As penas do mar de Cobas: Os Cabalos

01/04/2002, Lola González López

Os Cabalos. Unha identidade por descubrir

Quen non coñece as penas que se erguen no mar do Porto fronte ás vellas "baterías do faro"? Para todos nós son unha parte indispensable da paisaxe do Prioiro. Coñecidas moi ben polos pescadores e, doutro xeito, polos que, nalgunha época, soliamos ir nadar e tomalo sol na pequena praia de areón.

Os Cabalos

Cando nenos, bautizamos unha das penas co nome do "submarino" porque, caprichosamente, semella ser un destes artiluxios. Outra cousa distinta son "Os Cabalos". Mirabamos para aquela pena enorme e non acertábamos a sabe-lo porqué do seu nome. Non viamos cabalos por ningures, só milleiros de gaivotas, corvos mariños e ás veces tiñámo-la sorte de ollar algún mascato. Nunca soubemos que apodo poñerlle. Sempre foron... Os Cabalos.

Agora, moitos anos despois, xa non somos tan nenos e intuímos o porqué deste nome, unha nova ilusión por demostrar...

Estrabón no seu libro terceiro de xeografía, cando está a describi-la zona noroeste peninsular fala dun cabo ... O "Kabaion" do que xa falaban os gregos. E certo que algúns autores o identifican co cabo de Fez, na Bretaña francesa, pero... agora eu sei o porqué, cando nenos, non soubemos imaxinar outro nome para esa pena que vixía a entrada o porto. Dende sempre se chamara así e non deixou que lle cambiarámo-lo nome. Imaxino un inmenso cabo ó que os antigos chamaban "Kabaion", que a golpes de mar foi minguando ata converterse no Prioiro e que quixo deixar como lembranza do que foi, unha pena no medio do mar do Porto.

<< Voltar