Artesanía da la en Cobas

26/04/2006, Xabier Monteiro Graña

Despois do laborioso proceso artesanal de preparación do fío de liño, dedicamos hoxe este texto á elaboración da la para os tecidos que non é tan complicado como o anterior. Contamos aínda hoxe con testemuñas que viviron persoalmente estas tarefas artesanais e que constituíron hai pouco tempo, un xeito cotiá na forma de vivir. Canto máis nos internamos e profundizamos na cultura tradicional das nosas parroquias, máis sorprendidos quedamos da herdanza dos nosos maiores, coñecedores e portadores dunha cultura ancestral e milenaria que, sorprendentemente, no eido agrícola as súas formas conserváronse con moi poucas variacións. Nos anos 30 (1930) aínda había quen moía co muíño de man de pedra idénticos aos prehistóricos. Tamén eran de uso común moitas ferramentas manuais, artesanais e agrícolas como: os mallos (pertigos), mazos, picañas, forquitos, galletos, ripanzos, espadelas, rastrelos, rocas, parafusas, teares, etc. que estaría ben recuperar para a creación dun museo etnográfico que recupere para a memoria a nosa cultura material, as nosas tradicións e as legue as posteriores xeracións. Hoxe sabemos, pola arqueoloxía, que unha muller hai 4000 anos fiaba de idéntica maneira que nos anos 50 (1950) en Galicia. Parece como se o tempo non pasara para estes antigos oficios.

En tempos dos nosos bisavós e avós, tódalas familias tiñan algunhas ovellas e a la era aproveitada para ter materia téxtil, ben para facer colchóns ou para calcetar e tecer a roupa da casa: medias, calcetíns, rebecas, bufandas, gorros, carapuchas, luvas, refaixos, chaquetas, xerseis, etc. Había que prepararse para soportar os húmidos e fríos invernos. Estas tarefas, máis ben facíanse a partires do mes de setembro e durante o tempo de inverno. A la que se ía a empregar para facer os colchóns non precisaba de moita elaboración, só unha boa limpeza, lavado e cardado e quedaba gardada para, chegada a ocasión, ser utilizada como recheo. A la destinada a ser tecida si precisaba dunha mellor elaboración e un bo fiado. Para fiar usábase a roca e o fuso. A roca era un pau que podía ter no seu extremo dúas, tres ou catro pólas (gallas) nas que se amarraban as fías de la xa cardada e preparada para fiar. O fuso era un pau de madeira de 20 ou 30 cm de forma cilíndrica, ensanchándose cara a un extremo (forma fusiforme) para evitar que se escapara a mazaroca que se estaba formando, xeralmente estaba feito a torno pero tamén podía ser un simple pau ben traballado no que ía insertado un volante (fusaiola), que podía ser de varios materiais: madeira, cerámica, oso, pedra, ou unha arandela de ferro. Estes fusos coñécense desde o Neolítico tanto en Galicia como no resto da xeografía mundial, xa que as fusaiolas de cerámica, oso e pedra aparecen con certa frecuencia nas excavacións arqueológicas.

A tarefa do fiado era feita sempre por mulleres, traballaban as avoas, nais e fillas (cando mozas) que fiaban e tecían para a casa. Fiábase manualmente de forma artesanal. A roca prendíase na cinta do mandil e suxetábase co brazo esquerdo e o fuso collíase entre os dedos da man dereita. Unha vez que a la estaba colocada na roca íanse collendo pequenos copos e estirábanse ao mesmo tempo que se torcía coas mans e o peso do fuso, que se ía xirando de seguido. Cando a mazaroca que se ía formando era o suficientemente grande cortábase o fío e facíase outra ata ter xunta unha cantidade necesaria para poder facer o tecido. Antes de ser estirada en fío, a la necesita dun tratamento preliminar de desgrasado, limpeza e cardado. Na actualidade todo o proceso faise mecánicamente, de forma automática.

