Mitoloxía de tradición oral en Covas. Os espiritus do alén

27/04/2012, Xabier Monteiro Graña

Os seres sobrenaturais que aparecen nestas narracións non me gusta chamarlles contos porque transcenden moito esta definición, xa que son crenzas antigas moi populares, que se tiveron (ou teñen) como verdades absolutas sen a menor dúbida, cousa contraria aos contos que serven para entreter e nunca foron cribles. A crenza nas ánimas ou espíritos dos antepasados xa finados nos ven desde os máis antigos tempos prehistóricos e latexa no máis fondo de nos desde tempo ancestral, a teñen as culturas de tódolos pobos da orbe. As ánimas, lles teme, se lles pide axuda, se lles recorda, se lles reza, se lles fala, se lles comprace, etc.

 

O primeiro autor coñecido en Europa, foi na idade media o gran sabio Paracelso (Philipus Aureolus Theophrastus) que fixo un estudio e unha clasificación intelixente dos espíritos elementais, sistematizando e establecendo un orden e unha clasificación de estas criaturas e que se atreveu a deixalas por escrito; non foi entendido no seu tempo e se creou moitos enemigos sendo acusado de ateísta por non ver “demos” por todas partes. Publica un libreto en Silesia, no ano 1566 co título: Líber de nymphis, pygmaeis et salamandras et de caeteris spiritibus (Libro das ninfas, os silfos, os pigmeos, as salamandras e os demais espíritos). Foi de capital importancia para o estudio da tradición oral popular, da mitoloxía, lendas e contos, na súa época da que posteriormente os máis grandes autores e estudiosos europeos ( Goethe, Heine, irmáns Grimm, etc.) se inspirarán durante os seguintes séculos. En Galicia, Benito Jerónimo Feijoo e Montenegro, (1676-1764/Padre Feijoo). Escribe sobre moi diversos temas pero fai unha revisión racionalizadora e crítica das tradicións populares e pretende acabar coas supersticións e as crenzas tradicionais. Publicando: Teatro crítico (1735) e Cartas eruditas y curiosas ( 1742-1760). Se ocupa dos duendes e espíritos familiares (trasnos), demoníacos, transmigracións e transformacións máxicas, tradicións populares, sátiros, tritóns, nereidas, o unicornio, a búsqueda de tesouros, feiticeiros, saludadores, exorcismos, almas do purgatorio, e ata dos vampiros entre moitas outras cousas. O seu discípulo, Martín Sarmiento (Padre Sarmiento 1695-1772), Ao contrario que o seu mestre Feijoo, Sarmiento entendeu que era necesario coñecer, recuperar e salvagardar as tradicións ea cultura popular. Foi un gran precursor contribuíndo “decisivamente” á investigación e recuperación da cultura galega. Iniciará unha nova etapa de estudios. E así unhos anos despois chegamos a Manuel Murguía que na súa publicación da Historia de Galicia-1865, se mostra como un profundo coñecedor da cultura galega sobre todo da Galicia rural, da tradición popular e da mitoloxía galega, nombrando un por un os seres míticos, trasno, tardo, os mouros, as donas o culto os antepasados, as animas, vedoiros, a compaña, as meigas, etc. Que el nos afirma que son a herdanza dos tempos anteriores. Pero a primeira gran recompilación da tradición oral galega ven da man de D. Jesús Rodríguez López que a recolle durante a segunda metade do século XIX ea publica no ano 1895: Supesticiones de Galicia y preocupaciones vulgares; para poñer de manifesto o subdesenrolo todavía existente na súa época, que lle ocasionou serios problemas coa igrexa e que o final foi prohibida. É un bo inventario das crenzas e prácticas tradicionais (vulgares e supersticiosas) que se tiñan en Galicia sobre todo no medio rural.

 

Outro investigador de renome que eu creo que non foi suficientemente valorado foi Xesús Taboada Chivite (1907-1976) coetáneo de V. Risco, dedicou moito do seu traballo ao estudio da etnografía galega, facendo varias publicacións sobre a mesma, que foron agrupadas e publicadas postumamente: Etnografía gallega, "cultura espiritual" (1972)., Ritos y creencias gallegas (1982), Ritos galegos de Nadal (1992). Nos tempos máis recentes o que máis influíu no estudio da nosa mitoloxía foi Vicente Risco, que recolle o legado de Murguía afirmando a pertenza de Galicia a civilización atlántica. A Galicia verdadeira, para Risco, é a tradicional, a dos labradores e mariñeiros. Por petición de Otero Pedrallo, escribe en galego o estudio de etnografía (galega) para a Historia de Galiza (1973), na que fai de maneira destacable unha enumeración bastante completa e unha clasificación dos seres míticos galegos da tradición oral, que serve de base para as recompilacións e estudios posteriores a él neste eido, e que é de referencia obrigada.

