A volta a Covas en cincocentos topónimos

13/06/2009, Henrique Dacosta López

BREVÍSIMA INTRODUCIÓN (QUE PRETENDE SER) HISTÓRICA

Covas e a Granxa da Reparata (ou da Reparada), pois a saber con cal de ambos topónimos ficar, cando senllas denominacións aluden, polo menos en aparencia, a unha mesma realidade, segundo reza en escritos da época medieval. Non obstante, delas, cal foi a primeira en ser empregada? Velaquí a incógnita, leigos como somos na materia. Porque especialistas haberá en Historia, quer en Antiga quer en Medieval, ademais de en Arqueoloxía, moito máis doutos en verter luces acerca do primeiro asentamento humano, así como da máis primixenia das dúas designacións.

 

Covas ou, nun sentido moito máis estrito e parroquial, San Martiño de Covas, en referencia á totalidade do territorio ao que orgullosamente nos sentimos ligados, é a única das formas sobrevivente hoxe en día. Mais sexa como for, o certo é que o proceso de habitación apunta xa ao Neolítico, a xulgar por algúns topónimos (se ben escasos) referentes a diversos aspectos da cultura castrexa, tal é o caso de A Leira da Mesa ou de As Medorras e A Cruz das Medorras. (Vaia por diante, con todo, que desde un principio a cautela ha de ser a que guíe os nosos pasos, non en van os vestixios apuntan polo de agora tan só á Illa do Medio de Santa Comba e terreos adxacentes, os cales terían sido ocupados e habitados poida que a partir do séc.III a.C. e deste modo até época altomedieval.) Así pois, e podémonos remitir neste sentido ao noso artigo do nº 4 da revista Columba, “Unha pequena cata na toponimia de Covas”, en que nos fixamos no nome O Coto dos Moros (ou dos Mouros), diciamos que nin sequera existen restos arqueolóxicos neste lugar que demostren pertencer á época castrexa, nin tampouco ningunha lenda ou conto asociado ao mito dos mouros, a pesar de tanto acervo como el ten no imaxinario popular galego.

 

Mais voltemos por un momento a vista cara ao pasado, e tentemos ir até a cerna do asunto. A pouco que indagásemos nos nomes de lugar da nosa parroquia —referímonos hipoteticamente, xa que non é o tema de que queremos tratar— co gallo de falarmos acerca da súa procedencia, así como da datación dos de maior antigüidade, encontrariámonos con que non haberían de diferir en substancia con calquera outros de calquera outra aldea de todo o territorio galego, ou mesmo, nun sentido máis extenso e histórico, da rexión norte portuguesa e grande parte do occidente leonés así como do asturiano. En suma pois, que as raíces de natureza prerromana, célticas sobre todo, haberían de ser das máis primitivas con que nos achásemos, en falando de voces de procedencia indoeuropea; mais euro-africanas, hispano-caucásicas e tirrénicas, se nos remitísemos ás de índole preindoeuropea. Mentres que nas posteriores ás propiamente latinas, verificariamos que as voces xermánicas (de orixe sueva basicamente) haberían de seguirlles en volume de importancia. A listaxe iríase diluíndo logo con aqueloutras de proxenie árabe (moi poucas) e outras —se acaso por mencionar outra lingua de moi relativa presenza— de orixe francesa. Velaquí, xa que logo, o que acontecería con todo o caudal de topónimos de San Martiño de Covas, mais tamén co que acontecería con calquera outra parroquia ou aldea que se localizase en todo o vasto territorio a que vimos de aludir, materia, porén, na que non haberemos de entrar neste instante, digna de interese quizá para abordar noutro artigo ou noutro tipo de traballo futuro máis extenso.

 

Sabido que o significado do topónimo con que hoxe coñecemos a nosa aldea, Covas, ten a ver co adxectivo oca, perforada, e que logo se estendeu a través do latín vulgar co sentido de buraco ou furado, poderiamos case confirmar que este debeu nacer para facer referencia ás escavacións auríferas que xa os romanos (tal explican algúns estudosos) explotaran no seu momento nun monte do lugar de Covarradeiras1 (subliñamos propositadamente o primeiro elemento léxico da palabra, pois outra volta faise patente o capricho do topónimo). Noutro dos nosos artigos, o que publicamos no nº 3 de Columba, “Ás voltas co topónimo Cobas vs Covas”, aludiamos a que os xacementos minerais achados se relacionarían cun vasto arco, falla de grande lonxitude, que os xeólogos coñecen co nome de “Aliñamento Covas-Corcoesto-Santa Comba-Noia”, onde superficialmente, ao pé da praia de Ponzos, os romanos explotaron un paquete de catro filóns de cuarzo, con arsenopirita, pirita, calcopirita e ouro, e abandonados até os inicios do século XX, para seren de novo explotados, por vía subterránea, primeiro polos ingleses e posteriormente polos franceses, no período que vai entre 1912 e 1914, mostra do cal verificamos hoxe a prevalencia da Boca da Mina, bonito e significativo topónimo que debemos fixar desde xa como tal e que nos arraiga fortemente con ese noso pasado industrial minero-metalúrxico.

