en madeira. A pía aínda hoxe está no mesmo lugar que se encontrou. Por iso os veciños antigamente en honor á Santa construíronlle alí a ermida a así foi como empezou a romaría éo peregrinaxe desde os tempos antigos.

(Tradición oral en Covas recollida dunha veciña maior, en 1998, no lugar da ermida) (versión 3).

 

Santa Comba ea Pía de Pedra

Contaban os vellos que fai moitos anos, unha noite de temporal na que había moita marexada cando a marea subiu botou o mar en terra unha pía de pedra coa ”imaxe” da virxe de Santa Comba dentro; cando os veciños a atoparon decidiron facerlle alí unha ermida para venerala. A Pedra da Barca e unha pedra que está preto da ermida na parte baixa na ribeira do mar, e está bañada polo mar.

(Tradición oral familiar, en Valón 1975. Maruja maior de 90 anos.) (versión 4).

 

Santa Comba na Barca de San Xurxo

Se contaba en S. Xurxo que en tempos moi antigos, un día chegaron nunha barca santa Comba acompañada por San Xurxo. Santa Comba quedou en terra onde está agora a ermida e San Xurxo sigueu para unha praia que estaba cerca e que por iso leva o nome do santo (Praia e lugar de San Xurxo).

(Tradición oral veciños de San Xurxo en Ferrol ano 1989– San Xurxo da Mariña, parroquia veciña de Covas ) (versión 5).

 

Santa Comba ea Barca de Pedra

La leyenda nos dice que Santa Comba llegó navegando en una barca de piedra acompañada de San Silvestre en un día de tormenta. Esta historia afirma que la barca en la que llegó la santa es la piedra tallada en forma de sarcófago que aún puede verse en las proximidades del santuario.

 

Una variante de esta leyenda nos cuenta que unos pescadores navegaban en las inmediaciones del cabo Prior en un día de fuerte tormenta provocando que el barco se hundiera. Temiendo morir en el naufragio invocaron a Santa Comba quien les salvó milagrosamente y alcanzaron la costa en el lugar donde hoy se levanta la capilla. Agradecidos por salvar la vida levantaron el edificio en honor de la Santa.

(Tradición oral recollida por Dolores González; revista Cultural Columba nº 6, páxina 8). (versión 6 e 7).

 

Comba a Bruxa que se volveu santa

Unha vez encontrou Noso Señor a Santa Comba e preguntoulle: ¿Comba, onde vas?, i ela respondeu: Vou usar do meu oficio. E Xesús lle replicou: ¡Enmeigar, enmeigarás, pero no meu reino non entrarás.!

 

Entón ela que era moi cruel pois gustáballe moito matar nenos e vellos, botaba o mal de ollo e facía as demais picardías do oficio; arrepinteuse, e facendo penitencia, non só se salvou senón que foi santa. Comba era unha bruxa, patroa (raíña) das bruxas e que en ausencia do macho cabrío era ela a que presidía o aquelarre. As veces presidía a reunión das bruxas durante a noite onde todas acudían montadas en escobas para facer a corte o macho cabrío que era un demo con tres cornos, xuntanza que remataba o amencer. Foi posteriormente cristianizada (santificada) por converterse e abrazar a nova fe.

Nota: Non atopei ninguén que ma transmitira oralmente, polo que a tomo do texto impreso. (Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, Jesús Rodríguez López (1859-1917 – Lugo). Publicada tamén por Murguía na Hist. de Galicia 1888. E posteriormente por Vicente Risco 1973, Etnografía: Cultura espiritual, en Hist. de Galicia de Otero Pedrallo.

 

A Virxe de Alabastra de Marmancón

Recordan os vellos que a virxe de Alabastra se “apareceu” preto dunha fonte na Volta de Fontaiña na curva do camiño que baixa para Marmancón e a levaron para a ermida de S. Pedro. Hoxe en día a imaxe está na ermida xunto a S. Pedro. E tamén a ese lugar lle chaman a Volta da Virxe de Alabastra. Recordo de oír que unha señora dicía: – !Ai! a virxe de Alabastra me colla. – Aprendía estas cousas coa miña abuela cando tiña dez anos.

 

(Recollido en Covas de Ricardo Dacosta, 2002).

Outra versión di: Que a “imaxe da virxe” (a talla da virxe), foi atopada enterrada no monte nun lugar próximo a ermida.

Veciños de Papoi.

 

A Virxe do Porto. Meirás (Valdoviño)

Un día uns pescadores que andaban na pesca atoparon unha “imaxe” no medio do mar, a embarcaron e trouxérona a terra. A outro día os pescadores a volveron a atopar no mar preto do mesmo sitio, e como antes fixeran a volveron a traer a terra no lugar do Porto na beiramar e para que quedara alí, decidiron facerlle unha capela.

(Recollido dun veciño do Val José M. Ferrol en 1978.)

 

A Nosa Señora do Mar. A Virxe das Mercés de Chanteiro (Ares)

Estando un día uns pescadores polo verán pescando preto da praia de Chanteiro, viron en terra como unha luz moi brillante, para acercarse viraron o bote e foron a ver o que pasaba, quedaron sorprendidos cando viron que era a “imaxe dunha virxe” pousada enriba dunha pedra, e preto dunha fonte, que lles miraba sorrinte. Entón os pescadores lle fixeron alí unha ermida.

(Recollido de Juan M.R. veciño de Mugardos en 1980.)