 

Fun moitas veces a recorrer estes lugares de aparición dos espíritos e dos demais seres míticos (trasno, diaño bulreiro -do muíño e do camiño-, egua voadora, moura, raposa, ánima das cadeas, /do hábito/, a compaña, etc.) na miña parroquia nativa (Doniños) sempre atopei neses lugares algo relacionado coa arqueoloxía, fundamentalmente, hábitats humáns ancestrais dos nosos antepasados. Son camiños que se dirixen ou pasan polas necrópoles megalíticas (mámoas) e mesmo o pe delas o mito manifestábase aos nosos antigos aínda fai pouco. O mesmo caso sucede para os castros no seu entorno, nos seus camiños. Outros destes lugares de aparicións mitolóxicas son máis modernos como son os camiños que se dirixen aos cemiterios e igrexas e a súas inmediacións (camiño do viático); os cemiterios de non cristiáns (de xentís, de xudeus, de ingleses, de vacas, de animais) de nenos sen bautizar; e por último os tan afamados cruces de camiños (encrucilladas, lugares da cruz), pasos de auga de ríos (porto do río), fontes con características especiais, salutíferas, milagreiras, santas. Todos estes lugares teñen unha “singularidade” algo especial, un misterio ancestral, único da nosa cultura galega; por eles andiveron pisando durante milenios os nosos devanceiros polo que debemos obrigarnos a protexer e conservar o máis natural posible.

 

Recollendo estas narracións dinme conta de que faltaban algunhas das máis populares, que son propias na nosa zona étnica da beiramar atlántica desde Ortegal ata Fisterra na que entra claro está a nosa bisbarra, sendo moi coñecidas tempo atrás, e que herdei dos familiares e veciños da miña parroquia. E polo que me permitín engadilas aquí para dar unha visión máis completa da nosa tradición oral e que os lectores teñan coñecimento delas, -e porque non-, sexan tamén transmisores. A tradición oral aporta moita sabiduría, e unha forma de coñecernos a nos mesmos, e nosas fondas raíces milenarias, de saber quenes e como realmente somos.

 

TRADICIÓN ORAL RECOLLIDA EN COVAS. OS ESPIRITOS DO ALÉN

 

Os Medos

Antes había moitos medos que andaban por aquí polos camiños, e logo chegabas a casa cun medo de carallo. As veces te avisaba algún veciño, -Non vaias por alí que hai un medo. De noite as veces cando ibas por un camiño dábante un golpe e botábante para un lado ou apartábante para fora do camiño. E quedabas cagado de medo. Un día denoite andaban uns dando voltas arredor dunha casa. Un levaba un meiro que lle fixeran varios nudos (9 nudos, 9 voltas). Os outros pasaban arredor da casa e de cada volta dicían -¡Pasa nudo!. E os outros contestaban, -¡Por aquí xa pasou!. Moito medo pasei, atoparte denoite con aquelo era terrible. Cando tiña dez anos coa miña abuela aprendín estas cousas. (Lugar : Covas. Informa, Ricardo Dacosta).

 

O Medo

Uha noite de inverno un home que vivía en Lodeiro estaba na casa da súa irmá de visita como moitas outras veces, nas que a familia se xuntaba e pasaba o tempo xogando a baralla. Cando se fixo tarde, a súa irmá advertiulle: -Ai Joseiño vaite axiña e non te metas moito na noite que anda “un medo” no camiño que vai desde a casa de Cereixo ata a casa de Pío (naquel tramo). Cando rematou a visita, o home saíu logo de volta para a súa casa e dáballe algo de rabia ir dando a volta pola Cochera, así que foise polo camiño. Cando levaba andado un pedazo, efectivamente aparecéuselle “o medo”. Unha cousa, alta, alta, alta como xamais vira na súa vida e estaba ocupando todo o camiño, el sorprendido, apartouse a beira de todo para deixala pasar, e a “cousa” pasou. El quedouse mirando: -Bueno, Dios te vexa ir. Algo despois, seguindo o camiño, e cando estaba preto da casa de Carlitos o sereno, viu como a “cousa” entrou na casa por unha porta vella, e eles (os que estaban dentro) pecharon a porta. José quedou pensativo e dixo: - Os defuntos do outro mundo entran coa porta pechada, este é deste mundo. E alá foi, mirou a través dos furados da porta, e veu como unha vella estaba sacando unha saia dobre que traía por riba da roupa chea de repolos, planta, e outras cousas que roubara polas leiras, e deuse conta de que andaba denoite polo camiño metendo medo.

O contou el mesmo e dixo que foi verdá. Dicían os veciños que antigamente andaban os "medos" polos camiños. (Lugar: Covas. Veciña de Covas, Maruja de Jerónimo).

 

As Visións éos Anuncios de Morte - As Luciñas – O Aviso – O Sinal

Antes (antigamente) se vían moitas cousas estrañas. -Aínda hoxe o pasar por algunha zona me da repelus, -non se vaian a pensar. Por Covas andaba antes a Santa Compaña. E andaban polos camiños as almas en pena ea xente lles rezaba. Antes se vían luces polos camiños, arredor das casas, na beira do mar, en calquera sitio de noite. Cando unha persoa se afogaba, din que se vían (se aparecían) luceciñas pola praia, e xa sabían que iba a haber algún afogado. (Lugar : Covas. Veciño, Ricardo Dacosta).