 

Porén, e regresando de novo a Santa Comba, parece ser que a primeira referencia documental acerca da existencia da ermida na Illa do Medio data do ano 1110, aínda que é lícito apuntar que se descubriron restos óseos dunha antiga necrópole que sinalarían a posibilidade dun estabelecemento monástico de orixe irlandesa, talvez do séc. VI d.C., cuxa advocación a Santa Comba —segundo di a tradición, tería chegado á illa en barca de pedra— estaría ligada á idea das barcas pétreas en que arribarían diferentes santos2, lendas amplamente diseminadas ao longo das costas occidentais atlánticas de Europa.

 

Mais ao fío disto, querémonos preguntar agora, cando é que a Granxa da Reparata (ou da Reparada) foi que naceu con exactitude? Porque disque si se pode datar a súa pertenza ao convento cisterciense de Sobrado dos Monxes desde o ano 1158, feita por mercé de Fernando II, e ligada esencialmente á actividade baleeira3 que se xeraba no lugar do Prioiro. E parece ser que tanto o Prioiro como a Reparata, aumentados con outras posesións próximas, adquiriron moita relevancia desde o momento en que o Rei D. Sancho o Bravo, por privilexio expedido na cidade de Lugo no ano 1286, concedeu ao mosteiro de Sobrado o décimo da industria da baleaxe que se matase no porto do Prioiro (se cadra sito en Pena Roiba), ficando o tal porto baixo propiedade do mosteiro. Non obstante, será a partir de aquí que asistiremos aos distintos e asañados enfrontamentos entre a Casa de Andrade e o citado cenobio, co fin de esta obter os seus privilexios. Así pois, en 1411, e logo de longas desputas, Nuno Freire de Andrade farase coa propiedade da Granxa da Reparata e do Monte do Prioiro, momento en que os monxes do priorado, unha vez feita a doazón á familia Andrade, deciden trasladar a súa granxa á Cabana, na ría de Ferrol. E aquí apuntamos nós: o declive da granxa (ou em>graña4) traería consigo, probabelmente, a propia desaparición do nome de lugar Reparata, non así o da graña, que prevalecería a través do de Soagraña, lugar onde tamén podemos verificar a existencia de A Casa do Frade, en alusión á primitiva edificación que seguramente designaría a vivenda en que residiría o citado cenobio ou priorado.

 

RECOLLIDA (E ACTUACIÓN) SOBRE OS TOPÓNIMOS DE COVAS

Chegados a este punto, é de xustiza que afirmemos que a nosa parroquia ten historia de seu máis que abonda, así como material histórico, antropolóxico, social, económico, etc. para poder ser estudado e analizado desde moi diversas perspectivas. O caudal de voces con que os nosos lugares foron designados —nunca perdamos de vista que os nosos devanceiros son os seus artífices— forman parte, xa que logo, deste enormísimo acervo que non podemos deixar de resaltar e a cada paso máis nos fascina, pois que falan do noso pasado, sen dúbida fecundo. Deste modo, atreveriámonos a dicir que o traballo de recollida da toponimia de Covas5 (rematado hai ben pouco), vén representar o labor mellor acabado, sistemático e voluminoso de cantos se levan feito en Galiza nos últimos tempos.

 

Trátase dunha magnífica iniciativa que a todos nos debe enorgullecer, realizado dentro do Convenio de Colaboración que asinaron a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza e o Concello de Ferrol, e a través do “Proxecto Toponimia de Galiza”, impulsado pola Xunta.

 

E é por esta razón que non quixeramos desaproveitar a oportunidade que máis unha vez se nos brinda desde as páxinas desta revista para deste xeito tentar verter algunhas puntualizacións ao respecto, dado que a fixación definitiva dos topónimos dun territorio determinado, e por pequeno que el sexa, nunca ha de ser tomada como unha cuestión banal e, menos aínda, ser sometida á ingrata presión das premuras. Ben ao contrario, o labor do estudoso ten de ser pausado, contrastado e, sobre todo, guiado polo rigor.

 

Logo, unha vez feita esta breve aclaración, pediremos licenza para tentar ordenar unhas cantas ideas neste arduo traballo que, como xa dixemos, é certamente encomiábel, por non dicir inmenso, monumental, tal e como cabe a todo labor de recollida toponímica ao máis alto nivel.

 

Punto 1º:

1. Cabe supor que a recollida dos topónimos se foi conducindo por medio dunha serie de pasos preestabelecidos:

 

      - O traballo de campo, seguramente realizado por persoas alleas á parroquia, debeu ser6 pautado e formalizado, buscando o apoio de informantes idóneos (a poder ser aqueles de maior idade), así como se valendo da axuda de mapas, do catastro, á vez que doutro tipo de material escrito e/ou impreso para mellor axilizar o seu desenvolvemento sobre o terreo.