 

O San Xurxo da Mariña (A Mariña-Ferrol)

Contan os máis vellos que San Xurxo non era un santo senón un guerreiro. Din que loitou enfrontándose e matando a un dragón que comía as persoas, retándoo nun duelo. Como símbolo da súa vitoria pisou a cabeza do dragón, e é por iso polo que a súa figura represéntase nesta posición. Un día chegaron por mar a este lugar da Mariña os tripulantes dun barco da súa compañía e viñeron contando a súa vitoria, e ensinando a súa “figuriña” ao lugar onde hoxe se atopa San Xurxo. Cóntase que por iso se lle dedicou aquí esta igrexa.

(Nota: compañía militar de soldados guerreiros. A figuriña é a súa “imaxe” a súa talla -escultura) - (Tradición oral, veciños da Mariña –S. Xurxo 2004)

 

San Cristovo de Brión (Boca da Ría de Ferrol)

Dicían os mais vellos da miña familia que o santo San Cristovo veu en barca por mar e apareceu nunha pedra grande que está alí na ribeira e queda destapada cando baixa a marea e ten un furado moi grande no medio. E alá baixo a pedra, apareceu S. Cristovo, e por iso fixéronlle aquí a ermida.

(Recollido dunha veciña maior natural de San Cristovo. Sra. Fortuna. 1980)

 

San Lourenzo de Laraxe. (Cabanas)

Os máis vellos do lugar contaban que: Un día apareceu en Laraxe unha imaxe de San Lourenzo, e que por iso lle fixeron alí a igrexa. Logo os de Limodre a roubaron ea levaron para a igrexa deles, pero ao pouco tempo, apareceu outra vez no mesmo sitio que estaba antes cos pes cheos de barro, se cre que de volver andando, mostrando así o lugar onde quería estar.

San Lourenzo é o patrón de Laraxe, pero o santo da parroquia e San Mamede de Laraxe.

(Tradición oral recollida de Francisco .J. Moreno M. Cabanas, 1988)

 

Santo André de Teixido. Teixido (Cedeira)

Contan que San Andrés era pescador e veu navegando, e unha marexada fixo que se acercara a terra e volcou a súa barca na ribeira, e que quedou convertida en pedra, que é a pedra que se pode ver abaixo do seu santuario. Él se quedou a predicar e por eso fixéronlle alí a igrexa para veneralo.

(A barca é a Pena das Gabeiras). (Trad. oral familiar, recollido en Valón de Maruja Graña ano 1970).

 

A Virxe da Barca (Muxía-Fisterra)

Fomos varias veciñas a romaría a Muxía o día do patrón, había moita xente. Unha señora que esta sentada ao noso lado nos contou a lenda; dicían que cando veu Santiago a predicar por aquí as xentes non lle facían caso; él se foi a costa a rezar e pedirlle axuda ao Señor entonces veu vir una barca traída por anxos que remaban, nela viña a Virxe que falou con él dándolle ánimos para que seguirá predicando. A barca quedou alí varada convertida en pedra (como proba de súa aparición). Algún tempo despois se “apareceu” a imaxe da Virxe debaixo dunha pedra, os que a atoparon a levaron para igrexa da vila (Muxía,) pero outro día cando entraron na igrexa a imaxe desaparecera e despois a volveron a atopar milagrosamente no mesmo sitio que estaba antes. Entendendo que era aquí onde se quería quedar, por eso os do pobo fixéronlle aquí a igrexa.

(Trad. oral familiar, recollido en Valón de Maruja G. ano 1974).

 

Un camiño da Romaría de Santa Comba

Cando eramos nenas íamos andando desde Valón (o día do patrón) a romaría de Santa Comba e nos xuntabamos cos que viñan de Brión e os de San Cristobal, e levabamos unha cesta, ou cestos de comida, pasabamos o día alí. Iamos polo camiño que empeza no alto de Valón e sube por Campaíñas, Mougá, Esmelle e chegaba a Covas, xa alí había que esperar a que baixara a marea para poder ir a ermida, e logo volver antes de que subira. Algúns que se quedaban mais tempo na illa tiñan que mollarse os vestidos para pasar. Esto era nos anos cuarenta (1940).

(Trad. oral familiar, Josefina Graña veciña de Valón, en 1972)

 

Tradición oral dos veciños. Contan os mais vellos de Covas que:

San Silvestre e Santa Comba apareceron alí na pía aquela. San Silvestre tiña unha torre ou un castillo baixo o brazo.

 

Santa Comba veu acompañada do seu fillo San Silvestre nunha barca de pedra e chegaron aquí a esta illa. Ela quedouse aquí e por eso chámanlle a illa Santa Comba.

 

Un día chegou a Virxe nunha barca e arribou alí na illa e alí quedou por eso lle fixeron a ermida.

(B. Veciño de Covas, 1990).

 

A pía que está a carón da ermida é a barca de pedra da Santa, e din que intentaron varias veces cambiala de sitio pero que nunca puideron facelo, xa que canto máis trataban de movela, máis se enterraba no chan.

 

Din os vellos que a Virxe veu flotando nunha Barca de Pedra e quedou alí no monte na illa de Santa Comba. E tamén din que "aí enterraban os mouros.

(B. Veciño de Covas no ano 1990).

 

A Pedra da Barca é unha pedra que está preto da ermida na parte baixa na ribeira do mar, é bañada polo mar

(Maruja G. Veciña de Valón, 1990).

 

O cura D. Juan, dicía que non quería misar en Santa Comba porque era ..., porque veu na barca con San Silvestre.