 

A Visión - O Enterro

Antes había persoas que eran videntes que tiñan visións. Un veciño vía pasar un enterro e coñecía a tódolos que iban e levaban a caixa, - ¡Aí ven un enterro: por este lado iba fulano e mengano, e polo outro iba tal fulano e citano, lévano por diante fulano e por detrás citano, éo outro non sei quen é. E era o morto. Todos eran coñecidos da parroquia. A persoa que tiña a visión si te collía a man ti tamén o vías. (que cho facían ver). (Lugar : Covas. Veciño, Ricardo Dacosta).

 

A Visión do Acompañamento. Ver o Enterro

O tío Sebastián da Santa tamén lle chamaban “O Vello da Santa”. El mesmo nos dicía que pola noite vía “visións” que vía pasar a caixa do morto, e dicir que vía os enterros antes de que morrera a persoa, e tamén que vía a “Santacompaña”. Nos contaba que si te atopabas de noite coa xente que iba no “acompañamento” e que si no medio había unha persoa que te quería mal, entonces te “abatía” golpeábate e tirábate no camiño. Eso llo teño oído a ese vello, pero eu nunca o vin que si o vexo quedo “instantánea”. (Lugar:Covas. Veciñas, Maruja e Teresa)

 

A Visión do Enterro

Un home de Valón o tío Xacinto, ía un día denoite acompañado do seu fillo pola Corredoira do Roxo cando de repente subiu a un ribón do camiño e díxolle ó seu fillo:--¡Bótate a un lado e quita a gorra qué está pasando un enterro. E así era, porque aos poucos días morría unha persoa do lugar. (Tradición oral familiar. Recollido en Valón de Josefina Graña Vidal e Ramón Graña V. en 1965)

 

O Aviso - O Can - A Cadela Escapada

Houbo unha cadela escapada que andaba sola e comía por aí adiante e paría onde lle cadraba. Pero unha vez apareceu un can branco preto dunha pedra cuadrada de seixo branco duna casa. Algúns veciños empezaron a pedradas con el e o can non se movía daquel sitio, e veña pedradas, e pedradas e seguía sen moverse. E ao outro día morría o dono da casa e o can desapareceu. (Lugar : Covas. Veciño, Ricardo Dacosta).

 

Alma en Pena

A un home que morrera porque dicían que tiña “os espíritos”. Un día foi un familiar del a chamar a un home entendido nestes asuntos, que lle dixo que lle tiña que dar tres misas ao defunto. E o outro (o familiar) foi a Ferrol e lle dou as tres misas, e a alma si estaba en pena quedaba así liberada; e foi para o ceo. (Lugar : Covas. Veciño, Ricardo Dacosta).

 

Os Espíritos – A Débeda

Antes había moitas cousas desas que oíamos falar aos vellos. -Por donde se aparecían os espíritos era pola Fonte de Vidre, alí se aparecían moitas veces. Unha vez un veciño foi a casa do defunto, dun home que morrera. Foi denoite -E sabes que foi a primeira cousa que lle dixo: -Eleuterio levántate desa cama e vente despedir de min. Eleuterio (era o pai), que cando morrín non te despídeche de min, porque eu, a min quitáronme ao revés, que ti estabas no corral esperándome para despedirte de min, -porque non se falaba con Pulino-, e a min quitáronme pola eira. –Miña irmá non sabía eso. -E máis perdóame que che neghei 80 pesos -E fora verdá- E a ti facíanche moita falta para o pan dos teus fillos. –Pero eu era un pobre vello que nin vía nin oía, e a min enghañoume (E quen o enghañou foi Paulino que meu pai lle fora a traballar e díxolle:- xa lle paghei eu a Eleuterio e non lle paghara.) . E non houbo máis. Meu pai non cría neso. Porque daquela quitaban os mortos polo corral. Era o meu abuelo do Prioiro e cousas que falou, miña irmá non o sabía que era unha cativa (Lugar Covas. Veciña, Amelia de Eleuterio, ano 2000)

 

O Corpo Aberto – O Espírito

Un día unha muller foi á fonte a coller auga, estando na mesma fonte entroulle un espírito no corpo. A muller comezou a dicir cousas estrañas que chamaban moito a atención. Os veciños ó escoitalas quedáronse abraiados porque as cousas que falaba a muller eran certas pero só as podería saber un veciño da aldea xa defunto. En vista de todo esto, tódalas persoas do lugar quedaron moi asustados e non sabían como trata-la muller, así que decidiron leva-la ó cemiterio. Atáronlle o espírito ao dedo polgar do pé. Cóntase que realmente non tiña ningún espírito, pois a muller estaba preñada de xemelgos. (Nota: Os espíritos que entran nas persoas, quedando estas posuídas, denomínanse en Galicia Corpos Abertos).