      - Os membros da Sociedade Cultural Columba, paralelamente, e cun acertado criterio, elaboraron —sabemos— o ambicioso plano de tentar plasmar, ao máis alto dos niveis, o maior volume posíbel de topónimos7, valéndose de:

      
  • O seu coñecemento persoal do terreo.
  • A colaboración dos veciños de maior idade da parroquia.
  • A achega de documentación variada, e contrastada, como planos de diversa orixe, catastro, escrituras, doazóns, etc.

 

2. Toda a listaxe de topónimos recollida debe ser sometida a un rigoroso exame de contraste ou filtrado, e ofrecida en exposición pública, pois é preciso que se faga unha criba en que interveña o maior número de veciños da parroquia8(a poder ser os de maior idade) para valorar a ideoneidade e validez dos nomes. Así pois, e ponderando en todo momento o feito de que o que desexamos é ser maximalistas na hora da recollida, xulgamos probábel que a totalidade do recollido non ha de ser válido, polo que será preciso que obremos con cautela; porque:

      - Moitos nomes de lugar plasmados sobre planos (e aínda outro tipo de documentos empregados) poden estar inzados de erros, sexa por estaren mal escritos, sexa por estaren mal situados, sexa por seren inventados ou, se cadra, mal interpretados no seu momento.

      - Outros topónimos poderán presentar diverxencias de escrita e até de pronuncia, aínda que este mal, advirtámolo xa, ha de ser moito menor en comparación co anterior, pois o nome de lugar vive9.

      - Poderá haber topónimos que até conten cunha dobre denominación, unha delas sentida talvez como máis vella e, por tanto, cun maior risco de desaparición 10.

      - Tamén os hai que responden a leiras, montes e outros que hoxe xa non son exactamente tal, senón lugares modificados por diverso tipo de accións, como a apertura de pistas, construcións ou edificacións de distinta natureza, intervención da concentración parcelaria, etc11.

      - Debemos ter moito ollo, igualmente, coa tendencia uniformizadora de converter varios nomes nun único só e até rebautizar, por razóns espurias, lugares con nomes inventados12.

 

3. Faise preciso delimitar claramente os lindes da nosa parroquia, de forma que nin nos apropiemos dos topónimos que a outras lles pertencen nin se apropien elas dos que a nós nos corresponden13. Claro está que poden existir nomes de lugar, testantes con dúas parroquias, cuxos topónimos a ambas lles sexan comúns, mais aquí xa nos achariamos perante unha cuestión completamente distinta e, a todas luces, lícita.

 

4. De igual xeito que temos claro que os nomes de lugar que atenden á idea de toponimia superficial, isto é, aquela toponimia que identifica un espazo territorial que se acouta claramente por medio duns límites, é necesario tamén que fixemos a nosa atención na toponimia lineal, ou lonxitudinal, tal como correntes de auga, vías de comunicación, e así mesmo naqueloutra que chamaremos toponimia puntual14, ou sexa, relativa a distintos tipos de construcións, lugares en que se realiza ou realizaba algún labor, rito, etc.

 

Punto 2º:

1. Pódese tamén tentar falar acerca dalgún dos topónimos que no nomenclátor recollido no estudo non aparece15, e si no engadido posteriormente grazas ao labor da Sociedade Cultural Columba e de diversos veciños da aldea.

 

2. Pódese discriminar algún topónimo dubidoso ou inexistente16, unha vez se realice o labor de valoración e filtrado correctos.

 

3. Pódese rastrexar naqueles que teñen que ver con diverso tipo de industria17, fundación de tipo eclesiástico ou con ela relacionado18, ou mesmo elementos de carácter episódico19, todo o cal viría a realzar a importancia antropolóxica, socioeconómica e histórica da parroquia.

 

4. Nun programa informático, tal é o caso do Google Earth por exemplo, ou o Sixpac da Xunta de Galiza, sería moi proveitoso ir colocando fotografías sobre os distintos puntos concretos referentes aos topónimos20 coa finalidade de poder ser visualizados e localizados máis estritamente de modo que non dean lugar a dúbidas.

 

5. Do mesmo xeito, sería unha posibilidade a ter moi en conta a colocación de placas identificativas en determinados lugares que posúan unha certa entidade21 social, económica, sentimental ou de calquera outra índole en alusión ao nome que alí hai ou houbo e dando unha pequena explicación ao respecto.

 

 

A MODO DE CONCLUSIÓN

Non está de máis recordarmos que a nosa toponimia forma parte dun legado inmaterial ao que nunca debemos renunciar, pois perténcenos como pobo e enorgullécenos como tal, non en van ela está a falar de nós. Non fixala significa a morte e/ou a mudanza de anacos do noso territorio que gozaban dunha (ou máis dunha) designación que afunde as súas raíces, nos máis dos casos, nunha historia xa milenaria, tal e como fomos explicando máis arriba. Ben é certo, non obstante, que outros topónimos non se remontan tan atrás, pero, igualmente, é preciso que os recollamos e tentemos reflexionar sobre eles, pois que continúan a falar de nós, aínda que dun nós non tan recuado e, por veces, máis sinxelo de explicar se cadra. Que dúbida cabe que tamén a aldea sofre e sufrirá mudanzas co pasar dos tempos. De feito, a bon seguro que algúns dos topónimos que puideron existir hai pouco máis dun cento de anos xa pasaron a mellor vida. Logo, coñecendo a probabilidade desta circunstancia e sabendo que os recursos, así como a concienciación coa que hoxe en día contamos é cualitativamente distinta, antóllasenos máis imperioso se cabe que poñamos todo o noso empeño en que isto non vaia agora a suceder.