 

O proceso artesanal da elaboración do fio de la é o seguinte:
O rapado: Polo mes de abril é a primeira operación que se fai. Rápanse as ovellas e de cada ovella obtense unha rapa. As rapas sepáranse en dúas moreas segundo sexan de cor branca ou negra.
O cocido: A la hai que desgrasala. Métese nunha tina ou balde e escáldase botándolle por riba auga fervendo, removéndoa varias veces e logo prémese para sacarlle a auga e poñela a secar.
Lavado: Seguidamene lévase a la a lavar ao río (lavadoiro). Lávase con auga e xabón, sulagándoa e apretándoa para que a auga penetre dentro dela e lave a suciedade que conteña. Despois ponse a secar ao sol, alargándoa no campo ou nun tendal e vaise apretando para que solte a auga. Esta operación de lavado pode repetirse tantas veces como faga falta ata que a la quede ben limpa.
Escarpizado: Despois de seca e xa na casa, a la hai que escarpizala, é decir, poñela aberta e esponxosa. Poden collerse dúas carabelas (cestiñas) que se sitúan unha a cada lado dos brazos, a esquerda chea de la e a outra baleira. Vaise collendo pouco a pouco a la da esquerda coas mans, alargándoa e refregándoa para abrila e deixala na carabela da dereita ata rematar.
Cardado: Unha vez escarpizada, hai que cardala, usando as cardas, que son cepillos de pugas de ferro, feitas cunha táboa onde van cravadas as puntiñas e rematada nun mango. A la ponse nunha carda e vaise estirando coa outra repetidas veces ata que quede ben cardada. Unha vez rematado todo o proceso fíase e por suposto, técese.

Rocas e fusos para fiar la e liño. Os Oficios. Xaquin Lorenzo, 1983
 

Os fiadeiros
Antigamente celebrábanse en Galicia os fiadeiros que tiñan a súa importancia social. Chegado o mes de Nadal as mozas xuntábanse nunha casa (no curral) levando a súa roca, fuso e a carabela coa la para fiar e tamén o candil para alumearse. Isto facíase polo serán, pouco despois aparecían os mozos que non eran invitados pero todos tiñan dereito a entrar no fiadeiro, ao mesmo tempo que as mozas fiaban, parolaban cos mozos, contando contos e falando das cousas propias da xuventude e, sobre todo, dos seus amoríos. Así mesmo bailaban e cantaban acompañándose dunha música improvisada, tocada con instrumentos rudimentarios que eles mesmos levaban e facían soar, como son: o pandeiro, pandeireta, cunchas, tixolas, cazolas, culleres de madeira, ferriños, botellas, cazos, etc. e, ás veces, un punteiro de gaita. Tamén pasaban o tempo xogando a diferentes tipos de xogos: o sarillo, o zapato, a pita cega, os casados, etc. Ao mesmo tempo que xogaban ou bailaban ( a redonda), as mozas eran capaces de seguir fiando sin ter que parar. Todo isto era vixiado de reollo polas mulleres máis vellas da casa: nais e avoas. Os fiadeiros foron prohibidos polo clero nos séculos pasados,“Porque estamos informados que en algunos tiempos se juntan las mujeres con pretexto de yladas en algunas casas… y que allí se están no sólo de día sino de noche, con cuyo motivo concurren mozos, tienen bailes y de ellos se siguen grandes ofensas… –…frecuentes y malas, funestas consecuencias…- los jóvenes de ambos sexos mezclados con la libertad que quieren, en danzas, juegos, y en una palabra en lo que les antoja, como que no tienen freno. Mandamos que con ningún pretexto ni causa de tales yladas de noche, ningún rector las admita en su casa pena de excomunión latae sentenciae, ni menos las consienta en su feligresia…" Advírtese e ameaza aos veciños, pídese aos curas que sancionen aos fregueses, maiormente aos pais de familia, etc, etc.

Fan que che botan un sono / no fiadeiro as velliñas; / as larpeiras e pra ver / que fan namentra as mociñas.