 

O Espírito e a Posesión

Antes houbo varias persoas que se dicía que tiñan un espíritu. Se dicía que un morto se metía en ti, e que viña a este mundo a falar. A Regina do Roque, Odulia tiña un espiritu. A rapaza (Odulia) non falaba. A foron a ofrecer a santa Eufemia. Iba eu con ela fumos andando hasta Ferrol, despois collemos o tren a Coruña e desde alí collemos o coche que te levaba a santa Eufemia. Pero logo volvemos para Coruña e desde alí volvemos en lancha porque dicían que se viñas do mar o espiritu se quedaba alá que se encarnaría noutra persoa e ela que curaba. E a persoa (o enfermo) se viña sen el. Pero a rapaciña non curou que se quedou como estaba. (Lugar: covas. Amelia de Eleuterio ano 2000).

(Nota: O Rito comeza saíndo da casa por unha porta éo volver entrar por outra distinta. Logo ir todo o camiño en silencio sen falar con ninguén (obrigación de gardar silencio-silentium mysticum), e ir por un camiño e volver por outro distinto para deixar o mal fora)

 

O Espírito do veciño

A min pasábame algo estraño, se me aparecía a figura dun veciño xa defunto: -Volvo a ver da cintura pa riba, tal e como era, madre que me pariu. Co temor case non falaba. E un día falando con D. Juan (o cura), dinllo: - D. Juan me esta pasando esto, éo estou pasando moi mal. E el contestou – Dálle unha misa haber que pasa. E dinlle a misa. E despois abría ben os ollos e me impuxen, e me foi pasando. Eu sabía que era o meu subconsciente. Pero debe ser de estar alí moito tempo con el. Me pasaba tamén con Lolo de Mundial. (Lugar:Covas. Veciñas de Covas, as irmas Maruja e Teresa).

 

Almas en Pena

Dicían que se lles aparecían as visións das persoas que morreran, eso é o das almas en pena. Mamá sempre contaba que cando se casou en Moaña, se lle presentaba a noso pai, e dis que o home estaba negro porque se lle presentaba cando estaba durmindo, alá no barco, un alma que chamábao e faláballe. E por último díxolle o que lle facía falta, e el dixo: -Dios mío querido que me está pasando a min, unha misa a san Amaro, un non sei que a non sei quen. E dis que lle deron uns golpes aquí na frente, que era dicindo que si, que era iso. (o alma en pena que viña a buscar sufraxos. (Lugar,Covas, veciños Andrés e Amelia de Eleuterio, ano 2000 ).

 

A Santa Compaña. O Acompañamento en Covas

Durante un tempo acontecían en Covas unhos feitos moi extraordinarios. Moitas noites polos camiños sucedían certas cousas polas que todo o mundo andaba morto de medo. Andaba a Santa Compaña por tódolos camiños da parroquia buscando xente para levala ao outro mundo. Cando se oían de noite (polos camiños) varios tipos de ruídos, voces, berros, choros, campanillas, e se vían luces, se creía que iba haber unha morte nalgunha das casas dos veciños, si o acontecido era preto do mar era indicativo de que iba haber un afogado. Houbo un tempo (anos 40-50) en que todo Covas estaba amedrentado.

-!Ai Díos mío que vai pasar.! -!Ai Díos mío quen morrerá afogado.! Un día un veciño que viña da pesca dos panchos como outras veces, coa súa variña ao lombo, o truel, a rapa sempre arrimada e co caravel colgado, ao pasar polos Zancos (Sartaña) sinteu o tilin, tilin, tilin e veu algo "blanqueando" Aínda que tivo medo, o medo no o reconoceu. -¡Coño aí ven o morto, pero anda .¡ Entón parapetouse detrás dunha xunqueira alta que alí había para que non o viran e esperou a que se acercaran. "-Tilín, tilín, tilín -¡ Ai meu neniño -¡Ai meu Joseiño! -Tilín, tilín, tilín". E veu que viñan dúas mulleres falando entre elas normalmente, "reconoceunas" pola voz. E pensou: -¡Se está Ramón o de Estela conmigo vaia xareca que iban levar, pero eu só que fago, eu só comprométome. Entonces vigilounas e veu como baixaban para a praia de Ponzos e foron todo pola beira da marea. -¡Ai logo, si hai outro conmigo estas non volven, porque se tiran ao mar, o medo habíachelo dar eu.! Cando chegou a súa casa como a muller xa lle dixera que non fora a pesca. -¡Non vaias Eleuterio a pesca que se oen voces disque vai haber un afogado.¡ Contestou el: -Non teñas medo muller que as que andan poñendo medo son a irmá do cura ea do Guardés. -¡Pero que me dis Eleuterio¡. Ti cala a boca non vaia a ser que teñamos algún follón co cura. (Lugar Covas. Veciña, Amelia de Eleuterio, ano 2000)

 

Outro día tamén sucedera que:

Un día que a tía Josefa iba a recoller o leite polas casas deixou a súa filla pequena na casa. Pasado un tempo a nena oeu un ruído de campanillas na mesma porta, "tilín, tilín, tilín", "tilín, tilín, tilín", "tilín, tilín, tilín", unha e outra vez, o verse sola colleu tanto medo que non sabía onde meterse, e foise a esconder no medio da cama entre o metálico éo colchón. Cando a súa nai volveu, chamou por ela: -¡Abre Manola, abre Manola, abre.! Pero Manola non abría. -I eu que vou facer pobriña de min. Ai pero que teño aquí as chaves. E despechou a porta,entrou e non veu a pequena. -Ai Manola, ai Manola. Pero a pequena non contestaba. (Manola morría axfisiada debaixo do colchón). Nese momento o tío Marcelino que iba con moita frecuencia a casa da veciña entrou e veu un vulto na cama, e doulle volta o colchón e viron xa a pequena, e que non podía falar. A pequena non falaba. Momentos despois. -¡E que che pasou Manola.! Ela contoulles que pasara, que oeu na porta da casa un "tilín, tilín, tilín", unha campanilla, e quedou morta de medo. -¡Pero ti que dis Manola.¡ -Non mamá que foi verdá.