 

Se di que algúns días dependendo de como traballe o mar, aparece un sarcófago de pedra enterrado na praia das fontes, e outros din que onde se aparece é no areal que hai mesmo baixo a ermida.

 

A Pena da Barca é a que está alí preto do camiño un pouco antes de chegar a ermida ten unha forma de barca de pedra. A pedra da Barca está sempre chea de auga e aínda que faga bo tempo sempre ten algo de auga. Considerado esto como milagroso.

 

Onde está hoxe o aparcamento recordo que había casas, unha delas tiña un forno, e me acordo de que o forno ía caendo pouco a pouco ata que se destruíu de todo. E levaban as pedras de aí. Esto era todo un. Todo estaba construído de casas e muros, todo estaba unido. A illa de afora tamén me acordo cando estaba unida, e eu aínda non son tan vella. O mar e moi forte e o levou todo. Miña avoa dicía que na parte baixa enfronte a ermida, había un cementerio onde se enterraban todos os de Covas, aínda que eso si, eu non cheguei a velo, o digo porque mo contaba a miña avoa.”

(Veciña de Covas maior de 80 anos, o día da romaría e no mesmo lugar de Santa Comba. 24 de Agosto 2002)

 

Miña avoa acórdase de ir a ermida de Santa Comba. Facían promesas e ían de rodillas os que se ofrecían a santa Comba.

 

Cantigas de tradición oral dedicadas a Santa Comba. Son cantadas especialmente o día da súa romaxe.

 

Santa Combiña bendita, vela aí vai pola ribeira,
collendo rosas e flores, meténdoas na faldriqueira.

 

Santa Combiña bendita que vai pola ribeira abaixo
collendo rosas e flores e meténdoas no refaixo.

 

Santa Combiña bendita, que estás no medio da illa
dáche o vento, dáche o frío, e recáchate a camisa. / e levántache a camisa.

 

Santa Combiña bendita, di que vai embarcar.
Pobre do mariñeiriño, que na barca a vai levar.

 

Santa Combiña bendita, ten un navío no mar,
quen cho dou, quen cho daría, listo para navegar

(variación) /quen cho dou / púidocho dar./

(Trad. oral en Covas, Amelia 2003)

 

Ditos populares de tradición oral:

 

Santa Comba e san Silvestre nos libre de mala sombra.

San Silvestre meigas fora.

(Santa) Comba era bruxa, patroa das bruxas.

Santa Comba e avogada para defender dos meigallos -Vicente Risco, Hist Galic.

Santa Comba é a avogada das enfermidades femininas.

Non lle teño medo a bruxa, téñollo a Antaruxa. Antaruxa é a Principal das bruxas-Saco y Arce

 

Fig. 1.- Comba e a Barca

 

Convén poñer unhas breves notas de carácter histórico para poder situar e comprender o porqué destas lendas e como chegaron a imaxinarse e implantarse deste xeito, están en realidade relacionadas coa historia cristián do culto aos santos, a Virxe e as imaxes (santas); son dous mil anos de historia con 21 concilios da igrexa católica onde se debateron todas estas cousas imposibles de resumir aquí.

 

O culto aos santos.- Comeza no nacente cristianismo (séc. I e II). Se empeza a venerar os corpos dos santos “mártires” nos seus cemiterios (columbarios) nas catacumbas baixo terra ou escavadas na rocha en Roma. Os mártires cristiáns eran enterrados en sarcófagos cos símbolos que tiñan nestes primeiros tempos a ancora, o peixe, o cordeiro, etc. que simbolizan a Cristo. Convértense así nos primeiros santuarios (santus columbarium= santa columba). Así a tumba éo altar estaban unidos e se celebraba o sacrificio da misa nas datas máis significativas (falecemento, etc.). Co edicto de Milán, (Constantino e Licinio, ano 313), os cristiáns deixaron de ser perseguidos e quedan libres para profesar a fe e construír igrexas. Con esta aceptación e conversión ao cristianismo tódalas terras ocupadas polo imperio romano nos séculos IV e V estaban cristianizadas. Na conversión dos pobos de occidente os novos cristiáns sentían a necesidade da protección e consolación que lles proporcionaban as súas antigas divindades (pagáns). Moi pronto desde ó século IV ea partir do sec. VI ao X, o culto aos santos se expandiu cada vez máis. Coa predicación do cristianismo se foron convertendo os godos, os francos, eslavos, os celtas das illa Británicas, etc. Desde o séc. XII xeralizouse a devoción os santos, ea V. María (San Martiño, San Miguel, San Sebastián, San Antón, San Nicolás, S. Cristovo, S. Xurxo, S. Roque. San Pancracio, etc.). sobre todo os santos taumaturgos que se invocan para curar as enfermidades, alongar os males, pedir protección e toda crase de favores. En Europa os cristiáns recen convertidos esixían o recoñecemento dos seus propios santos e mártires. Cada nación, cidade e pobo reclamaba seu santo patrón e cada igrexa, a súas reliquias. Tamén cada oficio veneraba o seu patrón, éo no bautismo se poñía o nome dun santo cristián para ter un avogado no Paraíso onde eles moran. Os santos eran necesarios curaban enfermidades e protexían aos crentes contra as desgrazas éos espíritos malignos; e castigaban aos pecadores. Os crentes rezaban aos santos, e as veces xuraban por eles. As reliquias dos santos acadaron un extraordinario valor máis que o ouro e as xoias; toda a cristiandade nacente reclama reliquias o que dou orixe a toda crase de loitas, invencións, falsificacións, especulacións, roubos, traslados, etc. que xa foi posta de manifesto varias veces coa desaprobación das serias autoridades eclesiásticas.