 

É interesante a este respecto o que nos conta Xosé Lois Vilar Pedreira no interesantísimo libro: Talasonimia da costa sur de Galicia22 (p.22):
"Ademais, a escaseza de documentación que nos transmita a toponimia marítima débese a que no medio mariño non existen propiedades, polo que non figuran os nomes en ningún documento notarial ou catastro; si aparecen as propiedades ribeireiras en contacto coa zona baldía inmediata á franxa intermareal."

 

Claro que aquí, especificamente, se está a referir á toponimia marítima ou mariña, a que coñecemos tecnicamente polo nome de talasonimia, e abordada, por certo, por nós (aínda que restrinxida á costa da nosa aldea), en Columba nº7, “Topónimos da beiramar de Covas”. Así pois, aclarabamos no noso artigo que entre os talasónimos debiamos apuntar a existencia de dous tipos distintos (facemos agora fincapé no que este estudoso acaba de dicir: en que este tipo de topónimos son talvez dos máis fráxiles, susceptíbeis de se perderen con máis premura que outros, pois que coa morte das persoas máis vellas e, evidentemente, daquelas máis ligadas ao mar e ao mundo da pesca, o risco de desaparición de moitos destes nomes, tan singulares eles, pode que estea mesmo á volta da esquina):
"Praias, puntas, illas e illotes, ribeiras, insuas, furnas e radas, lugares todos eles á vista; e baixíos, posturas ou marcas, foxos e laxes que ou ben pertencen á orografía submarina, e non se ven, ou ben se trata de coordenadas, referencias que os pescadores toman ou tomaron tradicionalmente para as súas faenas."

 

E novamente con relación a este aspecto, outra vez debemos citar o estudo de Xosé Lois Vilar Pedreira, desde xa para nós libro de referencia obrigada, pois que nel se contén un documento absolutamente excepcional desde o punto de vista etnográfico, e social en xeral. Trátase do que el denomina como “O caderno de marcas de Selegante”. Este home, nacido en 1916 e morto en 2005, exercera diferentes oficios de mar en varias lanchas e barcos de Baiona e Panxón, e mesmo traballou como carpinteiro de ribeira e fabricou nasas de vimbio. Escribiu tres cadernos con notas sobre lugares de pesca, dous deles dos mares das Ons e de Arousa, e un terceiro do de Baiona, este último en galego. Non nos podemos subtraer á tentación de lles transcribir o que literalmente nos conta nas páxinas 97 e 98:
"A información deste manuscrito é múltiple. Estanos a reflectir o mundo, secreto as máis das veces, das marcas que indican zonas de pesca coñecidas por transmisión de pais a fillos, froito da acumulación xeracional ou aprendidas, memorizadas, e arquivadas pola experiencia propia. Selegante amósanos uns 118 puntos ou zonas de pesca e a maneira de acceder a elas polo cruce de dúas coordenadas, liñas imaxinarias que tira a partir de dous puntos fixos para cada liña, de cote, un máis afastado e outro máis preto da costa. Á vez que fai isto, transmítenos uns 150 topónimos propiamente marítimos e marcas nos montes e serras que valen para acceder ós pesqueiros; estanos a introducir no universo dos mariñeiros de Baiona, nun cosmos vedado, só accesible a unha comunidade limitada que explotou os recursos do seu mar a través dun sistema de marcación común a moitas comunidades mariñeiras do mundo, pero específico para cada lugar."

 

Á vista do dito, non cabe dúbida que este traballo sobre a talasonimia, que atinxe desde a foz do río Miño até Nigrán, é altamente recomendábel, alén de se tratar dunha interesante guía para talvez poder seguir en estudos futuros que se poidan abordar desde a nosa parroquia. As 58 fotografías aéreas, así como a listaxe de topónimos e o número de foto en que aparece cada un deles, veñen completar de maneira redonda este ímprobo traballo que se nos antolla como todo un exemplo a seguir. Toda a información de natureza histórica áchase, así mesmo, perfectamente contrastada, non en van o seu autor é licenciado en Historia e é membro do Instituto de Estudos Miñoranos.

 

Resaltabamos anteriormente a relevancia de distintos aspectos de carácter histórico e socioeconómico, como é o caso da industria que ao longo dos tempos se foi desenvolvendo na nosa parroquia23, e non queremos aquí esquecer que, á parte da consabida explotación aurífera habida en Covarradeiras, tamén as minas de ferro escavadas na ribeira de Pena Roiba, cuxa coloración avermellada ou arroibada son testemuño da súa presenza, serían outro elemento moi a ter en conta e interesante de investigar.

