A ordenación da costa litoral do Concello de Ferrol

01/04/2002, Xocas Ros Rodal

A implicación do Concello de Ferrol na preservación e xestión eficaz dun medio ambiente axeitado ás condicións de vida dos veciños é unha tarefa primordial que encaramos non só co cumprimento da lexislación vixente e as competencias locais, senón tamén coa realización de políticas positivas, ben de xestión e financiamento exclusivamente municipal ou ben concertadas e/ou financiadas con outras administracións.

Aínda que algúns consideran que o medio ambiente pode ser un freo para o desenvolvemento económico, desde esta Concellaría pensamos estrictamente o contrario: valoramos o medio ambiente como un activo a mimar e preservar, capaz de xerar riqueza e postos de traballo, e, en colaboración coas demais concellarías, realizamos unha planificación global de xeito que a solución dos problemas, a educación e divulgación ambiental e o fomento do asociacionismo formen parte dun todo ao servicio do benestar social, procurando a realización dunha política realista dirixida a protexer, coñecer, recuperar e mellorar todo o que o noso concello ten de seu (praias, sistemas dunares, ría, lagoas e zonas húmidas, patrimonio arqueolóxico, núcleo histórico...). Polo que fai ao medio ambiente natural, temos claro que é fundamental para o futuro protexer, preservar e divulgar o extraordinario patrimonio que posuímos. A costa, unha das mellor conservadas de Galicia, con puntos de notábel interese como o conxunto paisaxístico da rasa costeira desde Doniños ata Santa Comba e Ponzos, con importantes depósitos de area de orixe eólica que favorecen unha vexetación característica e unha paisaxe singular; a praia e a lagoa de Doniños, así como a praia e o xuncal de San Xurxo.

Por estas razóns, que son un compromiso adquirido con tódolos veciños, desde a Concellaría de Medio Ambiente encargamos a realización dun Estudio Ambiental e Propostas de Actuacións para o Desenrolo dun Plano de Ordenación do Litoral entre Punta Penencia e Punta Ferruxeda así como unha proposta de actuación co obxectivo de protexer, preservar e divulgar o noso entorno natural ligado á franxa costeira. Esta ordenación do litoral debe ser entendida como unha labor continua que esixe un seguimento constante da realidade sobre a que se pretende incidir, debendo colaborar nesta tarefa tódolos organismos, entidades e Administracións implicadas que poden incidir no logro dos obxectivos de conservación do litoral.

De carácter xeral e para todo o litoral, o estudio suxire varias posibilidades:

  • Ampliación ata os límites máximos establecidos na normativa de Dominio Público Marítimo-Terrestre co establecemento de zonas de servidume e paso e a recuperación do uso público naquelas zonas nas que se realizou no pasado apropiación privada de dito espacio.
  • Estricta limitación da edificación de segundas vivendas nos espacios calificados no estudio como fráxiles ou de interese ambiental.
  • Acondicionamento da traza litoral mediante labores de limpeza e eliminación de vertedoiros incontrolados, sinalización dos accesos aos areais, cordóns dunares, zonas húmidas, prados costeiros, etc. e prohibición do acceso motorizado coas consecuencias de infrinxi-la sinalización, traslado dos tendidos de alta tensión e telefonía existentes na traza litoral e trazado dunha ruta de sendeirismo polo litoral.

No caso de Covas podemos concretar as actuacións sobre os accesos ás praias e a instalación de servicios (duchas ou sanitarios) nas mesmas, a realización dun Proxecto de Actividades de Divulgación Mariña, a rehabilitación das pequenas canteiras de granito utilizadas na actualidade como vertedoiros incontrolados, instalación de miradoiros con paneis informativos de interpretación do medio, adecuación de zonas de estacionamento, integración paisaxística das casetas de pesca, etc.

Tamén se está a facer un estudio da viabilidade dun servicio de tempada de excursións náuticas rodeando o cabo, así como da incorporación ó Patrimonio Municipal das Instalacións militares abandonadas do cabo Prioiro para darlles un uso público.

Outros proxectos en estudio son os de prospeccións arqueolóxicas tanto no Coto dos Mouros, a fin de tratar de localizar o emprazamento do posto de vixía existente no mesmo, dende onde se avistou a forza inglesa que atacou Ferrol en 1800, como na Mina ou nos illotes de Santa Comba, e de resultar exitosas as mencionadas prospeccións realizar un proxecto de interpretación do Patrimonio.

As ideas son moitas e o tempo que levamos no Goberno Municipal pouco, pero algunhas destas ideas xa se poden apreciar como é o Plan de Praias implantado dende o verao do ano 2000 e que tan bos resultados deu referente a prestación de servicios, accesos, salvamento e Socorrismo, etc, etc. Agora só queda seguir traballando por estes proxectos. E rematamos xa, desexando a tódolos veciños de Covas un feliz ano.

 

Xocas Ros Rodal
Concelleiro Delegado de Servicios e Medio Ambiente

<< Volver