 

Culto a Virxe.- San Pablo e quen fai a primeira referencia escrita da Nai de Cristo nunha breve cita so como unha muller: "pero cando veu a plenitude dos tempos enviou Deus ao seu Fillo, nacido de muller, nacido baixo a lei." (Gálatas, 4.4 anos 54-57). Dos catro evanxeos só Lucas, ((Lc.1,26-56 - anos 70), narra parte da infancia de Cristo cita a Virxe María varias veces só parece un personaxe secundario sen apenas trascendencia. Pero é no texto do Apocalipses de San Xoán onde na miña opinión está o fundamento das aparicios posteriores, escritas copiadas de dito texto.:-E “apareceu” unha gran sinal no ceo: unha muller vestida do (envolta en) sol e a lúa baixo os seus pes e unha coroa de doce estrelas sobre a súa cabeza". (Ap: 12,1 anos 90 a 96).

 

No Concilio de Efeso (ano 431) foi cando se proclamou a Virxe María como a Nai de Deus (en grego: Theotokos-Dei genitrix), en oposición a Nestorio, que defendía que María só debía ser nomeada como Nai de Cristo, porque só era a nai da natureza humana de Cristo e non da súa natureza divina. O culto a V. María comeza en Oriente; xa nos séculos VI e VII, estaban instituídas as festividades marianas, como: a Anunciación, a Natividade, a Presentación ea Inmaculada Concepción. A Asunción de María aos ceos, foi presentada polo emperador Mauricio, (ano 600), quen prescribiu a súa celebración en todo o Imperio o 15 de agosto. Posteriormente na igrexa católica romana de Occidente “lentamente” vaise introducindo o culto a V. María; non se coñecen festas marianas ata o sec. VII, isto era debido a que nos evanxeos sinópticos aprobados pola Igrexa católica non hai apenas referencias a Virxe, o contrario que nos apócrifos non admitidos polo catolicismo que sé as hai, e varios dedicados a Ela. As principais oracións dedicadas a Virxe por exemplo a máis coñecida a "Avemaría", (Hilda Graef - 1968), estaban incorporadas na liturxia oriental desde o séc. VII, mentres que na Igrexa católica romana tivo que esperar ata o sec. XI.

 

Na Península Ibérica, apenas se atopan testemuñas que permitan afirmar o culto a V. María anterior o século VIII. E por fin chega o movemento mariano en occidente encabezado polas ordes relixiosas sobre todo de Cluni e Cister que tivo como figura significativa a San Bernardo. A introdución e difusión da devoción a Virxe María en Occidente se debe fundamentalmente a chegada a Roma dos monxes que fuxían de Oriente debido as invasións dos persas e árabes. A mediados do sec. XII os Cabaleiros Hospitalarios de San Antón Abade, tiñan gran devoción mariana pois segundo unha tradición este eremita exipcio veneraba unha imaxe de Isis como si fora unha imaxe da Virxe María. As ordes relixiosas, introducen, potencian i expanden o culto a V. María, Os franciscanos, dominicos (Virxe do Rosario), mercedarios (V. da Mercé), carmelitas (V. do Carme, do Mar e da Estrela /Maris/). Teólogos marianos medievais foron San Anselmo, San Buenaventura e San Bernardo. Durante os séculos XI e XII foi decisiva a labor difusora dos templarios e cistercenses na consolidación da devoción mariana co culto polas Virxes Negras. Hai investigadores que afirman que o culto a V. María nos séculos XII e XIII ven unido coa exaltación medieval do amor cortes do protagonismo feminino da exaltación da muller, da dama terreal, feito importante que contribuíu en gran medida co amor a V. María. O século XIII está considerado como o século de ouro da devoción e o culto a Virxe María.

 

O culto as imaxes.- Durante os catro primeiros séculos os patriarcas do cristianismo (escritores clásicos) non aceptaban o culto as imaxes pola indicación da escritura bíblica –“ non farás ídolos nin figura algunha…nin lles darás culto"- Ex 20,4.5. Deu 5,8-9. O culto as imaxes estivo prohibido. Este foi un serio problema que tivo sempre o cristianismo e que dou lugar a unha loita a mediados do sec. VIII en Bizancio entre os de o “non” (iconoclastas-Emperador de Oriente, León III e afines) e os do “si” (iconódulos) - A emperatriz Irene, que veneraba secretamente as imaxes, convocou o VII Concilio Ecu. coa axuda do patriarca Taraci e sobre todo dos monxes dos mosteiros, as súas riquezas medraban moito a causa desto das imaxes. Foi por fin neste Concilio (de Nicea II ano 787) cando se definiu e aprobou a lexitimidade do culto as imaxes sagradas. E tamén a incorporación obrigatoria das reliquias de santos. No canon 7: se edita que ningunha igrexa deberá ser consagrada sen reliquias. As reliquias serán colocadas baixo o altar. A decisión de permitir o culto coas imaxes era debido a pouca formación cultural dos pobos (analfabetismo) que para instruílos na predicación da fe os sacerdotes difundían as vidas dos santos (haxiografía), a iconografía das imaxes sagradas con representacións bíblicas e evanxélicas e as festividades relixiosas. Pero tamén a herdanza antiga da tradición grecorromana na que abundaban as imaxes dos deuses nos seus templos e tamén polos beneficios económicos que aportaban.