Ao pouco tempo estando aínda o tío na casa oíron outra vez o "tilín, tilín, tilín" (-elas pensaron que non estaban dentro a tía Josefa éo tío Marcelino). A tía Jopsefa que era barbada de estas de - aquí estou eu.- Sae a fora, detrás dela o tío Marcelino, lanzáronlle as mas un a cada unha e desbaratáronas e as descubriron. De tal xeito que non lles quedaron máis ganas de volver as andadas. A tía Josefa era leiteira e o paso que recorría os camiños recollendo no leite, íballe levar as Hostias de Cristo Rei para a igrexa a casa do cura. -Tome as hostias, que non hai tal berros, nin tal morte, nin tal medos. -Tome as hostias e reprenda a súa irmá que non hai tal medo polos camiños, que son ela ea súa amiga do Guardés. Pero el colleu as hostias, gardounas e non dixo nada. El nono sabía era inocente. E foi cando se desbocou o conto. Ao outro día desengañaron aos veciños: -Non teñades medo xa se sabe quenes son as que andan poñendo medo polos camiños.¡ Tiñan a todo Covas metido nun puño, porque andaban poñendo medo por tódolos sitios. E ti como tiñas un home que iba a pesca tiñas medo.

Eran dúas mulleres, Sara a irmá do cura e súa amiga Maruxa do Guardés. Sara a irmá do cura collía a chave da igrexa e vestíanse coa roupa do cura, collían a campá do viático e o farol e iban cara a praia de Ponzos ou Medote os Crevadoiros, ou por outros camiños. E iban tocando a campanilla "tilín, tilín, tilín. Dicindo: -¡ Ai meu neniño. -¡Ai meu Joseiño. Tilín, tilín, tilín". Tiñan a todo Covas así. Estaba todo o mundo metido nun puño. Asustaban a xente. Ai pois o que se vai afoghar chámase José, etc, etc. (Lugar Covas. Veciña, Amelia de Eleuterio, ano 2000)

 

Este feito tivo gran sona en tódalas parroquias lindantes.

Por un lugar de Esmelle, se aparecía as veces a Santa Compaña un día algúns veciños decidiron xuntarse e esperala, cal foi a súa sorpresa cando encontraron que era a irmá do cura de Esmelle e outras dúas mulleres que se tapaban con sabanas brancas, "as cazaron" quedando no momento desenmascaradas. (Recollido en Valón dos veciños e familiares, Josefina Graña e Ramón G. en 1970)

 

A Compaña na Mariña

Conta un veciño da Mariña (S. Xurxo), que un día foran "eles" (os veciños) de acompañamento co cortexo fúnebre da Santacompaña, que íban con faroles (luces) e velas encendidas. –E que a esto lle chaman o Acompañamento. (Recollido dun veciño de S. Xurxo da Mariña en 1996, por Francisco G.)

 

O Alma en Pena - Rachar o hábito

Polo camiño da Cruz que baixa ao cemiterio (de Doniños), unha alma en pena vestida con un hábito escuro todo pechado, presentouse a un viaxeiro que ía denoite para Doniños desde Valón polo camiño, pedíndolle que para poder liberarse da condenación que estaba padecendo debía de racharlle o hábito. Así o fixo o veciño, que levaba a fouce na man, e llo rachou de abaixo para arriba, vendo como o ánima desaparecía neste momento baixo a terra como no medio dunha polvareda. -Esto de rachar o hábito facíase coa gadaña ou cunha fouce, coitelo ou navalla. (Relatado por Avelina Velo Varela 1850 (bisavoa) a miña avoa, María Vidal Velo 1891-1977 – Recollido no Pereiro-Valón o autor.)

 

A Misa dos Defuntos . A Misa do Alba.

Un home que como outras veces baixaba polo camiño que ven por riba do monte de Chamorro e chega a Serantes procedente da zona de Esmelle, pasaba pola mañá moi cedo, aínda noite, preto da ermida (de Chamorro), e veu a porta aberta e entón estrañado decidiuse por entar a ver que pasaba. O entrar na igrexa veu que estaba chea de xente e o cura co sancristán comezaba a da-la misa; se notaba un pouco de frío no lugar e quedouse a oír a misa polos seus defuntos. O rematar a misa o home déuselle por mirar para atrás para ver de recoñecer algúns dos veciños, pero quedouse pasmado polo que veu, xa que todos os que estaba vendo, estaban desaparecidos (mortos) facía tempo, saíndo axiña para fora da igrexa e quedando conmocionado e moi asustado do acontecido. E a partires de entón, dedicouse a facer de cando en vez, varios rezos e misas polas ánimas dos defuntos. (Tradición oral, recollida en Canido en 1967, e dun veciño de Serantes, Felipe G. en 1980).