 

O traballo, á vista está, é certamente fascinante e extenso, ademais de poder ser abordado de maneira multidisciplinar. De aí que, por tan pouco e por tanto, desexemos facer fincapé no deber inalienábel que nos asiste de non actuar como cómplices daqueles que, con propósito ou non, acaban por traizoar o noso pasado, a nosa historia en definitiva, porque facelo é como enganarnos a nós mesmos, diluírnos no medio dun magma; e cada vez menos nos pertencerá, porque xa non haberá de ser tan noso, nin tan presente, nin tan suxestivo nin mesmo tan táctil. Porque voltariámonos menos auténticos, máis uniformes neste mundo tremendamente globalizado, de maneira que o tesouro inmaterial e impagábel que tanto nos singulariza se perdería sen remisión, e con el toda a nosa esencia como seres humanos capacitados para transcender dentro da escala animal. Por tan pouco e por tanto, e porque (apropiándonos das sabias palabras de Castelao) un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal. E nós, ao igual que o rianxeiro, non queremos renunciar a ascender en dita escala, pois que de facérmolo significaría ficar á mesma altura que a dos brutos.

 

 

________________________

   1 Poida que empregando a coñecida técnica, amplamente difundida en territorio galaico por áreas como Valdeorras, terras do Bolo ou nas Médulas do Bierzo, da ruina montium..

 

   2 Pensemos, sen ir máis lonxe, no caso do Santo André de Teixido, cuxa lenda sería semellante á da nosa santa. Alén diso, tamén é posíbel verificar a versión de varios historiadores que relatan lendas semellantes con San Columban, célebre santo irlandés, conversor de Escocia ao cristianismo, quen chegaría ás Illas Hébridas con doce apóstolos nunha barca de pedra para fundar un mosteiro.

 

   3 Achamos nalgúns autores referencias ao apelido Valerio como unha forma supostamente deturpada dun orixinal Baleeiro.

 

   4 O topónimo Soagraña (literalmente vén significar debaixo ou embaixo da graña ou granxa) ten que ver precisamente co primitivo nome de Granxa ou Graña da Reparata.

 