 

As terras ocupadas polo imperio romano no séc. V estaban cristianizadas pero pervivían aínda crenzas e ritos pagáns. Así as imaxes foron case imprescindibles na cristianización dos antigos lugares de culto profano (anterior o cristianismo) que prevaleceron durante moitos séculos. O papa Gregorio I o Magno (540–604), dicía en carta a Mellitus: non se deben destruír os templos (profanos) dos pobos senón só os ídolos que se atopan no interior e sustituilos por altares e reliquias de santos cristiáns e ir cristianizando pouco a pouco (paso a paso) e non bruscamente. As imaxes foron usadas como método pedagóxico eran o catecismo visual das crases populares non sabían ler pero podían velas.

 

As aparicións de imaxes santas.- A orixe das aparicións está tomado dos propios textos relixiosos, bíblicos, evanxélicos canónicos, apócrifos e outros que se manexaban na antigüidade do cristianismo e na idade media. O primeiro modelo de “aparición” foi o propio Xesús resucitado, quen se presenta a seus discípulos despois da crucifixión, tal como poñen as sagradas escrituras evanxélicas. Durante estes séculos a Igrexa leva a cabo a culturización relixiosa, esforzándose en desarraigar as crenzas e costumes precristiáns. Na Idade Media houbo un auxe de revelación de cousas segredas misteriosas e futuras, de lendas e milagres relacionados cos santos ea Virxe e sobre todo das aparicións. Hai que situarse no momento histórico en que naceron (as aparicións). Se desenvolveu un modelo mítico con moitas variantes estendidas por toda Europa; a lenda se transforma nun mito de orixe testemuña do comezo dun culto cristián en cada localidade. Como anteriormente citei o Concilio de Nicea II incorporou a obrigación das reliquias dos santos para a fundación dunha igrexa. En realidade foron a escaseza de reliquias de santos e sobre todo da Virxe as que fixeron a necesidade de recorrer a invención da aparición das “imaxes” santas. No séc. XII, o comercio de reliquias (ea batalla) alcanzou o seu apoxeo cos cruzados que despoxaban Constantinopla, Antioquía, Xerusalén e Edesa éas trasladaron as igrexas de Occidente. A demanda de reliquias nunca parou, éos abusos, falsificacións, invencións, etc. éo tráfico, continuaron ata que M. Lutero converteu ó asunto das reliquias éos santos en tema de controversia da Reforma protestante, que rexeita o culto aos santos ea súas reliquias. En resposta se convoca o concilio de Trento (1545-1563) que realiza a denominada Contrarreforma católica que permite dunha vez por todas o uso das “imaxes” da Virxe e dos santos/as; as dogmáticas e as devocionais, sobre todo dos santos taumaturgos curadores das enfermidades e de toda crase de necesidades que nos acontecen. E é a partir deste momento coa aprobación (legal) cando comeza a aparición masiva das imaxes santas rexistrándose un aumento de videntes, lendas, e todo tipo de relatos milagrosos relacionados coas aparicións e profecías da Virxe. Entre os séculos XVI e XVIII fundáronse e reformáronse numerosos santuarios, se “inventaron” novos mártires, se produciron aparicións de imaxes marianas, e algunhas imaxes de Cristo crucificado volvéronse milagrosas, se fundaron novas capelas de santos internacionais. As aparicións de imaxes foron unha necesidade, non había reliquias sobre todo da Virxe, así que se adoptou a aparición da súa imaxe porque eran apreciados milagres, feitos marabillosos e ricos tesouros que elevaban o prestixio e daban calor espiritual a cada pobo para santificar e cristianizar un lugar e implantar e reforzar a fe católica.

 

En toda a Península ibérica debido a rivalidade cos reinos musulmáns se reivindicaba o feito de ser moito máis cristiáns, houbo a necesidade de buscar lugares antigos dos primeiros cristiáns ou hispanogodos e darlles continuidade devocional e como non os había se reinventaban, e aquí entran en xogo os lugares arqueolóxicos que se mostraban como algo moi antigo; que daba certo prestixio pero sobre todo a aparición de necrópoles (cemiterios, tumbas) antigas que eran interpretadas como de santos mártires. Outro motivo importante foi a sacralización de lugares pagáns e dicir a sacralización do espazo. Houbo unha obsesión por cristianizar poñendo cruces e cruceiros, ermidas, capelas, e igrexas en estes lugares de antigüidade profana.

 

Convén ter sempre moi en conta o principio antropolóxico de que as lendas sempre hai alguén que as “inventa” por primeira vez e por suposto que as implanta e difunde nunha localidade determinada. E tamén recordar de pasada de porque se cre que pode haber unha “aparición” ou case mellor dito unha visión dun santo/a ou da Virxe. Isto e debido a que por ser santos están con Cristo no ceo (no paraíso) participando da gloria de Deus, polo que poden velar e interceder polos fieis e en certa maneira axudalos en todo o que lles poda acontecer. Aínda que na miña humilde opinión ese extraordinario poder de aparición só o podería ter Xesucristo por ser él o mesmo Deus. Tamén me gustaría recordar que aínda que se apareza con moi diferentes nomes, Virxe (María) hai unha soa, polo que tamén me parece excesivo tantas aparicións milagrosas, como xa puxeron de manifesto varias veces ao longo da historia as autoridades eclesiásticas. Tamén hai que saber que ningún santo/a nin a Virxe pode facer milagres, só Cristo o fillo de Deus os pode facer (doutrina da Igrexa). Como é o lóxico a Igrexa de hoxe apoiada en criterios médicos e científicos non ve con moi bos ollos este tema das aparicións sendo moi cautelosa por respecto ao innumerable número de fieis que teñen fe e senten de boa fe.

