Fragua de Balón. O ferreiro

13/06/2009, Xabier Monteiro Graña

​​O Ferro é un metal abundante na natureza. É dúctil, maleable, duro, e o máis tenaz dos metais de uso común. Funde a 1530 ºC. Antes de fundir abranda e vólvese pastoso o que permite labralo. Foi coñecido polo home e utilizado desde a antigüidade, hai aproximadamente 4000 anos, pero non é ata a denominada idade do ferro cando o seu uso se fai extensivo sobre todo na fabricación das armas, moito máis resistentes que as de bronce usadas ata ese momento. En Galicia, na cultura castrexa, no mundo céltico, na época grecorromana clásica, e en xeral, nas culturas antigas, o ferreiro tiña un prestixio relevante na sociedade, por dominar, co lume, o segredo da transformación do mineral en metal e a fabricación e modelado das armas e demais ferramentas, ata o punto de ter divindades con culto propias, dedicadas a este oficio como son por exemplo os deuses antigos: Lug, Thor, Hefesto, Vulcano, e outros. Aos ferreiros e fundidores de entonces atribuíanselle poderes máxicos relacionados coa forza e a sorte.
Fragua (Os Oficios. Xaquín Lorenzo, 1983)

Hai probas fiables de achádegos de ferramentas de laboreo e armas de ferro nos castros galegos así como de fornos de fundición e forxas, como a atopada no castro de Troña, con algúns tenaces e outras pezas de ferreiro. Nos castros do noso concello (Ferrol), tamén existen mostras desta actividade da forxa e fundición do ferro, como é o caso de escouras no castro de Lobadíz e a aparición dun forno de fundición no castro de Santa Comba (Covas). A forxa do ferro foi amplamente coñecida na Península, acadando o seu máximo desenvolvemento a finais do século XV e no XVI.

Nos séculos pasados houbo en Galicia moitas instalacións de laboreo (forxas) preto dos lugares de extracción do ferro; chegando no século XVIII a unha produción de 20.000 quintais métricos por ano. Entre o século XVI e ata o XVIII houbo un grande desenvolvemento da industria da forxa en Galicia e Asturias debido a abundante presenza en certas zonas do mineral de ferro. Pero este oficio conservouse ata o século XX. Son mostra disto a abundancia de topónimos como: Ferreiros, Ferreira, Ferreiro, Ferreiriño, Ferrerúa, etc.
 

A Fragua .- O taller da forxa polo xeral é un local cuberto, fóra da casa, no que a luz é escasa para poder visualizar a cor do ferro cando está entre as brasas, e que se compón dos seguintes elementos: A Fragua : Fogón onde se fai o lume, revestida de ladrillos refractarios e barro, onde se quentan os ferros para forxalos. Fuelle (fol, barquín) accionado por unha panca ou aparello similar para proporcionar o aire que sae pola tobeira para facilitar unha boa combustión. Zafra: bloque de ferro aceirado sobre o que se forxan e se lle da forma aos metais. Pía xeralmente de pedra, chea de auga para arrefriar o metal e así darlle o temple. Ademais son necesarias as ferramentas propias do oficio: o martelo, os tenaces, a cizalla, o cicel (cortafríos), punzón, moldes, limas, atizador para o lume e outras de varios tipos. Os grandes martelos chámanse machos de fragua. Como combustible usouse leña e carbón vexetal pero é máis común utilizar carbón de pedra rico en calorías ( hulla e coque).

O oficio de ferreiro (ou forxador) require dunha grande habilidade, dominio da técnica e dun coñecemento no tratamento do ferro, xa que o ferro e difícil de traballar. O artesán ten que dispor da suficiente forza e destreza para o manexo do ferro que se traballa cando está quente, ao roxo vivo. De aí a necesidade do uso dos tenaces e de que a zafra estea preto do fogón da fragua.

