A contaminación lumínica

13/06/2009, Paulino Gasalla

​​

O pasado verán, durante unha observación Astronómica na Asociación de Veciños de Esmelle, unha nena de sete anos nos pregutou se o ceo se estaba apagando, ya que esa noite aínda que estaba despexado dabondo, non veia as estrelas como outras veces. Naquel momento unha pequena nube baixa situada ao leste reflectía contundentemente a luz de Ferrol, inundando o ceo dun ton avermellado e neblinoso que inpedía ver máis alá das estrelas de segunda magnitude, ademáis as luces do alumeado público, ainda que pouco, axudaban a disminuir a capacidade de ver o céo.

Hoxe en día as estrelas seguen brilando como sempre, pero unha especie de neblina de cores grises, brancos ou alaranxados, forma unha nube luminosa entre nos e o ceo nocturno, impedíndonos ou dificultándonos considerablemente a súa observación. A este fenómeno chamámoslle Contaminación Lumínica ou Polución Lumínica.

Un elemento esencial da nosa civilización e a nosa cultura é o ceo, que foi e é unha inspiración para todos os pobos ao longo da historia. A Humanidade observouno sempre para interpretalo ou para entender as leis físicas que rexen o universo. Este interese no seu coñecemento, tivo implicacións profundas para a ciencia, a filosofía, a relixión, a cultura, os procesos agricolas, a navegación e en fin, o noso concepto xeral do mundo. No entanto, observar o ceo faise cada vez máis difícil, e ata para as novas xeracións empeza a resultar descoñecido, xa que se esta perdendo rapidamente a capacidade de velo.

A orixe destas nubes é, sen ningunha dúbida, o uso na rede eléctrica pública e tamén privada, de pantallas mal deseñadas ou incorrectamente apantalladas e que envían a luz onde non se necesita. A utilización indiscriminada de luminarias tipo globo, farol, barra vertical, etc., que se converteu en práctica habitual nas novas urbanizacións e vías públicas nos últimos anos, fixo incrementar o problema enormemente, ata extremos intolerables.

Aínda que non o pareza, a contaminación lumínica ten graves efectos económicos, medio ambientais e culturais. O malgaste enerxético que frecuentemente supera o 40% pola luz desaproveitada ao utilizar pantallas  inadecuadas, obríganos a utilizar luminarias de maior potencia, para suplir a luz perdida innecesariamente, o que provoca o consecuente aumento de consumo eléctrico, que nos deben fornecer as centrais, co correspondente gasto de combustibles fósiles e en consecuencia unha maior emisión á atmosfera de gases contaminantes, responsables entre outras causas do efecto invernadoiro, choivas acidas e maior consumo enerxético.

A contaminación lumínica afecta tamén de forma alarmante ao medio natural, xa que ao aumentar o nivel de luminosidade sobre un ecosistema calquera, créase unha alteración das condicións habituais da noite, que afectan considerablemente os procesos biolóxicos dos seres vivos, tales como a alimentación, o metabolismo, as migracións, o proceso de reprodución, a autoprotección, a orientación, etc. A vida nocturna está perfectamente adaptada á escuridade, serve de refuxio para uns e de momento de caza para outros. Moitos animais desenvolven sistemas moi complexos de adaptación á noite e así aproveitar as horas posteriores á posta de sol para ter a súa máxima actividade. Outras moitas especies evolucionaron no mundo da escuridade especializándose ao longo dos anos, sendo a noite o seu hábitat natural. En cuestión de poucos anos estes habitats están desaparecendo e os animais nocturnos non atopan o seu espazo, diminuíndo as súas densidades de poboación ou ata desaparecendo. Isto estalle ocorrendo a insectos, aves migratorias, réptiles, anfibios, morcegos, etc.