 

As barcas os barqueiros e as navegacións mitolóxicas. As sete barcas - Este título require un gran espazo de desenvolvemento que aquí non dispoño así que farei un resumo telegráfico. Houbo de entre moitas outras, sete barcas míticas e lendarias mais salientables que se atopan nas tradicións máis antigas das que logo os escritores clásicos da cristiandade e laicos copiaran e tomarán como modelo, para recrear, reconfigurar e facer as súas invencións e versións. A primeira era a Barca de Ouro da deusa exipcia Isis (a da nai e o neno en brazos, Osiris. E a Barca de Ra o deus Sol que se aparece con gran resplandor de luz) gardada no seu templo e sacada en procesión nas celebracións festivas sincretizada posteriormente coa Virxe María xunto con outras divindades grecorromanas. O culto a Virxe comeza en Oriente moito antes que en Ocidente. Hai que entender que o cristianismo oriental copto é exipcio, e o culto a Isis (deusa exipcia moi querida) era moi común en Roma. Os exipcios tiñan por certo que todos seus deuses antigos chegaron en barca desde o sur. A 2 ª a Barca do Pescador, dos apóstolos Simón Pedro (a Barca do Cristianismo, a Pedra da Igrexa), Andrés, Santiago e Xoán, pescadores de Galilea. A 3ª a Barca do viaxe ao Paraíso, a barca na que viaxa S. Pablo cando visita ó outro mundo, o paraíso e o inferno, navegando e vendo as marabillas que nos narra no Apocalipse apócrifo de s. Pablo a Visio Pauli. A 4ª a Barca de Cristo. Cristo calma a tempestade:...E despedindo a multitude, o tomaron como estaba, na barca; e había tamén con él outras barcas. Pero se levantou unha gran tempestade de vento, e entraban as ondas na a barca, de tal xeito que xa se afundía. E él estaba na popa, durmindo sobre un cabezal; éo espertaron, e lle dixeron: Mestre, ¿non temes que perezamos? E levantándose, reprendeu o vento, e dixo ó mar: Cala, enmudece. E cesou o vento, e se fixo grande bonanza. E lles dixo: ¿Por qué estades así amedrentados? ¿Cómo non tedes fe? Entón temeron con gran temor, e dicíanse o un ao outro: ¿Quén é este, que aínda o vento e o mar lle obedecen?. Mateo 8, Marcos 4, Lucas 8.. A 5ª a Barca a Deriva de María Magdalena que sae da costa Palestina: Perseguidos os cristiáns se ven obrigados a fuxir, María Magdalena e seus irmáns santa María Salomé, santa María a de Santiago, santa Marta, Sara e Marcela (as serventes), san Lázaro, san Maximino e san Cendón (o cego) chegan a unha praia e embarcan nunha barca sen remos nin velas, sen temón, saen sen goberno navegando sen rumbo fixo collidos por unha tempestade e brava oleaxe, e son levados pola divina providencia ata a costa Gala chegan a unha praia de Marsella onde baixan e oran para dar grazas, e desde alí foron para Aix ea Provenza, repartíndose, para predicar e converter a xente a fe de Cristo. Esta foi a primeira misión comunitaria en barca da que posteriormente se copiará e se tomará como exemplo. A 6ª, é a Gran Barca de Pedra de Esculapio (Asclepio-Esculapio deus grecorromano da medicina e da saúde). Foi a Barca de Pedra máis grande xamais construída polo xénero humano na historia antiga e quizais na moderna, daba xenio vela en todo o seu esplendor, dentro mesmo da propia Roma Imperial. Foi construída en pedra, peza a peza con pedra traventina, o casco, a borda, proa, popa, temón, a ponte éo mástil (un obelisco rosa exipcio) na Illa Tiberina (illa no río Tiber. 270x67m.). A toda a illa se lle dou a forma de barca (de pedra). A modo de ponte de goberno se construíu sobre columnas o templo de Eusculapio co mástil mesmo diante. Ten varias lendas coñecidas que se poden atopar en calquera pobo de Galicia ou de Europa son todas as mesmas a invasión das serpes, o navío a deriva, a tempestade, a chegada da barca, etc. Na tradición romana (unha das lendas) conta o seguinte: No ano 293 a. C. Roma era asolada pola peste, as autoridades decidiron enviar a un grupo de homes escollidos para navegar ata Grecia e traer a Roma ao deus da medicina, Esculapio. Durante a viaxe de volta desatouse unha tormenta que a pouco os fai naufragar, pero Esculapio transformouse nunha gran serpe accedeu e enredouse no mástil. Cando entraron en Roma, a serpe baixou do mástil e flotando sobre a auga do río se dirixiu a Illa Tiberina. A peste cesou. Entendendo isto os romanos edificáronlle alí mesmo unha gran Barca de Pedra como agradecemento e testemuña deste feito milagroso é o templo (santuario) que foi un gran centro peregrinación para pedir a saúde. Querían dar a impresión de que a Barca de Pedra (illa) estaba flotando eternamente sobre o río Tíber ea verdade é que sí o conseguiron. Coa cristianización éo paso do tempo se foi destruíndo e edificando igrexas e un hospital. No séc. X d.C, no lugar do templo e usando as súas columnas, levantouse unha igrexa (basílica) dedicada ao apóstolo Bartolomeu, moi famosa na que se acude en peregrinación dado que alí tamén se conservan as súas prezadas reliquias.