A maneira de traballar o ferro para darlle a forma axeitada é partir dunha barra, varilla ou pletina de ferro quentala no lume (fogar da fragua) ata poñela incandescente (cor vermella alaranxado), sacala, pousala na zafra e ir dándolle continuamente martelazos con precisión (marteleo rítmico) para ir modelando ata acadar ao final a forma definitiva. Cando a peza se arrefría vólvese quentar na fragua e segue o traballo de forxa. É necesario repetir esta operación, pero hai que ter en conta facelo no menor número de veces posible, porque senón o ferro acaba deteriorándose. Para arrefriar a peza, mergúllase na auga da pía. Ao mesmo tempo, con este baño endurécese. Rematado todo isto e xa coa forma definitiva e a peza ao roxo, mergúllase de súpeto na auga fría para obter o endurecemento final do metal (templado).

No forxado canto máis fortes sexan os golpes máis se mellora a calidade da estrutura metálica. Traballando toda a peza obtense un tamaño de gra moi fino, que proporciona unha máxima resistencia. O metal forxado é máis forte e dúctil que o metal fundido e mostra unha maior resistencia á fatiga e ao impacto. O aceiro templado moderno é máis resistente pero oxídase e non dura tanto tempo como o ferro forxado. Coa forxa tamén se pode soldar o ferro, para o que se aplica primeiro un fundente (como o bórax) ao metal cando está quente, para eliminar o óxido da superficie das pezas, despois xúntanse estas golpeando unha contra outra a moita temperatura. Si está ben feita, a peza soldada é homoxénea e tan resistente como o metal orixinal mellorando a estrutura do mesmo, sobre todo porque refina o tamaño de gra.

Ferramentas da forxa (Os Oficios. Xaquín Lorenzo, 1983)

Unha das tarefas especiais ás que se dedican algúns ferreiros é a de ferrador que se encargan de ferrar os pezuños dos cabalos, mulas, burros e vacas, que consiste en cravar as ferraduras nos pezuños e axeitalas e que se traballan xeralmente con ferro negro, cor debido á capa de óxido que se forma no metal durante o quecemento.

As técnicas de produción en serie, a competencia de prezos que fai a industria moderna, fixo que a demanda do traballo dos ferreiros e, en xeral, de todos os oficios artesanais, fora reducíndose ata case a súa desaparición. O oficio foi quedando relegado a reparación dos útiles que a industria moderna produce, pero aínda aos ferreiros se lles encargaban unha serie de pezas que eles mesmos fabricaban, como son: cancelas, caravillas, fouces, rellas de arado, dentes de grade e gradón, gramalleiras, petadores, ciceis, punteiros, reixas, coitelos, e moitas outras.

 

Fragua é o Ferreiro de Valón. - A fragua de Valón pertenceu a D. José Graña Rodríguez. (aprox. 1880-1934). Foi o Ferreiro de Valón, tamén era carpinteiro, no primeiro tercio do século XX. Ademais da fragua, era propietario da tenda-bar, local que tamén se utilizaba como salón de baile, celebracións especiais, vodas, e actos sociais diversos. Foi alcalde do antigo concello de Serantes polo bando conservador durante unha lexislatura. El era “O Ferreiro” como o denominaban os veciños naquel tempo. Os traballos que realizaba eran os propios da fragua e as reparacións. Ademais facía os traballos de carpintería. A fragua hoxe quedou reducida en dimensións. É de planta cadrada (3,50 x 4,50 mts.), con paredes de pedra de granito e cuberta a unha auga de tella do país (actualmente uralita). No interior conserva tódolos elementos orixinais: forxa, barquín de coiro e madeira, zafra, dúas pías de pedra, banco, e diversas ferramentas do oficio. Está en estado de abandono.

 

Recollido da tradición oral

A fragua era de José Graña. Deixoulla ao seu neto Felipe, ao que lle ensinou o oficio desde rapaz. Estaba no mesmo lugar onde está hoxe pero era moito máis grande xa que o facer a carreteira levoulle un bo pedazo.

