As sociedades culturais en Cobas no primeiro tercio do século. 1ªParte

01/02/1997, Sociedade Cultural Columba

Para moitos de nós, é un feito descoñecido que nesta parroquia houbo, con anterioridade a 1936, polo menos catro Sociedades diferentes. A situación nunha aldea como Cobas a primeiros de Século era moi diferente á de hoxe. A poboación acadaba os 1000 habitantes, dos que a meirande parte adicábase ás tarefas do campo ou a traballos na mina. A carretera que hoxe coñecemos para ir a Ferrol comenzouse a primeiros de século e, por suposto non tiña nada que ver coa actual; na parroquia os camiños eran malos, sen asfaltar, e a xente viaxaba a pé, a cabalo ou os máis afortunados en carro ou carruaxe. A luz eléctrica non chegou ata 1951, o medio de iluminación era a lámpara de carburo (ainda que antes algunhas familias tiñan luz eléctrica, procedente de Esmelle por iniciativa privada).

Con estes poucos datos, calquera pode imaxina-la situción do Cobas de primeiros de século e non é dificil chegar á conclusión de que as Sociedades que se crearon entre 1909 e 1920 tiñan uns obxetivos concretos que respondían ás necesidades do momento. Tales necesidades non eran distintas das de hoxe e unhas Sociedades eran constituidas baseándose no principio da Solidaridade e outras como resposta ós desexos da xente de divertirse e relacionarse.

A primeira Sociedade constituida en Cobas e rexistrada no Goberno Civil da Coruña foi a denominada: Sociedad agrícola "Adelante Luz y Verdad de Cobas". Era o mes de febreiro do ano 1909. A comisión organizadora desta sociedade estaba formada por Paulino Serantes, José Dopico Otero e Justo Saavedra que o 17 dese mes e ano firmaron o regulamento polo que habería de rexi-la sociedade.

O obxeto da sociedade estaba resumido nos tres primeiros artigos do regulamento, que dicían o seguinte:

Artículo 1º. Su objeto principal es el mejoramiento moral, económico e intelectual de sus asociados y la defensa de los intereses de toda clase que a los mismos afecte, tanto individual como colectivamente, utilizando para ello todos los medios lícitos y legales que estén a su alcance.

Artículo 2º. Todos los socios habrán de prestarse mutuo apoyo, considerando como de todos las causa de cada uno y como de cada uno la causa de todos, estableciendo una verdadera fraternidad que acabe con los antagonismos y enemistades, debiendo constituir una familia de hermanos y amigos, base indispensable para la mutua defensa y auxilio.

Artículo 3º. Siendo objeto principal de esta sociedad la fraternidad de sus asociados y los litigios entre vecinos la causa más común de sus enemistades; como estos litigios son originados en su mayor parte por motivos insignificantes y que solo pueden alcanzar mayores proporciones por la malicia y mala fe de los que hacen un oficio de la explotación de estas rencillas, para el mejor servicio de la sociedad, se creará un Jurado a fin de dirimir las cuestiones que surjan entre los asociados en la forma y con las atribuciones que se determinarán en el lugar correspondiente.

O carácter da Sociedade era, como ela mesma se definía "única y exclusivamente económico y benéfico por medio del apoyo mutuo entre los asociados. Por lo tanto, esta Sociedad será agena a toda cuestión política".
No artigo 41 do regulamento indícase que ó ocorre-la morte dalgunha res abonaráse ó seu dono a cantidade de 150 pesetas, que haberán de satisface-los asociados, e no artigo 48 di que a sociedade mercará abonos químicos e toda clase de experimentación para a industria agrícola, a fín de facilitárllelo ós asociados, previo pago de factura.

A sociedade tiña o domicilio social na Pedreira (descoñecemo-lo lugar exacto) e a Xunta directiva estaba formada polos cargos de presidente, vicepresidente, secretario, vicesecretario, tesoreiro, contador e oito vocais. Na acta de constitución, firmada o primeiro de setembro de 1909 sinálase como lugar de reunión a casa nº 8 do lugar de Soagraña e a xunta directiva quedou formada por Justo Saavedra Grandal (presidente), José Serantes López (vicepresidente), Gerónimo Santiago García (contador), Andrés Souto del Río (tesorero), José Lorenzo Iglesias (secretario), Pastor Malde, Francisco Iglesias, José Saavedra Grandal, José Lago Díaz, Feliciano Loira, José Paleu, Serafín Iglesias Rodríguez e Benjamín Alvariño Saavedra (vocales).
Ademáis do regulamento e a acta fundacional, non temos máis datos que indiquen o que foi desta sociedade nin se se puxeron en práctica os seus principios.

No ano 1913 constituíronse en Cobas dúas Sociedades, a Sociedade Instructiva e Recreativa denominada "Centro Agricultor de San Martín de Cobas" que firma os seus estatutos o 9 de marzo, e o denominado "Centro Campesino de Cultura" que os firma o día 17. Ámbalas dúas sociedades teñen practicamente os mesmos obxectivos.