 

A Barca de Jano.-A sétima. Me merece unha dedicación especial. Jano Bifronte (Ianus- Quirinus –Quirino– Arcus-Arco- Arcanus -Oculto). Ocupaba o lugar máis alto entre os deuses etrusco-latinos deus civilizador do Lacio, dou as leis, o cultivo (agricultura), o linguaxe, a moeda, a arquitectura, a organización estatal; pero sobre todo a construción de barcos ea navegación (foi o primeiro en construír barcos e facer a primeira navegación de Tesalia a Italia). Está considerado como o máis antigo deus de Roma, era o deus da luz (Deus Sol) durante un tempo foi considerado como pai de tódolos deuses (Deus Pai-Deus de deuses). Era o deus do ceo e das portas do ceo (nacente e poñente do sol), do principio e o fin (Alfa-Omega), do tempo (do pasado éo futuro). Era representado con dúas caras mirando o nacente e poñente, e dúas chaves unha de ouro e outra de prata, que abren as súas portas, outras veces cun báculo e unha chave. A Barca era un especial emblema de Jano bifronte, navegador do tempo que podía cruzar os mares desde oriente a occidente sen necesidade de virar (como o fai o sol). Roma gravou a proa da súa barca ea esfinxe nas primeira moedas do Imperio indicando a súa supremacía (colonización) en toda a ecúmene de oriente ata occidente e chegando coa barca a todo o mundo coñecido desde Efeso en Oriente ata Fisterra en Occidente. Coa súa moeda se xogaba a caput ou navis cabeza ou barca (cara ou cruz). Deus da armonía cósmica, da Astronomía, dos misterios iniciáticos, do ciclo anual temporal, do primeiro mes do ano dedicado a él (Janoarius-Xaneiro- Enero), do principio de algo, do goberno, da navegación, da travesía de cruzar pontes, da chegada a porto, etc., etc. O cristianismo apostólico sincretizado coa tradición romana fai que adopte eses mesmos símbolos do antigo deus do ceo, As chaves o báculo, o tetragrama de ARKHO, (Crismón), símbolo romano pagán moi antigo, e a Barca da Igrexa. Roma, os romanos ea cristianización sabían moito de Barcas.

 

Fig. 2.- Barca de Jano - Roma Fig. 3 Barca da Igrexa - Roma

 

Houbo outras navegacións que tamén serviron de modelos aos escritores antigos para a súas narracións, estaban nos únicos libros coñecidos daquel tempo, os textos ea mitoloxía grecorromana, a Odisea, a Eneida, a Ilíada, os textos exipcios, os evanxeos, así como os atractivos libros considerados apócrifos onde se lían cousas marabillosas, todos eles foron configurando a mitoloxía universal. Algunhas outras barcas salientables foron: A Barca de Enki-Ea (Atrahasis o Utanapishtim sumerio), a Barca de Gilgamesh, a de Noé, a de Ra (o Sol) que levaba o grupo das divindades exipcias que ían todos xuntos como logo irían os apóstolos éos discípulos a cristianizar; a Barca de Caronte do paso dos defuntos ao máis alá, a Barca de Venus estrela matutina que sae do mar nunha cuncha que lle fai de barca e recorre os ceos. A Barca da Lúa que navega nas noites no océano escuro do ceo, a Barca de Vidro do deus Tethra dos mortos. A Barca de Uñas (Naglfar, barca dos mortos), feita coas uñas dos defuntos, a Barca de Tristán, etc. Logo e posteriormente viran outras como os viaxes e as arribadas de moitos santos e santas (cristiáns), Brendan, Amaro, Andrés, Santiago, Malus, Virila, etc. as da Virxe (da Barca, do Mar, do Carme, Magdalena, da Estrela Maris, etc.)

 

En toda Europa e innumerable a cantidade de santas e virxes que chegaron en barca (súa imaxe) sobre as augas do mar, río ou lago da que son maioría os pobos que dan ao mar Mediterráneo. Houbo outras barcas de pedra por exemplo:

 

Barcas de Pedra Horus e Seth. A máis antiga é a Barca de Pedra do deus exipcio Seth: ... Entón Seth desafiou a Horus a unha regata de barcos feitos de pedra, pero Horus fabricou a súa nave con madeira de pino, mentres que Seth a fixo co pico dunha montaña, e se afundiu ... furioso (Seth) destruíu a barca de Horus. (Texto da mitoloxía exipcia.)

 

A Barca de Pedra de Santa Cristina. A lenda di que: Os xuíces a obrigaron a abxurar da nova e perigosa relixión pero ela negouse. Foi condenada a morte e lle amarraron unha pesada pedra (de muíño?) e a botaron o lago (de Bolsena); pero a pedra, -para uns: se converteu nunha barca de pedra flotante –e para outros: a pedra foi sostida polos anxos, e flotando coma unha barca a levaron ata a ribeira a terra firme, salvando así a súa vida, ata que finalmente a tiveron que decapitar. Santa Cristina (serva de Cristo) mártir de Bolsena (Italia), século IV. Os mariñeiros italianos lle teñen moita devoción.