 

O carbón o iámolo buscar o múelle de Ferrol onde atracaba a lancha de Mugardos. Dábannos un vale e con el comprabamos cinco ou seis sacos de carbón. Iamos desde Valón o tío Marcelino e máis eu. El levaba o carro de vacas pola Malata ata o muelle para recoller os sacos e traelos.

 

Despois, cando o tío Marcelino faltou, ía eu soa. Metía os sacos na lancha da Cabana e ao chegar desembarcábaos. Logo tiña que subir tódolos sacos ata Valón, un por un, pero tendo en conta que os que quedaban no atracadoiro non os roubaran. Así que ía subindo cun na cabeza un tramo da costa da Cabana, pero non perdendo de vista desde enriba os que quedaban abaixo. Pousaba un no chan e baixaba polo outro e así ata ter os cinco nun lugar axeitado onde poder vixialos desde máis enriba. Logo seguía subíndoos outro pouco ata a casa dos meus parentes. Desde alí e cun carro de man levábaos por terreo cha para a fragua.

 

Felipe facía todo tipo de traballos propios do ferreiro fabricaba moitos raños, sachos, aixolas, fouciños, picañas, picos, punteiros, aros, dentes de grade, cravos, etc., pero sobre todo ferraba as rodas dos carros. Na parte de atrás que era onde había máis espacio; a roda de madeira poñíase no chan. O aro quentábase na fragua e logo collíase entre dous, coas tenazas e colocábase no canto da roda; neste momento levábase a un pilón de auga para que inchara a madeira e enfriara o ferro; o aro quedaba así fixado.

 

O fuelle (barquín) abriu e houbo que arranxalo, era o herdado do seu avó así que é moi vello. A fragua estaba colocada en catro pés de madeira. Facíase o lume prendendo o carbón e logo íase avivando co aire que saía do fuelle. O ferreiro cunha man dáballe ao fuelle e coa outra viraba e removía os ferros nas brasas. Había tamén quen tiña pequenas fraguas (caseiras) na casa. (Maruja Sequeiro esposa do ferreiro, Felipe Graña - 2007)

 

Fragua de Valón ( Interior)

A fragua tiña tamén a súa función social, lugar de encontro dos veciños que cando ían amañar as ferramentas aproveitaban para conversar, intercambiar impresións e enterarse das novas que, a cotío, acontecían na parroquia, nas vilas ou na cidade. Antigamente en lugares de Galicia, sobre todo o domingo, reuníanse os veciños arredor da forxa do ferreiro. Estas xuntanzas chegaron a ser tan soadas como as dos fiadeiros, polo que restábanlle clientela aos eclesiásticos que daban as queixas. O cancioneiro popular galego dedica moitas cantigas a este vello oficio, como exemplo:

        Non te cases cun ferreiro que ten moito que lavar
        cásate cun mariñeiro, que ben lavado do mar.
        Non te cases cun ferreiro que te queiman as muxicas
        cásate cun carpinteiro que che fai cousas bonitas.

 

        Na casa do ferreiro, coitelo de pao.

 
O Ferreiro (Felipe Graña -Valón)

A fragua de Valón pertence ao noso patrimonio cultural, ten hoxe un valor etnográfico extraordinario, por ter unha antigüidade de máis de cen anos, ata é posible que sexa a única que se mantén intacta no concello de Ferrol, con todos os elementos que a compoñen. A miña proposta é a súa restauración e conservación, ben como museo etnográfico, similar á que se atopa instalada no Museo do Pobo Galego (Santiago), ou darlle un uso como aula didáctica, unha mostra do proceso do forxado e do coñecemento de materiais. Testemuña dun tempo e dun oficio tradicional artesanal “o ferreiro”, do máis xenuíno do espírito galego desde a protohistoria dos castros (idade do ferro) ata os nosos días.

 

(Fontes consultadas: Os Oficios. Xaquín Lorenzo, 1983. G.E.G. Enciclopedia Larousse.)

 

Xabier Monteiro Graña. En Ferrol 2009

<< Voltar