 

O VIAXE AO ALÉN. O CAMIÑO AO OUTRO MUNDO. AS ÁNIMAS A TEIXIDO

 

Miña avoa María Vidal V. dicía que cando unha persoa morría saía unha "?paloma" (pomba) voando do corpo, e que se a persoa fora boa ía para o ceo e senón para o purgatorio ou o inferno ou quizais andaría penando polo mundo, incluso podía tomar vinganza dalgún vivo que lle quixera mal. Outras veces tamén dicía: Unha “pomba branca” sae do peito do defunto cando está na sepultura, sube voando para arriba se o home foi bo, e a pomba é negra e vai cara abaixo si o home foi malo. (Transmisión oral familiar. Miña avoa María Vidal V., en Valón-Ferrol, 1965)

 

O Viaxe do Ánima a Teixido

Un home de Valón que prometera ir a S. Andrés morreu sen poder cumprir a súa promesa. Certo día seu irmán foi ao cementerio de Doniños onde el estaba enterrado, uns días antes da romería de S. Andrés a avisalo de que o ía levar a cumprir a súa promesa que fixera. Chegado o día da romaxe foi de madrugada a buscalo a tumba éo chamou cunhos petos, dicíndolle: ?-Fulano (o nome do defunto) vámonos para S. Andrés que xa é hora. Entón o home púxose a camiñar para S. Andrés de Teixido e de cando en vez ollaba para atrás e vía como unha "pomba gris" o seguía a certa distancia e sen perdelo de vista, decatándose de que o acompañaba todo o camiño; e cando el paraba para descansar a "pomba" tamén se pousaba; e si el seguía ela tamén seguía, así durante todo o camiño. Cando chegou a ermida se encontrou conque estaban as portas todas abertas e non había ninguén dentro, ea "pomba" desapareceu. Así quedou a promesa cumprida. - Se di que todos temos que ir ó S. Andrés e senón vas de vivo tes que ir despois de morto. Así hai un vello dito popular que di: - A S. Andrés de Teixido vai de morto o que no foi de vivo. (O home era tío avó de miña nai). (Transmisión oral familiar desde os bisavós (1850), recollido de meu tío Ramón Graña V. e da miña nai, en Valón-Ferrol 1970)

 

Durante a camiñata había que ter coidado de non ferir nin menos matar ningún animal, porque entón podería ocorrer algún mal, algunha desgracia, xa que os espíritos dos antepasados mortos, que non foran o santuario a cumprir en vida as súas promesas, transfórmanse en animais dos que andan arrastro (lagartos, culebras, píntegas, sapos, etc.) que se arrastraban peregrinando a Teixido para obter os favores da divindade e liberarse do entremundo. As almas se poden perder polo camiño, por eso teñen que ir acompañadas no viaxe por un familiar que ía falando con el e lle levaba a comida como se este estivera vivo. A comida lla daban a un mendigo. O home (ou muller) podía tamén ir a pe ou nun carro de cabalo deixándolle un sitio o seu lado. Máis tarde cando viñeron os autobuses pagábanlle o billete dun sitio baleiro o seu carón. Uns parentes nosos viñeron con varios veciños desde Mallón (Concello de Sta. Comba-Coruña), nos anos 60 (1960) alquilando unha camioneta para vir nela e levar a comida e así cumprir a ( sacra) promesa que lle tiñan feito ao santo de Teixido. (Transmisión oral familiar).

A “transformación ou a transmigración” dos espíritos en animais, e crenza prehistórica herdada, que permaneceu a través dos séculos ata nosos días.

 

Son ben coñecidos os ditos populares a este santo apóstolo tan noso na tradición:

A S. Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo.

A S. Andrés ou vas de vivo ou vas de morto/ ou vas de morto ou vas de vivo.

A S. Andrés has de ir de morto senón vas de vivo.

Quedate aí, S. Andrés, que o que non veña de vivo unha vez virá de morto tres. (1)

Quedate aí, Andrés, que te han de visitar máis de tres. (1)

A S. Andrés van dous e veñen tres. (Pola Herba empreñadoira, Herba de namorar, Herba namoradeira Clavel mariño. En Covas, chamada Herba da Santa = Armería marítima, Willd)

 

O Ánima da Silva

Un home da parroquia (Valón- Doniños) que se chufaba de matón e valente, certo día viña xa de volta para a casa de segar a herba do prado denoite por un camiño, cando de repente quedou preso polo cuello da camisa por alguén na beira do camiño (pensou que era un ánima do outro mundo que o viña a buscar, ou algunha bruxería); o home moi asustado parou en seco e sen moverse nin mirar para atrás, alí quedou toda a noite amedrentado, máis chegando o amañecer cando xa comezaban a saír os primeiros raios de luz, atreveuse a mirar virando moi despacio a cara para atrás, entón veu que o que lle estaba prendendo era unha silva. Sen mediar palabra colleu a fouce que traía na man e cortou a silva dicindo: -¡E se foras un home facíache o mesmo.! -¡O medo e libre.!. -Nota: E común na tradición popular que tamén as bruxas se transformen e silvas. (Tradición oral familiar. Recollido no Pereiro-Valón de meu tío Ramón Graña.V.)