 

O recollido da tradición oral en Covas

As ovellas rapábanse en abril e xa no momento de rapalas se “escaldaba” para que perdera a graxa é dicir botábase a la nunha tina (ou balde) e botábaselle auga quente fervida por riba ( cocíase), logo levábase ao río e lavábase como se fora unha saba con auga e xabón e poñíase a secar a clareo, extendéndose no campo, nun tendal ou nuha silveira e recollíase cando estivera ben seca. Despois de que se secaba había que abríla “escarpizábase” cos dedos para poñela aberta. Despois “estriábase ou cardábase” cuns cepillos (dous cepillos). Poñíase a la nun cepillo e co outro tirába dun lado a outro (sentidos contrarios), e sacabas un “panel”. Ao cambiar as cardas salíache unha “carda”. E se cadra, as veces podías ter (ou ir xunto de) unha persoa para que cha cardara e, se non, facíalo ti. Había quen tiña cardas e quen non as tiña.

Despois collíala e fiábala cun fuso e unha roca. Poñías a la na roca e a roca metíala na cintura da saia (ou na cinta do mandil) metíana así … ves. Logo ias tirando e botábaslle a boca asi … e íala mollando coa boca para que ao facer o fío non levara un nó e ias tirando tira e tira e ía saíndo o fío que o enrolabas no fuso e facías unha mazaroca. (Tamén podías coller a la na man sin roca e ías tirando dela e fiando). Despois uníanse dúas mazarocas (dous fíos) e “ torcíase” na parafusa unha para un lado e a outra estaba queda. Nós para fiar tiñamos unha “fiadora” que a fixera o meu home, tiña unha roda que a movías co pe como unha máquina (de coser) de pedal. A la daba menos traballo que o liño.

O mesmo se fiaba a branca que a negra, e logo calcetábala con agullas, facías calcetíns, medias, xerseis e outras cousas. Eu fiaba, facía roupa e calcetaba. Cando terminaron a guerra fixen un chaleco de la escura cos seus petos e todo, fíxeno coa fiadora que bulía máis. Tamén fixen uns calzóns de home longos, dos de antes, e para saber como era, descosín un para facelo tal cual.

Había quen fiaba moi ben e fiaban para os de fóra. A miña madriña fiaba moi ben e viña a fiarlle a varias veciñas. Cando tiñan moita la para fiar reunían na casa ás mulleres que sabían fiar e dábanlle unha pouca la a cada unha e cando remataban facían unha cea para todas como o día da malla. Recordo que as mulleres ían a fiar á casa da Pancha e da tía Manuela. Facíase como unha festa e daban de comer “perrusalda”, que se cociñaba nunha pota grande, cocíase en auga e leite, pan de trigo e botábanlle azafrán e azucre, dábanche unha taza ou dúas, as que che tocaran. Cando nos xuntabamos nunha casa, nos fiadeiros, viñan os “jinaldeiros” (aguinaldeiros) con “jaitas”, pandeiros, pandeiretas e acordeón, a cantar e bailar, formábase unha festa. Esta era a festa que había naquel entonces, pois outra cousa non había. Estes eran os fiadeiros en Covas nos meus tempos.

(Dona Cristina, maior de 92 anos no 2004 – Veciña de Covas)

 

Outra testemuña

Cando comezaba o tempo da calor, alá por maio, rapábanse as ovellas, a la saía en tiras longas. Logo limpábase coa man para sacarlle as herbiñas, pallas, pinchos e outras cousas que puidera ter e levábase a lavar ao río, lavábase con auga e xabón como se fora unha prenda de roupa. Poñíase a secar. Había que preparala para poder fiala. Primeiro “escarpéase”, vaise extendendo e estirando coa man. Logo “cárdase” con dous cepillos de arame, ponse unha tira de la entre os dous cepillos e vaise cardando, movendo o cepillo dun lado a outro varias veces e cando estaba ben suaviña quitábase un “ panal” do ancho do cardador.