 

A Barca de Pedra de Santa Trahamunda. Unha das súas lendas di: que estando na celda prisioneira en Córdoba polos árabes, o día de San Xoán dixo: “¡Oh, Señor, quen puidera estar mañá en San Xoán de Poio, para celebrar a festa (o día máxico de S. Xoán, o patrón. -Dito e feito- E así ocorreu se trasladou nunha barca de pedra a illa de Tambo, chegando puntual a súa festa. ( Illa de Tambo enfronte a Poio - Pontevedra).

 

Gustaríame deixar claro algunhas cousas apelando ao criterio científico, a primeira é que non debemos ver nestas lendas feitos reais, extraordinarios, sobrenaturais ou milagrosos, senón que foron reinventadas e difundidas a boa fe sen ningún criterio de engano, pois iso era o necesario éo que se sentía (2) (legenda= lenda=para ser lida) e así se implantaba a fe e se chegaba aos lugares máis extremos e as xentes máis humildes. A segunda é que aínda que a lenda apareza como anterior a fundación dun santuario como consecuencia dunha aparición ou dun feito milagroso e xusto ao revés a lenda é sempre, implantada posteriormente a fundación; isto é o real. Non debemos ver aquí unha continuación da tradición dos pobos castrexos galegos nin moito menos de supervivencias ou restos de nada céltico ao que se acollían os primeiros patriarcas do romántico, fantástico e propasado celtismo galego de finais do século XIX (Galicia a Verde Eirín) senón unha realidade histórica da sociedade medieval que ía pouco a pouco progresando, reformándose utilizando un código metafórico que se entendía igual en toda Europa ata a chegada dos novos tempos, desde a herdanza da colonización romana/cristián. Son claras as conclusións do arqueólogo do CSIC, Xurxo Ayán, na súa tese da Galicia celta que nunca existiu e mostra a realidade da Galicia protohistórica multicultural e multiétnica e desmonta, un por un, tódolos tópicos do imaxinario da cultura popular, sinalando con reflexivo, racional e intelixente criterio o abismo que hai entre o discurso científico éo imaxinativo.

 

Triste e desgraciadamente a nosa mitoloxía indíxena (castrexa) galega a que lles daba calor aos nosos antepasados ao non quedar recollida por escrito nos primeiros séculos da romanización, polos primeiros bispos e sabios daquel entón que eran os únicos que sabían escribir, perdeuse para sempre e ningún milagre nin aparición pode devolvérnola. Polo que foi impoñéndose paulatinamente unha amalgama de tradicións orientais, grecorromanas, universais e do cristianismo europeo.

 

En Covas no lugar de Santa Comba un hábitat castrexo como moitos outros en Galicia, hoxe illa (antes península) coñecido desde antigo como cemiterio, está a ermida sacralizando este espazo de antigo profano; adosado a ela está o camposanto catalogado na última escavación (2006) como necrópole alto medieval (posiblemente desde finais do sec. VII como data máis antiga). Son coñecidos este tipo de enterramentos en sarcófagos no Noroeste ben documentados pola arqueoloxía entre os sec. IV e X no que se recoñecen tres períodos (séc. 4-6, 6-8 e 9-10) aínda que perduran en datas posteriores. Os sartegos antigos de sección triangular (baixoimperiais) dan paso aos de sección cadrada e trapezoidal con forma de barca denominados navis/navetas de pedra (Barcas de Pedra) nelas albergaban os corpos que en moitas ocasións posteriormente foron identificados como corpos santos, e de aí ven a visión do santo na barca. Na Península era relativamente frecuente a santificación de topónimos (converter nomes de lugares escritos en latín por ignorancia do seu significado en santos personaxes que nunca existiron) xa demostrado por autores en traballos históricos. En Santa Comba de Covas e quizais en outros como tamén en santa Coloma de Gramanet (1) o cemiterio antigo santum columbarium (camposanto) converteuse en Santa Columba/Santa Comba.

 

(1)Nota: Santa Coloma de Gramanet (antigo Gramanet del Besós), concello de Barcelona.-"Coloma" sería el resultado de la evolución de la palabra latina "columbarium", nombre que los romanos daban al lugar donde se colocaban las urnas con los restos incinerados de los cadáveres. Esto fue descubierto hace realmente poco tiempo por la reconocida investigadora Marta López Escobar. La sistemática cristianización de nombres "paganos" ejercida por el poder de la Iglesia Católica aportó el calificativo de Santa, tan común, por otra parte en otros topónimos. (paxina web).

(2)Nota: Jacobus de Voragine) – (Génova, 1230-1298), haxiógrafo dominico italiano. Inventor de moitas lendas de santos.

Nota: Marco en cursiva as palabras para invitar ao lector a reflexionar sobre o texto que le.

 

Bibliografía consultada:

- Historia de Galicia-1888,(Manuel Murguía).

- Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares-1895.(Jesús Rodríguez López).

- Etnografía: Cultura espiritual, en Hist. de Galicia de Otero Pedrallo. Vicente Risco 1973.

- Larouco 1. Revista de patrimonio cultural de Galicia, 1991.

- Evanxeos católicos. Viso Pauli (Apócrifo).

- Enciclopedia Larousse. A Galicia celta que non chegou a existir.

- Voz de Galicia, 24-03-2012. Xurxo Ayán.

- Tradición oral recollida no concello de Ferrol polo autor deste texto, entre 1970 e 2010. Copyright: © 2013 Sociedade Cultural Columba.

 

Xabier Monteiro Graña. Ferrol, Nadal 2012

<< Voltar