   5 Esta relación, nosa, trátase tan só dunha proposta, nunca definitiva, e susceptíbel de ser revisada: Aburrida (A), Agro da Costa (O), Aguillós (Os), Aguiúncho (O), Aguiúncho do Petón (O), Aire (O), Aldea (A), Anido (O), Aranxuez (O), Area das Rodas (A), Auga Mexa (A), Avieira (A), Baleeiros (Os), Baltasar (A de), Balteiro (O), Bañás, Barbeito (O), Barranco (O), Barreiras (As), Barreiro (O), Barrosa (A), Baterías (As), Batufal (O), Besta (A), Boca da Furna do Topete (A), Boca da Mina (A), Boedo (O), Boedos (Os), Brixería (A), Bulleiras (As), Cabalo Grande (O), Cabalos (Os), Cabalos de Abaixo (Os), Cabazas (As), Cabras (As), Cabrón (O), Caeiras (As), Cagado da Ventureira (O), Cal de Murixosa (O), Cal de Non (O), Cal (O), Callabresas (As), Camiño da Cova (O), Camiño do Vilar (O), Camiño dos Fornos (O), Camiño Novo (O), Campamento de Recrutas de Infantaría (O), Campeira (A), Campotes, Cancela (A), Canizal (O), Cano da Barreira (O), Cano da Esparradela (O), Cano da Verza (O), Cano de Beceiro (O), Cano de Gallana (O), Cano de Marmadeiro (O), Cano de Valerio (O), Cano do Anido (O), Cano da Murixosa (O), Cano do Aranxuez (O), Cano do Baldonado (O), Cano do Canizal (O), Cano do Foutadoiro (O), Cano do Preisal (O), Cano Fondo (O), Cardido, Carreira, Carreira Nova, Carreira Vella, Carreiros (Os), Carreiros Dabla (Os), Casa do Castellano (A), Casa do Frade (A), Casa Vella (A), Casa de Mallar (A), Casal (O), Casas Vellas (As), Casquizo (O), Castellanas (As), Castiñeiro (O), Castiñeiro Grande (O), Cercada da Furada (A), Cercada da Pateira (A), Cercado de Couz (O), Cercado de Recocho (O), Cerrado (O), Cetaria (A), Chaeira (A), Chafarota (A), Chepudo (O), Chousa (A), Chousa da Cabra (A), Chousa da Fraga (A), Chousa de Ragón (A), Cima da Vila, Cociñadoiro (O), Codesal (O), Coi (O), Coi Castelar (O), Coi Fendido (O), Coidal da Pateira (O), Coidal do Aguiúncho (O), Coidal do Golpe (O), Coído (O), Coído da Tinalla (O), Coído dos Paridoiros (O), Coio (O), Comba (A), Condomiñas (As), Corgos (Os), Cornudas (As), Cortiña (A), Cortiñas (As), Corveiro (O), Corveiro (O), Cotodaguia, Coto da Vela, Coto de Cardido (O), Coto de Dios (O), Coto do Piñeiro (O), Coto do Prado (O), Coto do Vilar (O), Coto do Mariñeiro (O), Coto dos Moros (O), Coto Grande (O), Coto Seco (O), Coto Vello (O), Cova (A), Covarradeiras, Covas, Covela (A), Coxa (A), Crebadoiros (Os), Crego (O), Cruz das Medorras (A), Cruz de Cardido (A), Cruz de Ramos (A), Cruz do Picheiro (A), Cruzamento de Campotes (O), Cruzamento de Sartaña (O), Cuartelillo (O), Delgados (O Baixío dos), Donares, Eira do Frade (A), Eira Vella (A), Eirado (O), Encima das Hortas, Encima de Penarroiba, Enseada das Cabras (A), Entrada da Longra (A), Entre Camiños, Ermida de Santa Comba (A), Escaboada (A), Escada (A), Esparradela (A), Esperón (O), Estribo (O), Fabás (Os), Falcoeira (A), Faro (O), Felgal (O), Felgueira (A), Felipas (As), Ferruxeda (A), Fontá, Fonte da Araña (A), Fonte da Avieira (A), Fonte da Cova (A), Fonte de Covarradeiras (A), Fonte da Lousa (A), Fonte da Murixosa (A), Fonte da Pedreira (A), Fonte da Pena (A), Fonte da Pía (A), Fonte da Tella (A), Fonte das Eguas (A), Fonte de Marica (A), Fonte de Palobobo (A), Fonte de Soagraña (A), Fonte de Vide (A), Fonte do Coio (A), Fonte do Espiño (A), Fonte do Faro (A), Fonte do Maxolo (A), Fonte do Ouro (A), Fonte do Pan (A), Fonte do Picho (A), Fonte do Porto (A), Fonte do Praisal (A), Fonte do Prioiro (A), Fonte do Ulló (A), Fontes (As), Fontes do Vilar (As), Fornos (Os), Forxa Vella (A), Foutadoiros (Os), Foxos (Os), Frade (O), Fragata (A), Freixo (O), Fuciño do Pozo (O), Furada (A), Furada de Fóra (A), Furna da Entrada da Longra (A), Furna do Topete (A), Furna de Xan Doce (A), Furna dos Cas (A), Gaivoteiro (O), Gallana (A), Galleta da Cova (A), Gamoal (O), Gaspallar (O), Golpe (O), Gorgafa (A), Gorgoeiro (O), Goteira (A), Gueifa (A), Guinchueira (A), Hortas (As), Igrexa (A), Illa de Fóra (A), Illa de Santa Comba (A), Illa do Medio (A), Insua de Cardido (A), Lagoa (A), Lamela (A), Largas do Vilar (As), Lavadoiro (O), Lavadoiro de Ponzos (O), Lavadoiro do Río dos Caínzos (O), Laxe (A), Laxe da Area (A), Laxe da Cova (A), Laxe de Alvariño (A), Laxe do Mariñeiro (A), Laxe Grande (A), Laxes (As), Laxes Cativas (As), Leira da Mesa (A), Lodadas (As), Longá, Lopesa (A), Lugar da Manota (O), Lugar da Rega (O), Lugar de Cachola (O), Lugar de Catuxa (O), Lugar de Ramos (O), Lugar de Zoilo (O), Lugar do Franciscano (O), Manota (A), Marmadeiro, Marmulo (O), Mato da Pedra (O), Maxolo (O), Medorras (As), Medote (O), Merloeira (A), Miniña (A), Monte da Besta (O), Monte da Esparradela (O), Monte de Carreira (O), Monte de Penarroiba (O), Monte do Cabalo (O), Monte do Camiño Novo (O), Monte do Ouro (O), Monte do Río dos Caínzos (O), Monte Grande (O), Monte Novo (O), Monte Pequeno (O), Monte do Seixo (O), Muñato (O), Murado (O), Muralla (A), Murixosa (A), Noco (O), Outeiro (O), Paineca (A), Paridoiros (Os), Parrado (O), Parrugueira (A), Paso do Muñato (O), Paso do Muro (O), Pateira (A), Páxaros (Os), Peada (A), Pedra Alta (A), Pedra Branca (A), Pedra Branca de Abaixo (A), Pedra Branca de Arriba (A), Pedra dos Couzadoiros (A), Pedras dos Infernos (As), Pedra Loira (A), Pedregás (Os), Pedreira (A), Pedrouzo (O), Pelouro de Andrés (O), Pelouro de Pastor (O), Pelouro de Soforno (O), Pena Branca, Pena Maior, Pena Roiba, Pena da Vella (A), Pena da Xesta (A), Pena do Rei (A), Penas da Salsa (As), Penas da Xesta (As), Penas do Inferno (As), Penderadoiro (O), Percebelleiras (As), Pescadora (A), Petón (O), Pía (A), Picacho (O), Picheiro (O), Pingado (O), Piñal/Piñeiral das Cabazas (O), Piñeiro de Abaixo (O), Piñeiro de Arriba (O), Piñón (O), Pitillón (O), Pitillon Pequeno (O), Poleiro (O), Ponzos, Porcos (Os), Porta do Monte (A), Portas (As), Porto (O), Porto Vello (O), Portos (Os), Pozas (As), Pozo do Inferno (O), Prado da Cancela (O), Prado da Fonte (O), Prado da Regueira (O), Prado das Pichocas (O), Prado de Estevo (O), Prado do Ulló (O), Prado Novo, Prado Vello (O), Praia da Fonte (A), Praia da Fragata/Praia da “Hermitas” (A), Praia das Penas da Salsa/Praia da Pía (A), Praia de Ponzos (A), Praia de Santa Comba (A), Praia de Sartaña (A), Praia do Medote (A), Praia do Preisal/Praia do Porto Vello (A), Praia do Vilar (A), Preisal (O), Presidio (O), Prioiro (O), Proxectores (Os), Pumares (Os), Punta da Aburrida (A), Punta Branca (A), Punta da Longra (A), Punta das Cabras (A), Punta do Topete (A), Punta dos Couzadoiros (A), Punta Sela (A), Punta Soforno (A), Punta Xarrido (A), Punta do Canizal (A), Punta do Nordés (A), Punta dos Crebadoiros (A), Punta dos Foxos (A), Punta dos Páxaros (A), Punta do Topete (A), Puntal (O), Punticela (A), Ragón, Recanto (O), Recias do Vilar (As), Regoña (A), Regueira (A), Regueira Grande (A), Revolta (A), Riba de Xanes, Ribeira de Evaristo (A), Río da Chousa da Cabra (O), Río da Fonte do Pan (O), Río de Alvariño (O), Río de Couz (O), Río do Casal (O), Río dos Caínzos (O), Río do Faro (O), Risco (O), Roibo (O), Rozas Novas (As), Salgueiro (O), Santa Comba, Sartaña, Seixo (O), Seixo Branco (O), Serrón (O), Sela (A), Só (O), Soagraña, Sobre de Neda (A Volta de), Sobre de Xanes, Sobulleira, Solleiro (O), Sorribos (Os), Souto (O), Souto da Fraga (O), Suafigueira, Suaurxeira, Suvalado, Telleiro (O), Tesouro (O), Tinalla (A), Toxiños (Os), Travesas (As), Treiteadoiro (O), Túneles da Punta de Xarrido (Os), Túneles da Ventureira (Os), Túneles do Faro (Os), Ucha (A), Ucheiras (As), Ulló (O), Urxeira (A), Vaca (A), Vaca Morta (A), Valados do Ferreiro (Os), Vella (A da), Vello (A do), Vendaval (As do), Ventureira (A), Vilar (O), Volta de Couz (A), Xesta (A), Xunqueira (A), Xurelo Grande (O), Xurelo Pequeno (O), Xurxeira (A), Zapateira (A).