O Centro Campesino de Cultura tivo unha amplia difusión nos diarios da época durante o ano da súa constitución, sobre todo no Correo Gallego. O Centro Campesino foi creado "... en el sitio de Soagraña en la casa de Don José Dopico, señalada con el número 2...". Definiríase como "...ageno a toda cuestión política y religiosa...", e poderían ser admitidas como socios tódalas persoas de ámbolos dous sexos que abonasen a cuota mensual de 50 céntimos. A Directiva sería elixida cada ano, celebrándose eleccións no Nadal.

Os estatutos foron elaborados, posiblemente entre outras persoas, por José María Alvariño e Andrés Santiago que o 15 de marzo de 1913 actuarían como Presidente e Secretario da sociedade. Unha vez autorizados os estatutos polo Gobernador Civil, este pediría unha copia autorizada da acta de fundación e das persoas desinadas para forma-la Xunta Directiva. Fíxose unha Xunta Xeral o día 6 de abril de 1913, quedando constituida formalmente a Sociedade e nomeada a súa directiva que quedou formada da seguinte maneira:

 1. Presidente José Mª Albariño Saavedra de Prior
 2. Vice-Presidente Enrique López Pazos de Prior
 3. Secretario Andrés Santiago Serantes de la Aldea
 4. Vice-Secretario Angel Pita Blanco de Prior
 5. Contador Rogelio Otero Lorenzo de Esmelle
 6. Vicecontador José López Serantes de Esmelle
 7. Tesorero José Rodríguez Docampo de la Aldea
 8. Vicetesorero Enrique López Fernández de Esmelle
 9. Bibliotecario Aniceto Lorenzo Bouzamayor de Marmancón
10. Vicebibliotecario José Lopez Canto de la Aldea
11. Vocal 1º Angel Cid Díaz de Marmancón
12. Vocal 2º Manuel Seoane Castro de Marmancón

En Xunta Xeral de 22 de Xuño de 1913, varios socios pediron que "...por no reunir condiciones el local, debe trasladarse esta sociedad para la "Cochera", sita en la parroquia de Esmelle... propiedad de Don Nicolás López y Doña María Santiago...".
Este traslado debeu facerse nese momento, pero non se lle trasmite ó Goberno Civil ata o ano 1926.
"Que en Junta General celebrada el 26 de Diciembre de 1926, se acordó el traslado del domicilio social que radicaba en el "2 de Mayo" en la parroquia de Cobas, al lugar de la "Cochera" en la parroquia de Esmelle, y en la casa propiedad de María Santiago Beceiro, donde dicha sociedad tiene un salón para dar festivales en obsequio a los socios y sus familiares".
Tamén nesta xunta elixiríase nova Directiva

 1. Presidente Andrés Santiago Serantes da Aldea
 2. Vicepresidente Enrique López Fernández de Esmelle
 3. Secretario José Mª Albariño Savedra de Prior
 4. Vice-Secretario José López Serantes de Esmelle
 5. Contador Rogelio Otero Lorenzo de Esmelle
 6. Vicecontador Severino López Muiño de Esmelle
 7. Tesorero Aniceto Lorenzo Bouzamayor de Marmancón
 8. Vicetesorero Manuel Seoane Castro de Marmancón
 9. Bibliotecario Andrés Rodríguez Santiago de Mandiá
10. Vicebibliotecario Manuel Díaz Barga de Esmelle
11. Vocal 1º Angel Cid Díaz de Marmancón
12. Vocal 2º Angel Pita Blanco de Prior

Posiblemente o cambio de local fixo que posteriormente os cargos da Xunta directiva foran exercidos maioritariamente polos socios da parroquia de Esmelle e tamén debeu influir o feito de que en Cobas existise outra Sociedade con local na mesma parroquia.

En xaneiro do ano 1914 a Xunta Directiva foi reelixida a excepción do vicedepositario e 2º vocal que quedarían sustituidos por Manuel Ramos, de Prior, e Pastor Malde, de Marmancón. Nesta data os ingresos do Centro ascendían a 193 pts. con 50 cms., e os gastos "...que se originaron para montar el Centro y atender a sus atenciones..." foron 364 pts. con 10 cms. (A diferencia sempre a pagaban os socios do Centro). Neste ano de 1914 houbo moito movemento na directiva, xa que dimitirían varios cargos por diversos motivos "...por asuntos de salud...", "...por asuntos de familia..." e entrarían na directiva Manuel Santiago Pita e Bonifacio Arias. O secretario, Angel Cid Díaz, pasaría a ser vicepresidente, sendo sustituido por Angel Pita Blanco, que era socio de honra ademáis de socio de cuota. Tódolos anteriores, agás o último que era do Prioiro, eran de Esmelle.