Tamén ten consecuencias para o ser humano no ámbito social e cultural. A luz que incide directamente nos nosos ollos desde as luminarias mal apantalladas, ten unha intensidade bastante superior á que nos chega reflectida polo chan e polos obstáculos que nel se presenten, facendo que os vexamos peor. Este molesto deslumbramento prodúcenos fatiga visual, reduce a nosa percepción e en consecuencia, aumenta o risco de accidentes urbanos de todo tipo, é dicir, reduce a seguridade.

Impide ou dificulta a visión do ceo estrelado ese marabilloso espectáculo, fonte inesgotable de coñecementos e de beleza, que indubidablemente é a visión do resto do Universo do que formamos parte, degradouse de tal xeito por mor da contaminación, que ata fomos perdendo o costume de mirar ao ceo polas noites, e polo tanto hoxe a mocidade xa non coñece expresións habituais dos nosos antepasados tales como: Camiño de Santiago, Vía Láctea, As tres Marías, As sete irmás, O Carro, As bagoas de San Lourenzo, etc.

Pero todo isto ten unha fácil solución, que non é custosa e que só pode traer beneficios, xa que se trata tan só de iluminar mellor con menor custo e con aforro enerxético, mediante a aplicación de regras sinxelas e lóxicas, como son empregar de forma xeneralizada luminarias apantalladas onde a lámpada estea instalada horizontalmente é dicir, paralela ao chan, e que dirixan o fluxo luminoso unicamente cara abaixo; usando preferentemente lámpadas de vapor de sodio de baixa presión (VSBP), e prohibir o uso de calquer obxeto luminoso dirixido ao céo.

Farola incorrecta

Especial mención merece a desafortunada iluminación da zona rural de Ferrol, incluida por suposto a Parroquia de Covas, xa que nos atopamos con pantallas que estan inclinadas 30º cara arriba, e por ter un apantallamento que sobresae, perden ao redor do 35% do seu poder lúmínico en luz perdida, e utilizan lamparas de sodio de alta presión (VSAP). Se nos propuxésemos corrixir este inadecuado e caro método de iluminación e substituísemos as pantallas por outras que dirixisen toda a súa luz ao chan, e as lámpadas en lugar de ser de sodio de alta presión (VSAP) fosen de sodio de baixa presión (VSBP) a mellora en cantidade de luz e aforro enerxético sería a seguinte:

Farola correcta

As novan pantallas enviarían o 98 % da luz que reciben directamente ao chan, non como as actuais que envían menos do 65%. Ademais unha lámpada VSAP de 150 W produce 12.000 lúmenes e unha VSBP de 66 W 10.500 lúmenes. Se facemos un pequeno calculo, a substitución dunha soa pantalla suporíanos pasar de 7800 lúmenes producidos por 150 W a 10290 lúmenes por 66W. Multiplíquese polo número de pantallas actuais e sorprenderíanos a mellora en iluminación e o correspondente aforro enerxético e económico. E Moito maior sería aínda se axudasemos, mellorando a iluminación exterior das nosas vivendas, sustituindo as pantallas e as lamparas por outras de baixo consumo.

A eliminación da Contaminación Lumínica non supón ver peor, senón todo o contrario, iluminar máis e mellor e con menor custo enerxético e económico.

Os que vivimos a maior parte da nosa vida neste marabilloso recuncho que forman as parroquias de Covas, Esmelle e Marmancón, poderiamos volver gozar deses espectaculares ceos que nos acompañaban nos nosos paseos nocturnos, cando nos dirixiamos do cine de Primo ás nosas casas, por camiños de monte, onde a única iluminación eran a Lúa e as estrelas, e onde moitos de nós demos os nosos primeiros pasos na vida de adultos, baixo ceos de increible beleza, e que creo debemos permitir que os nosos fillos e netos poidan seguir disfrutandolos.

A Declaración de Dereitos das Xeracións Futuras da UNESCO di: As xeracións futuras teñen dereito a herdar unha Terra indemne e non contaminada, incluíndo o dereito a un ceo puro. 

 

<< Volver