As nosas praias

08/04/2017, Paulino Gasalla

​​

No número 9 desta revista, correspondente ao ano 2009, publiquei un pequeno artigo titulado "Las Playas de Serantes, Versus Maravillas". Nel quixen expoñer o que en 1931 o alcalde de Serantes , Alejandro Porto Leis, pensaba sobre o marabilloso das nosas praias e as posibilidades que el vía para o seu uso e goce, por parte da poboación tanto de Serantes como de Ferrol. Usaba para iso un artigo titulado “Las playas de Serantes” y un poema titulado "¡¡Maravillas!!"

No período 1931-1932, Alejandro Porto Leis publicou no xornal La Libertad, ademais do referido artigo seis máis. Todos baixo o pseudónimo de “Estudiante” excepto un que o fixo co seu nome completo. No seu libro de poemas Intemperancias Poéticas, ademais do poema apuntado anteriormente publicou outros dous, un deles en galego.

Salvando a inexorable distancia do tempo, os artigos están cargados de interese, sobre todo polas posibilidades que ve, para potenciar as nosas extraordinarias praias, aínda que algunhas das alternativas propostas fágannos hoxe en día, chirriar os dentes con tremores incluídos.

 

Alejandro Porto Leis e a súa dona en Santa Comba
Alejandro Porto Leis e a súa dona en Santa Comba
La Libertad 01-02-1931. Nº 82 (Alejandro Porto Leis)
La Libertad 01-02-1931. Nº 82 (Alejandro Porto Leis)

 

Considero que pode ser de interese para todos os que vivimos nesta costa privilexiada, expoñer os artigos e comentalos un pouco, co obxecto de ver o que se pensaba ao respecto fai 85 anos, Cando todas estas praias formaban parte do Concello de Serantes, pero xa as consideraba de Ferrol.

O primeiro destes artigos que leva por título “¿Torpeza o abandono?...” foi publicado o 1 de febreiro de 1931, cando aínda non era alcalde de Serantes. Nel fai unha loa ás praias e a súa paisaxe, así como a utilidade que terían para a poboación como lugar de recreo, saúde e hixiene. Criticando o intento por parte de Ferrol de facer unha praia en Telleiras, que non se considerou viable, e increpando aos edís de Serantes por non contactar cos do municipio veciño e en conxunto iniciar unhas obras que puxesen as praias en valor.

O segundo titulábase “De interés general”, o único no que utiliza o seu propio nome, publicouse o 4 de xuño de 1931, cando xa era alcalde. É parecido ao anterior, pero xa vai cunha carga política de apoio á República recentemente creada e crítica ao anterior réxime. Paréceme digno de destacar a cita que fai sobre algunha publicación relativa ás praias e que fixo nalgún dos seus artigos, o escritor e xornalista ferrolan Matías Usero Torrente.

O terceiro titulábase “¡¡Ferrolanos!! ¡¡Realidades!!” publicado o 15 de outubro de 1931. Nel volve facer unha alabanza da paisaxe e das características en beneficio da saúde. Comenta a cesión por parte dos veciños de Covas dos terreos necesarios para a construción por parte do goberno da República dunha residencia de estudantes nas proximidades das praias.

 

La Libertad 04-06-1931. Nº 90 (Alejandro Porto Leis)

 

La Libertad 04-06-1931. Nº 90 (Alejandro Porto Leis)
La Libertad 02-12-1931. Nº 101 (Alejandro Porto Leis)
La Libertad 02-12-1931. Nº 101 (Alejandro Porto Leis)

O cuarto levaba por título “¡¡Las Cuatro Playas de Serantes, dada su proximidad, resulta una sola e inigualable!!” Nel volve enxalzar as calidades tanto na turais como turísticas das mesmas. Pero neste xa fala abertamente de que algún día o serán tamén de Ferrol e pide aos políticos que invistan nunha estrada que as una, cun curioso obxectivo, facer os cidadáns máis sans e fortes, mellorando a raza.

O quinto, “Las playas de Serantes”, do que xa se falou no número nove de “Columba”, publicouse en “La Libertad” o 14 de decembro de 1931.

O sexto titulábase “Las incomparables playas de Serantes” publicado o 6 de xaneiro de 1932. Este tal vez sexa o máis singular, aínda que empeza como sempre, cun alegato cara á paisaxe e as marabillas das praias, de súpeto todo de transforma. En primeiro lugar comeza sinalando a importancia da fina area para facer cemento, e isto si chegouse a facer e ata non fai moito, con todas as alteracións que orixinou no sistema dunar. Coméntase a continuación a creación de ramaliños de estrada, para que todos os ferrolans con pesetas fixesen un chalet. Pero o peor é a peregrína idea de colocar un aeródromo sobre o sistema dunar e o carrizal, entre Covas, Esmelle e San Xurxo, así como a construción dun muro que protexese as aeronaves das inclemencias do tempo. Por sorte nunca se levou a efecto. Non obstante todo isto temos que situalo no seu tempo, fai case 85 anos.

 

La Libertad 02-12-1931. Nº 104 (Alejandro Porto Leis)
La Libertad 02-12-1931. Nº 104 (Alejandro Porto Leis)
La Libertad 14-12-1931 (Alejandro Porto Leis)
La Libertad 14-12-1931 (Alejandro Porto Leis)

 

Como podemos ver no artigo, a foto da praia que aparece subtitulada como de Covas, en realidade é A Frouxeira, e ¡Oh! Casualidade, nela foi fusilado Alejandro e os seus tres amigos Modesto, Avelino e Jesús o 2 de febreiro de 1938.

O sétimo titulábase “¡El resurgir de un pueblo!”, publicado o 17 de marzo de 1932. Como en todos enxálzase a beleza da paisaxe e o seu interese turístico, con alusions de novo aos artigos xornalísticos de Matías Usero Montero, nos que dicía que a lagoa e a praia de Doniños eran o lugar adecuado para reunir a todos os deuses da Mitoloxía. Así como os paseos que daba os domingos polas praias de Covas e Esmelle Mister Spier, o que fose director da S.E. da C.N. en Ferrol. Pero o máis impactante son as pretensións do alcalde, que busca a complicidade do de Ferrol e das autoridades de Mariña, para que si o Presidente da República viña á botadura do Crucero Baleares, lograsen que visitase tamén a praias de Serantes.

 

La Libertad 06-01-1932. Nº 106 (Alejandro Porto Leis)
La Libertad 06-01-1932. Nº 106 (Alejandro Porto Leis)
La Libertad 17-03-1932. Nº 110 (Alejandro Porto Leis)
La Libertad 17-03-1932. Nº 110 (Alejandro Porto Leis)

 

Os poemas atópanse publicados no seu libro de poemas Intemperancias poéticas impreso polos talleres tipográficos de El Correo Gallego en 1933. Un dele “Playas Serantinas”, xa se publicara en La Libertad o 18 de agosto de 1932, baixo o pseudónimo de “Estudiante”. Como todos os poemas, para mellor entendelos, mellor leelos.

 

Poema ¡¡Maravillas!! (Intemperancias Poéticas - Alejandro Porto Leis)
Poema ¡¡Maravillas!! (Intemperancias Poéticas - Alejandro Porto Leis)
Poema ¡¡Noso Mar!! (Intemperancias Poéticas - Alejandro Porto Leis)
Poema ¡¡Noso Mar!! (Intemperancias Poéticas - Alejandro Porto Leis)
Poema ¡¡Playas Serantinas!! (Intemperancias Poéticas - Alejandro Porto Leis)
Poema ¡¡Playas Serantinas!! (Intemperancias Poéticas - Alejandro Porto Leis)
<< Volver