No ano 1915 o balance económico tamén é negativo e hai cambios nos cargos da directiva no mes de xuño. Pastor Malde, de Marmancón, pasou a ser Presidente; Manuel Santiago Pita, de Esmelle, vicepresidente; Angel Cid, de Marmancón, vicedepositario; José Lorenzo Bouzamayor, de Marmancón, vicecontador; Dictinio López, de Cobas, bibliotecario e Angel Rodríguez Díaz, de Esmelle, 1º delegado. En septembro dimitirían Angel Pita e Dictinio López "...por ausentarse de sus familias...".

A Xunta directiva para o ano 1916 quedou da seguintes forma:

 1. Presidente: Manuel Santiago Pita, de Esmelle
 2. Vicepresidente: Angel Rodríguez Díaz, de Esmelle
 3. Secretario: Tomás Serantes, de Cobas
 4. Vicesecretario: Manuel Ramos, de Prior
 5. Contador: Enrique López, de Prior
 6. Vicecontador: Marcelino Santiago, de Marmancón
 7. Depositario: Angel Cid Díaz, de Marmancón
 8. Bibliotecario: José Lorenzo Fernández, de Esmelle
 9. Vicebibliotecario: Celestino Santiago Serantes, de Cobas
10. Delegado: Angel Beceiro Saavedra, de Esmelle
11. Delegado: Bonifacio Arias, de Cobas

O balance económico de 1915 foi de - 289 pts e 25 cms. Esta diferencia foi tan elevada debido ós actos de compañerismo (varias coroas ós socios falecidos, funerales e misas), humanitarios (comida adicada ós nenos do hospicio de Ferrol) e instructivos ( conferencias do catedrático D. Alfredo de La Iglesia, do maestro superior D. Caetano Vaello, do párroco de Esmelle e San Xurxo D. Gerardo Manso, do maestro superior D. Tomás Serantes, etc.).

En abril do ano 1916 dimitirían o presidente, vicepresidente e contador, sendo substituidos por Enrique López Pazos, do Prioiro (que era contador e foi substituido por Aniceto Lorenzo), Manuel Díaz, de Esmelle e Pastor Malde, de Marmancón. En septembro dese mesmo ano o presidente e vicesecretario serían substituidos por Miguel Otero (que gaña por votos a Manuel Díaz) e Rosendo de Santiago. En novembro habería novas dimisións e pasaría a ocupa-lo cargo de presidente Manuel Díaz Barja, vicepresidente José Fernández Rey e bibliotecario Juan Rodríguez Díaz.

No ano 1917 é reelixida a Xunta Directiva e son detallados os gastos e ingresos do ano 1916 da maneira seguinte:
"... trescientas sesenta pesetas en bailes, sesenta por los entierros a dos compañeros, setenta y seis en conferencias, cincuenta y cinco en arreglos del salón, treinta y tres con cincuenta y cinco céntimos en luz y doce en una rebista, suman los gastos enumerados un total de seiscientas seis pesetas y cincuenta y cinco céntimos mas diez céntimos que deje de incluir en la partida correspondiente por equivocación involuntaria...". Os ingresos foran de 405,50 e o déficit abonado polos socios.

O balance do ano 1917 sería o primeiro positivo desde a constitución do Centro e a Xunta Directiva dimitiría en xaneiro de 1918 sen acepta-la reelección. Fíxose difícil nomear nova directiva e os seus membros serían todos de Esmelle e Marmancón.

A partires deste ano e exceptuando algunha ocasión, a parroquia de Cobas xa non tería representación na directiva do Centro Campesino. Solamente no ano 1919 Justo Seijido ocuparía o cargo de vocal 1º, en 1925 José Souto Serantes e Ricardo Cabanas serían contador e vicepresidente e en 1926 Andrés Rodríguez foi bibliotecario.

En xaneiro de 1927 notificouse ó Gobernador Civil o cambio de local que xa se fixera en 1913 e en marzo dese mesmo ano, ó remitiren o balance anual, especifícase "...Centro Campesino de Cultura, constituido en Cobas y trasladado a Esmelle...". Tamén o cuño do Centro cambiou as súas letras e onde antes se lía "Centro Campesino de Cultura de San Martín de Cobas", leríase "Centro Campesino de Cultura de la Cochera de San Juan de Esmelle. Serantes."

No próximo número da revista publicaremos os datos de outras dúas sociedades constituidas en Cobas nos anos 1913 e 1920. Unha delas foi o Centro Agricultor de San Martín de Cobas e a outra a Sociedade de Ganadeiros. Ámbalas dúas desapareceron antes ou ó estala-la guerra Civil de 1936. Pero xa estaban sentadas as bases para que en Cobas aparecesen novas sociedades co transcorrer do tempo.
Este e outros artigos poñen de manifesto que Cobas foi unha parroquia con iniciativas, sempre houbo xente con ilusións e ganas de facer cousas. Nós queremos recordar a esas xentes e rendirlles unha pequena homenaxe, intentando que estean sempre presentes nesta pequena historia que entre todos deberemos recuperar.

<< Voltar