 

   6 Falamos en pasado, posto que a elaboración da listaxe, sometida ao convenio de colaboración a que antes faciamos alusión, xa foi desenvolvido.

 

   7 Este traballo, voluminoso como cabe entender, aínda está pendente de ser cribado, de maneira que se fai preciso separar o trigo do xoio, pois de seguro que non todo ha de ser válido.

 

   8 O ideal sería poder contar cunha especie de comité de sabios, cuxa voz, se ben non vinculante, habería que ter máis en conta que ningunha outra.

 

   9 Diciamos no noso artigo, “Vivas a Columba”, en suplemento Nordesía do Diario de Ferrol (nº507, 16/XI/08): “Unha probábel discusión, poñamos por caso, de se o topónimo Candeeira ou Candieira, Escorial ou Escurial se teña de fixar dun ou doutro xeito, viría a ser un problema menor, dado que a denominación perdura, está viva. O peor, sen ningún xénero de dúbidas, é cando a propia denominación deixa de existir, ou se se lle acaba dando outra diferente porque, por exemplo, alí había un bar ou unha discoteca que se chamaba desa maneira ou, en definitiva, porque alí hai embarcacións e a alguén se lle ocorreu un destes días que se ha de chamar Praia dos Botes, en vez de O Vilar, este último con centos de anos de vida, tal e como vén suceder, sen ir máis lonxe, na nosa parroquia.”

 

   10 Pensemos en casos, na nosa parroquia, como os de O Preisal—O Porto Vello, A Fragata—A Pía, etc., en que a segunda das denominacións, por máis antiga, está xa en transo de desaparición.

 

   11 Podemos aludir a casos como O Barbeito ou A Urxeira, no Prioiro, hoxe con vivendas construídas sobre o que antes eran terreos agrícolas.