 

AS ENCRUCILLADAS. O ESPACIO SACRO E A COMUNICACIÓN CO OUTRO MUNDO

 

As Encrucilladas. Os Meigallos. Ritos de Protección e Curación. Os Medos.

Nas encruceladas (cruces de camiños) dicían os máis vellos que enterraban aí os recen (nenos sen bautizar) e que había familias que tiñan alí enterrados os seus fillos. Cando viñan os enterros, paraban nas encruceladas e rezaban un Padrenuestro, porque dicían que por alí nas encruceladas, había nenos enterrados, e por eso había "Medos". ( Lugar:Covas. Veciñas, Maruja e Teresa)

 

A Cancela do Pisco

Tódalas cruces (encruceladas) tiñan a súa leyenda. Na Cancela do Pisco xunto a casa de Ramón da Canteira, contaban que se aparecían cousas de xentes que che querían facer daño, entonces para quitar os maleficios aparecían moitos meigallos, aparecían cousas que levaban alí, pucheiros cheos de aghullas ou alfileres, pelos, cachos de carne, tamén aparecían restras de allos e moitas outras cousas. (Lugar:Covas. Veciñas, Maruja e Teresa)

 

Pero algho había sempre na Cancela do Pisco, aparecíanse visións (ánimas dos defuntos), aparecíase o demo en figura de can, dicían que te ameighaban. -¡Coidado. ¡ Eu non pasaba pola Cancela do Pisco nin que me pagharan. Pero a D. Juan, (o cura) tanto lle dixeron, tanto lle dixeron, que tivo que ir a bendicir a Cancela do Pisco, porque era moito o que pasaba alí. (Lugar:Covas. Veciñas, Maruja e Teresa)

 

As Rogativas

Cando non chovía os veciños estaban inquietos, e pedíanlle o cura que sacara o santo. Cando o cura vía a posibilidade de que podía chover, decidía sacar o santo da iglesia en procesión. Iban os veciños rezando e o levaban en procesión ata a encrucelada da Cancela do Pisco. Eso xa o contaba a miña avoa. O sitio de verdá era na leira de Pepe o de Grandal e todos se paraban aí, e poñían o santo de cara abaixo .- Poñíano cara abaixo. Tamén imploraban aos santos todos e tamén a Santa Andrea. Cando el (o cura) vía que iban facer milagros. (Lugar Covas: Josefa Díaz Dacosta, 2007)

 

As Medorras. Cruz das Medorras

O lugar das Medorras é unha encrucelada. Había na Cruz das Modorras, unha cruz e un farol porque enterraban alí os nenos recens. Chámanlle a Cruz porque é unha encrucelada. A un lado ea outro do camiño había un pousadoiro. Teño oído a meu tío Ramón e a tía Manuela que alí iban a enterrar os nenos que morrían sen bautizar porque o cura non os quería enterrar no cemiterio dos cristiáns. Así que era o cementerio de nenos sen bautizar. (Lugar Covas. Andrés e Amelia de Eleuterio, e outros veciños)

 

A Leira da Mesa

Na Leira da Mesa había un pousadoiro para parar a caixa do morto cando había un enterro e ao mesmo tempo se rezaba. Era onde descansaba a caixa cando iban a enterrar ao cementerio de Santa Comba.

Na Leira da Mesa.-Alí pousaban os mortos cando viñan de San Xurxo a enterralos a Santa Comba, porque Santa Comba era o cementerio donde explanaron para facer o aparcamento. Onde está a fonte era todo torrillouzos. (Lugar Covas. Andrés e Amelia de Eleuterio, e outros veciños)

 

Cruce da Pedreira. A Vela acendida

No ano 1989 polo verán no lugar da Pedreira (Covas) apareceu pola anoitecer unha vela acendida no medio do camiño e próximo ao cruce. A xente do lugar quedou moi asustada. Esto foi visto por varios veciños. (Lugar, Covas.Veciños de Covas. Agosto 1989. Angela)

 

Fonte de Vidre

Antes había moitas cousas desas que oíamos falar aos vellos. -Por donde se aparecían os espíritos era pola Fonte de Vidre, alí se aparecían moitas veces.

 

Fonte da Pena

Eu teño oído que na Fonte da Pena que está cerca do cementerio, si nacía un pequeniño morto que o levaban aí onde enterraban os nenos sen bautizar. (Veciños de Covas)

 

MES DE DEFUNTOS-SANTOS. OS DEFUNTOS. A CABAZA

 

Día de defuntos

O día de defuntos íbase o cemiterio a visitalos e para alumbrarlle as ánimas que están alí enterradas, íbase cun farol que se pousaba enriba da sepultura ou se colgaba na cruz. Se di que o primeiro “alumbramento" veuno un home. El veu como o día de defuntos puxeron nunha sepultura unha cruz e na cruz colgaron un farol para alumbrar os defuntos. E por eso desde aquel día venlle o alumbramento dos defuntos. Desde entón ven esa costume.