Despois fiábase coa roca e o fuso, había quen tiña rocas mecánicas e parafusos. Para fabricar o fío primeiro facíase un fío co fuso e logo xuntábanse “dous fios” que se torcían nun só fuso ou cun parafuso. Non se podía apretar moito ao torcelo porque senón despois saía o tecido moi teso, quedaba mellor algo frouxo porque daba mellor traballar. Despois desfacíanse os fusos para ir facendo os “ovillos” (nobelos) dos que facíanse as madeixas: entre dúas sillas, coa peneira de peneirar a fariña para facer o pan ou cun aparello que daba voltas (sarillo). As madeixas xa feitas, blanqueábanse, metíanse nunha pota con auga quente e xabón e deixábanse un tempo abrandando íase revolvendo, logo lavábanse e poñíanse a secar. A la íase encollendo cando a lavabas. Despois volvíase facer o nobelo para calcetar.

A la podíase tinxir, darlle a cor que se quixera, para o que era mellor que estivera a prenda de roupa menos torcida (máis frouxa). Se a la branca queríase tinxir comprábase o tinte e botábase nunha tina con auga limpa e fervida e deixábase durante un tempo a que empapara ben, logo aclarábase con auga e poñíase a secar á sombra. Tinxanse sobre todo, medias, calcetíns e chaquetas.

Calcetábase máis ben frouxo porque era mellor e a prenda saía máis suave. Había quen tiña roca mecánica, parafuso, sarillo e devanadoiras. Facíanse medias, calcetíns, chaquetas, chaquetóns (con ou sen carapucha), chalecos, xerseis, saias, luvas (para ir á guerra), etc. A la podía ser branca ou negra (marrón) e ultimamente mesturábase, saía un xaspeado moi bonito. Podíanse mesturarr as cores branca e marrón en xaspeado ou facendo listas, por exemplo tiras e elásticos en branco e o resto en marrón.

(Dona Anxela, veciña de Ferrol en Covas. - maior de 80 anos)

 

Características da la
A densidade da la nas ovellas e carneiros varía segundo as razas, desde 1200 pelos por cm2 ata 9000 pcm2 nas de calidade superior e máis finas. O mesmo a lonxitude que pode variar desde 35 a 350 mm. A finura varía dependendo da raza e nun mesmo animal segundo sexan as partes do corpo á que corresponda. A máis fina é a do lombo mentres que a do ventre e patas son de clase inferior. A la de mellor calidade obtense dos animais de dous anos, despois endurécese. As características máis importantes que serven para fixar a súa calidade son: a uniformidade que se debe de manter en toda a súa lonxitude así como a flexión, o espesor, e a finura. Existen diferentes clases de las: suaves, bastas, filtrantes, finas, cortas, longas, mestas, etc. A la leonesa que se obtén do carneiro merino é a máis fina que se produce na Península.

As grandes transformacións tecnolóxicas da revolución industrial estiveron sobre todo ligadas ao fiado e tecido do algodón. A aplicación do tear automático no tecido da la produxose a mediados do século XIX. A produción mundial ata mediados do século XIX coincidía coa industria téxtil laneira; eran os países do occidente europeo, en especial Gran Bretaña, Francia e Alemania. Isto variou ao longo do tempo e hoxe o mercado mundial está dominado por un reducido número de nacións: Australia, o primeiro produtor mundial, Nova Zelanda, que proporciona a la de mellor calidade, seguidas en menor medida da República Sudafricana, Arxentina e Uruguai.

A partires do segundo tercio do século XIX, como consecuencia dunha maior industrialización, hai máis produción de artigos. Tamén a chegada da nova fibra aparecida no comercio, o algodón, unha planta barata e de cultivo sinxelo, que proporciona moita fibra e que require escasa man de obra. Mércanse prendas máis vistosas e de boa calidade, máis baratas que as que son tecidas na casa. Ademais da expansión dunha importante industria téxtil catalana e inglesa, vai facer que esta artesanía vaia caendo pouco a pouco en desuso, aínda que en Galicia se vai mantendo ata mediados do século XX; se ben en forma de autoconsumo familiar sobre todo en épocas de baixa económica como foi na I Guerra Mundial e na posguerra.

 

Fontes consultadas:
   Os Oficios. Xaquin Lorenzo, 1983.
   O Liño. Xosé Manuel de Bernabé, 1992.
   G.E.G. Enciclopedia Larousse.

<< Volver