 

   12 Pensemos, por exemplo, en tres praias distintas, aínda que contiguas: O Vilar, A Ribeira de Evaristo, O Preisal. A tendencia, xa que logo, en uniformizar a través dun único nome, O Vilar, podería ser este caso. De igual xeito, e atendendo á segunda reflexión —referímonos a ela antes —, a perigosa desaparición de O Vilar (no caso do verdadeiro areal e primeiro despois do Roibo) polo troco dunha espuria *A Praia dos Botes, é outro dos enormes riscos, e importantes, que debemos valorar de inmediato e ter moi presente.

 

   13 Pódese pensar en casos como Suafigueira, pertencente a Esmelle, Vilarquinte, a Mandiá, ou A Boucella, pertencente a Papoi.

 

   14 Pensemos en topónimos como A Cetaria, Os Túneles (ben do Faro, ben da Ventureira, etc.), Os Proxectores, O Campamento de Recrutas, A Casa do Frade, A Boca da Mina, O Lavadoiro de Ponzos, O Cuartelillo, A Pena da Vella, A Leira da Mesa, etc.

 

   15 Así pois, poderiamos referirnos a topónimos como Os Carreiros, A Pedra Loira, O Pelouro de Pastor, A Regoña, O Lavadoiro de Ponzos, etc.

 

   16 Poñamos por caso exemplos como o de *Cala (de) Cela, se cadra por unha errónea interpretación anos atrás en diverso tipo de mapas, sobre todo militares. Temos sospeitas de que é posíbel que houbese unha confusión co que é A Sela ou A Punta Sela a este respecto.

 

   17 Pensemos, por exemplo, na industria pesqueira das baleas, que xa mencionamos máis arriba, tal como Os Baleeiros, no que talvez entraría tamén O Cociñadoiro, ambos topónimos localizados na enseada da Cova, ou das diferentes posturas ou marcas para a pesca, sobre todo das luras: A da Vella, As do Vendaval, A Laxe da Cova, etc. Na industria agrícola, como A Casa de Mallar; na mineira, como a citada A Boca da Mina, Covas ou Covarradeiras; e mesmo a actividade militar, como Os Túneles, O Cuartelillo, Os Proxectores, As Baterías, etc.

 

   18 A Casa do Frade, Soagraña ou mesmo O Prioiro, claramente asociado á pequena congregación dependente do mosteiro de Sobrado dos Monxes a que antes aludimos.

 

   19 O [Cano do] Aranxuez, As Castellanas, A Casa do Castellano, se cadra por estar habitada esta última por alguén que acudía con regularidade á sega a Castela, ou A Praia da Hermitas, en clara alusión a un barco pesqueiro afundido a principios do século XX. Así pois, cóntanos sobre este feito Hixinio Puentes Novo no seu libro Os naufraxios da Galicia Norte (pp.44,45), o seguinte: <> Sen dúbida, o feito foi o suficientemente dramático e impactante como para que os veciños de Covas pasasen a tomar a referencia do nome da embarcación, HERMITAS, como unha segunda denominación da praia que era coñecida polo nome de A Pía. Pero, preguntámonos nós, e que sucede co nome de A Fragata? Existía ou non xa? Acaso este terceiro nome teña que ver, e por extensión semántica, coa devandita lancha pesqueira HERMITAS? Lanzamos esta pregunta ao ar e deixamos que alguén nola poida responder se cadra proximamente. Engadir que neste mesmo libro de Hixinio Puentes Novo tamén se recollen outros dous naufraxios anteriores, o primeiro do bergantín francés MORBIHAN, en 1893, e o segundo do pailebote SAN JUAN, en 1896, ambos —apunta— na praia de San Xurxo.

 

   20 Caso de existir a posibilidade de tirar fotografías aéreas cunha boa resolución, de modo que facilmente poidan ser recoñecidos os distintos puntos xeográficos aos que se lles dá nome, o traballo gañaría enormemente en todos os sentidos. Quede claro que na páxina web de Columba, isto é, www.sociedadecolumba.com, xa existe tal posibilidade de localización dos topónimos sobre un programa de Google. Non obstante coas fotografías que se puidesen engadir, as cales serían inseridas dentro dos puntos de localización, é ao que nos queremos referir, de maneira que sexamos capaces de visualizar o terreo dunha forma, se cabe, moito máis nítida.

 

   21 Pensemos, por exemplo, na Casa do Frade, na Casa do Castellano, ou no Muíño de Luís, isto é, o vello muíño de vento, hoxe desaparecido, sito no Monte Pequeno.

 

   22 VILAR PEDREIRA, Xosé Lois: Talasonimia da costa sur de Galicia, Universitas Minoris, Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), Gondomar, 2008.

 

   23 Outros topónimos relacionados coa industria, non menos importantes, tal como o da construción, podería ser o caso de A Forxa Vella, empregada para O Faro, ou O Cociñadoiro, se callar relacionado coa extracción do saín (graxa) das baleas.

 

<< Voltar