 

Os Zonchos éo Rosario

Por defuntos (novembro) se cocían as castañas, se comían con monda (zonchos) ou peladas e se facía con elas un "rosario" con agulla e fío. Se lles botaba para cocelas fiúncho e as veces tamén anís para darlles mellor sabor.

 

A Cabaza

A cabaza se poñía nos muros dos camiños, en lugares por onde pasabas, e nas encruceladas. Se vaciaba un melón, sacábaslle o "mono" (as pepitas), facíaslle unha cara, e lle poñías unha vela acendida por dentro, pousada nunha tabla. Ti viñas andando e xa de lonxe vías a cabeza dunha persoa que che impoñía. Se facían para poñer medo a xente. Eso facíano moitos pero para meter medo.

 

O Cemiterio é os enterramentos

Ao cementerio chamábanlle o Camposanto, os que non estaban en gracia de Deus enterrábanos por fora do cementerio derredor da Igrexa. Aos nenos sen bautizar, e aos amancebados enterrábanos os propios familiares. En Santa Comba houbo un cementerio alí onde explanaron, un veciño encontrou osos e unha cabeza (cranio) que lla levou o cura. (En Covas. Veciños de Covas, anos 1990-2000)

 

O Viático. O Santo Viático

A calquera hora do día ou da noite, a familia do enfermo ía a avisar o cura para que lle dera a extramaunción. O Santo Viático se lle levaba a unha persoa cando estaba moi enferma ou se sospeitaba que podería morrer pronto. Saían da igrexa o cura e o sancristán, levaban unha furna de cristal onde ía a Sagrada Forma, tocando polo camiño unha campanilla éos os veciños saían das casas e se unían a eles formando unha procesión levando velas acendidas, os que estaban traballando nas leiras ou nas hortas, deixaban os seus traballos para unirse tamén; os acompañaban ata a casa do enfermo e algúns entraban dentro da casa o cura lle daba a comunión ao enfermo ea extremaunción e rezaban unhas oracións. – (Tradición oral familiar, recollido en Valón , de meu tío Ramón e miña avoa María Vidal, 1975.)

 

Nota: En algúns lugares a esto lle chamaban o “Acompañamento”, teño motivos para pensar que as veces o mito da “Compaña” (Santacompaña) se mesturaba con esta realidade.

-Negra sombra ( Rosalía de Castro )

-Santa Comba e San Silvestre nos libre de mala sombra. (Dito popular)

(Adenda. Por omisión involuntaria no artigo anterior, Os Seres Míticos)

 

O Cabalo da Fonte da Predreira – O Diaño Bulreiro (O Trasno dos Camiños)

Un día un veciño (de Covas) pasaba pola Fonte da Pedreira e aparecéuselle un cabalo. -¡Ai que cabalo máis bonito.! E montouse enriba del, éo cabalo saíu o trote cara a Sartaña, e como o home cheo de medo veu que o cabalo non paraba se lle ocorreu decir -¡ Alabado sea Díos.! E nese momento o cabalo desapareceu, e el caeu no medio do maínzo cerca de Cardido. (Lugar: Covas. Veciño, Ricardo Dacosta).

 

(O cabalo dou un brinco éo tirou no chan desaparecendo polo aire- O Diaño Bulreiro presentase nos camiños, podéndose transformar en todo tipo de animais, persoas e outras cousas).

 

Nota1.- Se respetou a linguaxe orixinal dos informadores (maiores de 70 anos), tratando de non alterar en nada a narración, conservando o idioma propio nativo, sen correccións, respectando as repeticións, os castelanismos, etc. Non aumentando nin quitando nada. Como é a norma correcta en este tipo de traballos, usando o criterio científico/técnico da escola antropolóxica.

 

Nota2.- Tradición oral recollida en Covas-Ferrol por Juan C. López Hermida, entre o ano 2002 e 2007. Tradición oral recollida en Valón entre 1960 e 1980, e en Covas entre 1988 e 2007, o autor. –(Debuxos realizados polo autor). Copyright: © 2011 Sociedade Cultural Columba.

 

Bibliografía consultada: - Libro de las ninfas, los silfos, los pigmeos, las salamandras y los demás espíritus, de Philipus Aureolus Theophrastus.-Teatro crítico (1735) e Cartas eruditas y curiosas (1742-1760) de Benito Jerónimo Feijoo e Montenegro. - Historia de Galicia-1865 de Manuel Murguía. – Etnografía: Cultura espiritual por Vicente Risco en Historia de Galiza (1973) de Otero Pedrallo. (1) El santuario de S. Andrés de Teixido, Rafael Usero, 1992.

 

Xabier Monteiro Graña - En Covas -Ferrol Novembro 2011

<< Voltar